CGAI: unha década educando a ollada dos máis novos

A filmoteca galega leva máis de dez anos participando en varios programas para educar a ollada dos máis pequenos, como espectadores pero tamén usando o cine como vehículo de creación e pedagoxía. Revisamos con Mónica García, a responsable de didáctica no CGAI, algúns dos proxectos que desenvolven, a súa filosofía e funcionamento.

 

 

CGAI Junior: os pequenos coñecen a sala e a cinema como arte

Achegar nenos e nenas a unha sala de proxección, ensinarlles que existe outro cine e a amalo polo seu valor artístico. Con estes obxectivos o Centro Galego das Artes da Imaxe puxo en marcha en 2007 CGAI Junior, unha programación para nenas e nenos de ata 12 anos, cun título ao mes especialmente pensado para ver en familia, e tamén para proxectar en sala para centos de alumnos de distintos centros educativos.

Para este curso xa se apuntaron máis de 3.200 estudantes procedentes de centros de Educación Infantil e Primaria da Coruña e da súa contorna. “Foi un récord absoluto”, sinala Mónica García, a responsable de coordinar todos os proxectos de didáctica que saca adiante o CGAI. O obxectivo é “que os nenos coñezan a sala desde pequenos, para moitos é a primeira vez que entran nunha sala de cine, entón se o fan vendo pelis de Chaplin ou Buster Keaton, ou xoias da animación europea como Ernest e Celestine, xa van asociar do xeito máis natural a sala de cine con ver este tipo de filmes”. E non o fan unha soa vez senón que adoitan repetir: “moitas veces programamos unha película na mesma semana para ver cos colexios e o sábado volvémola programar para que os rapaces, se lles gustou, repitan e veñan coas súas familias. E isto funciona moi ben, son os nenos quen acaban traendo aos pais e nais ao CGAI”.

O catálogo de películas que se programan en CGAI Junior non é sempre doado de conseguir: “traballamos co que está en distribución a nivel nacional, ao principio faciamos nós esforzos para traer películas que non se distribuían aquí, por exemplo a francesa O pequeno fuxitivo trouxémola dunha distribuidora francesa que ten os dereitos internacionais da película e tivemos que subtitulala nós. Pero iso era custosísimo, agora xa non chegamos”. Duns anos para acó a distribución de cinema infantil tamén mellorou moito en España: “non é coma antes, hai distribuidoras especializadas como Pack Màgic ou Rita & Luca que si que teñen títulos máis afíns á programación que queremos facer”, comenta Mónica.

O resultado é unha combinación de películas que están en distribución en España e que non teñen moito percorrido en salas comerciais, xunto con clásicos (Os catrocentos golpes,O ladrón de bicicletas…). Con frecuencia tamén se nutre do catálogo de CinEd, que facilita de xeito gratuíto títulos como El espíritu de la colmena, Aniki Bobó, Rentrée des classes… Trátase dun proxecto europeo que en España coordina a asociación A Bao A Qu, ofrece estes títulos de xeito gratuíto xunto con materiais pedagóxicos de moita calidade.

Ademais de organizar as proxeccións, desde CGAI Junior tamén se traballa cos docentes para que lles saquen o máximo partido nas aulas. “Sempre incidimos moito cos docentes en que a selección das películas non ten que ver con que van ilustrar materias ou valores, a nós o que nos interesa é a película en si, o cine polo cine”, aclara Mónica. Así, os materiais que se lles proporcionan sobre as películas o que fan é poñelas en contexto e relacionalas con outras artes, ou entrar a debullar como está feito cada filme, dun xeito lúdico e práctico: “traballan coa montaxe da película usando fotogramas que deben desordenar e volver a montar, imaxinan outros finais, outras personaxes, etc”.

Cos docentes de Secundaria e de Bacharelato ofrécese unha programación un pouco máis avanzada. “Facemos unha combinación entre o catálogo CinEd e outros títulos que programamos nós, por exemplo puxemos El espíritu de la colmena en diálogo con Estiu 1993, tamén puxemos Os 400 golpes xunto con Il Posto, e El verdugo con En construcción. Ademais de programar estes títulos facemos unha programacion para docentes, que está incluída no plan anual de formación do profesorado e coordinámolo co CFR da Xunta. É un curso de 12 horas no que se traballa unha aproximación creativa na aula a través destas películas, danse pistas de traballo e propostas de creación á partir da película: traballar o luz e o rostro, diarios de luz, facer percorridos ou travellings… vai un pouco na nosa liña de infantil e primaria de coñecer o cine polo cine”, indica a coordinadora de didáctica do CGAI.

