Manuel Precedo, cineclubista

En 2020, o Cineclube Padre Feijoo cumpriu 50 anos. Como saberá calquera persoa que participe no asociacionismo cultural, isto é motivo para unha celebración por todo o alto, pero ao final as circunstancias cadraron un pouco mal, como saberá calquera persoa, en xeral. O seu presidente, Manuel Precedo, explica, por exemplo, que contaban coa visita de Esteve Riambau, o director da Filmoteca de Catalunya, para un encontro con cineclubes de Cataluña, de Portugal e de Galicia: “Sabíamos que tiña moi bos recordos porque o primeiro “bolo” que fixo foi en Ourense, co Cineclube Padre Feijoo daquela, no ano 73, cando se fixeran as segundas Xornadas do Cine das Nacionalidades”. Finalmente levárono a cabo en setembro, pero foi “un pouco fracaso, porque ademais coincidiu que subían moito os casos”, e tamén planificaron concertos que non puideron facerse.

Con todo, mantiveron algunhas das ideas centrais do aniversario: volveron proxectar Nueve cartas a Berta (o filme co que iniciaran as proxeccións en 1970), homenaxearon a socios e socias históricas do Cineclube e están a desenvolver o ciclo “50 anos, 50 filmes”, cunha chea de clásicos máis e menos recentes. Ademais, este decembro combinan esas proxeccións con sesións nas que colaboran co CGAI, as do Festival AMAL en Ruta ou o seu Ciclo de Outono en Ribadavia, no que proxectan na Igrexa da Magdalena desa vila.

Ao mesmo tempo, a distribución en liña (que está a presentarse a miúdo como complemento ou alternativa mentres as presenciais non sexan posibles) non ofrece en xeral opcións viables para unha actividade non comercial e que ten un carácter marcadamente local: “é complicado que nós defendamos a vía streaming como posible solución, primeiro porque hai unha dificultade tecnolóxica, xa que tes que depender sempre de terceiros, e despois porque ti non tes os dereitos dos filmes”. Aínda así, na súa traxectoria o traballo do Cineclube Padre Feijoo á hora de dar acceso a filmes non só se deu nas proxeccións en sala, senón tamén, por exemplo, nunha labor de arquivo de traballos audiovisuais feitos en Ourense que van achegando á biblioteca pública da cidade. Precedo vincula isto con iniciativas online como Flocos.tv, e reivindica a posibilidade de que as institucións fomenten este tipo de opcións: “A administración ten os cartos suficientes; se a FECIGA tivese cartos suficientes, ao mesmo nivel que está a federación catalana, por exemplo, ao mellor podía facelo, pero para un cineclube pequeno véxoo inviable”.

Polo de agora, cineclubes como o Padre Feijoo seguen entón cunha labor fundamental, que é a de chegar onde non chega o circuíto convencional do cinema. Isto sucede no sentido xeográfico pero tamén no do tipo de cinema que proxectan, como indica Precedo ao sinalar a posibilidade de que os cineclubes fagan circular “traballos que non teñen distribución comercial, pequenas obras que se fan en Pontevedra, en Ourense, en Lugo… que sempre quedan como algo local e despois non circulan”, pondo o exemplo de Mutantes, o filme de Álvaro Larriba sobre o Liceo Mutante. De cara ao ano que vén, espera poder retomar a idea do encontro de cineclubes, para poder poñer en común as formas de traballar e trazar colaboracións tamén con outras entidades que traballan nas canles de distribución alternativa. “Eu creo que dos encontros sempre hai unha sinerxia que se pode aproveitar, dicir “que ben fan os de Girona, podemos facer o mesmo”. Facer o encontro é frutífero, o malo é levar o traballo de facelo. Tentarémolo se as cousas veñen mellor que ata agora”.



