Andrea Vázquez. Inocencia e coraxe para producir ‘O que arde’

Texto: María Yáñez.  Fotos: Tamara de la Fuente

A pesar do logro histórico de acadar máis de 65.000 espectadores con O que arde, e da gran exposición mediática do seu director, Óliver Laxe, pouca xente coñece a produtora detrás deste éxito, a persoa que levantou a película desde unha empresa de producción minúscula, Miramemira. Andrea Vázquez (Vigo, 1981) fundou esta produtora hai xa 13 anos para traballar en audiovisual relacionado coa arte contemporánea é un caso atípico no sector, xusto o que un filme tan especial e complexo como O que arde precisaba.


Fálanos un pouco da traxectoria de Miramemira antes de chegar á produción de O que arde.

Comezamos no 2006, logo de que Damián Varela e mais eu nos coñeceramos estudando cine en Vigo. Sempre tiveramos inquedanzas de facer algúns traballos, curtas e así. Cando empezamos coa empresa eu levaba un tempo estudando Historia da Arte, e a partir dos contactos que fixera comezamos a traballar facendo audiovisuais para exposicións, colaborando co CGAC, a Cidade da Cultura ou a Fundación Granell. Tamén faciamos vídeos para artes escénicas, desde Rut Balvís e Pisando Ovos ata Voadora. Estas foron as nosas vías de traballo desde que empezamos, e sentímonos afortunados de manternos a flote durante máis dunha década facendo este tipo de traballo. Ata que chegou Óliver.

E como vos metedes nesta aventura? É a primeira longametraxe que facedes?

O meu socio Damián si que se adentrara a facer traballos máis autorais que tiñan que ver con videodanza e artes do movemento. Tamén tiñamos un pé metido nalgúns proxectos de ficción e documental, como o que realizamos sobre o fotógrafo Baldomero Pestana. Pero sempre era no ámbito artístico ou de museos. O proxecto de O que arde chegou a través de Analía G. Alonso, que nos dixo que Óliver Laxe estaba a buscar produtores en Galicia para unha película que ía facer aquí. Analía traballaba en produción pero non tiña daquela produtora, e Óliver queria tela de aliada para compartir o traballo coa empresa que se sumase ao proxecto. E ela comentoumo a min. Eu non estaba segura, nunca producira nin unha curtametraxe nin nada así. O meu campo era máis o da edición e a realización.

A nosa primeira reunión con Óliver foi por videoconferencia, el estaba en Irán, o son cortábase todo o tempo e entendiamos frases soltas. El tiña un guión moi primixenio dunha peli que quería rodar nos Ancares, na casa da súa nai. Dicíanos que quería filmar o lume dun incendio. Non nos contou moito máis, pero co poder de comunicación e de sedución que ten, con ese par de frases soltas meteunos no proxecto. Tivemos dúbidas, claro, de se meternos ou non, pero tendo unha oportunidade así pareceume que era estúpido non probar. E con moita inocencia e ilusión acabamos embarcándonos.

Por que cres que vos elixiu a vós?

Xurdiu de xeito bastante natural, non sei se falou con máis xente ou non. Pero tampouco foi para nada algo azaroso. Óliver sabía moi ben o que facía e a idea de traballar cunha produtora que non tivese experiencia previa adecuábase ao que buscaba: el podía dalgun xeito esculpir o produtor que precisaba para esta película. E así foi: eu de entrada nunca puña unha negativa nin os límites claros porque os descoñecía. Con toda a inocencia e ilusión exploraba sempre todas as posibilidades antes de dicir un non. E isto era importante para a película. Non viña con determinados pilotos automáticos que cando xa tes máis experiencia se activan por inercia para determinar o que se pode facer e o que non. Agora vexo esa inocencia e hai moitas cousas que faría doutro xeito, pero naquel momento era necesaria.

 

 

Cales foron os principais retos á hora de abordar a produción desta película?

A película é moi complexa de principio a fin. Filmamos en 16 mm, en zonas de montaña con difícil acceso e con clima adverso. Cando filmas en celuloide os seguros pídenche que envíes os rolos ao laboratorio cada dous días, a loxística dos envios é importante e facelo desde alí non era nada doado. Logo a rodaxe fíxose en catro tramos en dous anos, co cal tivemos que cambiar de equipo varias veces e houbo que comezar de cero en varias ocasións. Outras dificultades: a secuencia inicial dos eucaliptos, para a que tivemos que crear un plan de prevención de riscos laborais único; tivemos que traballar con animais, tivemos que traballar con actores non profesionais… ainda que debo dicir que iso non me pareceu tan complexo. En fin, todas estas complexidades que se cadra outra persoa que leva máis producións enriba pode ver con reticencias e con medos lóxicos, nós afrontabámolas con excitación, coma se fose o máis normal do mundo. Por exemplo, iamos á Consellaría do Medio Rural a pedir cousas que non eran nada habituais, pero como nos vían tan confiados non puñan problema. Así fomos quen de sacar todo adiante.

