Papeis da Academia 2012-2013

Máis alá das frases feitas, nesta xunta directiva sabiamos que os tempos eran malos e que, dificilmente, todo ía ser suceptible de mellorar. Aínda así, sentímonos especialmente satisfeitos de todas e cada una das actividades que puidemos realizar ao longo destes últimos anos. Todas elas grazas ao tremendo esforzo, colaboración e axuda de moitas persoas, de moitos organismos. Conseguímolo a forza de insistir, de dialogar, de pelexar unha e outra vez facendo uso dos mellores argumentos que temos. Facendo ver con paixón, pero tamén con datos a importancia do noso sector.

Non estamos cansos pero cada ano, faise máis e máis dificil sacar adiante os nosos premios Mestre Mateo, ou poder organizar a nosa Academia Aberta, incluso encher de bos contidos o noso Anuario tamén leva o seu traballo. Afortunadamente, cada ano, tamén contamos con maior participación e colaboración para que as galas sigan sendo o espectáculo que, con crise ou sen crise, sempre foi. A asistencia e participación nas Masterclass da Academia Aberta indícannos que estamos no bo camiño. Con todo seguimos necesitando, e non sabedes ata que punto, seguir incrementando o número de académicos. Dito esto, tamén é o momento de agradecer, e de maneira moi especial, a todos aqueles compañeiros e compañeiras que, con moito sacrificio, continúan con nos.

Virán tempos mellores, estou convencido, pero de non ser así, o audiovisual galego nunca deixará de existir mentres existan técnicos, actores, actrices, guionistas, músicos, directores, directoras, en definitiva, creadores… e algún que outro productor ou produtora que ame o seu traballo. Respecto ao audiovisual en Galicia…desgraciadamente, ese é un tema que, cada vez, está menos nas mans dos que o queremos, e queremos facer con criterios de calidade e profesionalidade.


Papeis da Academia 2013-2014

Calquera diría que non foi moito o tempo que pasou, sen embargo este será xa o cuarto anuario da presente directiva. O cuarto e, polo tanto, último para a maioría dos que formamos esta xunta. Hai catro anos sabiamos perfectamente que, desde logo, non ía ser este o mellor momento para poñerse á fronte da Academia Galega do Audiovisual. Máis alá de intentar manternos e procurar sobrevivir nun sector no que cremos e para o que, humildemente pensamos, os profesionais da nosa terra están sobradamente preparados, tratábase de conseguir da mellor maneira posible non dar un paso atrás. Se o demos ou non, serán o tempo e as distintas análises que no seu día se fagan, quen o xulgue; pero se calquera día, somos conscientes de que todo o que o audiovisual galego conseguiu en uns poucos anos se perdeu en alguns menos, alguén deberá facer constar onde sexa e ante quen sexa, que os culpables teranse que buscar moi lonxe do lugar que os profesionais do audiovisual galego ocupan, ou ocuparon.
Nunca ninguén nos poderá reprochar non poñer todo da nosa parte: o talento, o esforzo, a entrega, a ilusión ou os sacrifios necesarios, deixando como case único límite o que a dignidade e o respecto profesional nos marcan.

Ao longo destes case catro anos, desde a xunta directiva da Academia, non quixemos ser menos que o resto de compañeiros e compañeiras de profesión á hora de aportar sobre todo ilusión, entrega, esforzo e algún que outro sacrificio. Seguramente aportamos pouco máis ou menos a mesma ilusión e entrega, os mesmos esforzos e sacrificios que as anteriores xuntas directivas; sabemos que quen nos suceda, a todo isto, engadirá o talento necesario para que nunca ninguén teña que sentir nostalxia do que algún día fomos.

Con todo…foi unha maravillosa viaxe cargada de coñecemento e aprendizaxe.


Papeis da Academia 2014-2015

Presentamos unha nova edición dos Papeis da Academia que neste 2015 é totalmente dixital. Coincidindo coa renovación da nova páxina web, na Academia queremos ir un paso máis aló na súa evolución e converter a publicación nunha ferramenta da web permanentemente actualizada e que nos permita ter unha panorámica do sector, chegando así a máis público.

Queremos que por un lado recolla informes e reportaxes máis profundos sobre cuestións de actualidade do audiovisual e por outro que se constitúa como unha base de datos, onde poder consultar información das obras e profesionais galegos. Así, neste ano comeza esta última transformación dos Papeis.

