Tamén sucedeu na Academia

Como se pode ver na actividade que recollen estes Papeis, o 2018 foi un ano moi produtivo na Academia, cheo de novos proxectos e actividades. Aquí repasamos brevemente algunhas delas. 

O 14 de novembro renovouse a directiva. Por cuestións de traballo retiráronse Tamara Canosa, María Vázquez, Luisa Romeo e Antonio Durán"Morris", e entraron as actrices Saamira Ganay, Isabel Naveira e Carmén Méndez, xunto ao produtor Álvaro Pérez Becerra. Completan o equipo directivo ensinante e documentalista Manolo González a maquilladora Susana Veira, a directora e docente Olga Osorio, xunto cos dous vicepresidentes: o compositor Nani García e a directora de produción Ana Míguez, e o presidente, o guionista e produtor Carlos Ares.

A Academia segue medrando en socios: houbo 47 novas altas que, facendo o balance co 27 baixas, suman un total 370 membros da asociación a finais de 2018.



Foi un ano de cambio de oficina ao Centro Ágora, de ampliación de persoal dedicado a novos proxectos e da creación da Oficina de Cooperación Audiovisual. O equipo da Academia iniciou esta nova etapa facendo unha serie de visitas a centros de formación para informar das distintas actividades e convocatorias en marcha, como os Premios María Luz Morales ou o asesoramento que se ofrece na ACO. Estas visitas sumáronse aos Encontros Mestre Mateo, que se fan cada ano cos finalistas das categorías profesionais nos premios da Academia. 

Os centros de formación visitados foron as facultades de Comunicación Audiovisual da Coruña de Pontevedra, a de Belas Artes de Pontevedra, as Escola de Imaxe e Son Coruña, O Raio Verde de Santiago, a Fundación TIC Lugo, CIFP A Farixa de Ourense e en Vigo a Escola de Imaxe e Son de Bouzas, a escola Marcote e a ESAD.



No que respecta ás actividades formativas que organizaron desde a Academia, co apoio do Concello da Coruña no último trimestre do ano realizouse un obradoiro de Contidos en 360/VR para narrativas de ficción e documental, en colaboración con CREA e AGAG. Tamén se fixeron varios talleres e masterclasses no marco da Semana das Músicas do Audiovisual, xunto coa conferencia de apertura do Gifatón, celebrado no Ágora. 


A finais de ano púxose en marcha unha nova colaboración co CGAI: o ciclo de proxeccións A ilusión é perfecta, que ten como obxectivo recuperar, reivindicar e lembrar persoas e obras que, por diversos motivos, xogaron un papel destacado na historia do noso audiovisual. As primeiras destas proxeccións, que se inauguraron durante a SEMUA, foron A aldea maldita (1930) de Florián Rey e Finisterre (1998), de Xavier Villaverde, presentadas polo compositor José Nieto. En decembro proxectouse dentro deste ciclo Miguelín, a primeira  e única longametraxe do cineasta galego recentemente falecido Horacio Valcárcel, presentadas polo guionista e produtor Pepe Coira.


Por último queremos lembrar o noso querido amigo e socio Ernesto Chao, que foi o primeiro presidente e cofundador da Academia e que faleceu o pasado mes de agosto, nun ano triste no que tamén nos deixaron outros grandes profesionais do audiovisual como os actores Xan Cejudo, Gustavo Pernas Cora e Xosé Lois González, o realizador Luis Gayol ou o produtor Víctor Ruppén.




Lugares comúns para a educación e o audiovisual

O 27 de abril a Academia organizou o primeiro Encontro de docentes de audiovisual en Galicia. Unha xuntanza con profesores e profesoras de primaria, secundaria e bacharelato implicados no ensino e promoción da cultura audiovisual en Galicia. Asistiron 39 docentes de 28 centros: 10 de bacharelato de artes, 9 de bacharelato con optativas relacionadas co audiovisual e outros 9 centros con tradición audiovisual.