No que atinxe á busca de financiamento, nunha primeira parte si que fomos moi herdeiros de todo o traballo que acadara antes Óliver e Zeitun Films con Mimosas: os primeiros pasos a dar para conseguir as axudas de Agadic ou a participación da TVG foron máis doados polo nome e o currículo de Óliver, así como a parte internacional á hora de conseguir a coprodución francesa. Logo nun momento dado as matemáticas fixéronse máis complexas coa coprodución e foi cando falamos con Xavi Font, que ademais de estar vinculado ao cinema como compositor e produtor musical, tiña todo este pasado como director de banco e facilidade cos números. Así empezou como director financeiro da película, para acabar sendo produtor executivo. O seu rol requería unha mente moi boa coas finanzas pero tamén esa sensibilidade artística que el ten.

Cal foi a parte do traballo que máis gozaches?

Aínda estamos rematando, preciso pechar todo o círculo para facer unha reflexión máis profunda do que foi toda esta experiencia de tres anos. Pero lembro con moito cariño a primeira parte, cando estaba todo por facer, as primeiras viaxes con Óliver para coñecer os Ancares, a casa da nai, os veciños, os animais, como cociñaban, como se movían… toda esa primeira parte na que ves como se vai cociñando o guión, que cousas entran e cales non, e por suposto o casting, coñecer a Amador e a Benedicta. Logo a rodaxe é moi emocionante porque todo isto no que traballaches empeza a materializarse e a coller vida.

«Óliver sabía moi ben o que facía e a idea de traballar cunha produtora que non tivese experiencia previa adecuábase ao que buscaba: el podía dalgun xeito esculpir o produtor que precisaba para esta película.»

A gravación das secuencias do lume e ter estado alí é algo que me queda como experiencia de vida. Imaxina, fomos oito persoas, no verán de 2017. Queriamos filmar lume real e as brigadas aceptaron que fosemos a condición de que pasásemos as mesmas probas ca eles. Primeiro tivemos que facer as probas físicas e médicas e despois fixemos un curso que nos deron alí os mesmos brigadistas. O día que chegamos cando xa había lume, era de día aínda e era todo fume, non podiamos ver nada. E de repente vimos unha motobomba calcinada, daquela pensamos “onde nos estamos metendo”. É o que dicía da inocencia, fíaste mais da excitación de estar na película que dos posibles riscos ou consecuencias. Agora vexo o resultado e valoro esa parte do traballo que consiste en saber manexar o medo.

E a principal aprendizaxe?

Traballar con Óliver é unha experiencia intensa. É unha persoa que non admite moi ben as limitacións, isto fai que ti tamén te cuestiones as tuas propias posibilidades. Lévate moito ao límite. Tamén grazas a isto coñecín partes da miña persoa que tiña máis acomodadas. Pola parte profesional a aprendizaxe foi inmensa. Eu comecei a traballar moi nova, estudei algo cine pero tampouco nunha gran escola, sempre tivera a espiña cravada de non facer estudos máis avanzados e agora tiven a oportunidade de facer ese master en cine que non tivera.

A experiencia de ir a mercados e a festivais tamén era nova para vós.

Como produtora si, o primeiro ao que asistín foi Cinemart en Rotterdam, foi complicado porque era a primeira vez e vas en desvantaxe porque non coñeces a ninguén, teñen que presentarche a xente de cero, falar en distintos idiomas… e tamén tes que interiorizar a película para presentala e vendela, foi un reto importante. Pouco a pouco vas coñecendo máis xente e tamén buscando unha maneira propia de falar da peli e de atopar o teu sitio, de ver onde comeza e remata o teu traballo. E logo todo o demais veu da man de Óliver, el xa tiña moitísimos contactos e fomos aos mercados moi reforzados.

Como estades vivindo o éxito da película? Que vos produce máis satisfacción?

O éxito persoalmente estouno vivindo de maneira bastante tranquila. Se cadra por esa inocencia sempre vin isto como unha posibilidade, vin que sería unha película grande desde o principio. Logo cando coñeces máis o medio ves a dificultade de chegar ata aquí, chegar ás salas, enchelas… O máis satisfactorio é sobre todo ver como recibe a película a xente e como a fai súa unha obra que levas cociñando durante anos. Que se sinta identificada, tanto a xente de aquí como de fóra, que sintan que é unha película que trascende.

