30 anos de 'Sempre Xonxa'. Unha película galega, por Pablo Barreiro

Unha película galega

Por Pablo Barreiro, compositor da música orixinal de ‘Sempre Xonxa’


Hai uns días a Academia Galega do Audiovisual tivo a ben lembrar o trixésimo aniversario da estrea de Sempre Xonxa programando, dentro do seu concerto de clausura da SEMUA, unha suite que recolle os temas musicais mais sobresaíntes da película. Eu tiven a honra de presentar ante a audiencia a devandita suite e, como acontece sempre que teño que falar en público, tiña moitas ideas pero escasa destreza para mostralas no pouco tempo que esixe unha intervención dese tipo. Parece que alguén se deu conta disto e ofrecenme agora a posibilidade de espallarme un chisco mais e contar cousas que aínda nunca contei e, para iso, vou contarlles unha “fábula galega”.

Pois érase unha vez, hai xa moitos anos, que nun pequeño pobo da Galicia interior vivía Chanito, o fillo do boticario de Forcarei. Forcarei, que hoxe ten un posto destacado, gañado a pulso, na España despoboada, a mediados dos anos cincuenta tiña non só poboación, senon tamén unha escola chea de nenos, unha botica, moitos bancos esperando as divisas dos emigrantes, unha oficina de correos… e ata un cine. No Cine Colón os nenos do pobo, entre eles Chanito, ían ver as películas sempre que a censura as cualificaba “para todos los públicos”, películas de Cantinflas, Marisol, Joselito e O Gordo e o Fraco que sempre reflectían acontecementos moi lonxanos aos do devir cotián do pobo e, indefectiblemente, falaban castelán. Naqueles intres, nunha Galicia en plena dictadura, a ninguén se lle ocprría pensar que o cine puidera falar doutra maneira, agás en inglés.

Pasaron uns anos e chegamos a 1976, onde volvemos encontrar a Chanito en Santiago, sendo estudante de Farmacia e recén casado con Mariluz, quen lle regalou un tomavistas de Super 8. Para os máis novos, isto vén sendo unha cámara que utilizaba unhas películas de celuloide de 8 milímetros, de aí o seu nome, que duraban só tres minutos e que resultaban carísimas para a época. Chanito, aficionado ao cine desde a súa infancia en Forcarei, viuse con aquel trebello nas mans e decidíu facer unha película. Escribiu un guión e, coa axuda de Mariluz e dunha boa panda de amigos, rodou Os paxaros morren no aire, unha curtametraxe de doce minutos de duración que, con unha linguaxe altamente simbolista falaba dunha nena trotamundos que interactúa con persoaxes coma Castelao e Basilio Álvarez, na procura dunha Galicia mellor. Subtitulou a súa obra como “Unha película galega”. Acabada de rodar, Chanito deuse conta de que a aquela cinta había que pórlle son, diálogos e unha pouca música e, pensando en quen lle podería botar unha man, non se lle ocurreu mellor idea que pensar en Pablito, o fillo do carteiro de Forcarei, que tamén acababa de casar e de deixar os seus estudos de filoloxía para adicarse á música, ainda que tivo que contentarse con traballar nunha tenda de instrumentos. Apareceu un día pola devandita tenda e díxome: “estou a facer unha película e quero que lle poñas son, diálogos e música”. Eu resposteille: “pero Chano, eu diso non sei nada”. Pero el virouse de costas e contestou:”si que sabes”. Fixemos unha música, coa axuda de Antón Casal, montamos son e diálogos cos medios rudimentarios de que dispúñamos, e fomos estrear Os paxaros morren no aire ao salón de actos da Facultade de Medicina en Santiago.

Chegamos tarde por culpa miña. Case que unha hora tarde. Cando chegamos á porta da sala, pensamos que xa non habería ninguén. Abrimos e… aquilo estaba petado! Entramos como puidemos, cargados co proxector, a pantalla e o equipo de son, tendemos os cables por entre a xente, apagaronse as luces e proxectamos. Cando rematou a proxección fíxose un silencio duns segundos. Chano miroume coma dicindo: “non gustou”. E, de repente, a xente prorrompeu nun aplauso estrondoso coma nunca ouvín, todos querían abrazar e felicitar a Chano, había xente chorando de emoción e unha algarabía impresionante. Nese intre decatámonos de que si que había interés por un cine propio que falase en galego. O único malo da noite foi que me tocou de recoller a min só.

Fomos con aquela película por moitas vilas e aldeas de Galicia, polos teleclubes, salas de cine xa pechadas, igrexas e calquera lugar onde se poidera sentar xente e facer escuridade para proxectar. Sempre cangados co proxector, a pantalla e os altofalantes, sempre con Chano en plan mestre de cerimonias e sempre cunha acollida formidable por parte de vellos e novos.

Despois da curtametraxe, a seguinte meta foi unha longametraxe. Rodouse tamén en Super 8 e titulouse Eu, o tolo, a historia dun tipo tan elemental que só sabía que el era “Eu”, pero que chegou moi lonxe na política antes de volver ás súas orixes. Foi este o primeiro papel protagonista de Xosé Manuel Olveira ‘Pico’, de grato recordo para todos nós. Pero o súper 8 daba inmensidade de problemas: sincronizaba mal, tiña só dúas pistas de son, rachaba a película con demasiada frecuencia e a calidade de imaxe mermaba con cada copia, igual que a conta corrente de Chano. Foi así que se decidiu dar o paso ao formato profesional de 35 milímetros.

E así, cunha pequena axuda da Xunta de Galicia e moito diñeiro do peto de Chano, rodouse Mamasunción, unha curtametraxe de vintedous minutos que, para mín, é a película mais entrañable e marabillosa da historia do cine. Baseada na verdadeira historia da señora María Rosa da Regueira, que iba tódolos días durante corenta anos á oficina de correos de Forcarei esperando recibir carta do seu fillo emigrado en México. Fixemos de novo diálogos, efectos de son e música, desta vez coa axuda de Xosé Luis Rivas ‘Mini’, e presentouse ao público e a varios festivais, acadando o Gran Premio do Cine español, primeiros premios nos festivais de cine de Sydney e Cracovia e varios outros galardóns.

Seguindo o guión establecido, despois da curta, tiña de vir a longametraxe e así, comenzou a xestarse a idea de Sempre Xonxa. Tras moito traballo de guión, de búsqueda de apoios, castings para encontrar protagonista e miles de traballos máis, rodouse a película ao longo de tres anos e chegou a hora de facer a música. Ahí complicáronseme as cousas, pois queriamos tamén dar o salto cara a unha música mais profesional, de corte sinfónico, e por iso botei man de dous compañeiros que por aquel entón tocaban comigo nunha orquestra de baile: Marcial Prado e Carlos Ferrant, que foron quen verdadeiramente botaron adiante as músicas que se puideron finalmente poñer na película. Aínda que naquel intre nos pareceu que estabamos a facer unha superprodución, o certo é que a música gravouse en Madrid con só catro violíns primeiros. Sempre Xonxa estreouse en Vigo xunto con outras dúas películas, Continental e Urxa, coas que forma a triloxía das primeiras longametraxes argumentais en galego da historia.

O resto xa o coñecen vostedes. Hoxendía temos en Galicia unha industria audiovisual que conta con actores de primeiro nivel, guionistas, técnicos, músicos, etc e ata hai unha Orquestra Sinfónica que pode tocar as músicas das nosas pelis e unha Academia do Audiovisual que pode organizar semanas formativas e informativas sobre o sector. Pero o que a todas luces é un principio para o cine galego, para mín é o final dun traxecto. Chano fixo aínda unha película máis de encarga, “O camiño das estrelas” e xurdironlle miles de amigos e persoas interesadas en facer del un grande do cine español. Despois foise. Nadie sabe que proxectos podía ter en mente, pero cando o fun ver ao hospital tres días antes de morrer, faloume de que, como Eu, estaba pensando en volver ás súas orixes, ao cine sinxelo e sincero baseado nas súas conviccións e nas vivencias do seu Forcarei natal.