Ángel Sánchez, director de festival

O 2020 foi para os festivais galegos do audiovisual un ano de aplicar a inventiva para adaptarse a un contexto tan cambiante. “En Proxecta somos dezaseis festivais”, explica Ángel Sánchez, presidente da Coordinadora Galega de Festivais de Cinema (Proxecta) e co-director do Play-Doc de Tui. “No formato híbrido fomos cinco festivais (Curtocircuíto, S8, Play-Doc, Cans e a MICE). Outros optaron por un formato eminentemente presencial, como Cineuropa, o FICBUEU, o Curtas Festival do Imaxinario, o Galician Freaky Film Festival, Intersección ou o VIA XIV de Verín, e o Carballo Interplay tivo que reformularse na última semana como 100% online”. O festival Novos Cinemas está previsto para este decembro nunha situación aínda incerta, e a ChanfainaLab ou o FanCine de Lemos suspendéronse este ano. O balance é, como pasa no sector en xeral, desigual, con moitas fortalezas pero tamén debilidades transversais. “Creo que imos por diante, que os eventos culturais demostramos profesionalidade, capacidade de ser vangardistas, de xerar espectadores críticos e polo tanto unha sociedade moito máis rica… E desde as administracións subestímasenos un pouco, polo que temos que facer bastante pedagoxía. E niso estamos cando constituímos entidades como a coordinadora, como Proxecta ou como Pantalla a nivel estatal.”

No que se refire a Play-Doc, mantiveron unha asistencia presencial de 1.800 persoas (no contexto dunhas reducións de aforo do 70%) e chegaron a 15.000 máis a través de Filmin, onde complementaron o programa de novidades coa recuperación de retrospectivas nas que en anos anteriores achegaran ao público a obra de Les Blank, Ross McElwee ou Dominic Gagnon. “Para nós a experiencia efémera dun festival presencial, nunha sala de cinema, en comunidade, é insubstituíble. Outra cousa é que poidas combinar. A parte virtual dáche a oportunidade de expandirte a un público máis amplo que non ten a capacidade de estar alí”. O contexto acelerou así a virtualización dalgúns eventos e abriu novas posibilidades para eles, entre as que Ángel Sánchez destaca a de rexuvenecer os públicos, a do live streaming que achegue a profesionais para experiencias en directo nas que outra maneira non poderían participar, e “unha oportunidade de retorno económico, de monetizar os contidos para que sexan unha oportunidade de financiamento”.

 

De todas maneiras, Ángel Sánchez insiste na dificultade de continuar a avanzar, no cualitativo e o cuantitativo, se as estruturas dos festivais continúan a ser fráxiles, e pon en contraste a importancia dos festivais no crecente prestixio do cinema galego nos últimos anos (“estamos acorde cunha gran xeración de creadores audiovisuais que medraron ao carón destes festivais e que se retroalimentaron con eles”) cunha implicación por parte das institucións que é desigual, e que no contexto actual é crucial. Con todo, a labor de Proxecta axuda a operar nesta situación: “Dun tempo a esta parte conseguimos ser asesores na redacción das axudas da Xunta, mellorar as bases… Estamos tamén elaborando estudos internos de impacto, de análise das nosas estruturas, do impacto económico que xeramos…”. A participación de Proxecta na recén creada federación que une ás coordinadoras do Estado, Pantalla, pode abrir no futuro próximo unha etapa de maior unidade e capacidade de presión para o sector. Polo de agora, o traballo segue e Play-Doc vén de abrir as inscricións de filmes a competición para a súa edición de 2021.



Milo Baños, distribuidor e exhibidor

A web de Baños Films presídea unha sorte de lema: “O cine evoluciona. Nós evolucionamos con el”. Activa desde 1953, esta empresa dedicada á distribución e a exhibición viu pasar unha boa parte dos cambios e crises que, cada certo tempo, asustan á cinefilia e á industria, e seguramente iso fai que hoxe Milo Baños observe a situación do seu oficio coa preocupación que dá estar no peor momento da historia en termos económicos, pero tamén con certa esperanza: “Non estou baseándome en ningún dato empírico, pero creo que o cine vai volver traballar. O cine pasou por crises importantísimas, anunciouse a morte do cine en multitude de ocasións e o cine segue tendo o seu espazo. Pero si que é certo que ao mellor as regras do xogo van variar”.

