Os III premios María Luz Morales entregáronse en Ourense

No marco da Ourense ICC Week (Semana das Industrias Culturais e Creativas) celebrouse o 3 de abril a entrega de premios da terceira edición dos premios, María Luz Morales, que promoven a investigación científica no ámbito audiovisual.

Nesta iniciativa, que conta co apoio das catro deputacións galegas, outorgáronse catro galardóns de 1.200 euros aos gañadores a dous ensaios escritos e dous vídeo ensaios. Nesta terceira edición todas as categorías experimentaron un incremento de participación, acadando unha cifra récord de 36 traballos presentados.

O acto de entrega realizouse no Centro Cultural Marcos Valcárcel, pertencente á Deputación da Ourense, e contou coa participación de Carme Nogueira, quen asistiu en representación do xurado, Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, Eduardo Vidal, deputado de cultura da Deputación de Lugo e Carlos Ares, presidente da Academia Galega do Audiovisual.

Traballos premiados

Premios de ensaio escrito:

Pepe Coira (1963) resultou gañador na categoría de mellor Ensaio Escrito sobre o Audiovisual Galego con Argumentos de películas, un traballo que parte do libro homónimo editado en Vigo en 1931 e que pasou desapercibido para a historiografía do cine galego e español. O xurado definiuno como unha “descoberta” que se atopa a medio camiño entre o ensaio/investigación e a ficción.

– “Argumentos de películas”, por Pepe Coira (pdf)

Xurxo González (1973) foi o gañador da categoría mellor Ensaio Escrito sobre Audiovisual Internacional co seu traballo O palco dum povo: Oliveira 2.0, que afonda nun proxecto irrealizado do cineasta Manoel de Oliveira. O investigador non puido asistir á entrega de premios, na que se destacou que o seu traballo abre unha nova perspectiva sobre a importancia do arquivo dixital e a súa relectura.

O palco dum povo: Oliveira 2.0, por Xurxo González (pdf)

Accésits:

Sara Donoso (1989) recibiu un accésit na categoría de Ensaio Escrito sobre o Audiovisual Galego polo seu ensaio Unha aproximación a mimosas (Oliver Laxe) desde a pintura, a paisaxe e a mística, no que investiga a pegada paisaxística e a presenza dunha estética ligada ao pictórico na filmografía de Oliver Laxe. O xurado destacou que a investigadora amosa una interesante relación entre a historia do arte e o cinema.

Unha aproximación a mimosas (Oliver Laxe) desde a pintura, a paisaxe e a mística, por Sara Donoso (pdf)

Antón Varela (1992) foi premiado polo seu traballo Dialéctica da suplantación: imaxe, espectador e ultracorpos dentro da categoría de Ensaio Escrito sobre Audiovisual Internacional, no estudia as adaptacións cinematográficas que xurdiron da novela Ladróns de corpos de Jack Finney (1953), do que o xurado destacou a orixinalidade do enfoque e o tratamento profundo e ben documentado da temática.

Dialéctica da suplantación: imaxe, espectador e ultracorpos, de Antón Varela (pdf)

Premios de videoensaio:

Sara Varela (1994) gañou o premio ao mellor Videoensaio sobre o Audiovisual Galego con B Positivos, unha peza que analiza empregando o Test de Bechdel todas as películas recollidas no catálogo Films from Galicia, estreadas en salas en Galicia dende o 2013 ata o 2018, e aquelas finalistas e gañadoras dos Mestre Mateo dende o 2002. O xurado destacou a pertinencia do tema e o rigor e a calidade técnica no uso do material audiovisual.

Eire García (1991) quen en 2018 obtivo un accésit na categoría de Videoensaio sobre o Audiovisual Internacional, venceu nesta ocasión co seu traballo Propaganda de guerra, no que reflexiona sobre a representación da cultura da violación na historia do cine considerando o seu protagonismo na configuración dos imaxinarios colectivos. No acto, no que non puido estar presente, salientouse a relevancia social do tema elixido e o seu estudio de xeito orixinal e sen tabús.

Irene Basanta (1995) foi premiada dentro da categoría de Videoensaio sobre o Audiovisual Galego polo seu traballo Nós, as desenfocadas, do que o xurado destacou a necesidade de seguir debatendo sobre a pregunta que formula, seguindo os métodos de parte da crítica feminista, sobre o papel da muller no cinema galego.

Denisse Lozano (1991), gañadora nas dúas edicións anteriores cos seus traballos de Videoensaio sobre o Audiovisual Internacional, recibiu un accésit na mesma categoría por Series diferentes, onde analiza a evolución das series de ficción. A vilalbesa, que non estivo presente no acto, mergullouse a través desta peza no enorme cambio na estética, personaxes, tramas e incluso medios que se deu coa chegada de internet. As integrantes do xurado destacaron o orixinal da súa formulación, que relaciona cambios na sociedade cos cambios nas series.

Galardoados, de esquerda a dereita: Antón Varela, Sara Varela, Irene Pin, Sara Donoso e Pepe Coira.