Na procura dun pacto de Estado polo cinema na educación

 

É unha vella demanda do sector educativo, da cultura, do audiovisual. Nunha época na que se producen e consomen máis imaxes en movemento que nunca, hai un burato nas aulas que fai saltar da literatura ás canles de Youtube sen coñecer polo medio a arte na que se basea a cultura audiovisual que coñecemos: o cinema.

 


A formación dos espectadores, da ollada crítica, do coñecer e practicar a linguaxe audiovisual, son necesidades que levan anos enriba da mesa, con diversas iniciativas que tratan de traballar neste sentido, case sempre fóra dos currículos oficiais. Mais parece que hai avances, e no ámbito español é a Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas de España quen se puxo a liderar desde o ano pasado a iniciativa que persegue un Pacto de Estado polo cinema e a educación, poñendo ademais ao servizo dos distintos axentes implicados materiais e ferramantas para traballar o cine español nas aulas.

Con esta iniciativa a Academia española desexa “encauzar un interese social que xa era patente tanto na profesión audiovisual coma no mundo educativo que, en común ou por separado, veñen traballando desde hai tempo para que o cine adquira nas aulas a relevancia que merece como patrimonio cultural indiscutible nunha sociedade inmersa na linguaxe audiovisual”. Porque o certo é que as iniciativas xurdidas neste ámbito son moi numerosas, están impulsadas desde diversas plataformas e organizacións e teñen programas dirixidos a todos os niveis educativos. Pero funcionan por libre e están bastante dispersas, así que unha das primeiras accións da Academia foi crear unha listaxe destas iniciativas, para saber que é o que se está a facer xa en distintos territorios do Estado.

Outro dos proxectos que puxo en marcha a Academia con esta finalidade é o libro Cine y Educación, no que colaboraron numerosas persoas do sector audiovisual e do pedagóxico, e que quere ser un documento marco para impulsar a implantación de plans de alfabetización audiovisual no sistema educativo non universitario.

Nesta publicación a Academia formula tres propostas básicas. Primeiro, que as autoridades educativas determinen unhas “liñas mestras” de actuación que sirvan como “marco xeral” a partir do que cada Comunidade Autónoma e cada centro poidan establecer a súa propia dinámica. En segundo lugar, a elaboración dun “Libro Blanco sobre a Educación Audiovisual en España” (do que o libro como documento marco pode ser o xermolo), que recolla as iniciativas existentes e estableza, no posible, criterios comúns. E, en terceiro lugar, que se poñan en marcha as accións necesarias co fin de chegar a un “Pacto de Estado” cos diversos grupos políticos para a definitiva introdución do ensino audiovisual na regulación educativa.

Para non partir de cero o libro debulla a lexislación española nesta materia a partir da LOMCE pero sobre todo fai unha análise de como se está a aplicar nas distintas comunidades autónomas, que teñen a competencia á hora de deseñar e implantar os currículos educativos. Ademais de avaliar a súa presenza téñense en conta as distintas funcións que pode ter o cine nas aulas, agrupadas en torno a catro eixos: o cine como recurso de soporte educativo, a análise crítica do audiovisual, a produción propia de cine e o estudo do cine como medio ou forma de arte. Propóñense exemplos de como se pode traballar co cine en distintas materias e niveis, e tamén se analizan os recursos de formación do profesorado que pon a disposición cada comunidade autónoma para a alfabetización audiovisual.

Como anexo o libro Cine y educación recolle unha listaxe de películas españolas (longametraxes e curtametraxes) adecuadas aos diversos tramos escolares. Na selección procurouse que os filmes elixidos estean respaldados, en primeiro lugar, por un criterio de calidade cinematográfica e, ao mesmo tempo, que respondan a obxectivos pedagóxicos, adecuándose ás etapas educativas correspondentes coa finalidade de favorecer unha lectura creativa, analítica e crítica. Mais tamén se tiveron en conta outros criterios, como o valor patrimonial e histórico das películas (tentando facer unha pequena historia do cine español cronoloxicamente falando), e tamén que sexan atractivas a ollos do alumnado para xerar motivación e gozo no seu visionado.

