Federico Jusid e Lucio Godoy na Semana das Músicas do Audiovisual

Federico Jusid e Lucio Godoy na Semana das Músicas do Audiovisual

A finais de novembro celebrouse a cuarta edición da Semana das Músicas do Audiovisual (SEMUA), o festival organizado pola Academia Galega do Audiovisual co apoio do Concello da Coruña, a Orquesta Sinfónica de Galicia e a Banda Municipal de Música da Coruña que lles dá protagonismo ás músicas para cine, televisión e outros medios audiovisuais.

Fotos: Aigi Boga


De novo baixo a dirección artística do compositor e socio da Academia Nani García, o programa desta cuarta edición dedicoulle unha especial atención á figura do pianista e compositor arxentino Federico Jusid, quen compuxo a banda sonora para máis de sesenta películas e máis de trinta series de televisión de todo o mundo, entre as que destacan títulos tan célebres como El secreto de sus ojos, Gran Reserva, Loving Pablo, Fariña, Bajo sospecha, La vida inesperada, Misconduct ou a saga Isabel, Carlos Rey Emperador e La corona partida, pola que obtivo tres premios internacionais Film Music Critics. En 2016 foi distinguido como Compositor do Ano pola Asociación de Críticos de Música de España.

Jusid estivo presente na SEMUA para dirixir a Orquesta Sinfónica de Galicia no Teatro Colón, nun programa no que se presentaron algunhas das súas partituras máis coñecidas, xunto con outras de compositores galegos como Manu Riveiro ou Pablo Barreiro, autor da música orixinal de Sempre Xonxa. O mítico filme de Chano Piñeiro cumpriu a finais deste 2019 30 anos da súa estrea, e o propio Pablo Barreiro escribiu este artigo sobre como se puxo en marcha este filme desde a súa experiencia como músico, sendo ademais amigo e veciño do cineasta de Forcarei.

Ademais, na Semana das Músicas do Audiovisual a formación volveu ser protagonista, cun obradoiro impartido polo compositor e produtor musical hispanoarxentino Lucio Godoy, autor das bandas sonoras de máis de 30 longametraxes, varias delas coproducións galegas como Heroína, Os luns ao sol, O lápis do carpinteiro ou Os aires difíciles. Nesta masterclass, titulada ‘O proceso creativo nas bandas sonoras para cine e televisión’, exploráronse as distintas fases que se percorren dende o silencio musical ata a banda sonora definitiva, a través de exemplos prácticos con composicións do propio Godoy.

Tamén se levaron a cabo no marco da SEMUA varios concertos da Banda Municipal de Música da Coruña, dirixida por Pablo Fiuza. O Teatro Colón acolleu estes concertos, dedicados á obra de Carmelo Bernaola, nunha sesión para público familiar e dúas para os centros educativos da cidade.


‘As partes dun todo’. Crear vida diante da cámara

‘As partes dun todo’. Crear vida diante da cámara

A Oficina de Cooperación Audiovisual (ACO), en colaboración coa AGA organizou o obradoiro ‘As partes dun todo’, no que o director Jorge Coira lles ensinou a intérpretes, guionistas e directores/as como poñer en común en conectar estas tres patas fundamentais en toda obra audiovisual.

 

Así, durante a fin de semana do 5 e 6 de outubro as vinte persoas asistentes puideron comprender e afondar nas necesidades de cada unha destas funcións esenciais, coa vista posta nun aspecto que é da máxima importancia nunha rodaxe, e que con frecuencia queda esquecido na voráxine da produción. Tal como o expresa Coira, “que haxa vida diante da cámara”.

Os actores e actrices tiveron a oportunidade de confrontar os problemas cos que se atopan á hora de relacionarse con directoras e directores e ter unha percepción directa de como é recibido o seu traballo por parte de quen escribiu os textos.

Os guionistas puidéronse poñer na pel de actores e directores e compartir unha visión directa de cales son os elementos no guión que axudan ou obstaculizan á hora de montar as escenas.

E os directores e directoras puideron afondar en conceptos esenciais da dirección de actores (e poñelos en práctica), así como confrontar con uns e outros os problemas fundamentais no proceso de crear unha obra audiovisual interesante, emocionante e, sobre todo, viva.