Entre todas e todos eles decidiron crear varios grupos de traballo que ao longo dos próximos meses explorarán eidos como a formación de docentes, a elaboración de material didáctico para alumnado e a definición de demandas comúns para a Administración. No horizonte, un segundo encontro a finais deste ano, no que poder establecer en común, coa participación de tódolos axentes implicados, unha folla de ruta para a planificación e desenvolvemento de estratexias, metodoloxías e ferramentas que apoien a labor actual dos docentes e potencien a ensinanza da cultura audiovisual na nosa comunidade.

A ausencia dun programa estandarizado de alfabetizacion audiovisual derivou nos últimos anos nunha gran variedade de proxectos e esforzos de todo tipo levados a cabo dende os centros educativos, comunidade de docentes e profesionais do medio audiovisual; inciativas todas elas que abarcan distintos e diversos modelos de actuación e procedementos metodolóxicos. A Academia Galega do Audiovisual impulsou esta primeira xuntanza, coa intención de propiciar un proceso participativo e de diálogo aberto entre os distintos axentes implicados nestes proxectos e esforzos.

Asistiron ao encontro docentes do IES A Xunqueira I, IES Adormideras (A Coruña), IES As Lagoas, IES Carballo Calero, IES Concepción Arenal, IES Monte Castelo, IES Politécnico de Vigo, IES Ramon Maria Aller Ulloa, IES Salvador de Madariaga, IES Sanxillao, IES A Cachada, IES As Barxas, IES de Cacheiras, IES Carlos Casares, IES Chamoso Lamas, IES O Castro, IES Poeta Díaz Castro, IES Porto do Son, IES Salvaterra de Miño, CEIP A Lama, CEIP do Carballal, CEIP Coiron, Colexio Galaxia, Colexio María Assumpta, CPI Plurilingüe dos Dices, CPI Plurilingüe de Navia de Suarna, CEE Vilagarcía de Arousa e CPI Virxe da Cela.

Fotografías: Fran Martínez

O 19 de outubro a Academia celebrou, no Centro Cívico Cidade Vella da Coruña, a xornada Lugares comúns para a educación e o audiovisual, que abordou a etapa de cambios que vivimos no eido educativo e valorou o papel que xogan os distintos axentes -produtoras, docentes, profesionais do sector audiovisual- co obxectivo de favorecer o diálogo, transmitir coñecementos e experiencias que poidan ser de aplicación e de utilidade á hora de materializar novos proxectos e facilitar, así, a posta en marcha de iniciativas transformadoras.

A xornada comezarou cunha sesión de mañá, organizada en colaboración coa Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) baixo o título Educación 3.0 e audiovisual, que partía do compromiso de posicionar ao sector audiovisual como un aliado á hora de xerar contidos educativos e procesos metodolóxicos anovadores. Os relatorios estiveron dirixidos principalmente a docentes e traballadores do sector audiovisual, pero tamén presentaban interese para estudantes, profesionais e calquera persoa interesada nas posibilidades educativas do medio audiovisual.

Abriron a xornada José Antonio Velo -da produtora Astragalo Studio, cunha ampla traxectoria en publicidade, TV, postproducción, marketing e deseño 2D e 3D - e Mercedes Marcos -de Asubío Media empresa especializada en creación de contidos para canles de YouTube destinados a público infantil e xuvenil - falando sobre a innovación audiovisual como solución docente, ao empregar novos formatos para desenvolver contidos educativos.

De seguido, Luz Castro -fundadora dunha das empresas tecnolóxicas máis veteranas de Galicia, Imaxin Software, e experta en gamificación e desenvolvemento de videoxogos- e Silvia López, doutora en Pedagoxía coa tese Análise descriptiva e interpretativa do deseño e contido dos videoxogos elaborados en Galicia e socia fundadora de DIMElab, spin-off do Grupo de Investigación Stellae da USC- debullaron as posibilidades didácticas dos videoxogos e espuxeron algunhas das experiencias xurdidas a partir da súa incoporación nas aulas.

