Ana Míguez, nova presidenta da Academia Galega do Audiovisual

Texto: María Yáñez.  Fotos: Tamara de la Fuente

O pasado 21 de maio a xunta directiva da Academia renovouse, tras votarse por unanimidade a única candidatura presentada, presidida pola directora de produción Ana Míguez. Ela xa fora vicepresidente na directiva anterior, da que tamén continúan membros como o produtor Álvaro Pérez Becerra as actrices Carmen Méndez e Saamira Ganay ou a maquilladora Susana Veira. Incorpóranse ao novo equipo a actriz e directora Sonia Méndez, o músico e produtor Xavi Font, e os guionistas Pepe Coira e Oscar Cruz.

Ana Míguez, formada na Escola de Imaxe e Son da Coruña, é na actualidade a directora de produción de Portocabo, empresa coa que traballou en proxectos como Auga Seca, Hierro, Os fillos do sol ou O país máis grande do mundo. Na súa traxectoria profesional, que abrangue máis de 20 anos de experiencia, destacan producións de cine e televisión en Galicia e no resto do Estado.

O equipo é en boa parte de recente incorporación. Que cres que achegan estes perfís á directiva da Academia?

Tiven a sorte de traballar na anterior directiva como vogal, un equipo fantástico de perfís tamén moi distintos. Nas dúas buscamos perfís que representen todos os equipos, tanto técnicos como artísticos. Desta directiva están representados todos os sectores, somos traballadores cunha bagaxe moi variada, por idade e por traxectoria profesional, e moi neutrais nas decisións. Cada proxecto é como unha obra, o único que importa e levala a bo fin e que sexa bo para para todos, o importante e que sirva para algo. Pensamos moito no sector en cada decisión, en que todos poidan sentirse identificados e representados. Non é un traballo fácil, pero afrontamos o reto con creatividade.

Cales son as liñas de acción para este mandato e que novos proxectos temos á vista?

Neste ano centramos a continuidade nas liñas de formación, divulgación e internacionalización. Na liña de formación estamos a traballar na realización de obradoiros tanto para profesionais do sector como para estudiantes de audiovisual, como son os Encontros Mestre Mateo ou os obradoiros da SEMUA, e tamén para alumnos de Primaria e Secundaria como os obradoiros de Novos Programadores. Na liña de divulgación mantemos os premios María Luz Morales, a SEMUA, A ilusion é perfecta ou traballos coma estes Papeis da Academia.

A internacionalización foi unha liña aberta pola Academia que tivo moito éxito de participación, cun acordo coa Academia Europea de Cinema para a realización dos Young Audience Awards. Foi unha actividade de gran valor por ser a primeira vez que se realiza un acordo de colaboración directa coa Academia Europea. O prestixio das entidades coorganizadoras no resto de España sitúanos ao mesmo nivel: Academia de Cine Española, Filmoteca de Catalunya, Festival de Cine Europeo de Sevilla, Filmoteca Valenciana e Mostra Internacional de Cinema Educatiu (MICE) de Valencia. Celebráronse na Coruña e foi a cidade de España que máis participantes tivo a pesar de ser o primeiro ano que organizabamos o evento.

Fixemos tamén un acordo coa Academia Portuguesa de Cinema, para achegar os Premios Sophia e os Mestre Mateo aos espectadores, e que podan gozar deles con encontros e proxeccións. Realizouse a proxección dos gañadores dos Sophia no CGAI, e estamos a traballar na proxección dos traballos dos Mestre Mateo en Portugal nunha nova actividade.

No ano 2019 realizamos 37 actividades que contaron cun total de 5.577 asistentes. O balance respecto ao ano pasado é positivo xa que cun menor número de actividades logramos aumentar a asistencia. Este ano manteremos estes proxectos pero estamos a traballar en novas liñas en fase de desenvolvemento.

