Fernando Velázquez protagonizou a SEMUA
Entre o 27 de novembro e o 1 de decembro celebrouse na Coruña, Santiago e Narón a 2ª edición da SEMUA, Semana das Músicas do Audiovisual. Un festival singular que, baixo a batuta do compositor Nani García, daba protagonismo ás músicas para cine, televisión e outros medios audiovisuais. O obxectivo, difundir as mellores composicións en cada xénero e ampliar a formación de profesionais e persoas interesadas na composición, produción e interpretación deste tipo de música que todo o mundo escoita, pero que non sempre consegue a atención directa do ouvinte.
Fotos: Óscar Corral
O prato forte desta actividade foi o concerto “Bandas sonoras do cinema español: As nosas músicas”, que ateigou o auditorio do Pazo da Cultura de Narón o venres 1 de decembro. Nel a Orquestra Sinfónica de Galicia interpretou algunha das principais partituras para cine e televisión escritas en Galicia durante os últimos anos de compositores como Xavi Font (“Vidago Palace”), Manuel Riveiro (“O final do camiño”), Arturo Kress (“O bosque animado”) ou o propio Nani García (“Engurras”). Os 4 autores estiveron presentes neste concerto, que estivo precedido dun café-coloquio no que puideron compartir impresións.
O concerto e a semana dedicáronlle este ano una especial atención á figura de Fernando Velázquez, autor referencial no ámbito estatal, que dirixiu este concerto de Narón incluíndo algunhas das súas obras no programa. O compositor participou de forma moi activa durante a semana, levando a cabo a gravación, aberta aos académicos e profesionais, da banda sonora da película “Los futbolísimos” coa Orquestra Sinfónica de Galicia no Pazo da Ópera da Coruña, xunto ao enxeñeiro de son Marc Blanes, e coa presenza do director do filme, Miguel Ángel Lamata. Tamén mantivo un encontro aberto ao público do mundo da música de cine.
Compositor de música de concerto, cinema e televisión, o primeiro traballo de Fernando Velázquez con gran repercusión foi a banda sonora de “El Orfanato”. Entre as súas partituras para cine podemos destacar “Mamá”, “Crimson Peak”, “Lo Imposible”, “Hércules”, “Ocho apellidos vascos”, así como numerosas películas independentes, como “Babycall”, “El guardián invisible”, “Gernika”, “Zipi y Zape y el club de la canica” ou “Los ojos de Julia”. A súa partitura de “Un monstruo viene a verme” fíxolle recibir os premios Goya, Feroz e a Medalla do Círculo de Escritores Cinematográficos en 2017. Tamén foi nomeado como compositor do ano 2016 pola Asociación de Críticos Internacionais de Música de Cinema.
A outra pata fundamental da Semana das Músicas do Audiovisual foron os obradoiros e masterclasses para profesionais ou especialistas da música, impartidos ao longo de toda a semana na Coruña (Fundación Paideia) e en Santiago (Fundación SGAE).
Luis Ivars impartiu unha masterclass sobre os dereitos de autor nas músicas do audiovisual, de especial interese para produtores e directores, ademais de para músicos. Nela analizouse quen, como e onde se defende o valor intelectual e económico da obra audiovisual, e tamén se botou un ollo aos novos cambios na lei de propiedade intelectual a nivel europeo e as modificacións derivadas dos novos dereitos que emanan do uso da web, entre outras cousas.
Vanessa Garde ofreceu unha clase sobre “Tecnoloxía e creatividade na produción musical”, na que se deu un repaso ao uso da tecnoloxía e da innovación nos sistemas de composición de músicas para o audiovisual, desde os máis simples aos máis complexos, para impulsar a creatividade na produción musical.
A organización desta edición da SEMUA contou co patrocinio da Concellaría de Culturas da Coruña, da Deputación da Coruña, da Fundación Paideia e de Cafés Candelas.
Novos modelos profesionais para o audiovisual
O Paraninfo da Universidade da Coruña acolleu o pasado 9 de novembro o encontro “Novos modelos profesionais para o audiovisual”, no que creativos do sector, xunto con empresas produtoras, axencias de publicidade e marcas, afondaron nas distintas posibilidades de traballo que os novos medios están traendo para a industria audiovisual, máis alá dos soportes tradicionais do cine e a televisión.
O concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, abriu esta xornada que organiza a súa concellaría a través do recén creado Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación (LAIC), dentro do programa Coruña Dixital, en cuxa organización colaborou tamén a Academia Galega do Audiovisual. O obxectivo do Encontro era coñecer de cerca o novo escenario no que moitos profesionais están empezando a traballar, que é a produción audiovisual deseñada para a difusión en internet, con fins promocionais ou comerciais, e moitas veces encargada directamente polas propias marcas.
A sesión matinal dividiuse en dous paneis. O primeiro, co título “A quen lle vendo o meu traballo? Novos formatos, novos clientes, novos mercados”, reuniu a creadoras, realizadores e produtores audiovisuais como Álvaro P. Becerra (Ainé Producións), Isabel Vila, creadora gráfica e animadora, JS Raimundi (Ziwa Estudio Audiovisual) e Adolfo Ponte Velasco (Milana Bonita Producciones), nunha mesa moderada polo presidente da Academia, o guionista Carlos Ares.
Vídeo íntegro do panel:
A continuación, no panel “Máis alá do spot: o vídeo na publicidade dixital. Formatos e soportes” foron as marcas e as axencias de marketing online as que tomaron a palabra para dar a visión desde o outro lado deste ecosistema, o que xera a demanda de creación de vídeo en internet. Falaron Gabriel Barrós, director de comunicación do RC Deportivo da Coruña, David Fernández, brand manager de Cabreiroá, e Fátima Carmena, directora de proxectos de Nasas, axencia creativa de marketing online.
Vídeo íntegro do panel:
A xornada continuou pola tarde cunha sesión de speed-dating na que 10 creadores e 10 empresas puideron conversar durante 10 minutos para coñecerse, ofrecer servizos e explicar as súas necesidades. E pechouse cun coloquio sobre as condicións profesionais deste sector emerxente, no que se identificaron e propuxeron boas prácticas a seguir por clientes, axencias, produtoras, e profesionais asalariados e autónomos.
Premios María Luz Morales
A Academia convocou este ano os primeiros premios María Luz Morales de ensaio, co propósito de incentivar a investigación en galego sobre a cultura audiovisual. Coa colaboración das catro deputacións, os premios outorgáronse en dúas categorías, audiovisual galego e audiovisual internacional, e dúas modalidades: o ensaio escrito e o videoensaio. Presentamos aquí os traballos gañadores.
Fotos: Fran Martínez
A Academia Galega do Audiovisual entregou o pasado 7 de xuño na Deputación da Coruña os primeiros premios María Luz Morales, que promoven a investigación científica no ámbito audiovisual, destacando cun galardón e 1.200 euros dous videoensaios e dous ensaios escritos asinados por cinco novísimos investigadores galegos, nunha iniciativa pioneira que contou coa participación das catro deputacións.