Finalmente, María José Arrojo presentou as conclusións de Proyecta -unha iniciativa da Fundación Amancio Ortega e da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre para impulsar experiencias educativas que aúnan aprendizaxe, creación e tecnoloxía- e Fernando Moreno -coordinador TIC do centro- espuxo o proxecto Ponte dos Brozos, unha das iniciativas pioneiras de alfabetización TIC levadas a cabo na nosa comunidade, financiada polo Concello de Arteixo. As persoas asistentes coñeceron así, de primeira man, dúas iniciativas galegas que traballan impulsando e visibilizando a integración das TIC no currículum educativo, presentando tendencias e casos de éxito.

Na sesión da tarde desa mesma xornada celebrouse o II encontro de docentes de audiovisual que retomou as conclusións da primeira xuntanza celebrada o 27 de abril, para por en común as conclusións dos grupos de traballo -Repositorio de traballos, Cultura Audiovisual I e II e Audiovisual como Ferramenta Transversal- e abordar a posibilidade de desenvolver estratexias, metodoloxías e ferramentas que apoien o seu labor.

Algúns exemplos do traballo que se desenvolver sobre cultura audiovisual en centros educativos: 


Entrevista a Miriam Rodríguez, coordinadora de proxectos da Academia

O 2018 foi un ano de moito traballo e novos proxectos e mudanzas na Academia Galega do Audiovisual. Mudanzas no sentido literal, pois este outono fíxose o traslado ás novas oficinas no Centro Ágora da Coruña. Pero tamén se iniciou a actividade da ACO, Oficina de Cooperación Audivisual. Falamos coa encargada da súa posta en marcha, Míriam Rodríguez Debasa, coordinadora de proxectos da Academia, de todas as novas propostas que se iniciaron no ano que remata e dos plans para o 2019. 


Fotos: Tamara de la Fuente
Agradecementos: Centro Ágora da Coruña

A figura da coordinación de proxectos é unha novidade dentro da Academia. Que balance facedes dos proxectos levados a cabo en 2018?

Foi un ano moi intenso, no que fixemos un esforzo importante por poñer en marcha unha serie de proxectos que nos parecían necesarios para o sector. O noso traballo non se limita á organización dunha actividade determinada, hai que buscar financiamento para levala a cabo; ás veces cómpre establecer alianzas con outras entidades ou facer un esforzo extra na difusión do noso traballo para chegar ao público ao que vai dirixido. Este ano era a primeira vez que traballabamos xuntas as persoas que agora integramos a oficina técnica da Academia. Facendo balance, organizamos máis de 50 actividades polas que pasaron máis de 5.400 persoas. E, se temos en conta que os nosos esforzos a principios de ano se concentran na organización dos Premios Mestre Mateo e que somos un equipo moi pequeno, esto pode dar unha idea da magnitude do noso esforzo. Para nos é un balance moi satisfactorio. Tamén o é obter o respaldo de institucións como o Concello da Coruña, a AGADIC, as Deputacións das catro provincias, a TVG, o CGAI ou as asociacións profesionais. Foi un ano de moito traballo, pero non nos podemos queixar. 

En que proxectos estades traballando para 2019?

A internacionalización será unha das liñas de traballo que queremos explorar o vindeiro ano, así como a posibilidade de incrementar a proxección dos Premios Mestre Mateo fóra de Galicia. Outro dos eixos do noso traballo será a creación de públicos para o audiovisual galego, cunha actividade que poñeremos en marcha a primeiros de 2019 que nos fai unha especial ilusión. Logo, ademais dos Premios Mestre Mateo e María Luz Morales, queremos consolidar proxectos como ACO Lugares Comúns que vincula ao sector educativo co audiovisual, os propios Papeis da Academia redeseñados en 2017, a nosa colaboración co CGAI ou a proposta de actividades de formación para profesionais.


"A internacionalización é unha das liñas de traballo que queremos explorar o vindeiro ano»


Un dos proxectos estrela da Academia en 2018 foi a ACO. De onde nace a idea de crear a ACO? Que necesidades detectaba a Academia para poñela en marcha?

