Razón matemática do sistema de votación dos Premios Mestre Mateo
Razón matemática do sistema de votación dos Premios Mestre Mateo
Jorge Mira Pérez
Departamento de Física Aplicada
Universidade de Santiago de Compostela
Julio González Díaz
Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización
Universidade de Santiago de Compostela
1. Introdución
Parece sinxelo elixir un representante político nun réxime democrático ou calquera outra figura no seo dunha organización; mais non o é. Sirva como exemplo a lei electoral española. A súa regulamentación matemática -baseada na Lei d’Hondt- xunto co esquema de circunscricións provinciais, xera uns resultados que levan cara a unha certa dinámica política, que sería moi distinta se o sistema fose outro. Sistemas de votación distintos, resultados distintos. Cada un ten as súas vantaxes e eivas, así que a cuestión de cal usar revélase coma fundamental para moitos procesos electivos.
Esa decisión tivo que ser tomada pola Academia Galega do Audiovisual no ano 2002, no que encetou a organización dos seus Premios, os Mestre Mateo, cuxa primeira edición tivo lugar en 2003. Un dos feitos previsibles neste premio foi a aparición dun gran número de candidaturas para algunhas das categorías, o que non parecía aconsellar unha votación simple a unha quenda. Dito doutro xeito: non parecía eficiente que centos de académicos (a finais de 2018 había 361) escollesen nunha única quenda a voto único directo entre un número de candidaturas que pode chegar facilmente a máis de 20. Á marxe desta consideración está, obviamente, a necesidade estética de xerar un grupo de finalistas para organizar unha gala.
A situación é análoga á que se atopa noutras academias do audiovisual a nivel español e internacional, nas que parece haber un consenso na necesidade dun sistema de dúas quendas: coa primeira acóutase a elección a un número reducido de finalistas, entre os que se escollerá o gañador na segunda rolda, que se desvela na gala.
2. A cuestión: valoración de varias candidaturas ou só de unha?
Pero queda o asunto de debullar o método de elección nas dúas quendas. A primeira solución, nos albores dos Premios Mestre Mateo, foi a elección única: tanto na primeira como na segunda votábase por unha e só unha candidatura.
A principal dúbida sobre este método reside nunha potencial falta de solidez ante factores subxectivos que causen unha certa deriva no voto.
Ante ese debate, a directiva da Academia Galega do Audiovisual introduciu no ano 2015 (ano no que tamén se estreou a actual plataforma web de visionado e votación) o sistema actualmente en vigor:
a) Na primeira quenda, os membros da academia outorgarán 4 puntos á que estimen mellor candidatura, 3 puntos á segunda mellor, 2 puntos á terceira e, finalmente, 1 punto á cuarta. É necesario emitir todas esas valoracións ou ben deixa-la votación en branco: valorar, p.ex., con 4 puntos só a unha candidatura e non outorgar os 3, 2 e 1 punto a outras é considerado voto nulo.
Cómpre salientar que este proceso non é de puntuación, senón máis ben de ordenación e establecemento dunha orde de prelación (emitir unha puntuación sería deixar ao académico a asignación libre dun número de nota, ou sexa, que puxese notas de 7.5, 9.25, etc).
b) Logo dese proceso, faise a suma global, identifícanse as 4 candidaturas con máis puntos e son proclamadas finalistas. Con elas procédese á segunda quenda, que saca o gañador polo mesmo sistema.
Este método non é ningún invento moderno, é unha das das múltiples variantes do coñecido como Método de Borda, en honor ao matemático francés Jean-Charles de Borda (1733-1799), que o propuxo en 1770; e aplícase en procesos semellantes aos dos Premios Mestre Mateo e mesmo en eleccións políticas.
A pregunta xorde automaticamente: que sistema é o máis xusto ou acaído para os Premios Mestre Mateo? O antigo (que chamaremos binario) ou o actual (Método de Borda)? E, no caso do Método de Borda, ¿cantos niveis serían os óptimos na escala? Isto é: abonda con 4 niveis ou sería mellor engadir/quitar algún?
3. O experimento
Para despexar as dúbidas, fixéronse simulacións computacionais dos diferentes sistemas, mesmo explorando a versión a unha soa quenda. Nomeadamente, para comparar se é mellor un sistema a unha quenda que a dúas (aínda que o de quenda única non sexa útil, ao non sacar un grupo de finalistas) e, sobre todo, para comparar o método binario (o orixinal posto en marcha para a edición de 2003) co Método de Borda (o que está en vigor dende a edición de 2015), con diferente número de niveis de prelación, para indagar tamén se a escala actualmente usada de 1 a 4 é boa ou é aconsellable cambiala por outra.
