Fiestra: unha plataforma para educar en valores con curtametraxes galegas

Un dos proxectos máis importantes que a Academia lanzará en 2020 é Fiestra, unha plataforma online para que os docentes usen distintas curtametraxes galegas para a educación en valores. Falamos con Álvaro Dosil, responsable da selección e dos materiais didácticos que o profesorado galego poderá usar a través desta ferramenta.

Será antes de que remate este curso escolar cando se abra a Fiestra, que funcionará con acceso mediante unha suscrición de pago para calquera centro educativo. Con este acceso o profesorado poderá entrar e seleccionar entre os distintos proxectos de intervención pedagóxica a partir de curtametraxes de creadores galegos. A Academia leva meses traballando neste proxecto, para o que lle encargou a selección final dos filmes, así como as súas correspondentes guías para alumnado e docentes a Álvaro Dosil, pedagogo e especialista no cine e nas artes como ámbito de educación.

Como investigador Dosil pertence ao grupo Terceira Xeración, da facultade de Ciencias da Educación da USC, dirixido polo catedrático José Manuel Touriñán, quen desenvolveu unha formulación de como se pode desde unha área cultural (ciencia, lingua, artes) construír unha área de coñecemento no ámbito da educación. Trátase de crear unha especialización da pedagoxía xeral á pedagoxía aplicada a partir de disciplinas como o cine, a música, arquitectura… No caso de Dosil a súa experiencia colaborando co festival Curtocircuíto axudoulle a decantarse polas artes e en concreto polo cine como ferramenta para a a educación en valores.

É a primeira vez que desde o ámbito académico vemos como os estudosos da Pedagoxía participan activamente nun proxecto destas características que usa o cine para educar en valores, levando a práctica o marco teórico sobre o que eles traballan. E que quere dicir exactamente ‘educación en valores’?  “Ás veces é un concepto que xera certa suspicacia ou controversia”, explica Álvaro Dosil: “hai quen de entrada pensa que podemos falar de valores doutrinarios ou relixiosos, mais para nós a educación en valores é todo o que o ser humano valora como positivo para a formación das xeracións presentes e vindeiras”.

“A Academia está facendo un traballo que desde a Pedagoxía non se estaba a facer (…) No mundo da educación vivimos aínda moi instalados na cultura do libro”

A función de Dosil no proxecto Fiestra é a asesoría pedagóxica, que consiste en establecer un marco teórico no que se vai desenvolver a acción educativa, establecer criterios para valorar as obras, analizalas para determinar unhas temáticas sobre as que traballar, e a partir desas temáticas facer unhas guías pedagóxicas para estudantes e tamén para docentes. “Formúlanse temas comúns como liberdade, xustiza, equidade, tolerancia, desenvolvemento sostible… e a partir deses temas preparamos intervencións pedagóxicas adaptadas a distintas idades, que por agora abranguen desde 5º de primaria ata 4º de secundaria”, expón.

Estas guías están organizadas por temas, de xeito que se un docente busca o tema co que quere traballar, por exemplo igualdade, saen unha serie de obras que tocan eses temas. Dentro de cada obra temos o visionado, a ficha técnica, información que permita coñecer mellor as obras e os autores, e despois temos a intervención pedagóxica proposta segundo a idade do alumnado. A intervención comeza cun momento inicial de contextualizacion: “por exemplo, se se trata o tema da igualdade, hai unha hipótese cero na que se trata de que os alumnos falen do tema antes de ver a pellicula. Logo faise o visionado e despois abórdase a temática a partir de diálogos ou escenas concretas das películas, para debater na clase”, explica Dosil, que engade que, máis alá do tema en si, “hai moitas cuestións logo que se poden tratar a nivel cognitivo, a nivel afectivo, a nivel creativo… que están implícitas no noso traballo e que parten de que lles fagamos pensar aos alumnos e facilitemos que teñan debates entre eles”.