Nestes últimos meses, de feito, practicamente non fixeron outra cousa que variar, e o traballo actual de Milo está marcado pola incertidume e a necesidade de actuar con dinamismo. “Imos adaptándonos no día a día. A min hoxe chámanme e dinme que hai unha estrea a próxima semana e xestionámola. Poden chamarme pasado mañá e dicirme que se anula, e anulamos a estrea. Estamos improvisando constantemente en función de como van tomándose medidas e dos números da pandemia”. Con todo, precisamente por esas medidas a carga de traballo é menor: hai menos estreas e menos espazos para acollelas. Desde Baños Films xestionan a exhibición en catro locais municipais que agora mesmo están pechados, e Milo comenta o ambiente dramático da situación: “Antes da chegada da pandemia proxectaban en Galicia 36 complexos. Esta fin de semana [a do 15 de novembro], de vinte e oito complexos que reabriran pecharon oito. Catro o venres e catro o domingo. E os que non pecharon reduciron pases e pecharon salas”.

De cara a como se artellarán esas regras de xogo no futuro, Milo non ve unha ameaza nas plataformas dixitais: “é normal que aparezan e temos que convivir uns con outros”. Si que observa que o mercado en xeral vai cada vez máis rápido e que o peso desa publicidade constante se deixa notar no cine: “Unha película antes aguantaba perfectamente en cartel meses, incluso. Hoxe por hoxe, unha película que ten un mes é unha película vella, por desgraza”. Ademais apunta que algunhas empresas de distribución contaban con estruturas febles e iso podería facer que non superen esta crise: “As majors, de quince anos para aquí, coparon practicamente todo o mercado. En agosto do ano pasado houbo unha semana na que o 75% da recadación foi dunha soa distribuidora, que era neste caso unha multinacional. Cada vez tes menos posibilidades de lograr estrear”.

Con todo, non todo son problemas, e Milo tamén destaca a aparición nos últimos anos de salas en varias cidades que xeraron un espazo para o cine autoral e alternativo ou como, no medio de todos os cambios e ameazas, o cine acaba tamén adaptándose e conservando sempre o seu espazo. “Eu penso que as películas nacen para verse nunhas condicións concretas, nunha pantalla grande, cunhas butacas boas, o son…”, apunta Milo. “É unha forma máis sinxela de imbuírse totalmente dentro da temática da película, que é moi difícil de conseguir nun domicilio. E en último termo, o cine tamén é un acto social. Ti podes tomar unha Coca-Cola na túa casa e unha Coca-Cola no bar cos teus amigos. Na túa casa vaiche saír tirada de prezo e no bar vaiche costar seis veces máis, pero aínda así vas ao bar. Pois o cine eu creo que tamén é un pouco o mesmo”. En definitiva, as posibles alternativas ao cinema non ofrecen o mesmo, así que hai motivos para confiar en que esta crise sexa, como as anteriores, pasaxeira.



Alicia Dapena, técnica de vestiario

“Tivemos a sorte en Saturna de non parar desde que coñecimos o maldito covid, e iso non vai cambiar a ilusión que temos cada vez que estamos diante dun guión”. Alicia Dapena explica que a parte creativa do seu traballo segue a ser a mesma. Ela e a súa irmá e socia Lola seguen a imaxinar o vestiario que axudará a construír a cada un dos personaxes, e seguen a atender aos estilismos que atopan en calquera contexto por se fosen útiles: “Non podo evitalo, vou pola rúa e teño que estar sempre reparando no que levan os demais. Dá igual que sexan cousas raras ou non raras; de súpeto reparo nun veciño e é “isto que ben me vén para Cayetano”. É como cando vou a un museo, miro os cadros e no que máis me fixo é na indumentaria”.

 

O que non segue a ser o mesmo é a parte práctica, tanto no que se refire a conseguir o vestiario como a traballar con el nunha rodaxe. Nos últimos meses, Saturna participaron na gravación da segunda tempada de Hierro, na do filme Cuñados ou na da serie Chegar a casa, e atopáronse con problemas que antes non tiñan, como as dificultades para viaxar ou a lentitude dalgúns procesos: “Un método de traballo que moitas veces utilizamos, que é ir a un centro comercial, porque concentra tendas nun pequeno espazo e sempre imos escasas de tempo, agora ten problemas. Ademais do medo que hai ás veces, ti non podes acceder a caixa da maneira que o facías antes, e xa non digamos cando tes que cambiar as tallas”. Ao manipular a roupa, tamén aparecen outras necesidades, xa que agora, por exemplo, hai que intensificar os lavados e a desinfección ou vixiar a separación das prendas do reparto: “Necesitamos felpudos, necesitamos plastificar toda a roupa separada… Tonterías como que antes os zapatos, cando ían nun camión ou iamos nunha furgoneta dunha localización a outra, ían mesturados, pois agora levamos un tupper para cada personaxe”. Xa que logo, as tarefas técnicas de vestiario exemplifican a tendencia xeral a que as producións audiovisuais precisen agora máis recursos, e tamén a aprendizaxe de novos métodos de traballo.