Con ese obxecto, implementouse un programa que opera do seguinte xeito:
Por unha banda, identificamos o que chamamos método Binario, que se implementa facendo que un académico particular asigne un 1 para o seu candidato favorito e valores 0 ao resto (o método usado anteriormente para os Premios Mestre Mateo).
Por outra, identificamos como Borda n a regra na que se lle dan n puntos ao candidato favorito, n-1 ao seguinte, e así sucesivamente (é dicir, cada académico establece unha orde de prelación entre as que estima as mellores n candidaturas). (1)
En ambas quendas aplícase a mesma regra, primeiro para quedar con 4 finalistas e despois elixir o gañador entre eles.(2)
Os parámetros das execucións deste programa foron:
- Candidatos: 20
- Académicos que exercen o voto: 200
- Simulacións totais: 100 000
3.1 Simulacións completamente aleatorias
En cada simulación xeráronse aleatoriamente preferencias de 200 académicos votantes sobre 20 candidatos, representadas mediante unha valoración entre 5 e 10, o que crea unha matriz aleatoria de 200 x 20= 40.000 compoñentes. É dicir, unha simulación consiste en que cada académico virtual outorga unha puntuación entre 5 e 10 (a amplitude da escala de puntos non afecta ao proceso) para todos e cada un dos candidatos.
Para cada unha destas simulacións, considerase que o gañador real é aquel candidato cunha valoración media máis alta. A partir de aí, co mapa global de notas que nos dá a nosa matriz, medimos o rendemento dos seguintes sistemas, vendo cando acertan coa identidade do gañador real.
Para estudar as distintas regras de votación, probamos coas seguintes regras: Binario (Borda 1), e Borda 2, 4, 10, 15 e 20, tanto con quenda única como con dúas quendas. P.ex., para Borda 4, vanse mirando as 4 puntuacións máis altas que outorgou cada académico, con elas establécese a orde de prelación entre esas 4 e, computando para tódolos académicos, obtéñense os 4 finalistas. Con eses 4 finalistas, vólvese a mirar na matriz que nota lles outorgou cada académico, para ver con que orde de prelación os ordenaría. A suma é a que identifica ao gañador do proceso.
O procedemento para comparar as distintas regras consiste entón en ver, para cada unha das 100.000 simulacións, cal tería sido o gañador para cada unha das regras, e despois mirar a porcentaxe de veces que cada unha das regras propuxo o gañador real.(3)
Con esas condicións, na seguinte táboa amosamos a porcentaxe de veces que cada unha das regras tería elixido gañador real:
Ante este resultado, tíranse conclusións bastante importantes:
a) O método a dúas quendas é máis xusto que a unha quenda, mentres se vote a 10 ou menos candidaturas. Se nunha única quenda se xerarquiza a 15 ou 20 candidatos, o resultado é máis preciso que con 2 quendas. Isto é lóxico, xa que con Borda 20 estaríase emitindo unha valoración directa para todos e cada un dos candidatos (non quedaría ningún oco de valoración: toda candidatura sería valorada por todo académico). Sobra dicir que o Borda 20 sería un proceso inviable na práctica.
b) No método a dúas quendas, a eficiencia satura xa cunha gradación de 10 niveis: a partir de Borda 10 non se supera o 60% de eficiencia.
c) É digna de mención a mellora de eficiencia que se acada co Borda 4 a dobre quenda. O salto é moi apreciable coa segunda quenda (sóbese do 31% ao 51% de eficiencia) e tamén con respecto ao Borda 2 (auméntase do 39% ao 51%).
Polo tanto, o Borda 4 parece un equilibrio moi axeitado entre esforzo requirido e eficiencia. Isto é: se poñemos nun lado da balanza a lea que supón o proceso de votación para os académicos (votar a 10 ou a 20 candidaturas non sería realista) e, no outro, a eficacia do sistema, o método Borda 4 a dúas quendas é o máis aconsellable para a dimensión do proceso electivo necesario nos Premios Mestre Mateo.
Un aspecto tamén destacable é que a baixa taxa de acertos con Borda 1 posiblemente teña que ver con que as preferencias son xeradas de maneira totalmente aleatoria. En realidade estas regras acertan máis, xa que as preferencias dos distintos académicos estarán correlacionadas entre si: se unha candidatura é realmente boa, haberá consenso e será percibida como tal pola maioría dos académicos.
