Óscar Cruz

«Escribo historias que despois convértense en series, curtas e oxalá pronto nunha película.» Así define o seu traballo Óscar Cruz, un pontevedrés de 1991 que estudou Comunicación Audiovisual na Coruña, onde coñeceu a Jorge Boquete, Javi Lopa e Alicia Alonso, cos que montou o colectivo audiovisual Porco Bravú cando aínda estaban a estudar. Na súa primeira webserie, “Conversas con Cunqueiro”, o propio Cruz compartía confidencias diante da cámara coa estatua de Álvaro Cunqueiro na coruñesa Praza do humor.

«Cando naceu Porco Bravú decidimos que isto ía ser a nosa profesión si ou tamén. Aínda lembro o día no que Jorge Boquete chegou a miña casa co folio coa estratexia do éxito. Tiñamos moitas ganas, a facultade non nos motivaba e volcámonos no noso soño», conta Óscar. No Carballo Interplay presentaron por primeira vez o seu traballo e coñeceron outros creadores, galegos e de fóra, cos que empezaron a colaborar expandendo o seu traballo nunha nova webserie, “El método sueco”, coa que gañaron o Mestre Mateo en 2015 e 2016, e tamén nunha curta, “El comediante”. Agora están a estrear na rede o seu novo traballo, “Peter Brandon”, unha serie web de maior envergadura, con episodios de media hora en forma de falso documental protagonizado polo cómico Pedro Brandariz.

«Vivo coa miña familia e non podo vivir do meu traballo como guionista», confesa. «Considérome precario porque as poucas oportunidades de traballo que chegan están moi mal pagadas ou nin sequera hai remuneración. Non sei canto tempo terei que traballar gratis para atopar un traballo. Por non falar do pouco recoñecido que está o curro de guionista, moitos pensan que escribir pode facelo calquera». Ou sexa, hai demanda pero poucas oportunidades serias a nivel laboral. Óscar Cruz apela ao que se supón debería ser o motor da creación, a TVG: « Temos que ser máis esixentes co noso audiovisual e abrir a porta a internet. Hai moitísimo talento esperando unha oportunidade e moita máis xente desexando ver contidos orixinais, diferentes aos que nos teñen acostumados. Comezar a producción para internet e aproveitar a TVG2 parécenme dous pasos naturais.»

Afirma que «internet é a vida para os novos creadores. Aporta liberdade creativa e, o máis importante, unha canle para expoñer o meu traballo. Permite ter unha reacción inmediata e iso fai medrar o proxecto. A maioría do audiovisual que consumo é a través de internet. Grazas a isto tamén descubrín moitas cousas que doutro xeito non sei se nunca teria chegado a elas.» Destaca ademais como a web está a mudar a linguaxe: «na ficción, por exemplo, non depender das pausas publicitarias ou dos anticuadísimos medidores de audiencia está dando resultados abraiantes. A linguaxe é moito máis directa e permite conectar co público de formas máis interesantes. Hai espazo para todo e podes traballar para nichos máis pequenos. »

A maioría das súas influencias teñen que ver coa comedia: «O cine de Woody Allen é o que máis pegada me deixou. Agora Noah Baumbach e Greta Gerwig teñen un estilo semellante pero moi orixinal. As comedias de Louis CK ou Tina Fey. Monty Phyton, dos que me consta que os Zopilote tamén son moi fans e nótase nas súas produccións. Pode parecer unha parvada pero gústame moito a sitcom tradicional e aínda pincho de cando en vez un capítulo de “Pratos Combinados” ou de “Aquí no hay quien viva”. E teño unha paixón polo cómic moi recente, estou a tope con Joann Sfar.

Dentro dos seus coetáneos, admira o tándem de guionistas David Sáinz & Enrique Lojo, que colaboran en distintos proxectos de ficción para plataformas online. E tamén Sonia Méndez, «porque non só é unha creativa, pioneira das webseries en Galicia, capaz de escribir e interpretar como poucas, ademáis é unha maquina de currar, ahí está o CIP para demostralo». Engade outra referencia: «Wyie, un músico de Pontevedra dos que habitan en Bandcamp. Sorpréndeme a capacidade para expresar a nostalxia, os remordementos ou lembranzas de forma moi natural e cun estilo propio. Unha destas xoias aínda descoñecidas».

Dentro do audiovisual galego, «”Psiconautas” e “Decorado” son dúas xoias da animación, faime sentir orgulloso da nosa cultura. Moloume moito “Encallados” de Zarauza, son moi fan de Charlie Kauffman e isto é o noso “Adaptation” particular. “María y los demás” reconcilioume co mundo e a película de este ano que máis ganas teño de ver é “Dhogs”.» Como consumidor de comedia na televisión, bota de menos máis risco neste xénero na TVG: «Na era de “Girls” e de “Veep” poderíamos apostar por propostas diferentes como as que busca o resto do mundo.» E tamén bota en falta máis comedias no cine: «non se aposta nada pola comedia, está relegada a un xénero menor e chámame a atención que en Galicia, a terra da retranca, non traballemos máis este xénero.»