 

“Creo que nos humanizamos todos moito, que entendimos todos que había que coidarnos uns a outros, que é algo que sempre procuramos facer pero que de súpeto era como… máis familia”.

 

A maiores de todo isto, Alicia comenta que volver ao traballo nun contexto tan complicado e incerto (sobre todo no caso de Hierro, por ser das primeiras producións en volver) tamén fixo que os equipos estivesen especialmente pendentes de coidarse uns a outros. “Foi moi particular porque a sensación era para todos complicada, nova e descoñecida. Houbo algunha persoa do equipo que non se puido reincorporar, porque tiña un familiar en situación de risco… Creo que nos humanizamos todos moito, que entendimos todos que había que coidarnos uns a outros, que é algo que sempre procuramos facer pero que de súpeto era como… máis familia”. Ao mesmo tempo, tamén sinala que a sensación naquel momento foi de “privilexio” por poder “comezar a rodar nun momento no que a xente estaba metida na casa sen poder traballar, pedindo axudas…”. Polo de agora Saturna seguen con ese privilexio de poder estar a traballar “coma tolas” e coa mesma ilusión, sempre tendo en conta o incerto do contexto. Mentres se achega a oportunidade de ver nas pantallas o seu traballo en Hierro, Cuñados, Chegar a casa ou Ons, ocúpanse tamén do vestiario de O charco de Ulises (a vindeira produción propia do Centro Dramático Galego) e rodarán con Portocabo e SPi a segunda tempada de Auga seca no 2021, “que espero que sexa o ano da non-pandemia”.



Lidia Fraga, guionista

O de Lidia Fraga é un deses casos afortunados dentro do audiovisual neste ano: “Eu tiven moita sorte e o certo é que non parei de traballar. Xa digo, pilloume toda a pandemia e todo o confinamento traballando, e de momento sigo”. Agora mesmo o seu proxecto máis inmediato é Método criminal, a nova serie de Voz Audiovisual, que poderá verse na Televisión de Galicia nuns meses. “Foi toda unha aventura sacar esta serie. Empezamos a deseñala en febreiro, e durante todos estes meses, ata chegar aquí, foi complicado. Non sabiamos que ía pasar, se finalmente se podería facer ou non… E a verdade é que é un orgullo contar cos técnicos que temos en Galicia, porque todos responderon moi ben”. O argumento do proxecto promete: Damián Canosa ten que facerse cargo do negocio ilegal da súa familia, o narcotráfico. Pero non sabe nada do negocio e, para converterse nun líder temido e respectado, como Carmelo Matalobos, busca a axuda de… Luís Iglesia, o actor que lle deu vida.

 

Non é o único traballo de Lidia Fraga emparentado cos fenómenos de culto da ficción galega. Nos últimos meses, viviu o final de Serramoura, na que participou durante cinco anos, pero tamén o nacemento do seu spin-off, A lei de Santos. “Para min foi un luxo traballar en Serramoura. Primeiro, por traballar nunha serie que ten unha audiencia tan fiel e que gusta á xente, e tamén porque a nivel profesional, a nivel creativo, permitiume facer moitas cousas. Para min foi unha mágoa que rematara. Pero xa non cabían máis cadáveres nesa vila”, comenta rindo. En canto á nova serie, apunta que foi algo “moi natural”: “A verdade é que Santos é un personaxe moi querido por todos os espectadores e co que tamén gozábamos moito escribindo. Sabíamos que non podía ser exactamente como Serramoura (e de feito as series non teñen nada que ver en canto a ton), pero si é certo que nos saiu unha cousa moi divertida, moi lixeira e con corazón. Un pouco gamberra, como é o personaxe. E a verdade é que foi unha sorpresa moi grata que á xente lle guste e que estea funcionando dentro do que cabe”.