O coruñés Cibrán Tenreiro gañou o Premio ao mellor Ensaio Escrito Galego con “Equilibrios precarios. Unha aproximación aos vídeos dunha escena underground galega”, que foi o mellor valorado, en palabras do xurado, «polo enfoque novidoso dun tema pouco coñecido e polo rigor no tratamento». O xurado considerou merecedor dun accésit o ensaio escrito por Brais Romero “O galego no cinema galego”, que remarca a importancia e a responsabilidade institucional a respecto de afondar sobre o uso do galego nas producións cinematográficas.
A lucense Noelia Álvarez e a ourensá Nazaré Estévez recolleron o Premio ao mellor Ensaio Escrito Internacional con “Análise da representación da muller no cinema español da última década”, que ven cubrir a necesidade dun discurso de xénero na análise do tratamento da muller no cinema español.
O ferrolán Brais Romero tamén gañou o Premio ao mellor Vídeo Ensaio Galego con “Films From Galicia?”, que ofrece unha visión crítica e combativa na marxinación do idioma galego na produción audiovisual do noso país e do que o xurado destacou «a calidade na realización do videoensaio, cun tratamento sonoro moi expresivo».
A vilalbesa Denisse Lozano gañou o Premio ao mellor Vídeo Ensaio Internacional con “A cámara perseguidora. Orixe e intención dos planos de seguimento”, que analiza un elemento estilístico e a súa relación co cine de intención social.
O acto de entrega contou coa participación de Margarita Ledo, en representación do xurado, do que tamén forman parte o xornalista Ángel Suanzes e mais o guionista e crítico de cine Daniel Domínguez; Carlos Ares, María Yáñez e Manolo González, en representación da Academia Galega do Audiovisual; Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña; Pilar García Porto, deputada de Cultura da Deputación de Lugo; Manuel Doval, deputado de Cultura da Deputación de Ourense; Xosé Leal, deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra; e José Manuel Sande, concelleiro de Culturas do Concello da Coruña.
Os premios María Luz Morales pretenden avivar o interese polos estudos sobre o audiovisual, ofrecendo ás persoas estudosas e investigadoras a posibilidade de facer os seus traballos tanto en formato audiovisual como escrito. Nesta primeira edición recibíronse 21 propostas coas temáticas e estilos máis diversos. Segundo asegurou Margarita Ledo no acto de entrega, o xurado valorou criterios como a existencia dunha voz propia e a actitude crítica, a independencia profesional, a perspectiva de xénero e a consciencia de pertenza a un determinado país, inspirados pola propia figura de María Luz Morales, unha xornalista galega que foi pioneira no Estado, ao converterse na primeira directora dun xornal diario, e que exerceu como crítica, investigadora e colaboradora de producións audiovisuais. Morales foi tamén un referente na defensa dos dereitos das mulleres e no galeguismo, represaliada e apartada da profesión durante o franquismo.
A segunda edición destes premios xa está en marcha, coa convocatoria aberta e as bases publicadas. Os traballos pódense enviar ata o 7 de maio, seguindo as instrucións na web da Academia. O acto de entrega farase en xuño de 2018, coa Deputación de Lugo como anfitrioa.
A continuación publicamos os traballos gañadores, xunto co accésit, que non tivo premio pero si proposta de publicación por parte do xurado.
Videoensaio
Nothing found.
Ensaio escrito
Nothing found.
Accésit Ensaio escrito
Nothing found.
O galego no cinema galego
Por Brais Romero.
Accésit Ensaio Escrito Galego.
Introdución
En Galicia conviven dúas linguas: castelán e galego. Linguas recoñecidas polas leis e que, sobre o papel, conviven en igualdade de condicións. Galicia, pois, sería un país bilingüe, onde o uso das dúas linguas debería estar normalizado e estendido. Porén, as estatísticas oficiais do Instituto Galego de Estatística (en adiante, IGE) amosan un retroceso respecto a outros anos no número de galegofalantes. Así mesmo, os ámbitos de uso desta lingua estanse a ver reducidos considerablemente. O suposto bilingüismo convértese en diglosia, é dicir, no uso dun idioma por riba do outro: o castelán por enriba do galego.
Esta investigación quere pór o foco de atención sobre o galego e a súa situación respecto do cinema partindo dunha falacia que o filólogo Moreira recolle na súa tese doutoral: non hai público para o cinema en galego (2012, p.155). Unha falacia que, aínda que nunca expresada, parece ser repetida por moitos dos axentes que participan do cinema: autores, institucións, políticas audiovisuais, etc.
Escollemos coma obxecto de estudo o cinema por dúas razóns: a primeira, porque o cinema é un feito colectivo. Desde a súa creación, no cinema participan sonidistas, directores, actores, etc.; mais tamén o público: non existe cinema sen público. O propio feito da filmación ten por obxectivo a súa exhibición. Por outra banda, pensamos no cinema en tanto á responsabilidade dos autores da que falaba Sommer (2012), polo que entendemos que, respecto da lingua, a escolla dunha ou outra é un feito político.
Partiremos da hipótese que apunta Moreira para intentar descifrar se, en efecto, non existe público para o cinema en galego. Para isto, estudaremos os textos oficiais para debuxar cal é a postura oficial das institucións respecto do idioma e, concretamente, do idioma no cinema. Tomando coma punto inicial a Lei 6/1999, posto que é a primeira lei de Galicia arredor do audiovisual, e, polo tanto, do cinema, para continuar coas diferentes convocatorias de subvencións da Axencia Galega de Industrias Culturais (en adiante, AGADIC).
Unha vez clarificada a postura dos axentes arredor da lingua, analizaremos as estatísticas oficiais para tratar de adiviñar os hábitos de consumo dos galegos; hábitos que poden ser considerados como tendencias ou indicadores, mais non coma datos totais posto que, ás veces, nos teremos que apoiar en datos referentes aos consumos de medios de comunicación ou similares, xa que a lingua non aparece reflectida nas pescudas do IGE arredor do cinema en Galicia.
O galego no cinema galego
Como punto de inicio, cómpre situar o cinema galego dentro dos cinemas das pequenas nacións e, dentro destas, das nacións sen estado. Partindo da definición do profesor Stephen Crofts, consideraremos o cinema de Galicia como “un cinema rexional cuxa cultura e/ou lingua toman distancia das nacións-estado que os encerran” (1993, p.45). Como sinala Crofts, a lingua é o signo visible da identidade colectiva, é dicir, o galego é o signo visible da identidade galega, feito que sinalan o profesor e sociolingüista Henrique Monteagudo (2012, p.74) e o profesor Xosé Ramón Freixeiro Mato (2006, p.241).
