O noso patrimonio audiovisual en GIFs
O 24 de novembro a Academia Galega do Audiovisual celebrou na Coruña o primeiro Gifatón do audiovisual galego, unha xornada formativa e de creación de GIFs animados a partir de películas, series de televisión e outras pezas do noso patrimonio audiovisual.
Era a primeira vez que se facía unha actividade destas características en Galicia e posiblemente no ámbito estatal, e foi facilitada polos xornalistas e expertos en comunicación audiovisual Brais Romero e María Yáñez, que deu unha conferencia inicial sobre as orixes, tipoloxías e posibilidades dos GIFs en internet.
A comunicación en internet está cada vez máis encamiñada ao formato visual e, na actualidade, os GIFS animados constitúen, en si mesmos, un novo formato de comunicación. A popularización do uso de smartphones, sitios de descarga e plataformas como GIPHY, teñen contribuido de xeito determinante á súa popularización, especialmente entre a xente nova, grazas ao seu fácil uso e o enorme catálogo de GIFs gratuítos que existen na actualidade. Millóns de GIFs son compartidos todos os días.
O patrimonio audiovisual pertence a todas e todos e contén información esencial que forma parte da nosa historia e identidade cultural e os GIFs animados son unha maneira orixinal e novidosa de reivindicalo e compartilo.
Organizada pola Academia co apoio do Concello de A Coruña, a colaboración do CGAI – Filmoteca de Galicia e do LAIC, Laboratorio Audiovisual de Coruña Dixital, GIFATON. Novos formatos de difusión do patrimonio audiovisual galego culminou coa creación dun repositorio de GIFs de obras senlleiras da historia do noso audiovisual, partindo de obras gañadoras dos Premios Mestre Mateo en diversas categorías e películas clásicas conservadas no arquivo do CGAI-Filmoteca de Galicia.
Algunhas delas foron O lapis do carpinteiro, Trece badaladas, Somos xente honrada, Os mortos van ás présas, María e os demais, O ano da carracha, Cela 211… e series como As leis de Celavella, A vida por diante, Era visto, Padre Casares ou Matalobos Tamén webseries como Peter Brandon ou Angélica e Roberta. Entre as imaxes dos primeiros filmes galegos que achegou a filmoteca están títulos como Viaje por Galicia, Castelao en Bos Aires, ou Pontevedra, cuna de Colón.
Un total de dez persoas participaron nesta actividade, que contou ademais co patrocinio de Galipizza. Ao inicio da xornada a penas había media ducia de GIFs do audiovisual galego na rede. Ao final do día contamos máis de 200 GIFs feitos co material que proporcionou a Academia. Os gifs pódense buscar nas plataformas GIPHY ou en Tenor, e tamén nas redes sociais, buscando coa etiqueta “Gifaton”.
Aquí unha pequena mostra.
A III SEMUA homenaxeou a José Nieto
O compositor José Nieto foi o protagonista da III edición da Semana das Músicas do Audivisual, que organiza a Academia Galega do Audiovisual e que se celebrou do 21 ao 26 de outubro do 2018. Autor de máis de cen partituras para cine e televisión, José Nieto é ademais creador de varias bandas sonoras do cine galego, como as das películas Fisterra, de Xavier Villaverde, ou Sei quen es, de Patricia Ferreira, pola que levou un premio Goya no ano 2001. E na súa longa traxectoria traballou cos máis prestixiosos cineastas españois, como Manuel Gutiérrez Aragón, Vicente Aranda ou Imanol Uribe.
O prato forte desta SEMUA foi o gran concerto que ofreceu a Orquestra Sinfónica de Galicia, dirixida por Andrés Valero-Castells, o 26 de outubro no Teatro Colón da Coruña, e no que interpretou algunhas das principais partituras de José Nieto, así como temas de compositores galegos de renome como Xavi Font, Sergio Moure, Manu Conde, Manu Riveiro ou o propio Nani García. Todos eles estiveron presentes no recital, que ateigou o patio de butacas do Colón.
Como novidade nesta terceira edición da SEMUA o domingo anterior abriuse a programación cun Concerto Didáctico para público familiar conducido pola Banda Municipal de Música da Coruña tamén no Teatro Colón. Neste concerto interpretáronse temas orientados a público infantil, e repetiuse durante dous días máis máis para escolares de diferentes centros educativos.
Outra pata fundamental da Semana das Músicas do Audiovisual foi obradoiro sobre A Lei de Propiedade Intelectual na contorna dixital actual que impartiu Darío Palomo e as masterclasses sobre A Composición Musical para Videoxogos de Vicent Tobar, Plantillas na composición para audiovisual de Vanessa Garde e A Guitarra no Film Scoring de Lucas Suárez.
Ademais o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) acolleu dentro da programación desta SEMUA as primeiras proxeccións do ciclo A Ilusión é perfecta, con dúas películas con banda sonora de José Nieto, A Aldea Maldita e Finisterre, que foron presentadadas e comentadas polo autor homenaxeado nesta edición.
