Mestre Mateo. Uns premios ‘galácticos’ nunha gala na que triunfou ‘A sombra da lei’
“Hai milenios que os humanos se extinguiron. Antes da fin, unha mostra deles foi embarcada nas naves de evacuación: científicos, músicos, artistas, futbolistas… e tamén un par de youtubers. Na actualidade, as naves recolectoras de coñecemento galáctico viaxan polo espazo-tempo co cometido de localizar, clasificar e conservar todo o saber do Universo. Unha desas naves recolectoras, viaxa ata o pasado para recabar información sobre o audiovisual galego. Concretamente… ata o acto de entrega dos Premios Mestre Mateo do ano 2019”.
Con esta premisa arrancaba o pasado 2 de marzo a gala dos XVII Premios Mestre Mateo no Pazo da Cultura da Coruña. Xa non é o audiovisual galego quen se pregunta polo seu futuro, senón que vén xente do futuro interesarse por saber que foi o audiovisual galego no 2019. Esta xente é un equipo de viaxéiros espazo-temporais formado por Camila Bossa, David Amor, Xúlio Abonjo, Fernando Epelde e Carolina Iglesias -Percebes y Grelos– que conduciu unha gala con estética retrofuturista dirixida por Sonia Méndez.
Foi unha gala moi creativa e bastante áxil con guión de Daniel Domínguez, Sandra Lesta e Sonia Méndez, dirección de produción de Miriam Devesa, dirección de arte de Isa Vila e Ángel Amaro, músicas e letras orixinais de Fernando Epelde e un vestiario creado especialmente para a ocasión polo deseñador David Méndez Alonso.
Os premios foron entregados por diversos profesionais pertencentes ao noso audiovisual, como Belén Constenla, Ángel Sánchez, Estíbaliz Veiga, Marta Doviro, Miguel Canalejo, Adrián Díaz, Gloria Ferreiro, Xavier Picallo, Ledicia Sola, X.A. Touriñán, Alberto Rolán, Javi Camino, Anxos Fazáns, Luis Iglesia, Isabel Blanco, María Bouzas e Andrés Goteira. Destacou ademais o discurso de Carlos Ares despedíndose como Presidente da Academia logo de 4 anos á fronte da directiva.
Ademais dos Mestre Mateo nesta gala entregouse o Premio de Honra Fernando Rey, que recaeu este ano na actriz Mela Casal “polo seu traballo a prol da construcción do audiovisual galego dos últimos trinta anos, ser unha das nosas pioneiras e un dos rostros máis coñecidos do noso audiovisual”.
Encontro de finalistas e Premio José Sellier
Uns días antes, o 22 de febreiro, celebrábase no Palexco da Coruña o Encontro de finalistas, onde ademais de reunir académicos e seleccionados nas distintas candidaturas para facer a foto de familia, entregouse o Premio Especial “José Sellier”, que cada ano recoñece iniciativas salientables no sector audiovisual, nesta ocasión á Federación de Cineclubes de Galicia (FECIGA).
O seu presidente, Manuel Precedo, foi o encargado de recoller este galardón, co que, a Academia poñía en valor que “os cineclubes son un dos principais promotores da cultura cinematográfica entre a sociedade”.