As músicas da Academia: Manuel Riveiro

 

Na súa casa había un disco da banda sonora de Gone with the wind pero el, de neno, escoitaba sen ser consciente do xénero. Manuel Riveiro (Catoira, 1974) escoitaba banda sonoras como quen escoita música e comezou a escribilas despois de facer ese percorrido que es clásico para case calquera profesional: música para teatro, música para curtas e logo xa chegan series e longametraxes. Algúns dos seus títulos: O descoñecido, Padre Casares, Hospital Real, Códice.

  • A súa completísima ficha en IMDB.

 

Selección de temas de Manuel Riveiro para As músicas da Academia

Quedan reservados, nos términos previstos na lexislación sobre propiedade intelectual, tódolos dereitos dos propietarios das obras, interpretacións ou execucións artísticas, fonogramas, gravacións audiovisuais e emisión de radiofusión obxecto desta transmisión. Salvo autorización, quedan prohibidas, baixo as sancións previstas na lexislación civil e penal de aplicación, a reprodución, distribución (por venta, alquiler, préstamos, etc), execución pública, radiofusión e comunicación ao público, en tódalas súas formas, desta transmisión e do seu contido.

Número de licenza: SGAERRDD/5/636/12151216


O que vai vir... na Academia

Actividades da AGA

mestre-mateo

Gala dos Premios Mestre Mateo, Pazo de Congresos de A Coruña.

Marzo de 2017 | Os Mestre Mateo adiántanse á primavera

A cita máis coñecida do audiovisual galego ten en 2017 unha grande novidade. A gala dos Mestre Mateo adiantarase en 2017 ao 4 de marzo, case dous meses antes da data na que se viñeron celebrando nos últimos anos. Esta nova data de celebración, que obriga a adiantar toda a súa organización, permitirá aos Mestre Mateo estar mellor situados no calendario dos premios internacionais e estatais do cine e da televisión. Os Mestre Mateo adiantaranse á primavera sen abandonar o seu carácter como mellor escaparate de toda a produción audivisual que se realiza en Galicia.

 

Xuño de 2017 | A investigación con nome propio

“E isto é, xustamente, o cine. A arte moderna por excelencia: a arte propia deste momento maquinista, dinámico… (…) O cine é tamén, precisamente, a arte das multitudes, a arte por esencia demócrata, social…” Estas eran palabras de María Luz Morales sobre o cine. María Luz Morales é o nome do premio de investigación que a Academia Galega do Audiovisual puxo en marcha a finais deste 2016 e que verá a súa primeira edición compeltada en xuño de 2017. A finalidade destes premios é incrementar o interese polos estudos sobre o audiovisual. O prazo de presentación de traballos, que se iniciou a mediados de decembro, finalizará o 7 de maio de 2017. O premio ten catro categorías dotadas cada unha delas con 1.200 euros e un galardón.

Vídeoensaio sobre audiovisual galego

Ensaio escrito sobre audiovisual galego

Videoensaio sobre audiovisual internacional

Ensaio escrito sobre audiovisual internacional

 

Primeiro semestre | Base de datos do sector

Non hai un sector que non teña datos. Coñecelos non é sempre fácil. A Academia Galega do Audiovisual ten como obxectivo coñecer e dar a coñecer os datos do audiovisual galego e para iso, ao longo do primeiro sememestre de 2017 a web da AGA publicará unha completa base de datos do sector audiovisual galego na que se poderán consultar os datos relativos a obras, intérpretes, produtoras, directores, equipas técnicas da historia recente do cine e da televisión en Galicia.

 

Outono 2017 | Semana das Música do Audiovisual

2017 ofrecerá a segunda edición da Semana das Músicas do Audiovisual. A primeir edición, celebrada en setembro de 2016, concentrou a súa atención nas músicas sinfónicas, ofrecendo actividades en catro cidades galegas: A Coruña, Ferrol, Ourense e Santiago. A Orquesta Sinfónica de Galicia foi un dos atractivos esta primeira cita dun festival destinado a dar a coñecer as músicas e as circunstancias das músicas para o audiovisual. Ademais dos concertos, que repasaron composicións dos mellores compositores galegos e europeos, a SEMUA ofreceu obradoiros e masterclass relacionados coa composición e a interpretación de bandas sonoras. Para a súa segunda edición, a intención da AGA é incrementar a actividade do festival e levar o acontecemento a un maior número de cidades en Galicia.