A Semana das Músicas do Audiovisual é singular festival singular de música dirixido por Nani García e organizado pola Academia Galega do Audiovisual co apoio do Concello da Coruña, da Orquesta Sinfonica de Galicia e da Banda Municipal de Música da Coruña. O seu obxectivo é darlle protagonismo ás músicas para cine, televisión e outros medios audiovisuais, difundindo as mellores composicións en cada xénero e ampliando a formación de profesionais e persoas interesadas en eidos como composición, produción e interpretación dun tipo de música que todo o mundo escoita, pero que non sempre consegue a atención directa do ouvinte.
Retrato de seis pioneiras
Cando se fala dos primeiros profesionais que puxeron a andar o cinema e a televisión en Galicia adóitase esquecer o nome de mulleres que desde distintos ámbitos técnicos e artísticos, e tamén desde a produción e a investigación, foron imprescindibles nos inicios deste sector. Moitas delas empezaron nos anos 70 e 80, cando ser muller no audiovisual, fóra de ser actriz, era aínda unha rareza. E algunhas continúan en activo, mentres que outras están a piques de retirarse ou levan xa tempo sen traballa no audiovisual.
Para os Papeis da Academia do ano 2018 decidimos buscar a 6 destas pioneiras, entrevistalas e facerlles unha serie de retratos moi especiais. Ante a cámara de Tamara de la Fuente e co maquillaxe e perruquería de Fanny Bello e Silvina Souza, quixemos vestilas con roupa de tres novos deseñadores galegos: David Méndez Alonso, Melania Freire e Matka. Talento veterano e talento emerxente unidos para mostrar a forza das mulleres que iniciaron o camiño e que son un referente para as novas xeracións.
Margarita Ledo
Margarita Ledo Andión é un dos nomes imprescindibles se falamos de mulleres referentes do noso audiovisual. Investigadora, docente, cineasta, produtora e socia fundadora de NUMAX, a súa paixón polo cinema “máis ca unha paixón é un enigma que comezou, se cadra, nas sesións ambulantes que se proxectaban no local de Correos en Castro de Rei”. A partir de aí foi a escrita poética e xornalística a que practicou durante moito tempo para logo levala máis alá saltando ao cinema, a materia da súa investigación.
Fotografía: Tamara de la Fuente. Maquillaxe e peiteado: Fany Bello. Texto: María Yáñez
Margarita Ledo leva roupa de Melania Freire e de Matka. A sesión de fotos fíxose na súa casa de Santiago de Compostela.
“Non é que decidira dedicarme a isto”, conta Margarita Ledo. “Pasou que quería entrear nese labirinto ao que conducía o meu apego á fotomontaxe, aos relatos de Cortázar e ás historias veladas. Santa Liberdade é materia desta teima”. Fala da súa primeira longametraxe, un documental dirixido en 2004 coa produción de Antón Reixa, no que reconstruía o secuestro político do trasatlántico “Santa María” no 1961 por un grupo de exiliados antifascistas galegos e portugueses. Cando abordou esta historia a súa obsesión como cineasta, ademais dunha procura documental exhaustiva, “era que cada personaxe non representara algo diferente á experiencia de participar naquela acción dos sesenta”.
Considérase unha cineasta militante. “Por iso, desde Galiza, tomo posición sobre o século: Santa Liberdade son os anos dos soños, cando todo podería mudar; Líster, pronunciado Liste, é a III Internacional, a confrontación co fascismo, a represión; A cicatriz branca é a muller migrante, o movemento de masas humanas por exilio, pobreza, abusos, negación”. Estas dúas longametraxes produciunas con Nós Produtora Cinematográfica Galega, a herdeira de aquela outra produtora Nós que en 1975 crearan un grupo de cineastas que formaban ela e mais outros “compañeiros de viaxe militante” como Cipriano Jiménez ou Nemesio Barja e, sobre todo Carlos Varela Veiga, falecido en 1980.
"Ser cineasta en Galiza é unha aposta persoal, expresiva e política”
A idea de recuperar Nós foi “resultado dunha bolsa que me concede a Embaixada do Canadá para estudar o Cinema Directo do Québec. Fiquei prendada dese cinema e ao voltar propúxenlle a un grupo de persoas soerguer a produtora”. O propósito de Nós é, por unha banda, respaldar obras de selo persoal como as da propia Margarita ou CCCV, a peza de Ramiro Ledo (o seu sobriño) en homenaxe a Carlos Varela, e, por outra “en relatar o cotián e o imaxinario do pobo galego nas series para TV”. O apelido Ledo asina algunhas destas series (Xosé Lois Ledo Andión, Olaia Ledo), mais a cineasta asegura que “non facemos clan máis que cando cómpre”.
E a que se debe esta querencia familiar polo cinema? “Supoño que, nuns casos, porque miramos as mesmas pelis e fomos ás mesmas manifestacións. E noutros, porque partillamos un aquel por andar en pistas de xelo e aquecelas”. Margarita Ledo menciona tres filmes que foron importantes para ela en tres momentos distintos da súa carreira: “A fonte da doncela, de Bergman, que vin no desaparecido Salón Teatro, en Lugo, nos anos de bachalerato; Noches de Vino Tinto, de José María Nunes, xusto en chegando facer xornalismo a Barcelona, a finais dos sesenta; e As irmáns alemáns, de Margaret Von Trotta, da miña xeración. E valora o feito de ser cineasta en Galicia “como unha aposta persoal, expresiva e política”. Se non se puxo detrás da cámara ata a súa madurez foi “porque as errancias foron unha constante que me impedía confrontar esa maquinaria costosa e pesada. E tampouco me interesaba, como práctica fílmica, o mundo underground”.