Foto: Tamara de la Fuente

Estreitando a colaboración coa Academia Portuguesa

Estreitando a colaboración coa Academia Portuguesa

 

A finais de setembro unha delegación da Academia Portuguesa das Artes e Ciências Cinematográficas visitou A Coruña para asinar un convenio de colaboración coa Academia Galega do Audiovisual. As dúas academias pretenden avanzar así nas relacións de cooperación entre Galicia e Portugal no eido cultural, colaborar en actividades que sirvan para apoiar e visibilizar o traballo dos profesionais do sector e propiciar o coñecemento mutuo.

A delegación portuguesa estivo constituída por Paulo Trancoso, presidente da Academia Portuguesa das Artes e Ciências Cinematográficas, o seu coordinador de proxectos, Diogo Camões, e mais o cineasta Miguel Gonçalves Mendes. Despois de que o Centro Ágora da Coruña acollera a sinatura do convenio entre os presidentes das dúas institucións, a delegación foi recibida polo concelleiro de Cultura da cidade, Jesús Celemín.

Foto: Tamara de la Fuente

As dúas xornadas remataron con dúas proxeccións no CGAI-Filmoteca de Galicia dos filmes recoñecidos como Mellor Longametraxe e Mellor Longametraxe Documental nos Premios Sophia 2019.

O 24 de setembro Paulo Trancoso e a presidenta da AGA, Ana Míguez, presentaron a proxección de Raiva, a gañadora absoluta da pasada edición, un filme de Sergio Tréfaut que levou o Sophia á mellor longametraxe, actriz protagonista, actor protagonista e secundario, guión adaptado e dirección de fotografía. Trátase dunha adaptación dun clásico da literatura portuguesa, Seara de Vento, de Manuel da Fonseca, ambientada no Alentejo de 1950.

Foto: Tamara de la Fuente

O día seguinte o CGAI acolleu a proxección da película gañadora do premio á mellor longametraxe documental, Labirinto da saudade. A sesión, que repetiu o éxito de público da xornada anterior, foi presentada por Sonia Méndez, membro da directiva da Academia e polo director da película, Miguel Gonçalves Mendes, que tamén particiaron nun coloquio coas persoas asistentes posterior á proxección.

Esta colaboración é posible grazas ao apoio do Concello da Coruña, o Instituto Camões e a colaboración do CGAI-Filmoteca de Galicia.


Os III premios María Luz Morales entregáronse en Ourense

Os III premios María Luz Morales entregáronse en Ourense

No marco da Ourense ICC Week (Semana das Industrias Culturais e Creativas) celebrouse o 3 de abril a entrega de premios da terceira edición dos premios, María Luz Morales, que promoven a investigación científica no ámbito audiovisual.

Nesta iniciativa, que conta co apoio das catro deputacións galegas, outorgáronse catro galardóns de 1.200 euros aos gañadores a dous ensaios escritos e dous vídeo ensaios. Nesta terceira edición todas as categorías experimentaron un incremento de participación, acadando unha cifra récord de 36 traballos presentados.

O acto de entrega realizouse no Centro Cultural Marcos Valcárcel, pertencente á Deputación da Ourense, e contou coa participación de Carme Nogueira, quen asistiu en representación do xurado, Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, Eduardo Vidal, deputado de cultura da Deputación de Lugo e Carlos Ares, presidente da Academia Galega do Audiovisual.

Traballos premiados

Premios de ensaio escrito:

Pepe Coira (1963) resultou gañador na categoría de mellor Ensaio Escrito sobre o Audiovisual Galego con Argumentos de películas, un traballo que parte do libro homónimo editado en Vigo en 1931 e que pasou desapercibido para a historiografía do cine galego e español. O xurado definiuno como unha “descoberta” que se atopa a medio camiño entre o ensaio/investigación e a ficción.

– “Argumentos de películas”, por Pepe Coira (pdf)

Xurxo González (1973) foi o gañador da categoría mellor Ensaio Escrito sobre Audiovisual Internacional co seu traballo O palco dum povo: Oliveira 2.0, que afonda nun proxecto irrealizado do cineasta Manoel de Oliveira. O investigador non puido asistir á entrega de premios, na que se destacou que o seu traballo abre unha nova perspectiva sobre a importancia do arquivo dixital e a súa relectura.

