Retrato de seis pioneiras

Cando se fala dos primeiros profesionais que puxeron a andar o cinema e a televisión en Galicia adóitase esquecer o nome de mulleres que desde distintos ámbitos técnicos e artísticos, e tamén desde a produción e a investigación, foron imprescindibles nos inicios deste sector. Moitas delas empezaron nos anos 70 e 80, cando ser muller no audiovisual, fóra de ser actriz, era aínda unha rareza. E algunhas continúan en activo, mentres que outras están a piques de retirarse ou levan xa tempo sen traballa no audiovisual.

Para os Papeis da Academia do ano 2018 decidimos buscar a 6 destas pioneiras, entrevistalas e facerlles unha serie de retratos moi especiais. Ante a cámara de Tamara de la Fuente e co maquillaxe e perruquería de Fanny Bello e Silvina Souza, quixemos vestilas con roupa de tres novos deseñadores galegos: David Méndez Alonso, Melania Freire e Matka. Talento veterano e talento emerxente unidos para mostrar a forza das mulleres que iniciaron o camiño e que son un referente para as novas xeracións.


II Premios María Luz Morales

A Academia Galega do Audiovisual entregou o 5 de xuño na Deputación da Lugo os premios María Luz Morales, que promoven a investigación científica no ámbito audiovisual. Na súa segunda edición, os premios recompensaron cun galardón e 1.200 euros dous videoensaios e dous ensaios escritos asinados por dúas novísimas investigadoras e máis dous investigadores galegos, nunha iniciativa pioneira que conta coa participación das catro deputacións e na que este ano se destacaron, tamén, outros tres traballos con cadanseu accésit. Tres dos traballos elixidos polo xurado dos II Premios María Luz Morales cuestionan o papel da muller no cinema e na televisión, dende distintas perspectivas.

Lucía Estévez (Vigo, 1994) gañou o premio ao mellor Videoensaio do Audiovisual Galego con Muller Personaxe, no que se serve dunha entrevista coa súa nai para fiar unha reflexión sobre o rostro feminino na pantalla galega. O xurado destaca a orixinalidade e o arriscado da proposta deste videoensaio, que combina unha posición cultural autoconsciente coa imaxe da muller no audiovisual galego. Tamén valora a imbricación do persoal cos rostros femininos da ficción galega actual, nun esforzo por analizar a través das imaxes o papel da muller en todo tipo de formatos do noso audiovisual.

Denisse Lozano (Vilalba, 1991) fíxose -por segundo ano consecutivo- co premio ao mellor Videoensaio do Audiovisual Internacional con Núas. Evolución da estética e o significado no nú feminino, no que aborda o uso do nu feminino mergullándose na súa orixe e evolución, dende os inicios do cinema ata os nosos días. Así mesmo, pretende reflexionar sobre unha tendencia actual a romper cos antigos estereotipos e formas, reivindicando o empoderamento da muller a través da exhibición do seu corpo espido. O xurado destaca o interese histórico deste videoensaio e a habilidade á hora de recuperar imaxes dende os inicios do cinema, confrontándoas co seu contexto histórico. Tamén valora unha factura visual excelente e a precision na escolla e na montaxe dos planos, así como a elección dunha temática que se une ao cuestionamento do papel da muller no cinema, que este ano 2018 foi un elemento crítico importante no ámbito cinematográfico.

Marcos Nine (Illa de Arousa, 1977) conquistou o premio ao mellor Ensaio Escrito Audiovisual Galego con A Película de Autos, que repasa  un dos filmes máis singulares do cinema galego non só polo seu contido senon moi especialmente pola súa historia, Al nasr altair. O filme foi obxeto de xuizo durante o franquismo e a sentencia que xurdiu dese xuizo é única en Galicia. O xurado destaca a calidade e a orixinalidade da proposta ensaística, cun relato no que as imaxes xogan un papel principal, ideal para a súa lectura en rede. O xurado tamén valora o rescate da historia dun filme moi pouco coñecido e da figura de José Ernesto Díaz-Noriega, un cineasta amador que foi escola para moitos autores actuais.

Fernando Redondo (Ames, 1971) gañou o premio ao mellor Ensaio Escrito Audiovisual Internacional con Latexos de Saudade no Cinema, que propón unha análise de senllos filmes moi diferentes entre si, Dublineses (John Huston, 1987) e A cidade das estrelas. La La Land (Damien Chazelle, 2016), pero que comparten unha mesma expresión cinematográfica da saudade. O xurado destaca a calidade da escrita e o rigor análitico sobre a posta en escena e da banda de son de dúas películas tan dispares -cronolóxica e estilisticamente- como fondamente vinculadas pola dor e a melancolía. Cabe sinalar tamén a capacidade do autor para poñer en contacto o seu discurso con cuestións artísticas e filosóficas que van máis alá do cine, partindo para iso, ademáis, de importantes referencias da cultura galega.

O xurado desta segunda edición dos Premios María Luz Morales quixo recoñecer, tamén, con tres accésit o labor doutras dúas investigadoras e máis dun investigador galegos nacidos despois dos noventa.

Brais Romero (Ferrol, 1990) recibiu -ao igual que xa fixera o ano pasado- un accésit ao premio ao mellor Ensaio Escrito Audiovisual Galego por De Vikingland a Ingen Ko Pa Isen: análise dunha correspondencia involuntaria. O xurado salientou “o rigor e a calidade á hora de comparar de xeito moi preciso e completo dúas películas do Novo Cinema Galego que comparten unha ollada contemporánea sobre un tema clave na nosa cinematografía como é o cinema da emigración”.

Éire García (Nigrán, 1991) non puido recoller en persoa accésit ao premio ao mellor Videoensaio do Audiovisual Internacional por Para as interesadas nas películas de mulleres, no que o xurado destaca que “brinda a oportunidade de analizar a crítica cinematográfica dende un punto de vista de xénero, cunha aposta visual subxectiva e suxerente sobre o rol das mulleres na cinematografía internacional”.

Tampouco recolleu o seu accésit ao premio a mellor Ensaio Escrito Audiovisual Internacional a coruñesa afincada en Londres Sabela Rei (1994). Co seu Rostros do cinema europeo, unha aproximación á representación da crise conseguiu, en opinión do xurado, “extraer un rechamante rendemento significante da análise dos rostros dos actores-actrices/personaxes  (a partir dos presupostos teóricos establecidos no seu día, entre outros, por Jacques Aumont o Pascal Bonitzer) nalgunhas destacadas películas centradas no impacto da durísima crise económica que aínda nos afecta”.

O acto de entrega contou coa participación da xornalista María Yáñez, en representación do xurado -do que tamén formaron parte José Luís Castro de Paz (profesor da USC) e Marta Pérez Pereiro (profesora da USC)- e mais de Goretti Sanmartín Rei, vicepresidenta e deputada de Normalización Lingüística e de Cultura da Deputación de A Coruña; Darío Campos, presidente da Deputación de Lugo; Manuel Doval, deputado de Cultura da Deputación de Ourense; Xosé Leal, deputado de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación de Pontevedra; e Carlos Ares, presidente da Academia Galega do Audiovisual.

marialuzmorales

María Luz Morales (A Coruña, 1889 – Barcelona 1980). Escritora e xornalista, especializada na crítica de cine e de teatro, dirixiu o xornal La Vanguardia durante a Guerra Civil, sendo a primeira muller na historia de España en ser directora dun diario estatal. Foi activista feminista, republicana e galeguista represaliada polo franquismo, e autora dunha extensa obra literaria. Considerada unha referencia da incorporación da muller a actividade xornalística e intelectual na España do século XX. Mantivo a actividade xornalística ata os 91 anos de idade.


Que nos trae o 2019?

Xa sabedes como é o audiovisual: as cousas non se fan dun día para outro. Vemos o inicio da rodaxe dunha serie, ou o anuncio do equipo dun filme, ou o pitching dun proxecto, e logo pasamos meses e meses cos dentes longos agardando a ver o produto rematado. Pois ben, o 2019 promete darnos a satisfacción de ver na(s) pantalla(s) moitas desas cousas:“Hierro”, a serie dos irmáns Coira coproducida por Portocabo; o regreso de Oliver Laxe con“Aquilo que arde”; as estreas de Vaca Films“Feedback” e“Quien a hierro mata”, novos traballos de Eloy Enciso, Jaione Camborda ou Lois Patiño e, noutro ámbito, a webserie“Antes de perder”, dirixida por Sonia Méndez para a plataforma Playz de RTVE. Claro que tamén volverá poñernos os dentes longos cando vexamos arrincar as rodaxes de cousas como“Unicorn Wars”(a segunda longa de Alberto Vázquez) ou“Eles transportan a morte”(debut na longa de Helena Girón e Samuel Delgado).

Hierro: o talento galego á cabeza da ficción europea

Con Alfonso Blanco como produtor executivo, Jorge Coira como director e Pepe Coira como guionista (coordinando un equipo de escritura que tamén inclúe a Araceli Gonda, Fran Araújo ou Carlos Portela), Hierro promete ser unha das ficcións televisivas clave da tempada. Movistar+ emitirá esta serie orixinal que produce Portocabo en colaboración coa francesa Atlantique Productions e a cadea ARTE France, e que conta co aval de ter sido destacada na Berlinale 2015 como mellor proxecto do ano.
O reparto estará encabezado por dous intérpretes do prestixio de Candela Peña e Darío Grandinetti. Peña interpreta a unha xuíza que é enviada á illa de El Hierro (a máis remota do arquipélago canario) a modo de castigo. Ao pouco de chegar, aparece asasinado Fran, un mozo ferreiro, o día que ía casar coa filla de Díaz (Grandinetti), un terratenente que se convirte no principal sospeitoso. A aposta das televisións de pago e as plataformas online polas ficcións ambiciosas parece abrir espazo para proxectos ambiciosos con vontade de circular internacionalmente como Hierro. Non podemos agardar a vela.

Aquilo que arde: Oliver Laxe regresa a Galicia para a súa terceira longa

Logo dos premios en Cannes para Todos vós sodes capitáns e Mimosas, Oliver Laxe volveu a Galicia para filmar Aquilo que arde, a que será a súa terceira longametraxe, un “melodrama seco” que xira arredor dos incendios forestais. No filme o protagonista, Amador, abandona o cárcere tras cumprir condena por piromanía e volve á súa aldea coa súa nai. Ao cabo dun tempo, un incendio arrasa a comarca e Amador é acusado polos veciños de telo perpetrado.Rodada nos Ancares e noutros puntos de Galicia nos que Laxe e o seu equipo acompañaron a brigadas de bombeiros forestais durante o seu traballo cos lumes, o director ten declarado que a inspiración para este (e para os seus filmes previos) está nas formas de estar no mundo dos seus antepasados na montaña lucense. Unha “doce, digna e soberana sumisión”, unha posición humilde diante da inmensidade da natureza e da vida que Laxe busca utilizar como principio activo para o seu cinema. Neste caso, a intención é, nas súas palabras, “capturar a extrema beleza desa España que se baleira”.

https://www.youtube.com/watch?v=NLDikx-9fGI&

A produción corre a cargo de Miramemira en colaboración con Kowalski Films, 4a4Productions e Tarantula. No equipo repiten colaboradores habituais do cineasta, como o guionista Santiago Fillol ou o director de fotografía Mauro Herce.

Un ano cheo de actividade para Vaca Films

Logo da estrea de A sombra da lei este 2018, o vindeiro ano volve presentarse como ilusionante para a produtora coruñesa, coa estrea de dúas longametraxes ben agardadas. Unha delas é Feedback, un thriller con toques de terror que suporá o debut na longametraxe de Pedro C. Alonso logo de varios lustros traballando con éxito na realización de publicidade. O Brexit serve de fondo a esta coprodución internacional na que un xornalista radiofónico se enfronta ao asalto en directo do seu programa. Espérase a súa chegada ás salas no segundo trimestre de 2019.

Cara ao final do ano teremos a oportunidade de ver Quien a hierro mata, onde Luis Tosar, María Vázquez ou o añorado Xan Cejudo se puxeron ás ordes de Paco Plaza (REC, Verónica) para outro thriller rodado na zona de Arousa e nos arredores da Coruña. Por primeira vez, o cineasta traballa cun guión alleo (escrito por Juan Galiñanes e Jorge Guerricaechevarría) para contar unha historia de vinganza na que un enfermeiro se ve envolto nunha trama de narcotráfico. Segundo Emma Lustres, o filme explora “o lado máis escuro do ser humano” e pon ao público nunha posición incómoda.

Ademais destas dúas estreas, Vaca Films tamén iniciará en 2019 as rodaxes de Hasta el cielo, o novo filme de Daniel Calparsoro, e Unsafe, de Daniel Benmayor.

Estreas en todas as pantallas

Ademais de cine e televisión, o 2019 traeranos un dos proxectos máis ambiciosos da ficción web galega: Antes de perder. Esta sorte de road movie que dirixe Sonia Méndez sobre un guión que ela mesma escribiu con Sandra Lesta e Daniel D. García é unha serie de acción con mirada feminista. É algo que se ve no argumento, coa fuxida de dúas mulleres polas estradas galegas, e que se traslada tamén ao reparto (con Mariam Hernández e Esther Acebo como protagonistas) e ao equipo, coa fotografía a cargo de Lucía Catoira Pan ou Nati Juncal e Silvia Fuentes na produción. Poderá verse na plataforma PlayZ de RTVE e contará cun universo transmedia propio, incluíndo unha miniserie sobre os personaxes de Xosé Touriñán e Marcos Pereiro, que completan con Xúlio Abonjo, Manuel Manquiña, Patricia Vázquez ou Carolina Iglesias un casting maioritariamente galego.

O Carballo Interplay tamén continua a animar a produción galega neste formato, na que agardamos a estrea dos primeiros capítulos de Sígueme(gañadora do seu premio a proxecto) e quizais a continuación de Dinosaurio, a webserie creada no marco do seu Campamento Kamikaze (coa participación de xente como Anxos Fazáns, Enrique Lojo, David Sainz, Teresa Segura ou os Porco Bravú), que propón un marco aberto á participación de calquera persoa coa premisa de que “internet acabou”.

Seguindo no ámbito das ficcións seriadas, pero neste caso para televisión, unha das estreas máis agardadas é a de Lobos e cordeiros, unha produción de Galiwood para a TVG ambientada na Galicia de 1898, cos conflitos bélicos da época como pano de fondo. O 2 de xaneiro estrearase esta serie que inclúe intriga e amores imposibles entre unha familia nobre, unha burguesa e unha campesiña. No reparto, rostros coñecidos (Luís Iglesia, Sabela Arán, Susana Sampedro, Camila Bossa, Alberto Rolán) e caras máis novas como Desiré Pillado ou Sara Sanz.

O pasado OUFF acolleu a preestrea desta serie e de Os Mariachi, a nova sitcom de Zopilote, que conta o día a día dunha extensa familia ourensana en estilo falso documental e que comezou a emitirse na Galega este decembro. Repiten no elenco boa parte das actrices e actores que participaran con éxito en Era visto!: Federico Pérez, Patricia Vázquez, Manuel Manquiña, Marcos Pereiro… pero tamén Antonio Durán“Morris” ou Cristina Andrade.

Espérase tamén para televisión a nova serie de Bambú Producciones, desta volta para Netflix: Alta mar, ambientada nun transatlántico que viaxa de Europa a América nos anos 40, no que aparece asasinada unha pasaxeira que ninguén coñece. Ramón Campos e Gema R. Neira son os creadores desta ficción que dirixirá Carlos Sedes e terá a Campos e Teresa Fernández-Valdés como produtores executivos. Tamar Novas será a cara galega máis destacada dun reparto que inclúe tamén a José Sacristán, Ivana Baquero ou Jon Kortajarena.

ALGO SOBRE 45 REVOLUCIONES

En cinema, este ano agárdase a estrea dos novos traballos de numerosos cineastas de Galicia avalados polo seu percorrido previo por festivais, como é o caso de Jaione Camborda, Eloy Enciso ou Lois Patiño. A primeira longametraxe de Camborda, Arima, vén de gañar o Premio Push Play Work in Progress no Festival de Xixón, e é un proxecto no que a directora e guionista vén traballando durante preto dunha década. Con Melania Cruz ou Tito Asorey no reparto, o filme describe, envolto en atmosferas evocadoras, a vida de catro mulleres e unha nena que se ve alterada pola aparición inesperada de dúas figuras masculinas.

Eloy Enciso rodou este 2018 Longa noite, a súa terceira longametraxe despois de Pic-nic e Arraianos(premiada no BAFICI ou Sevilla). Nesta produción de Filmika Galaika, o meirego explora a paisaxe nocturna e as historias de represión en Galicia, cun guión baseado en fragmentos de obras de Max Aub, Luís Seoane ou Ramón de Valenzuela. Outra das figuras clave do Novo Cinema Galego, Lois Patiño, leva unha tempada traballando en Tempo vertical logo do éxito acadado por Costa da Morte. Coproducida por Zeitun Films e Amanita Films, Patiño busca nela entretecer ficción con ensaio documental e audiovisual, nunha “película pantasma” que sucede nunha vila galega, traballando na relación dos galegos coa morte na nosa cultura, e na relación do tempo presente co tempo dos mitos.

Rodaxe de 'Longa noite', de Eloy Enciso.
'Tempo vertical', de Lois Patiño

2019 tamén traerá a chegada ás pantallas de varios proxectos que levantaron moita expectativa durante as súas rodaxes polo material de partida. Un deles é Elisa y Marcela, un filme orixinal de Netflix coproducido pola TVG, onde Isabel Coixet pon en escena a historia do primeiro matrimonio homosexual de España. Coixet leva 10 anos desenvolvendo este proxecto baseado na vida destas dúas mulleres, que conseguiron casar en 1901 na Coruña (e pola igrexa!) e xa inspiraron unha exitosa obra teatral de A Panadaría. No reparto, encabezado por Natalia de Molina e Greta Fernández, hai unha forte presenza galega na que Zenit TV participou da selección: María Pujalte, Sara Casasnovas, Tamar Novas, Manuel Lourenzo, Luísa Merelas… 

https://www.youtube.com/watch?v=dY4Z6ereNSg&

A data de estrea da película de Coixet non está concretada, pero si que sabemos que en xaneiro chega ás salas Memorias de un hombre en pijama, que adapta a novela gráfica de Paco Roca mesturando animación e imaxes reais (nas que Raúl Arévalo e María Castro son os protagonistas). Con Carlos Fernández de Vigo na dirección, Ángel de la Cruz na produción e o guión ou Lorena Ares a cargo da animación, o filme (gañador do Premio Galicia no pasado OUFF) narra a historia de Paco, que na plenitude da súa vida cumpre o soño infantil de traballar dende a casa en pixama, pero enfróntase á irrupción na súa vida da rapaza da que namorou.

https://www.youtube.com/watch?v=bcMEEu9pX3U&

Precisamente no marco da animación haberá que estar atentos ao traballo de Abano Producións, que estreará este ano Homomaquia, curtametraxe de David Fidalgo Omil, quen vén asentando nos últimos anos unha obra en curtas e videoclips chea de personalidade. Dende Abano tamén continuarán avanzando na produción de Unicorn Wars, a esperadísima seguinte película de Alberto Vázquez, que volve a ese universo de fábula escura co que xa ten recollido tres premios Goya. Xa se pode ver o seu teaser.

https://vimeo.com/193772863

Para o ano que vén tamén cabe esperar a estrea de proxectos ben diversos que no último ano completaron as súas rodaxes ou foron presentadas en formato work in progress en espazos como o Festival de Cans. É o caso de Nación de muchachos, o documental de Javi Camino que afonda na comunidade e o circo formados en Benposta (Ourense) polo Padre Silva durante o franquismo; tamén de 3, primeira longa de Blas Lamazares Fraile, un retrato íntimo de tres rapazas en Berlín; ou do filme transmedia de Roi Fernández Ursúas, que recolle diferentes personaxes nunha visión particular arredor do camiño de Santiago. Noutro ámbito diferente, tamén completou a súa rodaxe7 limbos, o cruce entre cinema, arte contemporánea e experimentación sonora dirixido por Berio Molina e Alexandre Cancelo.

