Beli Martínez. Unha produtora “kamikaze” empurrando o novo cinema galego

Texto: María Yáñez. Fotos: Tamara de la Fuente

Se a figura do produtor en calquera película adoita non ser a máis relevante, no cinema de autor case todo o protagonismo o levan os directores. Pero hai figuras na produción detrás que tamén marcan carácter, e o caso de Beli Martínez (A Guarda, 1980) é un exemplo. Leva dez anos acompañando o novo cinema galego como produtora e tamén como investigadora e docente.

Coa súa empresa Filmika Galaika produciu filmes como Vikingland (Xurxo Chirro, 2011), Arraianos (Eloy Enciso, 2012) ou Jet Lag (Eloy Domínguez Serén, 2014), que conquistaron importantes festivais como o FID de Marsella ou o de Locarno, e este ano levou varias das súas últimas producións a festivais como o de Toronto ou Mar del Plata. Acaba de estrear en salas Longa noite de Eloy Enciso e o vindeiro ano verá a luz Eles transportan a morte, de Helena Girón e Samuel M. Delgado. Ademais está detrás de proxectos colectivos como Visións ou Proxecto Socheo.


Como te definirías como produtora?

Uf, non sei, déixame pensalo, contéstoche nun anaco.

Dinos entón como chegaches a ser produtora de algúns dos títulos máis importantes do Novo Cinema Galego.

Empecei en 2008 en Filminho, aquel festival que programa Xurxo Chirro entre Tomiño e Vilanova de Cerveira, axudeille na organización do festival. Alí coñecín xente como Martin Pawley ou José Manuel Sande, que escribira o guión de Arraianos con Eloy Enciso e daquela os dous buscaban alguén que lles producise a película. Eu xa tiña traballado de produtora noutras empresas, sobre todo en televisión en Madrid, facendo documentais convencionais. Entón díxenlle que si a Sande, despois coñecín a Eloy e xa enganchamos a facer a peli. Empezamos cun equipo moi pequeno, a primeira parte da rodaxe foi bastante desastre e acabamos os catro moi fartos uns doutros. A segunda parte fíxose dous anos despois, cando se refinanciou o proxecto, e xa o desfrutamos doutra maneira, pasámolo moi ben. Estabamos Eloy, Mauro Herce na fotografía (era o primeiro traballo que facía, agora é finalista dos Goya por O que arde) e no son Joaquín Pachón, que agora traballou en Longa noite e en Eles transportan a morte). Eu estiven implicada no proxecto desde o principio, e gústame traballar así, desde a propia idea, ir analizando os guións, a investigación, os pasos previos, o casting, as localizacións… e despois estar aí no proxecto de forma activa, ir á rodaxe e traballar como unha máis.

Despois de Arraianos veu Vikingland, proxecto punki onde os haxa. Aí non había rodaxe, pero fixen toda a dixitalización das cintas, mentres facía o DEA da Universidade. O meu traballo foi dixitalizar, ver as montaxes con Xurxo e distribuila en festivais. Un proceso de acompañamento máis que buscar cartos, porque se fixo sen orzamento. E aí si que foi o momento no que dixen: non me interesan os proxectos convencionais. E vin que non só hai unha forma de facer cine, hai moitas fóra do manual que che dan nas facultades. Eu prefiro buscar a maneira que me pide cada película e facelo con liberdade, adaptando o proceso ao que precisa cada director. Gústame moito traballar con xente nova que está empezando, tamén con primeiras longametraxes. Aí hai moito de descubrimento e estás axudando, asesorando, acompañando.

Fixeches a túa tese sobre o novo cinema galego, e es a primeira que investiga sobre el. En que momento decides poñerte a teorizar sobre isto?

