Papeis da Academia 2014-2015

Presentamos unha nova edición dos Papeis da Academia que neste 2015 é totalmente dixital. Coincidindo coa renovación da nova páxina web, na Academia queremos ir un paso máis aló na súa evolución e converter a publicación nunha ferramenta da web permanentemente actualizada e que nos permita ter unha panorámica do sector, chegando así a máis público.

Queremos que por un lado recolla informes e reportaxes máis profundos sobre cuestións de actualidade do audiovisual e por outro que se constitúa como unha base de datos, onde poder consultar información das obras e profesionais galegos. Así, neste ano comeza esta última transformación dos Papeis.

Nothing found.


Papeis da Academia 2016

Benvida da directiva

 

Queridxs compañeirxs,

Un ano máis presentamos o anuario da Academia Galega do Audiovisual. E un ano máis presentámolo non só aos académicos e académicas, presentámolo tamén ao conxunto da cidadanía.  Un ano máis, os contidos deste anuario van estar na nosa web a disposición de todas as persoas que os queiran consultar: profesionais do audiovisual e da cultura galegas, especialistas, estudantes, afeccionados ou xs nosxs espectadores.

O argumento central deste ano é a situación laboral dxs traballadorxs do noso audiovisual. Varixs profesionais van contar a súa experiencia. Sabemos que estamos inmersos nunha crise económica global. Unha crise que fixo que as condicións laborais dxs traballadores de calquera sector económico se deteriorasen. Por suposto o audiovisual galego non é alleo a esa crise. Sempre se di, por características do noso sector, que somos xs primeiros en vernos afectadxs pola crise e xs últimxs en saír dela.Vexamos como afectou ao noso traballo esa crise, como a afrontaron diferentes compañeiros e compañeiras. Vexamos se somos quen de abrir un necesario debate. Vexamos se somos quen de  aportar algunha solución.

Como novidade, este ano os contidos do noso anuario son maioritariamente audiovisuais. Contamos con varias reportaxes, entrevistas gravadas a diferentes profesionais que contan a súa experiencia.

Esperamos que este novo formato sexa do voso agrado. E o máis importante, agardamos que o que alí sae reflectido contribúa a facer un audiovisual galego mellor, máis xusto e que o que conten xs diferentes compañeirxs axude a unha necesaria reflexión.

E un ano máis dedicamos parte do noso anuario a un compositor de bandas sonoras galego. Este ano temos a honra de presentar unha selección de obras do compositor Manu Riveiro. Das súas mans e o seu maxín xurdiron pezas tales coma as creadas para O descoñecido, Padre Casares ou Hospital Real.

Xunto ao anuario, hai uns días presentamos na nosa web o catálogo de festivais e mostras de cine e audiovisual de Galicia. Tamén os premios de investigación que levan o nome da pioneira María Luz Morales, unha figura que debe ser reivindicada unha e outra vez. Ademais, estamos a traballar arreo na elaboración dun catálogo coa totalidade das obras audiovisuais creadas en Galicia, que agardamos poida ver a luz o vindeiro ano. Isto non é todo: hai uns meses presentamos a primeira edición das Semanas da Música do Audiovisual, a primeira do que estamos seguros vai ser un referente en todo o Estado sobre músicas no audiovisual.

Estamos moi orgullosxs de que a Academia sexa unha das impulsoras do  “Observatorio de Igualdade das Artes Escénicas e do Audiovisual” que nace con tres obxectivos fundacionais: Implicar a todas as asociacións profesionais galegas do sector na implantación de estratexias de igualdade; analizar e avaliar de forma profunda a situación socio-laboral das mulleres nas artes escénicas e o audiovisual e fomentar a igualdade mediante propostas concretas dirixidas a entidades públicas e privadas. Cremos que accións como ésta son fundamentais na nosa Academia. Tanto é así, que cremos que a Academia naceu para cumprir este tipo de funcións. Xunto a todo isto fixemos unha serie de master class, debates e moitas máis actividades.

Todas estas accións e outras que agardamos poder facer no futuro, son posibles só grazas ao voso constante apoio. As vosas opinións, os vosos comentarios, tamén as vosas críticas son indispensables, fundamentais, necesarias para conseguir unha Academia máis participativa, unha Academia de todas, unha Academia mellor.

Agardamos que este anuario sexa do voso interese. Agardamos que sexa do interese da cidadanía, do noso público.  Agardamos, por riba de todo, que sexa de utilidade.

 

Vento nas velas, compañeiros e compañeiras.