E así acaba a fábula de Chanito. Téñolle que agradecer á Academia a oportunidade de contar a miña visión desta aventura e de tributarlle esta homenaxe a Sempre Xonxa no concerto deste ano. Tamén hei de agradecer a Nani García e a Xavi Font que foron quen tiveron a idea e a perseverancia de insistirme durante tres anos para incluir estas músicas no concerto de clausura da SEMUA. A este último, Xavi, e a Marcos Mato por seren quen lles deron forma á Suite de Sempre Xonxa e, por suposto a Chano por embarcarme nunha aventura tan fermosa. Desde o meu interior, non podo menos que tirar dela tres moralexas: A primeira é que Forcarei é a cuna do cine argumental en galego, que Mariluz e o seu regalo foron quen prenderon a chama que deu orixe a toda esta historia e, por último que, corenta anos despois, eu disto… sigo sen saber nada.

Pablo Barreiro


Suite de 'Sempre Xonxa' interpretada pola Orquestra Sinfónica de Galicia na Semana das Músicas do Audiovisual



'O que arde'. O triunfo en salas do cinema de autor

‘O que arde’. O triunfo en salas do cinema de autor

‘O que arde’ marcou un fito para o cinema galego e xa non só polo triunfo en festivais de todo o mundo, entre eles o de Cannes, ou as nominacións a mellor película, mellor dirección, mellor fotografía e mellor actriz revelación nos Premios Goya. A terceira longa de Óliver Laxe foi todo un éxito comercial en salas e converteuse no filme en galego que máis entradas vendeu na historia, rebasando a marca que tiña ‘Sempre Xonxa’. Tras máis de dous meses en cartel, supera os 65.000 espectadores, dos que o 60% aproximadamente procede de salas galegas. E as candidaturas aos Goya fan prever que a presenza nos cines continúe.

Mais non podemos falar deste éxito comercial sen ter en conta que foi unha distribuidora galega de recente creación quen se fixo cargo do lanzamento de ‘O que arde’ nos cines. Isto permítenos analizar con certa profundidade e proximidade este pequeno milagre que é que o cinema de autor triunfe nas salas. Falamos con Ramiro Ledo (Lugo, 1981), responsable de NUMAX Distribución.


Como se formulou a estratexia de distribución da película? Foi doado chegar a salas cunha película como O que arde? Aspirar a ese número de salas era arriscado ou conservador?

Había uns puntos de partida claros, cunha idea de que polo menos o 50% da asistencia do filme debera ser público galego. Unha das decisións de inicio máis importantes foi a de non facer circular unha versión dobrada do filme, tentando facer do que a priori constituiría unha limitación á hora da exhibición en salas (poucas máis de 30 salas en toda España proxectan en versión orixinal) un punto forte. Os rexistros dun galego tan vivo que se empregan en O que arde son moi infrecuentes na historia do cinema galego, sobre todo no cinema de ficción, que tende sempre a decantarse por rexistros máis artificiais.

Comezamos a traballar nos argumentos para posicionar o filme antes do anuncio da selección no Festival de Cannes, estudando por exemplo as seleccións previas de cineastas españois no certame francés e a presenza anterior do idioma galego na selección oficial. Os dous premios que acadou o filme a posteriori (premio do xurado e premio á mellor creación sonora) reforzaron moito as súas posibilidades de cara á estrea en España, inclinándonos por aceptar o convite do Festival de San Sebastián (Perlas) e animándonos a fixar a data de estrea nunha das fins de semana con meirande expectativa de recadación do ano se o filme funcionaba ben os primeiros días en salas.

Orientamos a estratexia para destacar a importancia de Óliver como cineasta e inserilo dentro dunha tradición do cinema na que el propio se recoñece, híbrida entre un cinema popular de gran público e unha raigame profundamente cinéfila.

En canto ao número de salas, ningún título en versión orixinal consegue máis de 30 salas porque non as hai en todo o estado, así que de todo menos doado. A aspiración foi sempre poder acadar ese número de pantallas e, a maiores, facer unha estratexia máis ampla en Galiza, onde o investimento promocional e os esforzos de comunicación se reforzaron para estar presentes na práctica totalidade de vilas con salas de proxección comercial. Deste xeito, logradas as 49 copias (30+19) de saída, o filme tiña o camiño aberto para chegar ao máximo de público posíbel se finalmente tiña un bo arranque.

Outra das decisións importantes que ao cabo se demostrou atinada foi, por exemplo, apostar por que o primeiro pase da estrea coa presenza de Óliver, Amador e Benedicta fose en Compostela en lugar de en Madrid, por exemplo.

Óliver Laxe con Benedicta Sánchez e Amador Arias o día da estrea de 'O que arde' en NUMAX.

Agardabades este éxito?

Había unha previsión de saída en canto a alcance de espectadores inferior á que finalmente resultou (tivo unha media de asistencia espectacular, ao redor dos 250 espectadores por copia a primeira fin de semana, unha das máis altas para un título independente de todas as estreas do ano), pero tamén tiñamos claro que o traballo que fixeramos permitía que o filme estivera preparado para aproveitar un bo arranque. Os bos resultados do filme, ademais de validar o traballo de meses realizado, fan que aínda continuemos a traballar no seu mantemento e relanzamento após as 4 nominacións aos Goya obtidas.

Canto ten que investir unha distribuidora coma a vosa en estrear unha película coma esta? Pódese comparar o caso de O que arde con outros filmes semellantes ou é un caso moi particular?

Como distribuidores, cada título é diferente en canto á maneira de financiar a súa saída. Neste caso en concreto O que arde tivo un apoio á produción do ICAA que obriga a que a produtora anticipe unha porcentaxe do orzamento do filme para a promoción e copias de cara á súa estrea en salas comerciais. Digamos que o sistema de axudas en España canaliza a través da produción o apoio á distribución dos filmes estatais, dándolle o diñeiro á produtora para que soporte a posterior distribución en salas. Ainda así, outra parte do investimento (entre un 20 e un 25%) asumímola desde a distribuidora e o traballo propio de deseño da estratexia e preparación até a estrea, do mes de abril a outubro, foi a risco total noso sobre unha previsión de resultados positivos do filme. Nos filmes que ademais nos resultan máis próximos, como é o caso de O que arde ou Longa Noite, por razóns obvias, a involucración persoal sempre vai para alén do calculado inicialmente e a nosa entrega sempre supera calquera previsión.

O habitual en calquera caso é que o investimento sexa a risco noso, con 13 filmes xa ás costas, temos varios casos nos que recuperamos o investido e tamén varios nos que despois de anos seguimos en negativo. Cada día seguimos aprendendo.

No caso galego, como definiriades a espectadora media do que arde? É comparable ao tipo de público que acudiu a ver Sempre Xonxa hai 30 anos ou A Esmorga hai cinco?

Un dos obxectivos de saída no caso galego foi facilitar que O que arde puidera converterse nun filme ao que a cidadanía se abrazase, nunha sorte de icono dunha época e un país. Moita xente, especialmente entre o mundo rural do que o filme procede, non tivera ocasión até este momento de recoñecerse nun filme da maneira en que o posibilitou O que arde. A dificultade de penetración entre o público máis amplo era porén meirande, a priori, ca no caso de A esmorga, pois ao traballar con intérpretes non profesionais, no noso caso non contabamos con rostros máis coñecidos aos que o público local estivese algo habituado. Pero tamén constituía un reto moi fermoso achegar o traballo inmenso de Amador e Benedicta e tentar que acadara o recoñecemento merecido.

En canto ao público do cinema galego ao que te refires, se falamos de público en salas, ben deitamos da pervivencia de Multicines Norte en Vigo e do impulso de NUMAX en Compostela desde 2015, que favoreceu tanto a apertura de Codex en Lugo como a reapertura de DUPLEX en Ferrol, na que eu propio me involucrei os pasados meses de verán para conseguir reabrir precisamente na data de estrea de O que arde.

Por desgraza, nada garante a pervivencia de ningún destes proxectos que son fundamentais para a circulación do cinema independente en Galicia, e por extensión do cinema galego, que agás contadas excepcións nas que se opta por circuítos de difusión máis extensivos (as producións máis ambiciosas de Vaca Films, por exemplo, ultimamente distribuídas por majors), dependen directamente dos resultados que acaden nestas catro salas das principais cidades, ás que por veces se suma Cantones na Coruña ou Compostela en Santiago.

