Papeis da Academia 2019
Queridas amigas e amigos,
É un pracer poder presentar un ano máis os Papeis da Academia. Os Papeis supoñen o balance dun ano de audiovisual no que compartimos logros e inquedanzas, resumimos a actualidade das actividades da Academia e ilusionámonos co que virá no vindeiro ano. Pero este ano non é un ano máis, é un ano no queo noso audiovisual acadou un meirande recoñecemento, tanto nas salas como nos festivais e nos grandes mercados. Sabemos e adoptamos no noso discurso diario que a maneira de ver e de facer audiovisual está a mudar, pero os nosos traballos xa forman parte das platamormas globais,dando así un paso máis na construcción dun futuro. Por iso este ano más que nunca os Papeis da Academia deben ser un motivo de celebración.
E non podemos falar de futuro sen ter en conta á nosa xuventude. Por iso o tema principal dos Papeis da Academia deste ano é o audiovisual na educación. Nos últimos anos estivemos a desenvolver iniciativas co fin de crear este vínculo, traballando co alumnado en centros de ensino e escoitando as necesidades dos docentes. Resultou un diálogo gratificante e xuntos atopamos motivacións comúns. As variadas temáticas dos traballos do noso audiovisual fomentaron valores, formaron novos espectadores con sentido crítico, capaces de escoitar e compartir, e achegouse o talento galego ás aulas, e quizáis, e así o esperamos, espertamos o talento deses nenos e nenas que nuns anos formarán parte das páxinas destes Papeis da Academia.
Na Academia Galega do Audiovisual organizamos un total de 37 actividades longo de todo este ano, e aínda que o número de actividades é inferior a outros anos, logrouse aumentar a asistentencia as actividades. Isto non sería posible sen o indispensable traballo e o esforzo dos nosos colaboradores e do equipo da Academia e sen o apoio das institucions colaboradoras.
Grazas a todos os que cada ano facedes posible que a ilusión siga nas nosas pantallas.
Desde a directiva desexámosvos un moi feliz 2020.
Vós sodes o audiovisual galego.
Pepe Coira, Sonia Méndez, Óscar Cruz, Saamira Ganay, Isabel Naveira, Susana Veira, Xavi Font, Carmen Méndez, Álvaro Pérez Becerra e Ana Míguez.
Xunta directiva da Academia Galega do Audiovisual.
Papeis da Academia 2018
Queridas compañeiras e compañeiros,
Remata un ano e son momentos de facer balance do que remata e de facer previsións para o que ven. Para isto que mellor que os Papeis da Academia, o noso anuario. No que falamos de todo o que pasou neste 2018 e do que vai vir no 2019.
O 2018 foi un ano que amosou, unha vez máis a todo o mundo, o noso enorme talento no cine, a televisión ou en diferentes formatos. Proba disto é a aceptación que teñen por parte do noso público moitas destas obras, ou a cantidade de premios internacionais nos festivais máis esixentes. E semella que no 2019 vai volver acontecer o mesmo. Podemos estar orgullosos do noso traballo, sabemos facelo e sabemos facelo moi ben. Debemos celebrar que temos un audiovisual vivo e diverso.
Na Academia Galega do Audiovisual organizamos máis de cincuenta actividades ao longo de todo este ano. Actividades moi diferentes, que supuxeron un gran esforzo para as persoas que traballan para a Academia. Quero agradecerlle o seu indispensable traballo a Marisela Lens, Miriam Devesa, Miriam Rodríguez, Sonia Díaz, Andrea Villa e Miguel Mariño. Sen elxs, sería imposible.
No continuo espírito de renovación que debemos ter como Academia e como persoas que vivimos para e coa nosa Cultura presentámosvos un novo número dos Papeis. Un formato que pretendemos que sexa ameno e de utilidade non só para académicas e académicos, tamén para persoas que investiguen o noso audiovisual, para estudantes ou para a cidadanía en xeral, o noso Público. Tentamos que sexa un formato que coide cada vez máis o aspecto visual. A encargada dos contidos nesta edición volve ser María Yáñez e as fotografías de Tamara de la Fuente.