O seu pulso de cineasta está ligado á súa voz poética e diso son boas mostras a adaptación dun poema na curta Cienfuegos,1913, que codirixiu en 2008 con Belkis Vega,ou a pasaxe da novela Porta Blindada para A cicatriz Branca, a longametraxe que presentou en 2013. “A cicatriz branca é distinta porque quero facer un filme de xénero, cun corpo e cunha voz como a de Eva Veiga, fragmentando a linguaxe, alongando o silencio e o fóra de campo, termando da posibilidade de recoñecer a ferida, e boto man da axuda de Carlos Neira”. O seu próximo proxecto de longa comeza a andar, de novo, cun verso: “o do meu amigo, xornalista e escritor portugués Manuel António Pina, falecido en 2012, na procura de Um sítio onde pousar a cabeça”.
Cando a chamamos para a sesión de fotos con Tamara de la Fuente Margarita Ledo está saíndo para Maputo, a capital de Mozambique. A fotografía, conta, “é o meu mundo de estima. Fixen a miña tese sobre Sebastião Salgado, un libro e unha expo con Anna Turbau, unha columna crítica en Le Monde Diplomatique…”. E tamén a seduce a moda “na súa aposta por facernos sentir felices grazas ao que outras persoas pensan pra nós”. De feito, no conxunto de roupa que a deseñadora Melania Freire cedeu para a sesión, “a saia que traían érame pequena e botamos man do meu roupeiro, cunha peza que cadrou á perfección co resto do atrezzo”. Margarita Ledo é pioneira galega da imaxe en todas as súas facetas.
Beatriz Legerén
Beatriz Legerén é pioneira no mundo da comunicación dixital e multimedia en Galicia. Estudou Historia da Arte en Santiago e ía para museóloga, pero no seu último ano de carreira conxeláronse as oposicións e púxose a buscar traballo. Aforrou para facer o MBA na extinta Escola de Negocios Caixanova. Desde alí deu o salto á empresa, primeiro por conta allea e despois creando as compañías Pixel Graphics e Interacción. Con esta última puxo a andar un vaso comunicante entre os proxectos interactivos e o audiovisual.
Fotografía: Tamara de la Fuente. Estilismo: Fany Bello. Texto: María Yáñez.
Beatriz Legerén leva roupa do deseñador David Méndez Alonso. As fotos foron tomadas na Cidade da Cultura de Galicia.
Interacción tiña sede en Vigo e estaba formada por Continental Producciones, a produtora de Pancho Casal e Xavier Villaverde, e por Pixel Graphics, que se dedicaba á creación de Computer Graphics e que tamén traballara na creación dos primeiros proxectos interactivos que se realizaron en Galicia. “Interacción montouse para aproveitar as sinerxias entre os que creaban os contidos e a tecnoloxía, pois sempre crin que unha cousa sen a outra non tiña sentido. Podes crear pero necesitar facelo coñecendo a tecnoloxía, e sobre todo pensando no usuario”, conta Legerén, a quen sempre lle gustou “pensar en interactuar: en que as persoas puidesen ser as que decidisen o que facer, cando e como”.
Fixeron a web da desaparecida Axencia Audiovisual Galega e levaron varios premios Mestre Mateo, cando existía a categoría de Mellor Obra Interactiva, polos videoxogos O templo (2003) e O mando manda, e tamén polos sitios web das películas O ano da carracha (2005) e De profundis (2007). Beatriz Legerén conta que con O templo foron a primeira empresa que creou un videoxogo en Galicia, con temática celta e guión de Elixio Rodríguez: “non foi un xogo moi coñecido pero contaba con elementos moi interesantes e ademais estaba moi ben documentado”. Despois traballaron con outras empresas deseñando videoxogos baseados nas propiedades intelectuais das súas películas, como no caso de Nocturna e Donkey do grupo Filmax. E tamén foron a primeira empresa en desenvolver un produto transmedia, chamado La arruga al poder, con narrativas pensadas para distintos soportes como a televisión, as redes e un videoxogo para móbiles.
«Desenvolver un videoxogo ten moito que ver co guión audiovisual: nos dous casos debes deseñar un universo. Pero nos interactivos ademais de contar unha historia creas unha experiencia».
Facían CD-ROM, sitios web e tamén deseños de videoxogos. Os principais clientes de Interacción eran “empresas de todos os ámbitos, ás que lles axudamos a achegarse ás tecnoloxías”, entre as que destacan Pescanova ou a firma de moda Caramelo. E moitas do sector audiovisual, un vínculo que eles buscaron e que non era moi común nas empresas tecnolóxicas: “nós eramos máis ben un híbrido. O noso obxectivo era crear contidos, moi específicos para aquela época, os interactivos, e quen sabía de contidos eran as empresas audiovisuais”.