Ursúas, de Roi Fernández.

https://player.vimeo.com/video/300260726
https://vimeo.com/300260726
A maiores, hai un bo número de filmes galegos que comezaron o seu percorrido por festivais (ou polas salas) en 2018 e aínda teñen por diante unha traxectoria interesante que pode traernos moitas alegrías. É o caso de Hamada, de Eloy Domínguez-Serén, que volveu de Xixón con dous premios logo da súa estrea en Amsterdam. Tamén veu de alí con premio La felicidad de los perros, de David Hernández, e a sorprendente colaboración entre Lois Patiño e Novedades Carminha O espírito de Pucho Boedoviuse en Curtocircuíto e no In-Edit de Barcelona, un dos máis prestixiosos espazos para o documental musical. Por Donostia pasaron dúas producións de Frida Films: Trote (primeira longa de Xacio Baño, recén estreada en cines) e o documental Gallo, de Antonio Díaz Huerta, máis exemplos dunha lista ben longa de proxectos que poden pasear internacionalmente o audiovisual de Galicia. E, por suposto, haberá que estar atentos e atentas ademais a ver con que nos sorprenden prolíficos talentos do cinema galego como Adrián Canoura (que está a levar a cabo unha interesante colaboración co proxecto musical Baiuca), Lucía Estévez ou mesmo Mar Catarina e Rubén Domínguez (Prenom), participantes todos eles tamén no último Chanfaina Lab, que cada ano aporta dende San Sadurniño unha interesante cantidade de novas curtametraxes.

https://vimeo.com/300260726
Trailer de 'Hamada', de Eloy Domínguez Serén.
https://vimeo.com/295134376

Cousas novas para que nos coma a curiosidade

Se 2019 promete calmar moitas das nosas ansias ao ver por fin o resultado final dos proxectos que vimos apuntando ata o de agora, tamén vai espertarnos máis curiosidade segundo vaiamos sabendo máis de cousas como Ons, a nova película de Alfonso Zarauza, que ten un matrimonio en crise, unha illa deshabitada e unha misteriosa muller estranxeira como ingredientes principais. Noutras illas, concretamente nas Canarias, transcorrerá tamén parte da rodaxe de Eles transportan a morte, longametraxe de Helena Girón e Samuel M. Delgado con produción de Filmika Galaika, centrada en tres homes que evitan a súa execución enrolándose na viaxe de Cristóbal Colón ás Indias.

'Ons', de Alfonso Zarauza.
'Eles transportan a morte', de Helena Girón e Samuel Delgado.

Estes dous proxectos recibiron axudas da Agadic que tamén nos fan prestar atención ao avance neste ano de propostas como O Santa Isabel, de Paula Cons, que foi seleccionado no seu momento para a iniciativa SANFIC do Festival de Santiago de Chile. Seguimos coa presenza do mar e as illas neste thriller sobre o naufraxio dun buque fronte a Sálvora, no que tres mulleres rescataron a 50 persoas. Participan na produción de Agallas Films a TVG, TVE ou ETB. Agallas e Somadrone tamén lideran O futuro da mente (Mind Forward), documental científico dirixido por Ruth Chao arredor dos avances na neurotecnoloxía, que xa iniciou rodaxe con entrevistas a expertos de todo o mundo. Este filme conseguiu a axuda a desenvolvemento de MEDIA e continúa a carreira de Chao nos proxectos audiovisuais sobre ciencia, que xa a achegaron ao público de Discovery Channel, Al Jazeera ou France 5.

'O Santa Isabel', de Paula Cons.

Para televisión agárdase a colaboración entre Manane Rodríguez (candidata por Uruguay aos Oscar con Migas de pan) e a guionista Alicia Freire Vera, que adaptará a novela autobiográfica da xornalista Silvia Pérez Trejo Academia de mujerespara esta produción de Xamalú Filmes. Nela, a protagonista inicia unha viaxe emocional e xeográfica trala morte da súa nai. Tamén seguiremos o achegamento á televisión de Matriuska con As crisálidas, proxecto de Samuel Lema entre o drama e o realismo máxico. A empresa pontevedresa tamén ten en carteira A media voz, proxecto que participou recentemente no Foro de Coprodución Europa-América Latina do Festival de San Sebastián baseado na correspondencia entre as cineastas e emigrantes cubanas Heidi Hassan e Patricia Pérez.

'As crisálidas', de Samuel Lema.

Tamén para televisión, Portocabo pechou un acordo para unha nova coprodución cunha empresa portuguesa. Despois da colaboración que deu pé a Vidago Palace, e de novo coa participación tanto da TVG como de RTP, a produtora galega puxo en marcha coa lisboeta Sp-i o thriller Auga seca, unha ficción de seis episodios ambientada en Vigo e Porto. Tamén agardamos saber máis este ano de Garbo, el espía que engañó a Hitler, colaboración entre Portocabo e Vaca TV presentada no Conecta Fiction, e que tratará sobre o espía que fixo crer aos alemáns que o desembarco de Normandía era só unha manobra de distracción. Ese mesmo marco tamén acolleu o pitching de Y sin embargo, amigas, comedia de Diana López Varela, e Oro negro, tamén de Paula Cons, un “western crepuscular” que se materializará asimesmo como coprodución galego-portuguesa. Outra feira, o MIPCOM de Cannes, acolleu en outubro a visita dunha delegación galega encabezada pola Agadic e oito produtoras, na que puidemos coñecer proxectos como Tres caminos, Hijos de la ira ou Reinas (Ficción Producciones), O legado de Matthew Steward(con participación de CTV), El camino(Zenit TV), e outros proxectos de Portocabo como Miracle Tunes ou Cuñados.

https://vimeo.com/181497382
Trailer da curta 'Einstein-Rosen' de Olga Osorio, que proxecta convertese en longametraxe.

No marco do pasado Festival de Cans tamén houbo espazo para coñecer o estado de novos proxectos de Olga Osorio, Ángeles Huerta, Roque Cameselle ou Nerea Barros. A actriz avanzou a súa entrada na produción con Morir para contar, de Hernán Zin (que puido verse en Cineuropa, Sevilla ou a Seminci) e prepárase para dirixir La barrera de cristal, sobre a “barreira invisible que nos separa dos animais e do planeta”, para a que investigou no Congo e contactou con varias primatólogas. O cineasta vigués, pola súa parte, segue a avanzar en A granxa dos malditos, filme de zombis no que colabora TVE, logo da estrea o pasado ano de British Winters. Olga Osorio dará continuidade á súa multipremiada curta Einstein-Rosen nunha longametraxe do mesmo título producida por Vaca Films, e Ángeles Huerta avanza en O corpo aberto, western gótico no que adapta “Lobosandaus”, relato fronteirizo de Xosé Luís Méndez Ferrín incluído en Arraianos.

Só con botar unha ollada a todo o listado anterior de proxectos xa podemos ver que o audiovisual galego ten un ano intenso en marcha, pero é tamén de esperar que aparezan moitos outros produtos dos que aínda non sabemos nada e repitan o mesmo proceso de calmar as nosas ansias e espertar outras novas. É a vida.


O mellor dos festivais

Galicia está chea de festivais que, ao longo do ano, nos achegan a todo tipo de producións audiovisuais, algunhas feitas preto e outras que veñen de ben lonxe. Longas e curtas, documentais e ficcións, experimentación e etnografía, traballos para a sala de cinema e traballos para web… Repasamos o palmarés dos principais certames do país.


Festival de Cans

Álvaro Gago e Francisco Iglesias recollen en Cans o premio do xurado por 'Matria'.
Foto: Alba Sotelo / Festival de Cans
  • PREMIO DE HONRA PEDIGREE’ 18: Chelo Loureiro.
  • PREMIO DO XURADO Á MELLOR CURTAMETRAXE DE FICCIÓN: Matria, de Álvaro Gago, con mención especial para A Cat in the Window, de Félix Brixel.
  • PREMIO DO XURADO Á MELLOR CURTAMETRAXE DE ANIMACIÓN: El reloj, de Borja Santomé.
  • PREMIO DO XURADO Á MELLOR CURTAMETRAXE DE NON FICCIÓN (SECCIÓN FURACANS): Europa, de Hugo Amoedo, con mención especial para La mujer invisible, de Noemí Chantada.
  • PREMIO DO PÚBLICO Á MELLOR CURTAMETRAXE: Matria, de Álvaro Gago.
  • PREMIO ESPECIAL DO XURADO DOS VECIÑOS Á MELLOR CURTAMETRAXE: Matria, de Álvaro Gago.
  • PREMIO AISGE DO XURADO Á MELLOR INTERPRETACIÓN FEMININA: Francisca Iglesias, por Matria.
  • PREMIO AISGE DO XURADO Á MELLOR INTERPRETACIÓN MASCULINA: Eloi Sánchez Palau, por Después de la bandera.
  • PREMIO CREA DO XURADO Á MELLOR DIRECCIÓN: Miriam Albert Sobrino e Sonia Albert Sobrino (Also Sisters) por The Film Machine.
  • PREMIO AGAG DO XURADO AO MELLOR GUIÓN: Luis Usón por Afterwork.
  • PREMIO DO XURADO Á MELLOR BANDA SONORA ORIXINAL: Raúl Costafreda por Sea.
  • PREMIO GIA INMOBILIARIA DO XURADO AO MELLOR VIDEOCLIP: “Omertá”, de BALA, realizado por Gero Costas.
  • PREMIO DO PÚBLICO AO MELLOR VIDEOCLIP: “Sobre el mismo alambre”, de Silvia Penide, realizado por Miryam Pato.

Play-Doc (Tui)

  • PREMIO PLAY-DOC 2018: Ex aequo para The Waldheim Waltz, de Ruth Berckermann, e Lamaland (Teil I), de Pablo Sigg.

Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela)

Foto: Denís Estévez / MICE
  • MELLOR PELÍCULA ETNOGRÁFICA: Grab and Run, de Roser Corella.
  • MELLOR PELÍCULA GALEGA: Os fillos da vide, de Ana Domínguez.
  • PREMIO DO PÚBLICO: Belén, la reina del quitiplá, de Adriana Vila.

Novos Cinemas (Pontevedra)

Foto: Andrea Alonso / Novos Cinemas
  • PREMIO NOVOS CINEMAS Á MELLOR LONGAMETRAXE DA SECCIÓN OFICIAL: Suburban Birds, de Qui Sheng, con mención especial a Un violento desexo de ledicia, de Clément Schneider.
  • PREMIO XURADO NOVO Á MELLOR DIRECCIÓN DA SECCIÓN OFICIAL: Virgil Vernier por Sophia Antipolis.
  • PREMIO ESPECIAL NUMAX SECCIÓN LATEXOS: Young & Beautiful, de Marina Lameiro.
  • PREMIO DO PÚBLICO CINEMAS DE GALICIA, EN COLABORACIÓN COA AGADIC: Trinta lumes, de Diana Toucedo.

Festival de Cine de Ourense

  • CALPURNIA Á MELLOR PELÍCULA: Mug, de Malgorzata Szumowska.
  • PREMIO CARLOS VELO Á MELLOR DIRECCIÓN: Benedikt Erlingsson por La mujer de la montaña.
  • PREMIO ESPECIAL DO XURADO: Capharnaüm, de Nadine Labaki, con mención especial para Cría Puercos, de Ehécatl García, e Tódalas mulleres que coñezo, de Xiana do Teixeiro.
  • PREMIO DO PÚBLICO DA SECCIÓN OFICIAL DE LONGAMETRAXES: Capharnaüm, de Nadine Labaki.
  • PREMIO GALICIA DA XUNTA DE GALICIA Á MELLOR PRODUCIÓN GALEGA: Memorias de un hombre en pijama, de Carlos Fernández de Vigo.
  • PREMIO Á MELLOR BANDA SONORA (EN COLABORACIÓN COA SGAE): Kepa Junkera por Mar de Terra, de José Antonio Blanco.
  • PRIMEIRO PREMIO OUFF EN CURTO: The Widow, de Noelia M. Muiño.
  • SEGUNDO PREMIO OUFF EN CURTO: Cando mamá pechou as caixas, de Arancha A. Brandón, con mención especial para Mariñeiro, de Juan Galiñanes.
  • PREMIO DO PÚBLICO OUFF EN CURTO: Feminazi, de Diana López.
  • PREMIO AISGE Á MELLOR INTERPRETACIÓN FEMININA: Rosalía Castro por Mouras, de Olga Osorio.
  • PREMIO AISGE Á MELLOR INTERPRETACIÓN MASCULINA: Xosé Eirín por Limbo, de Daniel Viqueira.

Carballo Interplay

Foto: David Tombilla / CIP
  • MELLOR WEBSERIE ESTATAL: Buster.
  • MELLOR WEBSERIE INTERNACIONAL: Emilia envidia.
  • MELLOR WEBSERIE EN VERSIÓN ORIXINAL EN GALEGO: Monumento.
  • PREMIO DO XURADO NOVO: Bright Summer Night.
  • PREMIO CREA Á MELLOR DIRECCIÓN: David Sainz, por Buster.
  • PREMIO AGAG AO MELLOR GUIÓN: David Sainz, por Buster.
  • PREMIO Á MELLOR ACTRIZ: Macarena Gómez, por Dorien.
  • PREMIO AO MELLOR ACTOR: Manuel Noguera, por Buster.
  • PREMIO DO PÚBLICO: Mambo.
  • PREMIO AO MELLOR PROXECTO DE WEBSERIE EN GALEGO: “Sígueme”.

Curtocircuíto (Santiago de Compostela)

Foto: Aigi Boga / Curtocircuito
  • PREMIO RADAR: Solar Walk, de Réka Bucsi, con mencións especiais para Las fuerzas, de Paola Buontempo, e Proch, de Jakub Radej.
  • PREMIO EXPLORA: Monelle, de Diego Marcon, con mencións especiais para Word for Forest, de Pia Rönicke, e Sombra luminosa, de Francisco Queimadela e Mariana Caló.
  • PREMIO GALIZA: Uluru, de Alberte Pagán, con mención especial para A nena azul, de Sandra Sánchez.
  • PREMIO PENÍNSULAS RC SERVICE: Mi amado, las montañas, de Alberto Martín Menacho, con mención especial para Los desheredados, de Laura Ferrés.
  • PREMIO DO PÚBLICO - GADIS: 592 metroz goiti, de Maddi Barber.
  • PREMIO DO XURADO NOVO: Monelle, de Diego Marcon, con mención especial para Saladdin castique, de Anssi Kasitonni.
  • PREMIO CREA Á MELLOR DIRECCIÓN GALEGA: Sandra Sánchez, por A nena azul, con mención especial para Sonia e Miriam Albert Sobrino por The Film Machine.
  • PREMIO AGAG AO MELLOR GUIÓN GALEGO: Sonia e Miriam Albert Sobrino por The Film Machine.
  • PREMIO CAMIRA: Wishing Well, de Sylvia Schedelbauer, con mención especial para Mountain Plain Mountain, de Yu Araki e Daniel Jacoby.
  • OUTRA COMPOSTELA: Camiño interno, de Ada Alonso Lourido, Martiño Fernánde Xove, Iago Díaz Iglesias, Martín Mondragón Rivadulla y Aida Raíndo Vázquez, con mención especial para Síndrome de Jerusalén, de Arantxa Ramos Ponte, Natalia Pereira Fery, Antía Piñeiro Añón y Aldara Suárez Miguéns.

Primavera do Cine (Vigo)

Foto: Miriam Deschain / Primavera do Cine
  • PREMIO DO PÚBLICO Á MELLOR LONGAMETRAXE GALEGA: Tódalas mulleres que coñezo, de Xiana do Teixeiro.
  • PREMIO DO XURADO Á MELLOR LONGAMETRAXE GALEGA: Trinta lumes, de Diana Toucedo.
  • PREMIO DO PÚBLICO Á MELLOR LONGAMETRAXE PORTUGUESA: Elis, de Hugo Prata.
  • PREMIO DO XURADO Á MELLOR LONGAMETRAXE PORTUGUESA: A fábrica de nada, de Pedro Pinho.
  • MELLOR CURTAMETRAXE PORTUGUESA: O vestido de Myriam, de Lucas H. Rossi.
  • MELLOR CURTAMETRAXE GALEGA: Ex aequo para La mujer invisible, de Noemí Chantada, e Matria, de Álvaro Gago.
  • MELLOR VIDEOCLIP: “Inferis”, de Basanta, realizado por Xaime Miranda.
  • MELLOR CURTAMETRAXE DE ANIMACIÓN: Água mole, de Laura Gonçalves e Alexandra Ramires.

Semana do Cine de Autor de Lugo

  • PREMIO DO PÚBLICO Á MELLOR PELÍCULA DA SECCIÓN OFICIAL: L’ insulte, de Ziad Doueiri.
  • PREMIO DO PÚBLICO Á MELLOR PELÍCULA DOCUMENTAL: A viaxe de Ruth, de Jaime Pardo Valdés e Xosé Reigosa.
  • PREMIO DO PÚBLICO Á MELLOR PELÍCULA GALEGA: Nove de novembro, de Lázaro Louzao.
  • PREMIO DO PÚBLICO Á MELLOR CURTAMETRAXE GALEGA: Amanece despejado, de María Vázquez e Bruno Máez.
  • PREMIO DO PÚBLICO Á MELLOR CURTAMETRAXE: Noche de reyes, de Javier Gimeno.
  • MENCIÓNS ESPECIAIS DO XURADO: O tempo na luparia, de Plácido Romero; Matria, de Álvaro Gago; The Rebel, de Óscar Doviso; Madre y maestra, de Caamaño Castro e Serafín R. Trashorras; Escarabana, de Sara Casasnovas; Vértice de versos, de Carlos Lorenzo; Amparo 54, de María Dobli; Silencio, de Miguel Juan Pujadas; Eugenio, de Xavier Baig e Jordi Rovira; El precio de la risa, de Gabriel Lechón Cuello; Marta no viene a cenar, de Macarena Astorga; Así que pasen cien años, de Dioni Torres e Javier Luque; En el nombre del padre, de Christian Iván Castillo Ramos; La primavera camboyana, de Chris Nelly; Dhogs, de Andrés Goteira; Sabanda, de Víctor Calero; Hurto, de Gerónimo García Castela; El atraco, de Alfonso Díaz; El asado, de Ignacio Guggiari; Madre, de Rodrigo Sorogoyen; Turno de noche, de Víctor Vasollete; e No soy él, de Xoan Bregua.

VÍA XIV Curtas - Festival Internacional de Verín

  • PREMIO ESPECIAL DO PÚBLICO: La poesía solo muere cuando termina, de Adelaida Lamas.
  • PREMIO DO XURADO Á MELLOR CURTAMETRAXE DA CATEGORÍA OFICIAL NOVA: Judgement, de Raymund Ribay.
  • PREMIO DO XURADO Á MELLOR CURTAMETRAXE DA CATEGORÍA OFICIAL OUTRA MIRADA: Our Song to War, de Juanita Onzaga.
  • PREMIO DO XURADO Á MELLOR CURTAMETRAXE DA CATEGORÍA OFICIAL HORIZONTES: Bacha Posh, de Yalda Afsaf e Ginan Seidl.
  • PREMIO DO XURADO Á MELLOR CURTAMETRAXE DA CATEGORÍA OFICIAL A RAIA: Pele de luz, de André Guimar.