Porén, e como sinalabamos na introdución, en Galicia a lingua está ameazada pola dominio do castelán. O escenario ideal de bilingüismo que recolle o Estatuto de Autonomía de Galicia entre as linguas galega e castelá é, en realidade, un escenario de diglosia. Esta situación, herdada da persecución e represión do réxime franquista que buscaba a desaparición do idioma galego (Beramendi, 2003, p.1073), continuou chegada a democracia e resultou nun proceso de bilingüismo substitutivo (Moreno, 2008) que aínda hoxe continua.
No cinema, a situación é similar á vivida na sociedade: aínda que existen leis, axudas e outros mecanismos de promoción do idioma galego, a maioría do cinema faise en castelán como veremos máis adiante. Entre as medidas de promoción do galego destaca a Lei 6/1999, primeira lei do estado español destinada a lexislar o audiovisual e, por conseguinte, o cinema. Este texto recollía o compromiso do Estatuto de Autonomía co idioma e situaba na Xunta de Galicia a responsabilidade de promocionar o uso do idioma galego no cinema ao considerar ao cinema unha ferramenta de difusión cultural:
A promoción e a difusión da cultura e normalización da lingua galega, así como a defensa da identidade galega. Artigo 4.b da Lei 6/1999, Diario Oficial de Galicia (1999).
A lei, que foi ratificada por unanimidade polo Parlamento de Galicia, incide en diferentes ocasións na importancia de difundir o cinema galego, a identidade e a lingua. Un compromiso político que, nos vindeiros anos, ficaría estéril ao demostrarse ineficaces moitas das políticas audiovisuais argalladas arredor do cinema. Porén, antes de entrar a analizar estas políticas, é importante sinalar a importancia que esta lei pon sobre o cinema do que di recoñecer a importancia cultural, económica e social e “do papel que poden desempeñar como creación artística, información, coñecemento e imaxe de Galicia, a prol da consecución da normalización cultural e lingüística de Galicia” (1999). De novo, lingua e identidade van da man.
O compromiso expresado na Lei 6/1999 viuse reflectido nas diferentes convocatorias de axudas convocadas polos diferentes organismos dependentes do goberno en materia de cinema. Así, no ano 2003, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, convoca as “axudas para o desenvolvemento de guións e para a realización de proxectos de produción audiovisual en lingua galega que incorporen novos realizadores”. Unha convocatoria de axudas nas que a lingua galega era condición sine qua non posto que están adicadas ao “desenvolvemento de guións en lingua galega” e “realización de proxectos de produción en lingua galega”. Dez anos máis tarde, AGADIC convoca unhas axudas adicadas a “subvención de producións ou coproducións audiovisuais en lingua galega con decidido contido artístico e cultural” (2013, p.36155), convocatoria onde o goberno comeza a retorcer as palabras cara unha linguaxe máis eufemística. Onde antes os filmes eran en lingua galega, agora son “películas de valor cultural” (2013, p.36155). Unha tendencia que, dous anos despois, vese confirmada coa convocatoria das “subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais de produción galega” (2015, p.8506). Quince anos despois da promulgación da Lei 6/1999 onde se recolle o compromiso do goberno galego por promocionar a lingua galega e a identidade a través de políticas audiovisuais, o galego desaparece dos requerimentos e dos textos das subvencións adicadas ao cinema.
Porén, esta situación non se dá só nos textos legais, senón tamén naqueles destinados a promocionar o cinema galego alén do territorio propio. As diferentes edicións do catálogo Films From Galicia por parte de AGADIC potencian, con gran diferencia, un cinema filmado en castelán. A imaxe, pois, que se externaliza desde os propios organismos dependentes do goberno é a dun cinema galego que non fala o galego, senón que fala o castelán. Nas catro edicións do catálogo (2013, 2015, 2016 e 2017) 33 filmes son en castelán, fronte a tan só 15 filmes en galego. É a representación que fai AGADIC parcial ou representa a realidade do cinema galego?
O profesor e crítico de cinema Miguel Anxo Fernández sinalaba tres criterios para sinalar un filme galego: o idioma, a rodaxe no territorio propio e o capital galego (2010, p.397). O propio Fernández analizaba máis adiante o rol do idioma, que consideraba parte indispensable da construción dunha identidade propia, ao sinalar que tomar tan só o idioma galego como criterio para considerar un filme galego podería levarnos a unha categorización con erros. En efecto, Galicia é un país bilingüe polo que, ao igual que desde aquí sinalamos a diglosia existente na sociedade galega, non incurriremos no erro de dividir o cinema galego naquel feito en galego ou en castelán, posto que nos levaría a unha visión parcial que non sería representativa do que é o cinema galego. Porén, facer esta división entre o que é e non é cinema galego escapa ao obxecto desta investigación.
Volvendo ao idioma debemos citar a clasificación que fai o profesor Crofts respecto dos cinemas nacionais, situando a Galicia naqueles “cinemas nacionais cuxa identidade e/ou lingua toman distancia daquelas nacións-estado nas que están englobadas” (1993, p.45). Esta convivencia de dúas linguas deixa de ser un síntoma de riqueza cultural e diversidade para ser unha contraprestación que encarece as producións obrigando a subtitular ou dobrar os filmes para poder ser exhibidos no territorio español. O propio Fernández, que antes sinalaba a importancia do idioma no cinema, di que “poderíamos dicir que a saída cara o exterior do produto galego nas circunstancias presentes se produce a través desta canle de relación que, por forza, dadas as características do comercio audiovisual, nos obriga a virarlle a fala ao castelán” (2010, p.400).
O galego, pois, deixa de ser unha expresión da identidade galega para ser un sobrecuste da produción. A lingua non é rentable e, polo tanto, prescindible. Sobre este carácter rendible da lingua, o profesor Moreno Cabrera ten enunciado os efectos que ten a lei do progreso: “no mundo da globalización económica, as pequenas comunidades que non se incorporen ás correntes dominantes están condenadas á pobreza e ao subdesenvolvemento; por iso, esa incorporación, que supón case sempre o abandono dun determinado modo de vida, dunha cultura ou dunha lingua, considérase como un paso máis no desenvolvemento natural da humanidade cara a cotas cada vez máis amplas de progreso” (2010, p.19). Así, políticas audiovisuais e axentes que participan do cinema galego xustifican o esquecemento da lingua amparándose nunha idea de éxito ou repercusión que venden coma natural. Porén, non todo o sector cinematográfico fica quedo ante este borrado, voces coma as de Rivera (2004) ou Amil (2004), desde o sector cinematográfico, ou Roca, Rodríguez Vázquez e Pérez (2015), desde o ámbito académico, denunciaron a pouca aposta do propio cinema pola creación en galego. A crítica máis dura ante esta situación viu de Comba Campoy, Alberte Pagán e Xis Costa, nun artigo no que denunciaban o uso do galego para cumprir os requisitos das axudas públicas ao cinema:
“A lingua galega só se utiliza cando as subvencións obrigan (autoridades: tomen nota). Mais trátase dun uso litúrxico e forzado, un pequeno contratempo que se debe soportar. Os filmes ródanse en castelán para a continuación sen dobrados ao galego (pero, en canto a nós, sempre preferimos as versións orixinais, que lle imos a facer).” Do compromisso com a língua (III), Campoy C., Pagán, A. e Costa, X, (2006).