O palco dum povo: Oliveira 2.0, por Xurxo González (pdf)

Accésits:

Sara Donoso (1989) recibiu un accésit na categoría de Ensaio Escrito sobre o Audiovisual Galego polo seu ensaio Unha aproximación a mimosas (Oliver Laxe) desde a pintura, a paisaxe e a mística, no que investiga a pegada paisaxística e a presenza dunha estética ligada ao pictórico na filmografía de Oliver Laxe. O xurado destacou que a investigadora amosa una interesante relación entre a historia do arte e o cinema.

Unha aproximación a mimosas (Oliver Laxe) desde a pintura, a paisaxe e a mística, por Sara Donoso (pdf)

Antón Varela (1992) foi premiado polo seu traballo Dialéctica da suplantación: imaxe, espectador e ultracorpos dentro da categoría de Ensaio Escrito sobre Audiovisual Internacional, no estudia as adaptacións cinematográficas que xurdiron da novela Ladróns de corpos de Jack Finney (1953), do que o xurado destacou a orixinalidade do enfoque e o tratamento profundo e ben documentado da temática.

Dialéctica da suplantación: imaxe, espectador e ultracorpos, de Antón Varela (pdf)

Premios de videoensaio:

Sara Varela (1994) gañou o premio ao mellor Videoensaio sobre o Audiovisual Galego con B Positivos, unha peza que analiza empregando o Test de Bechdel todas as películas recollidas no catálogo Films from Galicia, estreadas en salas en Galicia dende o 2013 ata o 2018, e aquelas finalistas e gañadoras dos Mestre Mateo dende o 2002. O xurado destacou a pertinencia do tema e o rigor e a calidade técnica no uso do material audiovisual.

Eire García (1991) quen en 2018 obtivo un accésit na categoría de Videoensaio sobre o Audiovisual Internacional, venceu nesta ocasión co seu traballo Propaganda de guerra, no que reflexiona sobre a representación da cultura da violación na historia do cine considerando o seu protagonismo na configuración dos imaxinarios colectivos. No acto, no que non puido estar presente, salientouse a relevancia social do tema elixido e o seu estudio de xeito orixinal e sen tabús.

Irene Basanta (1995) foi premiada dentro da categoría de Videoensaio sobre o Audiovisual Galego polo seu traballo Nós, as desenfocadas, do que o xurado destacou a necesidade de seguir debatendo sobre a pregunta que formula, seguindo os métodos de parte da crítica feminista, sobre o papel da muller no cinema galego.

Denisse Lozano (1991), gañadora nas dúas edicións anteriores cos seus traballos de Videoensaio sobre o Audiovisual Internacional, recibiu un accésit na mesma categoría por Series diferentes, onde analiza a evolución das series de ficción. A vilalbesa, que non estivo presente no acto, mergullouse a través desta peza no enorme cambio na estética, personaxes, tramas e incluso medios que se deu coa chegada de internet. As integrantes do xurado destacaron o orixinal da súa formulación, que relaciona cambios na sociedade cos cambios nas series.

Galardoados, de esquerda a dereita: Antón Varela, Sara Varela, Irene Pin, Sara Donoso e Pepe Coira.

Ana Míguez, nova presidenta da Academia Galega do Audiovisual

Ana Míguez, nova presidenta da Academia Galega do Audiovisual

Texto: María Yáñez.  Fotos: Tamara de la Fuente

O pasado 21 de maio a xunta directiva da Academia renovouse, tras votarse por unanimidade a única candidatura presentada, presidida pola directora de produción Ana Míguez. Ela xa fora vicepresidente na directiva anterior, da que tamén continúan membros como o produtor Álvaro Pérez Becerra as actrices Carmen Méndez e Saamira Ganay ou a maquilladora Susana Veira. Incorpóranse ao novo equipo a actriz e directora Sonia Méndez, o músico e produtor Xavi Font, e os guionistas Pepe Coira e Oscar Cruz.

Ana Míguez, formada na Escola de Imaxe e Son da Coruña, é na actualidade a directora de produción de Portocabo, empresa coa que traballou en proxectos como Auga Seca, Hierro, Os fillos do sol ou O país máis grande do mundo. Na súa traxectoria profesional, que abrangue máis de 20 anos de experiencia, destacan producións de cine e televisión en Galicia e no resto do Estado.

O equipo é en boa parte de recente incorporación. Que cres que achegan estes perfís á directiva da Academia?

