César Goldi
«Fun facendo de todo. A nivel artístico é moi satisfactorio pero a nivel económico é moi ingrato». O actor e socio da Academia Galega do Audiovisual César Goldi tamén falou para os Papeis sobre a labor dos intérpretes.
Mabel Rivera
Mabel Rivera reclama atención para o traballo das actrices. Fala do teatro, da televisión, dos encasillamentos e do que supón a idade no seu traballo.
Papeis da Academia 2017
Benvida da directiva
Queridas compañeiras e compañeiros,
remata o ano, toca facer balance e a Academia Galega do Audiovisual faino, unha vez máis, co seu Anuario.
As persoas que nos dedicamos ao audiovisual, a facer soñar, rir, entreter, informar, facendo películas, documentais, series, programas de televisión ou calquera outro formato, as persoas que nos dedicamos á Cultura sempre debemos estar afeitas aos cambios, a tentar superarnos día a día, a tentar mellorar para dar o mellor que temos.
Tócanos vivir nunha moi longa crise económica, todas o son. Unha crise que padecemos e que se traduce nunha baixada de orzamentos que levan, polo xeral, a unha baixada dos tempos de rodaxe das nosas obras. Isto fai que o traballo se deteriore, que padezamos a precariedade.
Pese a esta crise e as súas consecuencias, moitos dos nosos traballos gozan dun grande éxito de público e crítica. Mesmo recoñecidos nos festivais máis esixentes ao longo de todo o mundo. Estes recoñecementos son porque sabemos facer o noso traballo, temos talento de sobra, ilusión e ganas. As galegas e galegos poden estar moi orgullosos do seu audiovisual.
A Academia Galega do Audiovisual sabe que temos que adaptarnos aos novos tempos. Sabemos que debemos mudar, aprender e seguir ilusionándonos para ter unha Academia que chegue a máis profesionais e á cidadanía en xeral. Este ano renovouse en parte a directiva. Despedimos a queridas compañeiras e compañeiros e outras tres grandes profesionais as substituíron: Susana Vieira, Olga Osorio e Ana Míguez, dando unha nova ollada imprescindible á Academia.
Afrontamos cambios que van facer que medremos, que poidamos abordar proxectos moi bonitos e ambiciosos, comezando pola contratación dun novo Director da Academia, Miguel Mariño, que xunto a outras incorporacións profesionais axudarán a levar a cabo todas estas novas iniciativas.
Nos vindeiros meses imos presentarvos unha nova páxina web, que agardamos sexa un referente no noso audiovisual, así coma unha base de datos de profesionais e obras audiovisuais. Tamén iniciaremos un programa de formación, con tres eixos principais: Formación a profesionais, a estudantes de facultades e escolas do audiovisual e ás máis novas e novos, para que vaian descubrindo este mundo.
Ao mesmo tempo os premios de investigación María Luz Morales son xa unha realidade e agardamos que sigan medrando, como xa o fai a Semana das Músicas do Audiovisual e outras actividades para profesionais e cidadanía en xeral.
No ano que vén tamén agardamos ver os primeiros resultados do estudo que vai facer o Consello da Cultura Galega sobre a situación laboral das mulleres na Cultura do país. Este estudio sae dunha idea do Observatorio da Igualdade, no que participa activamente a nosa Academia.
Tamén este Anuario se adapta á nosa necesidade de cambio: Presentámosvos un novo formato, que agardamos sexa do voso agrado. Nel recollemos reportaxes elaboradas por María Yáñez, con fotografías de Tamara de la Fuente; unha entrevista co novo Director da Academia; un moi interesante resumo do encontro de Academias do audiovisual de todo o Estado e Portugal que tivo lugar neste mes de decembro, o primeiro que se celebra. Este encontro parte dunha idea da nosa Academia, que recibiu unha moi boa acollida por parte das demais, garantindo a súa continuidade o vindeiro ano e que seguro logrará levar a cabo proxectos en común, moi necesarios. Tamén veremos o que aconteceu este ano que remata e o que nos agarda o que vén.
Xunto a todo isto veremos unha reportaxe sobre o novo talento. A Academia Galega do Audiovisual tamén quere ser a casa de tanta xente nova que está a facer cousas tan boas coma nestes últimos anos. Neste Anuario presentámosvos catorce perfís de persoas moi novas, que xa amosaron a súa extraordinaria valía e calidade en tempos tan difíciles coma os actuais.
Agardamos que sexa do voso agrado e coma sempre esperamos os vosos comentarios, opinións, achegas e mesmo críticas, que son tan indispensables e que fan que tentemos facer entre todas e todos unha Academia mellor.
Que teñades unhas boas festas e un moi feliz 2018.
Unha forte aperta.
Vento nas velas!
Carlos Ares, presidente da Academia Galega do Audiovisual.
María Mera
María Mera algunhas dificultades concretas de ser actriz e nai, de ser actriz, de ser muller aquí e agora.
Iria Sobrado
Iria Sobrado estudou matemáticas e calculou que era mellor ser actriz. E para ser actriz hai que botar moitas contas, ademais de esperar a que te chamen.