As cifras sobre a presenza do galego nos filmes realizados nos últimos anos tampouco constatan esta realidade. Menos dun 25% das producións cinematográficas realizadas entre o ano 2000 e 2015 son en galego, fronte a un 66% de producións que son en castelán.
O lingüista Miguel Moreira sinalaba que “os principios do capitalismo abranguen tamén ás linguas, por ser o mercado quen impón al ingua en que podemos ler ou acceder á cultura en xeral, quer nos medios de comunicación, quer no teatro ou quer no cinema” (2012, p.155), incidindo máis na teoría do borrado da lingua galega do cinema galego. Galicia deixa de lado a súa identidade para representarse a si mesma no seu cinema coma un lugar calquera, desposuída da súa lingua propia: autoborrada, segundo o termo acuñado por Montáñez e Martin-Jones (2013). O mercado da exhibición, en mans de grandes empresas, premian a aqueles filmes que, con menos custe, son máis rendibles. Comportamento que creadores e institucións aceptan sen cuestionar e aos que se adaptan, como se amosa na deriva eufemística da linguaxe lexislativa de AGADIC que antes citamos, e que parece escudarse na falacia que Moreira expuña e que antes citamos: non hai público para o cinema galego.
A realidade do sector cinematográfico en Galicia
Antes de entrar a analizar os datos estatísticos dos hábitos de consumo dos espectadores galegos, é preciso debuxar o panorama actual respecto do sector cinematográfico. O estourido da crise económica provocou, de forma colateral, un descenso de espectadores nas salas, que chegou ata a barreira dos 4,5 millóns de espectadores, cifra que non se acadaba desde 2006. Así mesmo, no 2015, as cifras ascenderon de novo ata os 4,1 millóns, un lixeiro repunte que, en realidade, non afecta ás producións galegas ou españolas.
O IGE non recolle diferencias entre a recadación de filmes galegos, polo que, neste punto, teremos que apoiarnos nos datos dos filmes españois sabendo que, unha porcentaxe non clarificada, son filmes galegos. Respecto das espectadores entre cinema estranxeiro e cinema español, a diferencia mantívose sempre no dobre, chegando no 2013 a ser a cifra de espectadores de filmes estranxeiros seis veces superior.
Ao non obter datos do IGE respecto das espectadores ou do alcance dos filmes galegos, tomaremos como exemplo o ano 2014. Nese ano 35 cines mantiñan a súa actividade en 175 galegas; nese mesmo período, 11 filmes galegos se estreaban. Sendo optimistas e considerando que esas dez producións chegasen ás salas, serían un 2,33% das 471 películas exhibidas en Galicia nese ano. Datos que, insistimos, son resultado deste exercicio estimativo, polo que teñen que ser analizados como un indicador da realidade cinematográfica, e non como datos absolutos.
Os hábitos de consumo do espectador galego de cinema
Unha vez aclarados os indicadores económicos e industriais da cinematografía en Galicia, cómpre ver, brevemente, a realidade do espectador de cinema para confirmar ou desmentir se existen, en efecto, espectadores para o cinema galego.
A partir dos datos ofrecidos polo IGE, podemos afirmar que máis da metade dos enquisados amosan polo interés polo cinema, valorándoo cun 7 ou máis. Asemade, un 40% dos enquisados afirman asistir ao cinema ao menos unha vez ao ano, fronte a un 35% que non asiste nunca ou case nunca. Entre as razóns para a non asistencia ao cinema, o prezo da entrada é a razón sinalada polo 27,2% dos enquisados.
Se analizamos os datos por franxas de idade podemos ver que existe unha tendencia moito máis forte entre os menores de 29 anos a asistir ao cinema. Mentres que en franxas coma os 30 e 49 anos a porcentaxe de asistencia ao cinema ao menos unha vez ao ano é dun 48,22%, a franxa de 15 a 29 anos (descartamos aquela franxa entre 5 e 14 posto que a dependencia paterna e a escaseza adquisitiva fan que as súas estatísticas vaian unidas a outras), amosa un contundente 75,85% de enquisados que din asistir ao cinema ao menos unha vez ao ano.
Os hábitos lingüísticos do espectador galego de cinema
Partindo das cifras de asistencia ao cinema, centraremos a nosa atención na franxa de idade entre 15 e 29 anos posto que son os que, de acordo ás estatísticas, asisten con maior frecuencia ao cinema. Aclarado isto, é preciso analizar qué rol xoga o galego para estes espectadores.
Comezamos certificando a evidencia de que o 94% dos enquisados comprenden o galego falado, así como o 83% entende bastante ou moito o galego escrito. Así mesmo, comprobamos que o cinema non aparece reflectido como un dos medios a través do cal os galegos aprenden o idioma. Si aparecen representadas a radio e televisión galegas, cun 0,69%, da cal unha porcentaxe, non podemos cifrar cal, correspondería aos filmes que se emiten na CRTVG dobrados ao galego.
En canto ao uso do galego de forma habitual, as cifras amosan un bilingüismo case paralelo entre galegofalantes e castelanfalantes. Porén, Monteagudo advirte que estas estatísticas parecen respostar non á realidade social, senón a unha “desexabilidade social” (2012, p.54), é dicir, á opción politicamente correcta. No caso de que, en efecto, existise un bilingüismo, este aproximaríase máis á definición de Moreno de “bilingüismo substitutivo” (2010), sobre o que tamén traballou o filólogo e anterior Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia Anxo M. Lorenzo (2008).
Respecto da conciencia da importancia do idioma, as estatísticas do IGE amosan que as mozas e mozos entre 15 e 19 anos están concienciados da importancia do idioma e cren que a situación será peor dentro de cinco anos, algo sobre o que o recente informe sobre as practicas lingüísticas da mocidade do Consello da Cultura Galega tamén incide (2017).
No tocante ao cinema, como dixemos antes, constatamos que non é unha canle a través da que o galego se aprenda. Porén, sobre o consumo de cinema en galego, tanto o IGE coma o estudo do Consello da Cultura Galega esquéceno ao preguntar sobre o consumo de medios en galego. Tan só na publicación “Prácticas e Actitudes Lingüísticas da Mocidade en Galicia” atopamos que “tampouco existe unha preferencia polo cine en galego” (2017, p.20).
Concluímos que os espectadores galegos de cinema, é dicir, aqueles que están nunha franxa entre os 15 e os 29 anos, amosan unha conciencia clara respecto da importancia da lingua galega e da situación de ameaza na que vive. Asemade, comprobamos que, aínda que non existe unha preferencia expresa polo cinema en galego, estes indicadores amósannos que existe un público potencial que podería consumir cinema en galego e que, ademais, é consciente da importancia de crear en lingua galega e de empregar a lingua galega.
