Eva & Lilith

Tema de portada: Mulleres no audiovisual galego

Texto: Noelia Toledano

Eva & Lilith

Eva é un nome bíblico hebreo, procede de Jawwäh, transcrito en latín como Eva ou Heva. Deriva a raíz hebrea “j-y-h”: vida. É o nome da primeira muller do primeiro home: Adán.

A historia preséntanos a Adán e Eva como os pais de toda a humanidade, segundo a crenza xudía, cristián e musulmán. Pero xa sabemos que a historia escríbena os homes, e deles: os vencedores. Perpetúan o engano séculos e séculos. Así, nós, estudantes eternas, debemos tragar sapos e cuspir serpentinas de cores para namorar eternamente e ofrecer a Eros o seu mercado semanal.

A orixe de Lilith parece atoparse en Lility e Ardat Lilidous demos femininos mesopotámicos relacionados a súa vez co espírito maligno Lilu provinte do “vento”, “ar” e “espírito”. Por aí veñen os cantos de sereas, a voz aveludado e enganosa da muller, as onomatopeas felinas previas ao “final feliz”… en definitiva, a manipulación emocional dos homes a través das artes amatorias.

Os xudeus exiliados en Babilonia readaptaron a fonética deste ser maligno ao hebreo para levar o mito ás súas terras e subliminalmente sementar no inconsciente feminino colectivo, o que facían as malas mulleres. Así Lilith en hebreo unida coa palabra parónima Lil ofrécenos o significado de “noche”Trátase pois dun demo feminino da noite, que voa polos aires, mata aos recentemente nados e seduce aos homes para poder dar a luz a máis demos.

Dende a Deusa Ishtar,serpes, paxaros, ás e árbores sempre conviviron entroncados coa iconografía feminina.

Aquí en Galicia recoñecemos estas descricións por atribuírllas ás meigas. Aquelas pobres mulleres soas e abandonadas nos montes polas múltiples guerras, privadas de maridos, pais e fillos por batallas, que tiveron que facer fronte ao rexeitamento máis absoluto tras ser superviventes de terribles violacións por parte dos turcos tralas cruentas loitas ocorridas na ría de Vigo. Aquelas pobres mulleres.

Pero xa sabemos que as lendas respecto á muller, transforman seres profanos en seres con atributos paranormais e espirituais por incomprensibles á mente viril. Mulleres que durante anos se defenden soas, coidan do gando e da agricultura, dos seus fillos, loitan contra os inimigos decapitándoos se é preciso e son capaces de abortar fetos xerados polos turcos cometendo infanticidio… Son o peor. O obsceno, incluso a fealdade apodérase delas e as transforma en seres desprezables.

Mulleres (meigas) con grandes coñecementos de fitoterapia que fan e desfán, que deciden, sendo elas as protagonistas das súas historias nunha sociedade como a nosa, de raíces celtas, onde a igualdade reflectíase incluso no enlace telúrico das cordas e o coidado do clan.

Estamos en Galicia. Unha sociedade profundamente matriarcal, máis próxima a Lilith que a Eva, ¿por que entón se segue reflectindo no cine o cisma ao que foi sometida a muller dende hai miles de anos?

Entrañas ou cerebro, paixón ou espírito, perversidade ou honestidade. Risa como frivolidade e drama como sentimento verdadeiro. Sempre somos a parte, nunca o todo. Aínda que ás veces se nos amose como a partícula de po que nubra por un momento a azarosa vida do gran protagonista masculino. E todo por cubrir a fiestra de entradas ofertando ao público as súas escenas de cama e a dose de emocionabilidade xusta, por aquilo de contentar ao público feminino.

Hai mulleres que deciden ser nais e outras que non. E a gran maioría, déixanse levar polas leis que marca a sociedade, o cine e os mass media, que abotargan a nosa consciencia e enchen a nosa memoria RAM de absurdos metade cristiáns, metade pagáns, nos que se es unha cousa non podes ser a outra.

