Unha película galega

Por Pablo Barreiro, compositor da música orixinal de ‘Sempre Xonxa’


Hai uns días a Academia Galega do Audiovisual tivo a ben lembrar o trixésimo aniversario da estrea de Sempre Xonxa programando, dentro do seu concerto de clausura da SEMUA, unha suite que recolle os temas musicais mais sobresaíntes da película. Eu tiven a honra de presentar ante a audiencia a devandita suite e, como acontece sempre que teño que falar en público, tiña moitas ideas pero escasa destreza para mostralas no pouco tempo que esixe unha intervención dese tipo. Parece que alguén se deu conta disto e ofrecenme agora a posibilidade de espallarme un chisco mais e contar cousas que aínda nunca contei e, para iso, vou contarlles unha “fábula galega”.

Pois érase unha vez, hai xa moitos anos, que nun pequeño pobo da Galicia interior vivía Chanito, o fillo do boticario de Forcarei. Forcarei, que hoxe ten un posto destacado, gañado a pulso, na España despoboada, a mediados dos anos cincuenta tiña non só poboación, senon tamén unha escola chea de nenos, unha botica, moitos bancos esperando as divisas dos emigrantes, unha oficina de correos… e ata un cine. No Cine Colón os nenos do pobo, entre eles Chanito, ían ver as películas sempre que a censura as cualificaba “para todos los públicos”, películas de Cantinflas, Marisol, Joselito e O Gordo e o Fraco que sempre reflectían acontecementos moi lonxanos aos do devir cotián do pobo e, indefectiblemente, falaban castelán. Naqueles intres, nunha Galicia en plena dictadura, a ninguén se lle ocprría pensar que o cine puidera falar doutra maneira, agás en inglés.

Pasaron uns anos e chegamos a 1976, onde volvemos encontrar a Chanito en Santiago, sendo estudante de Farmacia e recén casado con Mariluz, quen lle regalou un tomavistas de Super 8. Para os máis novos, isto vén sendo unha cámara que utilizaba unhas películas de celuloide de 8 milímetros, de aí o seu nome, que duraban só tres minutos e que resultaban carísimas para a época. Chanito, aficionado ao cine desde a súa infancia en Forcarei, viuse con aquel trebello nas mans e decidíu facer unha película. Escribiu un guión e, coa axuda de Mariluz e dunha boa panda de amigos, rodou Os paxaros morren no aire, unha curtametraxe de doce minutos de duración que, con unha linguaxe altamente simbolista falaba dunha nena trotamundos que interactúa con persoaxes coma Castelao e Basilio Álvarez, na procura dunha Galicia mellor. Subtitulou a súa obra como “Unha película galega”. Acabada de rodar, Chanito deuse conta de que a aquela cinta había que pórlle son, diálogos e unha pouca música e, pensando en quen lle podería botar unha man, non se lle ocurreu mellor idea que pensar en Pablito, o fillo do carteiro de Forcarei, que tamén acababa de casar e de deixar os seus estudos de filoloxía para adicarse á música, ainda que tivo que contentarse con traballar nunha tenda de instrumentos. Apareceu un día pola devandita tenda e díxome: “estou a facer unha película e quero que lle poñas son, diálogos e música”. Eu resposteille: “pero Chano, eu diso non sei nada”. Pero el virouse de costas e contestou:”si que sabes”. Fixemos unha música, coa axuda de Antón Casal, montamos son e diálogos cos medios rudimentarios de que dispúñamos, e fomos estrear Os paxaros morren no aire ao salón de actos da Facultade de Medicina en Santiago.

Chegamos tarde por culpa miña. Case que unha hora tarde. Cando chegamos á porta da sala, pensamos que xa non habería ninguén. Abrimos e… aquilo estaba petado! Entramos como puidemos, cargados co proxector, a pantalla e o equipo de son, tendemos os cables por entre a xente, apagaronse as luces e proxectamos. Cando rematou a proxección fíxose un silencio duns segundos. Chano miroume coma dicindo: “non gustou”. E, de repente, a xente prorrompeu nun aplauso estrondoso coma nunca ouvín, todos querían abrazar e felicitar a Chano, había xente chorando de emoción e unha algarabía impresionante. Nese intre decatámonos de que si que había interés por un cine propio que falase en galego. O único malo da noite foi que me tocou de recoller a min só.

Fomos con aquela película por moitas vilas e aldeas de Galicia, polos teleclubes, salas de cine xa pechadas, igrexas e calquera lugar onde se poidera sentar xente e facer escuridade para proxectar. Sempre cangados co proxector, a pantalla e os altofalantes, sempre con Chano en plan mestre de cerimonias e sempre cunha acollida formidable por parte de vellos e novos.