Mostra de Curtas de Noia

  • MELLOR CURTAMETRAXE: A sombra interior, de Diego Tafarel.
  • MELLOR CURTAMETRAXE COMARCAL: Esta soy yo, de Yaiza Suárez.
  • MELLOR GUIÓN: Celia Galán por Para ayer.
  • MELLOR ACTRIZ: Elena Saenz por Mithyabadi.
  • PREMIO XOSÉ MANUEL OLVEIRA “PICO” AO MELLOR ACTOR: Pedro Casablanc por Uno.
  • MELLOR DIRECCIÓN: Iván Sainz Pardo por Ainhoa.
  • MELLOR CURTA DE ANIMACIÓN: La noria, de Carlos Baena.
  • PREMIO ESPECIAL DO PÚBLICO: 9 pasos, de Marisa Crespo e Moisés Romera.
  • PREMIO HONORÍFICO DA MOSTRA: Manuel Lourenzo.
  • I RECOÑECEMENTO IN MEMORIAM DA MOSTRA: Ernesto Chao.

FKM: Festival de Cinema Fantástico da Coruña

  • PREMIO DO XURADO CONCURSO INTERNACIONAL DE LONGAMETRAXES ÓPERA PRIMA: Beast, de Michael Pearce.
  • PREMIO DO PÚBLICO CONCURSO INTERNACIONAL DE LONGAMETRAXES ÓPERA PRIMA: Beast, de Michael Pearce.
  • MELLOR GUIÓN ÓPERA PRIMA: Michael Pearce por Beast.
  • MELLOR BANDA SONORA ÓPERA PRIMA: Natalie Ann Holt por Pin Cushion.
  • MELLORES EFECTOS ESPECIAIS ÓPERA PRIMA: Carly Knight por The Book of Birdie.
  • MELLOR INTERPRETACIÓN ÓPERA PRIMA: Alejandro Carro por Sea Beasts.
  • PREMIO DO XURADO CONCURSO INTERNACIONAL DE CURTAMETRAXES: Aurore, de Maël Le Mée, con mencións para Limbo de Daniel Viqueira e La noche de Martín Romero.
  • PREMIO DO PÚBLICO CONCURSO INTERNACIONAL DE CURTAMETRAXES: Limbo de Daniel Viqueira.
  • PREMIO CONCURSO INTERNACIONAL DE GUIÓNS: A secuencia, de Norberto Leivas, con mención para Sandwich de Marcos Nine.
  • PREMIO CONCURSO INTERNACIONAL DE CURTAMETRAXES “CINEMA FETUS” DEDICADO A CURTAS EXPERIMENTAIS: Juma Juma, de Javi Camino, con mencións para O neno do hórreo de Diego López Curros e Ceibes de Xabier Rúa.

FIC Bueu

  • ÁNFORA DE OURO: Fight on a Swedish Beach!!, de Simon Valhne.
  • ÁNFORA DE PRATA: (Fool Time) Job, de Gilles Cuvelier.
  • PREMIO DO PÚBLICO: Matria, de Álvaro Gago.
  • PREMIO R Á MELLOR CURTAMETRAXE GALEGA: Matria, de Álvaro Gago.
  • PREMIO FUNDACIÓN NOVAS A MELLOR CURTAMETRAXE ESPAÑOLA: El vestit, de David González.
  • PREMIO CREA Á MELLOR DIRECCIÓN: Antoneta Alamat por U plavetnilo.
  • PREMIO Á MELLOR ACTRIZ: Gracija Filipovic por U plavetnilo.
  • PREMIO AO MELLOR ACTOR: Angélo Coutard por Ce qui nous tient.
  • PREMIO Á MELLOR FOTOGRAFÍA: Dxgal, de Hung-En Su.
  • PREMIO AO MELLOR SON: Dxgal, de Hung-En Su.
  • PREMIO Á MELLOR MÚSICA: Min börda, de Niki Lindroth Von Bahr.
  • PREMIO Á MELLOR DIRECCIÓN ARTÍSTICA: Min börda, de Niki Lindroth Von Bahr.
  • PREMIO AO MELLOR GUIÓN: Negah, de Farnoosh Samadi.
  • PREMIO Á MELLOR MONTAXE: Xiao cheng er yue, de Qiu Yang.
  • PREMIO Á MELLOR MAQUILLAXE E PEITEADO: Wannabe, de Jannis Lenz.
  • PREMIO AO MELLOR VESTIARIO: Skuggdjur, de Jerry Carlsson.
  • PRIMEIRO PREMIO DO CONCURSO DE VIDEOCLIPS SONRÍAS BAIXAS: “Ahora o nunca”, de La Pegatina feat. Macaco, realizado por Manu Viqueira.
  • SEGUNDO PREMIO DO CONCURSO DE VIDEOCLIPS SONRÍAS BAIXAS: “Vengo de Galicia”, de Ricky Hombre Libre, realizado por Ricardo López.
  • TERCEIRO PREMIO DO CONCURSO DE VIDEOCLIPS SONRÍAS BAIXAS: “Troubled Times”, de Green Day, realizado por Manu Viqueira.

Galician Freaky Film Festival (Vigo)

  • GRAN PREMIO GFFF Á CURTAMETRAXE MÁIS FREAK: O neno do hórreo, de Diego López Curros.
  • PREMIO “ME ESCARALLO” Á MELLOR CURTAMETRAXE DE HUMOR: Coplillas por Bombay, de Jaume Miranda.
  • PREMIO “ARREPÍO” Á MELLOR CURTAMETRAXE DE TERROR: 9 pasos, de Moisés Romera e Marisa Crespo.

Curtas. Festival Internacional de Cine e Banda Deseñada de Vilagarcía de Arousa

  • MELLOR CURTAMETRAXE: El atraco, de Alfonso Díaz.
  • MELLOR DIRECCIÓN CURTAMETRAXES: Iván Sainz-Pardo por Ainhoa.
  • MELLOR CURTAMETRAXE GALEGA: El último adiós, de Rubén Cruz.
  • MELLOR DIRECCIÓN GALEGA: Carlos A. Quirós por A ponte é a ponte.
  • MELLOR CURTAMETRAXE DE ANIMACIÓN: The Box, de Dusan Kastelic.
  • MELLOR LONGAMETRAXE: Sanfelices, de Roberto Lázaro.
  • MELLOR DIRECCIÓN DE LONGAMETRAXE: Luis Diogo por Uma Vida Sublime.
  • MELLOR DOCUMENTAL: Invierno en Europa, de Polo Menárguez.
  • PREMIO ‘DOCUMENTA GALICIA’ AO MELLOR DOCUMENTAL GALEGO: Mariñeiro, de Juan Galiñanes.
  • PREMIO ‘ROBERTO CAMBA’ Á MELLOR VIDEOCRACIÓN: Areka, de Begoña Vicario.

FanCine de Lemos

  • PREMIO MELLOR CURTAMETRAXE NACIONAL: Caronte, de Luis Tinoco.
  • PREMIO ESPECIAL DO PÚBLICO: Marta no viene a cenar, de Macarena Astorga.
  • PREMIO ALGUEIRA Á MELLOR CURTAMETRAXE GALEGA: Escarabana, de Sara Casasnovas.

Redondela en Curto

  • PREMIO DO XURADO: Madre, de Rodrigo Sorogoyen.
  • PREMIO DO PÚBLICO: Madre, de Rodrigo Sorogoyen.
  • PREMIO DO PÚBLICO SECCIÓN ‘ANDAINA’: Bellanca, de Víctor Nores.
  • PREMIO DO XURADO SECCIÓN ‘CINE NO ENSINO’: Quixotes, do IES María Soliño en colaboración coa Asociación Xoan XXIII.
  • PREMIO DO PÚBLICO SECCIÓN ‘CINE GALEGO’: Bágoas negras, de Uxía Santiago.
  • PREMIO DO PÚBLICO SECCIÓN ‘CURTÍSIMAS’: El mejor momento, de Raúl Navarro.

Curtas Armadiña (Poio)

  • ÁNCORA DE OURO Á MELLOR CURTAMETRAXE: Matria, de Álvaro Gago.
  • ÁNCORA DE PRATA Á MELLOR CURTAMETRAXE: Noche de Paz, de Santiago Requejo.
  • ÁNCORA Á MELLOR CURTAMETRAXE ANIMADA: Areka, de Atxur Animazio Taldea.
  • ÁNCORA Á MELLOR CURTAMETRAXE MEDIOAMBIENTAL: Tournées, de Israel González.
  • ÁNCORA AO MELLOR VÍDEO MUSICAL: “Veleno”, de GHZ feat. Hugo Guezeta, realizado por Adrián González Fernández.
  • PREMIO CREA Á MELLOR DIRECCIÓN: Juan Galiñanes por Mariñeiro.
  • PREMIO ESPECIAL CURTAS ARMADIÑA 2018: Eva Fernández.

Cineuropa (Santiago de Compostela)

  • PREMIO DO PÚBLICO: Werk ohne Autor, de Florian Henckel von Donnersmarck.
  • MELLOR FILME: Long Day’s Journey Into Night, de Bi Gan, con mención especial para Die Korper Der Astronauten, de Alisa Berger.
  • MELLOR DIRECCIÓN: Claire Denis por High Life.
  • MELLOR GUIÓN: Peter Strickland por In Fabric.
  • MELLOR INTERPRETACIÓN FEMININA: Alina Nasibulina por Khrustal.
  • MELLOR INTERPRETACIÓN MASCULINA: Félix Maritaud por Sauvage.
  • PREMIO DEREITOS HUMANOS: Last Men in Aleppo, de Feras Fayyad.

Festival RiR (Allariz)

  • PREMIO DO PÚBLICO Á MELLOR CURTAMETRAXE: Ringo, de Adriá Pagès Molina.
  • PREMIO DO XURADO Á MELLOR CURTAMETRAXE: Coplillas por Bombay, de Jaume Miranda, con mención especial para Ringo Rocket Star and his Song for Yuri Gagarin, de Rene Nuijens.
  • PREMIO Á MELLOR CURTAMETRAXE DE ANIMACIÓN: Avelino, de Lizartonne.
  • PREMIO Á MELLOR DIRECCIÓN: Quentin Lecocq por Denominador común.
  • PREMIO VICENTE RISCO AO MELLOR GUIÓN: Brian Rodríguez por Maullidos de Látex.
  • PREMIO Á MELLOR INTERPRETACIÓN: Teresa Hurtado de Ory por Triunfadores.

Cinema Crianza - Festival Internacional de Cine Infantil (Ames)

  • PREMIO DO XURADO AXÓUXERES: Good Night, de Makiko Nanke, con mención especial para Petit, quiero ser grande ahora, de Bernardita Ojeda.
  • PREMIO DO PÚBLICO AXÓUXERES: Good Night, de Makiko Nanke, con mención especial para Narges’s Voice, de Hadi Rahbar.
  • PREMIO DO XURADO BUXAINAS: Rammat-Gammat, de Ajitpal Singh.
  • PREMIO DO PÚBLICO BUXAINAS: Fhedi, de Anne Abdalla.

Premios Fouciño (Zas)

  • PREMIO CATEGORÍA ABERTA: O silencio das orquídeas, de Gabriel Bouzas Nieto.
  • PREMIO CATEGORÍA CENTROS DE ENSINO: Irrealidade infinita, do Instituto Agra do Orzán da Coruña.
  • PREMIO DO PÚBLICO: A mellor sopa do mundo, do Colexio Labarta Pose de Baio.

Festival de Cine de Música en Roca (Guitiriz)

  • PREMIO DO PÚBLICO: Xunta en Corcubión, de Xurxo Fernandes e Nuria Foz, e Caminem lluny, de Geoffrey Cowper.

VIIFF Festival de Cine Inclusivo de Vigo

  • PREMIO GADIS AO MELLOR DOCUMENTAL: Defiant Lives, de Sarah Barton, e Unrest, de Jennifer Brea.
  • PREMIO AGAG AO MELLOR GUION: Javier Fesser e Claro García por 17 años juntos.
  • PREMIO CREA Á MELLOR DIRECCIÓN: Fernando García-Ruiz por Como yo te amo.
  • PREMIO DO PÚBLICO CARLOS CONDE PROGRESO Á MELLOR CURTAMETRAXE: 17 años juntos, de Javier Fesser.
  • PREMIO DO XURADO Á MELLOR CURTAMETRAXE: Madre, de Rodrigo Sorogoyen.

Iván Marcos e Melania Cruz, un futuro brillante despois dos Mestre Mateo

Os Mestre Mateo deste ano á mellor interpretación protagonista foron para dous dos actores que prometen unha carreira máis sólida e interesante nos próximos anos. Os dous era a primeira vez que chegaban a finalistas dos premios. E os dous gañaron pola mesma película, Dhogs, a ópera prima de Andrés Goteira que colleitou 13 galardóns, grazas en boa parte á súa aposta actoral. O que teñen por diante, sexa ou non grazas a este éxito, é un prometedor futuro. Melania Cruz protagoniza a ópera prima de Jaione Camborda, Arima, mentres que Iván Marcos está a rodar a nova serie de Bambú, 45 revoluciones, que aspira a repetir o éxito internacional de Fariña.


Texto: María Yáñez

Fotos: Tamara de la Fuente


Quixemos entrevistalos xuntos e quedamos con eles nunha cafetería de Santiago, nunha mañá de outono con moito sol na que a fotógrafa Tamara de la Fuente os puxo a facer sombras chinescas. Xogar coas mans, co corpo, coa mirada. Niso se baseou tamén boa parte do traballo que os dous fixeron en Dhogs.



Que credes que tivo Dhogs para que os seus intérpretes fosen os máis recoñecidos? 

Melania Cruz. - Había un equipazo detrás, superhonesto e sincero, con moita ilusion por contar a historia. E houbo moita conexión a nivel actoral entre nós.  Eu debo dicir que non tiña moita idea de cal ía ser o resultado, pero o ambiente que crearon permitiunos xogar moito, déronnos moita liberdade. 

Iván Marcos - Soou como unha orquestra, todos traballamos no mesmo código, non houbo elementos disonantes.  Si, se cadra non tiñamos moi claro en que estabamos traballando. Pode que fosemos inconscientes, pero cun inconsciente moi sincronizado. Todos os elementos funcionaron moi ben, non só interpretación. E iso nótase no resultado: se che gusta gústache todo o conxunto, e ao revés tamén.

Desde logo foi todo un éxito para unha produción tan pouco usual e, digámolo así, modesta. 

Iván.- O mais incrible desta peli é a produción. Uns colegas de Meira que montan un proxecto coma este, de maneira case amateur, e que mantiveron o pulso durante todo o proceso, que foi longo. Isto foi un máster para eles, a costa de moitas horas non remuneradas. Pero tamén foi unha lección para nós de constancia, dunha resiliencia extraordinaria e dunha tenacidade que non é habitual. Tamén foron moi intelixentes contando con Sara Horta, que ten unha forza incrible a todos os niveis e é unha crack xestionando equipos. Poucas veces atopas eses equipos que se entendan tan ben e que afronten as adversidades buscando sempre solucións, sen agrandar o problema. 

Chamou moito a atención a profesionalidade coa que recolleron os premios. A pesar de ser novatos nos Mestre Mateo, todos deron discursos moi emotivos pero tamén moi intelixentes. Andrés Goteira, Sara Horta, Suso López Paz, Lucía C. Pan… que opinades desta xeración de cineastas? 

Iván.- Hai que ter en conta que o de Dhogs foi unha anomalía, unha película moi concreta cuns valores moi determinados. Non é o mesmo levar un premio por un filme coma este que por outro máis industrial, e iso para min contextualiza o seu discurso.  Era o seu proxecto, un soño no que levaban anos traballando, non unha encarga profesional. Iso notábase.  

Melania.- Esta xente está no underground a todos os niveis, pero ao mesmo tempo, ou quizais por iso, están moi comprometidos co que fan. Recórdanme a cineastas como Alfonso Zarauza, xente que ten esa actitude de sacar as cousas adiante sen estar na queixa permanente, e ademais teñen moito respecto pola xente coa que traballan. Zarauza pertence a outra xeración pero creo que ten moito en común co equipo de Dhogs

Que supuxo o Mestre Mateo para vós? 

Melania.- Eu non notei máis traballo. Teño os mesmos proxectos que tiña cando mo deron, é así. Cos premios teño unha relacion moi contraditoria, porque nunca sabes moi ben a razón pola que chos dan. Pero quedei alucinada, xa coa nominación e despois ao levalo. Agradezo moito que recoñeceran o meu traballo e sobre todo alegreime pola peli. Tamén é certo que non é o meu ambiente, as galas non me gustan demasiado. Ademais eu ese día acababa de ter unha función, cheguei moi apurada e foi un pouco loucura todo.  

Iván.- Para min a sorpresa máis grande foi ver canta xente estaba supercontenta pola miña nominación e logo polo premio. As mostras de cariño de colegas ou mesmo de xente que non coñecia, que de repente tiña unha alegría moi honesta, foron un subidón. E despois un pouco de contradición tamén. Eu identifícome moito co meu traballo pero teño tamen problemas coa parte mais pública, gústame coller distancia. 

A quen si lle cambiou un pouco a vida, ou polo menos o aspecto, foi a teu pai. Non, Iván?  Prometérache que se gañabas o Mestre Mateo el poría un pendente nunha orella. Cumpriu?

Iván.- Cumpriu, cumpriu. E si que supuxo algo moi forte para el. El naceu na ditadura, é un home criado á vella usanza, e lembro que cando eramos pequenos meu irmán quería poñer un pendiente e el non lle deixaba. Así que foi todo un cambio xeracional ver como meu pai se actualizou, téñolle moito respecto á súa capacidade para evolucionar. Agora el é quen leva o pendente e con moito orgullo polo que representa, claro.



Agora que tedes un premio da Academia por unha película considerádesvos máis actores de cine ca antes? 

Melania.- Nós somos actores sen máis, non nos consideramos especialmente actores de cine. O bo é que facer cine ou tele tamén nos serve logo para traballar en teatro e noutras cousas. 

Iván.- Eu sempre digo que o teatro existe desde hai miles de anos e o cine ten pouco máis dun cento, así que tampouco lle dou moita importancia, e máis agora que todo se está a transformar. Tampouco todo o audiovisual é igual, hai como distintas familias. Non é o mesmo ser actor en cine que nunha produción de Movistar, como non é o mesmo actuar no mercado galego ou no español, ou traballar para a TVG que facelo no underground. Hai moitos audiovisuais e son moi diferentes. Se cadra nalgún deses contextos si que somos considerados actores de cine, pero estou con Melania, somos actores e punto. Tampouco nos preocupa moito a visión que teña a xente do que facemos. 

Dhogs estreouse en salas en maio despois dos premios, e aínda segue xirando por moitas vilas, con parte do equipo acompañando moitas das proxeccións. Vós tivestes ocasión de estar nestas presentacións co público. Como foi a resposta?

Melania.- Eu quedo con que, sendo un público moi diverso, desde aldeas ata cidades grandes, as preguntas eran moi similares: realmente parecémonos todos moito máis do que parece. Ás veces temos certa condescendencia co público do rural pero está tan preparado coma outro calquera para ver unha peli coma Dhogs, a pesar de que a oferta coa que conta para ver cine é moito menor. Lembro tamén a recepción no OUFF en novembro do ano pasado, que foi espectacular. Teño un recordo precioso de aquel día. 

