A serie en galego máis vista dos últimos anos grazas a Netflix

A serie en galego máis vista dos últimos anos grazas a Netflix

O sabor das margaridas é un caso interesante de como unha serie que tivo unha audiencia modesta na Televisión de Galicia conseguiu chegar a audiencias de moitos países, sendo ademais a primeira serie en galego que se distribúe en Netflix. “Tiveron que facer unha mellora técnica na plataforma para meter a opción de lingua galega, que non a tiñan”; explica o seu produtor executivo, Ghaleb Jaber Martínez, de CTV: “Foi unha pequena tarefa para un informático pero un grande paso para a nosa lingua”.

 

Ghaleb Jaber está revisando a montaxe da segunda temporada de O sabor das margaridas, que remata a súa rodaxe a finais de xaneiro. “Non contabamos cunha segunda temporada, pero o éxito que tivo en Netflix fixo que se animasen a renovar o contrato nos mesmos termos, e iso tamén empurrou a que a mercase a Televisión de Galicia, malia ter unha audiencia modesta a súa emisión na canle autonómica”, explica o produtor, que considera que “para a TVG foi un puntazo que a unha serie súa de súpeto tivese tan boa acollida nesta plataforma. Iso debería incidir na súa estratexia á hora de apoiar proxectos que se cadra non están tan pensados para o seu público pero apuntalan un dos outros obxectivos da televisión pública, que é fomentar o sector”.

Netflix nunca fai públicos os datos de audiencia da súa plataforma, nin sequera os comparte coas produtoras. “Pero si que sabemos algunhas cousas, como que en Arxentina ao parecer foi todo un éxito, en América Latina en xeral funcionou moi ben e tamén en España. E tivemos algunhas outras pistas como cando vimos en prensa que entraba de número 7 na lista das dez series en lingua non inglesa máis vistas en Netflix no Reino Unido e Irlanda“, explica Jaber.

Con todo, a conversa na rede pode dar algúns sinais do consumo global da serie. En CTV fixeron pola súa conta unha análise do impacto en internet, a través dun software especializado, “porque queriamos ver todos os comentarios en redes, blogs e outros foros para ter unha guía de que era o que máis lle gustara ao público da serie, que cousas debiamos potenciar e cales podiamos mellorar”. Neste sentido indica o produtor que “esta segunda temporada da serie é un pouco máis’“de laboratorio’, e tamén máis pensada para o público que a vai ver en Netflix que para o público en aberto”. Aínda así, estando na TVG seguen querendo tratar de satisfacer os dous públicos, “e veremos ademais se comos capaces de arrastrar á TVG a audiencia galega de Netflix que se enganchou á serie”.

Foto: Leticia T. Blanco

“As televisións xeralistas teñen que buscar novos formatos que sexan compatibles cos novos mercados, para pode confinanciar as producións: o catálogo de Netflix non se pode alimentar só de produción propia”, afirma Ghaleb Jaber, produtor de ‘O sabor das margaridas’. 

Aínda que a primeira compradora e cadea en emitir a serie foi Televisión Galicia, o interese de Netflix estivo desde o principio, cando lle foron presentar o proxecto ás oficinas da plataforma en Los Ángeles. Así, coa posibilidade de entrar no seu catálogo, “configuramos a serie dun xeito un pouco máis arriscado do que sería en principio para o público para a TVG: ten unha trama algo máis enrevesada, menos clara do que adoita ser habitual”. Ao final Netflix comprou a serie e estreouna o 31 de marzo, sen apenas publicidade. E aínda así conseguiu logrou ter o seu oco.

O sabor das margaridas logrou así multiplicar unha audiencia que na Televisión de Galicia non fora a agardada, tras o éxito que tivera outra miniserie de CTV, Dalia a modista. “A audiencia en TVG, e en xeral na televisión xeralista está sufrindo unha metamorfose, un momento moi crítico e moi cambiante, onde é moi dificil que funcione a ficción. Dá a sensación de que a xente á que lle gusta a ficción prefire vela nunha plataforma, non quere ser escrava do lineal”, explica Jaber, quen ve claro que “as televisións xeralistas teñen que buscar novos formatos que sexan compatibles cos novos mercados, para pode confinanciar as producións: o catálogo de Netflix non se pode alimentar só de produción propia”.

Neste sentido, apunta que “a TVG ten que funcionar como trampolín desde o que despeguen as nosas ficcións para moverse a nivel internacional” e pon como exempo a Televisión Española “que xa a formatear as súas series a 8×50’, de maneira que sexan moi compatibles para as plataformas, para que estas as poidan comprar logo de pasar pola televisión. “Este modelo débese extender a todas as televisións en abierto e máis aínda as publicas, que teñen o deber de dinamizar un sector enteiro”, recalca, e “conseguir alianzas para poder subir os orzamentos das producións, unha tarefa pendente para que poidamos competir neste mercado sen ir sempre tan afogados”.

A partir de aí, para o produtor de CTV o camiño para impulsar o sector está na coprodución internacional. “As pantallas nacionais son herméticas e difíciles de penetrar, aí as empresas galegas sempre estivemos en desvantaxe”, comenta, “pero no novo escenario xa non temos que petar na porta de Madrid, senón lanzarnos aos mercados internacionais. E temos o potencial para facelo: Galicia ten un estándar de calidade altísimo, somos unha potencia audiovisual e aí están os feitos: fomos quen de convencer antes a Netflix que a Antena 3 ou Telecinco”.


Emma Lustres: “Temos unha oportunidade moi boa e estamos dando a talla pero falta apoio institucional”

Emma Lustres: “Temos unha oportunidade moi boa e estamos dando a talla pero falta apoio institucional”

Texto: María Yáñez.  Fotos: Amador Lorenzo Blach.