Foto: NUMAX

«Un dos obxectivos foi facilitar que O que arde puidera converterse nun filme ao que a cidadanía se abrazase, nunha sorte de icono dunha época e un país. Moita xente non tivera ocasión até este momento de recoñecerse nun filme desta maneira».

A maioría de distribuidoras no Estado están en Madrid ou en Barcelona, e as películas galegas pequenas teñen difícil acadar acordos con elas, especialmente se están en galego. Seguramente moitas petarán na vosa porta, e tamén máis filmes de fóra de Galicia. Tedes plans de crecemento?

Traballar desde Galicia na estrea de filmes co obxectivo de acadar un impacto no resto do estado, como con outro filme de procedencia calquera que sexa recoñecido pola súa calidade e non unicamente pola súa procedencia, ten varios hándicaps. Todos eles relacionados coa distancia e as comunicacións coas dúas cidades nas que se concentran os medios de meirande relevancia estatal, Madrid e Barcelona: cómpre desprazarse específicamente para realizar os pases de prensa previos á estrea, para as preestreas, para encontros puntuais con medios, para eventos sectoriais, co incremento de gasto e loxística que isto supón. Acontece o mesmo co equipo artístico dos filmes, pois Galicia sempre é un engadido á obrigada presenza nas dúas capitais españolas e se xa é complicado que alguén veña desde Toquio ou Bos Aires a España para acompañar a estrea dos seus filmes, como algúns dos cineastas do noso catálogo, imaxina traelos a calquera cidade galega e cadralo todo nos intensos tres-catro días da estrea.

NUMAX distribución comezou sendo a actividade de distribución cinematográfica da cooperativa NUMAX e desde xaneiro deste ano foi transferida a unha compañía independente, Nocturama SL, que eu propio constituín coa idea de posibilitar unha meirande profesionalización, axilidade burocrática e que a súa estrutura poida adaptarse ás necesidades dos filmes en catálogo. O equipo da cooperativa NUMAX continúa porén a participar no deseño da estratexia de cada título e na concepción e elaboración dos materiais (gráfica, vídeo, web, comunicación) que acompañan cada estrea, coa especial complicidade de Xan Gómez desde a propia oficina de NUMAX e de Diana Santamaría desde Barcelona.

O obxectivo continúa a ser traballar cun número reducido de títulos por ano que permita dedicarlle a cada un o tempo preciso para que poida acadar o seu público, non máis de 3-4 filmes por ano.

Cales son os vosos criterios de selección? Ata que punto é importante nunha distribuidora ter un selo editorial no tipo de filmes que move?

Buscamos filmes que sempre acheguen algo novo, que logo de velos unha parte deles quede remoendo na cabeza, que durante a proxección esperten sentimentos ou ideas que antes do filme nos eran descoñecidos. É por unha parte un privilexio ter e manter a confianza de cineastas que admirabamos antes de dedicarnos profesionalmente á distribución (Pedro Costa, Nobuhiro Suwa, Angela Schanelec, Rita Azevedo Gomes, Jean-Gabriel Périot…) e traballar con novos cineastas para axudarlles a visibilizar no circuíto comercial os seus primeiros traballos (Meritxell Colell, Oliver Laxe, Milagros Mumenthaler, Eloy Enciso…). Case sempre os filmes que distribuímos acaban por pertencer á que sería a listaxe de top 10 persoal de cada ano, co que é moi satisfactorio traballar cos filmes que aprezas e axudarlles a existir nas carteleiras semanais.

Podedes adiantarnos algunha das pelis que tedes previsto distribuír en 2020?

Algúns nos que xa traballamos son Estaba na casa, pero…, que é o último filme dunha das miñas cineastas máis queridas, a alemá Angela Schanelec, último Oso de Prata á mellor dirección na Berlinale e mellor filme do Festival de San Sebastián – Zabaltegi; As nosas derrotas, do francés Jean-Gabriel Périot, ao que sigo como cinéfilo desde as súas primeiras curtametraxes a mediados dos 2000 e que recibiu o premio CICAE dos exhibidores independentes na Berlinale e acaba de ganar tamén o festival l’Alternativa en Barcelona; A familia Samuni, do italiano Stefano Savona, que combina documental e animación cunha fortaleza que nunca viramos para evocar a masacre do barrio de Zeitun en Gaza en 2009 a mans do exército israelí e foi recoñecido co premio ao mellor documental no Festival de Cannes en 2018.


O mellor dos festivais galegos

O mellor dos festivais galegos

Galicia está chea de festivais que, ao longo do ano, nos achegan a todo tipo de producións audiovisuais, algunhas feitas preto e outras que veñen de ben lonxe. Longas e curtas, documentais e ficcións, experimentación e etnografía, traballos para a sala de cinema e traballos para web… Repasamos o palmarés dos principais certames do país.

Festival de Cans

Foto: Alberto P. Barahona - Festival de Cans
  • PREMIO DE HONRA PEDIGREE’19: Carlos Blanco.
  • PREMIO DO XURADO Á MELLOR CURTAMETRAXE DE FICCIÓN: Limbo, de Dani Viqueira.
  • PREMIO DO XURADO Á MELLOR CURTAMETRAXE DE ANIMACIÓN: Soy una tumba, de Khris Cembe con mención especial do xurado para Homomaquia, de David Fidalgo Omil.
  • PREMIO DO PÚBLICO Á MELLOR CURTAMETRAXE DE FICCIÓN E ANIMACIÓN: O neno bonito, de Fran X. Rodríguez.
  • PREMIO AISGE DO XURADO Á MELLOR INTERPRETACIÓN FEMININA: María Nieto, por De repente la noche.
  • PREMIO AISGE DO XURADO Á MELLOR INTERPRETACIÓN MASCULINA: Jaime Elías, por O que medra por dentro.
  • PREMIO CREA DO XURADO Á MELLOR DIRECCIÓN: Noelia Muíño, por The Widow.
  • PREMIO AGAG DO XURADO AO MELLOR GUIÓN: Noelia Muíño, por The Widow.
  • PREMIO DO XURADO Á MELLOR BANDA SONORA ORIXINAL: Germán Díaz, por Limbo.
  • PREMIO RC Á MELLOR DIRECCIÓN DE FOTOGRAFÍA: Asia Khmelova, por The Widow.
  • PREMIO ESPECIAL DO XURADO DOS VECIÑOS E VECIÑAS Á MELLOR CURTAMETRAXE DE FICCIÓN E ANIMACIÓN: O que precede a caída é branco, de Aldara Pagán con mención especial do xurado: De repente la noche, de Cristina Bodelón e Ignacio de Vicente.
  • PREMIO DO XURADO Á MELLOR CURTAMETRAXE DE NON FICCIÓN (SECCIÓN FURACANS): Devalar, de Mar García, con mención especial do xurado: Caerán lóstregos do ceo, de Adrián Canoura.
  • PREMIO LASAL COCINAS DO XURADO AO MELLOR VIDEOCLIP: Vision, de Widow Pane, realizado por Peque Varela, con mención especial do xurado: Gris, de Basanta, realizado por Xaime Miranda.
  • PREMIO DO PÚBLICO AO MELLOR VIDEOCLIP: Mártires, de Xoana, realizado por Andreia Táboas.

 

  • CHIMPÍNS DE PRATA “PREMIO PEPE PUIME”: Rafa Bugarín e Paz Acuña, veciños de Cans; e Neves Rodríguez, actriz e presentadora.
  • CHIMPÍN DE PRATA “PREMIO DIVINA CAMPOS”: Pilar Comesaña, periodista e presentadora.
  • ESTRELA NO TORREIRO: Carlos Blanco, actor.
  • ESTRELA NO TORREIRO: Rodrigo Sorogoyen, director.
  • ESTRELA NO TORREIRO: Leonor Watling, directora, actriz e música.
  • ESTRELA NO TORREIRO: Gran Wyoming, presentador, actor e músico.

Play-Doc de Tui

  • PREMIO PLAY-DOC 2019: Humberto Mauro, de André di Mauro.