Parece que o home precisa compartimentos estancos para clasificar a unha muller que é tódalas mulleres e el aínda non o entende por unha razón sinxela: non evolucionou.

Lilith foi a primeira compañeira de Adán. Deus (ese ser masculino que implantou o seu monoteísmo usurpando o poder ás deidades primixenias, ás deusas) modelounos como seres independentes da mesmalama. Aburrida da súa covardía, ela quixo ir máis aló e o abandonou. Adán non llo perdoou e fixo que se lle castigase relegándoa ás periferias, á noite, ao sexo e ao prohibido. Maldiciuna sendo nai para parir fillos deformes, demos e desgrazas. Creou á femme fatal. Esa muller vestida de negro, silenciosa, misteriosa e voraz. Coiro. Corsés. Ligueiros. Rock. Drogas. Alcohol. Sexo. Cunha mirada fetichista totalmente masculina, con visións antropolóxicas ao Erich Fromm, o home constrúe a imaxe dunha muller prohibida que arrastra ao pobre ser á perdición.

Por outro lado temos ao acovardado e egoísta Adán xustificándose:

– Hai que manter o “status quo”… Se eu estou así de fábula… Vamos, porque non teño embigo nin nai… Mmmm… un cocidito, a miña cervexiña, o meu cigarro, a miña tele e o meu sofá… ¿Que me conta a louca esa da igualdade no fogar, nos fillos e as súas parvadas?… Logo ponse histérica, claro. “Preciso algo máis”… Vamos a ver, ¿que máis quere se estamos aquí a todo luxo e de gratis?… Que se pire coas súas paranoias e se quere probar algo novo, o seu puto problema…

Pasan os días e Adán non constrúe trama porque non hai un macho alfa co que loitar e competir. Agora está dobremente aburrido.

– Deus, sácame unha costela (sen dor) e faime unha que estea boa… pero modosita. Que lle vaia a marcha.

Misión cumprida. Eva á carta. Madre e prostituta. A porno chacha. Se se aburre do seu papel entón temos á Eva con dúbidas, atormentada e incluso infiel con culpabilidade. Utiliza o sexo como amalgama do amor. Preséntase así a muller como obxecto sexual, expresando a relación de desigualdade e a superioridade dun sexo sobre o outro. Preséntase ás nenas como pequenas evas, persoas que aprenden a ceder, pactar, cooperar, entregar, obedecer, coidar… Aspectos que non conducen ao éxito nin ao poder e que implican que se as considere como socialmente inferiores ás personaxes masculinas, quedando as mulleres reducidas ao espazo doméstico da familia. Amor. Un amor familiar, submiso e dócil. Eva non é parva. Ten diferentes idades e roles. Totalmente emocional. Muller tapete. Pero o seu núcleo é o mesmo, independentemente do seu traballo fóra da casa. Ten o seu carácter e o seu humor, bromea coa súa parella e os seus fillos, pero sempre subxacerá: unha ama de casa namorada. Conforme ou non. Pero as súascuítas dirímense nun entorno emocional e doméstico. Nunca racional. Eva non ofrece desafío mental, por iso Lilith sempre será unha cabrona.

Eva ten un carácter eminentemente cariñoso e emprega o sexo como reclamo amoroso ou como tráfico de poderes para un dominio sobre o home. Defínese e organiza en torno a un desexo infantil, o de ser beneficiada da incondicionalidade materna. O cine amosa ás mulleres cunha mirada masculina, sexista e infantil.

Temos pois os papeis para un perfil de Eva: coprotagonistas ou secundarias de tódalas comedias románticas como a noiva ideal, a amiga fea intelixente, a nai en tódalas súas acepcións, a compañeira fiel de traballo, a acompañante do protagonista en tódolos saraos. Incluso prostitutas boas redimidas por amor. Ese ser protector, aínda que xoguen á disputa para despistarnos nestes días, que coidará e axudará ao suxeito principal das tramas: o home. Ou nos dramas como esa muller abnegada e sufridora, loitadora pola súa familia e polos seus fillos. Culpable dos seus desexos.