Vaca Films é outra das produtoras que este ano máis traballou en series para plataformas, con La Unidad, dirixida por Dani de la Torre, para Movistar+ e El desorden que dejas, creada polo guionista Carlos Montero, para Netflix. Todo un salto para unha empresa que sempre estivo enfocada ao cine e que, nun momento no que as series queren parecerse ao cine, está a aproveitar moi ben esta marea. Falamos coa súa responsable e fundadora, Emma Lustres.


Vaca Films é unha produtora de cine que, agás algunha tv-movie, non facía producións para televisión. Como é a vosa entrada no mundo da ficción seriada para plataformas?

Nós sempre tivemos moi claro que deberiamos levar unha estratexia de concentración, facendo cine soamente e ademais un tipo de cine moi concreto. Entendiamos que quen moito abarca pouco apreta, e con ese espíritu de produtora boutique quixemos traballar en tres liñas: producir cine a directores galegos, facer películas de orzamentos medio-altos de cine español, relevantes desde o punto de vista comercial, e unha terceira liña que era producir cine en inglés financiado principalmente fóra de España. A televisión nunca nos interesou demasiado, por esta filosofía pero tamén porque considerabamos que co noso perfil de empresa era moi complicado entrar na produción televisiva a nivel estatal. Ademais para podelo facer o idóneo sería moverse a Madrid, e por cuestións persoais e de filosofía de vida e empresarial nunca entrou no noso esquema emigrar. Para nós unha das nosas fortalezas agora, que non no seu momento, e unha das nosas premisas era sempre intentar facelo desde Galicia e intentar desenvolver aquí todo o noso traballo.

Cando irrompen as plataformas a nivel mundial, primeiro en Estados Unidos e logo extendéndose por algúns países europeos, vemos vir a vaga e si que empezamos a pensar se debemos ou non meternos nese negocio. Veste xa maior de idade, cun asentamento na industria e cun coñecemento e unha experiencia que che dan a seguridade de emprender unha nova liña. Decidimos que si e empezamos moi aos poucos, sen dedicarlle demasiados esforzos, pero si unha parte do tempo que temos para desenvolver proxectos. Van pasando os anos, as plataformas vanse asentando en España e para desenvolver os seus orixinais recorren a produtores de cine. E nós estamos nesa lista á que recorren. Propóñennos desenvolver ou producir cousas, e que traballemos nalguna serie para elas. Iso anímanos a dedicarlle máis tempo, esforzos e recursos á tarefa, o que nos leva ao momento no que estamos agora, no que unha das nosas liñas importantes é o desenvolvemento e produción de series para plataformas. E en concreto nos últimos tempos a estar producindo La unidad, a serie da temporada 2019-20 con máis orzamento de Movistar+, e El desorden que dejas, unha serie pechada de 8 capítulos orixinal de Netflix que nos propoñen producir.

Por que crees que buscaban productoras de cine as plataformas?

Creo que as plataformas queren facer series máis premium, máis parecidas ao cine que á televisión, desde un punto de vista formal e tamén do propio contido. E para isto están contratando moito talento de cine, non só produtores, senón tamén directores, guionistas… se cadra os actores sempre estiveron máis mesturados facendo cine e televisión. O feito de que traballen con produtoras de cine supoño que tamén vén arrastrado polo talento: como están interesados en determinados directores, normalmente estes queren traballar cos seus produtores. Se analizas que directores en España teñen unha carreira estable, consolidada e recurrente, a maioria teñen un produtor habitual que traballa con eles.

Cales son as principais diferenzas á hora de traballar para cine ou para Netflix/Movistar+? Tivestes que adaptar os vosos procesos ou a estrutura da empresa a estes novos clientes?

Aquí hai unha parte persoal e outra profesional. Desde o punto de vista profesional as dúas experiencias que estamos tendo con Netflix e Movistar+ profesionalmente son moi satisfactorias. Puidemos traballar cun nivel de recursos moi alto, puidemos formar equipo e levar a produción exactamente igual que nas películas. Desde un punto de vista máis cinguido ao contido, no proceso con Movistar+ participamos moi activamente e moi de ti a ti, como facemos coas películas tamén, porque nós viñamos de facer as nosas películas en coprodución con Telecinco e Antena 3 e estabamos afeitos a traballar coa cadea. Entón no caso de Movistar+ non houbo case diferencias, foi todo moi á par. Na miña experiencia, cando Movistar+ se asocia a un produtor para que leve a cabo unha serie confía no seu criterio, apóiase nel e é un traballo conxunto, además do labor co director, guionistas, etc. La Unidad é unha serie creada por Dani de la Torre e Alberto Marini, que xa para nós eran da casa, e déronlles moita liberdade para traballar. Coa serie de Netflix foi distinto, era un proxecto que xa viña máis empaquetado e armado desde o desenvolvemento. É unha novela, un proxecto dun showrunner da casa que ten un contrato en exclusiva con Netflix. A nosa implicación no contido tamén existe, e Netflix apóiase no produtor e danos liberdade, pero non é o mesmo cando un proxecto xa vén así armado.

Para min a diferenza está máis no personal, porque cando estás facendo unha película de cine é coma se te estiveses preparando para unha oposición: estás moitos anos co proxecto e tes moita tensión de ver qué pasa o día da oposición, que é o día da estrea. Esa sensación coas series non a teño, porque todo é moi rápido e máis ben estás a preparar un exame onde xogas o futuro relativamente, ou así o afronto eu. Obviamente como persoa esixente eu poño toda a miña impronta e toda a mesma forza e enerxía nunha serie que nunha película: para min non vale facer as cousas regular, hai que facelas sempre mellor que ben, ou iso se intenta. Pero o proceso interno, os sentimentos e o estómago, non é o mesmo. Tamén é unha cuestión de gustos: desde moi pequena sempre me interesou o cine moitísimo e as series nada, e a día de hoxe segue a pasarme o mesmo. Para min o cine ten un compoñente persoal moi forte e as series non. A nivel profesional é igual de esixente, pero é distinto. Logo hai outra cuestión tamén persoal, que non sei se é por carácter, a min gústame estar a moitas cosas, e o cine permíteme estar a máis proxectos á vez.