 

Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela)

  • MELLOR PELÍCULA ETNOGRÁFICA: Nimble Fingers, de Parsifal Reparato con Mención de honra para Curupira, bicho do mato, de Felix Blume.
  • MELLOR PELÍCULA GALEGA: Hora Silenciosa, de Noelia Muíño con mención de honra para Stockroom, de Sol Mussa Juane.
  • PREMIO ASOCIACIÓN GALEGA DE ANTROPOLOXÍA (AGANTRO): Entre Lobos, de Adrien Camus.
  • PREMIO DO PÚBLICO: Mot de Passe: Fajara de Patricia Sánchez Mora e Séverine Sajous.

 

Novos Cinemas (Pontevedra)

  • PREMIO NOVOS CINEMAS á mellor longametraxe da Sección Oficial: Ne croyez surtout pas que je hurle, de Frank Beauvais.
  • PREMIO DO XURADO NOVO á mellor dirección da Sección Oficial: Carlos Conceição por Serpentàrio. Mención a Mark Jenkin, por Bait.
  • PREMIO DO XURADO DA CRÍTICA: Las facultades, de Eloísa Solaas.
  • PREMIO LATEXOS: De los nombres de las cabras, de Silvia Navarro e Miguel Morales.
  • PREMIO DO PÚBLICO: Bait, de Mark Jenkin.

 

Festival Internacional de Cine de Ourense

  • CALPURNIA DE HONRA: Vaca Films.
  • CALPURNIA DE HONRA INTERNACIONAL: José García.
  • PREMIO OURENSE: Norberto López Amado.
  • PREMIO AISGE: María Bouzas.
  • PREMIO OUFF-TELEVISIÓN: María Castaño.
  • PREMIO EDUARDO BARREIROS: Viaje al cuarto de una madre de Celia Rico.

SECCIÓN OFICIAL

  • CALPURNIA Á MELLOR PELÍCULA: Parásitos, de Bong Joon-Ho.
  • PREMIO CARLOS VELO Á MELLOR DIRECCIÓN: Alejandro Landes, por Monos.
  • PREMIO AO MELLOR GUIÓN: Bong Joon-Ho, por Parásitos.
  • PREMIO Á MELLOR INTERPRETACIÓN: Julianne Nicholson por Monos.
  • MENCIÓN ESPECIAL DO XURADO: para Chicuarotes, de Gael García Bernal.
  • PREMIO GALICIA: O que arde, de Oliver Laxe.
  • PREMIO MELLOR BANDA SONORA: Gaizka Urresti por Aute Retrato.
  • PREMIO MELLOR CINEASTA: Marlén Viñayo por Cachada.
  • PREMIO DO PÚBLICO: La odisea de los giles, de Sebastián Borensztein.

PREMIOS OUFF EN CURTO:

  • 1º PREMIO: Soy una tumba, de Khris Cembe.
  • 2º PREMIO: De repente, la noche, de Cristina Bodelón e Ignacio de Vicente.
  • MENCIÓN ESPECIAL: En la boca de la mina, de Brandán Cerviño.
  • PREMIO AISGE Á MELLOR INTERPRETACIÓN FEMININA: Marta Nieto por De repente la noche.
  • PREMIO AISGE Á MELLOR INTERPRETACIÓN MASCULINA: Jaime Elías por O que medra por dentro.
  • PREMIO DO PÚBLICO: Subway, de Carlos García de Dios.
  • PREMIO MELLOR VIDEOCLIP: De bruma e salitre, do grupo Mileth, dirixido por Xaime Miranda.

FAS MUVIS

CATEGORIA XERAL:

  • 1º PREMIO: Desencontro, de Beatriz Fernández (directora) e Clara Miñán (produtora).
  • 2º PREMIO: Ourense Vive, de Beatriz Martínez (directora) e Ainhoa Martínez (produtora).

CATEGORÍA ESCOLA:

  • PREMIO ÚNICO: A Pinga, de Lara Rodríguez (directora) e Bárbara Rodríguez (produtora).

 

Carballo Interplay

Foto: David Tombilla - Carballo Interplay
  • MELLOR WEBSERIE ESTATAL: Nosaltres. Mención especial do xurado para Gente Hablando.
  • MELLOR WEBSERIE INTERNACIONAL: Tarde baby.
  • MELLOR WEBSERIE EN VERSIÓN ORIXINAL EN GALEGO: As cousas do Choio. Mención especial do xurado para Cativos na cociña.
  • PREMIO CTV Á MELLOR CAMPAÑA DE DIFUSIÓN ON-LINE: Mambo.
  • PREMIO AO MELLOR DINOSAURIO: Beti.
  • PREMIO CREA Á MELLOR DIRECCIÓN: Roger Grau e María Medinilla por Nosaltres.
  • PREMIO AGAG AO MELLOR GUIÓN: para Álvaro Carmona por Gente Hablando.
  • PREMIO Á MELLOR ACTRIZ: Paula Jornet por Nosaltres.
  • PREMIO AO MELLOR ACTOR: Ramón Barea por Gente Hablando.
  • PREMIO DO XURADO NOVO: Mambo.
  • PREMIO DO PÚBLICO: Gente Hablando.
  • PREMIO A PROXECTO DE WEBSERIE EN GALEGO: Xan e Amnesia 3.0.

 

Curtocircuíto (Santiago de Compostela)

Foto: Aigi Boga - Curtocircuíto
  • PREMIO RADAR: The Sasha, de María Molina.
  • PREMIO EXPLORA: Altiplano, de Malena Szlam.
  • MENCIÓN ESPECIAL EXPLORA: La Bala de Sandoval, de Jean-Jacques Martinod.
  • PREMIO GALIZA: En la Boca da Mina, de Brandán Cerviño.
  • MENCIÓN ESPECIAL GALIZA: Rexistros (Xeografía de San Sadurniño), de Adrián Canoura.
  • PREMIO PENÍNSULAS: Urpean Lurra, de Maddi Barber.
  • MENCIÓN ESPECIAL PENÍNSULAS: Leyenda dorada, de Chema García Ibarra e Ion de Sosa.
  • PREMIO DO XURADO NOVO: Mensch Maschine or Putting Parts Together, de Adina Camhy (Explora).
  • PREMIO CREA Á MELLOR DIRECCIÓN GALEGA: Lucía Estévez por Arrolo.
  • PREMIO AGAG AO MELLOR GUIÓN GALEGO: Limbo, de Dani Viqueira.
  • MENCIÓN ESPECIAL AGAG: 16 de decembro, de Álvaro Gago.
  • PREMIO CAMIRA: Operation Jane Walk, de Leonhard Müllner e Robin Klengel.
  • MENCIÓN ESPECIAL CAMIRA: La Bala de Sandoval, de Jean-Jacques Martinod.
  • PREMIO #OUTRACOMPOSTELA: Verstand Projekt, de Aida Raíndo Vázquez, Mauro Méndez Martínez, Alba Pose Castro, Martín Mondragón Rivadulla e Josep Cabo González.
  • MENCIÓN ESPECIAL #OUTRACOMPOSTELA: Exeria, de Xoán Fernández Diz, Miguel González Fernández, Lucía Ramiro Taboada e Laura Soutullo García.
  • PREMIO DO PÚBLICO: All these creatures, de Charles Williams.

 

Primavera do Cine (Vigo)

  • PREMIO MELLOR LONGAMETRAXE GALEGA: La felicidad de los perros, de David Hernández.
  • PREMIO MELLOR LONGAMETRAXE LUSÓFONA: Alva, de Ico Costa.
  • PREMIO DO PÚBLICO MELLOR LONGAMETRAXE GALEGA: La felicidad de los perros, de David Hernández.
  • PREMIO DO PÚBLICO MELLOR LONGAMETRAXE LUSÓFONA: Chuva é cantoria na aldeia dos mortos, de João Salaviza e Renée Nader Messora.
  • PREMIO DO PÚBLICO MELLOR CURTAMETRAXE GALEGA: Beatiful Boy, de Fran X. Rodríguez.
  • PREMIO DO PÚBLICO MELLOR CURTAMETRAXE LUSÓFONA: Narrativas de um crime, de Alison Zago.
  • PREMIO DO PÚBLICO MELLOR CURTAMETRAXE ANIMACIÓN: Entre sombras, de Mónica Santos e Alice Eça Guimaraes.
  • PREMIO DO PÚBLICO MELLOR VIDEOCLIP: De bruma e salitre, do grupo Mileth, por Xaime Miranda.
  • MENCIÓN ESPECIAL DO XURADO: Deslembro, de Flavia F. Castro.