O 2019 foi o ano no que a Academia puxo máis o foco nun vello tema pendente, o cinema e a educación. Que iniciativas hai en marcha? Cal é a túa valoración do traballo feito e que queda por facer?

Se cadra é o foco ao que máis atención prestamos. Todas as iniciativas comparten o obxectivo de favorecer o diálogo entre o audiovisual e a educación. A educación non só dirixida a formar futuros traballadores do sector, tamén a formación de espectadores críticos e a promoción do talento audiovisual galego entre a mocidade. Foron moi positivos os Encontros de Docentes de Cultura Audiovisual, as Sesións Cinéfilas nos centros de ensino, así como os obradoiros Cineclube. Cos coñecementos adquiridos nestas actividades, e prestando especial atención ás demandas dos docentes e alumnos naceu Fiestra. Fiestra será unha plataforma de uso exclusivo para centros educativos de Primaria, Secundaria e Bacharelato e sairá cunha selección dunha serie de obras acompañadas do seu correspondente material didáctico. Este catálogo irá incorporando novidades e esperamos que medre. Paréceme unha liña de traballo moi positiva na formación de espectadores consumidores de audiovisual galego, pois nestes encontros aprézanse os valores culturais que aportan as nosas obras e xeran debate entre o alumnado, non só nas aulas senón tamén no ámbito familiar.

Ana Míguez na sede da AGA

Os Premios Mestre Mateo van facer no 2020 a súa 18ª edición. Entrando xa na maioría de idade, credes que se adaptan á dimensión e diversidade do sector neste momento? A directiva estuda algunha evolución a curto ou medio prazo?

Neste punto temos moita diversidade de opinións e comezamos a traballar na creación dunha comisión entre os socios, coa idea de facilitar o diálogo con achegas, tanto en críticas como en melloras. Queda moito traballo nese sentido. En primeiro lugar nunha revisión das bases e dos conceptos. Falamos sempre de separar o cine da televisión, iso suporía demasiadas categorías, pero tamén as novas formas de ver televisión marcan cambios. Poño un exemplo: se separamos cine e televisión, entón entrarían na mesma categoría unha serie e un programa, polo que hai quen ve preferible separar ficción e non ficción. Pero valoras igualmente as series que o cine? Do mesmo xeito, unha serie feita para unha plataforma estaría na categoría de serie web, entón non serían valorables canda as series web de menor orzamento, que son un escaparate perfecto para novo talento e requiren un maior esforzo, polo que habería que redefinir serie web e as súas categorías. É un amplo debate que temos presente, mais non se poden facer cambios á lixeira. Trátase de poder premiar e valorar os traballos con igualdade dentro da súa categoría, temos moi bos traballos que merecen recoñecemento, e cada vez temos máis nivel.

Que balance facedes da Axencia de Cooperación Audiovisual (ACO) no seu primeiro ano e medio de vida? Que retos ten por diante?

A ACO foi unha iniciativa impulsada polo Concello da Coruña e materializada pola Academia, que naceu coa intención de crear un apoio á industria a través do desenvolvemento de proxectos e da dinamización dos nosos recursos, tanto técnicos como humanos, co fin de xerar emprego no sector. Atendeu máis de 70 proxectos desde a súa apertura, entre asesorías, tramitación de permisos e consultas. Se ben é unha valoración en positivo, temos pendente o traballo de posicionar Galicia como lugar de rodaxe. O audiovisual galego e o seu talento están nun bo momento, agora debemos poñer en valor ese talento para atraer novos proxectos.

Parece que hai acordo en que o sector está a vivir un bo momento en Galicia. Pero que cousas quedan por mellorar?