Conclusións
Tras este estudo concluímos que existe público para o cinema en galego. Aínda que os datos que manexamos non poden ser tomados coma absolutos, estes indícannos que existe unha forte concienciación social arredor da lingua, especialmente forte entre a franxa de idade que amosa un maior hábito de asistencia ao cinema, é dicir, aquela entre 15 e 29 anos.
Respecto da postura dos axentes cinematográficos ante a cuestión idiomática, atopamos voces que seguen a loitar polo galego e a denunciar o esquecemento que se fai del desde o propio sector e desde as políticas audiovisuais do goberno galego. Porén, a imaxe xeral é a dun sector cinematográfico no que a lingua pesa moi pouco, sendo esquecida en máis da metade das producións rodadas entre o ano 2000 e o 2015. Unha situación que dista da convivencia entre castelán e galego e do traballo de promoción da lingua galega que se vende desde a Xunta de Galicia. Finalmente, afirmamos que o goberno galego, a través das súas políticas audiovisuais, está a levar a cabo un proceso de lavado do galego mediante un cambio na linguaxe das súas subvencións. A lingua galega, outrora requisito indispensable para acceder a estas axudas, agora é camuflada baixo o concepto “contido cultural galego”, ou variacións deste termo, conseguindo así que, os requisitos sexan máis flexible e permitan deixar de lado o idioma.
Rematamos afirmando que existe un autoborrado da lingua, e, por tanto, da identidade, galega, no que participan todos as pezas do sistema cinematográfico galego. Galicia aparece como calquera outro punto do panorama cinematográfico mundial. Desposuído de lingua propia, o cinema galego é substuído por unha cadea industrial de producións no que o que se busca é o éxito financieiro, borrando, se é preciso, lingua e identidade para convertir o filme nun filme globalizado, é dicir, nun filme branco, onde as posibilidades de identificar un filme como pertencente a unha filmografía nacional sexan as menos posibles.
Bibliografía
Axencia Galega de Industrias Culturais. (2013). Catálogo Films From Galicia 2013. Consultado o 10 de Xaneiro de 2017, desde Páxina web de AGADIC: http://www.agadic.gal/temas/agadic/gfx/publicacion/films_from_galicia.pdf
Axencia Galega de Industrias Culturais. (2015). Catálogo Films From Galicia 2015. Consultado o 27 de Febreiro de 2017, desde Páxina web de AGADIC: http://www.agadic.gal/temas/agadic/gfx/publicacion/FFG15.pdf
Axencia Galega de Industrias Culturais. (2016). Catálogo Films From Galicia 2016. Consultado o 27 de Febreiro de 2017, desde Páxina web de AGADIC: http://www.agadic.gal/temas/agadic/gfx/publicacion/FFG16.pdf
Axencia Galega de Industrias Culturais. (2017). Catálogo Films From Galicia 2017. Consultado o 27 de Febreiro de 2017, desde Páxina web de AGADIC: http://www.agadic.gal/temas/agadic/gfx/publicacion/FFG17.pdf
Beramendi, J. (2007). De provincia a nación. Historia do Galeguismo político. Vigo: Xerais.
Campoy, C., Costa, X., & Pagán, A. (2006, 3 15). Misérias do audiovisual galego. Do compromiso com a lingua (III). En Novas da Galiza. Consello da Cultura Galega (2017).
Prácticas e actitudes lingüísticas da mocidade en Galicia. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega Crofts, S. (1993).
Reconceptualizing national cinema/s. En Quarterly Review of Film and Video , 49-67. Diario Oficial de Galicia. (1999).
Lei 6/1999, do 1 de setembro, do audiovisual de Galicia. Consultado o 10 de Xaneiro de 2017, desde Páxina web do Diario Oficial de Galicia: http://www.xunta.gal/dog/Publicados/1999/19990908/AnuncioEFFE_gl.html Fernández, M. A. (2010). O cine e o audiovisual.
In V. F. Freixanes, & A. Meixide Vecino, O capital da cultura: unha achega ás industrias culturais de Galicia (pp. 393-429). Fundación CaixaGalicia, CIEF.
Freixeiro Mato, X. R. (2006). Lingua, nación e identidade. Bertamiráns / Ames: Edicións Laiovento.
Instituto de la Cinematografía y las Artes Visuales. Base de datos de películas clasificadas. Consultada o 25 de Marzo de 2017, desde Páxina web do Instituto de la Cinematografía y las Artes Visuales: http://www.mcu.es/bbddpeliculas/cargarFiltro.do?layout=bbddpeliculas&cache=init& language=es
Instituto Galego de Estatística. Instituto Galego de Estatística. Consultada o 20 de Marzo de 2017, desde Páxina web do Instituto Galego de Estatística: https://www.ige.eu/ Lorenzo, a. (2008).
A situación sociolingüística do galego: unha lectura. Grial, revista galega de cultura , pp. 19-31.
Martin-Jones, D., & Montañez, M. S. (2013). Uruguay Disappears: Small cinemas, Control Z Films, and the aesthetics and politics of auto-erasure. Cinema Journal , 26- 51.
Monteagudo, H. (2012). Facer país co idioma. Sentido da normalización lingüística. A Coruña: Real Academia Galega.
Moreira, M. (2011). Tese de Doutoramento: “Contra a morte das linguas: o caso galego”. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela.
Moreno Cabrera, J. C. (2008). El nacionalismo lingüístico. Barcelona: Península. Rivera, M. (2004, 3).
Sobre o cine galego. Revista da Academia Galega do Audiovisual . Roca Baamonde, S., Rodríguez Vázquez, A.I. & Pérez Pereiro, M. (2015).
Versión orixinal galega. Produción e distribución do cinema en linguas minorizadas no contexto dixital. En eDCINEMA. Cara o Espazo Dixital Europeo. O papel das cinematografías pequenas en v.o., 77-111. Sommer, D. (2012).
Arte y responsabilidad. En Arroyo, P. (ed), Pensar los estudios culturales desde España (pp. 139-163). Madrid: Verbum Ensayo.
Anxos Fazáns
Naceu en Pontevedra en 1992, e criouse entre o Morrazo e Lugo. Estudou Comunicación Audiovisual en Pontevedra e o master en dirección de cine da ESCAC en Barcelona. Agora vive en Teis (Vigo) e segue aberta a seguir movéndose, mais sempre cun pé na casa. Aínda que acaba de presentar a súa primeira longametraxe e iso convértea en directora de cine, prefire non poñerse moitas etiquetas «sobre todo porque unha fai moitas cousas para sobrevivir, dende escribir e dirixir ata editar ou facer axudantías ou auxiliarados de dirección noutros proxectos».
Está un pouco cansa de que sempre se destaque a súa idade e o seu xénero cando se fala de “A estación violenta”, o proxecto que produciu Daniel Froiz (“As altas presións”) a partir da adaptación libre dunha novela de Manuel Jabois, e no que, malia ser unha encarga, deixa unha gran marca autoral. «Ás veces penso que a xente esaxera co tema da miña xuventude e en xeral moita xente infravalora ás creadoras e creadores da miña idade», lamenta, «a miña experiencia dirixindo “A estación violenta” serviume para reafirmarme nesta idea: ser nova non é ningunha tara, teño menos experiencia, por suposto, pero teño outras cousas que achegar ao proxecto.»