Tiven a sorte de traballar na anterior directiva como vogal, un equipo fantástico de perfís tamén moi distintos. Nas dúas buscamos perfís que representen todos os equipos, tanto técnicos como artísticos. Desta directiva están representados todos os sectores, somos traballadores cunha bagaxe moi variada, por idade e por traxectoria profesional, e moi neutrais nas decisións. Cada proxecto é como unha obra, o único que importa e levala a bo fin e que sexa bo para para todos, o importante e que sirva para algo. Pensamos moito no sector en cada decisión, en que todos poidan sentirse identificados e representados. Non é un traballo fácil, pero afrontamos o reto con creatividade.

Cales son as liñas de acción para este mandato e que novos proxectos temos á vista?

Neste ano centramos a continuidade nas liñas de formación, divulgación e internacionalización. Na liña de formación estamos a traballar na realización de obradoiros tanto para profesionais do sector como para estudiantes de audiovisual, como son os Encontros Mestre Mateo ou os obradoiros da SEMUA, e tamén para alumnos de Primaria e Secundaria como os obradoiros de Novos Programadores. Na liña de divulgación mantemos os premios María Luz Morales, a SEMUA, A ilusion é perfecta ou traballos coma estes Papeis da Academia.

A internacionalización foi unha liña aberta pola Academia que tivo moito éxito de participación, cun acordo coa Academia Europea de Cinema para a realización dos Young Audience Awards. Foi unha actividade de gran valor por ser a primeira vez que se realiza un acordo de colaboración directa coa Academia Europea. O prestixio das entidades coorganizadoras no resto de España sitúanos ao mesmo nivel: Academia de Cine Española, Filmoteca de Catalunya, Festival de Cine Europeo de Sevilla, Filmoteca Valenciana e Mostra Internacional de Cinema Educatiu (MICE) de Valencia. Celebráronse na Coruña e foi a cidade de España que máis participantes tivo a pesar de ser o primeiro ano que organizabamos o evento.

Fixemos tamén un acordo coa Academia Portuguesa de Cinema, para achegar os Premios Sophia e os Mestre Mateo aos espectadores, e que podan gozar deles con encontros e proxeccións. Realizouse a proxección dos gañadores dos Sophia no CGAI, e estamos a traballar na proxección dos traballos dos Mestre Mateo en Portugal nunha nova actividade.

No ano 2019 realizamos 37 actividades que contaron cun total de 5.577 asistentes. O balance respecto ao ano pasado é positivo xa que cun menor número de actividades logramos aumentar a asistencia. Este ano manteremos estes proxectos pero estamos a traballar en novas liñas en fase de desenvolvemento.

O 2019 foi o ano no que a Academia puxo máis o foco nun vello tema pendente, o cinema e a educación. Que iniciativas hai en marcha? Cal é a túa valoración do traballo feito e que queda por facer?

Se cadra é o foco ao que máis atención prestamos. Todas as iniciativas comparten o obxectivo de favorecer o diálogo entre o audiovisual e a educación. A educación non só dirixida a formar futuros traballadores do sector, tamén a formación de espectadores críticos e a promoción do talento audiovisual galego entre a mocidade. Foron moi positivos os Encontros de Docentes de Cultura Audiovisual, as Sesións Cinéfilas nos centros de ensino, así como os obradoiros Cineclube. Cos coñecementos adquiridos nestas actividades, e prestando especial atención ás demandas dos docentes e alumnos naceu Fiestra. Fiestra será unha plataforma de uso exclusivo para centros educativos de Primaria, Secundaria e Bacharelato e sairá cunha selección dunha serie de obras acompañadas do seu correspondente material didáctico. Este catálogo irá incorporando novidades e esperamos que medre. Paréceme unha liña de traballo moi positiva na formación de espectadores consumidores de audiovisual galego, pois nestes encontros aprézanse os valores culturais que aportan as nosas obras e xeran debate entre o alumnado, non só nas aulas senón tamén no ámbito familiar.

Ana Míguez na sede da AGA

Os Premios Mestre Mateo van facer no 2020 a súa 18ª edición. Entrando xa na maioría de idade, credes que se adaptan á dimensión e diversidade do sector neste momento? A directiva estuda algunha evolución a curto ou medio prazo?