3.2 Simulacións con correlacións
Inspirados por esa salvidade, para refinar o estudo, ademais de xerar as preferencias de cada académico sobre cada candidato de maneira totalmente independente (coa valoración xerada para cada candidato por cada académico sendo independentes das valoracións dos outros académicos), leváronse a cabo execucións adicionais (outras 100 000 simulacións) cunha estrutura de correlacións máis realista.
Neste caso, a simulación parte dunha valoración “obxectiva” de cada candidato (xerada aleatoriamente), e despois as valoracións dos académicos xéranse aleatoriamente ao redor desta valoración obxectiva, cunha certa variabilidade (xerada tamén aleatoriamente para cada candidato)(4). Deste xeito, temos que as valoracións dos académicos tenderán a unha maior afinidade entre si.
A táboa de eficiencias obtida é a seguinte:
Con estas novas simulacións, tirámo-las seguintes conclusións:
a) A eficiencia dos Borda máis baixos mellora, denotando que a introdución das correlacións ten sentido (achégase máis á realidade).
b) A unha quenda, sorprendentemente unha escala a 10 niveis acaba sendo máis eficiente que a escala a 20. Esa circunstancia é semellante cun sistema de 2 quendas de votación, aínda que a caída non é tan apreciable a partir do Borda 10.
c) Cualitativamente, o Borda 4 segue sendo o método máis eficiente: o cambio de 1 a 2 quendas mellora moito a súa eficiencia (sobe do 50% ao 73%). Ademais é moi competitiva fronte a un maior esforzo no mecanismo de votación: pasar de Borda 4 a Borda 10 (no que os académicos terían que votar a 10 candidatos en cada quenda) só aumenta a eficacia dun 73% a un 82%.
Polo tanto, o método Borda 4 a dúas quendas parece o máis axeitado ao comparar a relación entre esforzo de votación e a súa eficacia, co cal parece que é o óptimo para as dimensións de votantes e candidaturas que se manexan. Ese método é precisamente o usado pola Academia Galega do Audiovisual para os seus Premios Mestre Mateo.
NOTAS:
1) Nótese que o método Borda 1 é o mesmo que o Binario.
2) Nótese que se na primeira quenda se aplica Borda n, con n maior ou igual que 4, entón na segunda quenda dá igual aplicar Borda n ou Borda 4, pois unicamente quedan 4 candidatos.
3) No caso de que unha das simulacións propoña, por exemplo, a 2 candidatos empatados, e un deles coincida con gañador real, cóntase como unha porcentaxe de acertos do 50%.
4) De xeito máis formal, para cada candidatura i xerouse un valor m[i] (entre 5 e 10) e unha desviación típica sd[i] (entre 1 e 5). Despois, as preferencias de todos os avaliadores sobre este candidato son xeradas a partir dunha distribución de probabilidade normal de media m[i] e desviación típica sd[i]. O valor m[i] representa a calidade obxectiva do candidato e o valor sd[i] representa canto varía dita calidade obxectiva ao traducirse en percepcións subxectivas dos académicos.
#MestreMateo19: Os premios nas redes
#MestreMateo19: Os premios nas redes
Cada vez máis os Mestre Mateo son un acontecemento non só televisivo ou mediático senón que tamén xera moitísima conversa nas redes sociais. A edición deste ano seguiuse en Twitter e Instagram con cancelo #MestreMateo19, con máis dun milleiro de chíos, posts e moitas máis interaccións na rede.
Ademais a Academia convidou unha selección de tuiteiras e tuiteiros coñecidos ou influíntes nesta rede, que compartiron os seus comentarios desde a butaca e desde a festa posterior. Algúns deles, que tamén son youtubers, subiron ás súas canles vídeos facendo a súa particular crónica da gala.
