No 1989, ano no que se estrearon as 3 películas fundacionais da ficción galega contemporáneo, a maioría dos nosos protagonistas aínda non naceran. Nos 90 case todos merendaban diante da TVG vendo o Xabarín Club. Nos 2000 empezaron a formarse naquilo que máis lles gustaba. A súa é a primeira xeración que puido estudar comunicación audiovisual en Galicia, e moitos deles fixérono. Tamén é a xeración que saltou ao baleiro laboral cando a crise económica e que non coñece outra cousa que a precariedade. A pesar dela ou precisamente por ela, porque non teñen moito que perder, eles loitan por facer o que lles gusta e por poñer en marcha os seus propios proxectos, sen esperar a que os chamen ou ter que pedirlle permiso a ninguén.
Textos: María Yáñez
Fotos: Tamara de la Fuente
Son a fornada que que fai vello o Novo Cinema Galego e que ten en Óliver Laxe ou Ángel Santos, e nas vangardas internacionais, moitas das súas referencias. O seu acceso á cultura audiovisual global non ten límites, e iso fainos buscar o seu lugar no mundo, que en moitas ocasións xa pasa por crear en galego sen complexos. Aproveitan as ferramentas que atopan en internet para aprender, crear e mostrar o seu talento, mesturando xéneros, influencias, linguaxes e formatos. A duras penas viven do seu traballo pero cren no que fan e, como di o anuncio, son teimudos: queren facelo en Galicia. A maioría deles descarta emigrar, pero saben que teñen moitas compañeiras e compañeiros fóra. De feito, nesta reportaxe falta moita xente. Cadrounos xuntar estes 14 para a foto pero poderían ser 27, 52, quizais centos de novas voces das que aínda non escoitamos falar, que están iniciando as súas creacións nalgunha cidade europea ou nalgunha aldea ourensá. Hai toda unha xeración aí petando nas portas do audiovisual galego. Imos coñecela.
Citámolos na Coruña nunha húmida mañá de decembro para a sesión fotográfica. Veñen de Santiago, Vigo, Lugo, Pontevedra, Ourense, Burela, Sada, Meira.. algúns están vivindo en Madrid e puideron escapar aproveitando a ponte. Outros viven coas súas familias. Os máis, están independizados fisicamente pero precisan “subvención” da casa para poder manterse apostando polos seus proxectos persoais mentres seguen a buscar a vida traballando na industria audiovisual, ou noutras cousas. Hai quen aspira a traballar de docente para poder vivir do que lle gusta ensinándollelo a outros, e tamén hai algún director de cine que polas mañás se dedica a vender electrodomésticos. Neste sentido tampouco se diferencian das xeracións anteriores que loitaban por sacar adiante os seus proxectos mentres gañaban a vida como podían. Ninguén que se dedique a isto aspirou nunca a ter un traballo fixo.
Temos cineastas e realizadoras pero tamén xente que se dedica á produción, o son, a interpretación, a música, a animación, a crítica de cine ou a comunicación en festivais. Iso si, evitan poñer etiquetas, porque cada vez é máis difícil definirse profesionalmente nun mundo que, por un lado, obrígaos a ser versátiles e a asumir distintas tarefas para tentar vivir disto, pero que ao tempo tampouco os limita, porque os traballos no audiovisual xa non son compartimentos estanco, tenden a hibridarse con outras artes como a música, a fotografía ou a escrita poética.
"Somos os Gutis do audiovisual galego, as eternas promesas."
— Todo o grupo, entre risas.
Faino ti mesmo ou, mellor, con outros tan tolos coma ti.
Cada ano hai máis xente nova facendo creación audiovisual, isto é un feito. Nunca antes estiveron tan accesibles as cámaras e as ferramentas de edición, nin as plataformas de publicación. Nunca antes houbo tanta oferta formativa, entre graos en comunicación audiovisual, ou formación profesional en imaxe e son. Cada ano máis de cen persoas finalizan os seus estudios neste campo. Mais, á hora de profesionalizarse, quizais sexan demasiados para a pouca industria que hai. «A maioría das persoas que estudaron comigo Comunicación Audiovisual non se dedican ao audiovisual en Galicia, e non porque eles non queiran traballar no sector senón porque non hai opcións para nós», explica a realizadora Mar Catarina, «por iso, cústame entender que en Galicia existan tres universidades públicas que ofertan este grao. Penso que non se corresponde coa realidade económica e política. Un exemplo é a TVG, onde todos os anos se ofertan contratos en formación para técnicos superiores en imaxe e son e xornalistas pero nunca para graduados en Comunicación Audiovisual».