EDITA:Academia Galega do AudiovisualPraza Pintor Sotomayor nº 1, 2º15001 A CoruñaTel: 981 227 701 / 981 208 393

COORDINACIÓN EDITORIAL:Camilo Franco e Ana M. López

AGRADECEMENTOSConcello de Santiago polo uso do Centro Sociocultural da CaramoniñaCentro Galego de Arte Contemporánea

Os autores dos artigos e vídeos desta edición expresan libremente os seus puntos de vista, que non son necesariamente compartidos polo conxunto da Academia. Esta acolle no seu seo unha pluralidade de opinións.


Papeis da Academia 2017

Benvida da directiva

Queridas compañeiras e compañeiros,

remata o ano, toca facer balance e a Academia Galega do Audiovisual faino, unha vez máis, co seu Anuario.

As persoas que nos dedicamos ao audiovisual, a facer soñar, rir, entreter, informar, facendo películas, documentais, series, programas de televisión ou calquera outro formato, as persoas que nos dedicamos á Cultura sempre debemos estar afeitas aos cambios, a tentar superarnos día a día, a tentar mellorar para dar o mellor que temos.

Tócanos vivir nunha moi longa crise económica, todas o son. Unha crise que padecemos e que se traduce nunha baixada de orzamentos que levan, polo xeral, a unha baixada dos tempos de rodaxe das nosas obras. Isto fai que o traballo se deteriore, que padezamos a precariedade.

Pese a esta crise e as súas consecuencias, moitos dos nosos traballos gozan dun grande éxito de público e crítica. Mesmo recoñecidos nos festivais máis esixentes ao longo de todo o mundo. Estes recoñecementos son porque sabemos facer o noso traballo, temos talento de sobra, ilusión e ganas. As galegas e galegos poden estar moi orgullosos do seu audiovisual.

A Academia Galega do Audiovisual sabe que temos que adaptarnos aos novos tempos. Sabemos que debemos mudar, aprender e seguir ilusionándonos para ter unha Academia que chegue a máis profesionais e á cidadanía en xeral. Este ano renovouse en parte a directiva. Despedimos a queridas compañeiras e compañeiros e outras tres grandes profesionais as substituíron: Susana Vieira, Olga Osorio e Ana Míguez, dando unha nova ollada imprescindible á Academia.

Afrontamos cambios que van facer que medremos, que poidamos abordar proxectos moi bonitos e ambiciosos, comezando pola contratación dun novo Director da Academia, Miguel Mariño, que xunto a outras incorporacións profesionais axudarán a levar a cabo todas estas novas iniciativas.

Nos vindeiros meses imos presentarvos unha nova páxina web, que agardamos sexa un referente no noso audiovisual, así coma unha base de datos de profesionais e obras audiovisuais. Tamén iniciaremos un programa de formación, con tres eixos principais: Formación a profesionais, a estudantes de facultades e escolas do audiovisual e ás máis novas e novos, para que vaian descubrindo este mundo.

Ao mesmo tempo os premios de investigación María Luz Morales son xa unha realidade e agardamos que sigan medrando, como xa o fai a Semana das Músicas do Audiovisual e outras actividades para profesionais e cidadanía en xeral.

No ano que vén tamén agardamos ver os primeiros resultados do estudo que vai facer o Consello da Cultura Galega sobre a situación laboral das mulleres na Cultura do país. Este estudio sae dunha idea do Observatorio da Igualdade, no que participa activamente a nosa Academia.

Tamén este Anuario se adapta á nosa necesidade de cambio: Presentámosvos un novo formato, que agardamos sexa do voso agrado. Nel recollemos reportaxes elaboradas por María Yáñez, con fotografías de Tamara de la Fuente; unha entrevista co novo Director da Academia; un moi interesante resumo do encontro de Academias do audiovisual de todo o Estado e Portugal que tivo lugar neste mes de decembro, o primeiro que se celebra. Este encontro parte dunha idea da nosa Academia, que recibiu unha moi boa acollida por parte das demais, garantindo a súa continuidade o vindeiro ano e que seguro logrará levar a cabo proxectos en común, moi necesarios. Tamén veremos o que aconteceu este ano que remata e o que nos agarda o que vén.

Xunto a todo isto veremos unha reportaxe sobre o novo talento. A Academia Galega do Audiovisual tamén quere ser a casa de tanta xente nova que está a facer cousas tan boas coma nestes últimos anos. Neste Anuario presentámosvos catorce perfís de persoas moi novas, que xa amosaron a súa extraordinaria valía e calidade en tempos tan difíciles coma os actuais.

Agardamos que sexa do voso agrado e coma sempre esperamos os vosos comentarios, opinións, achegas e mesmo críticas, que son tan indispensables e que fan que tentemos facer entre todas e todos unha Academia mellor.

Que teñades unhas boas festas e un moi feliz 2018.

Unha forte aperta.

Vento nas velas!

Carlos Ares, presidente da Academia Galega do Audiovisual.