Neste punto temos moita diversidade de opinións e comezamos a traballar na creación dunha comisión entre os socios, coa idea de facilitar o diálogo con achegas, tanto en críticas como en melloras. Queda moito traballo nese sentido. En primeiro lugar nunha revisión das bases e dos conceptos. Falamos sempre de separar o cine da televisión, iso suporía demasiadas categorías, pero tamén as novas formas de ver televisión marcan cambios. Poño un exemplo: se separamos cine e televisión, entón entrarían na mesma categoría unha serie e un programa, polo que hai quen ve preferible separar ficción e non ficción. Pero valoras igualmente as series que o cine? Do mesmo xeito, unha serie feita para unha plataforma estaría na categoría de serie web, entón non serían valorables canda as series web de menor orzamento, que son un escaparate perfecto para novo talento e requiren un maior esforzo, polo que habería que redefinir serie web e as súas categorías. É un amplo debate que temos presente, mais non se poden facer cambios á lixeira. Trátase de poder premiar e valorar os traballos con igualdade dentro da súa categoría, temos moi bos traballos que merecen recoñecemento, e cada vez temos máis nivel.

Que balance facedes da Axencia de Cooperación Audiovisual (ACO) no seu primeiro ano e medio de vida? Que retos ten por diante?

A ACO foi unha iniciativa impulsada polo Concello da Coruña e materializada pola Academia, que naceu coa intención de crear un apoio á industria a través do desenvolvemento de proxectos e da dinamización dos nosos recursos, tanto técnicos como humanos, co fin de xerar emprego no sector. Atendeu máis de 70 proxectos desde a súa apertura, entre asesorías, tramitación de permisos e consultas. Se ben é unha valoración en positivo, temos pendente o traballo de posicionar Galicia como lugar de rodaxe. O audiovisual galego e o seu talento están nun bo momento, agora debemos poñer en valor ese talento para atraer novos proxectos.

Parece que hai acordo en que o sector está a vivir un bo momento en Galicia. Pero que cousas quedan por mellorar?

Como dicía, o valor máis preciado que temos en Galicia é o talento, e debe ser premiado desde as institucións nas axudas a proxectos. Os momentos de crises fixeron medrar as produtoras, moitas buscaron saída tentando producir desde aquí cara a fóra, con moi bos resultados. Os tempos e maneiras de consumir audiovisual están cambiando, e esa timidez e zona de confort na nosa maneira de producir tamén está a mudar. O noso audiovisual estase a posicionar nos pitchings, nos mercados, nas plataformas, búscanse novos modelos de financiación, estamos abertos á coprodución e é un bo camiño. Hai uns anos nos mercados buscabas darte a coñecer, hoxe o noso talento é exportable, xa nos buscan. Fáltanos crer na nosa marca, pero para vendela debemos unir o sector. Debemos ter presente que os novos sistemas de explotación abren un novo camiño na produción. Demostramos que sabemos producir, agora temos que posicionarnos.

Anteriores directivas puñan o foco en retos a mellorar como a igualdade de xénero, ou a precariedade do sector. Seguen sendo prioridades? Como se poden abordar estes problemas desde unha asociación profesional como é a Academia?

Segue a ser unha prioridade. Tras publicar o decálogo seguimos a traballar na igualdade mantendo aberta unha comisión. O primeiro paso foi facer análise dentro da propia Academia, aplicando o decálogo tanto na nosa documentación como na comunicación. En todas as actividades impulsadas pola Academia faise unha valoración previa que confirme que estamos a cumprir, é importante dar exemplo. O informe que vén de publicar o Consello da Cultura Galega, impulsado pola Academia xunto con outras asociación do sector, vén corroborar esta situación sociolaboral das traballadoras nos sectores do audiovisual e nas artes escénicas. O informe sentencia falta de conciliación, e as mulleres ocupan menos postos de responsabilidade e cobran menos. Agora mesmo na Academia estamos a traballar en abordar o problema en positivo, desde a educación e formación, e sobre todo tentando de non culpabilizar. A igualdade real debe ser entendida, non imposta. Todos estamos a aprender neste tema.

 

 

«(Mudar os Mestre Mateo) é un amplo debate que temos presente, mais non se poden facer cambios á lixeira. Trátase de poder premiar e valorar os traballos con igualdade dentro da súa categoría, temos moi bos traballos que merecen recoñecemento, e cada vez temos máis nivel.»