 

Semana do Cine de Autor de Lugo

  • PREMIO DO PÚBLICO Á MELLOR PELÍCULA DA SECCIÓN OFICIAL: El pan de la guerra, de Nora Twomey.
  • PREMIO DO XURADO Á MELLOR PELÍCULA DOCUMENTAL: Ara Malikian: una vida entre las cuerdas, de Nata Moreno.
  • PREMIO DO PÚBLICO Á MELLOR PELÍCULA GALEGA: As tres caídas de María Santiso, de Roberto Alvite.
  • PREMIO DO PÚBLICO Á MELLOR CURTAMETRAXE GALEGA: Marusía, de Pedro Sancho.
  • PREMIO DO PÚBLICO Á MELLOR CURTAMETRAXE: Happy Friday, de José Antonio Campos Aguilera.
  • MENCIÓNS ESPECIAIS DO XURADO: Tal como soy, de Tomás Martín Maldonado; Antonio Ramos Espejo. El amanecer del cine en China, de Rafael Nieto e Nacho Toro; El niño que queria volar, de Jorge Muriel; Trivial, de Fran Manchón; Yayoflautas, de Jesús Martínez Notas; El jarrón, de Rubén Tejerina; Rellano, de Agustín Rubio; Uno, de Javier Marco; Bailaora, de Rubín Stein; El hombre de la casa, de Jesús López Melgares; Mariñeiro, de Juan Galiñanes; Narote, de David Vázquez Vázquez; Devalar, de Mar García; Limbo, de Daniel Viqueira; Cambio, de Iago de Sant; Pedrón de freixo, de Ángel Cordero Gómez e El barman de las estrellas, de Eva Vizcarra Chamero.

 

VÍA XIV – Festival Internacional de Curtas de Verín

Foto Gala Final FIC Vía XIV
  • PREMIO DO XURADO Á MELLOR CURTAMETRAXE DA CATEGORÍA OFICIAL OUTRA MIRADA: Places, de Claudia Barral Magaz.
  • PREMIO DO XURADO Á MELLOR CURTAMETRAXE DA CATEGORÍA HORIZONTE: Los que no sienten de Alba Carnero, Carlota Mojica, Marta Porto e Débora Vargas.
  • PREMIO DO XURADO Á MELLOR CURTAMETRAXE DA CATEGORÍA OFICIAL A RAIA: 16 de decembro, de Álvaro Gago.
  • PREMIO DO XURADO Á MELLOR CURTAMETRAXE DA CATEGORÍA OFICIAL NOVA: The distance between us and the sky, de Kekatos Vasilis.
  • PREMIO ESPECIAL DO PÚBLICO Á MELLOR CURTAMETRAXE: Santa Baia de Montes, de Sabela Souto.
  • PREMIO CAMIRA DA CRÍTICA: MENCIÓN ESPECIAL: Kids, de Michael Frei e Mario Von Rickemback.
  • PREMIO NUMAX Á EXHIBICIÓN DA MELLOR CURTAMETRAXE DE MENOS DE 10 MINUTOS: Leyenda dorada, de Ion de Sosa e Chema García Ibarra.

 

Mostra de Curtas de Noia

Foto: Pichero Estudio Fotográfico - Mostra de Curtas de Noia
  • PREMIO MELLOR CURTAMETRAXE: Xiao Xian, de Jiajie Yun Yan.
  • PREMIO MELLOR CURTAMETRAXE DE ANIMACIÓN: Ailín en la luna, de Claudia Ruiz.
  • PREMIO ESPECIAL DO PÚBLICO: Será nuestro secreto, de Sergi González.
  • PREMIO HONORÍFICO DO XURADO: Carlos Blanco.
  • PREMIO XOSÉ MANUEL OLVEIRA “PICO” AO MELLOR ACTOR: Antonio Malláns, por Perdóname.
  • PREMIO MELLOR ACTRIZ: ex aequo para Luisa Gabasa por María e Rosario Pardo por Happy Friday.
  • PREMIO PREMIO MELLOR DIRECCIÓN: Jiajie Yun Yan, por Xiao Xian.
  • PREMIO MELLOR GUIÓN: Marcos Nine e Fran X. Rodríguez por Beatiful Boy.
  • PREMIO CURTA CORUÑA AMATEUR: Os invisibles, de Santiago Teijelo Vázquez.
  • MENCIÓN ESPECIAL DO XURADO: Charlotte Marron, por Lay them straight.

 

FKM: Festival de Cinema Fantástico da Coruña

CONCURSO INTERNACIONAL DE LONGAMETRAXES FKM 2019

  • PREMIO DO XURADO: Blood Machines, de Seth Ickerman.
  • PREMIO DO PÚBLICO: Blood Machines, de Seth Ickerman.
  • MELLOR GUIÓN: Enrique e Fernando R Bencomo por Atacama.
  • MELLOR INTERPRETACIÓN: Fernando Cermeño por Fuel.
  • MELLORES EFECTOS ESPECIAIS: Seth Ickerman por Blood Machines.
  • MELLOR BANDA SONORA ORIXINAL: ex aequo, Carpenter Brut por Blood Machines e Thorsten Fleisch e Christian Serritiello por Flesh City.

CONCURSO INTERNACIONAL DE CURTAMETRAXES

  • PREMIO DO XURADO: Panic Attack, de Eileen O’Meara.
  • PREMIO DO PÚBLICO: Mi Nombre es Koji, de David Muñoz.
  • MENCIÓN ESPECIAL: Swipe, de Niels Bourgonje.

CONCURSO INTERNACIONAL DE GUIÓNS PARA CURTAMETRAXES

  • PREMIO DO XURADO: El Piano, de Uxía Taboada Otero.
  • MENCIÓNS ESPECIAIS: Devorador de nenos, de Marcos Nine e Cosmonauta, de Iván Castro.

CONCURSO INTERNACIONAL DE CURTAMETRAXES “CINEMA FETUS” ADICADO A CURTAS EXPERIMENTAIS

  • GLORIA BENDITA A REALIZACIÓN MÁIS SALVAXE: Neno bonito, de Fran X. Rodríguez.
  • MENCIÓN ESPACIAL: Terror na batea, de Diego López Curros.
  • MORTE MÁIS LOGRADA: Cafeína, de Sara C. Lorenzo e Julio López.
  • TREMENDO MELLOR BERRO: Homomaquia, de David Fidalgo Omil.
  • CARACTERIZACIÓN MÁIS ENXEÑOSA: Terror na batea, de Diego López Curros.
  • MELLOR ESCENA DE SEXO INTENSO: Peixes voadores, de Francisco Torregrosa.
  • MELLOR TEORÍA PATAFÍSICA: Cafeína, de Sara C. Lorenzo e Julio López.

