Jorge Boquete

Jorge Boquete é un coruñés do 91 que se algo ten claro é que quere vivir e traballar na súa cidade. Na Coruña estudou 4 anos Comunicación Audiovisual pero non rematou, axiña se puxo a traballar no que é o seu proxecto creativo e profesional, o colectivo audiovisual Porco Bravú, xunto con Óscar Cruz e Javi Lopa.

O seu soño sería que Porco Bravú se convertese nunha gran produtora que desde A Coruña crease todo tipo de proxectos para o exterior: «aquel que fai o traballo creativo para que outros traballen, soa ben, non?». Xa en serio, fala desta figura moi instalada nas series norteamericanas, que viría sendo a do produtor executivo: ser quen controla o produto e contrata os mellores para que saian ben as cousas.

De todos xeitos por agora ten claro o seu oficio: director e montador. Coa webserie “Peter Brandon” sentiuse «director de verdade, por traballar nun formato longo, dirixindo actores…».  O de director é o rol natural que lle saíu cando empezou a traballar en equipo na facultade, un pouco de rebote. Sendo practicamente autodidacta, bota de menos non tanto ter formación específica como poder aprender a carón doutros directores como Jorge Coira, a quen admira moito desde “O ano da carracha” (2004). «Puido ser a película fundacional do xénero da comedia xuvenil en Galicia, pero quedou como un caso aillado», comenta Jorge, que aspira a facer algún día o seu gran proxecto cinematográfico: «unha peli de 10 millóns de dólares, de panda de teenagers, un pouco a miña historia, un filme sobre facerse maior. É unha historia que estou escribindo. Con centos de figurantes, nenos…».

No entanto, os seus proxectos inmediatos son acabar de rodar “Peter Brandon”, a webserie protagonizda por Pedro Brandariz da que xa se preestrearon os primeiros 3 episodios, e varias cousas máis: «Temos un proxecto de animación, moi verde aínda, para nenos, que queremos facer unha peli. Temos a idea dunha road movie sobre dous músicos. Seguramente este sexa o segundo proxecto grande despois de “Peter Brandon”» Tamén están pensando en facer a segunda temporada de “El método sueco”, a serie web que se pode ver actualmente na plataforma Flooxer de Atresmedia.

A pesar de ser prolífico na creación e de non parar de argallar novas ideas para películas, curtas e series, ten que sufrir a precariedade dun sector que tamén considera «moi hermético, é moi dificil entrar no circuito industrial, os profesionais que traballan coas produtoras adoitan ser sempre os mesmos técnicos, directores, etc».  Ten certa sensación de que non o toman en serio por facer cousas para web, se ben «un cambio moi importante foi recibir os Mestre Mateo, desde entón nótase que nos valoran doutra maneira. Pero aínda hai moita xente na industria que non entende o que facemos en internet nin lle interesa entendelo, hai moito dinosaurio. Noto que se abren algunhas portas, pero seguimos sen ter curro».

E neste sentido bota de menos que desde a TVG ou Agadic non se poña diñeiro para facer contidos en internet, que é onde está agora o público novo, «na liña do que fai TVE con PlayZ. Os que mandan na nosa política audiovisual ten que decatarse de que isto xa non é o futuro, está a pasar agora no resto do mundo e aquí xa chegamos tarde», comenta este seguidor de Louis CK e de Bojack Horseman que se criou vendo a tele, tamén a TVG, e Cine de Barrio coa súa avoa.

Mentres segue producindo pola súa conta, para gañar a vida cando pode traballa de montador, fai vídeos promocionais… «o que sexa, pero non me quero dedicar a gravar vodas, fixen unha e non me quedaron máis ganas». Os Porco Bravú fixeron ata un videoclip do Combo Dominicano («podes escribilo, non nos dá vergonza», – pois velaquí o enlace), e a Jorge interésalle moito explorar a intersección entre música e audiovisual, pero máis alá do videoclip, na liña do que fai Kendrick Lamar. O rap é a súa outra paixón (tivo un grupo de adolescente), e agora ten moitas ganas de facer algo con Wax Dee e DL Blando, rapeiros da Coruña (de Katanga, en concreto) dos que se confesa fan e que xa lle puxeron música a “Peter Brandon”. «Quero facer algo chulo con eles e non me deixan, pero acabareino facendo por insistencia. De momento fago ‘stories’ en Instagram coa súa música».

Podemos seguir a Jorge Boquete nas redes de Porco Bravú.


Charles Rapante

Este vigués do 92 viviu no barrio de Teis toda a vida e agora está construíndo alí o seu estudio, un pequeno espazo onde compoñer e facer traballos de postprodución de son, que é ao que se dedica. «Cando asino traballos de técnico uso o meu nome real, Víctor Rivas, pero para os traballos máis artísticos ou persoais son Charles Rapante» aclara, sen desvelar moito da orixe deste alcume, que lle apareceu como unha revelación durante un día estraño paseando ao lado do mar. «Tamén me chaman Víctor Vacaloura cando estou cos Vacalouras, o meu grupo de punk», engade.