O tema central deste número é a historia do audiovisual galego. E conta cunha reportaxe con seis mulleres pioneiras do noso audiovisual. Seis compañeiras imprescindibles que contribuíron co seu traballo á diversidade do noso audiovisual.
O anuario ten varias seccións máis que reflexionan sobre a nosa historia, dan conta das nosas actividades da Academia e fan un repaso a este ano que remata e fala do que vai vir no 2019. Esperamos que sexa do voso interese.
Convídovos a que leades estes Papeis, a que reflexionemos sobre o que se fala neles, e a que os difundades para que a Cidadanía, o noso Público, poida acceder ao seu contido.
Unha forte aperta, boas festas e un moi feliz 2019.
Vento nas velas!
Carlos Ares
Presidente da Academia Galega do Audiovisual
Papeis da Academia 2006-2007
Benvida da directiva
Papeis da Academia nace para ser un instrumento máis que contribúa á mellor función que a Academia Galega do Audiovisual pode ter: a do coñecemento. Xunto con documentos que gardan memoria dun ano de audiovisual galego, o que vai dende maio de 2006 a xuño 2007, Papeis ofrécenos unha oportunidade que habemos coidar, a de dar testemuño desde o ámbito académico de qué e cómo somos, cómo nos ven e cómo vemos.
A transición dos debates que a Academia acolleu para reflexionar sobre o estado das cousas do noso audiovisual forma parte dese testemuño.
E tamén o fan as colaboracións que varios membros da Academia enviaron. Papeis da Academia debe ser, sobre todo, unha publicación construída coas achegas do seu principal – único- patrimonio: os académicos. Todos fomos convidados a participar en liberdade, cadaquén coa súa opinión , co seu tema, co seu ton.
Este é o primeiro número. E han de vir máis. Estamos certos de que, coa experiencia deste primeiro paso, no vindeiro número haberá máis voces. Precisámolas. Todas son necesarias. Vivimos un país e un tempo nos que por veces se volve frecuente un silenzo que pouco ten que ver coa discreción, o que xorde do temor a que falar comprometa. Cando, seguramente, nada compromete tanto coma ese silenzo.
Papeis debe ser reflexo da gran pluralidade – de pensamento e de obra – que acolle a Academia.
Co desexo de ánimo e sorte para continuar co apaixonante traballo que nos é común, co agradecemento a quen nos apoia nesta iniciativa – institucións e empresas anunciantes- e co recoñecemento aos que elaboraron os contidos que veñen a continuación, emprázovos a unha nova entrega dos Papeis da Academia, a do ano que vén, que recolla o que agora, todos , estamos a facer.
Papeis da Academia 2007-2008
Benvida da directiva
Con este segundo número, Papeis da Academia da un novo paso na súa vocación de ser plataforma e testemuño dos traballos, circunstancias e opinións do colectivo que formamos a Academia Galega do Audiovisual.
Como sabes, a publicación que tes nas mans está á enteira disposición dos académicos para que nela poidamos contar e pensar en voz alta. Cremos que é sempre positivo airear os distintos xeitos de pensar, favorecer os debates, coñecer os puntos de vista dos que , cun criterio ou outros, estamos a construír cada día o audiovisual galego. Poucos cometidos igual de relevantes pode ter unha academia.
Neste número vas a atopar rexistro das conversas promovidas dende a Academia no formato clásico, ao redor da TDT, e na contorna virtual da nosa páxina web, onde o Estado das Cousas serviu para reflexionar acerca da crise de modelo audiovisual clásico, das relacións co literatura, da lingua e máis do xeito en que presentar os nosos Premios. Aos que participaron nos debates agradecémoslles a súa xenerosidade. Como lle agradecemos aos que nos achegaron artigos sobre unha variedade de aspectos dos moitos que acaban por conformar o mundo audiovisual.