No que respecta á interlocución con outras entidades, tanto asociacións profesionais dentro de Galicia, Academias audiovisuais doutros territorios ou institucións dedicadas ao audiovisual, que lugar ocupa a AGA e como se desenvolven as distintas colaboracións?

Recoñezo que nese sentido temos moito traballo por diante. A labor das asociacións do sector como CREA, AGAG ou a AAAG, por poñer algún exemplo, merece un aplauso, pois todas as actividades que levan a cabo son abertas e promoven compartir e crear sinerxias dentro do sector. Igual que as actividades do CLAG ou de Agapi. Gustaríame poder facer máis actividades en conxunto. Desde a formación da directiva estamos levando a cabo reunións coas institucións co único fin de compartir e conciliar intereses, desexos e inquedanzas e está a ser moi positivo, pero debe ser un diálogo reiterativo. En relación ás demais Academias audiovisuais, xa se fixeron dous encontros a nivel estatal, na Coruña e en Zaragoza, e está a ser moi positivo o acordo coa Academia Portuguesa.

Estades satisfeitos co crecemento do número de socios? E coa súa participación?

A día de hoxe, en 2019, houbo 38 altas e 28 baixas. O total de académicos son 382. Por suposto gustaríanos que medrase a comunidade, pero si que estamos a notar unha maior participación nas actividades e á hora de achegar opinión. A min gústanme as críticas, pois son a mellor maneira de decatarse dos erros e intentar emendalos. Intentamos mellorar a comunicación cos nosos socios, e tamén invitalos a esa participación. Os académicos son os que deben construír a Academia, as directivas deben ser unha guía.

Como tratarías de convencer a profesionais que aínda non están asociados para que se asocien?

O camiño correcto é traballar en construír unha Academia que sexa un referente do que formar parte, que faga logros por si mesma. Iso conséguese con feitos, non con palabras. Prefiro pensar en facer proxectos que conviden a participar, creo que é mellor que convencer.


Homenaxe a Víctor Ruppen

Homenaxe a Víctor Ruppen, o mecenas do cinema

Homenaxe a Víctor Ruppen, o mecenas do cinema

Por Sara Donoso

 

A Academia Galega do Audiovisual, en colaboración co Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI) dedicou o día 14 de maio de 2019 unha homenaxe á figura do produtor coruñés e divulgador do cinema Víctor Ruppen.

O acto, que tivo lugar no CGAI dentro do ciclo A ilusión perfecta, contou coa presenza de Antonio Simón, Carlos L. Piñeiro e Miguel Castelo e con varias persoas do público próximas a Ruppen que lograron compor un ambiente de ilusión e afecto. Ilusión polo recordo duns anos de entusiasmo e crecemento para o audiovisual galego, afecto pola mirada incontida e cómplice daqueles que o coñeceron e que compartiron as súas inquietudes artísticas e persoais. Neste contexto, proxectáronse algúns dos filmes máis icónicos producidos por Ruppen: Fendetestas de Antonio Simón (1975), Illa de Carlos Aurelio López Piñeiro (1975), O Herdeiro de Miguel Gato (1976) e O pai de Migueliño de Miguel Castelo (1977), que deron lugar a un debate posterior onde o intercambio de opinións mesturábase cunha sorte de anecdotario dos tempos vividos, as voces se solapaban e as emocións florecían entre o cinema e a experiencia.

Debemos comprender, antes de nada, o contexto no que aparece a figura de Víctor Ruppen. Tras anos de silenciamento franquista, que impide desenvolver unha liña propia e dirixe calquera actividade creativa cara á tendencia rexionalista, a mediados dos setenta, en plena transición, a cultura comeza a experimentar un proceso de aperturismo que tamén se ve reflectido no cinema galego. Aparecen primeiro colectivos de cinema afeccionado que acabarán impulsando o xurdimento doutros grupos interesados pola profesionalización dos seus traballos fílmicos á marxe do centralismo. O novo cambio de paradigma viría da man de colectivos como Enroba (logo Grea), Lupa e Imaxe, que comprenden unha intención comercial e buscan dedicarse ao cinema de maneira profesional, aínda que rexeitando os patróns da industria en procura de maior experimentación. Con coñecemento do que estaba a suceder no panorama internacional, buscaron explorar o potencial creativo do cinema interesándose pola relación coas artes plásticas, desligándose do modelo clásico de representación e reivindicando o carácter nacionalista. Esta inclinación por crebar as lóxicas cinematográficas convencionais foi sen dúbida renovadora pero a proxección e difusión dos seus filmes reducíase a pequenos círculos culturais debido, entre outras cousas, a que o formato maioritario era o de curtametraxe en súper 8 ou 16mm, aos escasos recursos dispoñibles e ao seu ideario estético e ideolóxico. É neste punto onde debemos resaltar o papel de Víctor Ruppen na consolidación do cinema galego dos setenta.