Formado como técnico de son e de electrónica, tamén estudou música, a súa vocación, para poder mellorar a técnica «e facer o exame para disciplinarme, porque eu son moi autodidacta». Defínese com pluriempregado en torno á música, xa sexa como técnico, produtor ou el mesmo compoñendo e interpretando a banda sonora de varias pezas audiovisuais, como a longametraxe de Anxos Fazáns “A estación violenta”, ou as curtas de Ángel Filgueira ou de Iria Silvosa.

No que fai para o audiovisual o seu estilo móvese entre a música experimental e a electrónica, gravada sempre de forma caseira no seu taller e con instrumentos nada convencionais: «saco son de onde sexa, por exemplo teño feito percusión cun banco nas Cíes, outro día gravei un aparato de aire acondicionado e de aí saquei os ruídos… si, explicarlles a meus pais que instrumentos toco é complicado. Pero con todo se pode facer música».

Gústalle fedellar con toda clase de aparatos e, aínda que sempre lle gustou a música, abríuselle un universo cando descargou por primeira vez da rede un software para facer música, e descubriu todas as posibilidades da edición dixital de son. O como acabou facendo música para cine foi froito da casualidade e do encontro con Anxos Fazáns, que na facultade realizara un documental sobre os Vacalouras, e a partir de aí seguiron colaborando. Primeiro como técnico de son, na gravación e na postprodución, despois, xa que estaba. facendo todo o envoltorio musical. 

Poderíase, pois, dicir que o seu perfil é o dun músico e sonidista 360º que se pode encargar de todo o deseño sonoro dunha produción. O seu seguinte traballo será na próxima curta de Ángel Filgueira, mentres segue coas obras do seu estudio e preparando nova música. Unha das ideas que lle gustaría levar a cabo é a de facer unha composición musical longa, algo así como unha sinfonía, e encargarlles a diferentes directores para que cada un lle poña imaxes a cada parte, invertindo así o proceso co que adoita traballar con cineasta: «cando teña o estudio para facelo igual me poño e empezo a chamar a xente. E a buscar un produtor»

No seu tempo libre fedella na súa páxina web, rapante.info, na que podemos ver os seus traballos, e escoitar as súas creacións sonoras en Soundcloud. Tamén ten unha páxina de Facebook

 


Antón Varela

Antón Varela (A Coruña, 1992) é un dos creadores novos máis orixinais e interesantes. O seu ámbito de traballo é a animación, a súa linguaxe a apropiación e o collage, e a súa materia prima recortes de imaxes que atopa por aí. O resultado é “Orfanato Atroz”, que levou o premio á mellor webserie no Carballo Interplay e que está agora preparando a segunda temporada.

Graduado en Comunicación Audiovisual pola UDC, na actualidade está rematando o Máster en Estudos de Cinema e Audiovisual Contemporáneo da Pompeu Fabra, mentres vive con súa nai e «como non son un membro produtivo da sociedade, podo permitirme dedicar un 100% do meu tempo ao que quero facer, isto é, ler, estudar, ver pelis, escribir e facer os meus proxectos audiovisuais». Interésalle a animación porque «é o proceso creativo que máis se parece ao da escritura: é esixente e solitario pero permite funcionar sen quitar o pixama. Ese é realmente o meu ideal de traballo», confesa Antón, a quen sí lle gustaría involucrarse noutros proxectos audiovisuais ademais de rematar “Orfanato Atroz”.

A pesar dos premios e do recoñecemento, «non se cheira no horizonte a posibilidade de monetizar o meu traballo», polo que tampouco descarta emigrar, aínda que ten asumido que o que el fai non é o máis comercial do mundo. «Gustaríame que o cinema más arriscado tivera más visibilidade e apoio, pero entendo perfectamente que no risco está a súa esencia e que lle corresponde, por ese motivo, un espazo menor», admite.

O seu espazo, por agora, e a súa fonte de recursos e de inspiración, é internet. Con todo, tampouco cre que na rede se estea descubrindo a pólvora formalmente: «a avanzada, no que a linguaxe audiovisual se refire, segue a ser o cinema experimental». As súas influencias son do máis diverso («Jorge Luis Borges, Brian de Palma e Stephen Hillenburg  (creador de Bob Esponja)», pero é na rede onde están os creadores coetáneos que máis lle interesan «Velaí van tres nomes moi heteroxéneos: Colin Raff (alias ZBags), un creador de gifs cuxa procedencia descoñezo pero moi activo no tumblr; Ernesto Castro, filósofo cunha importante faceta de comunicador cultural de contido inesgotable; e Lorena Iglesias coa súa webserie “Pampini” e a súa actividade como youtuber».

Mentres financia coa venda de camisetas a nova temporada de “Orfanato Atroz”, podemos ver a anterior en Youtube ou seguilo en Twitter (@anton_varela), «onde informo debidamente de todas as novidades sobre a miña obra ou a cor do meu pelo».