Como se pode ver na actividade que recollen estes Papeis, o 2018 foi un ano moi produtivo na Academia, cheo de novos proxectos e actividades. Aquí repasamos brevemente algunhas delas.
O 14 de novembro renovouse a directiva. Por cuestións de traballo retiráronse Tamara Canosa, María Vázquez, Luisa Romeo e Antonio Durán”Morris”, e entraron as actrices Saamira Ganay, Isabel Naveira e Carmén Méndez, xunto ao produtor Álvaro Pérez Becerra. Completan o equipo directivo ensinante e documentalista Manolo González a maquilladora Susana Veira, a directora e docente Olga Osorio, xunto cos dous vicepresidentes: o compositor Nani García e a directora de produción Ana Míguez, e o presidente, o guionista e produtor Carlos Ares.
A Academia segue medrando en socios: houbo 47 novas altas que, facendo o balance co 27 baixas, suman un total 370 membros da asociación a finais de 2018.
Foi un ano de cambio de oficina ao Centro Ágora, de ampliación de persoal dedicado a novos proxectos e da creación da Oficina de Cooperación Audiovisual. O equipo da Academia iniciou esta nova etapa facendo unha serie de visitas a centros de formación para informar das distintas actividades e convocatorias en marcha, como os Premios María Luz Morales ou o asesoramento que se ofrece na ACO. Estas visitas sumáronse aos Encontros Mestre Mateo, que se fan cada ano cos finalistas das categorías profesionais nos premios da Academia.
Os centros de formación visitados foron as facultades de Comunicación Audiovisual da Coruña de Pontevedra, a de Belas Artes de Pontevedra, as Escola de Imaxe e Son Coruña, O Raio Verde de Santiago, a Fundación TIC Lugo, CIFP A Farixa de Ourense e en Vigo a Escola de Imaxe e Son de Bouzas, a escola Marcote e a ESAD.
No que respecta ás actividades formativas que organizaron desde a Academia, co apoio do Concello da Coruña no último trimestre do ano realizouse un obradoiro de Contidos en 360/VR para narrativas de ficción e documental, en colaboración con CREA e AGAG. Tamén se fixeron varios talleres e masterclasses no marco da Semana das Músicas do Audiovisual, xunto coa conferencia de apertura do Gifatón, celebrado no Ágora.
A finais de ano púxose en marcha unha nova colaboración co CGAI: o ciclo de proxeccións A ilusión é perfecta, que ten como obxectivo recuperar, reivindicar e lembrar persoas e obras que, por diversos motivos, xogaron un papel destacado na historia do noso audiovisual. As primeiras destas proxeccións, que se inauguraron durante a SEMUA, foron A aldea maldita (1930) de Florián Rey e Finisterre (1998), de Xavier Villaverde, presentadas polo compositor José Nieto. En decembro proxectouse dentro deste ciclo Miguelín, a primeira e única longametraxe do cineasta galego recentemente falecido Horacio Valcárcel, presentadas polo guionista e produtor Pepe Coira.
Por último queremos lembrar o noso querido amigo e socio Ernesto Chao, que foi o primeiro presidente e cofundador da Academia e que faleceu o pasado mes de agosto, nun ano triste no que tamén nos deixaron outros grandes profesionais do audiovisual como os actores Xan Cejudo, Gustavo Pernas Cora e Xosé Lois González, o realizador Luis Gayol ou o produtor Víctor Ruppén.