Durante anos sentíronse “pioneiros e evanxelistas” no mundo dos contidos e tamén no mundo tecnolóxico. “Sabíamos que eran dous mundo condenados a entenderse. Sempre miramos máis alá das nosas fronteiras e fóra da caixa, era só cuestión de tempo que acabasen sendo aliados. A chegada de internet, a evolución da tecnoloxía móbil, os agregadores de contidos… déronnos a razón, mais para nós xa foi tarde”, lamenta Beatriz Legerén, que hai uns anos deixou o mundo da empresa para dedicarse á investigación e á docencia. Engade que con Interacción “adiantámonos ao noso tempo, tentamos deseñar e desenvolver produtos que sabíamos que terían éxito. Pero fixémolo antes de que o mercado e os usuarios estivesen preparados”.
Cando se iniciou no mundo académico o seu mentor foi o profesor Xaime Fandiño, que fora realizador da TVG, “e que me animou a compartir os meus coñecementos adquiridos na empresa cos alumnos da facultade de Comunicación Audiovisual de Pontevedra”. A partir de aí comezou o seu doutoramento compaxinándoo co seu traballo na empresa, e desde o ano 2013 é profesora a tempo completo nesa facultade. “Mais non esquecín a profesión e, de feito, dentro do ámbito universitario sigo a deseñar e desenvolver produtos interactivos de entretemento, aínda que agora o fago con alumnos e compañeiros”, explica Legerén.
“As asignaturas que imparto son Deseño e xestión de contidos interactivos, Guión Interactivo e Videoxogos: Deseño e desenvolvemento. Esta última materia impartímola de forma coordinada entre profesores de Comunicación Audiovisual e Publicidade e profesores de Telecomunicacións”, conta e recomenda que visitemos o blog ComTecArt, onde se pode ver parte do traballo que desenvolven conxuntamente entre as dúas facultades. De novo, a idea de poñer en común o audiovisual e a tecnoloxía está presente no traballo desta viguesa, que ademais forma parte do tecido asociativo do audiovisual, como socia da Asociación de Guionistas e da Academia Galega do Audiovisual.
A fin de contas, o traballo de deseñar un videoxogo ten moito que ver coa creación de historias no audiovisual: “Nos dous casos debes deseñar un universo. Uns personaxes aos que lles pasa algo e teñen que solucionalo. Pero o audiovisual convencional, ou lineal, cóntache una historia. Non formas parte dela, es audiencia, non participante. No audiovisual interactivo, ti como xogador es quen decide cómo vivir a aventura. A diferencia estriba en contar historias fronte a crear experiencias. E o segundo é apaixonante”.
No futuro próximo Beatriz Legerén agarda seguir investigando no deseño de videoxogos e contornas virtuais: “Nestes momentos estou a traballar desde a perspectiva neurocientífica, utilizando tecnoloxía que nos permita medir a resposta dos usuarios ante propostas que se deseñan e ver de qué forma podemos melloralas de cara a conseguir obxectivos concretos”. Ademais de continuar estudando e dando clase, e de rematar un libro que está a escribir cuns compañeiros, esta gamer agarda tamén “poder ter un pouco de tempo para seguir xogando”.
Luisa Veira
A actriz Luisa Veira foi un dos primeiros rostros populares da Televisión de Galicia. Aínda moita xente a recoñece hoxe como “Eva de Sarria”, o personaxe que tiña en O mellor, aquel primeiro programa de humor que houbo na canle pública presentado por Manuel Rivas. Formou parte do movemento contracultural que houbo na Coruña nos anos 80, e fixo equipo cos creadores máis imaxinativos do primeiros anos da televisión, de Manuel Abad a Xaime Fandiño ou Suso Iglesias. Entrou no CDG o ano que se fundou e sempre amou o teatro. Deixou o audiovisual hai anos pero está disposta a volver se xorde algún proxecto con alguén que crea no que fai de xeito tan apaixonado e entusiasta coma ela.
Fotografía: Tamara de la Fuente. Estilismo: Fanny Bell. Texto: María Yáñez
Luisa Veira leva roupa da deseñadora Melania Freire. A sesión fotográfica fíxose no Centro Ágora da Coruña.
Xa de pequena era a pallasa do colexio de monxas. “Gustábame crear, facerlle rir á xente, e vestirme de calquera cousa. Sempre andaba empendongada e facendo os meus propios disfraces. Con catro papeis era Mary Poppins”. Empezou a facer teatro afeccionado co grupo Tespis e estudou Declamación e Interpretación no Conservatorio da Coruña, cando aínda se estudaban aquelas cousas. Logo formou parte de Troula, a súa primeira compañía profesional, con compañeiros como Gonzalo Uriarte, Manquiña, Antonio Simón, e no 84 entra no Centro Dramático Galego cunha das súas primeiras funcións: Agasallo de sombras de Roberto Vidal Bolaño.