Ante este panorama, a maneira de acadar experiencia é botarse directamente a contar as súas historias. Jorge Boquete púxose detrás da cámara cando estaba en 4º de carreira para facer a webserie “Conversas con Cunqueiro” e xa non a soltou. Non foi así co grao, que non chegou a rematar. Desde entón é director de series como “El método sueco” ou “Peter Brandon”, produtos do colectivo audiovisual Porco Bravú, que creou co guionista Óscar Cruz e o produtor Javi Lopa, como tamén a Curta “El comediante”.. Anxos Fazáns tamén comezou cunha webserie, “Fame”, como proxecto na facultade de CAV de Pontevedra, e ao rematar, ela si, o grao, puido desprazarse a Barcelona para facer o master en dirección de cine da ESCAC. Agora está a presentar en festivais a longametraxe “A estación violenta”, producida por Matriuska Films. O burelés Adrián Canoura estudou Imaxe e Son na Fundación TIC de Lugo e agora cursa o Master en Creación Audiovisual Contemporánea da escola LAV en Madrid, e o seu nome empeza a percorrer festivais como cineasta experimental. Os dous están tamén moi unidos á música, Anxos co seu grupo punk Contenedor de mierda e Adrián sendo a metade do dúo de música electrónica Nistra.
O director Andrés Goteira tamén ten estudos superiores, pero lonxe do cine: é enxeñeiro de telecomunicacións. O cómo acabou dirixindo “Dhogs”, o filme que se presentou este ano no Bafici e no festival de Sitges, é a historia de catro amigos xogando e facendo curtas desde pequenos polas rúas de Meira (Lugo), a súa vila, onde acabaron creando a produtora Gaita Filmes. Un deles é Suso López Paz, un enxeñeiro industrial que empezou de actor nas curtas e acabou asumindo o rol de produtor. «De produción audiovisual só fixen un curso online, houbo un momento hai un par de anos que me sabía mal non ter algo estudiado sobre o que quería dedicarme», comenta Suso, que traballa nunha empresa de exportación de castañas cando non produce a película máis sorprendente do cinema galego recente. Na que, por certo, tamén sae como actor.
«Admiro moito a Suso» di outra nova produtora, Silvia Fuentes. «Comezou a película sabendo cero sobre a produción de cine e hoxe deume un repaso falándome de distribución que me deixou alucinada. Suso é para min a confirmación de que esta é unha profesión de corazón, cabeza e mans, non de másters». Silvia si se formou en Comunicación Audiovisual en Pontevedra, e empezou producindo os primeros traballos de Anxos Fazáns. Agora vén de ser xefa de produción en “A estación violenta” e tamén en “Matria”, a curtametraxe de Álvaro Gago seleccionada no vindeiro festival de Sundance.
«Non queremos emigrar»
Moi poucos dos nosos entrevistados emigraron ou contemplan a posibilidade de marchar fóra de Galicia. É máis, afirman con rotundidade que queren loitar por traballar aquí. «Alguén ten que levantar o país», di o crítico de cine Brais Romero, que tamén rematou Comunicación Audiovisual en Santiago e tiña un billete de ida para emigrar a Cork (Irlanda), pero cadrou que coñeceu a súa parella un pouco antes da viaxe e decidiu pillar o billete de volta tamén. Agora dirixe a revista online A cuarta parede mentres remata o doutoramento. O músico e sonidista Charles Rapante arranxou unha vivenda da súa avoa para vivir nela e agora está a montar o seu estudio en Teis (Vigo). E ten claro que non pensa marchar: «Estamos mal, si, pero non é culpa nosa, só falta que o paguemos nós marchando. En tal caso que marchen os responsables de que non haxa traballo para nós».