 

FIC Bueu

  • ÁNFORA DE OURO: Cadoul de Crăciun, de Bogdan Mureșan.
  • ÁNFORA DE PRATA: Lake of hapiness, de Aliaksei Paluyan.
  • PREMIO DO PÚBLICO: Mémorable, de Bruno Collet.
  • PREMIO R Á MELLOR CURTAMETRAXE GALEGA: La noche, de Martín Romero.
  • PREMIO FUNDACIÓN NOVAS A MELLOR CURTAMETRAXE ESPAÑOLA: 592 metroz goiti, de Maddi Barber.
  • PREMIO Á MELLOR CURTAMETRAXE EXPERIMENTAL: Blue, de Apichatpong Weerasethakul.
  • PREMIO CREA Á MELLOR DIRECCIÓN: Fauve por Jeremy Comte.
  • PREMIO AO MELLOR GUIÓN: Cadoul de Crăciun, de Bogdan Mureșan.
  • PREMIO Á MELLOR ACTRIZ: Anastasasiya Plyat, por Cadoul de Crăciun.
  • PREMIO AO MELLOR ACTOR: Adrian Vancica, por Lake of hapiness.
  • PREMIO Á MELLOR FOTOGRAFÍA: a suíza All inclusive, de Corina Shwingruber Ilié.
  • PREMIO Á MELLOR DIRECCIÓN ARTÍSTICA: Lake of hapiness, de Aliaksei Paluyan.
  • PREMIO AO MELLOR VESTIARIO: Nursery Rhymes, de Tom Noakes.
  • PREMIO Á MELLOR MAQUILLAXE E PEITEADO: Nursery Rhymes, de Tom Noakes.
  • PREMIO AO MELLOR SON: Agouro, de Vasco Sá e David Doutel.
  • PREMIO Á MELLOR MONTAXE: a suíza All inclusive, de Corina Shwingruber Ilié.
  • PREMIO Á MELLOR MÚSICA: a finlandesa All inclusive, de Teemu Nikki.
  • MELLOR CURTAMETRAXE DE ESCOLAS E FACULTADES: Pegaso 650, do alumnado do IES Audiovisual de Vigo.
  • MELLOR CURTAMETRAXE DE EDUCACIÓN SECUNDARIA: Mi mejor enemigo, do alumnado IES de Cacheiras (Teo).
  • MELLOR CURTAMETRAXE DE EDUCACIÓN ESPECIAL, INFANTIL E PRIMARIA: Maruxa e Pepiño, do alumnado do CEIP de Guillarei (Tui).

 

Galician Freaky Film Festival (Vigo)

  • GRAN PREMIO GFFF Á OBRA MÁIS FREAK: Los amigos: la pinícula, de Omar Rabuñal Varela.
  • PREMIO ARREPÍO Á MELLOR CURTAMETRAXE DE TERROR: Het Juk (El Ático), de Nico Van Den Brink.
  • PREMIO ESCARÁLLOME Á MELLOR CURTAMETRAXE DE HUMOR: Maldición fatal, de Alberto Guisande.
  • PREMIO CREA Á MELLOR REALIZACIÓN: ex aequo, Camille Lugan por La Persistente, Sergey Vasiliev por And so he opens his eyes.
  • MENCIÓNS ESPECIAIS GFFF: Lo siento mi amor de Eduardo Casanova, Lay them straight de Robert Deleskie, Le défi du rade… de François Zaïdi, Cómo y porqué se ha esfumado Don José de Moshe Ben Avraham.

 

Curtas. Festival Internacional de Cine e Banda Deseñada de Vilagarcía de Arousa

  • MELLOR CURTA: El cumple, de Breixo Corral e P. Alén.
  • MELLOR DIRECTOR: Erenik Beqiri por The Van.
  • MELLOR CURTA GALEGA: Brotes, de Jorge Fernández.
  • MELLOR DIRECTOR GALEGO: Fran X. Rodríguez por Neno bonito.
  • MELLOR DOCUMENTAL: Gurs, Historia y Memoria, de Verónica Sáenz.
  • MELLOR DOCUMENTAL GALEGO: Eu tamén necesito amar, de António Caeiro.
  • MELLOR LONGAMETRAXE : Amor en Polvo, de Suso Imbernón, Juanjo Moscardó e María Mínguez.
  • PREMIO ROBERTO CAMBA A MELLOR VIDEOCREACIÓN: Degusté, de Stephane Baz.

 

FanCine de Lemos

Foto: @om.radigitalartphotography
  • PREMIO MELLOR CURTAMETRAXE NACIONAL: Limbo, de Daniel Viqueira
  • PREMIO ESPECIAL DO PÚBLICO: Moros en la costa, de Damià Serra Cauchetiez
  • PREMIO ALGUEIRA MELLOR CURTAMETRAXE GALEGA: Soy una tumba, de Khris Cembe.

 

Curtas Armadiña (Poio)

Foto: José Aragunde
  • ÁNCORA DE OURO Á MELLOR CURTAMETRAXE: 16 de decembro, de Álvaro Gago.
  • ÁNCORA DE PRATA Á MELLOR CURTAMETRAXE (PREMIO DO PÚBLICO): Uganda, de Fernando Tato.
  • PREMIO CURTAS ARMADIÑA 2019: Sonia Méndez.
  • ÁNCORA Á MELLOR CURTAMETRAXE ANIMADA: Homomaquia, de David Fidalgo Omil.
  • ÁNCORA AO MELLOR VÍDEO MUSICAL: De bruma e salitre, da banda Mileth, dirixido por Xaime Miranda.
  • PREMIO CREA Á MELLOR DIRECCIÓN: Limbo, de Dani Viqueira.

 

Cineuropa (Santiago de Compostela)

  • PREMIO SECCIÓN OFICIAL EUROPEA: Dronningen (Queen of hearts), de May El-Toukhy.
  • PREMIO SECCIÓN OFICIAL INTERNACIONAL: Papicha, de Mounia Meddou.
  • PREMIO SECCIÓN DOCSCINEUROPA: For Sama, de Waad Al-Khateab and Edward Watts.
  • PREMIO SECCIÓN LATIDOAMERICANO: La llorona por Jayro Bustamante.
  • PREMIO SECCIÓN ANIMAEUROPA: Un día máis con vida, de Raúl de la Fuente e Damian Nenow.
  • PREMIOS CINEUROPA: María Vázquez, Emma Suárez e Rita Azevedo.

PREMIOS DO XURADO NOVO:

  • MELLOR PELÍCULA: Zombie Child, de Betrand Bonello.
  • MELLOR DIRECCIÓN: Abbas Fahdel por Yara.
  • MELLOR GUIÓN: Bashtata (the father), de Kristina Grozeva e Petar Valchanov.
  • MELLOR INTÉRPRETE FEMININA: Mariana di Girolamo, por Ema
  • MELLOR INTÉRPRETE MASCULINO: ex aequo Alessandro Antonelli e Pietro Orlando por Selfie.

 

Festival RIЯ (Allariz)

  • PREMIO DO PÚBLICO Á MELLOR CURTAMETRAXE: El jarrón, de Rubén Tejerina.
  • MENCIÓN ESPECIAL DO XURADO: Una noche con Juan Diego Botto, de Teresa Bellón e César F. Calvillo.
  • PREMIO Á MELLOR CURTAMETRAXE DE FICCIÓN: Inlove, de Les Frères López.
  • PREMIO Á MELLOR CURTAMETRAXE DE ANIMACIÓN: Héroes, de Juan Pablo Zaramella.
  • PREMIO Á MELLOR CURTAMETRAXE DE DOCUMENTAL: Petiscos de Pato, de Plácido Romero.
  • PREMIO Á MELLOR DIRECCIÓN: Fabrice Herbaut por Beautiful day.
  • PREMIO FUNDACIÓN VICENTE RISCO Ó MELLOR GUIÓN: Aurélien Laplace por El graffiti.
  • PREMIO Á MELLOR INTERPRETACIÓN: Rulo Pardo por El jarrón.
  • PREMIO RIR CONTIGO: Carlos Blanco.

 

Festival de Cine de Música en Roca (Guitiriz)

  • PREMIO DO PÚBLICO, NA CATEGORÍA DE CURTAMETRAXES GALEGAS: Guapo, de Miguel Grandío.
  • PREMIO DO PÚBLICO NA CATEGORÍA DE CURTAMETRAXES INTERNACIONAIS: Armonías para después de la guerra, de Migue Roth.

 

VIIFF Festival de Cine Inclusivo de Vigo

  • PREMIO DO XURADO Á MELLOR CURTAMETRAXE: Soy una tumba, de Khris Cembe cunha mención especial a Cerdita, de Carlota Martínez Pereda.
  • PREMIO DO XURADO AO MELLOR DOCUMENTAL: Jóvenes Invisibles, de Isabel Gemio con mención especial para Idénticas, de Luis Avilés Baquero.
  • PREMIO DO PÚBLICO AO MELLOR DOCUMENTAL: La promesa, de Danel Aser.
  • PREMIO DO PÚBLICO Á MELLOR CURTAMETRAXE: 16 de decembro, de Álvaro Gago.
  • PREMIO CREA Á DIRECCIÓN: Álvaro Gago por 16 de decembro.
  • PREMIO AGAG AO MELLOR GUIÓN: Khris Cembe por Soy una tumba.