Iván.- Unha das cousas bonitas deste filme é que foi público que non ve este tipo de cine habitualmente. Neste sentido os creadores de Dhogs souberon vender moi ben a súa historia, manipulando o público -de forma positiva- para que fose vela por eles, uns rapaces de Meira que se lanzan a facer unha longa e gañan unha morea de premios. Con independencia de que logo fose do seu agrado, porque tampouco é unha película doada. 

Estades contentos co percorrido da película?

Iván.- Eu estou un pouco cabreado. Explícome. Sei que hai un sistema moi concreto de produción, difusión, etc, no que é moi dificil transcender con este tipo de produto, porque non ten cartos para promocionarse. Pero tamén teño un pensamento un pouco naíf, que é que de cando en vez algún proxecto consigue pasar esa liña do comercial.  Pensaba que con Dhogs podería haber esa esperanza, e que despois de todos os festivais e premios poderiamos chegar a estar en salas de toda España. Se non sucedeu tampouco creo que fose por estar en galego. Hoxe en día temos películas que triunfan en euskera, catalán... É simplemente unha cuestión de cartos para distribución e promoción.  

Que é o que máis vos gustou dos vosos personaxes en Dhogs?  E o maior reto?

Iván.- O que máis me gustou foi o espazo que nos deron para xogar, e poder tomar riscos e decisións de última hora sentíndome apoiado. Tamén a sensacion de estar apostando, de transgredir.  O meu personaxe, un John Doe, é un sádico hedonista, un home que disfruta sensorialmente das cousas: comer, tocar, cheirar… establecer unha relación de poder e superioridade. É un personaxe que non ten empatía e disfruta vendo a dor allea. A miña dificultade maior foi esa mesma: ser agresivo e violento, e poder establecer esa distancia co personaxe, sen achegarme a min mesmo. Lembro que nas escenas máis agresivas ao cortar as tomas vía a Melania aí tirada e era duro de tragar. Pero dábame pistas de que o que estabamos facendo estaba ben, o feito de que eu tamén tivese problemas para dixerir aquela situación, non como actor pero si como individuo. 

Melania.- Para min todas esas situacións violentas eran tamén coma un xogo en realidade, ainda que fose moi serio o que acontecía. Era deixarse levar a ver onde chegabamos co personaxe, chegar a sitios inesperados. Eu non sufrín, que é algo que me preguntan moito. Estaba segura e confiaba moito nos meus compañeiros. Sabía que Iván me ía coidar e que non deixaría que me mancase.

Traballarades xuntos algunha vez antes? 

Melania.- Non, nunca. Creo que cadraramos nalgunha proba, e despois de rodar Dhogs fixemos un videoclip dun grupo chamado Sleepwalker, dirixido por JS Raimundi


https://vimeo.com/164423536

Sempre traballastes como actores ou tedes outras experiencias laborais? Traballastes fóra de Galicia? 

Iván. - Eu tiven cen mil traballos ademais de actor: de camareiro, limpando váteres, dei clases de boxeo e de artes marciais, fun modelo para clases de arte, condutor... 

Melania. - Eu fun comercial de R. E durante moito tempo dei clases particulares de inglés a nenos (fixen Maxisterio por inglés en Lugo). Sempre vivín en Galicia, nunca sentín a necesidade de ir fóra. Agora vivo en Santiago, encantada, e antes vivín en Ourense e en Vigo. 

Iván.- Botei dez anos no Reino Unido, logo volvín á Coruña (son do Barrio das Flores), pero á volta de vivir en cidades grandes non me tiña sentido vivir nunha, e marchei á aldea. Para min a cousa excepcional de Galicia era vivir no rural. Compartín casa cuns amigos en Brión uns anos, e agora non teño casa aquí, estou en Madrid rodando. 



Melania, ti estudaches na ESAD, nunha das primeiras promocións. Iván: botaches dez anos no Reino Unido formándote en distintas escolas. Como vedes a formación de actores e actrices en Galicia?  

Melania.- Sempre me estou formando, facendo cursos, con xente distinta… necesito empaparme de moitas cousas. Unha escola é necesaria, vale para que ti coloques certas cuestións a nivel referencial, terminolóxico, estrutural. Para min o paso pola ESAD foi fundamental para colocar a cabeza con respecto á profesión. Mais tamén teño dúbidas coas escolas de arte en xeral, non sei se ese tipo de coñecemento se pode sistematizar dunha maneira oficial. A min gustaríame que na Escola, e sobre todo na Administración que é responsable dela, tivesen a apertura suficiente para decatarse de que non se poden rexer polas mesmas leis que o ensino secundario. Sen esa comprensión é difícil que unha escola de arte dramática poida desenvolver as súas capacidades. 

Iván.- Eu comecei facendo teatro na Coruña con Manuel Lorenzo en Casa Hamlet. Logo marchei ao Reino Unido e pasei por varias escolas. Teño unha relación tamén contraditoria coas escolas. É un proceso fundamentalmente persoal que ten que ver con acreditarse a un mesmo para poder dicir: si, son actor. Xa o dicía Peter Brooks: o necesario para ser director é dicir que es director. Polo demais, a súa importancia é relativa. Si que lle teño aprezo á formación en sentido amplo, pero sobre todo como experiencia. Tiven moitas experiencias cruciais para o meu traballo que para min foron formativas no plano vital: viaxar, coñecer xente, cambiar a miña forma de pensar en relación a moitas persoas, a miña forma de estar no mundo, o meu corpo, a miña escoita… Aprendín moito estando nas escolas, pero non no tempo académico senón relacionándome con moita xente. 

Este ano tamén fixeches de Rosalía de Castro, Melania.  Como foi o teu achegamento ao personaxe?

Melania. - O meu achegamento a Rosalía vén da adolescencia, sempre me gustou como poeta, como pensadora e como feminista. Cando me din que vou interpretala, pois claro, é unha responsabilidade tremenda, todo o mundo ten unha idea dese personaxe, moi pechada e concreta. En Contou Rosalía (a miniserie dirixida por Zaza Ceballos) non se narra a súa vida enteira senón un episodio, nun momento vital moi concreto. Paseino moi ben. Ademais con Fran Lareu como Manuel Murguía tiña moita conexión. Nunca fixera nada de época, a recreacion do vestiario de Rosalía está moi ben, hai un traballo tremendo de Arantxa Domínguez e María Fandiño, que fixeron roupa a medida mirando fotos dela, as últimas que saíran á luz. No momento no que te metes aí con corsé, enaguas e todas as pezas de roupa que levaban as mulleres antes faste uha idea da represion da época a traves do vestiario. Tamén me serviu de moito a publicación de Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863), o libro de María Xesús Lama que agora levou o Premio Nacional de Ensaio. Unha biografía fundamental, na miña opinión, que non ten nada que ver coa idea da Rosalía triste e apenada.  


"Boto en falta personaxes femininos diferentes, que teñan autonomía, que non sexan sempre as mulleres de, algo de. Agora teño esperanza no feito de que chegan mulleres cineastas novas contando historias desde outro sitio".


Que personaxes botas en falta? Que che gustaría facer? 

Melania.- Boto en falta personaxes femininos diferentes, que teñan autonomía, que non sexan sempre as mulleres de, algo de. E tamén que se estruturen os proxectos en torno aos personaxes femininos. Nese sentido o que falta é diversidade nas propostas. Agora teño esperanza no feito de que chegan mulleres cineastas novas contando historias desde outro sitio. Por exemplo Paula Ortiz con La novia ou De tu ventana a la mía, que é unha película que me encantou. Tamén hai agora homes que están recollendo iso e no noso cine temos bos exemplos como Álvaro Gago ou Xacio Baño. É unha cuestión de apertura e de escoitar o que está a pasar aí fóra. Na televisión é moito máis difícil conseguir isto, traballan cunha lóxica moito máis conservadora. 

Falando de cineastas novas, o ano que vén estrearase Arima, a longametraxe de Jaione Camborda que ti protagonizas. Que nos podes contar deste proxecto? Como é o teu personaxe? 

Melania.- Como proxecto para min Arima foi empatar cunha persoa, Jaione, coa que teño moitas cousas en comun: ideas, referencias, maneiras de estar e de pensar, idade… Aínda non vin nada da peli, que está case lista. Conta historias de mulleres entrelazadas, cunha atmósfera e cunhas temáticas que non se exploraban nos traballos que eu fixera antes no audiovisual. O meu personaxe, Julia, é unha muller do interior de Lugo, algo que xa marca moito. É unha persoa moi ferida e que non quere poñer as feridas ao aire para que cicatricen, afíxose a vivir desa maneira. Pero pasan cousas que fan que ela teña lidiar co seu pasado e o seu presente. 

Vendo o teu currículo reparei en que traballaches en 5 longametraxes con bastante repercusión ou potencial (A Esmorga, Sicixia, Dhogs, Trote e Arima), e que as cinco foron rodadas en galego. Como valoras isto? 

Melania.- Para min é o natural porque o galego é a miña lingua, pero sei que teño moita sorte de poder traballar nela. Un dos ensaios que levou o premio María Luz Morales o ano pasado expuña esa realidade, a porcentaxe de pelis subvencionadas pola AGADIC nas que se usa o galego, que é aínda moi baixa. Estase perdendo a lingua, cuantitativa pero tamén cualitativamente. Xa case non hai lingüistas nas rodaxes, non se considera prioritario. Eu para algúns personaxes tiven que chamar eu a unha persoa lingüista pola miña conta. A palabra é tamén parte do corpo, do teu medio de traballo, e coidar a lingua paréceme fundamental. 



Iván, ti traballaches en Fariña e aí si que tiñades lingüista. 

Iván.- En Fariña traballamos con Rosa Moledo, que escribiu un manual sobre o uso da lingua na serie. A súa foi unha construción dun castelán moi próximo ao galego, que nos anos 70 en moitas zonas de Galicia non se daba: a xente falaba en galego e punto. No equipo estabamos todos de acordo en que o ideal sería facela en galego, pero obviamente (por desgraza, e polo de agora) non se pode emitir un produto en televisión de alcance nacional en linguas que non sexan castelán. Unha das maneiras que atopou Rosa para abordar isto foi aproximarnos o máximo posible a como falaría a xente na época: usando o acento, metendo polo medio certos termos en galego, que a nós nos resultan moi rechamantes porque non falamos así. Pero a idea era que canto mais puideramos meter en galego mellor.

Para o traballo dos actores afecta moito o idioma en que esteas falando. Eu podo actuar en galego, castelán ou en inglés e o meu traballo é moi diferente, as linguas van vinculadas a unha forma de pensar. Por iso é tan importante preservar o idioma, porque con el preservamos unha forma de pensar e de relacionarse coas persoas, unha poética, un sentido do humor moi particular.  Penso que isto ademais será cada vez máis importante a nivel internacional. Hai un cambio de mentalidade que está empezando entrar no “mercado”, que ten que ver coa autenticidade. Esta liña sempre se buscou dentro dos traballos máis artísticos, dentro do cinema de autor. Buscábase unha esencia do real que parecia que non tiña cabida nas canles xeralistas, mais isto agora rompeuse no mercado globalizado, só hai que ver o exemplo de Narcos ou da propia Fariña. Coas novas plataformas estamos chegando a todo o mundo, e isto está cambiando tamén a maneira en que se fai ficción en España: as propostas de Movistar son traballos moi específicos, así como as de Netflix. Traballos como Paquita Salas hai dez anos non terian a penas difusión, e agora teñen o seu espazo, un nicho de alcance global. Por iso penso que a especificidade cultural, que antes podería ser un problema, é agora é un punto de valor. E esa pode ser unha das oportunidades para o audiovisual en galego.  

Moitos coñecémoste con Citizen, de Chévere. Como acabas traballando con eles? Como foi o teu tránsito do teatro ao audiovisual?  

Iván.- Cando regresei do Reino Unido o primeiro traballo que tiven foi con Matarile, a obra Animales artificiales, e despois fixen algunhas producións propias. A Chévere coñecinos cando vin á Sala Nasa a facer un espectáculo que montara en Inglaterra cuns compañeiros, e logo puiden facer con eles Citizen, que foi un gran éxito. No audiovisual galego estreeime cunha curta de Víctor Hugo Seoane, con guión de Jaione Camborda, que protagonicei xunto a Nerea Barros. Titulábase “Na distancia” e rodouse polas rúas de Vigo. Despois fixen pequenos papeis en Crebinsky, Todo é silencio e Las altas presiones, ata chegar a Dhogs. Todas elas son películas moi diferentes. 

Pasaches por Matalobos e fugazmente por Serramoura, pero o teu primeiro personaxe longo é Daniel de Pazo de Familia. Gústache traballar na televisión?

Iván.- Si, en Pazo fixen 103 episodios. Nesa serie aprendín moitas cousas, algúns dos aspectos máis técnicos que teñen que ver coa interpretación e tamén co teu lugar nos procesos de traballo. A tele dache a posibilidade de relacionarte durante moitas moitas horas co equipo, coas cámaras, contigo mesmo. Eu non a considero moi diferente ao cine, cada vez menos. Tecnicamente na televisión coidado cada vez é maior, hai unha elaboración do discurso e creadores con moito criterio e moitos referentes interesantes. Fariña é un caso, pero noutra series que me flipan, como Mindhunter, a última de David Fincher, non está moi clara a fronteira entre cine e televisión. Ou Big Little Lies, producida, escrita e interpretada por mulleres, que é un referente cultural brutal. 

Agora estás en plena rodaxe de 45 revoluciones, a nova serie de Bambú para Antena 3, ambientada nos anos 60. Como afrontas este papel protagonista? Que nos podes contar deste traballo?

Iván.- A serie sitúase na industria discográfica a comezos dos anos 60 en España. Retrata o cambio de ciclo entre a música popular máis folclórica e a chegada do rock and roll, co que isto supón de rupturismo e de novas ideas na metade do franquismo. Eu son un produtor musical aventurado que leva esta bandeira do cambio de ciclo, e que se atopa con moitos conflitos entre o vello e o novo paradigma. Penso que lle pode gustar tanto a público nostálxico, que poida sentir ese vínculo coa época, como a un público novo que se sinta representado coas ideas abstractas que se tratan: o cambio xeracional, a ruptura, a busca da beleza… O feito de que a maioría dos protagonistas sexamos actores pouco coñecidos tamén ten que ver con esta idea rupturista da serie.  

Estás preparado para a fama-fama?  Para ir divertirte a El hormiguero e esas cousas? 

Iván.- En absoluto, en canto acabe a rodaxe só quero tirarme ao monte e poñer barba (risas). A miña esperanza é quitar o bigote que levo agora para o personaxe e que ninguén me recoñeza pola rúa. Con Pazo de Familia cambiando de look a xente non me coñecía en absoluto. Xa en serio, eu doulle moito valor á miña identidade e privacidade. Non teño desexos de fama, así que non creo que me afecte demasiado. Quero que a serie teña éxito e repercusión, pero o que veña con iso xa non me collerá con vinte anos (teño 38), así que espero levalo ben e non ter que expoñerme demasiado. 


"Penso que coas novas plataformas e co mercado global a especificidade cultural, que antes podería ser un problema, é agora é un punto de valor. E esa pode ser unha das oportunidades para o audiovisual en galego".  


Que máis proxectos tedes para o próximo ano?

Iván.- Teño unha película da que non podo dicir nada, será un proxecto nacional con parte galega. E con teatro estou barallando un proxecto persoal. Pero tómoo con calma porque non sei que pasará despois da serie nin que consecuencias terá no profesional, así que non quero facer moitos plans por agora. 

Melania.- Eu estarei en Ons, a nova película de Zarauza, na que son unha das mulleres protagonistas xunto con María Vázquez. E estou encantada porque con ela curraría no que fose. 

Con que cineastas vos gustaría traballar en Galicia?  E de fóra? 

Melania.- Eu estou moi contenta de ir traballar agora con Zarauza. Con Jaione Camborda repetiría de cabeza. Tamén con Lucía Estévez (coa que xa colaborei nunha curta chamada Arrolo), con Anxos Fazáns… moita xente. De fóra con Cassavetes, se vivise. Con Paula Ortiz encantaríame. Con calquera persoa coa que conecte, en realidade. 

Iván.- En Galicia a miña aspiración é traballar cos meus amigos, con xente que me cae ben, eles saben quen son. Logo son admirador de moitos directores: Haneke, Lanthinos, Fincher, Almodóvar, Oliver Laxe… De Angélica Liddell son moi fan pero non sei se querería traballar con ela. De feito non sei se vai da man a quen admiras e con quen che gustaría traballar. Por iso prefiro traballar con amigos. Eses proxectos adoitan saír ben. E tamén facer apostas: con Andrés Goteira non sabía que queria traballar ata que o fixen. Teño máis interese en traballar con alguén que empeza e ilo acompañando na súa carreira, crecermos xuntos, que facelo con alguén consagrado. Fliparíame traballar con Scorsese pero desde o principio, non tanto agora. 

Como sodes como consumidores de audiovisual? Vedes cine, series? Seguides o que se fai aquí?

Iván.- Eu doulle a todo. Agora vou moito máis ao cine en Madrid, sobre todo vexo cine non comercial. A última película que vin foi Cold War e encantoume. Tamén teño Netflix, HBO… vexo máis a tele do que a vía antes. E vexo Youtube. Agora estou flipado cunha aplicación da Estación Espacial Internacional, que teñen un streaming de 24 horas do que pasa alí. Son moi friqui con estas cousas. Cando estaba en Galicia tamén vía a TVG en ocasións. 

Melania.- Eu son de NUMAX (cine, libraría, todo), e tamén de Filmin. Tele vexo moi pouca, non son de series. Optei por ver películas en vez de series, para non obrigarme a seguir cousas durante moito tempo. Os filmes danme estímulos máis diversos. Encántanme as películas de M. Night Shiamalan, e dos últimos anos encantoume Toni Erdmann




O que aprendemos do diálogo entre catro xeracións

«Levo flocos de millo? Vai haber leña?» Preguntaban algúns dos asistentes na entrada do CGAC o pasado 4 de outubro. Non ían ver Pressing Catch nin Sálvame, mais si que había certo morbo previo ás Mesas Interxeracionais do Audiovisual Galego, que xuntaban na mesma mesa a xente en principio con olladas e lugares opostos no noso pequeno sector audiovisual. Un dos máis veteranos acougaba, ou non, as expectativas:«Non creo que haxa moita batalla entre unhas xeracións e outras. As batallas adoitan ser entre os da mesma xeración».  

Texto: María Yáñez

Aínda que fondo ninguén agardaba guerra, había expectación. O Festival Curtocircuíto, no seu 15 aniversario, tivo a idea de organizar estas mesas, coa colaboración da Academia Galega do Audiovisual, ao ver que «por primeira vez hai catro xeracións distintas en activo traballando no noso audiovisual, e nunca houbo un espazo que as puxese a falar entre elas». Así o explicaba Pela del Álamo, director de Curtocircuíto e artífice do evento xunto coa produtora e docente Beli Martínez, colaboradora habitual do festival. O obxectivo era, por un lado, celebrar esta coexistencia, e por outro, dialogar para superar prexuízos, tender pontes e poñer as experiencias e necesidades comúns enriba da mesa. Tamén as diferenzas.

Se cadra o de catro xeracións é moito dicir. Ou non tanto, nun audiovisual cunha historia curta como é o noso. Pero si hai xente que naceu e traballou en catro décadas diferentes, e por aí ía o criterio da organización á hora de establecer eses catro grupos, que empezaron a traballar «en diferentes momentos políticos e estéticos»: os que iniciaron a súa carreira nos 70-80, os que comezaron nos 90, os que fixeron as súas primeiras obras na primeira década deste século, e a nova formada que vén petando na porta nos últimos anos.