 

dsc_7461

Concerto da Semana das Músicas do Audiovisual. Auditorio de Ourense


Diversidade funcional e novas tecnoloxías da imaxe

Por Diego Lamas. Coordinador do Ciclo de Animación 3D, videoxogs e entornos interactivos da Escola de Imaxe e Son de Vigo.

Contaba marabillosamente Canetti que nun momento concreto da historia “a totalidade do xénero humano habería abandonado de súpeto a realidade”, e que debería ser o noso obxectivo retornar á humanidade a un estado verdadeiro, anterior a ese abandono. Respondíalle Jean Baudrillard nas “Estrategias fatales” que xa alcanzaramos o punto de non retorno. Estas ideas sobre múltiples realidades que anticipaba Canetti, obsérvanse reflectidas en todo este corpus de obras que nos falan de distopías do futuro nas que o engano dunha realidade dos espellos sepulta as posibilidades de percepción doutra verdadeira; “Matrix”, “The Congress”, “Black Mirror”. Non é tan remoto ese futuro. A toda velocidade, corremos todos xuntos cara a ese mundo co apoio das nosas novas tecnoloxías visuais. A realidade virtual empeza a xogar en serio e a aumentada postúlase como a súa evolución natural, pero a miúdo, cando pensamos en “todos”, esquecémonos dos que non son tan veloces, aqueles que teñen enormes dificultades para interaccionar cun mundo que construímos á nosa maneira, pensando na maioría.

Desde a escola EISV de Vigo sabemos que é a nosa obrigación unha pedagoxía inclusiva que contemple as necesidades xerais e específicas para facer partícipes das transformacións do mundo a todos aqueles en condición de diversidade funcional. Observamos con enorme interese as propostas de empresas como Tribemix, Tehera, ou Neuroathome, que están a traballar nun uso da tecnoloxía “para o ben” tal e como expresa Tribemix. As novas tecnoloxías da imaxe; a realidade virtual e a aumentada teñen un gran potencial á hora de desenvolver pedagoxías para a inclusión. En Tribemix traballan en deseñar “experiencias” para persoas con demencia senil, proporcionándolles maior calidade de vida. En Tehera usan dispositivos de realidade virtual para a rehabilitación de pacientes con dano cerebral. Non podemos deixalos atrás; padecen deficiencias físicas ou cognitivas, enfermidades neurodexenerativas, diferentes formas de autismo, síndrome de Down, demencia senil. Todo iso, ao final tan só redúcese a que perciben a realidade dunha forma completamente distinta a esa outra maioría na que nós parecemos atoparnos e que maiormente toma as decisións importantes.

Novas ferramentas tráennos mundos paralelos que poden ser de axuda para atoparnos, esta vez sí, “todos”, nunha vivencia común conformando un mundo máis inclusivo. Terapia de sanación, educación e lecer, poden e deben formar parte dunha nova forma de interpretar o modo en que repensemos a inclusión, e así, mentres avanzamos sen temor nin tremor cara a eses mundos distópicos, viaxemos con eles, traiamos connosco a esas outras persoas que non poden máis que percibir unha realidade completamente distinta á nosa, porque se cadra, cando aquel futuro tráxico que representan as obras de arte da ciencia ficción alcáncenos, eles poderían ser a nosa salvación.


Unha produción da

Coordinación e edición web: María Yáñez
Textos: María Villamarín, Cibrán Tenreiro
Retratos: Tamara de la Fuente  (Foto da cabeceira: Jaime Olmedo / Movistar+)
Dirección AGA: Miguel Mariño
Xerente e Administración AGA: Marisela Lens
Comunicación AGA: Miriam Rodríguez Debasa, Saúl Rivas González