Relamente foi o Concello da Coruña quen se puxo en contacto connosco para propoñer a creación dunha oficina de apoio de proxectos. A partir das primeiras reunións empezamos a traballar cunha serie profesionais do sector na concepción de ACO. A oficina constrúese a partir do concepto de cooperación, como se ve no propio nome da oficina: as siglas corresponden a Audiovisual Cooperation Office, Oficina de Cooperación Audiovisual en inglés, e tamén ao adverbio galego acó; pareceunos interesante mesturar os tres conceptos: o audiovisual, a cooperación e a pertenza ao territorio. Por outra banda, algúns axentes do sector tamén nos transmitiran a necesidade de invertir recursos no desenvolvemento de proxectos audiovisuais, que ás veces vían limitada a súa viabilidade por un desenvolvemento insuficiente. Poderíamos dicir que ese foi o xermolo de ACO e, a partir de aí, empezamos a definir as liñas que vertebran a oficina desde o principio: o asesoramento PRO, a consultoría fiscal, laboral e xurídica e a área de recursos.

Cales foron os pasos para a súa posta en funcionamento?

Foi un proceso bastante laborioso, desde finais de 2017 ata a súa presentación pública en xuño de 2018, e nel estivemos involucrados o Concello da Coruña, o persoal da Academia, persoas do equipo asesor, usuarios potenciais e profesionais do sector. Ao tratarse dun proxecto pioneiro non tiñamos referencias doutros similares, e, unha vez definido o que queríamos que fose ACO, houbo que materializalo e convertilo nunha web, ACO.gal. Se cadra esta foi a parte máis complicada, porque non se trataba dun proxecto fácil de explicar e tivemos que facer moitas probas ata que conseguimos a web que queriamos. 

A quen vai dirixida a ACO?

A calquera persoa galega ou residente en Galicia que teña un proxecto audiovisual. Ofrecemos asesoramento gratuíto para proxectos en fase de desenvolvemento e produción avanzada e tamén poñemos a súa disposición un buscador de páxinas web con recursos (por exemplo axudas, pitching, subvencións, residencias artísticas...). Despois temos un servizo de consultoría para cuestións fiscais, laborais e xurídicas, que é exclusivo para os nosos asociados. 


"Co nome da ACO pareceunos interesante mesturar os tres conceptos: o audiovisual, a cooperación e a pertenza ao territorio".


Cal foi a acollida por parte do sector?

Os comentarios que recibimos ata o de agora foron, en xeral, moi positivos. Aínda que tamén nos atopamos, facendo un pouco de autocrítica, con que moita xente non entendía en que consistía, incluso entre os nosos asociados. Supoño que ten que ver co feito de que é un proxecto moi novidoso na súa formulación. No último trimestre deste ano fixemos un esforzo importante para dar a coñecer ACO organizando presentacións en centros de ensino audiovisual de toda Galicia. E estamos seguros de que, para o vindeiro ano, todo o traballo que se fixo en 2018 se verá reflectido positivamente no tráfico de visitas á páxina e no volume de proxectos que recibamos.

No Asesoramento PRO contades con varios profesionais e expertos que son á vez membros da Academia. Cal é o valor que poden achegar á ACO?

Todas as persoas que integran o equipo asesor son socias da Academia, e aportan perfis con traxectorias profesionais moi consolidadas dentro das diferentes categorías de asesoramento.  A través da ACO estamos facilitándolle o contacto con estas persoas a outras que, ao mellor, doutro xeito, o terían máis complicado. E pensamos tamén que é unha maneira de compartir o talento dos nosos asociados co resto do sector. 

Como funciona este asesoramento virtual?

É moi doado, só é preciso rexistrarse na web aco.gal e, unha vez feito o rexistro, pódese consultar a información que se precisa para presentar un proxecto para ser asesorado. A información preséntase na propia web enchendo un formulario e achegando documentación adicional (guións, materiais gráficos, ligazóns de visionado...). Unha vez completado o proceso, desde a Oficina asignámosllo á persoa do equipo asesor que teña o perfil que máis se lle axeite, quen o estudiará e valorará nun prazo de 30 días. A identidade de quen asesora permance no anonimato. Desde a área de usuario da web pódense consultar todas as valoracións recibidas, enviar consultas a quen asesora o seu proxecto e conservar un histórico de proxectos presentados.