No relativo á difusión, Víctor Ruppen contribúe á creación da distribuidora Musidora e á posta en funcionamento do cinema Alphaville, ambos en Madrid, ademais da construción de salas de cinema na Coruña e dos cinemas Valle Inclán de Compostela e Golem en San Sebastián. Tamén foi patrocinador da coruñesa libraría Lume e impulsou o “Patronato do Cine Galego” en 1977, que tería a súa sede na devandita libraría. Pero foi o seu labor como produtor a que determinou a deriva do cinema galego do momento, e así o sinalaron os autores que asistiron á proxección dos seus filmes no CGAI.

Neste sentido, o director de Fendetestas, Antonio Simón, lembrou que se atopaba nun momento crítico da rodaxe do filme e pensaba mesmo en suspendelo por falta de financiamento, algo que recolleu publicamente a prensa local. A noticia chega a oídos de Ruppen e decide sufragar os gastos. Aquí comeza unha relación que se move entre o persoal e o profesional e que ten que ver con outra das peculiaridades de Ruppen: o seu propósito de non intervir nas decisións técnicas ou temáticas dos filmes. Aínda que o seu traballo como arquitecto restáballe tempo para encargarse doutras cuestións, sempre tivo clara a necesidade de potenciar o tecido audiovisual galego máis aló de cuestións partidistas.

Se no afecto cara a Víctor Ruppen e no agradecemento polo respecto que este mostraba ante os seus procesos creativos todos os autores coincidiron, creando un clima de emoción que permeaba na sala, tamén houbo momentos de discrepancia que asomaron algúns dos debates presentes no sector audiovisual da época. En 1975 Ruppen compra unha cámara de 16mm (Illa) que permite non só mellorar a calidade da imaxe senón tamén realizar copias para as proxeccións, facilitando a súa difusión. Nesa aposta pola profesionalización do cinema galego decide dar o salto ao 35mm, o formato do cinema industrial co que se realizan Fendetestas, O heredeiro e O pai de Migueliño. Aínda que algúns autores o entenderon como unha vía para chegar ás grandes pantallas e terminar de profesionalizarse, outros consideraban que desta maneira impedíase a súa difusión en escolas ou centros culturais, que non contaban con esa infraestrutura, e onde maioritariamente se proxectaban os seus filmes.

Tamén se comentaron as particularidades dos colectivos Grea e Imaxe, aos que pertenceron Antonio Simón e Carlos A. López Piñeiro respectivamente. Mentres un defendía o selo autoral, o outro apostaba, máis na liña de Víctor Ruppen, por fomentar o traballo colectivo. Coa distancia que permite o paso dos anos, xurdiron preguntas sobre se houbo ou non un espírito de grupo e comezaron a asomar anécdotas sobre como se foron coñecendo. Os autores coincidiron en destacar encontros como as Xornadas de Cinema de Ourense ou as Xornadas de Cinema e Vídeo de Galicia (Xociviga) no Carballiño, espazos de dinamización cultural onde se proxectaron as obras producidas por Ruppen e nos que el mesmo participaba activamente.

 

Así, ademais de revisar desde unha nova perspectiva Fendetestas, IllaO herdeiro O pai de Migueliño, que algún dos seus autores confesou non ter visto desde aquel tempo, o encontro serviu como plataforma de reflexión e intercambio. Dalgunha maneira, o clima xerado durante a sesión ten que ver coa propia personalidade do homenaxeado; alguén de quen destacaron non só o seu interese por un tipo de cinema situado nas marxes do ecosistema fílmico do momento senón tamén a súa personalidade próxima e a confianza que imprimía nos autores.