Foi facendo unha entrevista promocional do CDG na TVG con Morris cando os dous se puxeron por primeira vez diante dunha cámara. Ao pouco tempo chamounos Manuel Abad, que estaba preparando O mellor, o programa no que eles presentarían un informativo satírico. Ela sería Eva de Sarria e Morris o presentador do tempo, Modesto Ciclón. “Eu saía alí coas miñas pintas, tiña que pelexar coas perruqueiras para que non me puxeran de chica mona”, conta Veira, que lembra aquela primeira época dunha TVG chea de ilusión na que todo estaba por facer. “Aquela televisión era impensable nos dous sentidos: primeiro porque nada se pensaba moito. Traballabamos desde a inconsciencia, moitas veces non había nin guión, abrazabamos o erro, faciamos os sketches coa perruca do revés… Era un espíritu moi punk. Traballabamos sempre contentos, como se non houbese futuro, querendo dalo todo no momento”.
“Eu saía alí coas miñas pintas, tiña que pelexar coas perruqueiras para que non me puxeran de chica mona.”
Daquela época lembra os directores dos programas nos que traballou. Manolo Abad era un tipo cunha capacidade de aprendizaxe e un entusiasmo enorme. El vía todas as teles do mundo e as cousas que máis lle gustaban. Con el fixemos O mellor e A mellor televisión do mundo. Combinábase o humor e a vangarda, buscando o público popular pero tamén o máis culto. Facíamos chifladuras en programas que podían parecer unha trangallada pero que ían dirixidas a un espectador maduro e intelixente.
Logo chegou Xaime Fandiño e “outra chifladura total”, o programa A toda máquina que presentaban Xosé Lois González (falecido este ano) con Sergio Pazos e a propia Veira. “Mesturaba concurso con sketches con actuacións en directo, era moi divertido. Tiña aqueles decorados de Suso Montero, que foi outro dos máximos creadores de aquela época. Non só facía os decorados, marcaba o estilismo e a estética completa de cada programa”. De aquel programa recorda como foi das primeiras figuras da televisión en ter fans: “a xente escribíame, teño cartas gardadas das nenas que me mandaban cartas entusiasmadas con debuxos”. E tamén como pasaban por alí a tocar en directo “Alaska, Tino Casal… todos os modernos do momento”.
Aquela televisión moderna non era casual. “Moito se fala de La bola de cristal pero o que se facía aquí era tremendo”. Para Luisa Veira é imposible non lembrar a Dolores Bouzón: “ela si que foi pioneira. Moito máis que unha presentadora de televisión, era unha personalidade incrible e na tele era sempre ela mesma. Algo que se bota de menos agora, na TVG actual é todo moi raso”. Para aquela xeración era a época tamén das revistas: Tintimán, La Naval… “había unha chea de músicos, pintores, fotógrafos, todos querendo asaltar o mundo e expresarnos sen prexuízos”.
Veira e Morris fixeron parella artística e serían iconas da contracultura galega nos 80. Viaxaron coa tropa galega no desembarco das Fuerzas Atroces del Noroeste na Universidad Menéndez Pelayo de Santander no ano 86. De aquel momento é a foto que lle fixo Xoán Piñón representando o Telón de Grelos, unha das fotos icónicas de aqueles anos, nos que a moda tamén era moi importante. “Aquí da escola de Vigo saía xente temenda, eu tiña deseños de xente galega, vias esa roupa na televisión e tamén rúa, había creatividade por todos lados”.
Acabaron os 80 e a Coruña xa era distinta: “Chegara Paco Vázquez, os paseos marítimos… xa se acabou a loucura, todo como que se legalizou. No audiovisual empezou a dobraxe, empezou a haber cartos, convenios, e tamén empezou a competencia entre nós”, explica Veira. “Pero aínda lembro un progama moi chulo que fixemos con Suso Iglesias, Gracias pola Galega. Presentábao eu con Alfonso Agra, aparecían John Balan e Vladimir. Tamén saía Sito Sedes, Finita Gay, Ana Kiro… era xuntarnos os modernos cos divos da nosa música. Todos mesturados, eramos tan frikis uns coma outros".
A partir de aí, algunhas experiencias no cine que viñan facer a Galicia desde Madrid (Divinas Palabras, El bosque animado…) e tamén saíu na película do seu amigo Antonio Blanco A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos. Logo empezou a ir a Madrid con frecuencia a facer cursos de teatro e alí cadrou con Fernando Colomo, que a colleu para facer un papel na súa serie Chicas de hoy en día. “E aí foi a miña caída en desgracia. Por unha suposta incompatibilidade non me deixaron volver ao CDG. E con esa amargura tampouco o pasei ben en Madrid facendo a serie”.
“Despois desaparecín das pantallas, estaba un pouco farta”, conta a actriz. “Cando volvín a Galicia xa non era o mesmo, xa non se traballaba con ilusión, estaba todo o mundo máis queimado. E empezo a notar un pouco de machismo tamén”. Aínda que ela viña de traballar nunha serie de éxito a ficción galega non chamou por ela: “nunca foi algo que me interesase moito, nin sequera como público. Fixen algunha cousa máis tarde, como Pequeno Hotel, pero non me gusta a dinámica das rodaxes, a toda présa, nin tampouco a dos castings”.