O home sempre será o compañeiro, o amigo, o pai, o irmán, o fillo… sempre terá un rol preponderante na maioría dos guións que percorren a súa existencia como parte fundamental daqueles argumentos nos diferentes filmes.

O perfil de Lilith nos cásting, crubriríanos papeis en thrillers, de asasinas, drogadictas, prostitutas pérfidas, as amantes tolas tipo atracción fatal, as amantes apaixonadas e sexuais, as mulleres independentes e ambiciosas, as cabronas, as malvadas, as mulleres sen fillos, as mulleres de vidas disolutas e desestructuradas, as mafiosas…

Quere dicirse que neste reparto vai implícito unha concepción moral xeneralizada do ben o do mal, cos límites máis difusos hoxe en día, que para iso somos unha sociedade moderna e avanzada.

O cine e a televisión reforzan e lexitiman todo tipo de estereotipos sobre a muller. Represéntana en papeis secundarios e tradicionais, de modo acumulativo e repetitivo.

Os medios de comunicación impoñen modas, transforman actitudes e comportamentos, propagan mensaxes, perpetúan mitos e condutas consolidando determinados valores.

¿Por que Taxi Driver non o protagoniza unha muller? ¿Non sería críble? ¿Cantas películas hai sobre mulleres con traumas psicolóxicos xerados polo seu traballo en guerras e non polas súas cuítas amorosas, xa sexa de militares ou enfermeiras? ¿Non hai mulleres taxistas? ¿As mulleres non beben solas en bares anoxadas do mundo? ¿As mulleres non poden empuñar un arma para limpar as rúas de escoura humana? Non. Porque a muller no cine sempre vai ligada a un home para ben ou para mal.

A violencia feminina sempre vai unida á vinganza persoal polo dano emocional dun home, non por motivación propia, por exemplo por esquizofrenia ou como consecuencia da trama na súa aventura persoal na consecución dun obxectivo vital.

Unha muller con mando e forza sempre será temida polo home e espertará nel instintos primitivos e sexuais. Como a descoñece, anúlaa. Pero esa muller non é un macho alfa para enfrontarse e loitar, así que intenta ensombrecela, porque a considera inferior. Ela acepta a súa sexualidade e a súa forza. Ao facelo xa transgrede o que se espera do xénero e o fai pasar, pola súa actividade, de obxecto a suxeito da trama. Xa non queda relegada ao faiado dos soños ou á vida de desfeitos, aprende a filtrarse en tódolos xéneros.

Lilith existe en mulleres de carne e oso que se enfrontan ao dilema social do que son e do que a sociedade machista agarda delas. Prodúcese unha confrontación entre a figura da muller tradicional e a moderna, no mundo do traballo, da educación, da esfera política, etc. O descoñecemento deste tipo de muller xera desconfianza no xénero masculino limitando a súa presenza a encontros sexuais ou a asasinas en serie, e ante o perigo inminente da súa sedución, só cabe a desvalorización e móstrase con desdén como unha muller arrastrada polas súas paixóns. O arquetipo de Lilith trastoca a visión binaria de Eva, para propór algo diferente, aínda que sempre vai acabar en desgraza.

Isto reflíctese no cine, que non deixa de ser unha fantasía falocrática.

Se isto se amosa na dicotomía home-muller, o concepto cinematográfico muller-muller como parella xa é a máxima rebelión contra o sistema. Películas rodadas e guionizadas por homes sobre as relacións lesbianas non deixan de ser unha visión totalmente sexual e estereotipada dende un punto de vista masculino.

En xeral, o cine considera dunha maneira moi pálida os papeis das mulleres en comparación co trato que dan aos homes, incluídas as películas homosexuais. As mulleres seguen sen ser protagonistas, en xeral son copartícipes no desenvolvemento da trama e iso é moi relevante socialmente, porque o protagonista é quen centraliza toda a acción. Atopámonos cunha contradición e é que, por un lado, os mozos reciben un discurso explícito que lles fala de igualdade e, por outro, reciben unha educación emocional, a través das imaxes e do cine, que lles fala doutra cousa; por exemplo, que eles son os que resolven, os que toman a iniciativa, os máis listos e sempre van acompañados por mulleres espectaculares, torpes e perversas. Inocente versus malvada.