Nothing found.


Papeis da Academia 2016

Benvida da directiva

 

Queridxs compañeirxs,

Un ano máis presentamos o anuario da Academia Galega do Audiovisual. E un ano máis presentámolo non só aos académicos e académicas, presentámolo tamén ao conxunto da cidadanía.  Un ano máis, os contidos deste anuario van estar na nosa web a disposición de todas as persoas que os queiran consultar: profesionais do audiovisual e da cultura galegas, especialistas, estudantes, afeccionados ou xs nosxs espectadores.

O argumento central deste ano é a situación laboral dxs traballadorxs do noso audiovisual. Varixs profesionais van contar a súa experiencia. Sabemos que estamos inmersos nunha crise económica global. Unha crise que fixo que as condicións laborais dxs traballadores de calquera sector económico se deteriorasen. Por suposto o audiovisual galego non é alleo a esa crise. Sempre se di, por características do noso sector, que somos xs primeiros en vernos afectadxs pola crise e xs últimxs en saír dela.Vexamos como afectou ao noso traballo esa crise, como a afrontaron diferentes compañeiros e compañeiras. Vexamos se somos quen de abrir un necesario debate. Vexamos se somos quen de  aportar algunha solución.

Como novidade, este ano os contidos do noso anuario son maioritariamente audiovisuais. Contamos con varias reportaxes, entrevistas gravadas a diferentes profesionais que contan a súa experiencia.

Esperamos que este novo formato sexa do voso agrado. E o máis importante, agardamos que o que alí sae reflectido contribúa a facer un audiovisual galego mellor, máis xusto e que o que conten xs diferentes compañeirxs axude a unha necesaria reflexión.

E un ano máis dedicamos parte do noso anuario a un compositor de bandas sonoras galego. Este ano temos a honra de presentar unha selección de obras do compositor Manu Riveiro. Das súas mans e o seu maxín xurdiron pezas tales coma as creadas para O descoñecido, Padre Casares ou Hospital Real.

Xunto ao anuario, hai uns días presentamos na nosa web o catálogo de festivais e mostras de cine e audiovisual de Galicia. Tamén os premios de investigación que levan o nome da pioneira María Luz Morales, unha figura que debe ser reivindicada unha e outra vez. Ademais, estamos a traballar arreo na elaboración dun catálogo coa totalidade das obras audiovisuais creadas en Galicia, que agardamos poida ver a luz o vindeiro ano. Isto non é todo: hai uns meses presentamos a primeira edición das Semanas da Música do Audiovisual, a primeira do que estamos seguros vai ser un referente en todo o Estado sobre músicas no audiovisual.

Estamos moi orgullosxs de que a Academia sexa unha das impulsoras do  “Observatorio de Igualdade das Artes Escénicas e do Audiovisual” que nace con tres obxectivos fundacionais: Implicar a todas as asociacións profesionais galegas do sector na implantación de estratexias de igualdade; analizar e avaliar de forma profunda a situación socio-laboral das mulleres nas artes escénicas e o audiovisual e fomentar a igualdade mediante propostas concretas dirixidas a entidades públicas e privadas. Cremos que accións como ésta son fundamentais na nosa Academia. Tanto é así, que cremos que a Academia naceu para cumprir este tipo de funcións. Xunto a todo isto fixemos unha serie de master class, debates e moitas máis actividades.

Todas estas accións e outras que agardamos poder facer no futuro, son posibles só grazas ao voso constante apoio. As vosas opinións, os vosos comentarios, tamén as vosas críticas son indispensables, fundamentais, necesarias para conseguir unha Academia máis participativa, unha Academia de todas, unha Academia mellor.

Agardamos que este anuario sexa do voso interese. Agardamos que sexa do interese da cidadanía, do noso público.  Agardamos, por riba de todo, que sexa de utilidade.

 

Vento nas velas, compañeiros e compañeiras.

EDITA:Academia Galega do AudiovisualPraza Pintor Sotomayor nº 1, 2º15001 A CoruñaTel: 981 227 701 / 981 208 393

COORDINACIÓN EDITORIAL:Camilo Franco e Ana M. López

AGRADECEMENTOSConcello de Santiago polo uso do Centro Sociocultural da CaramoniñaCentro Galego de Arte Contemporánea

Os autores dos artigos e vídeos desta edición expresan libremente os seus puntos de vista, que non son necesariamente compartidos polo conxunto da Academia. Esta acolle no seu seo unha pluralidade de opinións.