E has atopar tamén datos con boa parte do que o curso, os doce meses transcorridos entre xullo do 2007 e xuño deste ano, deu de si, do que fixemos, dos que nos deixaron.
Temos a impresión de que estes segundos Papeis achéganse máis cos primeiros ao que queremos, e contamos con que esa mellora continúa dun ano a outro. Está na man de todos e cada un de nós que se xunten aínda máis voces e así o retrato de nós mesmos tema máis definición. A Academia vive conforme á vida que os académicos lle procuramos.
Papeis da Academia 2008-2009
Benvida da directiva
Velaquí un novo número dos Papeis da Academia, o terceiro, o que grava unha imaxe do que fomos, fixemos e pensamos ao longo do curso 2008-09. Mestura de información e opinión, os Papeis procuran unha vía de expresión á que posiblemente sexa a principal razón de ser desta Academia: axudar a coñecérmonos e a que nos coñezan, ser espazo de diálogo para a causa común de cantos traballamos en e a prol do audiovisual galego.
Son os Papeis que corresponden a un curso que, como todos sabemos, resultou ser máis complicado do habitual. Os problemas de coordinación institucional, a prolongada parálise administrativa con motivo do cambio de goberno son fenómenos que non casan ben coa idea de que o audiovisual é un sector estratéxico, que non cadran cun balance cada vez máis variado, complexo e satisfactorio do traballo dos creadores e profesionais.
Foi tamén o curso en que unha nova directiva asumimos as rendas da Academia. Facémolo coa ilusión de manter e mellorar esta casa común, e coa ilusión tamén de animar a tantos que aínda non están a que participen connosco. A Academia é cousa de todos os que construímos o audiovisual galego.
Que o curso que entra nos sexa propicio.
Papeis da Academia 2009-2010
Benvida da directiva
Achegamos un novo número de Papeis da Academia, o cuarto, no que tentamos amosar o que fomos, fixemos e pensamos ao longo do pasado curso 2009-2010.
Un número que pretende ser un instrumento máis que contribúa á primordial función da nosa Academia: o coñecemento. Nel pretendemos amosar como somos, como nos ven e como nos vemos. Como todos sabedes e por razóns coñecidas de todos, este curso resultou ser duro e difícil. Como Academia mantivemos encontros e debates coa administración, fluidos pero tamén coa seriedade e firmeza que consideramos que requiren situacións como a que estamos a pasar. Encontros e debates nos que sempre defendemos a idea de que o audiovisual é un sector estratéxico para o noso país, con creadores e profesionais cada vez máis prestixiados e valorados tanto dentro como fóra das nosas fronteiras.
Tentamos tamén, e seguimos con esa teima, a unidade e o diálogo con todas as asociacións e colectivos que conformamos o sector, na defensa dos nosos intereses comúns, mantendo a pretensión de ser a casa común de todos os que traballamos en e a prol do audiovisual galego. Seguimos coa ilusión de manter e mellorar esta casa común e animamos a moitos que aínda non están nela a que participen connosco.
Seguramente aínda nos agarden momentos duros e difíciles. Continuaremos con ánimo o noso apaixoante traballo e queremos agradecer a colaboración de todos os que contribuídes a que estes PAPEIS sexan unha realidade (a administración, colaboradores, elaboradores de contidos, etc.).
Agardamos que cada vez se xunten máis voces para que nos vindeiros Papeis o retrato de nós mesmos teña maior definición. A Academia será o que os académicos queiramos que sexa.
Unha aperta para todos e que o curso vindeiro nos sexa propicio.
Papeis da Academia 2010-2011
Aquí vos facemos chegar o quinto número de Papeis da Academia, con alguns cambios con respecto a números anteriores pero en definitiva coa mesma esencia, a de intentar achegarvos un pouco a todos parte do que sucedeu e nos sucedeu ao longo deste curso 2010-2011.