A figura feminina varía da nena-muller terna e poética, torpe e inocente que agarda ser rescatada de algo inconscientemente e aí están numerosos personaxes interpretados por varias actrices: Winona Ryder, Julie Delpy, Audrey Tautou, Juliette Binoche, Julia Roberts, Andie MacDowell, Meg Ryan…a mulleres de rompe e rasga limitadas aos máis escuros desexos: Gena Rowlands, Anne Bancroft, Melína Merkoúri, Sharon Stone, Marlene Dietrich, Simone Signoret, Bette Davis, Charlize Theron.Mulleres que fan o que queren e deciden, elas son as xeradoras de conflitos e protagonistas das tramas nas peripecias das súas vidas.

Figuras como Anna Magnani ou Sofía Loren son un híbrido destes dous conceptos, mulleres poderosas pero cunha forte carga social e relixiosa con imperativos machistas. Son liliths atrapadas en evas.

Hoxe en día, revestidos de intelectualidade,wikpedia e spotify, con corpos deslumbrantes admirados dende distintos ángulos e filtros, temos a “mulleres-nenas obxectos” que pretenden ser suxeitos sen loitar, deixándose acariciar polo bálsamo machista imperante nesta sociedade onde a estética imperante, a idade e a beleza é o cárcere de toda fémina. Mulleres malfaladas, irascibles, mamporreras que se drogan ou afogan en alcohol, que follan a dous bandos e a berros enarbolan a bandeira libertaria. Non deixan de ser máis que evas xogando a autoenganarse, querendo chamar a atención do seu Adán. Mulleres que intentan demostrar o libres e o independentes que son, non son máis que unha versión máis depurada de evas. As evas posmodernas.

Os conceptos no cine están difusos porque son epidérmicos. Hai que rachar as vestiduras e revolverse nas entrañas para darse conta de verdade do que supón amosar a unha muller na pantalla en profundidade, cos seus conflitos máis alá da emoción, coas súas metas, coa súa valentía sen depender do ámbito familiar. Amosar a mulleres de honra, con principios, que sempre as houbo e aínda existen. Mulleres traballadoras en tódolos sectores que son conscientes de tódalas realidades. Mulleres que ofrecen desafíos mentais e son capaces de defenderse ante os innumerables perigos e aventuras, capaces de transgredir e sublimar actos nos cales as súas metas non están ligadas, ou si, a conceptos familiares ou amorosos. Mulleres feitas de boa madeira, que teñen ás, garras de paxaro e serpes o seu lado. Mulleres con raíces celtas que están apegadas á terra e ao espírito.

Ese deberá ser o noso cine. Non un cine feminino ou realizado por mulleres. Non. Cine. Historias. Un cine cun sabor peculiar, cun calidoscopio profano, escatolóxico, sexual, espiritual, envexoso e ruín, vingativo, antropolóxico, ritual, supersticioso, tradicional e mortuorio ao redor dunha lareira e con olor a chourizo e a herba acabada de cortar. Palabra de muller.


Periferias

Tema de portada: Mulleres no audiovisual galego

Texto: Iago González

Periferias

En 1895 Alice Guy, secretaria de León Gaumont, asiste a unha demostración dunha cámara recentemente inventada polos irmáns Lumière. Ao ano seguinte, e tras realizar a que probablemente sexa a primeira película narrativa da historia, dicía:

Pensei que podía facelo mellor? Revestíndome de valentía, propuxen timidamente ao Sr. Gaumont que pensaba en escribir unha ou dúas historias curtas para que os meus amigos se divertisen. Se o Sr. Gaumont puidese ver entón o que pasou coa miña tímida proposta, probablemente eu nunca obtería o si afirmativo. A miña mocidade, a falta de experiencia, o meu sexo, todo conspiraba na miña contra.