Decidiu formar unha familia e tivo dous fillos. “E un mundo afectivo que te absorbe. Mentres estaba criando quedei fóra do mundo, non me enteraba das probas, non estaba aí fando foi crecendo o audivisual en Galicia”. Si que fixo algunha cousa no teatro de maneira puntual, e hai un par de anos mesmo creou unha compañía de teatro infantil: “montei o meu proxecto, arrisquei pasta, fixen o texto, cosín eu a roupa, fixen parte da escenografía… pero era dificilísimo entrar no circuito, e menos eu soa, e non seguín adiante”. Aínda así non para de facer cousas: “Para o audiovisual ninguén me chama, pero acéptoo, non pasa nada. Agora quero buscar un traballo máis convencional, seguirme movendo e seguir aprendendo”.
Volvería poñerse diante dunha cámara? Si, pero non de calquera maneira. “Non me importaria facer cine, pero con alguen que crea no seu traballo e no que está contando”. E coa xente da súa quinta? “Ás veces atopome con Suso Iglesias ou con Fandiño e dinme que lles gustaría facer cousas. Sería moi divertido. Se xa lles daba todo igual cando empezamos, imaxina agora que están entrando a se xubilar”. Mentres, disfruta do en familia (“encántame o anime”) e de festivais da súa cidade como o FKM. Segue facendo vestidos e creando o seu propio mundo. E aclarándolle á xente que se lle acerca a preguntar que non se chama Eva nin é de Sarria. Cousas de ter sido un mito televisivo dos 80.
Marta Villar
Marta Villar naceu no sur, vive no sur e “reivindico o sur, porque estamos un pouquiño esquecidos pola administración e polo sector audiovisual”. Esta viguesa leva anos vivindo no Val Miñor e percorrendo Galicia na procura de localizacións e documentación que lle permitan crear os decorados das películas, series e programas de televisión nos que ten traballado como directora artística.
Fotografía: Tamara de la Fuente. Estilismo: Fanny Bell. Texto: María Yáñez
Marta Villar leva roupa do deseñador David Méndez Alonso. A sesión de fotos fíxose na Cidade da Cultura de Galicia.
Estudou en Compostela, na escola Mestre Mateo, a especialidade de decoración. A comezos dos 80 entrou en contacto co mundo do cine por equipos de rodaxe que viñan de Madrid, e no 86 chamouna Chano Piñeiro para traballar en Esperanza, a curtametraxe sobre o alcolismo que protagonizaban Rosa Álvarez e Xosé Manuel Olveira 'Pico'. Lembra como “a maior parte da xente que traballaba nos equipos nos 80 aínda viñan de fora e aos profesionais de Galicia non nos trataban ben. Parecía que nos tiñan alí para cumprir a cuota e máis nada. Aínda segue pasando ás veces”.
Ela foi das primeiras galegas en traballar no cine, nun tempo no que “non había a penas profesionais, e moito menos escolas onde se formar. Aprendemos os códigos do cine por intuición e de forma autónoma”. En parte cre que por iso sempre tivo unha maneira particular de traballar: “Por exemplo, no que respecta aos equipos, a min gústame implicar a todo o equipo en conxunto, e compartir con todos o traballo e as responsabilidades, sen as xerarquías que adoita haber noutros lados.”
Pero o seu labor para preparar os proxectos empeza moito antes: “O fundamento do meu traballo está na investigación. Documéntome moitísimo sobre os temas, os personaxes… é a parte do proceso que máis me gusta. Escribo moito, clasifico, investigo por internet, vou voando dun sitio a outro obtendo datos”. Explica que “cando é cine entro nos guións, vou collendo cada elemento e a partir de aí investigo e empezo a crear a vida dos personaxes. Porque realmente son a que recreo a vida mais alá do guión para darlle forma e cor”.
Percorrendo o país para localizar e buscar documentación “funme imbuindo nos usos e costumes de moitas zonas e épocas de Galicia: pesca, o mundo das conservas e da salgadura [para a miniserie Salgadura], o narcotráfico nos anos 80 [para Entre Bateas de Jorge Coira ou Heroína de Gerardo Herrero]”. Conta que lle gusta traballar coas épocas en que viviu: “é unha maneira de trasladar a experiencia vivida ao coñecemento dos demais”. Con todo, o traballo que recorda con máis agarimo é o do reality A casa de 1906, no que tivo que recrear unha época e un entorno rural diferente a no que ela se criara: “Fun vivir tres meses a Irixoa, onde estaba a casa que tiñamos que recrear, non só como decorado senón para que os participantes vivisen alí de maneira real. Traballamos con construtores, veterinarios, gandeiros, xente da zona… recordo aquela primavera como unha experiencia moi gratificante”.
"Gústame traballar coas épocas nas que vivín: é unha forma de trasladar a experiencia vivida ao coñecemento dos demais".
Marta Villar, que recibiu o ano pasado o premio de honra Fernando Rey da Academia Galega do Audiovisual, fai balance da súa carreira: “Cheguei moito máis alá de onde cría que podía chegar. Agora querería retirarme, xa teño un percorrido longo e extenso. Gustaríame dedicarme á docencia pero téñoo complicado porque non teño unha carreira superior que me permita dar clases”. Leva traballando desde os 19 anos e por fin agora pode estudar o que daquela non puido: “Estou na ESAD pero como alumna, estudando escenografía da arte dramática, cando o traballo mo permite. Fágoo para aprender, non para sacar o título, que cando o saque estarei xa xubilada e tampouco me servirá para moito”. Aínda así, está convencida de que “quero dar clase, ensinar o que sei. Xa que non o podo facer de maneira oficial, fareino a modo privado ou en cursos pequenos".