Cronoloxía das catro xeracións

Manolo González viunas nacer a todas. O profesor, fundador da EIS e ex director da Axencia Audiovisual Galega, foi o encargado de dar o relatorio de apertura da xornada, no que puido poñer os asistentes en contexto do que foi esta evolución do audiovisual galego a través das décadas. Citando o escritor e guionista Miguel Anxo Murado cando di que «toda a historia é un relato», González acolleuse á subxectividade coa que cada historiador interpreta os acontecementos, e coa súa perspectiva de profesor, investigador, dinamizador e testemuña das catro xeracións, tratou de resumir á súa maneira este relato. 

Empezou por remontarse a moito antes do 1989, que se considera o ano de nacemento do cine comercial galego coas produción das longametraxes Sempre Xonxa, Urxa e Continental, puntualizando que «hai unha xeración previa a estas películas, de xente nacida nos anos 40 e 50, que fixo os primeiros traballos durante a Transición. Non existía Autonomía nin Xunta nin TVG pero habia unha pulsión por facer cine en Galicia, sen apenas recursos, quitado os do mecenas Víctor Ruppen», explicaba o profesor e historiador do cine, recordando a quinta de Miguel Gato, Euloxio Rubal, Miguel Castelo ou Antonio Simón, agrupados no Equipo Lupa ou no Grupo Imaxe. Lembrou tamén que cando se crea o Estatuto de Autonomía no ano 81 «non había un só profesional do audiovisual en Galicia, agás os que traballaban no Centro Territorial de TVE». 

Establecido o punto de partida da profesionalización do sector, Manolo González quixo resaltar as tres claves que determinan a creación audiovisual en cada xeración: 1) a política audiovisual, porque «quen estea no poder vai determinar o que pasa coa audiovisual, en Galicia e en toda Europa: a política audiovisual xera institucións, pon recursos, establece prioridades», 2) a televisión, como locomotora da industria dos contidos, porque «en función da súa política editorial prodúcense unhas cousas ou outras, e producen unhas empresas ou outras» e 3) as estruturas de formación: onde se forman profesionais e creadores.  

Repasou así estas tres cuestións, desde o nacemento da TVG da EIS ou do CGAI ata a creación do “Modelo Galego do Audiovisual” na etapa do fraguismo, que favorecía a coprodución minoritaria de empresas galegas, algo que daba traballo aos profesionais saídos da EIS, por exemplo, mais nunca como xefes de equipo. Lembrou que ese modelo se quixo cambiar no 2005 co bipartito, cando o propio Manolo Gonzalez se puxo á fronte da Axencia Audiovisual Galega, cuxa política quizo acabar co MGA coa idea de darlle igualdade de oportunidades á xente para facer películas desde aquí. Non só as que por entón eran o “mundo paralelo” e que foi o xermolo do Novo Cinema Galego, senón tamén a unha nova xeración de produtoras como Emma Lustres ou Fernanda del Nido. Así, da etapa da Axencia saíu a primeira película galega premiada en Cannes, Todos vós sodes capitáns de Oliver Laxe, mais tamén o taquillazo Celda 2011, desenvolvida e producida desde A Coruña por Vaca Films

Co regreso do Partido Popular ao goberno galego, en 2009, desapareceu a Axencia Audiovisual Galega, e con ela iniciativas como Flocos.TV ou a web da propia Axencia, que contiña unha inxente base de datos de obras e profesionais. No seu lugar, a Axencia Galga das Industrias Culturais(Agadic) acolleu a política audiovisual, «da que non podo opinar porque non coñezo cal é a estratexia, non vin ningún documento, vexo que tiran para adiante a partir do que había feito, mandendo algunhas cousas que funcionaban como as comisións paritarias ou as axudas ao talento». Segundo González, «tamén se notan cambios nos proxectos das produtoras industriais, que teñen máis talento galego nos equipos; a xente con vocación de facer cinema en galego como Ignacio Vilar segue facendo as suas pelis, e o que eu chamo pequenos roedores (Anxos Fazáns, Jaione Camborda, Oliver Laxe, Lois Patiño…) xa son mamíferos algo máis grandes e son os que levan as rendas do discurso.» 

Ao peche da Axencia Audiovisual Galega Manolo González regresou á docencia «e agora traballo coa quinta xeración do audiovisual, os meus alumnos, que xa naceron todos neste século», ao igual que moitos dos presentes no auditorio do CGAC nesa mañá de outubro. Estudantes das Escolas de Imaxe e Son da Coruña, de Vigo e de Ourense asistiron nas dúas sesións curiosos por coñecer a evolución das fornadas que os precederon. A lección do profesor Manolo foi un bo comezo. A continuación chegarían os protagonistas destas catro xeracións. 


Erros, acertos, herdanzas 

A primeira mesa titulouse “A túa xeración: erros e acertos” e quería servir para que cada xeración se presentase en primeira persoa falando do bo e do non tan bo que fixeron. Moderaba Nieves Rodríguez, actriz, presentadora e presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia. A orde de intervención ía ser a mesma para todas as mesas: de máis novo a máis vello. Empezou Brais Romero, da xeración dos novísimos, quen destacou o talento como a parte boa da súa quinta, e puxo como parte mala a precariedade. Algo que tampouco debería ser culpa deles, mais o critico de cine e director de A Cuarta Parede non eludiu a autocrítica, de feito foi o que máis usou o prefixo “auto”:  «Nós mesmos nos autoprecarizamos. Temos que autoxustificarnos, e engancharmos un traballo con outro, son lastres que nos estamos autoimpoñendo». Seguiu sendo duro mais propositivo: «Temos que deixar de traballar de balde, e crear nós o noso modelo. E nese sentido quizais temos que rebelarnos contra o Novo Cinema Galego».

A continuación interviu Felipe Lage, de Zeitun Films, produtor das películas de Oliver Laxe e Lois Patiño, quen salientou que a maioría dos cineastas da súa xeración se formaron fóra de Galicia, «e isto di bastante de como era a formación aquí, algo que se mantén». Lamentou que «aínda hoxe un dos sitios onde menos participamos é na academia a nivel galego. Colaboramos máis con centros formativos do resto de España e incluso internacionais que nos de Galicia». Esta sensación de seren outsiders marcou desde o comezo o carácter do que se chamou Novo Cinema Galego: «cando empezamos estabamos fora de todo, tiñamos individualmente vontade de facer películas, cunha idea para nada industrial, mais non había apoios para iso. Logo xurdiu un apoio interesante que foron as axudas de talento, mais penso que hoxe en día non están a cumprir realmente a sua función». 

Desde os seus centros de formación de fóra, «ao principio pensabamos que seria mais doado que aceptasen as noas propostas en espazos internacionais que aquí en Galicia. O noso acerto foi ir directamente a fóra para conseguir un recoñecemento que nos permitirse poder significarnos aquí dentro e empezar a traballar. Se tivesemos insistido só en buscar o recoñecemento aquí ainda estariamos a buscalo», remarcou Lage. 

En resumo, non esperar a que o sector audiovisual que había na década pasada os autorizase ou lles ensinase o o camiño e facelo por eles mesmos foi o acerto principal desta xeración, «e o noso fracaso está ligado ao que comentaba Brais: a pesar de termos certo prestixio internacional e podermos seguir facendo filmes estamos nunha gran precariedade e cun futuro totalmente incerto», lamentou Lage, concluíndo en que «queremos vivir disto e estamos a fracasar, e a deixarlles un panorama moi complicado ás seguintes xeracións»

Jorge Coira pertence á xeración dos que empezaron nos 90 canda a EIS, aínda que el nunca estudou na EIS. Se cadra por iso «non teño moito discurso elaborado sobre como foi a miña xeración, que foi moi diversa e heteroxénea». Se tivese que marcar un fito tal vez sería o concurso “A Coruña de cine” no 1994, no que aos catro gañadores se lles producía o que sería a súa primeira curta en cine. Estes gañadores foron Sandra Sánchez con Ven a Bens, Paco Rañal con Coruña Imposible, Miguel Calderón con La sangre del enemigo e o propio Coira con Mofa e Befa: Gran liquidación. Como explica o director, «moitos de nós estivemos nesa etapa facendo curtas e tardamos moitos anos en facer as nosas longas. Paco Rañal directamente nunca chegou a facela».  

«O problema que tivemos nós é que fomos unha vizosa xeración de directores e outros profesionais, pero non de produtores da nosa idade. A miña primeira peli cunha produtora da miña idade foi máis tarde, na etapa da Axencia». Refírese Coira a Fernanda del Nido, produtora da súa longametraxe 18 comidas e tamén de Tralas luces, de Sandra Sánchez.  
«Tampouco tiñamos moitos pais que matar. Os nosos maiores eran Reixa, Pancho Casal, Chano Piñeiro… fóra diso empezabamos practicamente de cero», explicaba Coira, recoñecendo que a xeración seguinte contaba con máis referentes de todo tipo, para ben e para mal. «É sano que haxa un pai que matar e que os que veñan despois te poidan ter como referente negativo», concluíu. 

O último en intervir foi un deses “pais” primeiros, o produtor e director Antón Reixa, que comezou dicindo que a súa foi «a primeira xeración de galegos sen complexos», ao tempo que relativizou os problemas do audiovisual galego: «Galicia é o que é, 2,7 millóns de habitantes. Temos os mesmos problemas que no resto do mundo: unha guerra entre o talento e a industria». El, que a comezos dos 80 era profesor e poeta e gustaba dos novos medios, fíxose profesional do audiovisual cando recibiu unha axuda para a performance audiovisual Salvamento e socorrismo. «Foron 500 mil pesetas que tiven que aprender a administrar contratando o equipo técnico e artístico necesario. E tiven que entregar un guión. Aí empezou a miña carreira como guionista e produtor», conta Reixa, que engade que «durante moito tempo sentinme moi só como produtor, e tiven sempre que vivir esa contradición entre o talento e a industria». Reixa pechou a súa produtora, Filmanova, logo dun accidente de tráfico que case lle custa a vida hai un par de anos. Coñecendo as dificultades de manter a flote unha empresa audiovisual, puxo sobre a mesa un dos principais problemas do cine actual en Galicia: «para facer unha peli hai que pagar polo convenio. Eu quero saber como se fixo Dhogs», a opera prima de Andrés Goteira, gañadora de 13 premios Mestre Mateo.

Con este pequeno dardo Reixa lanzaba un debate que planeaba sobre toda a mesa. Felipe Laxe contestou que «Dhogs non é un modelo, e os seus produtores son moi conscientes diso, de que se se pagase con xustiza e con normalidade, Dhogs se faría doutra maneira». En canto ao problema que segue habendo coa industria e o talento, Laxe apuntou que «en Portugal xa teñen abandonada esa idea de converter a súa cinematografía en industria» e no plano artístico non lles vai mal. Brais devolveu o dardo exculpando a súa xeración da precariedade: «Eu traballei en programas da TVG nos que tampouco cobraba por convenio». 

Pola contra, cando a xeración de Jorge Coira máis traballaba «era todo cine medio, non habia nin cine de guerrilla nin cine de altos presupostos. Non sería o mellor modelo, pero coidado co que se desexa, porque agora o cine todo está nos dous extremos». Reixa recoñeceu que «na miña xeracion nesa clase media non había un grande talento autoral, nós nin aspirabamos a ir ao Festival de Cannes. Pero agora si que existe este talento. É o momento de afrontar esa contradición e non autocompracerse nese vitimismo que temos ás veces. Penso que as axudas están moi ben formuladas, o problema é que as partidas son precarias»

Desde a bancada a actriz María Tasende tiña unha pregunta para os creadores do Novo Cinema Galego: Por que se traballa cada vez máis con actores non profesionais?  E lanzou unha crítica contra esta xeración de directores: «penso que hai falta de confianza nos actores, poderiamos facer máis peliculas cercanas á non ficción». Os produtores que se deron por aludidos, Felipe Lage e Beli Martínez (as últimas películas que produciron respectivamente, Tempo Vertical de Lois Patiño e Longa noite de Eloy Enciso, contan con actores non profesionais), contestaron que non é falta de confianza nos actores, senón que se buscan cousas diferentes cos non profesionais. Jorge Coira tamén defendeu esta escolla: «é unha conquista e algo moi saudable: antes propoñer un actor non profesional era anatema», aínda que recoñeceu que «si que hai certo problema aquí, que é que os directores non sabemos moi ben como tratar cos actores, témoslles medo» concluíndo que «temos que tender pontes para comunicarnos mellor entre actores e directores». 

Na seguinte mesa tocou falar das herdanzas dunha a outra xeración. O moderador era Manolo González e comezou falando Lucía Catoira Pan, que malia nacer antes dos 90 empezou a traballar xa con autores novosm dirixindo a fotografía de Dhogs, Matria ouTrote. «A miña carreira é tardía. Cando estudaba fotografía tiven a oportunidade de ir ao Play-Doc, e alí coñecín moitos cineastas interesantes. Grazas a eles puiden pensar que eu si que me podía dedicar a isto», conta sobre a súa herdanza Catoira, cuxo lema é «se non hai un espazo para facer o que eu quero facer, fabrícoo», algo que se podería aplicar a calquera dos membros desta novísima xeración de creadores. 

Sonia Méndez sinalou como, á vista da composición da mesa, «a medida que van pasando xeracións van aparecendo mulleres». O que ela herda das xeracións anteriores é múltiple xa que «tiven a oportunidade de traballar con todos», desde que empezou como actriz en Terra de Miranda ata agora, cando ve os novos explorando as posibilidades das canles dixitais desde o festival que dirixe, o Carballo Interplay. Pola súa banda David Melero,  iluminador formado na EIS e que tamén leva traballando con todas as xeracións en activo, ve que a forma de traballar cambiou moito, e que os novos están moito máis formados. 

Outro que traballou con todas as xeracións é Antonio Duran“Morris”. «Teño 59 anos pero non son de ningunha xeración, traballei hai 30 anos e agora traballo cos novos», comenta, destacando a súa aparición en Dhogs, pola que levou este ano un Mestre Mateo, e nas óperas primas de Anxos Fazáns . Morris conta como os da súa quinta viron nacer todo pero tamén viron morrer unha parte: «Vin nacer a TVG e o CDG. Pasei polos auxes, decadencias e case mortes de moitas cousas». Así e todo, traballar con varias xeracións provoca que ás veces se vexa metido no medio de conflitos entre distintas visións do sector:  «as experiencias e as expectativas de cada xeración son distintas. Cada un mira polo seu e busca o espazo para o tipo de audiovisual que quere facer», comenta, engadindo que hai espazo para todos: «a nosa historia é tan pequena que é moi perigoso que desbotemos opcións». E como colofón, unha frase que se leva repetindo desde o principio dos tempos do noso audiovisual: «facer cine en galego é necesario».

Desde o público preguntouse pola acollida dos produtos audiovisuais das distintas xeracións, e criticouse a pasividade da Televisión de Galicia á hora de programar cine galego ou de potenciar o talento das novas xeracións. No medio destas críticas, Sonia Méndez lanzou unha pregunta á audiencia, a maioría estudantes de Imaxe e Son: «Cantos de vós vedes a TVG?»  Moi pouquiños ergueron a man. «E cantos de vós consumides contido audiovisual en Youtube e nas redes?» E todas as mans se alzaron. Con isto a directora do Carballo Interplay puxo de manifesto que cada vez a TVG ten menos relevancia para a cidadanía máis nova, algo que lamentou pero que xa dá case por perdido. Pola súa banda Morris reivindicou que co potencial e o talento que temos aquí, «se tivesemos as ferramentas e os recursos dun audiovisual normalizado para chegar ao público teriamos moitos máis éxitos, estou convencido». 

Finalmente, preguntados de novos pola herdanza recibida, por obras ou autores concretos das xeracións anteriores que os inspirasen ou lles desen ganas de dedicarse a isto, as respostas foron variadas. Para Lucía C. Pan, a obra que lle abriu os ollos foi Arraianos, de Eloy Enciso. Sonia Méndez recoñeceu que non ten referentes en Galicia, e menos cando empezou: «tal vez os programas que se facían na TVG nos anos 80, cunha gran creatividade e liberdade». Melero tampouco salientou referentes, pero sinalou a primeira serie de ficción que se fixo en Galicia a finais dos 80: Os outros feirantes. Morris mencionou a Chano Piñeiro con Mamasunción e a videocreación dos anos 80, pero se tivese que destacar unha peli sería 18 comidas, de Jorge Coira. 


As distintas formas e momentos da produción e da creación

A mañá do venres 5 comezou coa mesa titulada “Como produces?” na que produtores das catro xeracións compatirían as súas experiencias nas distintas etapas do noso audiovisual. Arrincou a máis nova, Silvia Fuentes, que estivo en varias xefaturas de produción (A estación violenta, Matria ou a webserie Antes de perder, entre as máis recentes)  pero que, aos seu 27 anos, admitiu que «non son produtora aínda, porque non poño o meu diñeiro para facer películas».  Subliñou o “aínda” porque, despois de producir varias curtas nas que eran os directores quen poñía o diñeiro, este ano está a montar canda a directora Anxos Fazáns unha cooperativa, dándolle «un voto de confianza ao sector e a nós mesmas» para «ir empezando a producir, pouco a pouco, a moitos directores que nos rodean e que aínda non tiveron oportunidades». Fuentes recoñeceu que as xeracións anteriores picaron pedra para abrir o camiño da produción de cine en Galicia, e que a súa quinta ten o horizonte máis despexado, a pesar de que «somos fillos da crise e notamos que nos faltan ferramentas para movernos». 

Beli Martínez, produtora de algúns dos éxitos do Novo Cinema Galego como Arraianos, Vikingland ou Longa noite, a nova película de Eloy Enciso, combina a produción de cine de autor co seu traballo como investigadora e docente. Desa maneira pode producir só «o que me dá a gana e o que me gusta», renunciando á produción máis industrial. Tamén porque, cando a súa xeración empezou, «ás produtoras industriais non lles interesaba apostar polo cinema autoral, así que decidimos montar as nosas empresas, caso de Zeitun Films, Frida Films ou Filmika Galaika, que é a miña», apostando por novos cineastas que foron conquistando o prestixio internacional en festivais, con filmes «nos que o retorno económico é próximo a cero». Martínez entende que «sempre van cohabitar as produtoras que fan cine industrial e autoral» ao tempo que agradece o diálogo e as ensinanzas de xente de outras xeracións «coa que vibramos na mesma frecuencia, como Pepe Coira, Manolo González ou Xaime Fandiño», que lles foron axudando polo camiño.  

Mamen Quintas fundou, coa súa parella Julio Casal,Ficción Producciones hai 16 anos. Arriscaron a montar a empresa cando viron un oco no sector «no que podiamos facer cousas pequenas pero cunha grande calidade técnica». Así, investiron nun sistema de postprodución que outras produtoras non tiñan, apostaron tamén «por un equipo técnico e creativo potente, con xente como Luis Faraón ou Dani de la Torre», cos que foron crecendo profesionalmente facendo curtas e programas para televisión. Axiña deron o salto á produción de longas de ficción e de animación, e tamén de series para a TVG ou Mediaset, que esta temporada emitiu con éxito a súa produción Vivir sin permiso.  Quintas di crer «no modelo de empresa industrial e cultural. Se non temos uns alicerces bos de equipo, infraestrutura, tecnoloxía… non podemos sobrevivir. Precisas medios e músculo para adaptarte ao mercado». Quizais por esa capacidade de adaptación di non ter un modelo xeracional, pois o seu propio modelo foise adaptando cos tempos. 