Tiveron que pasar 100 anos ata que Alice comezou a deixar de ser unha nota en estudos globais sobre a historia do cine. Xa no século XXI iniciouse un intento de recuperación de datos sobre a obra dunha muller que puido dirixir preto de 1000 pezas, e que estivo á fronte da súa propia compañía ata que a industria toma forma no oeste norteamericano aniquilando toda competición empresarial no leste.

Un dos principais problemas para localizar os seus traballos deriva da manipulación dos créditos de moitos deles. Co tempo, estes pasaron a ser atribuídos a outras persoas, homes, algo que ela mesma anticipou que sucedería.

Cando Doris Wishman se lanza a dirixir a película sexploitation Bad Girls Go to Hell en 1965 decide asinala como Louis Silverman. Wishman, que viña de dirixir nudies desde que no ano 59 se viu na necesidade de sobrevivir á súa viuvez, considerou que, malia a súa traxectoria previa, requiría un alter ego masculino para poder penetrar neste subxénero.

Sen unha pretensión fílmica excesiva, a carreira de Wishman transita sobre as explotacións da sexualidade co principal interese de facer caixa. Nuns anos nos que comezan a depurarse os eixos de subxéneros sobre os alicerces dunha sociedade cada vez máis aperturista e intelectualizada, traballa ata atoparse coa legalización da pornografía, de onde se retira incómoda pese a coincidir coa actriz e activista Annie Sprinkle, quen décadas máis tarde sería unha das precursoras do post porno.

Doris filmou o seu último traballo en 1978, pero A Night to Dismember non se estrea ata 1983. A súa primeira explotación sen sexo (neste caso, seguindo a moda do slasher) perde o son e boa parte do metraxe durante un incendio. Con dose extra de imaxinación consegue facer unha remontaxe que, malia os seus numerosos logros, durante décadas sería tomado a chiste por un público especializado que non deixaba espazo para determinados experimentos.

A principios de 2000 xurdiron rumores de que Spielberg podería estar tras unha película sobre Leni Riefenstahl. Non só as presións da industria cortaron este e outros proxectos sobre a directora, senón que en 2007, e ante a posibilidade de que participase nos xogos olímpicos de China en 2008, Mia Farrow preguntou, desde os medios, se Spielberg quería converterse na Leni dos xogos de Beijing.

Ser unha visionaria ao formular os seus traballos cinematográficos en Alemaña, xamais serviu para separala da vergoña pública coa que a martirizaron por contribuír decisivamente ao poder visual e estético do nazismo. Riefenstahl pasou as súas últimas décadas rendida ante a beleza dos nuba e os fondos oceánicos, onde, grazas ao submarinismo, conseguiu recuperar a mobilidade que lle roubou toda unha cadea de grandes dores físicas.

Como adoita suceder, trala súa morte recoñecéronse algúns dos seus méritos, aínda que xamais de xeito oficial: talvez o ser invitada de honor nos xogos olímpicos de Montreal en 1976 é o máis cerca que chegou a estar de que a opinión pública pasase páxina nun libro que non admitía reescrituras, pero si aprendizaxe.

Exemplos como os de Alice, Dores e Leni hainos a fartar. Pero non no audiovisual: no día a día, no cotián. Pensar no papel da muller desde o sectorial segue parecendo tramposo cando nas rutinas existe unha falla para a que aparentemente non hai un arranxo sinxelo.

O interesante a partir destes tres casos é buscar un fondo ao tratamento do histórico:

  • Leni convertida en insulto
  • Dores como un chiste anómalo
  • Alice esquecida nunha historia pouco dada á revisión

Sucede que cando unha dinámica convértese en costume, o cambio de tendencia vólvese máis complicado: aquilo que se puido corrixir pasa de ser un posible erro a un cimento da construción social. A partir de aquí, o que se pode facer sobre a marcha parece irrelevante, e talvez só cabe esperar a que a lei do péndulo posibilite novas variables.

