«Levo flocos de millo? Vai haber leña?» Preguntaban algúns dos asistentes na entrada do CGAC o pasado 4 de outubro. Non ían ver Pressing Catch nin Sálvame, mais si que había certo morbo previo ás Mesas Interxeracionais do Audiovisual Galego, que xuntaban na mesma mesa a xente en principio con olladas e lugares opostos no noso pequeno sector audiovisual. Un dos máis veteranos acougaba, ou non, as expectativas:«Non creo que haxa moita batalla entre unhas xeracións e outras. As batallas adoitan ser entre os da mesma xeración».  

Aínda que fondo ninguén agardaba guerra, había expectación. O Festival Curtocircuíto, no seu 15 aniversario, tivo a idea de organizar estas mesas, coa colaboración da Academia Galega do Audiovisual, ao ver que «por primeira vez hai catro xeracións distintas en activo traballando no noso audiovisual, e nunca houbo un espazo que as puxese a falar entre elas». Así o explicaba Pela del Álamo, director de Curtocircuíto e artífice do evento xunto coa produtora e docente Beli Martínez, colaboradora habitual do festival. O obxectivo era, por un lado, celebrar esta coexistencia, e por outro, dialogar para superar prexuízos, tender pontes e poñer as experiencias e necesidades comúns enriba da mesa. Tamén as diferenzas. 

Esta imaxe ten o atributo alt baleiro; o seu nome de arquivo é s_7393649239D49B5D4AE94F6A99CF2D4FB09457271500402FEA51F6966D156251_1541331224126_MIAG40.jpg

Se cadra o de catro xeracións é moito dicir. Ou non tanto, nun audiovisual cunha historia curta como é o noso. Pero si hai xente que naceu e traballou en catro décadas diferentes, e por aí ía o criterio da organización á hora de establecer eses catro grupos, que empezaron a traballar «en diferentes momentos políticos e estéticos»: os que iniciaron a súa carreira nos 70-80, os que comezaron nos 90, os que fixeron as súas primeiras obras na primeira década deste século, e a nova formada que vén petando na porta nos últimos anos.


Quen é quen nas catro xeracións 

Os nacidos arredor dos anos 50-60, e que empezaron a traballar nos 70-80 cando o cine industrial ou a TVG eran un soño próximo a cumprirse, agrupáronse baixo o título “Dende a videocreación ata a produción industrial dos 2000”. Entre os convidados desta xeración estaban o cineasta e produtor Antón Reixa, o actor Antonio Durán“Morris”, o produtor Pancho Casal(agora retirado do audiovisual e deputado por En Marea),a cineasta e investigadora Margarita Ledo, e Dolores Ben propietaria da empresa de sonorización Cinemar e presidenta de AGAPI. 

Seguíanlles “A Xeración EIS e outras fornadas de renovación”, profesionais nacidos arredor dos 70 e que empezaron a traballar nos 90. Tómase a EIS (Escola de Imaxe e Son da Coruña) como referencia porque, cando naceu no ano 1991 era o primeiro centro de formación audiovisual que había en Galicia, e aspiraba a ser a grande escola de cineastas do país. Desta xeración foron convocados os directores Jorge Coira e Sandra Sánchez, os produtores Mamen Quintas e Alfonso Blanco, canda o eléctrico e iluminador David Melero. 

As dúas últimas xeracións son“Novo Cinema Galego e outras francotiradoras” (nacidos arredor dos anos 80), con Beli Martínez, a actriz e directora Sonia Méndez, o produtor Felipe Lage, e os cineastas Lois Patiño e Xacio Baño. E os novísimos, nacidos arredor dos anos 90 e que están a despuntar agora, baixo o epígrafe “Fillas da crise: novos modelos contra a austeridade”. Aí estaban o crítico de cine Brais Romero, os cineastas Adrián Canoura e Anxos Fazáns, a directora de fotografíaLucía C. Pan, e a produtora Silvia Fuentes.