Gañastes cartos?

Pois mira, aínda non. É que os produtores sempre cobramos ao final, hai que facer as contas. As cifras de publico en salas están a ser moi importantes para un filme coma este, pero entre coprodutores, distribuidores e demais o pastel repártese bastante. Temos aínda que pechar o círculo para poder entender todo o que é a produción e o que conleva facela. De todas maneiras, aínda con toda a repercusión e toda a asistencia de público, do cine vívese moi xusto. Se calculas todo traballo, o tempo, a implicación e os riscos, o balance é moi axustado neste tipo de películas, mesmo cun caso de éxito. Avaliarémolo dentro duns meses, pero o que vou intuindo é así.

«Moita xente da comarca dos Ancares colaborou de xeito natural porque eran veciños de Óliver. Que o filme teña este impacto no territorio, facer un deseño de produción pensando no lugar é beneficioso para todo o mundo. E non só desde o impacto económico, penso tamén no impacto emocional.»

Que proxectos tedes agora en marcha?

O proxecto máis inmediato chámase San Simón, e é unha longametraxe sobre a illa do mesmo nome e o seu pasado como prisión franquista e campo de concentración. O director é o manchego Miguel Angel Delgado e coproducimos coa súa empresa Morelli Producciones, que está en Madrid. Como produtora teñen unha traxectoria moi similar á de Miramemira, veñen do ámbito cultural e expositivo e esta vai ser a súa primeira longa de ficción.

Que tipo de produtora vos gustaría ser no futuro?

Aínda precisamos algo de tempo e distancia, pechar a experiencia de O que arde para ver cara a onde imos. Preferimos ir paso a paso. A realidade dunha produtora pequena como a nosa é que sempre tes que compaxinar, sacas unha película cada dous ou tres anos e vala combinando coa parte de audiovisuais máis promocionais no ámbito da cultura. En cine os proxectos que nos vexo producindo son deste tipo, que requiren investigación, que beben do real, que teñen un perfil autoral e pero non é un cine ensimesmado. E tamén que teñan esa parte autoral na propia produción, unha produción que se adapta a que os intereses creativos do proxecto vaian por diante.

Que camiños cres que abre o éxito de O que arde para outras películas galegas?

O que deberiamos facer é seguirnos esforzando para manter ese público que foi ver O que arde, non deixalo marchar. Iso é un traballo común: desde as produtoras, desde a distribución e tamén desde as salas. Temos salas que se están implicando e dunha maneira moi valente están poñendo toda a enerxía en proxectar películas galegas. Logo está a implicación dos equipos en acompañar os filmes. Parte do éxito de O que arde é que Óliver Laxe foi a moitos sitios presentar a proxección: hai que facer bolos, gañar a sala, facer do cinema un encontro para a reflexión. Á xente gústalle iso e quere participar. Nalgún coloquio estivemos dúas horas, nos Norte de Vigo estivemos ata a unha da mañá, tivéronnos que botar. Iso demostra que a xente quere facer a película súa. En canto á produción, hai que ver tamén o potencial e a materia prima que temos aquí: outro dos éxitos de O que arde foi atopar a Benedicta e Amador, que son dous diamantes en bruto. Aquí temos desde persoas reais coma eles ata contornas e paisaxes incribles onde podemos contar historias persoais que, como se ve, chegan ao público.

Logo está o impacto que filmes como o voso poden deixar no territorio. En O que arde houbo grande implicación das veciñas e veciños.

O noso caso foi moi especial, moita xente da comarca colaborou no filme de maneira natural, porque son os veciños de Óliver. E boa parte do equipo levabamos case un ano indo moito aos Ancares a localizar. Cando nos puxemos a rodar coñecíanos todo o mundo, non é chegar un día coa orquestra e colonizar o espazo: moita xente do equipo era de alí, dende o electricista ata o cátering, moitos figurantes… Que o filme teña este impacto no territorio, facer un deseño de produción pensando no lugar é beneficioso para todo o mundo. E non só desde o impacto económico, penso tamén no impacto emocional, que logo se ve reflectido, por exemplo, na preestrea que fixemos en Navia de Suarna. Achegáronse máis de mil persoas da comarca a vela. Foi todo un acontecemento para unha zona que estaba moi abandonada, coa sensación de que nunca ninguén miraba para eles. Tiñan un subidón e un orgullo moi grandes, porque consideraban que a película era súa, e esa é unha das maiores alegrías que nos deixa esta experiencia.

Andrea Vázquez no local da súa produtora Miramemira, en Santiago de Compostela.