De cara ao que está por vir, Lidia Fraga sinala o interese que ten unha situación tan insólita como a da pandemia para alguén que se dedica á escritura, polo que ten de presentar unha nova realidade, sexa para reflectila ou para evadirse dela: “Creo que a xente ten ganas dunha vía de escape, pero é necesario contar tamén o outro. Queremos estar informados e que nos conten historias humanas que nos conecten con outras persoas e con todo o que pasou, pero polo outro lado hai xente que quere fuxir nun determinado momento, e precisas un pouco de luz na túa vida”. Con todo, ao mesmo tempo non deixa de sinalar o golpe que supuxo para a profesión e os riscos que presenta para o audiovisual galego, e en particular o que se fai en galego, para o que considera que é vital que os gobernos se impliquen a través de axudas: “Penso que é un milagre facer os produtos que facemos cos orzamentos que temos, que son moi axustados. Todo isto provoca que teñamos que axustar aínda máis. Igual outras producións a nivel nacional non teñen tanto problema porque teñen máis cartos, pero nós, o audiovisual en galego, si que temos esa espada de Damocles que é tentar axustarnos aos presupostos”.

 



Xúlio Abonjo, actor

Nestas últimas semanas houbo quen tivo xa oportunidade de ver en pantalla grande a Xúlio Abonjo en Ons, o novo filme de Alfonso Zarauza, que vén de pasar polo Festival de Sevilla, por Cineuropa, polo Culturgal ou por Márgenes, e que chega ás salas de cine o 18 de decembro. É unha máis na serie de colaboracións entre o actor e o director, logo da serie O Nordés, Os fenómenos ou Encallados (onde Abonjo interpretaba, precisamente, a Zarauza), pero a situación fai que esta estrea teña, entre a alegría, un punto triste. “Eu a Zarauza sempre lle digo que eu non podería ser director. Ter que esperar cinco anos para facer unha peli… eu é que me derrubaría polo camiño. E se finalmente fas unha película en Ons que quedou preciosa, e cando podes gozar de que a xente a vexa, das reaccións, vén todo isto e as restriccións son unha cousa sobreactuada…”, comenta, expresando a súa frustración polo estrito das medidas de aforo para os eventos culturais. 

 

A pesar de atoparse de actualidade por traballos como Ons ou o final de Serramoura, onde interpretou ao sarxento Roi Quiroga, a principal actividade profesional de Xúlio nos últimos meses foi facer probas. “Eu antes da pandemia si pillei unha boa racha de curro, e en canto empezou isto púideno levar mellor porque tiña un peto e puiden ir ao paro, así que entón máis ou menos estiven cuberto”, explica. Con todo, si que participou nas rodaxes dun anuncio, un programa de televisión e un episodio de Mataría, a microserie de Javi SeGa e Pedro Brandariz. Preguntado polos posibles riscos nun traballo como a interpretación, que implica a miúdo o contacto físico, explica que na súa experiencia non sentiu inseguridade ao estar nun entorno controlado e con protocolos, aínda que si que sinte nalgún caso incomodidade por outras persoas do equipo: “A min non me importa estar un momento con máscara e outro sen ela para que me maquillen, o problema ao mellor é para a maquilladora ou o maquillador, de estar tanto tempo. É como pasa con outros traballos: eu cando vou ao super vou cinco minutos, pero imaxino que a persoa que está na caixa toda a xornada de traballo…”.

 

Precisamente a cuestión da solidariedade entre traballadores xorde ao falar con Xúlio Abonjo sobre a súa participación nas protestas do movemento Alerta Vermella, que defende o traballo da industria do espectáculo e os eventos. Ao seu ver, a solidariedade entre o común dos traballadores a miúdo non se estende á xente que traballa na cultura. “Nas protestas parece que quedamos un pouco sós, que é unha cousa que comemos e bebemos nós entre nós. Parece que toda a xente da TVG vivimos na mesma casa”, comenta rindo, “e estamos alí facendo series e películas pero logo cando protestamos a xente pensa ‘iso non vai comigo’”. Quizais unha situación extrema como a da pandemia, onde o consumo cultural foi máis intenso ca nunca, faga que esta sensibilidade cambie. Mentres tanto, o traballo segue, e o ano que vén veremos a Xúlio en ¿Qué hicimos mal?, filme que dirixe, escribe e protagoniza Liliana Torres.