Podemos seguilo na páxina de Facebook de Porco Bravú, na canle de Youtube do e no seu Instagram persoal.

 


Jorge Boquete

Jorge Boquete é un coruñés do 91 que se algo ten claro é que quere vivir e traballar na súa cidade. Na Coruña estudou 4 anos Comunicación Audiovisual pero non rematou, axiña se puxo a traballar no que é o seu proxecto creativo e profesional, o colectivo audiovisual Porco Bravú, xunto con Óscar Cruz e Javi Lopa.

O seu soño sería que Porco Bravú se convertese nunha gran produtora que desde A Coruña crease todo tipo de proxectos para o exterior: «aquel que fai o traballo creativo para que outros traballen, soa ben, non?». Xa en serio, fala desta figura moi instalada nas series norteamericanas, que viría sendo a do produtor executivo: ser quen controla o produto e contrata os mellores para que saian ben as cousas.

De todos xeitos por agora ten claro o seu oficio: director e montador. Coa webserie “Peter Brandon” sentiuse «director de verdade, por traballar nun formato longo, dirixindo actores…».  O de director é o rol natural que lle saíu cando empezou a traballar en equipo na facultade, un pouco de rebote. Sendo practicamente autodidacta, bota de menos non tanto ter formación específica como poder aprender a carón doutros directores como Jorge Coira, a quen admira moito desde “O ano da carracha” (2004). «Puido ser a película fundacional do xénero da comedia xuvenil en Galicia, pero quedou como un caso aillado», comenta Jorge, que aspira a facer algún día o seu gran proxecto cinematográfico: «unha peli de 10 millóns de dólares, de panda de teenagers, un pouco a miña historia, un filme sobre facerse maior. É unha historia que estou escribindo. Con centos de figurantes, nenos…».

No entanto, os seus proxectos inmediatos son acabar de rodar “Peter Brandon”, a webserie protagonizda por Pedro Brandariz da que xa se preestrearon os primeiros 3 episodios, e varias cousas máis: «Temos un proxecto de animación, moi verde aínda, para nenos, que queremos facer unha peli. Temos a idea dunha road movie sobre dous músicos. Seguramente este sexa o segundo proxecto grande despois de “Peter Brandon”» Tamén están pensando en facer a segunda temporada de “El método sueco”, a serie web que se pode ver actualmente na plataforma Flooxer de Atresmedia.

A pesar de ser prolífico na creación e de non parar de argallar novas ideas para películas, curtas e series, ten que sufrir a precariedade dun sector que tamén considera «moi hermético, é moi dificil entrar no circuito industrial, os profesionais que traballan coas produtoras adoitan ser sempre os mesmos técnicos, directores, etc».  Ten certa sensación de que non o toman en serio por facer cousas para web, se ben «un cambio moi importante foi recibir os Mestre Mateo, desde entón nótase que nos valoran doutra maneira. Pero aínda hai moita xente na industria que non entende o que facemos en internet nin lle interesa entendelo, hai moito dinosaurio. Noto que se abren algunhas portas, pero seguimos sen ter curro».

E neste sentido bota de menos que desde a TVG ou Agadic non se poña diñeiro para facer contidos en internet, que é onde está agora o público novo, «na liña do que fai TVE con PlayZ. Os que mandan na nosa política audiovisual ten que decatarse de que isto xa non é o futuro, está a pasar agora no resto do mundo e aquí xa chegamos tarde», comenta este seguidor de Louis CK e de Bojack Horseman que se criou vendo a tele, tamén a TVG, e Cine de Barrio coa súa avoa.

Mentres segue producindo pola súa conta, para gañar a vida cando pode traballa de montador, fai vídeos promocionais… «o que sexa, pero non me quero dedicar a gravar vodas, fixen unha e non me quedaron máis ganas». Os Porco Bravú fixeron ata un videoclip do Combo Dominicano («podes escribilo, non nos dá vergonza», – pois velaquí o enlace), e a Jorge interésalle moito explorar a intersección entre música e audiovisual, pero máis alá do videoclip, na liña do que fai Kendrick Lamar. O rap é a súa outra paixón (tivo un grupo de adolescente), e agora ten moitas ganas de facer algo con Wax Dee e DL Blando, rapeiros da Coruña (de Katanga, en concreto) dos que se confesa fan e que xa lle puxeron música a “Peter Brandon”. «Quero facer algo chulo con eles e non me deixan, pero acabareino facendo por insistencia. De momento fago ‘stories’ en Instagram coa súa música».

Podemos seguir a Jorge Boquete nas redes de Porco Bravú.


Charles Rapante

Este vigués do 92 viviu no barrio de Teis toda a vida e agora está construíndo alí o seu estudio, un pequeno espazo onde compoñer e facer traballos de postprodución de son, que é ao que se dedica. «Cando asino traballos de técnico uso o meu nome real, Víctor Rivas, pero para os traballos máis artísticos ou persoais son Charles Rapante» aclara, sen desvelar moito da orixe deste alcume, que lle apareceu como unha revelación durante un día estraño paseando ao lado do mar. «Tamén me chaman Víctor Vacaloura cando estou cos Vacalouras, o meu grupo de punk», engade.