Entre os filmes galegos suxeridos nesta listaxe atopamos títulos como O xigante e A tropa de trapo na selva do arco da vella (Educación infantil de 3 a 6 anos),  A flor máis grande do mundo, Peixes e O bosque animado (Educación Primaria de 6 a 8 anos) ou Un conto para Olivia (Educación Primaria de 10 a 12 anos), e para Educación Secundaria A lingua das bolboretas (1º ESO), Un franco, 14 pesetas (2º ESO), Engurras (3º ESO) ou Os luns ao sol (1º Bacharelato).


Europa: a alfabetización mediática como prioridade

Nos últimos anos a política de apoio ao sector audiovisual da Comisión Europea ten dúas liñas estratéxicas: a distribución dixital e a alfabetización mediática, entendendo por esta última “a capacidade de acceso, comprensión, creación e avaliación crítica dos distintos medios de comunicación”.

A necesidade destas políticas chega “ante a rápida implantación das tecnoloxías dixitais e o seu crecente uso no ámbito empresarial, educativo e cultural” polo que “é importante asegurar que todo o mundo comprenda e poida participar nos medios de comunicación dixitais”. Neste sentido, a Comisión Europea entende que “a alfabetización mediática é esencial para o crecemento económico e a creación de emprego” ao tempo que manifesta a necesidade de protexer a propiedade intelectual.

Dentro destas directrices xerais a alfabetización cinematográfica ou film literacy é un foco moi importante, xa que o cine xoga un papel fundamental na construción das identidades europeas. Como dixo no seu día Win Wenders, presidente da Academia do Cinema Europeo,  “unha audiencia que teña aínda que sexa un vago coñecemento da historia e da riqueza do cinema europero será quen de elixir de maneira distinta, de tomar outras decisións sobre o que quere consumir. O gusto ten que ensinarse!”.

Compartindo esta vontade, a Comisión Europea introduciu en 2014 no programa Europa Creativa MEDIA unha liña de apoio para proxectos de Film education:  actividades dirixidas a promover a alfabetización cinematográfica e a aumentar o coñecemento e interese das audiencias nas obras audiovisuais europeas, incluíndo o patrimonio audiovisual e cinematográfico, e en particular entre os públicos novos.

A convocatoria do vindeiro ano está aberta ata marzo de 2020 e diríxese a proxectos que faciliten mecanismos para a mellor cooperación entre iniciativas de educación cinematográfica en Europa de xeito que se mellore a súa eficiencia, a súa dimensión europea e a súa innovación usando ferramentas dixitais. A audiencia á que se dirixan estas iniciativas debe ser menor de 19 anos. Tamén se apoiarán proxectos que melloren a contribución á educación das película europeas e outros traballos audivisuais, incluídos catálogos de filmes.

Ademais disto, a Comisión Europea promoveu varios estudos sobre cine e educación que amosaban unha gran cantidade de actividades independentes en Europa neste sentido, pero tamén que é unha materia que aínda non está recoñecida nin nos currículos educativos nin nas políticas de educación dos distintos países. Estes estudos recomendaban unha cooperación máis estreita entre a industria cinematográfica e as institucións educativas.

Nese marco europeo é onde agrupacións sectoriais como as Academias de cine queren ofrecerse como interlocutor e ferramenta de traballo, tal e como comentaban no encontro organizado pola Academia Galega do Audovisual hai dous anos e que se recolleu nos Papeis da Academia de 2017.

Pola súa banda a EFAD, asociación das axencias de cine europeas (por España participa o ICAA) tamén ten un grupo de traballo en cine e educación para compartir estratexias e boas prácticas en torno a este tema. Na súa web podemos atopar varios recursos sobre distintos informes e directrices europeas que están a marcar o camiño polo que toda Europa, pasiño a paso, parece querer avanzar.