Elena Olivares

Unary. Premio Mestre Mateo 2015 á mellor curtametraxe.

Unary é o resultado da xenerosidade, do amor polo cinema, da eficacia do traballo en equipo e sobre todo é o resultado da vocación por facer cine. Non foi doado facer Unary, nunca é doado facer cine, pero o realmente importante deste traballo foi o esforzo de profesionais e noveis empuxando para facer un traballo común. Por iso para os de dentro, os que vivimos a creación de Unary, foi unha experiencia colaborativa total e abraiante: xente que empeza neste mundo do cinema traballando man con man xunto a profesionais con experiencia, compartindo, aportando e aprendendo, todos de todos.

Unary xa existe, esa era a intención de tanto esforzo e ilusión. 4 días de rodaxe condensados en 18 minutos dunha historia pausada pero impactante, chea de silencios e miradas, onde se ten tempo para emocionarse e sorprenderse. Sabemos que ninguén quedará indiferente ante un traballo feito con amor, honestidade e coraxe. Unary xa existe, agora é de todos.

Cando amas o que fas podes crear cousas apaixonantes. Unary é unha delas. Un deses traballos que acaban converténdose en moito máis que iso e arredor da cal formouse unha familia.

Dende o primeiro momento soubemos que necesitabamos contar esta historia e sacar esta curta adiante. Dous anos despois podemos dicir que estamos máis que orgullosos do resultado. Ben é certo que custou moitísimo traballo e esforzo, pero mereceu a pena.

Financiamento, equipo, localizacións, reunións, discusións, risas, decepcións, entusiasmo, alegría, esforzo… A meirande parte de vós saberá todo o traballo que isto supón e o temor que un sinte cando alguén te di que está moi complicado e que quizás nunca chegarás a rodar. Esas palabras, por sorte, déronnos máis forza en lugar de desanimarnos e logramos incluso máis do que esperabamos.

Unary é unha curta financiada polos seus produtores, Nacho Caballero e eu mesma, Elena Olivares; coa coprodución de Pixel Films; a colaboración de Trípede; as contribucións de centos de amigos que nos axudaron a sacala adiante e o traballo e o esforzo do mellor equipo de profesionais que puidemos ter.

Para aqueles que non puideches vela, Unary narra a historia de Lucas, que tras 20 anos en prisión intenta facer fronte de novo a unha vida nun mundo que xa non coñece nin parece ter lugar para el.

A curta está dirixida por Luís Avilés Baquero e protagonizada por Antonio Durán “Morris”, os dous piares fundamentais desta obra que intenta explorar o interior dunha persoa que se atopa soa no mundo.

Para os produtores, gañar o Premio Mestre Máteo supón o recoñecemento a todo o traballo realizado e unha gran ilusión ao ser os premios do noso audiovisual. Non hai palabras que expliquen os nervios e a felicidade que se sinte cando se escoita o nome do teu traballo como gañador. Tras recibir este premio, Unary estivo presente no Festival de Cans, no que se alzou co Can de Pedra a Mellor Banda Sonora, do compositor Nico Casal; alzouse tamén co premio a Mellor curtametraxe galega no Festival de Cine Internacional de Bueu e na mesma categoría na Semana do Cine de Autor de Lugo; así como numerosas seleccións dentro e fóra de Galicia e mesmo de España.

Pero sen dúbida, a mellor recompensa é a implicación e a paixón que todo o equipo dedicou a este traballo e que a día de hoxe atópase en fase de distribución a través da Axencia Freak.