Eu empezara o doutoramento e ao principio, como a maioría da xente, non tiña moi claro de que quería facer a tese. Viña de facer o DEA sobre Arraianos, sendo moi práctica, porque esa experiencia era o que tiña máis próximo. E vin aí unha vía, quería poñer o ollo sobre ese tipo de cinema documental que estaba emerxendo. Daquela aínda non había apenas longametraxes pero vías claramente que había autores que ían ter moito que dicir. Empezaba a haber xente a traballar nun documental diferente, empezaba a haber certos axentes… e para min era moito máis fácil investigar sobre aquel mundo que tiña preto. Lembro, cando aínda estaba a decidir a tese, que falei con Eloy Enciso: eu estaba pensando en facela do bum do documental en Barcelona, que se estaba a dar a comezos da década, e Eloy díxome; non, en Barcelona xa se saben facer eles mesmos a ola, nós temos que facela do que pasa aquí. E creo que ese foi un dos mellores consellos. É todo tan cercano que vas unindo ideas e conexións coa xente coa que traballas. Ás veces fago a broma de que a miña tese fíxena a golpe de whatsapp, preguntándolles datos a colegas. Eu tiña toda a conciencia da importancia de facer a tese nese momento para darlle cabida a este novo cine na Universidade, dalgún xeito estás institucionalizándoo tamén. A tese lina en 2015. Agora abandonei un pouco a vida académica porque non me dá a vida. O último que fixen foi unha ponencia en Territorios y fronteras, o congreso que fan no País Vasco. Aí falei de Diana Toucedo. Tituleina “Kamikazes, exploradoras e precarias”. Ves? Mira, se queres que me defina como produtora aí o tes, isto mesmo: kamikaze, exploradora e precaria.

A túa tese foi, como dis, un achegamento urxente, pero agora xa pasaron uns anos. Que balance facemos desta década de explosión do novo cinema galego? Temos xa perspeciva para velo doutra maneira?

É un debate interesante o de saber en que punto estamos. Porque por exemplo O que arde non pode ser xa considerado novo cinema galego, non sei se “post novo cinema galego” ou cinema galego directamente, sen máis adxectivos. E en maiúsculas ademais. Porque está a ser un referente para todo o mundo. Se lle falas a calquera en Toronto, Rotterdam, etc de novo cinema galego non lles dis gran cousa porque eles non coñecen o outro cinema, nunca viron o “vello cinema galego”, se queres chamarlle así. Para eles todos os referentes son Óliver, Eloy… é unha pasada. Lembro que cando empezabamos a ir con Arraianos ou con Vikingland a festivais tiñamos que andar sempre explicando: somos de Galicia, no noroeste de España, temos unha lingua propia… e mira agora, que ata Thierry Frèmaux, director do Festival de Cannes, un dos axentes máis importantes do cine a nivel internacional, o día que anuncia a presenza de O que arde en Un Certain Regard preséntaa como película galega. Aí hai un cambio: que ese señor xa saiba grazas aos nosos cineastas que Galicia existe é unha pasada, é onde se ve esa evolución. Somos alguén e somos relevantes. Estes días que estiven no festival de Mar del Plata arrasou o cinema falado en galego-portugués, porque gañou O que arde o premio á mellor película e mellor guión e a portuguesa Vitalina Varela de Pedro Costa o premio á mellor dirección, Longa noite unha mención especial… isto é un cambio moi grande: cando os cinemas moi moi periféricos, que eran totalmente alleos á industria están levando todos os premios, aquí algo pasa.

«Se lle falas a calquera en Toronto, Rotterdam, etc de Novo Cinema Galego non lles dis gran cousa porque eles non coñecen o outro cinema, o vello cinema galego se queres chamarlle así. Para eles todos os referentes son Óliver, Eloy… é unha pasada.»

Como empezastes a entrar nos festivais con esas películas que comezabades a facer?

En gran medida empezamos a entrar nese circuíto cando escollen Todos vós sodes capitáns, de Óliver Laxe, no Festival de Cannes de 2010. Antes diso só estaba Alberte Pagán, que colleitaba algún premio de ensaio cinematográfico en Cataluña, e pouco máis, tampouco había tantos festivais como hai agora. O cambio grande vén cando a Óliver o elixen a primeira vez en Cannes e a partir de aí el empeza a ter contactos, que é o que ao final importa, coñecer os axentes. Óliver é un tipo moi xeneroso, e cando nós tiñamos rematada Vikingland en 2011 empezou a mostrarlla a xente que coñecía doutros festivais, como o FID Marsella, e alí enseguida a colleron. Logo a partir de estar en Marsella empezas a coñecer máis axentes, cada ano vas enviando unha peli, e iamos nós aos festivais, a maioría das veces pagando do noso peto. Non había as axudas que hai agora para ir a festivais, iamos a Locarno e a eses sitios cunha man diante e outra detrás.

Pero é imprescindible estar alí porque empezas a coñecer a xente, a ver ben de que vai cada festival para poder cribar un pouco e decidir a cal vai cada película… e fas esa rede informal, que é o mais importante. Tamén nos axudou moito o viaxar xuntos, sempre facíamos por ir varios de nós. Ao principio sempre nos dicían “ahí viene el lobby gallego”, porque ademais gústanos pasalo ben e onde imos nótase a nosa presenza. Iso uniunos dunha forma moi especial, non soamente para ir de festa ou facer contactos. Esa convivencia crea un vínculo tal que cando tes algún problema tamén te sentes arroupada, os compañeiros danche ánimo, ofrécenche axuda. Somos un pouco ‘clan’ e isto en Madrid ou Barcelona non pasa.