Do estado actual da produción de ficción Quintas ve tres dificultades principais: a rapidez («todo é para antonte, se perdes unha oportunidade nos mercados outro se vai adiantar»; que existen moi poucas produtoras independentes («quedan pouquísimas, a medida que as as compran grandes estudios e grupos de comunicación», e nese sentido ten claro que «somos cola de león»), e tamén no tema financeiro: «tes que ter unha credibilidade ante os bancos impecable, ser moi solvente». Como consello para empezar, sinalou que «hai que crer nun mesmo, ter claro o que queres e a onde queres chegar, e saber que sen un equipo non es nada: para poder entregar material a tempo precisas xente aí que o faga». E gabouse de que «desde hai uns anos temos en Ficción un equipo creativo moi bo, con guionistas de formatos e de ficción. É moito investimento pero é fundamental». 

A finais dos anos 70 Pancho Casal era enxeñeiro industrial en Fenosa. Desde 2016 é deputado no parlamento por En Marea. No medio, tivo unha das máis prolíficas carreiras como produtor de cine e televisión. Coa súa compañía Continental Producciones fixo máis de 45 películas, unha carreira que comezou cunha aposta arriscada polo cine, o que máis lle gustaba, e pola profesionalización: «ao deixar o meu traballo tiña claro que non ía meterme nun sector a ver qué pasaba, quería facelo en serio e precisaba unha estrutura empresarial». A súa primeira aposta foi a creación de Videotrama, unha das primeiras produtoras profesionais de vídeo, coas que o seu socio Xavier Villaverde se adentrou na videocreación con pezas como Veneno puro, Viuda Gómez ou o videoclip de Galicia Caníbal: «Algo tan tolo como aquilo posicionounos na posibilidade de facer todo o demais». Eran os 80 e non había TVG nin axudas da Xunta, así que se crearon Continental e puxéronse a facer publicidade: «Fixemos máis de 600 spots, iso deunos capacidade financeira para facer outras cousas», e empezaron a facer longametraxe, coproducindo e colaborando con todo tipo de produtores en Galicia, España e outros países europeos e latinoamericanos. 

«Criticáronme por traer xente de fóra, pero é que nós empezamos moi grandes, con orzamentos de dous ou tres millóns de euros, e esixíannos un nivel de profesionalidade que aínda non tiñamos en Galicia. Os primeiros anos traiamos xefes de equipo de fóra, e puñamos os galegos de segundos, logo foise profesionalizando o sector e xa non fixo falta, podíase traballar con equipo todo galego», confesou Pancho Casal, que reivindica o «desenvolvemento industrial espectacular» que se conseguiu na década pasada, e do papel de Agapi, asociación da que foi fundador, á hora de conseguir que o sector audiovisual fose considerado estratéxico en Galicia. Porén, ve a situación actual «dramatica no eido cultural e audiovisual», e manifestou o seu desexo de volver a traballar por axudar a recuperar o pulo do sector. 

Preguntados pola capacidade de crear estruturas de produción que teñen os máis novos, que xa case non viviron os tempos nos que as grandes produtoras daban traballo de forma máis ou menos estable, Silvia Fuentes recoñeceu que «precisamos estruturas para traballar en condicións, e penso que por instinto seremos capaces de crealas». Engadiu que «un dos problemas é que somos moitos os que saímos cada ano das tres facultades de Comunicación Audiovisual, e non hai traballo para todos, por iso é tan fácil precarizarnos», por iso «é moi importante que sexamos fortes. Non ten sentido que os de agora dilapidemos as estruturas que as outras xeracións oron creando, picando moita pedra antes de nós». Beli Martínez tamén admitiu que o peor da súa xeración é «a intestabilidade e a incerteza co futuro», se ben ten claro que «eu non teño estrutura para producir nin a quero».  

A experiencia creadora

A segunda mesa da xornada foi para falar da creación, e moderouna o guionista e produtor Pepe Coira. Da xeración dos máis novos interviu Adrián Canoura, cineasta experimental que se deu a coñecer precisamente en Curtocircuito presentando curtametraxes como O porco e o seu espírito ou Caerán lóstregos do ceo. Defínese como un creador punki tanto na maneira de traballar como nas influencias que lle marcaron, onde destaca a Jem Cohen: «del gústame moito a liberdade de expresarse nas películas a través da música, tamén das paisaxes…» e compara e esa actitude como a dun pescador, consistente en «estar coa cámara, pasar horas tentando pillar un calamar… igual non o pillas ou igual si. Eu ando por esa liña, máis como un pintor ou un pescador, traballando eu só, coas miñas taras ou obsesións». O simil co pescador non é casual, pois este rapaz de Burela, con título de patrón de barco, quixo ser cineasta para non ter que ir ao mar. «É moi recorrente pero é verdade. Seguramente tería que estar de patrón no Gran Sol». 

A súa xeración recoñece unha influencia da inmediatamente anterior en figuras como Lois Patiño, pertencente á quinta do Novo Cinema Galego, e tamén presente nesta mesa. Igual que Canoura, manifesta unha gran influencia no seu cinema de outras artes como a pintura, e no seu caso con máis razón, sendo fillo dos pintores Antón Patiño e Menchu Lamas. «O meu cinema é moi plástico, un cine que tentei (ou me saíu) aproximar á pintura. Costa da morte achégase a unha pintura do romanticismo, máis ligada á paisaxe, e en traballos posteriores busco unha más abstracta… mais sempre traballando desde a plasticidade da imaxe", explica Patiño, que entre os seus referentes no cinema contemporáneo destaca o portugués Pedro Costa ou o tailandés Apichatpong Weerasethakul. 

A directora Sandra Sánchez representa a xeración de EIS de cheo porque ela estudou na primeira promoción da EIS, onde era a única rapaza, non había mulleres nin entre o profesorado. «Foi un proxecto moi ilusionante, nun momento, 1991 no que o cine galego era practicamente inexistente. Acababan de estrearse as tres películas de Cinegalicia, pero non había outros referentes cercanos. Nós estabamos tan ilusionados que pasabamos alí fins de semana enteiros coas súas noites, tíñan que vir os profesores a botarnos da escola», lembra. Aqueles estudantes atoparon á saída unha industria audiovisual incipiente que os foi incorporando como técnicos pero sen darlles saída ás súas inquedanzas creativas: «Tiñamos ganas de expresarnos, de contar cousas, de facer pelis, pero viamos esa posibilidade moi lonxe. Tampouco tiñamos acceso ás tecnoloxías, era complicado distribuir unha curta». Dese xeito Sánchez cre que se diluiu o proxecto inicial da EIS que era facer unha escola de cinestas, e acabou por se converter nunha escola de técnicos. As carencias na formación aínda seguen: «quizais deberiamos reflexionar por que a xeración de Lois, a que máis se moveu internacionalmente, foron a formarse fóra».

No seu caso particular, coma moitos da súa xeración «non me podía permitir estudiar fóra, nin estar un tempo investigando algo que me apetecía. Dende os 20 anos empecei a traballar, como montadora e tamén como directora por encargo». Non puido levar a cabo o seu primeiro proxecto persoal ata o Tralas Luces en 2011: «coñecin a produtora Fernanda del Nido, ela traía un chorro de aire fresco, con intencións de facer un cine non con criterios unicamente empresariais. Tivemos esa complicidade e ela acompañoume na produción da película. Tamén foi importante que nese momento se crearon as axudas ao talento, e un proxecto como o meu non tiña cabida nas axudas de antes pero nestas si», engade. 
Despois diso veu a crise «e no sector audiovisual sufrimos bastante», e en canto ao presente a cineasta de Narón confesa que «agora estamos nun punto raro, eu agora teño máis ganas de facer cine que nunca». Sendo xa veterana na profesión, «eu non me considero do pasado, quero facer cine no presente e no futuro. Agora busca horizontes profesionais fóra da industria, mesmo autoproducíndome, algo que estou a considerar por primeira vez». Como creadora a Sandra Sánchez interésalle o cinema narrativo, cunhas influencias variadas e eclécticas: «crieime nos 80, nós chegamos ao cine a través da televisión, dos ciclos de cine que facían en TVE na época de Pilar Miró. «Foi Erice vendo El sol del membrillo onde me decatei de que a realidade era interesante para traballar», mais agora di estar nun ciclo diferente. Vén de presentar en Curtocircuito a curtametraxe A nena azul

Por último interviu Margarita Ledo, cineasta e investigadora do cinema en Galicia, quen reclamou, como Manolo González, ir máis alá do fito de Cinegalicia do ano 89, porque para ela «o cinema galego non empeza aí». Reivindicou a importancia das Xornadas de Cine de Ourense e o cinema militante de Carlos Varela Veiga, nos anos 70, unha grande influencia para ela como creadora canda, outros referentes de fóra como Marguerite Duras e Alain Resnais. Aínda que Margarita Ledo conviviu cos inicios do cine industrial en Galicia, a súa posición como cineasta está ligada radicalmente á cultura, e ten claro que para ela «a cuestión central é a opción de facer cinema en lingua galega; incluílo nese sistema cultural onde está a literatura e outros medios de expresión».


Seguiremos acó dentro de dez anos? 

Chegou a derradeira das mesas, a que quería servir de conclusión e apuntar ao que virá a continuación. Tamén a que dá título a esta crónica: ‘Xuntos ou revoltos? Retos de futuro’

Na parte da xuventude, a cineasta Anxos Fazáns, que presentou o pasado ano a súa primeira longa, A estación violenta, manifestou que «os retos do futuro para nós son todos, pero somos a xeración da crise. Temos moitas aspiracións e poucas expectativas». Reflexionou sobre a tensión entre a importancia de ser feliz e buscar a liberdade e a dificultade de facer disto un modo de vida, apuntando que «cando a liberdade se converte nunha obriga, e a independencia na autoxestion, e ao final xa non es tan libre». Outro reto para ela é a cuestión de xénero e «que cando me entrevisten non teñan que preguntarme ser muller e facer cine. Non me afecta ser muller, aféctame ser eu, individua, Anxos Fazáns». Con todo, creo que o individualismo é outro dos problemas a superar, «para construirmos desde o colectivo, porque non somos tan diferentes». 

O director Xacio Baño, que viña de presentar en San Sebastián a súa primeira longametraxe, Trote, sinalou que «os ingleses utilizan o presente continuo como futuro. O único futuro é traballar hoxe. Pensar no futuro paréceme tirar os dados». Aínda así, cre que dentro de dez anos seguirá a procurar a súa identidade facendo películas «curtas ou longas, non ten que ir unha cousa antes que a outra». Sobre o panorama xeral, gustaríalle que houbese máis produtoras que levasen adiante proxectos, que houbese máis películas en galego, que os guións subvencionados saísen adiante. E superar «un dos grandes problemas que apunta o meu amigo Xosé Barato, cando fala dos actores e di que é unha profesión para xente rica, que pode permitirse pasar un ano sen traballar. Hai un listón económico básico que é moi evidente».

Alfonso Blanco estudou produción na EIS da Coruña e comezou de axudante en Mareas Vivas. Vinte anos despois está a fronte de Portocabo, unha produtora de televisión que de facer programas e series para TVG (Galegos no mundo, Luci) deu o salto á coprodución internacional con series como Vidago Palace, a tv-movie Os fillos do sol ou Hierro, dirixida por Jorge Coira, que se estreará o próximo ano en Movistar Plus. Considera que a súa xeración «fomos os afortunados, pois vivimos o boom da ficción galega. De facer series para a TVG naceu Bambú Producciones e moita outra xente que está a traballar na industria». Falou de Portocabo como unha produtora con vocación internacional que entendeu axiña que «vivir só da TVG non era sostible, é un mercado pequeno para a calidade de produto que estamos a facer». 

Petando nas portas do mercado internacional, Portocabo chegou nun momento especialmente vizoso para a ficción grazas aos operadores dixitais: «traballamos 20 anos para que este momento chegase. Tivemos sorte porque o mundo xirou a onde estamos nós». Alfonso Blanco explica que «antes ninguén quería facer coproducións para TV, e de repente nacen as plataformas globais e coproducir ficción é o máis normal. Hai 5 anos era imposible». Por iso afirma que «o presente é glorioso, espectacular» e que o «o gran reto desde Galicia é xerar unha industria, temos un talento xigantesco que temos que capitalizar, saíndo fóra e non pensando que temos que vivir só da Galega».

Como produtor ten claro onde se quere ver dentro de dez anos: á fronte dunha gran produtora de contido televisivo que siga tendo a súa serie e talento en Galicia. «E xerar arredor un tecido de produtoras que poida facer que cada vez existan menos francotiradores, porque haberá unha estrutura para que se poida desenvolver o talento», continuou, reivindicando que «fan falta ferramentas para que o creador se concentre en crear e o produtor en producir. En poucos lugares do mundo pasa o que se fixo tan popular en España, yo me lo guiso y yo me lo como. É moi difícil acceder a un mundo globalizado só un. Produtoras como Frida, como Zeitun, son moi importantes e deberían xurdir máis». 

Por último falou Dolores Ben, da xeración máis veterana, que leva anos á fronte do estudio de sonorización Cinemar, e tamén como presidenta de Agapi. O seu diagnóstico sobre a situación do sector é que «os galegos somos moi localistas. Vivín en Madrid moitos anos e vexo que a xente é compartimentos pechados, ás costas uns de outros. O título destas charlas é moi importante, creo que se debería facer máis. Ás veces descoñecémonos porque somos grupos moi pechados". A necesidade de unirse é vital porque «non hai estrutura, non sabemos quen somos nin que queremos a nivel social. Creo que é necesario activar leis porque dos políticos non soe saír o apoio á cultura». E para iso, engadiu, «precísanse máis estudos economicos sobre o noso sector, para poñernos en valor. Paréceme moi ben que se fale de plans e estratexias, pero nunca vexo dotacións económicas ou estudos reais. Hai un dato de 2014 que, contra o mantra de que somos hipersubvencionados, di que en Galicia se investía en cultura menos do 1% do orzamento e creábase un 3% do emprego».

A intervención de Dolores Ben, xunto a algunha máis do público, serviu para chegar a unha conclusión básica: temos que falar máis entre nós, parece que o debate só acaba de comezar. A produtora marchaba con ganas de repetir as mesas interxeracionais de maneira frecuente e periódica, porque de momento cada un mira polo seu, e á hora de reclamar medidas sobre lexislación, investimentos, etc, «non estamos unidos para saber o que queremos pedir». 

Coa sensación de que quedaban este e outros temas por abordar, pero de que este fora un bo comezo (por exemplo, Xacio Baño e Alfonso non se coñecían e era a primeira vez que sentaban xuntos), remataron as primeiras Mesas Interxeracionais do Audiovisual Galego. Catro xeracións compartindo as súas experiencias diante dunha quinta formada por estudantes, que espera poder traballar convivindo coas anteriores e aprendendo delas, nun escenario onde problemas como a precariedade, a desunión ou a falta de recoñecemento interno se poidan superar grazas á posta en valor do talento, da fortaleza dun tecido industrial que o sustente e de máis achegamento e autoestima colectiva. Para iso é fundamental coñecernos uns aos outros, recoñecer a diversidade e seguir traballando nas pontes que se foron tendendo estes días. Porque isto vai moi rápido pero é aínda demasiado pequeno para que 5 xeracións non poidan construír algo en común. 

Quen é quen nas catro xeracións 

Os nacidos arredor dos anos 50-60, e que empezaron a traballar nos 70-80 cando o cine industrial ou a TVG eran un soño próximo a cumprirse, agrupáronse baixo o título “Dende a videocreación ata a produción industrial dos 2000”. Entre os convidados desta xeración estaban o cineasta e produtor Antón Reixa, o actor Antonio Durán“Morris”, o produtor Pancho Casal(agora retirado do audiovisual e deputado por En Marea),a cineasta e investigadora Margarita Ledo, e Dolores Ben propietaria da empresa de sonorización Cinemar e presidenta de AGAPI. 
Seguíanlles “A Xeración EIS e outras fornadas de renovación”, profesionais nacidos arredor dos 70 e que empezaron a traballar nos 90. Tómase a EIS (Escola de Imaxe e Son da Coruña) como referencia porque, cando naceu no ano 1991 era o primeiro centro de formación audiovisual que había en Galicia, e aspiraba a ser a grande escola de cineastas do país. Desta xeración foron convocados os directores Jorge Coira e Sandra Sánchez, os produtores Mamen Quintas e Alfonso Blanco, canda o eléctrico e iluminador David Melero. 
As dúas últimas xeracións son“Novo Cinema Galego e outras francotiradoras” (nacidos arredor dos anos 80), con Beli Martínez, a actriz e directora Sonia Méndez, o produtor Felipe Lage, e os cineastas Lois Patiño e Xacio Baño. E os novísimos, nacidos arredor dos anos 90 e que están a despuntar agora, baixo o epígrafe “Fillas da crise: novos modelos contra a austeridade”. Aí estaban o crítico de cine Brais Romero, os cineastas Adrián Canoura e Anxos Fazáns, a directora de fotografíaLucía C. Pan, e a produtora Silvia Fuentes. 


Os novos historiadores: unha conversa arredor do cinema galego

No 2019, a estrea das consideradas como as longametraxes iniciadoras do cinema galego (Sempre Xonxa, Continental e Urxa) farán 30 anos. Tres décadas na que o cinema galego deu máis de 100 longametraxes de ficción, viu o nacemento do Novo Cinema Galego e como un director galego gañaba, dúas veces, o Premio da Crítica no Festival de Cannes. A historia do cinema galego é un feito máis que demostrado por moitas publicacións e o traballo de moitos autores. Interésanos, neste caso, ver como a interpretan tres investigadores que comezaron a súa labor académica na última década. Para isto reunimos na Cidade da Cultura a Marta Pérez, Isabel Sempere e Iván Villarmea, nunha conversa na que falar de identidade, subsistencia, difusión e, sobre todo, cinema galego.


Texto: Brais Romero

Fotos: Tamara de la Fuente

Agradecemento: Cidade da Cultura de Galicia

Brais: Segue a ser o cinema galego a consciencia da súa nada?

Iván: O cinema galego é un cinema que quere ser, e entón estase a reprogramar e preguntar os discursos de como se explica a si mesmo continuamente. Cada xeración, a falta dun modelo de éxito e continuidade, reformúlase en función das ferramentas que ten accesibles, e en función de quen está máis activo nesa xeración. É unha nada no sentido de que o cinema galego non creou unha traxectoria ascendente de éxitos, sostida no tempo e recoñecida internacionalmente como para deixar de xustificarse. A nada é o punto de partida como era nos anos 80, pero desde aquel punto de partida xa choveu. Agora hai bibliografías, discursos, filmes, prácticas... entón hai moito máis que esa nada; o que non hai é un discurso que satisfaga a todo o mundo.

Marta: Ademais, aquela famosa frase tiña un corolario posterior que era “…xa é algo”. É dicir, que ese ton retranqueiro, irónico, tamén ten moito que ver con esa reformulación constante da que fala Iván. Para min non é unha frase pesimista senón que é un estado da cuestión desde o que construír algo. E iso, para min, significa que hai unha vontade e que, por outra parte, non creo que sexa só o cinema galego o que se sente que está sempre partindo de cero, senón que outros moitos cinemas pequenos están nesa dinámica. E paréceme que puntualizar esa segunda parte de “xa é algo” é un matiz moi importante tamén.

Brais: Unha necesidade de auto afirmarse que está marcada polo dominio que os outros cinemas fan sobre Galicia.