Non sería xusto deixar para o final o agradecemento que toda a xunta directiva actual quere amosar coa directiva saínte. O seu foi un traballo duro, difícil, non sempre valorado na súa xusta medida e, como dicía un compañeiro na última asemblea da Academia, valente. Na nosa intención está continuar polo mesmo camiño que eles trazaron, o camiño da unidade con asociacions e colectivos que conforman o sector, e de diálogo coa administración. Seguramente agora máis ca nunca é necesario que todos comprendamos que o noso é un sector polo que hai que apostar de maneira firme e sen excusas. Chegamos a onde chegamos co esforzo, o traballo e a implicación de profesionais e das distintas administracions. Un paso atrás, incluso un simple deixarse levar pola inercia, significaría botar pola borda máis de vinte anos de pasos curtos, pero decididos e sempre cara adiante.
Tamén agora máis ca nunca se fai necesario reclamar compromiso e confianza á CRTVG para que siga sendo o motor e impulsor do noso audiovisual, noso, de todos, dos preto de tres mil traballadores cos que conta o sector máis dos que cada ano se incorporan procedentes das distintas universidades, escolas ou institutos adicados ao audiovisual. Pero, sexamos honestos, tamén nos toca a nos, os profesionáis, asumir o mesmo compromiso e seguir apostando polo talento e a creatividade, pero aportando o traballo e as ideas necesarias para dar ese paso definitivo que nos achegue cada vez máis a internacionalización do noso sector e nos consolide como o que somos: unha industria que xenera beneficios económicos, culturáis e sociáis.
Por último desexar que, entre todos, sexamos capaces de aglutinar cada vez máis o sector e que se incremente de maneira significativa o número de académicos. Aínda quedan moitos compañeiros e compañeiras que necesitamos ao noso lado para levar adiante algunhas desas ideas que, incluso en tempos difíciles, nos impidan dar un paso atrás.
Papeis da Academia 2011-2012
Rematabamos a introducción ao anuario do pasado ano desexando que entre todos foramos capaces de aglutinar o sector e desexando tamén que se incrementase de maneira significativa o número de académicos. Precisamente así queremos introducir este sexto número de Papeis da Academia. Máis ca un desexo, desde a xunta directiva queremos transmitirvos a necesidade de incorporar a compañeiros e compañeiras que nos axuden a manter viva esta Academia. Aproveitamos, pois, estas lineas para solicitar de vos, do mesmo xeito que o solicitamos na última asemblea de socios celebrada o pasado mes de xuño, a colaboración para aportar cantas máis ideas mellor, de cara a conseguir o obxectivo de alcanzar para o próximo ano a cifra dos cincocentos académicos.
Este non foi un ano fácil. Para ninguén. E todo indica que o que ven non vai ser moito mellor. Desde a xunta directiva intentaremos suplir a falta de recursos con entusiasmo e esforzo para que o noso audiovisual siga tendo a presencia e a importancia que os profesionais que compoñemos este sector merecemos. Presencia e importancia que, por outra parte, seguramente nos vai custar máis manter do que nos custou conseguir…
Pero por unha vez, e sen que sirve de precedente, deixemos a falsa modestia a un lado e digamos ben alto e ben claro a quen lle poida interesar que nesta terra andamos sobrados de talento e que, aínda que as peores circunstancias no lo demanden , somos incapaces de facer mal o noso traballo…e non porque non queiramos facelo. Simplemente… porque non sabemos como.
Por último agradecer toda a colaboración, o esforzo, o traballo e o entusiasmo que tantos compañeiros e compañeiras brindaron, en moitos casos de maneira desinteresada, para sacar adiante a Gala dos Premios Mestre Mateo deste ano. Grazas, por suposto, ós distintos organismos públicos e privados polo seu apoio e dunha maneira especial moitas grazas ós grandes profesionáis de TVG que traballaron neste gala, pola súa profesionalidade desde logo, pero sobre todo por demostrarnos algo que xa sabiamos, pero que de cando en vez non ven nada mal recordar e recordarnos: faenamos todos no mesmo barco.