Que resultados agardades desta primeira tanda de proxectos asesorados pola ACO? Que tipo de proxectos se recibiron? 

Nós concebimos ACO como un proxecto de longo percorrido e aínda que o balance desta primeira fase é positivo, será a sua continuidade no tempo a que nos dará a medida da súa repercusión. Neste primeiro ano recibimos proxectos en todas as categorías, aínda que as máis populares foron de cine e formatos televisivos. Estamos traballando para visibilizar a presenza de categorías que a xente no asocia tradicionalmente á nosa Academia, como a de proxectos transmedia, intractivos, de creación audiovisual contemporánea ou videoxogos. Por outra banda, neste momento contamos con 75 persoas rexistradas, das cales a grande maioría non pertence á Academia. Que unha proposta tan novidosa chegase a persoas que non están asociadas é para nos un indicador moi positivo do impacto desta primeira fase. 

As áreas de asesoramento van máis alá dos sectores clásicos do audiovisual, atinxindo a creación interactiva ou experimental. Que significa esta aposta para a Academia?

Temos asociados que pertencen a estes sectores, pero son unha minoría con respecto a outros sectores máis tradicionais. Pensamos no impacto que os videoxogos ou o cinema experimental teñen na actualidade, ben na creación de postos de traballo, na súa proxección internacional, ben no establecemento de sinerxias. Hoxe en día o sector en Galicia non é igual que era en 2002 cando se fundou a Academia. É máis, nin sequera é igual que hai tres ou catro anos. Vivimos un momento moi interesante, polas implicacións e desafíos que presenta. Na nosa opinión, o experimental, o transmedia e os videoxogos intégranse de xeito natural no sector, e nos como Academia Galega do Audiovisual que somos, queremos facer partícipe a todo o talento galego que traballa co medio audiovisual. 


"Na nova web de ACO poderase consultar información sobre localizacións, trámites e permisos e outra información útil para axilizar e facilitar o traballo das produtoras".


Que obxectivos e proxectos ten previstos a ACO para o vindeiro ano? 

Somos conscientes de que a ACO ten posibilidades de mellora e de converterse nun servizo máis eficaz e útil. Estamos avaliando co equipo asesor e coas persoas que nos enviaron os seus proxectos posibles modificacións de cara ao ano que vén. Tamén estamos a traballar nunha actualización da web: a Oficina de Cooperación Audiovisual vai integrar a Oficina de Rodaxes na Coruña. A posta en marcha da Oficina de Rodaxes na Coruña tamén foi unha suxestión do Concello, xa que a cidade da Coruña non dispoñía dun lugar, físico ou virtual, que facilitase o traballo das produtoras. Na nova web de ACO poderase consultar información sobre localizacións, trámites e permisos e outra información útil para axilizar e facilitar o traballo das produtoras. Ademáis, esta oficina integra moi ben os conceptos que vertebran ACO: audiovisual, cooperación, pertenza ao territorio. 

Que vantaxes ofrecen as novas instalacións da Academia e da ACO no Centro Ágora da Coruña? 

Todas. As posibilidades que nos ofrece este espazo son tremendas. Por unha banda está a accesibilidade, non esquezamos que as instalacións da Academia tamén son as da Oficina de Cooperación Audiovisual. Dispoñemos de infraestructura para organizar todo tipo de actividades nas aulas e no auditorio do centro. De feito, xa organizamos aquí o obradoiro de Contidos en 360º e VR para narrativas de ficción e documental e o Gifatón. Por outra banda, ao tratarse dun edificio público, permítenos entrar en contacto con sectores da poboación que por idade, procedencia ou intereses, non adoitan facerse eco das nosas actividades. Entre os nosos obxectivos para 2019 está integrar algunhas  actividades nesta comunidade. 

Sinceramente penso se trata dun dos fitos máis relevantes da historia da Academia, porque supón un importante salto cualitativo pola potencialidade do edificio, porque dispoñemos dun espazo máis amplo e accesible e dunha sala que podemos poñer á disposición dos nosos asociados. A acollida por parte do persoal do Ágora foi estupenda e recibimos visitas todas as semanas. 