Alice morreu en New Jersey en 1968, pouco antes de que Doris competise co propio Russ Meyer realizando os seus sexploitations, e de que Leni fose abrazada pola contracultura norteamericana. Talvez se por aquel entón existira Internet teríanse dado os factores necesarios para que algo extraordinario sucedera: que se recoñecese a carreira dunha pioneira, que se asumise que o soez podería ser celebrado como unha ruptura de barreiras, e que o pasado se superara escoitando repetidas peticións de perdón.

Probablemente seguimos agardando polo momento máis adecuado.


Camiño de situarnos á cabeza do mundo en canto á presenza equitativa de homes e mulleres no noso audiovisual

Tema de portada: Mulleres no audiovisual galego

Texto: Chelo Loureiro

Camiño de situarnos á cabeza do mundo en canto á presenza equitativa de homes e mulleres no noso audiovisual

A reivindicación da actriz Patricia Arquette -gañadora do Óscar pola súa interpretación en Boyhood– denunciando a desigualdade salarial entre profesionais mulleres e homes na industria do cine en EE.UU., podería facerse extensiva a todo o mundo. Pero o que desde CIMA -Asociación de Mulleres do Audiovisual- levamos anos reivindicando vai moito máis alá: unha presenza equitativa da muller na creación, autoría e postos de responsabilidade nos medios audiovisuais para contribuír a crear unha sociedade máis igualitaria e diversa. Porque se a preparación e o talento non distingue sexos, por que son moito menores as oportunidades das profesionais mulleres para ocupar estes postos?

A muller é máis minoría hoxe no cine de Hollywood que hai dezasete anos segundo o estudo que cada ano publica “The Celluloid Ceilling” -Centro de Estudos da Muller no Cine e na TV da Universidade de San Diego- que fala das diferenzas de xéneros na Industria Cinematográfica dos EE.UU. No 2014 Angelina Jolie, coa súa segunda longametraxe Invencible, foi a única muller directora entre as 100 películas con maior recadación. E non é por unha cuestión de talento, senón polo escaso número de mulleres profesionais que dan chegado a formar parte desta industria: en dirección un 7%, un 5% en fotografía ou en son, e tan só un 1%conseguen asinar un traballo como compositoras. As porcentaxes soben a un 11% en montaxe, 15 % en guión, 19% en produción executiva e chegando ao 23% como produtoras. Pero o máis preocupante é que entre as 250 películas de maior recadación nos EE.UU., do ano pasado, no 38% non teñen ningunha ou tan só unha muller contratada nestes cargos, e só o 3% superan a cifra de 10 mulleres nos equipos. Ou o que vén sendo o mesmo: os produtores non dan a oportunidadeás mulleres para chegar a formar parte da industria audiovisual.

O número de traballos realizados ou producidos por mulleres que conseguen ser premiados en festivais ou academias de cine é a radiografía do sector: as porcentaxes de premios son moi inferiores ás dos homes, precisamente, porque o número de traballos cunha muller na dirección, guión, produción… é escaso.E porque tamén é escasa a presenza de mulleres formando parte dos xurados de festivais e mesmo como programadoras, o que contribúe a que, por riba de ser moi inferiores en número, é moito máis complicada a visibilidade das obras con autoría feminina.

Pola contra,o que cada ano queda patente nos Mestre Mateo é que, lonxe de estar equilibrada a presenza de mulleres en postos de responsabilidade na nosa Comunidade –sobre todo en dirección-, Galiza é a primeira Comunidade que camiña cara á normalización en canto a cuestións de xénero desta industria cultural-emoi probablemente de todos aquelespaíses que contancunha cinematografía desenvolvida-, e o constata o número de premios recollidos por mulleres na XIII edición, superando xa o 50%, o que constitúe, sen dúbida algunha, un excepcional fito histórico.