Pero foi moita máis a xente que se sumou á festa de comentar a gala desde o sofá da súa casa. Aquí unha pequena escolma:
No palco de autoridades @aqueleGz, @Bonmatweet, @hematocritico, @oneafter909_, @julitadecuenca e @olaxonmario. #MestreMateo19 pic.twitter.com/4dNx3oPztP
— Snob🎗 (@Snob) March 2, 2019
Eses influencers dos #MestreMateo19!!! pic.twitter.com/F4pEOnHIuj
— Marcus Fernández (@marcusfernandez) March 2, 2019
Aquí @Bonmatweet e máis eu contentísimos polos #MestreMateo19 a @ftabara e @FedericoPrezRey. :_) pic.twitter.com/GqNpcI6VXh
— Snob🎗 (@Snob) March 2, 2019
Moncho Lemos é como a IMDB de series e filmes da Galega, non deixa de sacarlle o currículo TVG a cada premiado 😜 #mestremateo19
— ghanito, pai e señoro 🛰 (@ghanito) March 2, 2019
#MestreMateo19 @AcademiaGalegaA @hematocritico@AqueleGZ @Oneafter909_ @Olaxonmario @julitadecuenca @Snob@Bonmatweet pic.twitter.com/3nbGQuEsEK
— Celuloide Paranoide (@celuloidep) March 2, 2019
O #MestreMateo19 para o mellor comunicador foi para @_rodrigovazquez! Deixounos un discurso moi emotivo no que defendeu a lingua e a cultura galegas! 🤩😍 Parabéns! #MestreMateo19 pic.twitter.com/kLNvRh2bnA
— TVG (@TVGalicia) March 2, 2019
“Quen contaba, que diría Amancio Ortega”. Xenial @FedericoPrezRey, un cómico premiado por un drama: “Trote era unha comedia, pero non se entendeu”. 😂😂😂😂😂#MestreMateo19 👏👏👏👏 pic.twitter.com/OPmYz7lMUn
— Kiko Novoa (@kikonovoa) March 2, 2019
Agora que sae o presi é o momento de recordar que, se traballades no audiovisual e queredes votar nos #mestremateo20, podedes asociarvos mañá mesmo #mestremateo19 pic.twitter.com/S7FHtq66T2
— Sonia Díaz (@emereci) March 2, 2019
View this post on InstagramLet’s go & Imos aló 💃🏼 #MestreMateo19 con #ElsaVaDeBoda
A post shared by I s a b e l B l a n c o (@isabel_blanco_ig) on
View this post on InstagramA post shared by S I M O N ▲ M O U R (@thefilmspirit) on
View this post on InstagramA post shared by Chisca Faísca (@belen_mendana_pictures) on
View this post on InstagramGracias a @academiagalegaa por permitirnos disfrtutar da Gala dos #mestremateo19 . 📸 @aigiboga
A post shared by Jose Turvegal (@joseturvegal) on
View this post on InstagramA post shared by v. d o r e x o (@asistaboada) on
View this post on InstagramDulces sueños ☁️ #mestremateo19
A post shared by realisateur (@sitotorres84) on
Mestre Mateo. Uns premios ‘galácticos’ nunha gala na que triunfou ‘A sombra da lei’
Mestre Mateo. Uns premios ‘galácticos’ nunha gala na que triunfou ‘A sombra da lei’
“Hai milenios que os humanos se extinguiron. Antes da fin, unha mostra deles foi embarcada nas naves de evacuación: científicos, músicos, artistas, futbolistas… e tamén un par de youtubers. Na actualidade, as naves recolectoras de coñecemento galáctico viaxan polo espazo-tempo co cometido de localizar, clasificar e conservar todo o saber do Universo. Unha desas naves recolectoras, viaxa ata o pasado para recabar información sobre o audiovisual galego. Concretamente… ata o acto de entrega dos Premios Mestre Mateo do ano 2019”.
Con esta premisa arrancaba o pasado 2 de marzo a gala dos XVII Premios Mestre Mateo no Pazo da Cultura da Coruña. Xa non é o audiovisual galego quen se pregunta polo seu futuro, senón que vén xente do futuro interesarse por saber que foi o audiovisual galego no 2019. Esta xente é un equipo de viaxéiros espazo-temporais formado por Camila Bossa, David Amor, Xúlio Abonjo, Fernando Epelde e Carolina Iglesias -Percebes y Grelos– que conduciu unha gala con estética retrofuturista dirixida por Sonia Méndez.
Foi unha gala moi creativa e bastante áxil con guión de Daniel Domínguez, Sandra Lesta e Sonia Méndez, dirección de produción de Miriam Devesa, dirección de arte de Isa Vila e Ángel Amaro, músicas e letras orixinais de Fernando Epelde e un vestiario creado especialmente para a ocasión polo deseñador David Méndez Alonso.
Os premios foron entregados por diversos profesionais pertencentes ao noso audiovisual, como Belén Constenla, Ángel Sánchez, Estíbaliz Veiga, Marta Doviro, Miguel Canalejo, Adrián Díaz, Gloria Ferreiro, Xavier Picallo, Ledicia Sola, X.A. Touriñán, Alberto Rolán, Javi Camino, Anxos Fazáns, Luis Iglesia, Isabel Blanco, María Bouzas e Andrés Goteira. Destacou ademais o discurso de Carlos Ares despedíndose como Presidente da Academia logo de 4 anos á fronte da directiva.