Como dicía, o valor máis preciado que temos en Galicia é o talento, e debe ser premiado desde as institucións nas axudas a proxectos. Os momentos de crises fixeron medrar as produtoras, moitas buscaron saída tentando producir desde aquí cara a fóra, con moi bos resultados. Os tempos e maneiras de consumir audiovisual están cambiando, e esa timidez e zona de confort na nosa maneira de producir tamén está a mudar. O noso audiovisual estase a posicionar nos pitchings, nos mercados, nas plataformas, búscanse novos modelos de financiación, estamos abertos á coprodución e é un bo camiño. Hai uns anos nos mercados buscabas darte a coñecer, hoxe o noso talento é exportable, xa nos buscan. Fáltanos crer na nosa marca, pero para vendela debemos unir o sector. Debemos ter presente que os novos sistemas de explotación abren un novo camiño na produción. Demostramos que sabemos producir, agora temos que posicionarnos.

Anteriores directivas puñan o foco en retos a mellorar como a igualdade de xénero, ou a precariedade do sector. Seguen sendo prioridades? Como se poden abordar estes problemas desde unha asociación profesional como é a Academia?

Segue a ser unha prioridade. Tras publicar o decálogo seguimos a traballar na igualdade mantendo aberta unha comisión. O primeiro paso foi facer análise dentro da propia Academia, aplicando o decálogo tanto na nosa documentación como na comunicación. En todas as actividades impulsadas pola Academia faise unha valoración previa que confirme que estamos a cumprir, é importante dar exemplo. O informe que vén de publicar o Consello da Cultura Galega, impulsado pola Academia xunto con outras asociación do sector, vén corroborar esta situación sociolaboral das traballadoras nos sectores do audiovisual e nas artes escénicas. O informe sentencia falta de conciliación, e as mulleres ocupan menos postos de responsabilidade e cobran menos. Agora mesmo na Academia estamos a traballar en abordar o problema en positivo, desde a educación e formación, e sobre todo tentando de non culpabilizar. A igualdade real debe ser entendida, non imposta. Todos estamos a aprender neste tema.

  «(Mudar os Mestre Mateo) é un amplo debate que temos presente, mais non se poden facer cambios á lixeira. Trátase de poder premiar e valorar os traballos con igualdade dentro da súa categoría, temos moi bos traballos que merecen recoñecemento, e cada vez temos máis nivel.»

No que respecta á interlocución con outras entidades, tanto asociacións profesionais dentro de Galicia, Academias audiovisuais doutros territorios ou institucións dedicadas ao audiovisual, que lugar ocupa a AGA e como se desenvolven as distintas colaboracións?

Recoñezo que nese sentido temos moito traballo por diante. A labor das asociacións do sector como CREA, AGAG ou a AAAG, por poñer algún exemplo, merece un aplauso, pois todas as actividades que levan a cabo son abertas e promoven compartir e crear sinerxias dentro do sector. Igual que as actividades do CLAG ou de Agapi. Gustaríame poder facer máis actividades en conxunto. Desde a formación da directiva estamos levando a cabo reunións coas institucións co único fin de compartir e conciliar intereses, desexos e inquedanzas e está a ser moi positivo, pero debe ser un diálogo reiterativo. En relación ás demais Academias audiovisuais, xa se fixeron dous encontros a nivel estatal, na Coruña e en Zaragoza, e está a ser moi positivo o acordo coa Academia Portuguesa.

Estades satisfeitos co crecemento do número de socios? E coa súa participación?

A día de hoxe, en 2019, houbo 38 altas e 28 baixas. O total de académicos son 382. Por suposto gustaríanos que medrase a comunidade, pero si que estamos a notar unha maior participación nas actividades e á hora de achegar opinión. A min gústanme as críticas, pois son a mellor maneira de decatarse dos erros e intentar emendalos. Intentamos mellorar a comunicación cos nosos socios, e tamén invitalos a esa participación. Os académicos son os que deben construír a Academia, as directivas deben ser unha guía.

Como tratarías de convencer a profesionais que aínda non están asociados para que se asocien?

O camiño correcto é traballar en construír unha Academia que sexa un referente do que formar parte, que faga logros por si mesma. Iso conséguese con feitos, non con palabras. Prefiro pensar en facer proxectos que conviden a participar, creo que é mellor que convencer.