As músicas da Academia: Manuel Riveiro

 

Na súa casa había un disco da banda sonora de Gone with the wind pero el, de neno, escoitaba sen ser consciente do xénero. Manuel Riveiro (Catoira, 1974) escoitaba banda sonoras como quen escoita música e comezou a escribilas despois de facer ese percorrido que es clásico para case calquera profesional: música para teatro, música para curtas e logo xa chegan series e longametraxes. Algúns dos seus títulos: O descoñecido, Padre Casares, Hospital Real, Códice.

  • A súa completísima ficha en IMDB.

 

Selección de temas de Manuel Riveiro para As músicas da Academia

Quedan reservados, nos términos previstos na lexislación sobre propiedade intelectual, tódolos dereitos dos propietarios das obras, interpretacións ou execucións artísticas, fonogramas, gravacións audiovisuais e emisión de radiofusión obxecto desta transmisión. Salvo autorización, quedan prohibidas, baixo as sancións previstas na lexislación civil e penal de aplicación, a reprodución, distribución (por venta, alquiler, préstamos, etc), execución pública, radiofusión e comunicación ao público, en tódalas súas formas, desta transmisión e do seu contido.

Número de licenza: SGAERRDD/5/636/12151216


O que vai vir... na Academia

Actividades da AGA

mestre-mateo

Gala dos Premios Mestre Mateo, Pazo de Congresos de A Coruña.

Marzo de 2017 | Os Mestre Mateo adiántanse á primavera

A cita máis coñecida do audiovisual galego ten en 2017 unha grande novidade. A gala dos Mestre Mateo adiantarase en 2017 ao 4 de marzo, case dous meses antes da data na que se viñeron celebrando nos últimos anos. Esta nova data de celebración, que obriga a adiantar toda a súa organización, permitirá aos Mestre Mateo estar mellor situados no calendario dos premios internacionais e estatais do cine e da televisión. Os Mestre Mateo adiantaranse á primavera sen abandonar o seu carácter como mellor escaparate de toda a produción audivisual que se realiza en Galicia.

 

Xuño de 2017 | A investigación con nome propio

“E isto é, xustamente, o cine. A arte moderna por excelencia: a arte propia deste momento maquinista, dinámico… (…) O cine é tamén, precisamente, a arte das multitudes, a arte por esencia demócrata, social…” Estas eran palabras de María Luz Morales sobre o cine. María Luz Morales é o nome do premio de investigación que a Academia Galega do Audiovisual puxo en marcha a finais deste 2016 e que verá a súa primeira edición compeltada en xuño de 2017. A finalidade destes premios é incrementar o interese polos estudos sobre o audiovisual. O prazo de presentación de traballos, que se iniciou a mediados de decembro, finalizará o 7 de maio de 2017. O premio ten catro categorías dotadas cada unha delas con 1.200 euros e un galardón.

Vídeoensaio sobre audiovisual galego

Ensaio escrito sobre audiovisual galego

Videoensaio sobre audiovisual internacional

Ensaio escrito sobre audiovisual internacional

 

Primeiro semestre | Base de datos do sector

Non hai un sector que non teña datos. Coñecelos non é sempre fácil. A Academia Galega do Audiovisual ten como obxectivo coñecer e dar a coñecer os datos do audiovisual galego e para iso, ao longo do primeiro sememestre de 2017 a web da AGA publicará unha completa base de datos do sector audiovisual galego na que se poderán consultar os datos relativos a obras, intérpretes, produtoras, directores, equipas técnicas da historia recente do cine e da televisión en Galicia.

 

Outono 2017 | Semana das Música do Audiovisual

2017 ofrecerá a segunda edición da Semana das Músicas do Audiovisual. A primeir edición, celebrada en setembro de 2016, concentrou a súa atención nas músicas sinfónicas, ofrecendo actividades en catro cidades galegas: A Coruña, Ferrol, Ourense e Santiago. A Orquesta Sinfónica de Galicia foi un dos atractivos esta primeira cita dun festival destinado a dar a coñecer as músicas e as circunstancias das músicas para o audiovisual. Ademais dos concertos, que repasaron composicións dos mellores compositores galegos e europeos, a SEMUA ofreceu obradoiros e masterclass relacionados coa composición e a interpretación de bandas sonoras. Para a súa segunda edición, a intención da AGA é incrementar a actividade do festival e levar o acontecemento a un maior número de cidades en Galicia.