Ademais dos Mestre Mateo nesta gala entregouse o Premio de Honra Fernando Rey, que recaeu este ano na actriz Mela Casal “polo seu traballo a prol da construcción do audiovisual galego dos últimos trinta anos, ser unha das nosas pioneiras e un dos rostros máis coñecidos do noso audiovisual”.
Encontro de finalistas e Premio José Sellier
Uns días antes, o 22 de febreiro, celebrábase no Palexco da Coruña o Encontro de finalistas, onde ademais de reunir académicos e seleccionados nas distintas candidaturas para facer a foto de familia, entregouse o Premio Especial “José Sellier”, que cada ano recoñece iniciativas salientables no sector audiovisual, nesta ocasión á Federación de Cineclubes de Galicia (FECIGA).
O seu presidente, Manuel Precedo, foi o encargado de recoller este galardón, co que, a Academia poñía en valor que “os cineclubes son un dos principais promotores da cultura cinematográfica entre a sociedade”.
Palmarés dos XVII Mestre Mateo
Palmarés XVII Premios Mestre Mateo
CATEGORÍAS DE PRODUCIÓN
- MELLOR ANUNCIO PUBLICITARIO: TI (Juan Galiñanes).
- MELLOR CURTAMETRAXE DE ANIMACIÓN: SOY UNA TUMBA (Uniko e Autour de Minuit).
- MELLOR CURTAMETRAXE DE IMAXE REAL: A NENA AZUL (Reira Filmes en produción asociada con Píxel Films e Comunika)
- MELLOR DOCUMENTAL: IDÉNTICAS (Amanita Studio, La Panificadora e Aspoh)
- MELLOR LONGAMETRAXE: A SOMBRA DA LEI (Vaca Films Studio, Atresmedia Cine, La Ley del Plomo AIE e Playtime Production Sarl).
- MELLOR PROGRAMA TV: BUSCADORES DE NAUFRAXIOS (CAPÍTULOS 1 AO 15) (Voz Audiovisual e CRTVG).
- MELLOR SERIE DE TELEVISIÓN: O SABOR DAS MARGARIDAS (CAPÍTULOS 1 AO 6)) (TVG, CTV e Comarex de CV).
- MELLOR SERIE WEB: DINOSAURIO, A SERIE (CAPÍTULOS 1 AO 3) (Carballo Interplay Producións).
- MELLOR VIDEOCLIP: AHORA O NUNCA (Pegatina feat Macaco) (Warner Music Spain e Manu Viqueira).
CATEGORÍAS PROFESIONAIS
- MELLOR COMUNICADOR/A DE TELEVISIÓN: RODRIGO VÁZQUEZ (TI VERÁS, Programa 364)
- MELLOR DIRECCIÓN: DANI DE LA TORRE (A SOMBRA DA LEI)
- MELLOR DIRECCIÓN DE ARTE: JUAN PEDRO DE GASPAR (A SOMBRA DA LEI)
- MELLOR DIRECCIÓN DE FOTOGRAFÍA: LUCÍA C. PAN (TROTE).
- MELLOR DIRECCIÓN DE PRODUCCIÓN: MARÍA LIAÑO (A SOMBRA DA LEI).
- MELLOR GUIÓN: XACIO BAÑO e DIEGO AMEIXEIRAS (TROTE).
- MELLOR INTERPRETACIÓN FEMININA DE REPARTO: MELANIA CRUZ (TROTE).
- MELLOR INTERPRETACIÓN FEMININA PROTAGONISTA: MARÍA VAZQUEZ (TROTE).
- MELLOR INTERPRETACIÓN MASCULINA DE REPARTO: FEDERICO PÉREZ (TROTE).
- MELLOR INTERPRETACIÓN MASCULINA PROTAGONISTA: LUIS TOSAR (A SOMBRA DA LEI).
- MELLOR MAQUILLAXE E PERRUQUERÍA: RAQUEL FIDALGO e NOÉ MONTES (A SOMBRA DA LEI).
- MELLOR MONTAXE: JORGE COIRA (A SOMBRA DA LEI).
- MELLOR MÚSICA ORIXINAL: MANU RIVEIRO e XAVI FONT (A SOMBRA DA LEI).
- MELLOR REALIZACIÓN: SITO TORRES e MIGUEL GRANERO (ALBUM DE VIAXE, Programas 1 ao 9).
- MELLOR SON: DAVID MACHADO (La Panificadora), JAMES MUÑOZ e JOSÉ ANTONIO MANOVEL (A SOMBRA DA LEI).
- MELLOR VESTIARIO: CLARA BILBAO (A SOMBRA DA LEI).