Polo de agora non se achegan outras visións sobre a película desde o punto de vista artístico. Dosil explica que “é unha intención que existe pero, sendo un proxecto piloto, priorizouse polo de agora a primeira parte dos valores comúns. Máis adiante a idea é adentrarnos tamén nos valores específicos, os do cine como fenómeno artístico e de creación do ser humano”. O ámbito idóneo para traballar con estas intervencións pedagóxicas sería nas aulas de filosofía e nas titorías, é dicir, por agora non están adscritas a unha materia curricular concreta. O obxectivo con estes materiais de traballo é “poñérllelo moi facil aos docentes para que teñan a motivación de traballar cos filmes na clase, porque se hai unha complexidade de inicio e require moito tempo extra do profesorado é máis difícil que participen”.

 

Unha ferramenta que xorde do diálogo cos docentes

O xermolo da idea de levar acabo o proxecto Fiestra naceu dos encontros de docentes de audiovisual de Galicia que organizou a Academia o pasado ano. Aí moitos deles apuntaban a necesidade de ter este material para traballar con filmes galegos na aulas. Indica Álvaro Dosil que “algunha pequena iniciativa había para levar os nenos aos cines, pero moitas veces pensas que con ver a película está o traballo feito e non é así, os docentes precisan ferramentas para traballar cos filmes a partir do visionado”. Neste sentido, considera que “a Academia está facendo un traballo que desde a Pedagoxía non se estaba a facer, na miña facultade por exemplo sempre os temas relacionados co cine se tratan dentro de innovación pedagóxica, cando o cine de innovador xa ten pouco. Supoño que parte desa concepción do cine como entretemento, como un instrumento lúdico. No mundo da educación vivimos aínda moi instalados na cultura do libro”.

Así como o diálogo cos docentes foi fundamental para poñer en marcha o proxecto, a súa participación será imprescinbile para levalo a cabo e ilo avaliando nesta primeira fase: “para facer esta avaliación o ideal é que os propios profesores, os que máis se impliquen na tarefa, sexan os que compartan a súa experiencia e nos informen de como funcionou o proxecto, as guías e as películas entre o alumnado. É fundamental ter o seu feedback porque moitas veces no ámbito académico si que estamos algo afastados do terreo, do día a día das aulas”, explica o pedagogo, engadindo que “tamén me gustarían convocar un grupo de expertos nas teorías educativas nas que se baseou esta plataforma, para ir contrastando teoría e práctica con uns e con outros. De todos xeitos o importante é integrar os profesores, facelos particicipes, deles vai depender que a plataforma teña éxito ou non”.

 

Un catálogo feito con criterios educativos

A selección de pezas que forman parte desta primeira fase de Fiestra conta de momento con dez pezas, todas galegas, non necesariamente faladas na nosa lingua. O catálogo irá crecendo pouco a pouco e incluíndo máis obras cada ano. Entre as que máis lle sorprenderon a Álvaro Dosil, que fixo a selección e valoración final a partir da criba primeira que fixeran os programadores Jorge Rivero e Marcos Nine, está Cousas do Kuleshov, de Susana Rey: “Mentres a vía non paraba de anotar cuestións das que falar cos rapaces, é máis pertinente que nunca agora con todo o que se fala da manipulación dos medios e da postverdade. Ademais esta curtametraxe, que foi dos filmes galegos máis premiados da pasada década, estaba bastante esquecida, co cal Fiestra tamén é unha oportunidade para rescatar e recoñecer obras fundamentais do noso audiovisual”.

Así pois, tamén son importantes os valores patrimoniais e de proximidade que o noso cinema lle pode achegar ao estudantado: “Posiblemente neste programa para moitos sexa a primeira vez que ven unha curtametraxe galega, próxima a eles. Todo o contido da tele e das plataformas está moi estandarizado, ten pouco que ver coa súa realidade.  Xa só con ensinarlles que hai películas na súa lingua estámoslles dando a oportunidade de entender que é válida nunha arte coma o cine”, remarca Dosil.