O que vai vir no 2020

O que vai vir en 2020

Unha ducia de longametraxes galegas agardan a súa estrea para este novo ano, prolongando o bo momento noso cine nun 2020 que tamén comeza con posibilidades de premios Goya para O que arde, Quien a hierro mata e Homomaquia ou premios Feroz para a serie Hierro. As plataformas tráennos novas series feitas en Galicia mentres e veremos novos documentais e rodaxes nun ano que tamén estará marcado pola forte produción en animación.

 

E de animación é a primeira película que se estrea en 2020, o mesmo 1 de xaneiro: A Galiña Turuleca, de Producións A Fonsagrada,  distribuída por Filmax, é unha coprodución española e arxentina que dirixen Eduardo Gondell e Víctor Monigote e que xa se presentou no Festival de San Sebastián. Póñenlle voz a Turuleca e ao malvado Armando Tramas os populares Eva Hache e José Mota nesta fita que converte en narración animada para os máis pequenos o personaxe da canción de Los Payasos de la Tele.

Filmax tamén distribuirá a agardada longametraxe de Paula Cons A Illa das Mentiras. Rodada a comezos deste ano na illa de Sálvora co título inicial de O Santa Isabel, este thriller con toques de drama narra todo o que pode acontecer despois dun naufraxio, nunha illa. Protagonizada por Nerea Barros, Darío Grandinetti e Aitor Luna, o filme baséase na historia das heroínas de Sálvora que en 1921 salvaron a más de 40 persoas empregando únicamente unha dorna, e que tras grandes homenaxes foron acusadas de roubarlles aos mortos. A estrea en salas está prevista entre abril e maio.

Máis historias de mulleres: María Solinha, a oitava longametraxe de Ignacio Vilar, chegará aos cinemas o 15 de maio. Dúas debutantes, Laura Míguez e Grial Montes, canda Santi Prego encabezan o reparto desta filme que trae ao século XXI a historia da muller de Cangas condenada por bruxería no século XVII.

Outra illa, Ons, é o escenario da película do mesmo nome, que será a cuarta longametraxe de Alfonso Zarauza, que vén de rodar este outono e que agardamos poder ver en 2020. O filme xunta drama e misterio para contar a historia dun matrimonio en crise que se instala en Ons e de como a illa e los acontecementos van xerar neles efectos contrarios. No reparto están Melania Cruz, Antonio Durán Morris, Marta Lado, Anaël Snoek, Xúlio Abonjo ou Miguel de Lira, entre outros.

Melania Cruz tamén protagoniza Arima, a primeira longametraxe de Jaione Camborda, coa que esta obtivo o premio á mellor dirección na sección Nuevas Olas do Festival de Cine de Sevilla. Rodada en Mondoñedo o pasado ano, esta película que se define “de fantasmas” narra a historia historia de catro mulleres e unha nena que se ve alterada pola chegada inesperada de dous forasteiros. Completan o reparto Nagore Arias, Rosa Puga Dávila, Tito Asorey, Iria Parada e Mabel Rivera. A falta de completarse o seu percorrido en festivais, a súa estrea agárdase para 2020.

En festivais tamén se prevé que arrinque o seu percorrido a nova longametraxe de Lois Patiño, Lúa vermella, producida por Zeitun Films e definida polo seu autor como unha especie de fábula mariña arredor da historia real dun buzo que rescatou máis de 40 cadáveres de náufragos perdidos no mar. A súa estrea en salas comerciais prevese para o segundo trimestre do ano.

Samuel Delgado e Helena Girón estrearán previsiblemente en 2020 a súa primeira longametraxe, producida por Fílmika Galaika: Eles transportan a morte. Valentín Estévez, Sara Ferro, Nuria Lestegás, David Pantaleón e Xoán Reyes son os intérpretes de esta historia rodada entre Galicia e Canarias que mestura o relato clásico de aventuras cun discurso crítico sobre a colonización, en palabras da súa produtora, Beli Martínez.

Máis de 15 anos despois da estrea da súa longametraxe León y Olvido, o director Xavier Bermúdez filmou Olvido y León, a secuela da historia de Olvido (Marta Larralde) unha costureira orfa que ten unha relación de amor-odio co seu irmán pequeno, León (Guillem Jiménez), que ten síndrome de Down. O filme rodouse este outono en Ourense e tamén prevé a estrea para o ano próximo.

Entre as longametraxes que se están acabando de producir e contan arrincar o seu percorrido en festivais e salas está unha nova película de Matriuska Producciones: ¿Qué hicimos mal? de Liliana Torres, que despois da súa rodaxe en Galicia e Cataluña este ano prevé terminar de filmarse en marzo en México e Italia, países coprodutores. Trátase dunha comedia dramática protagonizada por unha parella que interpretan a propia directora e mais Xúlio Abonjo.

En plena rodaxe da que será a súa primeira longa como directora está Chelo Loureiro, produtora de Abano Producións, con Valentina, unha historia moi persoal sobre unha nena que soña con ser trapecista e cree que por ter síndrome de Down non o poderá conseguir, pero a súa avoa, compañeira de xogos, aprendizaxes e cancións, asegúralle que, se os vermes conseguen converterse en bolboretas, nada é imposible.

Outros filmes a piques de rematarse e que poderían ver a luz o vindeiro ano son Nación, um sítio onde pousar a cabeça, de Margarita Ledo, e as primeiras longametraxes de creadores con ampla experiencia noutros eidos do audiovisual como Roi Fernández con Ursúas, unha película transmedia que realiza unha lectura atípica do Camiño de Santiago, e Fon Cortizo con 9 fugas, filme de protagonismo coral que conta cun elenco de intérpretes multidisciplinares da cidade de Vigo, encabezado por María Roja e Olga Cameselle.

En canto a coproducións rodadas fóra de Galicia, Agallas Films produce neste momento con TVE a longametraxe documental de Gonzalo Suárez A-Cero-5 que ten prevista a estrea a finais do verán e que narra todas as vicisitudes dun director que fai a súa primeira película, que trata sobre el, a súa parálise e a súa experiencia co baloncesto en cadeira de rodas. Vaca Films rodou este outono en Madrid, Ibiza e Valencia Hasta el cielo, a nova película de Daniel Calparsoro, protagonizada por Miguel Herrán, Luis Tosar, Carolina Yuste e Asia Ortega. E Fílmika Galaika ten en carteira Those That, at a Distance, Resemble Another, de Jessica Sarah Rinland, que xa pasou por festivais como o TIFF ou Zinebi e presenta unha reflexión sobre a conservación museolóxica e ecolóxica, a partir do caido dun elefante. O circuito ao irá destinada será o dos museos máis que o das salas comerciais. 


A non ficción aposta pola biografía

No terreo da non ficción o final de 2019 veu marcado por un gran fito internacional, o triunfo no IDFA de Amsterdam de A media voz, de Matriuska Producciones. Este documental das cineastas cubanas afincadas entre Galicia e Suíza Patricia Pérez e Heidi Hassan, prevé estrearse en salas o ano que vén, ee ademais espéralle un importante percorrido en máis festivais de todo o mundo.

Antes de que remate 2019 prevese a estrea en televisión (Cero de Movistar+) do documental O futuro da mente de Ruth Chao, coproducido por Agallas Films e Somadrome Films. Un documental científico que agardamos poder ver tamén en Televisión de Galicia.

O documental biográfico vai ter moito protagonismo no vindeiro ano, co remate de filmes como Beiras, vivir dúas veces, dirixido por Pepe Coira coa produtora OlloVivo, Luz Fandiño, a poeta analfabeta, dirixido por Sonia Méndez con Cósmica Producións, ou Aquel sol do verán, documental sobre Carlos Casares dirixido por Lara Bacelo.