Despois da curtametraxe, a seguinte meta foi unha longametraxe. Rodouse tamén en Super 8 e titulouse Eu, o tolo, a historia dun tipo tan elemental que só sabía que el era “Eu”, pero que chegou moi lonxe na política antes de volver ás súas orixes. Foi este o primeiro papel protagonista de Xosé Manuel Olveira ‘Pico’, de grato recordo para todos nós. Pero o súper 8 daba inmensidade de problemas: sincronizaba mal, tiña só dúas pistas de son, rachaba a película con demasiada frecuencia e a calidade de imaxe mermaba con cada copia, igual que a conta corrente de Chano. Foi así que se decidiu dar o paso ao formato profesional de 35 milímetros.

E así, cunha pequena axuda da Xunta de Galicia e moito diñeiro do peto de Chano, rodouse Mamasunción, unha curtametraxe de vintedous minutos que, para mín, é a película mais entrañable e marabillosa da historia do cine. Baseada na verdadeira historia da señora María Rosa da Regueira, que iba tódolos días durante corenta anos á oficina de correos de Forcarei esperando recibir carta do seu fillo emigrado en México. Fixemos de novo diálogos, efectos de son e música, desta vez coa axuda de Xosé Luis Rivas ‘Mini’, e presentouse ao público e a varios festivais, acadando o Gran Premio do Cine español, primeiros premios nos festivais de cine de Sydney e Cracovia e varios outros galardóns.

Seguindo o guión establecido, despois da curta, tiña de vir a longametraxe e así, comenzou a xestarse a idea de Sempre Xonxa. Tras moito traballo de guión, de búsqueda de apoios, castings para encontrar protagonista e miles de traballos máis, rodouse a película ao longo de tres anos e chegou a hora de facer a música. Ahí complicáronseme as cousas, pois queriamos tamén dar o salto cara a unha música mais profesional, de corte sinfónico, e por iso botei man de dous compañeiros que por aquel entón tocaban comigo nunha orquestra de baile: Marcial Prado e Carlos Ferrant, que foron quen verdadeiramente botaron adiante as músicas que se puideron finalmente poñer na película. Aínda que naquel intre nos pareceu que estabamos a facer unha superprodución, o certo é que a música gravouse en Madrid con só catro violíns primeiros. Sempre Xonxa estreouse en Vigo xunto con outras dúas películas, Continental e Urxa, coas que forma a triloxía das primeiras longametraxes argumentais en galego da historia.

O resto xa o coñecen vostedes. Hoxendía temos en Galicia unha industria audiovisual que conta con actores de primeiro nivel, guionistas, técnicos, músicos, etc e ata hai unha Orquestra Sinfónica que pode tocar as músicas das nosas pelis e unha Academia do Audiovisual que pode organizar semanas formativas e informativas sobre o sector. Pero o que a todas luces é un principio para o cine galego, para mín é o final dun traxecto. Chano fixo aínda unha película máis de encarga, “O camiño das estrelas” e xurdironlle miles de amigos e persoas interesadas en facer del un grande do cine español. Despois foise. Nadie sabe que proxectos podía ter en mente, pero cando o fun ver ao hospital tres días antes de morrer, faloume de que, como Eu, estaba pensando en volver ás súas orixes, ao cine sinxelo e sincero baseado nas súas conviccións e nas vivencias do seu Forcarei natal.

E así acaba a fábula de Chanito. Téñolle que agradecer á Academia a oportunidade de contar a miña visión desta aventura e de tributarlle esta homenaxe a Sempre Xonxa no concerto deste ano. Tamén hei de agradecer a Nani García e a Xavi Font que foron quen tiveron a idea e a perseverancia de insistirme durante tres anos para incluir estas músicas no concerto de clausura da SEMUA. A este último, Xavi, e a Marcos Mato por seren quen lles deron forma á Suite de Sempre Xonxa e, por suposto a Chano por embarcarme nunha aventura tan fermosa. Desde o meu interior, non podo menos que tirar dela tres moralexas: A primeira é que Forcarei é a cuna do cine argumental en galego, que Mariluz e o seu regalo foron quen prenderon a chama que deu orixe a toda esta historia e, por último que, corenta anos despois, eu disto… sigo sen saber nada.

Pablo Barreiro


Suite de 'Sempre Xonxa' interpretada pola Orquestra Sinfónica de Galicia na Semana das Músicas do Audiovisual