Papeis da Academia 2012-2013
Máis alá das frases feitas, nesta xunta directiva sabiamos que os tempos eran malos e que, dificilmente, todo ía ser suceptible de mellorar. Aínda así, sentímonos especialmente satisfeitos de todas e cada una das actividades que puidemos realizar ao longo destes últimos anos. Todas elas grazas ao tremendo esforzo, colaboración e axuda de moitas persoas, de moitos organismos. Conseguímolo a forza de insistir, de dialogar, de pelexar unha e outra vez facendo uso dos mellores argumentos que temos. Facendo ver con paixón, pero tamén con datos a importancia do noso sector.
Non estamos cansos pero cada ano, faise máis e máis dificil sacar adiante os nosos premios Mestre Mateo, ou poder organizar a nosa Academia Aberta, incluso encher de bos contidos o noso Anuario tamén leva o seu traballo. Afortunadamente, cada ano, tamén contamos con maior participación e colaboración para que as galas sigan sendo o espectáculo que, con crise ou sen crise, sempre foi. A asistencia e participación nas Masterclass da Academia Aberta indícannos que estamos no bo camiño. Con todo seguimos necesitando, e non sabedes ata que punto, seguir incrementando o número de académicos. Dito esto, tamén é o momento de agradecer, e de maneira moi especial, a todos aqueles compañeiros e compañeiras que, con moito sacrificio, continúan con nos.
Virán tempos mellores, estou convencido, pero de non ser así, o audiovisual galego nunca deixará de existir mentres existan técnicos, actores, actrices, guionistas, músicos, directores, directoras, en definitiva, creadores… e algún que outro productor ou produtora que ame o seu traballo. Respecto ao audiovisual en Galicia…desgraciadamente, ese é un tema que, cada vez, está menos nas mans dos que o queremos, e queremos facer con criterios de calidade e profesionalidade.
Papeis da Academia 2013-2014
Calquera diría que non foi moito o tempo que pasou, sen embargo este será xa o cuarto anuario da presente directiva. O cuarto e, polo tanto, último para a maioría dos que formamos esta xunta. Hai catro anos sabiamos perfectamente que, desde logo, non ía ser este o mellor momento para poñerse á fronte da Academia Galega do Audiovisual. Máis alá de intentar manternos e procurar sobrevivir nun sector no que cremos e para o que, humildemente pensamos, os profesionais da nosa terra están sobradamente preparados, tratábase de conseguir da mellor maneira posible non dar un paso atrás. Se o demos ou non, serán o tempo e as distintas análises que no seu día se fagan, quen o xulgue; pero se calquera día, somos conscientes de que todo o que o audiovisual galego conseguiu en uns poucos anos se perdeu en alguns menos, alguén deberá facer constar onde sexa e ante quen sexa, que os culpables teranse que buscar moi lonxe do lugar que os profesionais do audiovisual galego ocupan, ou ocuparon.
Nunca ninguén nos poderá reprochar non poñer todo da nosa parte: o talento, o esforzo, a entrega, a ilusión ou os sacrifios necesarios, deixando como case único límite o que a dignidade e o respecto profesional nos marcan.
Ao longo destes case catro anos, desde a xunta directiva da Academia, non quixemos ser menos que o resto de compañeiros e compañeiras de profesión á hora de aportar sobre todo ilusión, entrega, esforzo e algún que outro sacrificio. Seguramente aportamos pouco máis ou menos a mesma ilusión e entrega, os mesmos esforzos e sacrificios que as anteriores xuntas directivas; sabemos que quen nos suceda, a todo isto, engadirá o talento necesario para que nunca ninguén teña que sentir nostalxia do que algún día fomos.
Con todo…foi unha maravillosa viaxe cargada de coñecemento e aprendizaxe.