 



Paula Cons, directora

Paula Cons leva este ano unha boa recua de entrevistas enriba. É habitual que unha directora as teña despois dunha estrea, pero no caso de A illa das mentiras parece que se xuntou o interese que creou o propio filme co que creou o seu percorrido (por plataformas, festivais e salas) nun momento de incerteza. No momento de estrearse en Filmin, no mes de xullo, os medios “volcáronse absolutamente”, como indica a cineasta. “A xefa de prensa dicíame: ‘estou traballando tanto como cunha presentación en cines’. Eu non sei cantas entrevistas puiden facer, por todos os medios, cando xa vexo que Julia Otero di que si, Hoy por Hoy, La Sexta, informativos… digo ‘ui, madre mía!’. Mestúranse moitas cousas: había moita gana de apoiarnos todos a todos, o tema histórico da película convírtea nun tema moi interesante, ao sacar a luz uns feitos esquecidos, o tema mulleres…”. Chegado agosto, a película era a terceira máis vista na plataforma, e a primeira entre as españolas, o que fixo dela de novo noticia e axudou ao seu percorrido en salas, abrindo un exemplo de compatibilidade entre a distribución en liña e a presencial: “O que che permite Filmin é non matar a película, loitar por que se vexa e sacar rendementos inmateriais, de prestixio, de visibilidade… e esta segunda vida que ten a peli nas salas, porque vén testada”.

Aínda así, logo de ter investido anos nun proxecto, sacalo ao mundo neste contexto leva consigo alegrías e rabias a un tempo, e tamén momentos estraños. “A primeira vez que vin a peli en público foi no Festival de Cans. Os comentarios que recibín polas redes eran todos boísimos, pero eran seguramente escritos media hora despois da peli… non era o contacto pel a pel”, explica Paula Cons. “En Cans, remata a película e vexo a todo o mundo superserio, agarrotado… eu quedei morta no primeiro momento. Coa máscara, ademais, non lle ves a cara á xente. Quedei rallada, e no pincho de despois veume unha xornalista: ‘Oes, que me dixeron que estás mal… a xente está flipada’. E digo ‘e entón?’. ‘Pois porque é unha peli dura, quedan agarrotados, conmovidos… ao mellor están case chorando ao rematar a peli’. E claro, iso foi o que descubrín”. Despois desta experiencia, nos numerosos coloquios arredor de A illa das mentiras nos que ten participado a directora, xa vai preparada para medir a reacción do público na época das máscaras. Con todo, a outras cousas é difícil acostumarse: “Cando non podes meter máis de trinta persoas nun cine é unha frustración”, comenta. “Ti sabes o que é estar a piques de entrar no coloquio e ver á persoa que está vendendo as entradas dicirlle que non a unha chea de xente? É dolorosísimo iso”.

Con todo, o percorrido do filme segue e, nun contexto de dificultade no que proxectar unha película pode ter un punto de aventura, o público parece ter renovado a paixón polo cinema nas salas, agora convertido nun ben escaso. “Aí atrás tiña un pase no cineclube de Cangas. Dixéronme que podían meter cen persoas. Cen persoas agora! E decidimos ir para adiante porque era ese venres famoso no que entraban as restricións ás 12 da noite. Dixeron ‘ti ves?’. ‘Eu vou. A morte’. Pero que pasou? Moitísima xente fóra, outra vez. A xente quedou ao coloquio e chegaron tarde ás casas por culpa diso. Se en circunstancias normais xa estás agradecida porque a xente vaia ver a túa peli, que lles dis? Señoras de oitenta anos, que pode pillalas o poli local de turno: ‘Señora, que fai pola rúa máis aló das once?’. Non hai palabras para agradecerllo”. Deixamos aquí testemuño das vivencias e o agradecemento de Paula Cons, e agardamos de cara ao futuro a chegada de proxectos nos que está implicada desde a produción, como A Cero.5 (Gonzalo Suárez) ou Dúas vellas, sete gatos e tres máquinas de coser (Marta Pérez), ou unha serie documental que dirixirá pero da que aínda é cedo para falar.