Aínda que empezou facendo unha webserie, “Fame”, cando aínda estudaba Comunicación Audiovisual, isto foi circunstancial. «Non son unha persoa que estea ao tanto das últimas tendencias en internet, nin das últimas tecnoloxías, sempre ando un pouco por detrás nese sentido. Pero non descarto nada, pode que volva á ficción para a web, dependerá do proxecto e das portas que se abran a partir de agora». ¿Vese como unha cineasta consolidada no futuro? «Se te pos a pensar que dentro de dez anos poderías estar dirixindo un proxecto con máis presuposto e vivir diso podes terminar por obcecarte e perder oportunidades polo camiño, se cadra monto unha empresa de produción ecolóxica de mazás e tan feliz. Non sei nin onde vou estar dentro dun ano», explica.
Si que sabe cales serán as súas ocupacións máis inmediatas mentres agarda a que A estación violenta siga o seu percorrido por festivais e atope data de distribución. «Estou rematando unha pequena peza que gravei en setembro durante o Chanfaina Lab de San Sadurniño e traballo xunto a Silvia Fuentes, Iria Silvosa e Lucía Estévez nunha peza documental. Iso é o máis inmediato, aínda que tamén comezan a ferver ideas para poñerme a escribir.» Tamén está metida no mundo da música e ten un grupo de punk: «chamámonos Contenedor de Mierda, pasámolo moi ben tocando e ata o de agora non nos vai mal, facemos temas sen parar e damos bastantes concertos.»
No entanto, formula os seus desexos para o panorama do audiovisual galego: «Gustaríame que non fose tan complexo financiar os proxectos, que non fose tan inaudito que a xente nova acceda ao traballo profesional e que non fose noticiable que unha muller dirixa unha longa. Gustaríame que todo iso se normalizase.»
Podemos seguila na súa web: www.anxosf.com
Silvia Fuentes
No mundo da produción, unha das emerxentes que dará que falar é Silvia Fuentes, estradense do 90, formada en Comunicación Audiovisual na Universidade de Vigo e na Complutense. Foi probando distintos roles nos equipos de traballo da carreira como foi vendo que se sentía cómoda como produtora, e agora dedícase 100% a este labor.
«Por unha banda está a produción de proxectos nos que vou da man do director, habitualmente directora, dende as primeiras versións de guión ata a distribución. Nestes casos o meu rol é o de produtora como tal». Coa súa produtora Audiobeesual comezou facendo a webserie “Fame”, con Anxos Fazáns, e varias curtas e documentais. Pero tamén traballa en equipos de produción para otras empresas, como axudante ou xefa de produción. «Isto interésame especialmente pola cantidade de cousas que podes aprender vendo traballar a profesionais que levan anos no sector», asegura.
No último ano foi xefa de produción en “A estación violenta”, de Fazáns, e tamén en “Matria”, de Álvaro Gago, a curta que competirá no vindeiro mes no festival de Sundance. «Neste último ano aprendín máis que nos anteriores tres xuntos, por ter traballado con diferentes produtores, xefas de produción, directoras de produción, etc.»
E segue imparable o seu traxecto como productora. «Xunto con Anxos, Iria Silvosa e Lucía Estévez estamos coa edición dun documental sobre o poeta lisboeta Antonio Osorio, que comezaremos a distribuír para comezos do próximo ano. Tamén comezaremos coa distribución da segunda curtametraxe de Lucía Estévez, “Sendeiro”.» O seguinte paso, recoñece, sería levar adiante unha longametraxe. «Pero é un paso que non teño presa por dar. As cousas con boa enerxía e ao seu tempo.»
Está especialmente orgullosa das creadoras audiovisuais da súa xeración, e esta «é unha das razóns polas que estou tan feliz co meu traballo. Directoras como Lucía Estévez e Beatriz Vilariño, coas que traballo e ás que admiro. E logo nomes como Ángel Filgueira, Nacho Ozores, Marta Valverde, Iria Silvosa ou Sara Iglesias forman parte do meu día a día de traballo, somos da mesma xeracións e funcionamos moi ben xuntos.»
Máis alá da xente coa que adoita traballar, di estar «moi namorada de “Dhogs”. E de Lucía, Andrés, Suso, Laura e todos os que levantaron o proxecto. Tamén sigo o traballo dos Porco Bravú, aínda que estou pendente de ver “Peter Brandon”, e tamén cousas máis bizarras e molonas como o que fixeron as Also Sisters con “A historia dun satélite”.» Do audiovisual galego na actualidade bota de menos ficción en galego para televisión que lle poida interesar a ela e á súa xeración. Mentres, o seu consumo televisivo faino por internet, nese sentido «son unha millennial de libro»
Podemos seguila «na vida virtual en silviafuentes.com. Tamén teño Facebook e Instagram».
Andrés Goteira
Andrés Goteira naceu e vive en Meira, un concello de Lugo con 1.700 habitantes. Pasou por distintas cidades «para formarme como, técnico de son, enxeñeiro técnico de telecomunicacións, fixen un máster de profe de secundaria…», e foi nunha breve emigración en Edimburgo onde escribiu o guión de “Dhogs”, logo volveu para tentar levala a cabo e, agora, tras catro anos de traballo cos seus compañeiros de Gaitafilmes, pode por film mostrala ao público e por festivais como o Bafici ou o Festival de Sitges.
Como se mete un enxeñeiro a facer cinema? «Comecei en Meira, cos colegas Suso e Adri, xogando a facer que facíamos curtas, despois uniuse outra amiga na aventura, Laura. Participábamos en concursos amateurs que eran xeniais, aqueles Curtasnarede ou Offestivalon, eles poñían as limitacións e nos xogabamos… Deberían volver estas iniciativas,, crearon escola, a min creáronme.»
Nestes primeiros traballos en equipo «elixín dirección e a dirección elixiume a min, non hai outra… teño as emocións moi preto dos sentidos, necesito soltalas da forma estratéxica que permite o cine, pensada e pausada» e por iso é cineasta, aínda que sexa un traballo que o faga «máis pobre».
Vive en Meira, que é onde quere vivir, pero non vive do audiovisual máis que nun 10% do seu traballo. Polas mañás vende electrodomésticos, e aínda que isto está lonxe da súa vocación, agradece ter un traballo que lle permita arriscar e intentalo tamén naquilo que lle gusta. «O de cineasta é un ímpetu por intentar facer o que me apaixona, eso de que solo temos unha vida e non haberá máis oportunidades tócame bastante na alma, teño que intentalo.»