«Unha das razóns polas que desde o principio non queriamos facer series era porque implicaba irnos a Madrid, pois producir para as televisións xeralistas desde Galicia é moi complicado. En cambio á hora de producir para as plataformas pode ser positivo, un valor engadido.»

Como afecta o novo escenario aos vosos procesos de desenvolvemento? Que proxectos se buscan, como se desenvolven, como se pitchean…?

É un pouco similar, o que sucede é que a día de hoxe os guionistas e os directores non pensan xa só en películas senón tamén en series, e propóñennos proxectos dese tipo. Nós como produtores tamén, levamos xa un par de anos desenvolvendo tamén series, aínda que este traballo estao a facer máis Borja (Pena) ca min. Ao final eu traballo máis desde o personal, e como a min me gusta máis o cine como espectadora tamén o prefiro como produtora. Pero agora si que podo pensar se unha historia das que me chega estará ben para una serie, e hai 7 ou 8 anos non o diría.

Ademais coas series nas que estamos a traballar estamos indo a por unha liña máis internacional, en España e en español pero coa idea de que sexan series europea, con financiamento no só de aquí e que non sexa propiedade ao 100% dunha soa plataforma. Outras destas series nas que traballamos son en inglés e con temáticas más internacionais. Traballamos con algún guionista inglés, con algún americano, tamén con españois e con intención de que os directores si que sexan de España. Igual que no cine intentamos desenvolver unha liña de filmes en inglés, financiados principalmente fóra de España, coas series estamos a facer o mismo e traballamos nesas dúas liñas.

Cres que desde o punto de vista cultural as plataformas traen máis estandarización ou hai oportunidade para contidos máis locais e diferenciados?

Creo que o que están vendo as plataformas é que precisan produtos locais. Netfilx está en 190 países e sabe que para estar en España cunha implantación significativa necesita produto español, se non non consegue un volume de clientes alto porque o cliente español o que ve fundamentalmente é produción española. Igual que o francés ve sobre todo produción francesa e o americano produción americana. Isto é marabilloso porque, por un lado, calquera cidadán do país no que viva ten acceso á produción de moitísimos países e, por outro, a industria de cada país ten a oportunidade de facer cousas que se vexan no seu país e mais fóra. Xusto España con Netflix tivo moitos acertos, máis que ningun outro país do mundo. E iso está moi ben,

Despois está a parte do contido, e eu si que penso que o que se fai é bastante similar en todas partes. Isto ten unha parte moi positiva, que é a da difusión, e outra menos positiva, que é que o produto é bastante homoxéneo, é a miña sensación. Tamén hai outro factor moi positivo, e é que Movistar+ está facendo series en Andalucía, en Galicia, en Cataluña… e con talento destes sitios. Para eles é importante descentralizar e producir fóra de Madrid: como producen tanto non poden estar só en Madrid, e ademais non pode todo parecer madrileño e sábeno. Con Netflix igual, para eles é fundamental extenderse por todo o territorio español, producir con produtores de distintas zonas, que o contido teña relación co local. Antes comentaba que unha das razóns polas que desde o principio non queriamos facer series era porque implicaba irnos a Madrid, pois producir para as televisións xeralistas desde Galicia é moi complicado. En cambio á hora de producir para as plataformas pode ser positivo, un valor engadido.

De todos xeitos non debemos de pensar que todo é estupendo, hai unha parte moi boa que ten que ver coa industria e coa difusión, mais desde un punto de vista de contido cultural hai unha parte delicada, porque máis oferta e difusión non significa máis pluralidade. Por iso creo que Europa e a Unión Europea teñen que aproveitar esta situación comercial e tecnolóxica da gran capacidade de difusión para protexer os creadores e os produtores independentes e protexer o patrimonio audiovisual europeo. Porque ao final, se as plataformas nos comen, o patrimonio europeo audiovisual desaparece e esa propiedade pasa a ser dos Estados Unidos. Levado ao extremo poderíase dar o caso de que tiveramos unha filmoteca baleira, pois eles non teñen obriga de deixar unha copia alí. En fin, que isto das plataformas é unha marea moi boa pero non hai que deixarse arrastrar pola marea.

En termos de oportunidade para o sector en Galicia, que nos traen estas plataformas?

As plataformas son unha oportunidade para toda a industria audiovisual, a diferenxa é que hai comunidades que non teñen industria. Polo tanto este beneficio repártese entre os sitios onde si hai unha industria e Galicia é un deles. Que Hierro estea producida por Portocabo e que nós esteamos a producir dúas series ten que ver con que hai unha industria aquí: temos actores, temos técnicos, temos empresas que poden facer isto. Está a ser unha oportunidade claramente.

O problema é que estamos en inferioridade con respecto a outros lugares como Madrid, Cataluña ou Andalucía. Porque o apoio das institucións nesas comunidades é moi forte, ou no caso de Madrid porque a industria está alí. Aquí o apoio forte da Xunta ao audiovisual hai anos que rematou. Temos unha oportunidade de negocio e de traballo inmensa porque a industria a xera por ela mesma pero non está sustentada polo apoio público, cousa que noutros sitios si. Se en Cataluña, Andaucía e País Vasco non houbese apoio público todos competiriamos igual, pero cando uns teñen apoio e outros non, uns parten en desvantaxe.