 “Sempre incidimos moito cos docentes en que a selección das películas non ten que ver con que van ilustrar materias ou valores, a nós o que nos interesa é a película en si, o cine polo cine”.

Mónica García, responsable de didáctica do CGAI.


Cinema en curso: aprender a ver o mundo a través do cinema

Mais non se trata só de atraer e facilitar que a rapazada acuda a ver cine e se formen como espectadores: tamén se quere traballar con eles nas aulas para achegarlles o proceso creativo e que eles aprendan a mirar o mundo a través da imaxe. Para iso o CGAI colabora con outros dous proxectos impulsados por A Bao A Qu: Fotografía en curso e Cinema en curso. Galicia forma así parte da rede de territorios que paricipan nestes proxectos canda Cataluña, Madrid, Euskadi, Chile, Arxentina e Alemaña. “Ademais tamos a sorte de que estamos incluídos no Plan Proxecta da Xunta de Galicia, que pretende aglutinar e coordinar todos os programas de innovación educativa que se fan nas diferentes consellarías”, explica Monica, e “nese plan ademais dos programas de cine e fotografía nas aulas agora empezamos cun novo curso de Cidadanía Dixital, coordinado por Victor Sampedro“.

Tanto Fotografía en curso como Cinema en curso parten dunha mesma premisa, que é o visionado de grandes referentes nestas artes antes de pasar á práctica. “No caso da fotografía na web do programa hai un catálogo moi potente de obras de autores nacionais coas que se pode traballar na aula: establécense categorías para traballar aspectos concretos como a cor, o retrato, os espazos baleiros, a meteoroloxía e as horas do día… Despois na práctica van facendo exercicios con estes motivos e acaban facendo un proxecto fotográfico, nalgúns centros acompañados por fotógrafos galegos importantes. Teñen estado connosco xente como Luis Díaz, Vari Caramés, Tono Mejuto ou Tamara de la Fuente. O resultado de todo este proceso é unha exposición en cada centro, e nalgúns deles tamén fan unha publicación”.

En Cinema en curso o sistema é semellante só que “co cine é máis complexo, porque se necesitan máis sesións e máis equipo técnico”. Mónica García explícanos o proceso: “Traballamos con 4 ou 5 centros cada ano, e todos teñen un cineasta ao longo de todo o curso co que fan entre 20 e 25 sesións. Falamos de autores destacados do noso cinema como Ángel Santos, Jaione Camborda, Marcos Flórez, Xacio Baño ou Eloy Domínguez, quen se incorpora este ano. Comezamos no mes de outubro cunha formación para docentes durante unha xornada en Santiago porque e moi importante traballar con eles as metodoloxías, e que conecten cos cineastas para poder formar equipo. A cada docente dámoslle unha carpeta con todos os documentos necesarios para seguir todos os procesos. Teñen toda unha listaxe de centros participantes de moitos lugares, e un cronograma que comeza cunha proxección inicial conxunta no CGAI ata a proxección final, que o vindeiro ano será o 7 de xuño. Pero sobre todo o que lles entregamos son fragmentos de moitísimas películas que irán visionando ao longo do curso”.

Estes fragmentos son os que inspiran os primeiros exercicios do alumnado: “Agora mesmo están todos os centros cunha práctica de iniciación, antes de que chegue o cineasta que os acompañará, que é facer ‘planos do mundo’ sobre tres categorías: diarios de espazos, travellings e retratos. Para que sexa unha primeira mirada deles sobre a súa contorna. Traballan con referentes como James Benning ou Óliver Laxe, e a partir de aí eles dialogan con eses traballos facendo os seus propios planos cos móbiles ou con cámaras compactas. O obxectivo é que coñezan e practiquen o plano como unidade de creación. Aí xa teñen que fixarse moito no encadre, aprenden a describir a luz, teñen en conta as meteoroloxías e os distintos momentos do día”.