Mais recoñece que traballar así, movido pola paixón só alimenta a precariedade, porque «deberiamos valorar máis o noso traballo». A pesar das alegrías que lle está a dar “Dhogs”, e de todo o apoio que recibiu, especiamente da xente da súa vila, el non recomendaría a alguén que está empezando facer, de primeiras unha peli como Dhogs: «Hoxe, despois de todo o aprendido, faría unha peli máis pequena, e valoraría máis o noso traballo e o de todo o equipo, son proxectos que gastan moita enerxía e agora chegamos con poucas forzas para a parte final do proceso. Non sei si é un milagre, é un acto de amizade, incosciencia, forza, ilusión…». O máis importante é persistir, non renderse, e rodearse de bos amigos. >
Malia traballar con algúns dos máis grandes actores e actrices do noso panorama, «non estou moi metido no mundo audiovisual profesional, e dende o meu punto de vista vexoo un pouco precario. Gustaríame que fósemos exemplo, que non fósemos coa ansiedade de facer o que mandan as normas conservadoras, que houbese máis risco creativo». Con todo o aprendido, e sen abandonar nin un chisco este risco creativo, prepara os seus novos proxectos con Gaitafilmes desde Meira.
Alí quere seguir vivindo no futuro, demostrando que se pode facer cine desde calquera sitio e tamén ter unha cultura audiovisual como calquera creador que viva nunha gran cidade, grazas a internet. Filmin é a miña escola de cine, un gustazo ter tantos mestros a golpe dun clic. E os cineastas que máis admira son s irmáns Coira, Alfonso Zarauza, Felipe Lage, Ángeles Huerta, Luis Avilés, Yorgos Lanthimos, Carlos Vermut, Leox Carax, os Coen, Gaspar Noé ou Ruben Ostlund. Dos seus coetáneos, Carlos Vermut, Xabier Dolan, Oliver Laxe. Autores con moita personalidade e un universo particular, como o que poderemos ver en “Dhogs” en canto poida acceder ás pantallas, algo que tamén é difícil.
«O complicado mundo da distribución parece que non se nos da de todo ben, fáltanos tempo para poder facelo como se debe», pero buscarán a maneira de entrar nas salas e acabar así de sacarlle partido a todo á orixinal promoción de guerrilla que levan facendo desde o inicio do proxecto Dhogs, crowdfunding incluído: «As redes foron moi importantes para nós, así que imaxínome que o seguirán sendo, gran curro o da compi Laura. Se conseguísemos entrar en salas, viña ben exprimir os cerebros para atopar unha forma orixinal de darlle bombo.»
Podemos seguir a @dhogsfilme e tamén a Andrés nas redes e na súa web: andresgoteira.com
Suso López Paz
Este meirego vive nas Pontes e é enxeñeiro industrial cun máster en materiais. Para quen se pregunte qué fai nesta reportaxe, diremos que Suso é un dos produtores de “Dhogs”, unha das grandes sorpresas deste ano no cine de xénero a nivel estatal, e un filme producido durante catro anos «de empeño absoluto». O seu traballo, no que sexa, é «sacar proxectos adiante, neste momento proxectos audiovisuais».
Se é produtor é por culpa de Andrés Goteira: «comecei facendo curtas con el, de actor, pero para rodalas había que producilas, sen saber absolutamente nada tratábase de conseguir o que facía falta, en cada unha aprendíamos algo novo. Así empecei en 2005, un mes ao ano. Logo en 2013 empezamos “Dhogs”, e todo o que sabía de antes semellaba non ser nada.»
Como produtor de vocación, define este traballo como «acadar os obxectivos plantexados tentado que todo o que ocorre a redor do proxecto funcione ben, e solucionar os problemas cando estes se presentan, pero sempre é mellor evitalos». Elixiu este rol «porque me gusta a parte organizativa, de toma de decisións e modelado dun proxecto. Ás veces tamén creo que ten que ver cunha frustración creativa, que me encantaría que alguén viñera e me dixera, “veña, vouche axudar a facer isto realidade!».
A produtora Gaitafilmes ocupa neste momento o 40% do seu tempo. «Despois son comercial dunha empresa de exportación de castañas e tamén fago substitucións de profe en FP e secundaria. Non vivo en absoluto do meu traballo como produtor, é máis, gasto máis do que gaño como produtor», admite. Con todo «estou convencido de que tarde ou cedo seremos profesionais a tempo completo e sairemos da precariedade laboral.»
E todo isto, sen saír de Meira. Aspira a poder vivir no seu pobo traballando no que lle gusta. O reto agora é profesionalizarse, aproveitando toda a aprendizaxe e recoñecemento que lles está a dar “Dhogs”. Agora mesmo xa están pensando no seguinte filme e teñen tres proxectos diferentes de Andrés para desenvolver.
Máis ala da produción audiovisual, Gaitafilmes implícase na dinamización cultural do seu territorio cun festival de curtas, o “M de Cine”, e un de música e xogos, o “Meirendas”. O 30 de decembro estrean Dhogs na Casa da Cultura de Meira, nunha proxección que promete ser o evento cultural do ano na comarca.
«Que se se pode facer cine desde Meira? Mira, se non fose pola xente de Meira non teriamos sacado adiante Dhogs», exclama, «o rural dache cousas que non che dan outros lugares». Alí nos agardan para cando queiramos pasar: «Podedes seguirnos polas redes de Gaita Filmes e de Dhogs, pero gústannos as visitas e temos unha pequena oficina en Meira, estades invitados a vir polo rural lucense!»
Adrián Canoura
Adrián Canoura (Burela, 1991) defínese como cineasta ou “creador das miñas movidas”, que van desde o videoclip ata o cinema experimental e outros proxectos ligados á música como dúo de electrónica Nistra A súa formación audiovisual comezou na Fundación TIC de Lugo e seguiu cun curso de cámara e realización na Escola de Ficción de Voz Audiovisual. Agora está en Madrid estudando o Máster LAV, Laboratorio de Práctica y Creación Audiovisual Contemporánea, aprendendo de cineastas como Javier Rebollo, Natalia Marín ou Andrés Duque.
As súas creacións destacaron este ano na selección do festival Curtocircuito, que amosou 2 dous seus videoclips, feitos para Nistra e Guerrera, e que estreou na sección Planeta GZ a curtametraxe “O porco e o seu espíritu”, un retrato da matanza do porco feito na casa dos seus avós na que podemos ver o carne, o sangue, as vísceras, a mutilación e o espírito do porco planeando sobre o inverno galego. «Fago películas punkis e baséome na antropoloxía. As miñas pelis non son moi finas mais, pola actitude, polo proceso e por como me enfronto a elas, penso que o de punki é unha definición que me acae ben», explica Canoura, que agora prepara o seu proxecto de master, unha curta duns 25’ titulada “Caerán lóstregos do ceo” na que quere revisar o mundo dos mitos, dos espíritus e da Santa Compaña.