De todas maneiras ela xa creou escola entre toda a xente que pasou polos seus equipos. Dende os seus sobriños Andrea Pozo e Ventura Villar, que empezaron de meritorios con ela e agora se dedican á dirección de arte, ata novos talentos como Noelia Vilaboa, directora artística de Dhogs ou Lúa Testa, actriz que tamén traballa como escenógrafa en Madrid.
“Case non fago audiovisual, chégame moi poucos traballos. Tamén fago exposicións e escenografía para eventos. Agora estou preparando unha exposición sobre actores e actrices na Cidade da Cultura. Pero co audiovisual estou un pouco desencantada, sinto que quedei fóra, porque nos últimos anos non fixen practicamente nada. Por un lado estase producindo moito menos, por outro as novas xeracións de cineastas non contan cos veteranos”. E a crise aínda se nota nos orzamentos, “na TVG séguense vendo decorados meus en varios programas pero eu levo 3 ou 4 anos sen traballar alí”.
Forma parte de CIMA (Asociación de Mujeres Cineastas) desde o momento en que se fundou. “Cando me explicaron o proxecto pareceume imprescindible estar. Na miña carreira estiven case sempre sentada en mesas na que todo eran homes, sobre todo en televisión. A situación cambiou bastante pero non o suficiente. Se ao principio as mulleres eran un 5%, agora estaremos nun 25%, pero non pasamos de aí”. E isto nótase tamén nas historias: “boto de menos que o cine fale das realidades de todos, non só do que lle gusta a unha parte da poboación.”
Pilar Sueiro
Pilar Sueiro foi a primeira muller galega que dirixiu cine. A comezos dos 80 realizou dúas curtametraxes documentais en 35mm e en 1998 foi tamén a primeira galega que dirixiu unha longa: “Cuando el mundo se acabe te seguiré amando”. Pero nos seus máis de 35 anos na profesión foi tamén actriz, guionista e sobre todo produtora, con Atlántico Films, da extensa filmografía de Juan Pinzás. Co seu compañeiro formou un tándem profesional e creativo que os levou por festivais de todo o mundo, en especial coa triloxía das únicas películas Dogma 95 que se fixeron en España. Toda unha pioneira do noso cine que segue en activo, apostando por un cine persoal e diferente, e preparando novos proxectos.
Fotos: Tamara de la Fuente. Perruquería e maquillaxe: Silvina Souza. Texto: María Yáñez.
Pilar Sueiro leva roupa do deseñador David Méndez Alonso. A sesión de fotos realizouse na Casa de Galicia de Madrid.
Os seus comezos remóntanse a cando estudaba con 13 anos bacharelato en Vigo e empezou como actriz de teatro amador: “Desde pequena sentín unha especial atracción pola actuación e pola literatura. Encantábame ler, devorábao todo. E encantábame actuar. Cando vin a película de John Ford O home tranquilo namorei de aquela historia e da maxia do cine. Daquela tiven moi claro que o que máis desexaba era facer películas”, explica Sueiro, que sendo aínda estudante coñeceu a Juan Pinzás: “Eu facía teatro e el cinema amateur en Súper-8 mm. Axiña pasei a ser actriz das súas curtas en pequeno formato e aí comezou a nosa colaboración”.
A maioría da xente coñece a súa faceta como produtora pero non estes comezos como actriz e directora. A comezos dos 80 dirixiu dous documentais de creación en formato profesional: “Vicus Spacorum” (1982) e “Retazos gallegos”. Conta que estas pezas foron das primeiras rodadas en Galicia en formato de 35mm e exhibidas comercialmente en salas de cine de toda España, de cando se emitía unha curta antes de poñer a longametraxe. As copias e negativos destes dous filmes están depositados na Filmoteca Española, pero Atlántico Films proxecta editalos en DVD en 2019, xunto a outras 17 curtas en cine dirixidas por Juan Pinzás. A idea é lanzalas en formato físico e nas plataformas dixitais “con subtítulos en inglés, á vista da demanda que teñen en diferentes países”.
Mais cando estas películas se fixeron Atlántico Films aínda non existía, produciunas Sueiro creando a produtora que levaba as súas iniciais: PS Films. Lembra cando para crear a empresa, en 1982, se presenou na Delegación de Facenda de Vigo para darse de alta como empresaria cinematográfica, paso previo a inscribirse no rexistro do Ministerio de Cultura: “O funcionario non daba creto e dicíame que iso non era posible, que eu non me podía facer produtora de cine, que non existía ningunha rexistrada en Galicia e ademais para iso tería que ter unhas grandes naves (referíase a platós). Esixín falar cun superior e finalmente tiven que explicarlles eu mesma como tiñan que facelo, e por suposto que se fixo”.
"Como podía pensar eu que un dos máis grandes cineastas da historia do cine como Luis García Berlanga se ía converter en actor para a miña película?"