Esta primeira práctica sérvelles tamén para presentarse ante os demais centros que forman a rede de Cinema en curso, porque todos teñen os mesmos exercicios máis ou menos ao mesmo tempo. O 12 de novembro celebraron o Día dos planos do mundo, no que alumnado de todos os centros tiñan que filmar estes espazos, retratos ou travellings: o seu horizonte, o que ven desde a fiestra, un filmopercorrido desde o colexio ata a casa dos avós… a idea era estar moi sensibles a filmar o que os rodea, moi atentos por exemplo ás horas do día. Viron o travelling de Depardon que era no solpor e inspirounos moito, logo eles erguíanse cedo ou agardaban o solpor para filmar”. Por isto é tan crucial o método de ver fragmentos de cineastas previamente, e así o contan os propios rapaces nos diarios dos seus obradoiros: “cando imos filmar inspirámonos nas luces de Chantal Akerman, as cores do ceo de Jonas Mekas, a correspondencia e os reflexos de Isaki Lacuesta, os horizontes de Benning, as ventás de Perlov…”.

Para Mónica García “é moi importante esta idea de compartir, na web están todos os filmes que se fixeron desde que empezou o proxecto e os alumnos tamén teñen un espazo onde van contando a xeito de diario todos os procesos de creación. Cada un escribe na súa lingua, e así tamén se fan intercambios culturais con outros lugares. Por exemplo entre a escola de Bordills (Girona) e o CEIP A Rúa de Cangas teñen moita relación, o pasado ano tiñan un un proxecto moi bonito que era unha correspondencia filmada entre os alumnos de Cangas e os de Bordills. Cada un fala na sua lingua e intentan aprender das linguas dos outros”. Vemos un exemplo nesta carta filmada polas rapazas e rapaces de Cangas:

Cando entra a figura do cineasta nas aulas empeza a formularse o proxecto final, unha curtametraxe, na maioría dos casos documental aínda que os centros que xa teñen máis experiencia tamén se atreven coa ficción. Empezan primeiro a traballar con guión e en torno a marzo e abril saen rodar. Despois fan a montaxe e en xuño estrean os traballos nunha sesión conxunta no CGAI. Mesmo hai logo a posibilidade de ir estrear a Barcelona na Filmoteca, na Cineteca de Madrid, ou na Tabakalera cos nenos de Euskadi. Isto xa depende das posibilidades de organizar a excusión que teña cada colexio, pero xa se teñen dado varios intercambios deste estilo.

Ademais do valor experiencial, Mónica García destaca o valor pedagóxico de todo este proceso: “Non facemos educación en valores, traballamos co cine e desde o cine, pero o alumnado aprende a través del moitas cousas, por exemplo a valorar a espera ou a traballar por consenso. Porque non hai xerarquías, todos son directores, guionistas, montadores, script, cámaras…  e toda a ideación da peli faise entre toda a clase. Non é sempre doado, temos clases de 12 nenos en coles rurais pero tamén de 27 nalgun outro colexio. Para poder chegar a este consenso son sesións longas de traballo, pero deste xeito o proceso e o resultado é máis satisfactorio: todos teñen que ceder un pouco e a película enriquécese”.

Os centros participantes este ano son o mencionado CEIP A Rúa (Cangas),  CEIP de Tenorio (Cerdedo-Cotobade), CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal) o CEIP de San Cosme (Barreiros), e o IES O Ribeiro (Ribadavia). Estes dous últimos incorporáronse este ano. En cursos anteriores teñen participado centros educativos de Sigüeiro, Fornelos de Montes, Becerreá, Pedrafita do Cebreiro, Fene, Pazos de Borbén, Melide, Poio, O Milladoiro (Ames), A Coruña, O Carballiño, Arteixo, Sada, A Fonsagrada, Narón, Chantada ou Sarria, tal e como podemos ver no Atlas da web de Cinema en Curso.

En ocasións os filmes resultantes teñen un percorrido máis alá do curso e participan en festivais que programan cinema escolar. Recentemente o filme Arredor do día, do alumnado de primaria do CEIP de Tenorio (Cerdedo-Cotobade) proxectouse no Festival Gollut en Cataluña. Entre silencios, do alumnado do CEIP A Rúa de Cangas, programouse no Dubrovnik Film Festival e tamén se emitiu en Betevé. Filmes de anos anteriores puidéronse ver en festivais galegos como Novos Cinemas ou Cineuropa, que proxectan unha seleción de pezas de Cinema en Curso procedentes de distintos territorios.

Mais non fai falta ir a festivais para ver estes filmes que saen de Cinema en Curso. Están todos publicados, tanto na web do proxecto como na súa canle de Vimeo, xunto coas presentacións que fan os alumnos na xornada final do curso. Velaquí as pezas realizadas nos dous últimos anos:




























Tema de portada: audiovisual e educación