Iván: E porque no audiovisual houbo moitos cambios. A chegada da democracia (porque a famosa frase dise cando aínda estaba comezando a transición) e o modelo autonómico e de financiamento público cambiou, de feito ampliouse de cinema a audiovisual, e máis coa chegada do dixital unhas décadas despois. Despois están os diversos acontecementos: nacemento do cinema galego no 89, creación do Novo Cinema Galego como etiqueta no 2010. Continuamente son procesos de reafirmación que reafirman as películas e as xeracións, mais tamén a estrutura, porque hai cousas externas que están acontecer. O cinema galego reacciona como comunidade ante eses factores externos.

Isabel: Hai tamén unha diferencia entre ese momento e o actual. Eu penso que nos anos 70, había unha certeza sobre o que se quería facer porque todo estaba moito máis claro: desde a loita política ata a propia definición do cinema. Tamén o que os galegos querían facer dentro do cinema, que era o cinema serio: a longametraxe de ficción en 35mm, cunha produción en galego e que se fixese de forma continuada. Había unha certeza: ‘qué queremos facer’ e ‘por qué queremos loitar’. E agora é o contrario, porque o que existe é a incertidume: o soporte desaparece, os formatos desaparecen, a hibridación dos xéneros e toda a transformación dixital o que xeran é esa reformulación tamén. Existía unha certeza e agora nós estamos un pouco nunha incertidume en todos os sentidos.



Marta: E a cuestión política é moi importante. No contexto dos 70, o cinema, influído por todos os discursos deses anos, o Terceiro Cinema e todo isto, entendíase como unha arma política. Nestes momentos eu creo que hai unha, non sei se despolitización, pero si unha desmobilización do cinema, non só en Galicia. Hai como unha énfase no estético en lugar do político, do explicitamente político ou do militante. Por exemplo, na tese de Xan Gómez Viñas sobre o cinema militante dos 70 e principios dos 80, aí está clarísimo qué se quería facer. Nestes momentos, tamén é o signo dos tempos, o político explícito desaparece, entón esa certeza do camiño tamén creo que se vai diluíndo.

Isabel: Esa sociedade dos 70 era unha sociedade politizada. E todas as artes (a música, o teatro, o cinema) estaban politizadas e cun obxectivo moi claro. A xuventude, estaba moi politizada. Agora o que temos é unha sociedade desesperanzada, que xa non confía no político e que sabe que nos políticos non vai atopar a solución. Penso que o cinema reflicte esta situación.

Falabades antes do énfase na estética, credes que o que antes era o binomio cinema político-cinema comercial hoxe é cinema estético-cinema comercial?

Marta: Creo que hai que diferenciar entre o cinema comercial, que vai ás salas, e o que Thomas Elsaesser chamaba ‘cinema de festivais’, que é ter éxito, levar os filmes aos festivais, ser premiado e facer visibles as películas. Moitas veces estas películas pensadas para festivais teñen xa unha serie de códigos estéticos e éticos que funcionan ben en determinado rexistro. Evidentemente, nas salas grandes non funcionan porque non é o público para o que ese cine está destinado, mais penso que non hai tampouco esa visión de conseguir moito público senón conseguir, en primeiro lugar, atopar o teu público, e, en segundo lugar, a ratificación do teu modelo de cinema polos teus pares, por outros cineastas. Ao final, os movementos cinematográficos era o que buscaban: ser visto por moita xente pero ser recoñecido polos teus compañeiros.

Isabel: Os festivais de cinema como escaparate deses filmes que logo non chegan ás salas, e que logo serán vistas en plataformas ou no DVD, que tamén está a desaparecer. Pero non están feitas para un público maioritario.

Iván: Eu coido que non é que haxa un binomio oposto entre o estético, o político e o comercial, senón que é unha gradación e está en función do destino das películas. O que hai agora co dixital, porque agora fanse máis películas ca nunca, é unha pluralidade de público. Como o cinema xa non é hexemónico xa non hai orzamentos que precisen un retorno forte, polo que poden xogar a baza de apostar só a un circuíto de festivais e despreocupárense das estreas comerciais. Logo están as estreas comerciais en salas: aínda que é moi importante o nivel de ingresos da primeira fin de semana, cando remata o ciclo comercial hai moitos filmes que sacan máis beneficio doutras plataformas do que na sala. Pero ese fin de semana marca tendencia, e por iso considérase algo fiable. Daquela moitos creadores que non teñen un grande orzamento céntranse non en crear un beneficio no sentido de plusvalía, senón en que o filme non teña perdas e poidan facer outro anos despois: encadear proxectos. O obxectivo actual dos creadores é vivir de crear, pero non hai esta obsesión polo lucro porque os equipos son cada vez máis pequenos.

Isabel: Tradicionalmente o cinema é unha industria deficitaria, sempre vai precisar axudas públicas...

Iván: O que hai cada vez e máis produtoras pequenas e filmes pequenos. A base do ecosistema audiovisual galego non está pensando en grandes lanzamentos, grandes beneficios, grandes cifras. Está pensando en subsistencia, é unha economía de subsistencia.

Marta: As grandes películas, o cinema comercial, foron unha obsesión dos 90. Que había aí unha empresa con grande capital e con maior ambición comercial, pero nestes momentos eu non vexo que haxa ningún proxecto desas características. Tamén hai unha crise moi forte no que é a película mediana europea, que é un filme de tamaño medio, con algunha coprodución e tal, pero vese moi pouco. Cada vez hai filmes de maior orzamento que veñen de Estados Unidos e despois e cada vez hai máis películas máis pequenas nun mercado moi segmentado; e a maioría van a rematar nas plataformas, onte tampouco as visibilizan moito.

Brais: Cambiou o cinema, pero tamén o público. Quizais a pregunta é por que semella que o cinema galego non quere saír do modelo tradicional. Agora que hai tantas plataformas que fan accesible o cinema, por non se está a chegar a elas?

Marta: Esta sería unha pregunta para facerlle a distribuidores e produtores, a estratexia e as dificultades que teñen para entrar nas plataformas. Porque ademais, eu pregúntome “a que prezo pos un filme nunha plataforma?”. É mellor tela tres semanas nunha sala ou é mellor que a metan nesa especie de Burger King ou McDonald’s de plataformas, porque ao final daste conta de que os buscadors non están pensados para que ti vaias a ver filmes pequenos. Están pensados para que vexas tal serie, isto ou o outro. Entón, que é mellor? Segue sendo mellor poñelo en sala ou buscar como un nicho especial dentro destas plataformas? Eu dubido que para algún proxecto sexa algo rentable, que cho metan como cando poñen esas etiquetas de “Otras películas europeas”... pero que é isto? Non sei, eu é que o modelo Netflix e Filmin ponme cada vez máis nerviosa por como financian o cinema e como incumplen as leis europeas de financiamento, etc.

Isabel: Ao mellor precisamos de máis tempo. Este é un cambio imparable. Á hora dos cartos sempre se busca a seguridade e non o risco, por iso eu creo que aínda estamos aí á espera de ver como pode ir a cousa.

Iván: A cuestion é, agora que xa hai webseries galegas, é dicir, producións pensadas especificamente para canles dixitais, canto falta para que haxa un filme producido e pensado para plataformas de video baixo demanda. Porque danse procesos de superposición e habería que ver as cifras falando cos responsables correspondentes. Dhogs estivo en Filmin en outubro e á vez volveu ás salas, a pesar de que a estrea de Dhogs primeiro fora en circuíto de festivais, chegou ás salas en maio e estréase en Filmin en outubro pero aínda aparece nas salas.

Marta: E foi o filme máis visto en Filmin en outubro.

Iván: Si, pero cal foi a cifra de salas que conseguira tanto na reaparición en outubro... é dicir, por que deciden repoñela en outubro e que tal lles fora en maio? É dicir, Dhogs é un produto que ten os tres tipos de experiencia: cinema de festival, de sala e de plataforma. Na economía do produto, que aprenderon os seus creadores de cara as seguintes?

Marta: Eu supoño, por un encontro que tivemos con Andres Goteira na facultade, que están aprendendo sobre a marcha. E é algo que o ves con moitos filmes, que a xente aprende sobre a marcha, sobre todo a cuestión da produción. Non sei se coñecedes o libro de Pau Subirós “El productor accidental”; Subirós é o produtor de La Plaga de Neus Ballús, a súa parella, el non queria producir o filme, e conta no libro toda a súa experiencia do proceso de produción. E é moi útil ler o libro porque ves o grao de improvisación que tes cando fas a túa primeira película. Que ademais, nesta conversa, estamos a falar dun montón de filmes e de autores que teñen unha primeira película e curtas, pero non teñen unha segunda, ou terceira película. Enton, todas as dificultades eu creo que son ensaio-erro porque é moi difícil facer que o filme chegue ao público. Si, fas o filme, consegues cartos, pero conseguir que se vexa.

Isabel: E falamos de difusión, coas posibilidade que hoxe temos e non chega.

Marta: E despois a crítica. Eu creo que os medios convencionais están descoidando o seu papel como difusores do cinema galego. É dicir, debería haber unha maior atención ao que se está facendo no sentido de que haxa crítica real e non reseñas, pero iso xa sería un tema que non só afecta ao cinema galego. E hai aí unhas patas que fallan e que deberían revisar un pouco esa cuestión. É un tema, o da crítica, que me preocupa, porque ao final é outra forma de achegar a un público un cinema determinado. E eu vexo escaseza. Ás veces ves un especial ou así, pero non hai unha constancia.



Brais: Non sei se Iván, que tamén exerce de crítico de cinema quere engadir algo a este respecto.

Iván: É a lóxica na que se colocan ese tipo de pezas. Os grupos de comunicación, as empresa de comunicación establecidas no país, tratan ao cinema galego dentro da rúbrica, da lóxica, das axendas. Isto existe.

Marta: Como acontecementos.

Iván: Como acontecementos, como algo que se dá información de que hai este filme e danse datos, non necesariamente se conta o argumento. O tipo de información que se produce é un tipo de información de datos, unha información enunciativa. Pero en realidade non só é para o audiovisual galego, é porque os espazos de critica foron minguando ou desaparecendo de calquera outro tipo de manifestación cultural no que sería o xornalismo producido por corporacións mediáticas con base, arraigo e persoal... é dicir, aquelas que máis poderían facer este traballo non o fan. O que si que hai son espazos dixitais onde xente, de forma máis desconectada entre si, a pesar de que todos teñan as súas redes e todos sexan amigos de todos; hai como unha mestura de moitas voces que saen da contorna dixital, pero saen sen sistematicidade e sen programas: saen cando a xente, por tempo, voluntariamente pode e saen cando teñen un interese, cando teñen algo que dicir. Pero moitas veces é que tamén hai unha endogamia, e é que quen fala neses espazos son persoas achegadas aos creadores ou os propios creadores ás veces. Entón hai como unha desconexión e endogamia ao mesmo tempo. Desconexión de que haxa unha práctica da crítica sistemática e programática, e endogamia, de que quen fai ese tipo de discursos, porque pode haber boas críticas, normalmente están moi achegados ao mundo do que está a falar. Iso é o que eu vexo desde dentro.

Brais: Esa endogamia que ti citas é un signo case dos cinemas pequenos.

Marta: Ti pensa na Nouvelle Vague. É dicir, ao final o aparato crítico, teórico e artístico acaba confluíndo moito. E é lóxico. Sobre todo cando un movemento está pensado como algo máis que facer unhas simples películas. Por exemplo, no Novo Cinema Galego, Acto de Primavera foi unha ferramenta...

Iván: Unha ferramenta que tiña esa función de dar as bases, para os lectores do blog e os espectadores dos filmes, que podían contextualizar os textos audiovisuais. Antes de que existise a web novocinemagalego.info, Acto de Primavera tiña como esa dimensión de promotor interno, pero non só de reseñas ou publicidade, senón de reflexión a partir deses materiais.

Brais: Cales son, ou eran, os signos que nos permiten falar dun cinema galego?

[pausa]Isabel: Esa é complicada, eu non a tiña moi preparada.[risas]

Iván: Eu diría que o que hai sobre todo é unha vontade de facer cinema en Galicia cos materiais, temas, inquedanzas presentes. E iso reprodúcese en cada xeración, pero o que acontece é que non hai continuidade entre xeracións porque ningunha xeración consegue consolidar a súa práctica nin o seu modelo. Cinegalicia foi un acontecemento que pretendía falar de que iso era algo inédito que nunca pasara; algunhas cousas si que eran a primeira vez que pasaban, e outras había precedentes.

En Cinegalicia tiñas a Xavier Villaverde en Continental imaxinando que rodaba ou Blade Runner ou Mala Sangre en Galicia e con estrelas do sector audiovisual de todo o estado e de fóra. Logo tiñas a Chano Piñeiro tentando facer un cinema nacional popular, entroncado un pouco coas lóxicas e cos discursos que había na literatura galega, pero facendo un paralelo audiovisual e ligado a súa propia experiencia. As dúas películas podíanse fusionar, os dous creadores eran moi diferentes por procedencia persoal e por inquedanzas estéticas, pero podían aliarse para falar da vontade de facer cinema aquí. E no Novo Cinema Galego hai a mesma vontade, o que pasa é que cambian os modelos estéticos e o momento histórico no que se fan ese filmes e como se presentan ante o público. Pero os manifestos fundacionais do Novo Cinema Galego veñen a reivindicar o que se reivindicaba en Cinegalicia e o que se reivindicaba nas primeiras Xornadas de Cinema Galego de Ourense dos 70.

Isabel: Era un pouco a consecución desa necesidade de facer as películas de ficción, longametraxe... E non queda aí, non? A min preocúpame cando falamos de identidade o tema de que o cinema galego ten que chegar ao público galego. Non podemos falar de identidade e dicir “este é o cinema dos galegos” e que os galegos non o coñezan, pero que o coñezan en Finlandia. A min iso moléstame moito. Pero non sei como poderiamos solucionar ese problema.

Marta: E logo está tamén, respecto a qué constitúe o cinema galego, está a cuestión lingüística. En Cinegalicia era moi claro, eran as primeiras longametraxes en galego, e nestes momentos este debate non está sobre a mesa. Haino...

Iván: Na práctica. Nas escollas dos propios cineastas de como fan o seu proxecto.

Marta: Exacto. Hai xente que si que opta pola lingua e outra é algo como accesorio. Porén, nos 70 e nos 80 a cuestión lingüística era fundamental.

Isabel: Era política. Ese esforzo porque Sempre Xonxa fose vista en todos os cinemas de Galicia, un pouco para que os galegos coñecesen ese cinema. Agora ese cinema está alonxado dos galegos, penso eu.

Marta: Si, o nacional popular está, nestes momentos... que? Porque si que hai un cinema de festival, un cinema cun valor e cun capital inmenso pero é o que di Isabel: os galegos non o coñecen.

Isabel: Os galegos están máis preto da televisión galega, das nosas series, que do cinema galego.

Iván: Pero porque o propio cinema dentro do audiovisual foi perdendo espectadores e perdendo peso de negocio. Para crear un sector e crear postos de traballo para que a xente viva disto, hai máis negocio arredor da televisión que buscando un retorno a través das salas de cinema.

Isabel: a produción de televisión é continua.

Marta: Pero a propia Televisión de Galicia implícase na produción de longametraxes,  non? Entón, cando a Televisión de Galicia entra como financiadora ou produtora ou merca os dereitos de exhibición dun filme, realmente chega o que fan? É dicir, poñela o 17 de maio...

Isabel: Ou a altas horas da madrugada.

Marta: Claro. Porque é que eu digo que están partindo dunha estratexia un pouco complexa. Estás a pagar por algo, estas a poñer esforzo, persoal... e despois non rentabilizas na ´túa propia pantalla? Iso Mediaset, por exemplo, métese en algo e é un bombardeo total.

Iván: Igual que Atresmedia. De feito fan produtos derivados: fan o filme, e logo fan a serie co concepto da película no caso de que o filme funcionase.

Brais: Son fórmulas que funcionan sobre todo pola promoción que se vai, desde as propias canles, deses produtos. Isto é algo que a Televisión de Galicia non fai.

Isabel: Hai que crer un pouco máis, eu penso que non se cre no produto: que non vai chegar, que non lles vai gustar...

Marta: Ti pensa que a televisión ademais ten que cumprir unha lei que é invertir, para as públicas era un 6%, non?

Isabel: Si.

Marta: O 6% dos beneficios do ano anterior, e xa está. Ti cumples coa lei e iso é o que fas. Pero se penso nas estratexias de Mediaset, pensas nos filmes de J.Bayona, que despois tampouco teñen tan boa taquilla, pero que desde logo desde a cadea dáselles un valor inmenso e pelexan porque a xente vai ao cinema e despois estréase ben estreada. Isto a Televisión de Galicia non o fai.

Iván: É dicir, non está copiando as boas prácticas do sector privado e quédase na lóxica da xestión de cumplir a lei e... 

Marta: E xa está. Por exemplo, o cinema dobrado todo, o subtitulado, de madrugada os sábados e apélase a un baixo nivel de audiencia porque non compensa. É o conto da pescada que morde o rabo, se ti o pos a esa hora é moi difícil que a xente o vexa. O domingo á tarde, repetición de Luar. [risas]



Brais: Pero Luar é un formato que funciona incluso das repeticións.

Marta: Si, é alucinante a audiencia que ten incluso na repetición. Pero, é que as televisións son responsables do financiamento cinematográfico do país en moi boa medida. Entón, fai falta que tamén o fagan na exhibición e promoción do cinema galego.

Iván: Fai falla que poñan as curtas do Novo Cinema Galego en Luar.[risas]

Marta: Que os cineastas vaian a Luar. Imaxinades a Oliver Laxe con Gayoso?

Iván: Levaríanse ben, sen dúbida.

Marta: Eu creo que sería algo marabilloso.

Brais: Programas como Onda Curta, por exemplo, si que visibilizaron ao cinema galego.

Marta: Si que Onda Curta foi algo bo para o cinema galego, sobre todo para visibilizan o que é o máis difícil de ver, que son as curtas, as óperas primas. Eu creo que aos cineastas tenlles que valer moito que se poida ver pola televisión. E que máis se pode facer? Pois é que e moi complicado.

Iván: Creo que hai unha confusión que é que cando falamos de política sempre pensamos nunha actuación activa, pero política tamén é a decisión de non facer cousas. Eu creo que si que hai unha decisión de non facer cousas, consciente e voluntaria desde as entidades autonómicas no ente da televisión e doutros programas, e logo a xustificación que se dá é que non hai suficiente demanda, non hai mercado. Empréganse xustificacións económicas para ocultar decisións políticas de omisión, de falta de apoios, falta de compromisos e falta de iniciativa porque quizais non interesa tomar esas iniciativas. Non hai unha vontade activa, sistemática, militante, de identificar Galicia como polo de creación cultural.

Brais: Desde os primeiros debates arredor da industria nos anos 70, o panorama cambiou moito. Agora hai profesionais, hai obras, pero hai realmente unha industria audiovisual ou unha industria do cinema?

Iván: Hai unha industria audiovisual? Si, pequena, subsidaria incluso, que traballa máis non con proxectos propios senón con produtos alleos. Pero, respecto a hai 40 anos, polo menos hai centro de formación e hai pequenas compañías de produción que ofrecen servizos. Así que polo menos hai algo máis. Non hai o ideal, nin ten o tamaño nin ten o volume de produción ideal, pero existe unha mínima peza sobre a que seguir medrando ou falando ou traballando.

Marta: Aí a distinción audiovisual – cinematográfico, que é moi importante. Neste momento estase a traballar moitísimo máis para as series de televisión, que son series que se venden en España, que para cine en si mesmo. Pero unha vez máis, o cinema perdeu un montón de relevancia dentro do discurso e da importancia que tiña como consumo de lecer.