Laura Lamontagne está actualmente na casa de seus pais en Lugo pero ten moitas ganas de percorrer mundo e axiña despregará de novo as ás, tras vivir unha temporada en Granada e participar como actriz e cantante-compositora no filme de Anxos Fazáns. O ourensán Santi Cuquejo, despois de participar en series como “Fontealba” ou “Serramoura”, está a cumprir moitos dos tópicos do actor que busca a vida en Madrid, empezando polo de traballar nun bar de Malasaña, mentres se forma e acode a castings e prepara proxectos creativos con outros amigos e paisanos actores que viven na cidade, como Raquel Espada, David Novas ou Miguel Canalejo.
As distancias, de todos xeitos, cada vez importan menos nun mundo conectado, no que os equipos de traballo xa non comparten espazo e o máis normal é colaborar cadaquén desde a súa casa. Mesmo vivindo no rural: «Escribo na nube, organízome na nube, comparto os proxectos na nube, subo vídeos á nube…» conta o meirego Andrés Goteira. Obviamente internet facilita as cousas. No caso de Antón Varela, que escribe, realiza e edita a webserie “Orfanato Atroz” «en pixama» desde a súa casa, o uso da web é vital: «É o arquivo do que extraio a materia prima coa que fabricar personaxes, espazos, atrezzo ou efectos. Sen internet non hai “Orfanato Atroz”».
Con todo, ademais de poder producir, consumir e relacionarse a golpe de clic é tamén moi importante ver as caras da xente, por iso os festivais son un punto de encontro fundamental para coñecerse e iniciar amizades e colaboracións. Así se acaban creando tamén os vínculos entre eles, que empezan pola admiración mutua. «Se tivese que nomear creadores coetáneos que admiro tería que empezar por todo o que puiden ver este ano na sección PlanetaGZ de Curtocircuíto», di Canoura, que presentou alí “O porco e o seu espíritu”, unha peza sobre a matanza que gravou na casa dos seus avós. Di sentirse moi próximo a autores galegos que tamén protagonizaron esa programación como Jaione Camborda ou Tono Mejuto, e que están a situar Galicia no mapa internacional do cinema experimental, filmando cousas moi pegadas ás tradicións galegas, como por exemplo rapa das bestas, que tamén está presente en Trote, a primeira longametraxe de Xacio Baño, que se estreará neste 2018.
De festivais sabe moito Andrea Villa, que traballa na comunicación do OUFF, do Festival de Cans, do Novos Cinemas e duns cantos eventos máis dentro do sector cultural. O audiovisual é creación e produción pero tamén, case o máis importante, difusión para poder chegar ao público. Os festivais neste sentido teñen unha misión que vai máis alá do “evento”, que é a parte educativa, o que máis motiva a Andrea. «Non falo soamente de que unha parte da programación do evento se dirixa aos máis novos ou de crear novos públicos durante a celebración do festival, senón dunha implicación que tamén existe ao longo do ano: cursos de formación, proxeccións, colaboración con programas pedagóxicos como Cinema en Curso ou CinEd…». Destas citas coa educación audiovisual sairán, oxalá, as cineastas do futuro. Ou, como mínimo, cada vez máis xente con sensibilidade pola creación audiovisual.
Referentes xeracionais
Os festivais tamén son necesarios para coñecer novos autores e referencias, nun contexto de consumo no que si, Internet facilita o acceso a priori, pero na práctica a cantidade de contidos aos que podemos acceder desborda toda posibilidade de estar ao día. E cadaquén procura o seu camiño na busca de referentes. Cales son os desta xeración?