Nova sede da Academia no Centro Ágora


O noso patrimonio audiovisual en GIFs

O 24 de novembro a Academia Galega do Audiovisual celebrou na Coruña o primeiro Gifatón do audiovisual galego, unha xornada formativa e de creación de GIFs animados a partir de películas, series de televisión e outras pezas do noso patrimonio audiovisual. 

Era a primeira vez que se facía unha actividade destas características en Galicia e posiblemente no ámbito estatal, e foi facilitada polos xornalistas e expertos en comunicación audiovisual Brais Romero e María Yáñez, que deu unha conferencia inicial sobre as orixes, tipoloxías e posibilidades dos GIFs en internet. 

A comunicación en internet está cada vez máis encamiñada ao formato visual e, na actualidade, os GIFS animados constitúen, en si mesmos, un novo formato de comunicación.  A popularización do uso de smartphones, sitios de descarga e plataformas como GIPHY, teñen contribuido de xeito determinante á súa popularización, especialmente entre a xente nova, grazas ao seu fácil uso e o enorme catálogo de GIFs gratuítos que existen na actualidade. Millóns de GIFs son compartidos todos os días.

O patrimonio audiovisual pertence a todas e todos e contén información esencial que forma parte da nosa historia e identidade cultural e os GIFs animados son unha maneira orixinal e novidosa de reivindicalo e compartilo.

Organizada pola Academia co apoio do Concello de A Coruña, a colaboración do CGAI – Filmoteca de Galicia e do LAIC, Laboratorio Audiovisual de Coruña Dixital, GIFATON. Novos formatos de difusión do patrimonio audiovisual galego  culminou coa creación dun repositorio de GIFs de obras senlleiras da historia do noso audiovisual, partindo de obras gañadoras dos Premios Mestre Mateo en diversas categorías e películas clásicas conservadas no arquivo do CGAI-Filmoteca de Galicia.

Algunhas delas foron O lapis do carpinteiro, Trece badaladas, Somos xente honrada, Os mortos van ás présas, María e os demais, O ano da carracha, Cela 211… e series como As leis de Celavella, A vida por diante, Era visto, Padre Casares ou Matalobos  Tamén webseries como Peter Brandon ou Angélica e Roberta.  Entre as imaxes dos primeiros filmes galegos que achegou a filmoteca están títulos como Viaje por Galicia, Castelao en Bos Aires, ou Pontevedra, cuna de Colón

Un total de dez persoas participaron nesta actividade, que contou ademais co patrocinio de Galipizza. Ao inicio da xornada a penas había media ducia de GIFs do audiovisual galego na rede. Ao final do día contamos máis de 200 GIFs feitos co material que proporcionou a Academia. Os gifs pódense buscar nas plataformas GIPHY ou en Tenor, e tamén nas redes sociais, buscando coa etiqueta “Gifaton”. 

Aquí unha pequena mostra. 


A III SEMUA homenaxeou a José Nieto

O compositor José Nieto foi o protagonista da III edición da Semana das Músicas do Audivisual, que organiza a Academia Galega do Audiovisual e que se celebrou do 21 ao 26 de outubro do 2018. Autor de máis de cen partituras para cine e televisión, José Nieto é ademais creador de varias bandas sonoras do cine galego, como as das películas Fisterra, de Xavier Villaverde, ou Sei quen es, de Patricia Ferreira, pola que levou un premio Goya no ano 2001. E na súa longa traxectoria traballou cos máis prestixiosos cineastas españois, como Manuel Gutiérrez Aragón, Vicente Aranda ou Imanol Uribe.  

O prato forte desta SEMUA foi o gran concerto que ofreceu a Orquestra Sinfónica de Galicia, dirixida por Andrés Valero-Castells, o 26 de outubro no Teatro Colón da Coruña, e no que interpretou algunhas das principais partituras de José Nieto, así como temas de compositores galegos de renome como Xavi Font, Sergio Moure, Manu Conde, Manu Riveiro ou o propio Nani García. Todos eles estiveron presentes no recital, que ateigou o patio de butacas do Colón. 