Canoura é fillo e neto de mariñeiros. Este ano presentou no Festival de Nouveau Cinema de Montral a peza “Salitre nas veas”, unha curta experimental que fixo cos seus tíos que andan ao mar. No verán traballa co seu pai no barco, e no futuro gustaríalle facer unha longametraxe peli sobre a vida mariñeira a partir dunhas citas de vídeo que atopou hai pouco, gravadas polo seu pai no barco. Atopei hai pouco unhas cintas de meu pai no barco, que me recordaron aquel poema de Manuel Antonio sobre os soños dos mariñeiros que se perderon como as follas do almanaque.
Mais polo de agora o seu presente e futuro inmediato é terra adentro, en Madrid. «Nunca pensara acabar alí, mais agora estou a gusto, temos con Nistra unha bolsa de produción e xuntámonos un grupiño moi interesante de galegos creando alí. Refírese a Anxo Rodríguez, a outra metade de Nistra, que tamén toca en Novedades Carminha, xunto a Carlos Pereiro Carlangas, que impulsou o selo editorial Crispis para impulsar outros músicos galegos Alex Casanova ou Sensenra. Todos eles fan pandilla en Madrid e fan cousas xuntos, con Canoura ao servizo da parte audiovisual.
Gustaríalle vivir disto facendo videoclips, pero veo moi complicado, porque «todo o mundo quere un videoclip pero ninguén o quere pagar». Tamén ten traballado nalgunha produción en Galicia, pero de xeito moi esporádico, e non se ve tentándoo máis por aí: «Entras en prácticas e segues de prácticas toda a vida. Para iso preiro seguir como creador independente».
Para o 2018 ten varios proxectos, como unha proposta audiovisual para Baiuca, unha banda que mestura a electrónica coa música tradicional galega, e conseguir algunha axuda para distribuír en festivais “Caerán lóstregos do ceo”. Pensa tamén en expandir esta obra a outros formatos, e sacar, canda a película, un libro de fotografías. Interesaríalle neste sentido probar a diversificar o seu traballo en espazos diferentes como os museos, a través da instalación e da videoarte. E está a descubrir autores como Bruce Conner, «amplia o seu traballo de cineasta a varios espectros como os videoclips, pintura, escultura…», ou Jem Cohen, «ligado tamén ao tema punk da música, facía pelis con Fugazi, e interésame a forma na que el traballa». E como referencia próxima, Lois Patiño, tamén pola súa capacidade de expandir o cine por divesos espazos artísticos.
Pero non despreza o espazo dixital, no que atopa inspiración e contido co que traballar: «É o canal no que me nutro case de todo, especialmente para ver artistas fóra do circuíto comercial». Tamén aprecia as posibilidades para a creación: «Gústame facer listas de reprodución en Youtube. Ultimamente chámanme moito a atención as historias de Instagram, ves a todo o mundo facendo a súa película en directo. E Vimeo é unha gran plataforma para publicar. Mola moito que se vexan as pelis no cine, pero na rede están case todos os meus videos, agás os que andan por festivais.»
Podemos velos a partir da súa web: adriancanoura.com
Mar Catarina
Mar Catarina (Vilagarcía, 1988) é artista visual, fotógrafa e realizadora. Tamén é música. E desde o laboratorio PRENOM, que creou en 2011 xunto a Rubén Domínguez, ten feito algúns dos videoclips máis estimulantes da nosa música recente, traballando con grupos como Ataque Escampe ou tamén Chicharrón, banda da que formou parte. Na actualidade segue a fecer música nos grupos jijiji e Esposa. Con estes últimos editou na primavera o LP “Xardín interior”.
O seu contacto coa arte empezou a través da danza. «Sempre tivo un peso fundamental na miña vida pero tiña claro que nunca me dedicaría profesionalmente a ela. Como sabía que non podía ser bailarina, quería ser fotógrafa ou cineasta.» Logo de estudar Comunicación Audiovisual na USC fixo un ano na Pompeu Fabra de Barcelona e aí puido afondar no coñecemento do cinema. Despois chegou Lisboa, onde fixo un posgrao en Fotografía, Proxecto e Arte Contemporánea, que a marcou profundamente. En paralelo chegou PRENOM: «concebímolo como un espazo para liberdade creativa e o traballo en común. Era un proxecto modesto pero cuns principios estéticos moi claros. Eu co-dirixía, axudaba na produción e na realización de videoclips e tamén creei os meus cadernos fotográficos “O cuarto de Bernarda” (2010), “Segunda pel” (2011) e “Piña” (2011). Actualmente, PRENOM creceu e somos un estudio audiovisual e unha editora.»
Máis alá do soporte, a Mar gústalle definir o seu traballo como «unha procura íntima e case autobiográfica daquilo que me conmove e provoca beleza. Procuro a simplicidade e o orgánico das cousas e persoas coas que traballo co fin de acadar a pureza ou verdade delas propias. Para iso sírvome de paisaxes, corpos e movementos que transcriben emocións e pensamentos que, para min, son preocupacións recorrentes.» Esta marcada ollada autoral percíbese nos seus traballos recentes. Cales destacaría? «Estou moi contenta co resultado do último videoclip que realicei (“Na cela”, Chicharrón, 2017) e para min tamén foi moi importante o resultado da exposición fotográfica “A Lagoa” (2012). Tamén estou moi satisfeita cos proxectos gráficos dos álbums “Postal” (Chicharrón, 2016) e “Xardín Interior” (Esposa, 2017).
Na actualidade está a rematar o master en profesorado na especialidade e Artes Plásticas e Visuais e gustaríalle combinar súa paixón polo cine e a fotografía coa docencia «xa que as comprendo como facetas complementarias». Tamén está a traballar nun proxecto de longametraxe, que prepara pouco a pouco: «Todo chegará no seu momento. Agora mesmo estou centrada noutros proxectos máis inmediatos: estou preparando a edición dun caderno de viaxe, escribindo un guión para unha curtametraxe, desenvolvendo unhas premisas para un proxecto multimedia de enfoque televisivo e compoñendo música».
Este desbordamento artístico pode soar a dispersión, mais asegura o contrario: «teño relativamente claro cara onde vou e que ferramentas empregar». A súa proposta estética vaino demostrando a través de todas estas disciplinas, e con múltiples referencias, dende os cineastas Jonas Mekas, Kore-eda, Agnes Varda, Naomi Kawase ou Kaurismaki ata músicos como Victoria Legrand (Beach House) ou Emilio José e artistas como Yoko Ono ou Georgia O’Keefe.
E, aínda que estudou fóra porque quixo e coa crise chegou a contemplar traballar no estranxeiro, neste momento a súa aposta está en Galicia, a pesar da precariedade estrutural que, considera, existe no mundo das artes neste país. «No meu caso entendo a creación dende Galicia como un acto de resistencia», explica. «É moi posible que marchando ao estranxeiro melloraran as miñas posibilidades de atopar un traballo ben remunerado no sector e que me permitise crecer como profesional, como lle aconteceu a moitos compañeiros, pero tamén entendía e entendo que a forma de subvertir o estado das cousas e construir alternativas tiña que ser necesariamente desde aquí».
Podemos seguila no seu canal de Vimeo e no de PRENOM, así como no Instagram.