 

dsc_7461

Concerto da Semana das Músicas do Audiovisual. Auditorio de Ourense


Diversidade funcional e novas tecnoloxías da imaxe

Por Diego Lamas. Coordinador do Ciclo de Animación 3D, videoxogs e entornos interactivos da Escola de Imaxe e Son de Vigo.

Contaba marabillosamente Canetti que nun momento concreto da historia “a totalidade do xénero humano habería abandonado de súpeto a realidade”, e que debería ser o noso obxectivo retornar á humanidade a un estado verdadeiro, anterior a ese abandono. Respondíalle Jean Baudrillard nas “Estrategias fatales” que xa alcanzaramos o punto de non retorno. Estas ideas sobre múltiples realidades que anticipaba Canetti, obsérvanse reflectidas en todo este corpus de obras que nos falan de distopías do futuro nas que o engano dunha realidade dos espellos sepulta as posibilidades de percepción doutra verdadeira; “Matrix”, “The Congress”, “Black Mirror”. Non é tan remoto ese futuro. A toda velocidade, corremos todos xuntos cara a ese mundo co apoio das nosas novas tecnoloxías visuais. A realidade virtual empeza a xogar en serio e a aumentada postúlase como a súa evolución natural, pero a miúdo, cando pensamos en “todos”, esquecémonos dos que non son tan veloces, aqueles que teñen enormes dificultades para interaccionar cun mundo que construímos á nosa maneira, pensando na maioría.

Desde a escola EISV de Vigo sabemos que é a nosa obrigación unha pedagoxía inclusiva que contemple as necesidades xerais e específicas para facer partícipes das transformacións do mundo a todos aqueles en condición de diversidade funcional. Observamos con enorme interese as propostas de empresas como Tribemix, Tehera, ou Neuroathome, que están a traballar nun uso da tecnoloxía “para o ben” tal e como expresa Tribemix. As novas tecnoloxías da imaxe; a realidade virtual e a aumentada teñen un gran potencial á hora de desenvolver pedagoxías para a inclusión. En Tribemix traballan en deseñar “experiencias” para persoas con demencia senil, proporcionándolles maior calidade de vida. En Tehera usan dispositivos de realidade virtual para a rehabilitación de pacientes con dano cerebral. Non podemos deixalos atrás; padecen deficiencias físicas ou cognitivas, enfermidades neurodexenerativas, diferentes formas de autismo, síndrome de Down, demencia senil. Todo iso, ao final tan só redúcese a que perciben a realidade dunha forma completamente distinta a esa outra maioría na que nós parecemos atoparnos e que maiormente toma as decisións importantes.

Novas ferramentas tráennos mundos paralelos que poden ser de axuda para atoparnos, esta vez sí, “todos”, nunha vivencia común conformando un mundo máis inclusivo. Terapia de sanación, educación e lecer, poden e deben formar parte dunha nova forma de interpretar o modo en que repensemos a inclusión, e así, mentres avanzamos sen temor nin tremor cara a eses mundos distópicos, viaxemos con eles, traiamos connosco a esas outras persoas que non poden máis que percibir unha realidade completamente distinta á nosa, porque se cadra, cando aquel futuro tráxico que representan as obras de arte da ciencia ficción alcáncenos, eles poderían ser a nosa salvación.


Isabel Blanco

Aquí vai a entrevisa a Isabel Blanco.


César Goldi

«Fun facendo de todo. A nivel artístico é moi satisfactorio pero a nivel económico é moi ingrato». O actor e socio da Academia Galega do Audiovisual César Goldi tamén falou para os Papeis sobre a labor dos intérpretes.


Unha produción da

Coordinación e edición web: María Yáñez
Textos: María Villamarín, Cibrán Tenreiro
Retratos: Tamara de la Fuente  (Foto da cabeceira: Jaime Olmedo / Movistar+)
Dirección AGA: Miguel Mariño
Xerente e Administración AGA: Marisela Lens
Comunicación AGA: Miriam Rodríguez Debasa, Saúl Rivas González