É unha cuestión de política de país, e de considerar se é unha boa oportunidade ou non o é. E neste caso é obvio que é unha oportunidade porque está totalmente constatado que a industria audiovisual a nivel mundial é un sector punteiro, con moita marxe aínda de crecemento, e creo que en Galicia en certa maneira seguimos vivindo un pouco do traballo ben feito, pero o crédito non sei se acabará. Creo que hai empresas que o poden facer pero tamén hai outras que precisan un empurrón desde o público para chegar. Eu sempre me fago a pregunta de, se Borja e mais eu en vez de montar a empresa no 2003 a tivésemos montado no 2012, se teriamos conseguido chegar donde chegamos, e francamente creo que non. Dáme pena porque penso que hai unha oportunidade de negocio coas plataformas no audiovisual enorme, e nós estámolas aproveitando, e ademais estamos dando moi ben a talla, xa non só polo gran exitazo de Hierro, senón porque me consta que as plataformas consideran Galicia como un dos sitios onde claramente poden estar moi tranquilos. Porque a produción que se vai facer é exquisita, o nivel dos equipos é altísimo, eles sábeno e confían ao 100% no talento dos profesionais galegos. Pero non cabe duda de que rodar en Galicia ten un encarecemento de moitas cousas con respecto a rodar en Madrid. Ben é certo que noutras cousas compensas, se non sería inviable. Non é que rodar aquí sexa máis caro, pero tes uns custes engadidos que se rodas en Madrid non tes. Por iso é unha mágoa que os nosos políticos e a nosa administración autonómica non vexan isto como unha oportunidade e se implique para que lle poidamos tirar o máximo proveito.

Cómo cres que debería ser ese apoio?

A política faise con diñeiro. Eu particularmente xa vou cansa de ir suxerir ou propoñer que é o que teñen que facer. Non vou perder máis tempo ni frustrarme con iso. Porque está todo inventado. E debería ser ao revés, deberan ser as institucións quen o estivesen vendo. Alguén na Administración debera estarse ocupando de ver por onde vai o mundo, estar ao tanto do que está a pasar no sector e ver que aquí hai una oportunidade. Se ves o auxe que están a ter as plataformas ou o debate que está habendo en Europa, onde se están a debater tres leis que inflúen tanto na produción e difusión de contidos como na súa propiedade industrial e intelectual… eu non sei que postura ten a nosa Administración ante iso nin que cren que podemos facer, como se pode desde Galicia axudar a non perder o tren. E a partir de aí traballas, expós, miras… por suposto, intentando sempre buscar o ben común, non o ben particular de dous ou tres. Pero non hai intención, eu non a vexo. Refírome a intención real, non maquillaxe. Paréceme unha oportunidade perdida, si.

«Aquí o apoio forte da Xunta ao audiovisual hai anos que rematou. Temos unha oportunidade de negocio e de traballo inmensa porque a industria a xera por ela mesma pero non está sustentada polo apoio público, cousa que noutros sitios si. Se en Cataluña, Andaucía e País Vasco non houbese apoio público todos competiriamos igual, pero cando uns teñen apoio e outros non, uns parten en desvantaxe.»

Estar imos estar aí porque afortunadamente hai unha base de traballo colectivo desde hai anos: que haxa unha tradición teatral en Galicia é fundamental para que teñamos o audiovisual que temos, que haxa una televisión pública autonomica é por suposto fundamental neste sentido, é fundamental o apoio da Xunta e a iniciativa privada tamén, así como a oportunidade de negocio no mercado. Todo sumado fai que esteamos aí. O problema é que agora mesmo dúas patas importantísimas como son a Xunta de Galicia e a TVG nin están nin se agarda por elas. Todo queda a mercé da oportunidade de negocio, que é xigante comparada á que era hai 20 anos e iso é o que está a facer que haxa máis traballo ca nunca. A min o que me preocupa é que dentro de 15 ou 20 anos, cando certas persoas nos xubilemos, isto xa non sexa así, que non haxa iniciativa empresarial nin apoio para sacar os proxectos adiante.

E logo temos que entender que Galicia é un país de 2 millóns e pico de habitantes. Nin somos 8 millóns nin somos a comunidade máis rica de España. Hai moitos factores estruturais que inflúen. Ora ben, podemos presumir de que o público responde. Viuse coa película de Óliver Laxe e nós vímolo con todas as nosas estreas, que fixeron como dez veces más diñeiro en Galicia ca fóra. É dicir, interesa moitísimo o produto que se fai aquí e iso tamén hai que telo en conta. Cando Borja e mais eu vemos as recadacións da billeteira sempre dicimos que se Galicia fose Madrid, Andalucía ou Cataluña, co seu volume de poboación, serían moitos cartos. Pero Galicia é só o 4% do mercado en España. Entón si, hai un publico local importante, o malo é que somos poucos, en termos de mercado.

Ao final acabamos falando de cine… pero é que levamos un outono espectacular nas salas. Tamén porque hai moi boas películas. Quizais o cine non está tan morto como algúns nos queren facer crer.

Emma Lustres na oficina de Vaca Films na Coruña.

Alfonso Blanco: “As plataformas abríronlle a porta ao talento e a empresas pequenas coma a nosa”

Alfonso Blanco: “As plataformas abríronlle a porta ao talento e a empresas coma a nosa”

 

Texto: María Yáñez.  Fotos: Amador Lorenzo Blach.

O grán éxito da ficción de produción galega este ano ten nome de illa canaria: Hierro, estreada en xuño en Movistar+, acadou logros inéditos para unha serie feita aquí: coproducida con Francia, é a serie orixinal deste ano máis vista na plataforma e ademais está a triunfar nos premios: foi gañadora de dous Ondas e un Iris, finalista en 4 categorías dos premios MiM e en tres dos Premios Feroz, que se entregarán en xaneiro. Falamos co seu produtor, Alfonso Blanco, director de Portocabo, que por fin recolle os froitos de perseverar cun proxecto que a televisión xeralista non quixo e que, tras chamar a atención de coprodutores internacionais, ao final tivo o seu lugar no que chamamos televisión premium.


Portocabo leva case dez anos facendo ficción e entretemento para televisión. No caso da ficción, cal é a diferencia entre producir para unha cadea e producir para unha plataforma?