Desde fóra si que dá esa impresión de que o movemento que vós creastes é de xente unida, colaboradora… se cadra isto non é o máis usual na cultura galega.

Ben, houbo máis movementos colectivos na cultura galega. Estaba o grupo Atlántica, o mesmo grupo Nós e moitos outros que fixeron bastante piña. É que, a ver, somos catro. Se disparamos contra nós mesmos, se nos poñemos a competir entre nós non facemos nada. De haber un inimigo está noutro lado. Ademais hai aínda moito que facer e seguir co traballo pedagóxico de que por máis que brillen os éxitos do noso cine aquí segue habendo moitos problemas. Temos sempre que estar recordándolle á Televisión de Galicia que compre estas películas, á Agadic que meta máis orzamento… aí non nos podemos despistar nese sentido, seguimos con esas loitas. Outro traballo que fixemos neste tempo foi irlle cambiando á xente das institucións a súa percepción por este tipo de cine e agora en moitas ocasións son aliados, tiveron o seu proceso de entender que era o que estaba pasando e por que era importante apoiar este cine. E iso é un labor pedagóxico que temos que seguir facendo, insistir, ser pesados. Porque coidado, estes matados algo fan polo país. Se cadra O que arde é moito máis efectivo que facer unha campaña de Turgalicia, o feito de colocar unha aldea da auténtica Galicia baleirada no mapa, falar dun pobo, facer que a xente da zona se sinta orgullosa de ser de aí por primeira vez en moito tempo. Todo iso é importante, tamén á hora de pensar as políticas do audiovisual, e é a pedagoxía que temos que seguir facendo. Porque se non o facemos en calquera momento caemos en desgraza outra vez. As institucións se non as tes implicadas pódente deixar caer.

E que peticións concretas lles facedes ás institucións?

A Televisión de Galicia ten que ter un apoio claro, non pode dubidar en ningún momento se estar ou non nun filme deste tipo. Eles din que é cine moi difícil de programar na nosa televisión. Pois señores, esa televisión é a forma que teñen vostedes de facer que moita xente acceda a este cine. Eu creo que en todos os proxectos financiados pola Agadic debería entrar a TVG automaticamente. Iso para empezar. E despois que entendan que, se ben algunhas destas pelis ao mellor son son difíciles para o gran público porque non son convencionais, eles tamén teñen que facer ese labor pedagóxico como medio de comunicación público. Eu sempre lles digo que teñen que programar o cine doutra maneira, non de calquera xeito, coidalo, poñer alguén a que o presente e lle dea contexto, facer entrevistas… algo tipo Versión Española en TVE, é imprescindible ter eses contidos. Porque a TVG ten unha capacidade fundamental, que é chegar a toda Galicia. Miña nai non pode ir ao cine porque o máis cercano está a 60 kms e ela non conduce. E a miña nai é o publico obxectivo da TVG, é a forma que ten para chegar a ver as miñas películas. Quen di miña nai di unha persoa do Courel, de Valdeorras… aí a tele non pode baixar a garda, ten que apoiar de forma decidida, sen titubeos, e ás veces titubean moito con este tipo de cine. Temos escoitado en xuntanzas alí respostas que son denigrantes.

En canto á política cultural, unha cousa está clara: se aumentamos o número de creadores e creadoras, aumentamos o público e tamén crece a visibilidade do noso cine, o que non podemos ter son os orzamentos de hai 5 ou 6 anos, que están estancados. As partidas orzamentarias teñen que aumentar. Porque agora ves que realmente o nivel dos proxectos é moi alto e que quedan fóra proxectos interesantes, de autores importantes que moita xente está agardando, e que malia ter unha calidade alta non entran porque o orzamento non dá para máis. Nas axudas ao talento sería tamén importante que aumentase a partida, favorecer a nova creación. E tamén favorecer a distribución, non só facer un catálogo por ter un catálogo. Nós a distribución a festivais sabemos facela nós, pero unha xente nova que non coñece e non sabe como moverse como o fai? Ese é un apoio que debería dar Agadic de forma activa, como pasa noutras comunidades. Movendo realmente ese catálogo. A xente da política audiovisual galega debería xa coñecer os programadores dos festivais e ser proactiva á hora de enviar películas, falar cos axentes, etc, para mover o traballo da xente nova.

