Nestas últimas semanas houbo quen tivo xa oportunidade de ver en pantalla grande a Xúlio Abonjo en Ons, o novo filme de Alfonso Zarauza, que vén de pasar polo Festival de Sevilla, por Cineuropa, polo Culturgal ou por Márgenes, e que chega ás salas de cine o 18 de decembro. É unha máis na serie de colaboracións entre o actor e o director, logo da serie O Nordés, Os fenómenos ou Encallados (onde Abonjo interpretaba, precisamente, a Zarauza), pero a situación fai que esta estrea teña, entre a alegría, un punto triste. “Eu a Zarauza sempre lle digo que eu non podería ser director. Ter que esperar cinco anos para facer unha peli… eu é que me derrubaría polo camiño. E se finalmente fas unha película en Ons que quedou preciosa, e cando podes gozar de que a xente a vexa, das reaccións, vén todo isto e as restriccións son unha cousa sobreactuada…”, comenta, expresando a súa frustración polo estrito das medidas de aforo para os eventos culturais. 

 

A pesar de atoparse de actualidade por traballos como Ons ou o final de Serramoura, onde interpretou ao sarxento Roi Quiroga, a principal actividade profesional de Xúlio nos últimos meses foi facer probas. “Eu antes da pandemia si pillei unha boa racha de curro, e en canto empezou isto púideno levar mellor porque tiña un peto e puiden ir ao paro, así que entón máis ou menos estiven cuberto”, explica. Con todo, si que participou nas rodaxes dun anuncio, un programa de televisión e un episodio de Mataría, a microserie de Javi SeGa e Pedro Brandariz. Preguntado polos posibles riscos nun traballo como a interpretación, que implica a miúdo o contacto físico, explica que na súa experiencia non sentiu inseguridade ao estar nun entorno controlado e con protocolos, aínda que si que sinte nalgún caso incomodidade por outras persoas do equipo: “A min non me importa estar un momento con máscara e outro sen ela para que me maquillen, o problema ao mellor é para a maquilladora ou o maquillador, de estar tanto tempo. É como pasa con outros traballos: eu cando vou ao super vou cinco minutos, pero imaxino que a persoa que está na caixa toda a xornada de traballo…”.

 

Precisamente a cuestión da solidariedade entre traballadores xorde ao falar con Xúlio Abonjo sobre a súa participación nas protestas do movemento Alerta Vermella, que defende o traballo da industria do espectáculo e os eventos. Ao seu ver, a solidariedade entre o común dos traballadores a miúdo non se estende á xente que traballa na cultura. “Nas protestas parece que quedamos un pouco sós, que é unha cousa que comemos e bebemos nós entre nós. Parece que toda a xente da TVG vivimos na mesma casa”, comenta rindo, “e estamos alí facendo series e películas pero logo cando protestamos a xente pensa ‘iso non vai comigo’”. Quizais unha situación extrema como a da pandemia, onde o consumo cultural foi máis intenso ca nunca, faga que esta sensibilidade cambie. Mentres tanto, o traballo segue, e o ano que vén veremos a Xúlio en ¿Qué hicimos mal?, filme que dirixe, escribe e protagoniza Liliana Torres.