Ademais dos premios que habitualmente recollen mulleres coma os de Perruquería e Maquillaxe ouVestiario –Susana Veira e Mar Fraga-;tamén o recolleron nesta edición Marga Pazoscomo Mellor Comunicadora de TV;Premio ao Mellor Videoclip –Olga Osorio-;Mellor Guión –Jaione Camborda-;Mellor Documental –Susana S. Recouso-; Anuncio Publicitario –Virginia Curiá-;Programa de Televisión –Pilar García Rego-; ou Mellor Longametraxe de Animación –Mamen Quintas-;e Curtametraxe de Ficción –Elena Olivares-;e até Mellor Compositora –Zeltia Montes-. As actrices Mabel Rivera e Ledicia Sola conseguiron o premio á Mellor Protagonista e Actriz de Reparto, e tamén o Premio de Honra foi para a veterana actriz Fely Manzano, polo que un total de catorce mulleres subiron a recoller outros tantos premios dos 26 que concede a Academia Galega do Audiovisual, superando así a porcentaxe histórica do pasado ano en que foron 13 os premios recollidos por mulleres.

Se partimos da base de que son os produtores quen deciden as contratacións dos equipos, estou segura de que algunha responsabilidade desta elevada presenza feminina nos premios –e, por tanto, de seren escollidas para realizar os traballos que deron pé a obtelos- a ten o extraordinario número de mulleres produtoras que están ao fronte das empresas audiovisuais galegas. Sen poder dispor dunha estatística científica atrévome a afirmar que na nosa Comunidade supéramos o 80% da totalidade cando a media estatal está no 21%-. Aí están e segue a medrar o número de mulleres produtoras comoSusana Maceiras, Zaza Ceballos, Emma Lustres, Luisa Romeo, Manane Rodríguez, Margarita Ledo, Cani Martínez, Sara Horta, Mara Gutiérrez, Inma Castaño, Montse Besada, María Arochena, Dolores Ben, Fernanda del Nido, Mamen Quintas, Inma Castaño, Carme Rábade, Teresa F. Valdés, Isabel Rey, Sonia Méndez, Pilar Comesaña, María Liaño, Elisa Saldaña, Amalia Mato,Pilar Sueiro, Beatriz Legerén… todas elas con recoñecida traxectoria internacional.

Non cansarei de repetir que se na primeira década do século XXI o Audiovisual galego destacaba como elemento diferenciadorno panorama internacional polaemerxente e innovadora industria da Animación, nesta segunda década é o protagonismofeminino do noso Audiovisual o que nos singulariza e sitúa á cabeza dos países desenvolvidos cinematograficamente. Se continuamos dando a visibilidade que merecen as nosas profesionais, con moita probabilidade chegaremos a ser o primeiro país do mundo que acade a presenza equitativa de homes e mulleres na industria audiovisual.

Atravesamos momentos nos que escasean os motivos de celebración polo que non debemos desperdiciar esta boa ocasión para felicitarnos por ter acadado esta estatística que amosa a capacidade e calidade das nosas profesionais e coa que, máis importante aínda, poder estimular ás futuras profesionais que enchen –tamén maioritariamente- as aulas de facultades e escolas de Cine.


Só porque as cousas sexan así non quere dicir que o deban ser

Tema de portada: Mulleres no audiovisual galego

Texto: Isabel Iglesias

Só porque as cousas sexan así non quere dicir que o deban ser

Comentaba nunha reflexión previa a este artigo que o tema proposto pola Academia para o anuario deste ano resultoume tan abafador como desconcertante. O primeiro porque “a muller” non é un tema senón máis do 50% da poboación e o segundo porque de pouco serven as opinións sen debate e sen propósito definido.

Custoume atopar enfoque porque pouco podía aportar reproducindo os (negativos) datos que reflicten informes, observatorios e artigos. Pero tampouco me apetecía o ton defensivo que destila o subliñado dos (moitos) casos de directoras, realizadoras e demais profesionais do sector, que demostran que non se trata de limitacións intrínsecas senón de barreiras externas dun sistema tan anquilosado e arcaico como poderoso.