Iván: É que imos a un modelo, anticipándonos ás tendencias desta década, a un modelo ao que as mesmas compañías produtoras que exhiben as series e as películas o que poden distinguir é o tipo de produto e o tipo de orzamento que custa este produto. Pero se Netflix ou Movistar+ van a producir series de 6 ou 8 episodios ou filmes de 2 ou 3 horas, ao final a canle de distribución vai a ser a través de vídeo baixo demanda na túa casa. Entón, hai distintos formatos pero vai a ser o mesmo modelo de negocio. Non sei como vai a afectar isto a Galicia en dez anos, pero vexo que o cinema e o audiovisual estanse movendo cara este tipo de produtos: a distinción televisión – sala de cinema é cada vez máis irrelevante, pensando en volume de negocio e formas de crear, porque o que antes só se podía facer no cinema agora quizais o lugar onde vas a conseguir máis público é no vídeo baixo demanda para os dous tipos de produtos: series de 10 horas en distintos capítulos ou filmes de dúas horas nun único bloque.

Marta: Eu creo que si que hai unha industria, que si é pequena, e hai empresas que, algunhas fan proxectos de forma máis puntual, outras de forma máis continuada, pero que a pelexa é facer a segunda película, facer a segunda serie de televisión: meter a cabeza en distintas cousas para poder sobrevivir. Moitas das empresas do audiovisual galego son unipersoais moitas delas, isto é destacable ao mellor para unha industria distinta, pero hai que estar traballando un pouco co que hai. E de novo, insisto, un axente importante é a Televisión de Galicia, as televisións do Estado, e proxectos de cinema que hai que contar coa administracións públicas tamén. Este é outro dos elementos da industria que si que existe a diferencia dos anos 70, agora hai unhas políticas, mellores ou peores, cun sistema de axudas, mellores ou peores, pero que si que hai unha continuidade desde o ano 2000, poderiamos dicir, desde a Lei do Audiovisual. Con saltos, altibaixos, pero si hai unha liña, eu creo que isto é moi importante para un cinema pequeno, que haxa unhas políticas.

Isabel: As políticas e as axudas foron creando esa pequena industria audiovisual galega que, se a comparamos co resto de España tampouco está tan mal. Porque é unha comunidade tradicionalmente illada, tradicionalmente rural e agora está un pouco competindo cos centros de produción que xa existían nos anos 20: Madrid, Cataluña, Valencia. Eu penso que non está tan mal. A atomización das produtoras sempre existiu en España, eu creo que non é unha cuestión de Comunidades Autónomas neste momento, sempre foi así, sempre houbo grandes e pequenos. Pero tamén é interesante porque adoitan ser as produtoras pequenas as que levan eses produtos un pouco singulares ou distintos e loitan por eles; e logo, coa axuda das grandes, pois pódenos levar a cabo. Eu non penso que isto sexa malo.



Brais: Unha das críticas que sempre se fai, non só ao cinema galego, tamén ao español, é ese clixé de que é un cinema subvencionado. Cal credes vós que é o defecto que pode ter o modelo de industria actual? É realmente un modelo de cinema subvencionado, ten que ser así, ou é outro o defecto?

Marta: Oxalá entrase capital privado e non houbera...

Brais: Houbo ese momento de furor das caixas hai uns anos... 

[risas]
Marta: E mira o que dura! Oxalá houbese un sistema no que convivisen os dous modelos.

Isabel: Claro, unha financiación mixta ou un modelo mixto.

Marta: É que o financiamento privado nestes momentos é moi complicado. As propias empresas, ao ser pequenas, tamén teñen un poder de produción moi limitado. E as axudas non son só axudas directas de que che dan cartos, senón que haxa políticas e formas de que ti poidas producir e eles che poidan axudar a dar visibilidade con programas como Films From Galicia. As grandes cinematografías europeas son absolutamente dependentes da subvención: a británica, a francesa... A francesa depende e funciona moi ben; nos anos bos ves que ten un 47% de cota de pantalla. Iso non é por chauvinismo, por andas coas bandeiriñas, senón porque hai unha política que conecta co público. É o que dicía antes Isabel, facemos cinema e non nos ven os galegos? En fin, para min o sistema de axudas ten que existir, é necesario e benvido sexa.

Iván: O sistema de axudas é o que permite non entrar nas lóxicas neocoloniais, estou pensando nos sistemas audiovisuais latinoamericanos. Son moi potentes e hai un pacto de reparto de mercado entre o que se considera cinema (longametraxe, sala comercial), normalmente é norteamericano ou adaptando os patróns da industria estadounidense, e o que era a televisión ficaba en mans das compañías locais de produción. Isto pasa en México, en Colombia, en Brasil, en Arxentina... En Latinoamérica tes sectores audiovisuais, orientados á televisión, moi poderosos, moi dinámicos, con boas cifras de negocio, pero que renuncian ao cinema por acordos dos seus gobernos que non fan políticas de subvención. É unha lóxica neocolonial porque é a lóxica de os imperios do século XVIII, o Imperio Británico na India que se encarga da política exterior, defensa e comercio de deixa aos maharajás da India o control interno dos seus territorios. Entón tamén é a lóxica de, o consumo doméstico de representacións idiosincráticas na televisión, menor orzamento, industria local; e produtos de maior orzamento, maior visibilidade, industria norteamericana ou modelo de mercado. Fronte a isto, Europa, como continente ou como conxunto, coas políticas audiovisuais da Unión Europea, aposta por financiar con cartos públicos outro modelo de cinema para contrapoñer a esta lóxica audiovisual neocolonial. Nuns países funciona mellor e noutros peor, dependendo do volume de produción, do tamaño do pais e do tamaño do mercado, e dependendo tamén de que esa aposta pública sexa máis militante ou menos.



En Galicia temos ese risco, dedicarnos só a facer produtos de televisión, ou produtos de autoconsumo de proximidade. Podería dar beneficios desde o punto de vista económico, agora mesmo dá máis beneficios que o cinema, pero por iso eu considero que os cartos públicos teñen que servir para fomentar a pluralidade, heteroxeneidade de produtos e representacións. Se agardamos a que o mercado invista porque é rendíbel o que imos a ter é unha sobrerrepresentación de determinados produtos, unha infrarrepresentacion de determinados sectores ou produtos ou opcións estéticas. Canto máis rico sexa o panorama audiovisual, mellor, e se para iso temos que empregar os cartos públicos, ben empregados están. Outra cousa é, como di Marta, outro tipo de programas, non de axuda directa, e comprobar que eses programas funcionan e que se manteñan a medio longo prazo para que os cineastas poidan traballar cun horizonte amplo, porque un filme non se fai para unha convocatoria. Que os programas poidan acompañarse e alongarse no tempo para un filme e os seguintes, para non ter un modelo de produción de xente de 20-30 anos con moito tempo que fan un filme con baixo orzamento e nunca máis volven traballar.

Marta: Si, é que a idea non é a mera subsistencia, o que falabas antes de facer a seguinte película. A xente ten que vivir diso, e iso é unha industria: que haxa distintas profesións nun sector tan complexo como o audiovisual con profesións tan diferentes. Eu penso que os máis grandes e os máis pequenos. Que todo o mundo, faga algo máis independente ou máis comercial, que todos poidan vivir do seu traballo.

Isabel: Esa axuda que ten que dar a televisión autonómica que se vexa reflexada en emisións e nesa difusión que dis ti.

Marta: Claro. Que todo o que é o sistema público contribúa a que se fagan cousas pero tamén a que sexan visibles. Por exemplo, as grandes majors americanas gastan tantos cartos en facer filmes como en promocionalos.

Iván: Máis, gastan máis.

Marta: Probablemente máis, si, nestas películas de superheroes.

Isabel: E vemos que iso funciona, o que dicides de Atresmedia e iso...

Iván: Disto era consciente a xeración de Pancho Casal que dicía isto mesmo nos anos 90, nunha entrevista ou mesa redonda publicada en non lembro que bibliografía, e dicía que non servía de nada ter moitos cartos para produción se despois non tes cartos para marketing. Polo tanto, se o teu filme se estrea, ninguén o coñece e fracasa.

Marta: Ignacio Vilar, por exemplo, sempre ten estratexias novidosas. “Que fago coas miñas películas? Póñoas nos institutos? Fago que os rapaces queiran velas”, e despois isto dos buses, todo o que fixo con A Esmorga, que xa de por si era unha adaptación apetecible porque é un clásico. Pero a promoción foi moi intelixente. Ves que a xente normal, a que non se dedica a isto como nós, que estamos vivindo completamente da endogamia, e isto hai que dicilo así claramente, a xente sabía de A Esmorga, por que? Porque estaba nos buses e nas marquesiñas. Eu ademais vexo que a xente non se pecha a ver ese cinema. E aí Cinegalicia ensinounos esa lección: a xente quería ver cinema galego. Se aprendes a vender o propio, acaba por funcionar, pero hai que empregar cartos, estratexia e ter vontade. Para min a gran lección de Cinegalicia foi esa: que a xente estaba realmente ávida. Eu lembro as colas que había no Cine Fraga de Vigo.

Iván: Por iso eu digo que Cinegalicia é máis relevante como acontecemento, polos debates e historiografía que xerou, máis que a existencia en si mesmas desas tres películas dentro do corpus do cinema galego. Transcendeu porque conseguiu crear unha conexión entre creadores e espectadores.

Brais: Se hai uns anos os ‘outsiders’ eran os pertencentes ao Novo Cinema Galego, quen son hoxe os ‘outsiders’?

Marta: Eu con isto teño un problema: a aceleración terrible na que vivimos non deixa pensar. Unha xeración literaria son 15 anos; estamos 8 e xa todo dios preocupado porque vai pasar...

Iván: A morte do Novo Cinema Galego.

Marta: Morre o cinema, morreu a historia. Unha aceleración que non permite que ti poidas ver como funcionan os procesos.

Iván: Cando Oliver Laxe aínda non fixo o seu terceiro filme. É moi raro que unha persoa poida facer un filme cada ano de forma sistemática sen traballar cun equipo grande e sen delegar funcións. Hai proxectos grandes e pequenos, pero proxectos grandes é difícil en menos de dous ou tres anos completalos. Entón, aínda están por chegar as segundas e terceiras películas do Novo Cinema Galego. O lóxico é que aos ‘outsiders’ hoxe non os coñezamos, porque teñen aínda que completar o seu camiño propio. E logo está tamén a cuestión das xeracións superpostas. Hai xente máis nova que o núcleo do Novo Cinema Galego, que xa comeza a ser coñecida, pero que tampouco ten que definirse como ‘outsider’ nin como nova xeración. E logo, por enriba do Novo Cinema Galego, tamén hai xente que sigue traballando como e cando pode en paralelo. O que hai é como ciclos, e ás veces hai momentos que, desde o punto de vista da comunicación-historiográficos, se poden marcar como relevantes. Hai cinema galego antes do NCG e hai cinema galego posterior ao NCG.

Marta: E paralelo. Hai un cinema máis comercial tamén, de tamaño medio, que non desapareceu. Que está aí. E despois do NCG, iso, hai que deixar as cousas leven o seu tempo porque trabállase con moita precariedade. É dicir, esa é a realidade. Ti pensas na Nouvelle Vague e facían moitas máis películas, creo, pero os filmes tamén eran, polas circunstancias, creo, máis doado facelas.

Iván: Había máis público e traballaban desde un centro de produción que era París.

Marta: Claro, é iso. Aquí estamos falando de que non hai empresas, non hai empresas grandes nin empresas que vaian a apostar por eles. Ti vas a contarlles un argumento así e dinche “non”. Ademais, a diferencia entre o cinema comercial e este tipo de cinema tamén ten moito que ver co narrativo, que nos conten unha historieta con inicio-nó-desenlace e un cinema máis complexo. E xente nova, pois mira, eu o outro día vin unhas pezas do Chanfaina Lab de Lara e Noa Castro e teñen 19 anos e están facendo cousas moi interesantes; Anxos Fazáns e a súa primeira longametraxe... Imos ver que hai aí. Pero esa xeración do NCG non desapareceu aínda.



Brais: Esa aceleración da que falades conecta coa autorreivindicación da que falabamos ao inicio.

Iván: Porque se pensa en termos de marca. O NCG como marca funcionou moi ben, á marxe de ter creadores e filmes que tiñan relevancia en si mesmas. Entón, quérese reproducir o modelo. Cinegalicia funcionou moi ben como marca tamén. Son modelos de éxito pero que teñas éxito en determinadas circunstancia non quere dicir que sexan os únicos modelos de éxito. Podes ter éxito co teu propio modelo e sen entrar a competir se es NCG ou non.

Isabel: Eu creo que tamén podemos caer nas modas: “porque isto ten éxito e porque recibe unha subvención vou facer este tipo de cinema”. Eu creo que estas obras hai que sentilas. Pódese caer nese problema.

Marta: A min pasoume unha vez nunha aula que me dixeron: “E que estamos un pouco fartos do cinema galego no que só saen vacas”. Identificábano como un cinema rural e eles querían facer outra cousa, e agardo que a fagan. Hai xente aí que ten outras perspectivas e que quere facer outras cousas.

Iván: Coido que é moi difícil facer unha rede de visiblización e colaboración. O NCG creou unha rede distinta das que había, pero non substituíu nin transformou as que había: sumou. Entón, a xente ‘outsider’ ou xente nova, non se creou unha rede a maiores, e a xente que está a traballar a tendencia natural é intentar integrarse nas redes que existen para poder ter visibilidade. Porque é moi difícil desde cero, sen ningún tipo de coñecemento do medio, que as túas películas poida transcender.

Brais: Cal é a vosa percepción de como se contou a historia do cinema galego? Botades algo en falta? Nesta conversa poderían estar nomes importantes na historiografía como Folgar de la Calle, Nogueira, Hueso...

Marta: Eles puxeron as bases dunha historiografía. Pero o aparato crítico aínda ten moi por facer. No que é a historia do cinema galego si que se fan cousas e hai un traballo feito desde hai décadas. Pero o aparato crítico aínda está dando pasos que son necesarios. Todos os que estamos aquí publicamos de vez en cando, con maior ou menor dificultade, normalmente grande [ri], despois nos cómputos estes académicos o que fagas en galego e sobre Galicia impórtalle tres pitos a todo o mundo pero hai unha produción, máis ou menos constante, que está pouco divulgada. Está agora esa páxina de novocinemagalego.info que compila traballos e que é moi útil para ver o que se está a facer. Eu creo que hai unha produción que non decrece pero que é descontinua como a historia do cinema galego. Se estamos ligando momentos teóricos-críticos con producións, entón temos picos onde se traballa máis: Cinegalicia de novo, e agora o Novo Cinema Galego. 

Iván: Coincido con Marta en que esa historiografía vai da man cos debates na produción e da propia existencia de obras e practicas. Si que hai bastantes persoas que traballan, traballamos, sobre crítica e historiografía sobre cinema en Galicia, pero , quizais de forma sistemática ao longo de décadas, xa empezan a ser menos persoas e esas persoas estaban adscritas a determinada liña de traballo académica. Está máis desenvolvida a parte de historiografía, sobre todo económica, de existencia de obras, de documentar que se fixo tal filme e tivo este percorrido. Si que hai historiografía do cinema, pero o que aínda non se desenvolveu completamente foron outro tipo de abordaxes de toda a tradición do cinema galego, anterior a Cinegalicia e á marxe do Novo Cinema Galego.. Aí é onde pode haber máis pluralidade de metodoloxías e perspectiva de análise. Porque é un cinema que aparece no 2010, que xa está dentro do panorama dixital, e si que moitos investigadores posteriores á xeración dos fundadores da historiografía do cinema galego empezan a traballar con pezas do NCG e incorporan novas perspectivas, metodoloxías. Isto é enriquecedor para o movemento pero eu coido que falta ampliar toda esta historia do NCG, que se está a facer aínda agora, outro tipo de perspectivas de traballo e análise.



Noto, por exemplo, que hai como unha permutación: primeiro falábase da historiografía desde o punto de vista da economía, pensando nas obras e nos creadores, e agora fálase máis das prácticas, e coido que falta falar máis das liñaxes estilísticas. Porque para explicar o cine dos 2000, Dani de la Torre ou Andrés Goteira, recorremos aos seus referentes internacionais, a Michael Mann ou aos irmáns Coen, pero non acudimos a Xavier Vilaverde que facía exactamente o mesmo 20 anos antes, e no caso de Continental co mesmo referente que Dhogs que son os Coen. Pensamos na conexión de Goteira cos Coen, pero non con Vilaverde. Que non teñen que ser ligazóns explícitas dos creadores, pero si que esa mesma lóxica dun cineasta que, dentro da posmodernidade, consume cinema mundial e ten os seus gustos e os seus referentes e os quere traer á práctica. Noto a ausencia da análise de formas que interconecte películas galegas entre si. Parece que cada ciclo de filmes e autores galegos son illados, e así tamén temos esta sensación de que todo está volvendo a comezar pero porque a historiografía non fixo ligazóns internas interxeracionais ou o estase a facer agora. Eu creo que isto é o que se pode facer nos próximos anos.

Marta: O problema que hai é que hai moitos materiais que están perdidos e outros que os seus propios creadores non permiten acceder a eles. Iso é un problema, porque poderiamos falar de moitas cousas que a xente está como cos dentes longos, sobre todo dos 70, e non podemos acceder a eses materiais.

Isabel: Temos, por exemplo, todo o que é o arquivo do Centro Territorial de TVE, no que eu traballei, todo ese material dos 70, 80, todos ese programas de produción propia (O mar, O agro, A muller...), todo o interesante que pode ser analizar iso. E como está iso?

Marta:“Como está iso?” Esa é unha grande pregunta. E despois o cinema. Todo o cinema militante está nunhas poucas mans, e non se pode ver. Pero concordo contigo Iván, preséntase todo como algo moi episódico que, en termos de produción é así, pero igual hai correntes que enfían todos os temas e que non se está atendendo moito a elas. Ese é un paso, poñer a dialogar os filmes, que é interesante.

Brais: De cara a como se debería contar no futuro esta historia, credes que se está atendendo de forma apropiada aos novos formatos?

Iván: Non hai axendas comúns entre investigadores, entón cada un investiga seguindo as súas filias, por iso creo que non se está atendendo aos novos formatos de forma axeitada. Pero por descoñecemento dos investigadores que están traballando agora mesmo no eido audiovisual. Os proxectos de investigación duran 3-4 anos, e pode xurdir un que aproveite que non hai abondo traballo feito sobre webseries ou youtubers, porque esas prácticas existen, entón calquera momento é bo para facer investigación e analizar esas prácticas.

Marta: Eu creo ademais que empezará a haber cousas máis cedo que tarde. Tamén hai unha parte interesante do audiovisual que é a do videoxogo. Aquí están empezando a saír cousas, desde o punto de vista da narración e do estilo, interesantes. O outro día había unha nova que falaba dun videoxogo que...

Iván: O do camiño de Santiago? Si, é unha empresa de Coruña que está buscando financiamento.

Marta: Si, pero xa o presentaron nun par de festivais e xerou moi boa impresión. E creo que no mundo académico todo iso que non sexan os medios canónicos apartámolo cunha ledicia bastante...

Iván: Pero esa tendencia pódese reverter cando haxa alguén con interese, con perspectiva e con vontade que traballe nesa liña. Eu lémbrome de estar nunha estadía de investigación vendo un filme de Ross McElwee e ter ao carón a un compañeiro xogando a non sei que videoxogo, pero ao mesmo nivel. Iso tarda máis en chegar aquí, pero eu supoño que vai chegar. Quen o vai facer? Cando? Iso non o sei. Pero non é tan difícil facelo, pero depende da vontade e da dispoñibilidade de alguén para facelo.