A diferenza está máis ben no tipo de contido que produces, non en como o produces. Hierro era unha coprodución na que tiñamos de socios unha plataforma como Movistar+ e un canal en aberto que era ARTE TV. Así que o traballo non foi moi diferente, nin na escrita de guión nin na produción no día a día con eles. Pero se falamos do tipo de contido, a plataforma si que che permite arriscar máis no guión. No caso de Hierro por exemplo había moito realismo, queriamos facer algo moi pegado á realidade. E iso cando presentabamos o proxecto a televisións en aberto custáballes máis velo. Querían máis puntos de xiro, cliffhangers ao final de cada capítulo, unha estrutura narrativa máis convencional. E o premium permíteche un traballo máis arriscado tanto na dirección como no guión: que poidas xogar un pouco máis coas tramas, que non estea todo presentado no primeiro capítulo… Logo no día a día a diferenza non é moi significativa, salvo que cada un ten a súa liña editorial, e iso si que marca a diferenza. Por exemplo ARTE, sendo un canal en aberto, o nivel de liberdade creativa e de reporte e demais é tremendo. E no noso caso a enorme diferenza é que era unha coprodución na que Movistar+ era o noso socio, non era unha encarga na que eles fosen os propietarios ao 100%. Marca moito máis esta maneira de producir que para quen produzas, porque eu sei que a miña relación coa plataforma non é a mesma que a de outros que fixeron unha produción por encarga.

Hierro é a primeira serie orixinal de Movistar+ que se fai como coprodución. Como chegastes a ese modelo de traballo?

Nós desde hai anos apostamos por esta liña de coprodución, cremos que é máis saudable desde moitos puntos de vista, sobre todo por tres factores: o primeiro, que consegues traer talento doutro país ao proxecto. A nós iso axudounos e fixo a serie moito mellor, a coprodución sempre trae cousas boas a nivel creativo. E en segundo lugar, a nivel financeiro: consegues mellorar o teu nivel orzamentario, ou facer que o investimento da canle en español sexa máis baixo e poidas competir mellor. E en terceiro lugar, consegues un nivel maior de exposición, porque de entrada garantes que lanzas, no caso de Hierro, en España, en 9 países de Latinoamérica, en Francia e en Alemaña. Iso estaba garantido antes de rodar. Entón son tres cousas que a coprodución che trae: talento, diñeiro e nivel de exposición. En canto á forma de traballar, en Portocabo somos moito de traballo colaborativo así que valoramos moito o poder tomar as decisións nunha mesa, non de xeito tan vertical como adoita ser ás veces cando fas unha encarga. Sempre o socio maioritario, que en Hierro era Movistar+, ten a última palabra, pero había unha mesa de discusión e só iso xa creaba un debate moi interesante a nivel creativo.

É un modelo que con Movistar+ abrimos nós pero xa o empezan a aplicar máis produtoras, aínda que as televisións seguen a ser renuentes á coprodución. Aínda así eu creo que é cuestión de tempo. Sempre que me preguntan defendo que o modelo debe convivir: haberá unha produción por encargo e haberá unha liña de coprodución. Non digo que todo teña que se coprodución porque non tería xeito. Pero hai determinados produtos que mellorarían moito sendo coprodución e teñen o potencial para selo. Para os produtores isto tamén é moi saudable: eu son copropietario de Hierro e iso ten un retorno internacional que eu tamén recibo, teño poder de decisión en como se distribúe, en como se fai o lanzamento internacional… Ata agora moitos dos grandes éxitos da televisión en España capitalizounos só o canal, e non parece xusto. En varios países isto está protexido por lei: no Reino Unido, por exemplo, aínda que un canal pague o 100% dunha produción, está obrigado a darlle unha porcentaxe da propiedade a quen o produce. Creo que é unha das leis que fixeron que a estrutura produtiva británica sexa tan potente. Porque lle deron ferramentas ao produtor para consolidarse, restándollelas ás canles, que bastante grandes son xa.

Daquela a figura da produtora tradicional de televisión está a cambiar, non?

Sen dúbida. Nós probablemente estamos traballando a este nivel polo acceso ás plataformas. Levabamos anos intentando entrar na produción nacional (TVE, Telecinco e Antena 3) e era moi difícil. Había un feixe de empresas moi grandes, factorías como Globomedia, Boomerang, BocaBoca… que xeraban confianza no canal polas súas grandes estruturas de produción. Iso variou, agora a industria está xirando máis cara aos produtores executivos, os showrunners e os guionistas. Cara ao talento, por dicilo así. Iso danos a oportunidade a empresas máis pequenas. Claramente en Portocabo orientámonos a ser unha empresa que xera contidos, unha empresa de talento. Nós non temos máquinas nin platós, non temos infraestruturas. Temos ideas e xente capaz de sacalas adiante. Desde esa posición antes era moito máis difícil acceder ás teles. Salvo o caso de Bambú, que foi o último gran milagre da televisión en España e foi un exemplo excelente de como unha empresa fundamentada no talento conseguir medrar e posicionarse. Pero foi unha excepción, aínda é un caso raro.

O modelo das grandes produtoras está ben para unha TV máis estandarizada, se queres facer 8 temporadas dunha serie diaria efectivamente precisas unha estrutura un pouco industrial, unha grande empresa que sexa capaz de xerar todo iso. Se o que queres é produtos máis diferenciados, máis singulares, que che dean un pouco máis de marca nun mercado global tan competitivo iso convive mellor con modelos como Portocabo que con modelos de gran grupo.

Hierro nace pensando xa nese tipo de produción máis singular?

Non, cando empezamos co proxecto en 2015 era impensable que Movistar+ fose aparecer de tal maneira, pero si que estaba concebido para que funcionase a nivel internacional. Sabiamos que se iamos aos mercados con fórmulas ou códigos moi manidos non poderiamos competir. Probablemente sería máis fácil convencer o canal xeralista aquí, pero nós como queriamos diferenciarnos buscando unha coprodución tiñamos que ir con algo que destacase que estivese un pouco fóra dos canons. Sen deixar de ser un produto clásico e de xénero, que tivese elementos diferenciais. Iso deunos boa posición internacional, pero non o puxo tan fácil cando fomos aos xeralistas en España. Por iso a entrada de Movistar+ volveunos recolocar no sitio ideal, porque si que entenderon o que queriamos facer e foron moi cómplices. Demos moita volta para rematar caendo no lugar perfecto para a serie.