Desde moi cedo ela e Juan Pinzás tiveron claro que querían facer da súa vocación de facer películas o seu oficio, apostando sempre polo cinema de autor e polos seus proxectos persoais. As influencias artísticas de Pilar Sueiro atopábanse na pintura (“Hopper, Renoir, Chagall, Velázquez ou Dalí”) e no cine, ademais de clásicos como John Ford, “outros cineastas innovadores e con universos moi personais, na súa maior parte europeos, hoxe todos de culto, que fun descubrindo paulatinamente daquela. E menciona unha longa lista que comeza por Buñuel, Saura e Berlanga para percorrer toda Europa (Fellini, Rossellini, Antonioni, Fassbinder, Herzog, Wenders, Truffaut, Rohmer, Jacques Tati, Agnès Varda, Marguerite Duras, Bergman ou Tarkovski).
Precisamente Berlanga colaborou na súa primeira e única longametraxe ata o momento: “Cuando el mundo se acabe te seguiré amando” que cuxa estrea veñen de cumprirse 20 anos. “Como podía pensar eu que un dos máis grandes cineastas da historia do cine como Luis García Berlanga se ía converter en actor para a miña película, para apoiarme coa súa presencia, porque cría en min como directora? Aínda hoxe me sorprende que tan magníficos profesionais, auténticas personalidades, colaborasen na miña ópera prima”. Aparecían en pequenos papeis outros destacados cineastas como Paul Naschy, Julio Diamante ou Antonio del Real, e mesmo coñecidos xornalistas do momento como Andrés Aberasturi ou Nieves Herrero. “Só por esa honra e pola experiencia de dirixir aos meus actores e actrices protagonistas [Cristina Piaget, Beatriz Rico, Lucas Fuica e Guillermo Montesinos], tería pagado a pena facer “Cuando el mundo se cabe te seguiré amando”, engade a directora.
“Naquel momento tiña a necesidade de dirixir e contar esa historia”, explica Sueiro. “Juan animoume moito para que a fixera e decidimos cambiar os roles: el pasou a asumir os cometidos de produtor e eu centreime no meu traballo de directora. Para nada se me ocurreu pensar daquela que era a primeira muller galega que ía dirixir unha longametraxe. De feito, sóubeno por unha reportaxe en prensa”. A película estreouse con éxito en mantívose durante varias semanas en cines de toda España, e participou en varios festivais de Europa e Latinoamérica. Na actualidade pode verse en plataformas dixitais, e con motivo do seu vinte aniversario preparan tamén unha edición en DVD con abundante material adicional, destinada a “cinéfilos aos que, coma min, lles gusta o formato físico”.
Esta proxección internacional continuaría, ampliada, ao ano seguinte, no que abordan a produción de Era outra vez, a primeira película galega con certificado oficial Dogma 95, seguindo o manifesto artístico do director danés Lars Von Trier. Rodada de xeito libre, en versión orixinal en galego, con actores como Monti Castiñeiras, Víctor Mosqueira, Mara Sánchez, Vicente Mohedano, Marcos Orsi ou Isabel Vallejo, Era outra vez percorreu numerosos festivais por todo o mundo, incluíndo varios de clase A como o de Moscú ou o de San Sebastián. A súa secuela, Días de voda, continuaba a triloxía e os éxitos: foi a pimeira película en galego que se viu en Hollywood, no Festival de Cine Latino de Los Ángeles. Con El desenlace, xa rodada en castelán, remataba a triloxía. Sueiro conta con especial orgullo como Manuel Fraga os recibiu na xunta cando lle foron entregar o certificado Dogma 95, e destacou diante dos medios cómo Juan Pinzás e Pilar Sueiro “acaban de meter o galego na historia do cine universal”.
En vinte anos Pilar Sueiro non volveu dirixir “porque non tiven a suficiente necesidade creativa ou artística para facelo. Dirixir calquera cousa, unha encarga ou unha serie proposta por unha cadena de televisión é algo que non estou disposta a facer, e tiven ocasión”. Necesito atopar a motivación creativa, a proposta artística, algo que considere necesario, útil, para rodar e daquela fareino contra vento e marea”, comenta. Quen si ten esa motivación creativa “e se non roda asfíxiase” é Juan Pinzás, con quen prepara novos proxectos como produtora. O máis próximo, concluír a triloxía europea que iniciaron con El vientre de Europa (2017).
Hai bastantes anos que vive en Madrid “pero nunca abandonei Galicia”. Aínda que o seu traballo de produtora se desenvolve en calquera sitio, e as súas últimas producións se fixeron en Nova York e Berlín, considérase conectada ·co sector audiovisual español en xeral e co galego en particular, por ser galega, e pola miña implicación co cine en Galicia desde os meus inicios”. Destaca como, en 1982, ela e Pinzás se reuniron con Filgueira Valverde, “para facerlle ver a necesidade de instrumentar unha normativa e axudas para o cine feito en Galicia. El, un intelectual, moi culto e afable, estaba encantado coa nosa proposta e entusiasmo, pero díxonos que precisaba tempo para darlle forma a todo aquilo. Temo que algúns dos que hoxe traballan no cine e no audiovisual galego descoñecen a súa historia e non saben que moito antes otros loitamos para que chegara a ser, cando aínda nin existía, o que agora é”.