 



Mamen Quintas, produtora

“Durante o confinamento consumín moitísima cultura”, conta Mamen Quintas. “Dicíao o outro día nunha intervención: daste conta de que non vale de nada ter dous coches, unha moto, vinte e cinco abrigos e un chalé na praia. O que che vale é poder consumir libros, poder consumir música, poder consumir televisión… en calquera modalidade”. Ademais de consumir ela mesma esa cultura, na súa empresa Ficción Producciones, pasaron o confinamento tamén traballando para que o público tivese contidos. Como xa contamos, con 3caminos, iniciaron o retorno ás rodaxes en España despois da parada do estado de alarma. O que non contamos aínda foi que, durante ese tempo, continuaron tamén traballando en Fun polo aire, o espazo diario que presenta Susana López na Televisión de Galicia. “É un programa de servizo esencial porque é actualidade, e entón tivemos que continuar facéndoo, e nós encantados de facelo tamén con todas as medidas”, explica Mamen Quintas. A produtora comenta que unha parte do persoal dedicado á redacción ou a parte da produción puido teletraballar, pero o equipo de rúa e do plató non. Dentro deses protocolos, levaron a cabo probas constantes, tomas de temperatura, desinfección dos vehículos e dos aparellos, control da ventilación… “Non sei se foi sorte, pero non tivemos ningún contaxio neses equipos, que eramos setenta e tantos na serie e corenta no programa. Entón seguimos producindo, igual que outros sectores que teñen máis acumulación de xente ou máis dificultades de control. Se se fan as cousas dun xeito controlado e con agarimo iso pódese conseguir”, explica.

Con todo, o contexto da pandemia non debe ocultar tampouco a tendencia global destes últimos anos, que Mamen resume así: “Eu creo que en Galicia estamos nunha moi boa posición para o que son as series. O que está ocorrendo en Galicia desde hai uns anos é moi importante. Somos un foco importante para as plataformas e para as xeralistas, para outras comunidades que nos miran como dicindo ‘A ver, que pasa en Galicia, que se está facendo todo moi ben?’. Cada vez cren máis nas produtoras galegas… e aínda que non sexan produtoras galegas, tamén hai outras produtoras que veñen aquí, localizan aquí e focalizan aquí as súas rodaxes ou as súas historias, que é moi importante”. Non é complicado pensar en exemplos do crecente prestixio audiovisual galego, que se deixou ver na última década nos premios ao seu cinema e tamén se dá cada vez máis na ficción seriada, ata o punto de que pode deixar de ser noticia o carácter internacional de moitos contidos creados en Galicia.

O traballo de Ficción Producciones exemplifica ben esta tendencia. De cara ao ano que vén, Fun polo aire continúa, agárdase a citada estrea de 3caminos, e están a desenvolver máis contidos “na liña do que estamos tentando facer, moi potentes e de interese para grandes grupos, grandes distribuidores, grandes plataformas… para facelos desde aquí para o maior número de países do mundo”, como explica Mamen Quintas. O máis avanzado é a xa anunciada serie sobre a vida de Amancio Ortega para Amazon Prime Video. “Estamos escribindo guións aínda. Estamos avanzados, a nosa intención era rodar en febreiro pero retrasarémolo un par de meses, para non empezar sen estar seguros de ter unhas semanas por diante nas que poder rodar sen perigo. Tentaremos facer un pouco o que fixemos en 3caminos: manter un equipo illado, moi controlado, e facer todos os controis sanitarios que poidamos ter, porque todo apunta que en 2021 aínda teremos moitas boqueadas deste virus dando guerra”. Aínda que neste contexto sexa complicado predicir as boqueadas, polo menos xa vimos que en Ficción Producciones son quen de reaccionar con rapidez aos cambios, así que esperamos estar, de aquí nun ano, falando dos 8 episodios desta serie baseada na biografía sobre o empresario que escribiu Covadonga O’Shea.