«A TVG ten que programar o noso cine doutra maneira, non de calquera xeito: coidalo, poñer alguén a que o presente e lle dea contexto, facer entrevistas… algo tipo Versión Española en TVE, é imprescindible ter eses contidos.»

Pódese vivir do cine de autor en Galicia?

Si, mal pero si. Está complicado, pero poderíase, deberíase. Normalmente tes que complementar con máis cousas: con clases, con outras actividades. Os cineastas son moi precarios, e menos mal que agora están empezando a ter unha porcentaxe sobre o filme, como produtores executivos, para que poidan beneficiarse tamén do éxito e dos rendementos futuros da película. Ao final tamén eles arriscan moito e fan un esforzo tremendo na promoción, acompañando a peli nas salas. E no fondo os produtores conseguimos as axudas grazas á figura do cineasta. O que hai ao mellor é que redeseñar o sistema, buscar alternativas e vivir se cadra máis modestamente, si. Porque vivir vivimos, ninguén morre de fame aquí. Pero é certo que ninguén de nós está vivindo exclusivamente de facer cine. É moi complicado, e máis nestas pelis que che pode levar catro anos facelas, non chegas nin sequera a mileurista.

O cine de autor pode ser rendible, e sobre todo ten un percorrido a longo prazo. O que é destrutivo é esta dinámica de estar unha semana nos cines e chao, xa te eliminan. Creo que Longa noite pode funcionar a longo prazo, en canto a xente vaia comentando o diferente que é esta película, moi dura, moi cañera. Este sistema tan curtopracista que nos está a marcar a industria non funciona. Nós agora xa estamos empezando a deseñar unha especie de xira por universidades norteamericanas o ano que vén. Esas cousas son rendibles porque alí a xente paga polos pases. Iso é moito traballo e normalmente a distribución da peli por todo o mundo asúmela ti. Con Longa noite valoramos ter un axente de vendas, pero ao final decidimos que non: a través dos festivais xa temos distribución en varios países e o que falta podo facelo eu. Acabo integrando esta distribución dentro do meu traballo.

Que lle dirías á xente que empeza, que se ve inspirada por vós e que quere seguir o voso camiño?

Eu, que dou clase, vexo a xente nova demasiado relaxada. Non ve nin valora o noso esforzo. Admírannos e ven os éxitos, pero non ven o traballo que hai detrás, os “non” que tes que escoitar por cada “si” que recibes, as decepcións porque non te collen en determinado festival, porque che falla unha parte do financiamento que agardabas… en fin, o traballo do día a día, que é moi duro. Cando me preguntan os rapaces que consello lles daría eu dígolles: non vos dediquedes a producir películas, hai que estar moi tolo. No fondo entendo que é algo paixonal, que che ten que gustar moito. E o sistema tampouco está a favor deles porque as axudas seguen igual: as de talento danse a cinco curtas e algunhas delas acábaas levando xente xa coñecida, directores que xa fixeron algunhas cousas. Iso non ten por que non ser así, pero hai que abrir e facilitar que entre xente nova, nós xa somos uns puretas.

Eu creo que a mensaxe bonita que hai aquí é que con ganas, con boas ideas, con traballo podes chegar a onde queiras. Hai exemplos claros que no fondo son propostas moi modestas, moi propias, e con elas temos chegado moi lonxe. Era impensable hai 10 anos estar en Cannes tres veces ou que haxa mínimo unha peli galega cada ano en Locarno, Berlín, Toronto… ou que unha peli como O que arde faga o que fixo nas salas, o éxito de Lois Patiño cun cine tan marciano… estanse a romper unhas estruturas que eran moi molestas. O noso aínda que era un sistema moi pequeno era moi ríxido, antes era o cinema dos produtores e agora é o cinema dos directores.

Hai vocacións de directores, pero hai xente que queira ser produtora?

Pouca. Directores hai moitos, mais produtores que arrisquen a facer este tipo de proxectos cantos hai? É moi difícil se non hai produtores. Como Jaione (Camborda, que autoproduciu a súa ópera prima Arima) vai facer a súa segunda longa ela soa? Non podemos permitilo. Non é bo para ninguén. Tamén che digo que hai que ser moi pringado para querer ser produtor, ou ter un carácter que non todo o mundo ten. Estamos nisto porque nos gusta, pero temos que ter moito aguante, son procesos moi longos, moi precarizados e os egos son moi altos nalgúns momentos, para o bo e para o malo. Cando hai decepcións, mala recepción do filme, etc tes que apoiar o director. E tamén cando hai éxito tes que baixalo ao planeta Terra.