Outras vidas a contar na gran pantalla serán a do poeta americano Wallace Stevens, no documental Os días calados do Sr. Stevens, que dirixe César Souto, produce Matriuska e arrinca a súa rodaxe en Nova York en xaneiro. Ou a do músico Kevin Weatherill, líder fundador da banda británica Immaculate Fools, que leva anos vivindo en Galicia e cuxa historia levan á pantalla Eduardo Herrero e Manuel Lemos coa produción de Pulsa Control Z. O filme está en produción baixo o título Kevin vs. Ray.

Biografías máis atípicas son as dos documentais que preparan, por un lado Andrés Goteira (Dhogs) en Welcome to ma Maison, sobre Igor Fernández, un investigador de cine que acaba de rematar unha tese sobre o director danés Nicolas Winding Refn e sobre o cinema fantástico en xeral; e Xoel Méndez, que en 10/7 retrata a Lucio Ballesteros, un polifacético xubilado ourensán que se define como músico, youtuber e escritor, e que nos últimos anos púxose a construír unha nave espacial no seu xardín.


Novas series para televisións e plataformas

Televisión de Galicia estreou agora a finais de 2019 Do dereito e do revés, unha comedia sobre galegos que precisan un avogado. Producida por Think First, conta con guións de Xosé Cermeño (Pratos Combinados, Larpeiros) e está protagonizada por Víctor Fábregas, Susana Sampedro, Sergio Pazos e Casilda Alfaro.

No primeiro semestre de 2020 estrearase en TVG e RTP Auga seca, unha coprodución entre Galicia e Portugal con Portocabo á fronte. Este thriller en torno ao tráfico de armas rodouse en Vigo e Lisboa este verán coa portuguesa Victoria Guerra encabezando o reparto canda actores galegos como Monti Castiñeiras, Sergio Pazos, Tacho González, Eva Fernández, Manolo Cortés, Paloma Saavedra, Santi Romay ou Cris Iglesias.

Parece que o thriller seguirá a ser o xénero dominante na maioría das series galegas. O sabor das margaridas (CTV) grava a súa segunda temporada, con María Mera de novo como protagonista e a perspectiva de seguirse emitindo tanto na Televisión de Galicia como en Netflix. Serramoura (Voz Audiovisual) volverá á grella da TVG coa súa temporada número 13, que promete novos casos de misterio protagonizados por Lucía Regueiro e Xúlio Abonjo.

Voz Audiovisual tamén prevé a estrea no primeiro semestre de Néboa, a nova serie que produciu para Televisión Española. Un thriller ambientado nunha illa ficticia e co entroido como contexto, e unha conta atrás para evitar catro asasinatos e atopar ao “Urco”, un asasino que se move entre o mito e a realidade. Emma Suárez e Isabel Naveira encabezan o casting da serie entre os que se atopan outros intérpretes como Antoni Durán “Morris”, María Vázquez, Nancho Novo, Denís Gómez, Alba Galocha e Santi Prego, entre outros. A estrea de Néboa está prevista para o primeiro semestre do ano e foi creada e escrita por Xosé Morais, Víctor Sierra e Alberto Guntín, e dirixida por Gonzalo López-Gallego xunto con Jorge Saavedra e Manu Gómez.

Nas plataformas, tal como contamos en máis detalles nestes Papeis, prevese unha nova temporada de Hierro para Movistar+, con Jorge Coira e Portocabo preparando xa a rodaxe para comezos de ano. Repiten Candela Peña e Darío Grandinetti á fronte do reparto.

La unidad, a serie creada por Dani de la Torre e Alberto Marini con Vaca Films para Movistar+, conta con ser unha das grandes estreas nesta plataforma en 2020. A ficción está baseada nos testimuños inéditos de altos profesionais da loita antiterrorista e promete ser un emocionante thriller policíaco protagonizado por Nathalie Poza, Michel Noher, Marian Álvarez, Luis Zahera e Carlos Blanco.

Vaca Films vén de rodar tamén El desorden que dejas, unha serie creada polo guionista ourensán Carlos Montero (Elite) adaptando a súa novela homónima. Trátase doutro thriller que combina drama e suspense, ambientado esta vez no rural galego. No reparto están Inma Cuesta, Bárbara Lennie, Tamar Novas, Arón Piper e Roberto Enríquez.


Rodando no 2020

Comezamos o repaso a algunhas das rodaxes que veñen con outra ambiciosa serie, Tres caminos, coa que Ficción Producciones levou a subvención de 1,5 millóns de euros que convocaba Agadic para “fomentar e difundir por medio da produción audiovisual os valores do fenómeno xacobeo e do Camiño de Santiago”.  A serie , que contará as vidas de cinco persoas de diferentes países que se conectan cando peregrinan xuntas en 1996, 2006 e 2021, está coproducida con Beta Films e terá unha ventá internacional grazas á distribución desta última e a Amazon Prime Video. A produtora adiantou que un dos directores da serie será Norberto López Amado e que a banda sonora irá da man dos galegos Iván Ferreiro e Manu Riveiro.

Outra serie que se todo vai ben poderá rodarse en 2020 é Tres flores sen piedade, de CTV para Televisión de Galicia, con dirección de Juan Galiñanes. Ambientada en 1969, conta a historia de tres mulleres que emprenden una vida delictiva para asegurar o futuro da súa familia.

Portocabo prevé para o verán de 2020 a rodaxe de Cuñados, unha “gran comedia galega” protagonizada por  X.A. Touriñán, Eva Fernández, Federico Pérez e Miguel de Lira, con guión de Araceli Gonda e Jorge Coira na dirección. Pola súa parte OlloVivo, a produtora que os irmáns Jorge e Pepe Coira comparten con Gaspar Broullón, segue preparando a produción do novo filme de Ángeles Huerta, O corpo aberto, un western gótico baseado nun relato de Méndez Ferrín e escrito pola directora canda Daniel D. García. E Ézaro Films prepara a primeira longametraxe do realizador vigués afincado en Barcelona Rafa de los Arcos, que leva por título O home e o can e que fala da soidade e das renuncias dun home no seu último tercio de vida aillado na aldea. Estaría interpretado por Manuel Manquiña.

Miramemira, a produtora de O que arde, rodará San Simón, do director Miguel A. Delgado, unha longametraxe de marcado carácter autoral que se move entre dous eixos: o espazo xeográfico da Illa de San Simón na ría de Vigo, e a rutina da prisión.

Manane Rodríguez prepara con Xamalú Films Onde máis doe, unha longametraxe documental sobre a violencia de xénero que pretende estar nos antípodas do tratamento sensacionalista co que se adoitan tratar estes dramas.

Pola súa banda Quique Otero iniciará a finais de 2020 a rodaxe da súa segunda longametraxe, unha década despois de Crebinsky. O seu título é Debuxos animados e conta a historia dun matrimonio en crise que debe afrontar a morte do seu fillo e buscar recursos para repatriar o cadáver vendendo vellos DVDs de debuxos manga.

Tamén se aveciña a rodaxe da nova longa de Alberto Gracia, titulada A parra, e que terá lugar en Ferrol, producida por Fílmika Galaika. Eloy Domínguez Serén vai rodar na primavera a súa curta Rompente, producida por Zeitun Films, que conta a historia dun percebeiro furtivo. A produtora de Felipe Lage traballa tamén no desenvolvemento de I Am Here But You Can’t See Me, de Feyrouz Serhal, e de Montaña ou morte, de Pela del Álamo, sen data de rodaxe aínda. Tamén se agardan novos proxectos para Andrés Goteira e Gaitafilmes coa longametraxe Starmucks e a primeira longa de Álvaro Gago, Algo parecido á felicidade, que está a desenvolver con Matriuska.

Outra das producións que xeran máis expectación é a nova longametraxe do coruñés Alberto Vázquez despois da premiada Psiconautas. Titúlase Unicorn Wars e é unha fábula que parodia o xénero bélico situándoo nun universo fantástico e mitolóxico. Está producida por Abano Producións, que tamén prepara para rodar en 2020 O soño da sultana, de Isabel Herguera, unha película de animación que mestura tres historias de mulleres en distintas partes do mundo e faino usando técnicas de animación diferentes en cada unha delas.

Non están todas as que son pero agardamos ver no horizonte moitas máis rodaxes e proxectos nun ano que de novo anuncia grandes éxitos para o noso audiovisual.