Como novidade nesta terceira edición da SEMUA o domingo anterior abriuse a programación cun Concerto Didáctico para público familiar conducido pola Banda Municipal de Música da Coruña tamén no Teatro Colón. Neste concerto interpretáronse temas orientados a público infantil, e repetiuse durante dous días máis máis para escolares de diferentes centros educativos.

Outra pata fundamental da Semana das Músicas do Audiovisual foi obradoiro sobre A Lei de Propiedade Intelectual na contorna dixital actual que impartiu Darío Palomo e as masterclasses sobre A Composición Musical para Videoxogos de Vicent Tobar, Plantillas na composición para audiovisual de Vanessa Garde e A Guitarra no Film Scoring de Lucas Suárez.

Ademais o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) acolleu dentro da programación desta SEMUA as primeiras proxeccións do ciclo A Ilusión é perfecta, con dúas películas con banda sonora de José Nieto, A Aldea Maldita e Finisterre, que foron presentadadas e comentadas polo autor homenaxeado nesta edición. 

A Semana das Músicas do Audiovisual é singular festival singular de música dirixido por Nani García e organizado pola Academia Galega do Audiovisual co apoio do Concello da Coruña, da Orquesta Sinfonica de Galicia e da Banda Municipal de Música da Coruña. O seu obxectivo é darlle protagonismo ás músicas para cine, televisión e outros medios audiovisuais, difundindo as mellores composicións en cada xénero e ampliando a formación de profesionais e persoas interesadas en eidos como composición, produción e interpretación dun tipo de música que todo o mundo escoita, pero que non sempre consegue a atención directa do ouvinte.


II Premios María Luz Morales

A Academia Galega do Audiovisual entregou o 5 de xuño na Deputación da Lugo os premios María Luz Morales, que promoven a investigación científica no ámbito audiovisual. Na súa segunda edición, os premios recompensaron cun galardón e 1.200 euros dous videoensaios e dous ensaios escritos asinados por dúas novísimas investigadoras e máis dous investigadores galegos, nunha iniciativa pioneira que conta coa participación das catro deputacións e na que este ano se destacaron, tamén, outros tres traballos con cadanseu accésit. Tres dos traballos elixidos polo xurado dos II Premios María Luz Morales cuestionan o papel da muller no cinema e na televisión, dende distintas perspectivas.

Lucía Estévez (Vigo, 1994) gañou o premio ao mellor Videoensaio do Audiovisual Galego con Muller Personaxe, no que se serve dunha entrevista coa súa nai para fiar unha reflexión sobre o rostro feminino na pantalla galega. O xurado destaca a orixinalidade e o arriscado da proposta deste videoensaio, que combina unha posición cultural autoconsciente coa imaxe da muller no audiovisual galego. Tamén valora a imbricación do persoal cos rostros femininos da ficción galega actual, nun esforzo por analizar a través das imaxes o papel da muller en todo tipo de formatos do noso audiovisual.

Denisse Lozano (Vilalba, 1991) fíxose -por segundo ano consecutivo- co premio ao mellor Videoensaio do Audiovisual Internacional con Núas. Evolución da estética e o significado no nú feminino, no que aborda o uso do nu feminino mergullándose na súa orixe e evolución, dende os inicios do cinema ata os nosos días. Así mesmo, pretende reflexionar sobre unha tendencia actual a romper cos antigos estereotipos e formas, reivindicando o empoderamento da muller a través da exhibición do seu corpo espido. O xurado destaca o interese histórico deste videoensaio e a habilidade á hora de recuperar imaxes dende os inicios do cinema, confrontándoas co seu contexto histórico. Tamén valora unha factura visual excelente e a precision na escolla e na montaxe dos planos, así como a elección dunha temática que se une ao cuestionamento do papel da muller no cinema, que este ano 2018 foi un elemento crítico importante no ámbito cinematográfico.