Na miña reflexión previa cheguei á conclusión de que o punto de partida non deixaba de ser o mesmo que en outros moitos sectores e profesións: o diñeiro e o poder. Pero, ¿cómo abordalo sen caer en personalismos ou manidos argumentos? Necesitaba un exemplo concreto, e pareceume que podería ser o da Escola de Cine do Sahara Occidental.

A finais de 2013 tiven ocasión de acercarme ao seu traballo nun acto do colectivo Left Hand Rotation e quixen saber máis. Afondando na súa Web sorprendeume a súa aposta por unha futura industria audiovisual propia, pero o que máis me destacou foi a contundencia das conviccións das que parten: a potencia do audiovisual (como linguaxe e como canal) e que o futuro, por difícil que pareza, no só está por construír senón que depende de si mesmos.

Como final do acto de aquel día proxectáronse 16 curtas, de un minuto cada unha, realizadas por estudantes da escola. Houbo minutos certamente intensos, de feito a frase que da título a este artigo tomeina prestada dunha das curtas. Destacaron en calidade os traballos dirixidos ou realizados por alumnas. Cativoume especialmente o de Digja Mohamed Salem titulado Esperanza e tenruraSigo preguntándome cómo en esas dúas palabras, e en tan só 60 segundos, cabe o pasado, o presente e a potencia do futuro soñado.

¿E por qué me pareceu adecuado este exemplo para o artigo? Pois de entrada pola determinación dun pobo que, privado ata do seu territorio, ve no audiovisual unha oportunidade para manter e proxectar a súa esencia. É dicir, non o consideran un luxo senón unha táboa de salvación para recuperar a posición no mundo: o arte e a creación como obxectivo e como instrumento. E isto me leva a facerme preguntas sobre que ocorre cando a carencia de medios pon a home se mulleres no mesmo punto de partida.

Dicíannos na exposición previa ás proxeccións que na Escola de Cine del Sahara hai más alumnas e que, en xeneral, aplícanse máis e acadan mellores resultados que os alumnos. Parece que cando o sistema non impón a súas regras, cando faltan os incentivos e circuítos do “diñeiro e o poder”, o talento e o traballo son a mellor baza para poder avanzar.

Non pretendo desenvolver una teoría ao respecto pero no é difícil intuír que si en algún momento cambia a situación económica de la Escola ou do pobo saharauí, séculos de tradición varrerán e relegarán esa liberdade creativa en aras das “urxencias”.

No noso civilizado e desenvolvido mundo os indicadores son outros. O do talento e o traballo é un intanxible difícil de demostrar así que precisamos aferrarnos á medición de síntomas que nos levan por terreos pantanosos, como a desagregación por sexo na concesión de subvencións, a presenza en medios ou en comités e xurados. Ao cabo, todo máis relacionado co envoltorio que co talento e a profesión. O problema segue estando nos modelos de negocio (diñeiro) e nos círculos de poder, que son restritivos, insolidarios e autocompracentes.

Pero non quería deixar de facer referencia ao Test de Bechdel que, coas súas tres “sinxelas e potentes” preguntas, bota bastante luz sobre a brecha de xénero nas obras de ficción. Só si se pode responder “si” a dúas das tres preguntas significa que o contido non instrumentaliza á metade de la poboación:

  1. ¿Na película saen ao menos dúas personaxes femininas?
  2. ¿Teñen nome e falan entre elas en algún momento?
  3. ¿Esa conversación trata de algo que non sexa un home?

Resultoume esperanzadora á reflexión dun coñecido director sobre a súa propia obra: “Como director que non pasa o test de Bechdel, creo que 1) Non é un ataque 2) Non é unha críticaÉ a clarificación dun síntoma a corrixir”.

Cando menos contrarresta a oportunista nostalxia dos tópicos que pretenden un homenaxe de cine á muller con títulos tan épicos como “Con la pata quebrada”.

No hai que buscar as fronteiras no estranxeiro senón moito mucho máis preto. Porque fronteira é o tránsito social entre dúas culturas, aínda que convivan no espazo e no tempo.