Como afecta o cambio no panorama á vosa estratexia de desenvolvemento, ou ao tipo de proxectos que buscades?

En nós non variou nada. Probablemente decatámonos co tempo de que nos estaba a custar entrar nas canles xeralistas porque lles propuñamos cousas que saían un pouco da norma. Nós, desde unha certa inxenuidade ao principio diciamos “isto non o fixeron, ímosllelo propoñer”. E claro, non acababamos de entrar. Enton ao mellor produtos que tiñamos durmidos e que non funcionaron no seu momento agora se os sacamos do caixón e os levamos a unha plataforma e son ben recibidos, ou mesmo se os volvemos levar ás xeralistas, que xa vemos que se están empezando a abrir. A min se me din hai 3 anos que Antena 3 vai facer Fariña non o creo. Esas televisións xa non son as mesmas hoxe que hai 4 ou 5 anos. O bum da ficción empurrounas ata outro sitio. Ti agora fas unha ficción clásica feminina romántica practicamente tes o fracaso garantido, cando antes era case fórmula de éxito. Nós o que fixemos foi manter a liña de traballo que viñamos facendo, o que tes é que adaptala un pouco pensando no cliente, porque non é o mesmo Netflix que HBO. Dentro das plataformas non hai que igualalas. Igual que as canles xeralistas, cada unha ten a súa liña editorial e non é difícil de identificar, calquera de nós que esteamos acostumados a consumilas o percibe.

Cando empezou a explosión do nordic noir, se ías aos mercados cun thriller tiñas máis posibilidades. Pero tampouco podía ser moi parecido ao nordic noir, porque entón para iso xa llelo ían comprar aos nórdicos e non a ti. Hai que saber o que é tendencia pero tamén levar orixinalidade.

Como se chega a falar con estas plataformas ou a presentarlles un proxecto?

É moi sinxelo, eu sempre lle quito toda a mítica. A nós ao principio resultábanos máis fácil conseguir reunións cos players europeos nun mercado que ás veces coas canles en España. Por iso tamén nos fomos orientando cara a aí. Cando es pequeno e as televisións teñen 100 produtoras coma ti presentándolles proxectos, é moi difícil nin sequera que te reciban. Nos mercados é distinto, están feitos para conectar xente. Vai haber alguén, un executivo, coa idea de ver 50 persoas con proxectos, e eses 50 xa son moito máis do que ve TVE en todo o ano. Despois unha vez que contactas o difícil é dar os seguintes pasos. Pero para os primeiros niveis de contacto e de pitching estes mercados (MIPCom, Coproduction Forum, Seriesmanía ou Berlín) están fenomenal, entras en contacto con quen queres. Ademais agora tanto Netflix como HBO en España son moi accesibles, e Movistar+ tamén. Romperon esa barreira de que había unhas elites ás que os pobres creadores chamaban sen resposta. Podes mandar un proxecto sen problema, outra cousa é que despois guste ou non. Pero son receptivos.

Que lle recomendarías a un novo produtor que queira pitchear un proxecto a estas plataformas?

Primeiro, que pensen máis no concepto proxecto que no concepto contido. Isto quere dicir que un proxecto é máis que un argumento. Cando saes por aí fóra decátaste de que os americanos antes que o guión teñen o poster, teñen a música, o look, a proposta de director… ves todo ese empaquetado e faste unha idea, non estás vendo só unha posible historia ou argumento. Ou os teaser, que nós ao principio non faciamos e claro, ao ver que todos viñan cun teaser aos mercados empezamos a facelos nós tamén. Todo iso contribúe a dar ese salto que marca a diferenza, porque ao final tes 15 minutos para presentar o proxecto e como só os dediques a contar un argumento… eu de momento nunca vin vender un proxecto, salvo que sexas un escritor famoso ou un guionista moi reputado, só expoñendo a idea argumental. A idea de por si non fai un proxecto. E o que facemos en Portocabo é transformar ideas en proxectos. Nós con Hierro antes de ter o guión tivemos o poster coa identidade gráfica, o tema musical central… é algo que xa temos moi asumido.

Que tendencias se detectan na ficción para as plataformas?

Eu nas tendencias así con grandes letras non creo. Si é certo que ás veces hai modas que che facilitan entrar, e poño un exemplo: cando empezou a explosión do nordic noir, se ías aos mercados cun thriller tiñas máis posibilidades. Pero tampouco podía ser moi parecido ao nordic noir, porque entón para iso xa llelo ían comprar aos nórdicos e non a ti. Hai que saber o que é tendencia pero non podes tirar o mesmo tiro. Tes que ter olfacto pero tamén orixinalidade.

Ou, por exemplo, agora hai certa saturación do produto de época, hai máis do que pode ter saída no mercado. Pois simplemente hai que sabelo, porque ao mellor non é o momento hoxe de presentar un drama histórico. Aínda que en catro meses todo pode cambiar: o problema é que antes as tendencias máis ou menos se mantiñan durante un ano ou dous, agora isto vai a unha velocidade que o que agora non quere ninguén o ano que vén pode ser un exitazo. É un mercado que se move mais que antes. E en xeral as plataformas son bastante abertas. Fíxate en Movistar+, produce drama histórico, thriller, comedia… realmente o que queren é ter un abano amplo. O que si hai que saber é o volume de produtos que xa teñen. Hai que analizar a carteira de producións que xa ten cada plataforma: se xa teñen 4 thrillers non van encargar un quinto, hai un límite. Así que funciona máis mirar o volume do que están facendo que se isto ou aquilo está de moda.

Culturalmente como ves o panorama? Hai espazo para a cultura local nun mercado tan globalizado ou imos cara a unha certa uniformización?