Marcos Nine (Illa de Arousa, 1977) conquistou o premio ao mellor Ensaio Escrito Audiovisual Galego con A Película de Autos, que repasa  un dos filmes máis singulares do cinema galego non só polo seu contido senon moi especialmente pola súa historia, Al nasr altair. O filme foi obxeto de xuizo durante o franquismo e a sentencia que xurdiu dese xuizo é única en Galicia. O xurado destaca a calidade e a orixinalidade da proposta ensaística, cun relato no que as imaxes xogan un papel principal, ideal para a súa lectura en rede. O xurado tamén valora o rescate da historia dun filme moi pouco coñecido e da figura de José Ernesto Díaz-Noriega, un cineasta amador que foi escola para moitos autores actuais.

Fernando Redondo (Ames, 1971) gañou o premio ao mellor Ensaio Escrito Audiovisual Internacional con Latexos de Saudade no Cinema, que propón unha análise de senllos filmes moi diferentes entre si, Dublineses (John Huston, 1987) e A cidade das estrelas. La La Land (Damien Chazelle, 2016), pero que comparten unha mesma expresión cinematográfica da saudade. O xurado destaca a calidade da escrita e o rigor análitico sobre a posta en escena e da banda de son de dúas películas tan dispares -cronolóxica e estilisticamente- como fondamente vinculadas pola dor e a melancolía. Cabe sinalar tamén a capacidade do autor para poñer en contacto o seu discurso con cuestións artísticas e filosóficas que van máis alá do cine, partindo para iso, ademáis, de importantes referencias da cultura galega.

O xurado desta segunda edición dos Premios María Luz Morales quixo recoñecer, tamén, con tres accésit o labor doutras dúas investigadoras e máis dun investigador galegos nacidos despois dos noventa.

Brais Romero (Ferrol, 1990) recibiu -ao igual que xa fixera o ano pasado- un accésit ao premio ao mellor Ensaio Escrito Audiovisual Galego por De Vikingland a Ingen Ko Pa Isen: análise dunha correspondencia involuntaria. O xurado salientou “o rigor e a calidade á hora de comparar de xeito moi preciso e completo dúas películas do Novo Cinema Galego que comparten unha ollada contemporánea sobre un tema clave na nosa cinematografía como é o cinema da emigración”.

Éire García (Nigrán, 1991) non puido recoller en persoa accésit ao premio ao mellor Videoensaio do Audiovisual Internacional por Para as interesadas nas películas de mulleres, no que o xurado destaca que “brinda a oportunidade de analizar a crítica cinematográfica dende un punto de vista de xénero, cunha aposta visual subxectiva e suxerente sobre o rol das mulleres na cinematografía internacional”.

Tampouco recolleu o seu accésit ao premio a mellor Ensaio Escrito Audiovisual Internacional a coruñesa afincada en Londres Sabela Rei (1994). Co seu Rostros do cinema europeo, unha aproximación á representación da crise conseguiu, en opinión do xurado, “extraer un rechamante rendemento significante da análise dos rostros dos actores-actrices/personaxes  (a partir dos presupostos teóricos establecidos no seu día, entre outros, por Jacques Aumont o Pascal Bonitzer) nalgunhas destacadas películas centradas no impacto da durísima crise económica que aínda nos afecta”.

O acto de entrega contou coa participación da xornalista María Yáñez, en representación do xurado -do que tamén formaron parte José Luís Castro de Paz (profesor da USC) e Marta Pérez Pereiro (profesora da USC)- e mais de Goretti Sanmartín Rei, vicepresidenta e deputada de Normalización Lingüística e de Cultura da Deputación de A Coruña; Darío Campos, presidente da Deputación de Lugo; Manuel Doval, deputado de Cultura da Deputación de Ourense; Xosé Leal, deputado de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación de Pontevedra; e Carlos Ares, presidente da Academia Galega do Audiovisual.

marialuzmorales

María Luz Morales (A Coruña, 1889 – Barcelona 1980). Escritora e xornalista, especializada na crítica de cine e de teatro, dirixiu o xornal La Vanguardia durante a Guerra Civil, sendo a primeira muller na historia de España en ser directora dun diario estatal. Foi activista feminista, republicana e galeguista represaliada polo franquismo, e autora dunha extensa obra literaria. Considerada unha referencia da incorporación da muller a actividade xornalística e intelectual na España do século XX. Mantivo a actividade xornalística ata os 91 anos de idade.