Formado como técnico de son e de electrónica, tamén estudou música, a súa vocación, para poder mellorar a técnica «e facer o exame para disciplinarme, porque eu son moi autodidacta». Defínese com pluriempregado en torno á música, xa sexa como técnico, produtor ou el mesmo compoñendo e interpretando a banda sonora de varias pezas audiovisuais, como a longametraxe de Anxos Fazáns “A estación violenta”, ou as curtas de Ángel Filgueira ou de Iria Silvosa.

No que fai para o audiovisual o seu estilo móvese entre a música experimental e a electrónica, gravada sempre de forma caseira no seu taller e con instrumentos nada convencionais: «saco son de onde sexa, por exemplo teño feito percusión cun banco nas Cíes, outro día gravei un aparato de aire acondicionado e de aí saquei os ruídos… si, explicarlles a meus pais que instrumentos toco é complicado. Pero con todo se pode facer música».

Gústalle fedellar con toda clase de aparatos e, aínda que sempre lle gustou a música, abríuselle un universo cando descargou por primeira vez da rede un software para facer música, e descubriu todas as posibilidades da edición dixital de son. O como acabou facendo música para cine foi froito da casualidade e do encontro con Anxos Fazáns, que na facultade realizara un documental sobre os Vacalouras, e a partir de aí seguiron colaborando. Primeiro como técnico de son, na gravación e na postprodución, despois, xa que estaba. facendo todo o envoltorio musical. 

Poderíase, pois, dicir que o seu perfil é o dun músico e sonidista 360º que se pode encargar de todo o deseño sonoro dunha produción. O seu seguinte traballo será na próxima curta de Ángel Filgueira, mentres segue coas obras do seu estudio e preparando nova música. Unha das ideas que lle gustaría levar a cabo é a de facer unha composición musical longa, algo así como unha sinfonía, e encargarlles a diferentes directores para que cada un lle poña imaxes a cada parte, invertindo así o proceso co que adoita traballar con cineasta: «cando teña o estudio para facelo igual me poño e empezo a chamar a xente. E a buscar un produtor»

No seu tempo libre fedella na súa páxina web, rapante.info, na que podemos ver os seus traballos, e escoitar as súas creacións sonoras en Soundcloud. Tamén ten unha páxina de Facebook

 


Antón Varela

Antón Varela (A Coruña, 1992) é un dos creadores novos máis orixinais e interesantes. O seu ámbito de traballo é a animación, a súa linguaxe a apropiación e o collage, e a súa materia prima recortes de imaxes que atopa por aí. O resultado é “Orfanato Atroz”, que levou o premio á mellor webserie no Carballo Interplay e que está agora preparando a segunda temporada.

Graduado en Comunicación Audiovisual pola UDC, na actualidade está rematando o Máster en Estudos de Cinema e Audiovisual Contemporáneo da Pompeu Fabra, mentres vive con súa nai e «como non son un membro produtivo da sociedade, podo permitirme dedicar un 100% do meu tempo ao que quero facer, isto é, ler, estudar, ver pelis, escribir e facer os meus proxectos audiovisuais». Interésalle a animación porque «é o proceso creativo que máis se parece ao da escritura: é esixente e solitario pero permite funcionar sen quitar o pixama. Ese é realmente o meu ideal de traballo», confesa Antón, a quen sí lle gustaría involucrarse noutros proxectos audiovisuais ademais de rematar “Orfanato Atroz”.

A pesar dos premios e do recoñecemento, «non se cheira no horizonte a posibilidade de monetizar o meu traballo», polo que tampouco descarta emigrar, aínda que ten asumido que o que el fai non é o máis comercial do mundo. «Gustaríame que o cinema más arriscado tivera más visibilidade e apoio, pero entendo perfectamente que no risco está a súa esencia e que lle corresponde, por ese motivo, un espazo menor», admite.

O seu espazo, por agora, e a súa fonte de recursos e de inspiración, é internet. Con todo, tampouco cre que na rede se estea descubrindo a pólvora formalmente: «a avanzada, no que a linguaxe audiovisual se refire, segue a ser o cinema experimental». As súas influencias son do máis diverso («Jorge Luis Borges, Brian de Palma e Stephen Hillenburg  (creador de Bob Esponja)», pero é na rede onde están os creadores coetáneos que máis lle interesan «Velaí van tres nomes moi heteroxéneos: Colin Raff (alias ZBags), un creador de gifs cuxa procedencia descoñezo pero moi activo no tumblr; Ernesto Castro, filósofo cunha importante faceta de comunicador cultural de contido inesgotable; e Lorena Iglesias coa súa webserie “Pampini” e a súa actividade como youtuber».

Mentres financia coa venda de camisetas a nova temporada de “Orfanato Atroz”, podemos ver a anterior en Youtube ou seguilo en Twitter (@anton_varela), «onde informo debidamente de todas as novidades sobre a miña obra ou a cor do meu pelo».