Cineastas como Gaspar Noé, Xavier Dolan, Carla Simón ou Carlos Vermut están entre o máis mainstream que admiran os nosos novos talentos, canda Stephen Hillenburg, creador de Bob Esponja, ou Louis CK e Lena Dunham no campo da comedia. Pero tamén están clásicos do cinema indie como Andrea Arnold, Jim Jarmusch ou David Lynch a carón de figuras máis underground como Jem Cohen ou Bruce Conner, ou totems como Agnes Vardà e Jean-Luc Godard. E despois, unha grande admiración entre eles. Podemos dicir que “Dhogs” é unha película que marca xeracionalmente a moitos como espectadores, pero tamén dá gusto ver como citan referentes que son compañeiros e coetáneos, como os realizadores Lucía Estévez, Sara Iglesias, Ángel Filgueira ou Hugo Amoedo, a produtora Sara Horta, o guionista Enrique Lojo ou o artista multidisciplinar Edu Fernández Peral, coñecido polo seu video-hit “Chica de la Coru”.
Chama a atención que coñecen pouco do que se fixo en Galicia antes de existise o Novo Cinema Galego: «A min a primeira peli galega que me puxeron na facultade foi “París #3”, de Óliver Laxe», di Silvia Fuentes. Non lles son familiares os nomes de, poñamos, Paco Rañal, Xavier Villaverde ou Juan Pinzás. Si que admiran o traballo de Dani de la Torre, Alfonso Zarauza, Alberto Vázquez, Ángeles Huerta ou Jorge Coira. «“O ano da carracha” é un referente total para min, foi unha mágoa que non se seguise pola liña da comedia xuvenil, despois diso non volveu haber nada», lamenta Jorge Boquete, que bota de menos que no noso audiovisual non se tome en serio a comedia.
«Boto de menos máis risa, e sobre todo máis liberdade para rir de nós mesmos. Hai moita autocompracencia na Televisión de Galicia, non lle gusta que se fale dela. E non pasa nada. Se só te ven vellos só te ven vellos, hai que asumilo sen complexos», di Boquete, que é dos poucos que confesa ver normalmente a TVG. Temos a Charles Rapante seguindo “Serramoura” «porque me dixeron que era como un “Twin Peaks” á galega, e cando a vin tiña moi pouco de David Lynch pero era demasiado tarde, xa me enganchara». O resto a penas ve a tele e di non conectar con nada do que emite a Galega máis alá de programas culturais como o “Zigzag”. Case todos lamentan que as canles públicas estean por detrás do que acontece a nivel internacional na televisión, ao tempo que reclaman espazo para os novos creadores e para público da súa idade na segunda canle, ou ben na web, como xa está a facer TVE con PlayZ ou Atresmedia con Flooxer.
Mentres a televisión pública non lles ofrece esa ventá, eles seguen buscando as súas propias a través de Vimeo ou Youtube, e dos festivais de cine. Tamén pensan en espazos híbridos e alternativos como os museos, en expandir a súa obra audiovisual a través doutros formatos como instalacións ou libros, ou inventando eles os seus propios formatos. Ter onde mostrar o que fan non lles preocupa. O problema é o de sempre, poder gañar a vida coa creación, e que se lles tome en serio. «Somos novos, pero non somos monos que aporreemos pantallas táctiles sen cerebro, hai moita xente con moito talento agardando oportunidades», di Anxos Fazáns.
Todos rin cando alguén comenta que “somos os Gutis, as eternas promesas”, (dino por Guti, o futbolista que nunca deu despuntado no Real Madrid), pero non se resignan. Andrea Villa pon tamén o acento na cuestión do xénero, que cando se xunta coa mocidade significa ter que facer «un sobreesforzo para demostrar que sendo muller e sendo nova podes ser igual de válida e responsable no teu traballo que os demais». Anxos Fazáns está farta de que lle pregunten como sendo muller e tan nova puido dirixir unha longa, e agarda o día no que isto non sexa noticia.
A igualdade é aínda un reto, que lles preocupa agora e tamén a uns anos vista, cando queiran ter familia e conciliar, algo que por agora nin contemplan. Porque a fin de contas a mocidade é algo que pasa cos anos. É máis, pasa como unha centella. É hora de admirar o talento desta xeración nova antes de que deixe de selo, e de contar con ela para que o audiovisual galego se renove e siga madurando ao seu carón. Ata que cheguen outros que fagan vella esta xeración de millennials. Ollo que xa se empezan a abrir paso. Sigamos atentos.