Eu creo que non se está uniformizando, xusto ao revés. E é un bo exemplo Hierro, que cun acento local tan particular está a competir no mercado global. Creo que se socializou moito o consumo e estamos afeitos xa todos a ver series de moitos países distintos. Nunca tanta oferta tivemos tan variada. Agora é a gran época da ficción televisiva, podes propoñer cousas que antes eran impensables, Non digo que non haxa certa estandarización, pero ao haber tanto volume, realmente hai moitas mais posibilidades para a diversidade. Este ano vanse producir 70 series en España, entre autonómicas, estatais, e plataformas. Aí cabe moita cousa e hai produtos moi diferentes.

Neste escenario que oportunidades pode ter a industria galega?

En Galicia somos top agora mesmo. Somos un sector que estaba afeito a traballar nun escenario máis precario, que curte moito, como son as series para a Televisión de Galicia, no que había que agudizar moito o enxeño para saír adiante. E no que durante anos se produciu sen parar. Entón cando o mercado se ampía e se diversifica chegamos moi preparados. E aí estamos, xente como Vaca Films, Bambú, CTV, Voz Audiovisual, nós… agora mesmo para o tamaño que temos somos potencia. Témolo que acabar de crer nós mesmos, e a nivel institucional teñen que decatarse de que estamos a vivir a idade de ouro: o volume de traballo, de facturación, de contratación que se vai xerar vinculado a isto é tremendo. E ademais temos unha diferenza con outros territorios que o que fan é importar rodaxes: aquí estamos a liderar proxectos, e iso é dunha diferenza brutal. Agora mesmo probablemente se tivesemos unhas mellores conexións territoriais e se houbes unha lexislación que permitise, como están a facer no País Vasco e en Navarra, xestionar un pouco os créditos fiscais e axudas directas a produción, isto poderíase converter nunha barbaridade. Eu creo que se vai converter igual a pesar de ser nese sentido a comunidade autónoma con menos apoio institucional, con moita diferenza. E vaise converter igual porque hai algo que está por riba diso, que é que saíu de aquí un talento tremendo, moi valorado na industria.

A chegada de Disney e a caída das audiencias en aberto son dous elementos que, sumados á chegada de Apple, que parece que si que van desembarcar, provocarán un cambio moi grande na industria.

Cres que pode haber algo de burbulla ou saturación no sector con tantos operadores e tanto contido que se produce?

Si e non. Igual se está producindo a un volume moi grande, pero a realidade é que o consumo é tamén moi grande. Non creo que ningunha das novas plataformas se lanzase a aparecer en escena sen unha análise moi pormenorizada, e percibímolo todos: consumimos unha cantidade de ficción televisiva que era impensable hai uns anos. Eu creo que de momento hai demanda para ese volume de produción, a día de hoxe estamos nun punto de equilibro. Non sei que pasará cando entren máis como Disney ou Apple e queiran facer produción local: é imposible seguir crecendo tanto porque non habería nin técnicos nin actores en España para facer tanta serie. Agora estamos nun bo punto, se medrasemos eu si que falaría de burbulla. Agora de momento todo o que se produciu foi absorbido ben polo público: as series de Movistar+ estanse vendo, o consumo dos orixinais hispanos de Netflix ten un volume de visionados tremendo… non é que se produza e quede aí, de feito o volume de consumo en termos globais aumentou. Outra cousa é que o consumidor estea disposto a pagar por aboarse a máis de 2 ou 3 plataformas, aí vai ter que haber fusións. A nivel xeral nun par de anos vai haber un cambio moi gordo e non son capaz de predicir cal é. A chegada de Disney e a caída das audiencias en aberto son dous elementos que, sumados á chegada de Apple, que parece que si que van desembarcar, provocarán un cambio moi grande na industria.

Como está posicionada Portocabo para este novo escenario? É a especialización unha vía de traballo?

A posición de Portocabo non pode ser mellor agora mesmo. Estamos bastante ben armados para esa nova liña de demanda de contidos que vén. Editorialmente non nos imos especializar, nós o que queremos é contar historias: temos feito drama histórico, comedia, thriller, kids… é máis que a historia nos seduza. O equipo de aquí formouse niso, viñamos de traballar para TVG en series moi distintas. Esa tamén é unha das nosas marcas, que non estamos especializados nun xénero senón que traballamos en distintos xéneros, aínda que sempre damos unha certa pátina, un estándar de calidade bastante alto. Como moito algo que nos identifica é que os nosos produtos adoitan estar sempre moi pegados á realidade. Agás no infantil, que é un terreo no que se impón máis a fantasía, parece que de forma natural estaremos sempre traballando desde unha certa verdade, falamos de cousas que nos resultan próximas e afíns. Tampouco queremos especializarnos nas plataformas nin moito menos. O noso próximo proxecto máis ambicioso é para unha tele en aberto. Eu son o máximo defensor de que teñen que convivir os distintos modelos: a coprodución coas encargas, o premium co aberto, etc. A mostra de que España e Galicia se posicionan ben na ficción é que conviven estes ámbitos, porque por agora hai publico para todo isto.


O ano no que a ficción galega triunfou nas plataformas globais

O ano no que a ficción galega triunfou nas plataformas globais

A chegada de plataformas como Netflix ou Movistar+ e a súa necesidade de producir contido orixinal achega unha oportunidade de ouro para o sector audiovisual galego: producións de grandes orzamentos e altos estándares calidade, aposta polo talento local e unha difusión global que chega a mercados e públicos de todo o mundo.

 

Se buscamos “Bitter Daisies” en Google o primeiro que nos suxire a predición da busca é “Bitter Daisies review”, crítica en inglés. E aló imos para constatar que hai na rede unha chea de críticas e recomendacións da serie O sabor das margaridas. Moitas das críticas e recomendacións están en inglés. A lingua orixinal da serie é o galego. Estamos ante un fenómeno que se dá por primeira vez na nosa cultura, que é que unha serie en versión orixinal galega, emitida pola TVG, alcance un público global grazas á súa presenza na gran plataforma de contido audiovisual na actualidade: Netflix.

Ao tempo que esta produción de CTV para Televisión de Galicia -gañadora do Mestre Mateo 2019 á mellor serie de televisión- comezaba en marzo a súa emisión en Netflix, viña de rematar a rodaxe de Hierro, primeira serie orixinal de Movistar+ creada e producida en Galicia, aínda que rodada na illa canaria de Hierro. Creada por Pepe Coira, dirixida por Jorge Coira, producida por Portocabo con Alfonso Blanco como showrunner e un amplo equipo técnico galego, Hierro foi o gran éxito de Movistar+ este ano, tanto en audiencia como agora na temporada de premios (Premio Ondas á mellor serie e á mellor actriz, Candela Peña, Iris ao mellor guión, 4 nominacións aos premios MiM en mellor serie, dirección, guión e actriz de drama, e 3 nominacións aos Premios Feroz: mellor serie dramática, actor e actriz protagonistas nunha serie). Tamén se trataba da primeira serie orixinal de Movistar+ que era unha coprodución, neste caso entre España (Movistar+, Portocabo) e Francia (ARTE TV e Atlantique Productions).

Mais non é esta a única aposta de Movistar+ polo talento e a produción galega: este ano rodouse en Melilla, A Coruña, Madrid e Francia La unidad, unha serie de Dani de la Torre (premio Mestre Mateo á mellor dirección por O descoñecido e A sombra da lei) con guión de Alberto Marini e producida por Vaca Films. Trátase dun thriller policial sobre a loita antiterrorista en España e estrearase na plataforma en 2020. Neste caso a propiedade é 100% de Movistar, igual que acontece con El desorden que dejas, a nova serie orixinal de Netflix que a compañía de Emma Lustres e Borja Pena está a producir e que se rodou este outono en Galicia, co guionista ourensán Carlos Montero (Élite) como showrunner, xa que é ademais unha adaptación dunha novela súa. Tamén verá a luz o ano que vén.

Máis talento galego traballando para plataformas: a primeira serie orixinal de Amazon Prime Video en España estreouse este 2019 e foi Pequeñas Coincidencias, creada polo actor do Grove Javier Veiga e producida por Atresmedia Studios, Onza Entertainment (co galego Xosé Zapata entre os produtores asociados) e MedioLimón. A serie estreouse máis tarde, en setembro, en aberto en Antena 3, e anunciou xa a renovación para unha segunda temporada.

No seu reparto contaba con Xosé Antonio Touriñán, quen tamén participou noutra das orixinais de Movistar+, a comedia de romanos Justo antes de Cristo. O cómico galego vai gañando presenza na ficción española para este tipo de plataformas logo da súa aparición en Fariña, o gran éxito da produtora galega Bambú Producciones o pasado ano en Antena 3, e que tamén se pode ver agora en Netflix co título Cocaine Coast.

Bambú, a produtora de Ramón Campos e Teresa Fernández-Valdés, tivo tamén un 2019 moi produtivo traballando en orixinais para as plataformas. Logo do éxito de Las chicas del cable, a primeira orixinal de Netflix estreada en España en 2017, fixeron para o xigante norteamericano outra ambiciosa ficción, Altamar, e mais a serie de true crime El caso Alcásser, mentres que para Movistar+ estrearon o thriller erótico Instinto e mais a miniserie En el corredor de la muerte sobre o caso de Pablo Ibar, a partir do libro do escritor coruñés Nacho Carretero (Fariña).

Non todo son series no mundo da ficción orixinal de Netflix. Bambú tamén estreou na primavera unha das películas orixinais desta plataforma en España, A pesar de todo, que pasou polo festival de Málaga. Pero o filme galego máis agardado en Netflix era Elisa y Marcela, a adaptación de Isabel Coixet da historia real do primeiro matrimonio homosexual que houbo en España moitas décadas antes de que estivese permitido: o das coruñesas Marcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga en 1901. Máis da metade da película rodouse en Galicia en branco e negro, con Greta Fernández e Natalia de Molina interpretando as protagonistas. O filme presentouse na Berlinale deste ano e tivo unha pequena estrea en salas previa ao seu lanzamento en Netflix. Na produción estaba a galega Zenit Televisión, dirixida por Zaza Ceballos, con apoio de Agadic e participación da TVG, que emitirá Elisa en Marcela en 2020 canda outras canles da FORTA.

As outras plataformas: Playz e Flooxer tamén apostan polo produto galego

Ademais das grandes como Netflix, HBO, Amazon ou Movistar+ (e as que están por vir), no panorama español hai outras plataformas más modestas e experimentais, dirixidas a público e creadores novos, que dependen de televisións pero só crean contidos para internet, e que tamén están apostando por talento galego. Referímonos a Playz de Televisión Española, que estreou en marzo Antes de perder, a serie de 7 capítulos dirixida e producida por Sonia Méndez coa súa produtora Cósmica Producións: unha road-movie feminista que se rodou toda en Galicia con equípo totalmente galego agás as actrices protagonistas, Mariam Fernández e Esther Acebo.

Mentres, en Flooxer, a plataforma de contidos dixitais equivalente de Atresmedia, puidemos ver este ano a miniserie documental El Náutico: el refugio de los músicos. Dirixida polo vigués Alberto Baamonde e producida por Esmerarte, a serie achégase aos 25 anos da sala El Náutico de San Vicente, pola que pasaron e pasan algúns dos músicos máis recoñecidos do panorama estatal. Flooxer tamén estreou este ano Vosotros sois mi película, o documental que protagonizou o coruñés Wismichu e que dirixiu Carlo Padial sobre o proceso de creación e difusión de Bocadillo, o pseudofilme co que o youtuber trolleou os medios de comunicación e o festival de Sitges.