Nacidos despois de Sempre Xonxa: a quinta dos 'millennials' renova o audiovisual galego

No 1989, ano no que se estrearon as 3 películas fundacionais da ficción galega contemporáneo, a maioría dos nosos protagonistas aínda non naceran. Nos 90 case todos merendaban diante da TVG vendo o Xabarín Club. Nos 2000 empezaron a formarse naquilo que máis lles gustaba. A súa é a primeira xeración que puido estudar comunicación audiovisual en Galicia, e moitos deles fixérono. Tamén é a xeración que saltou ao baleiro laboral cando a crise económica e que non coñece outra cousa que a precariedade. A pesar dela ou precisamente por ela, porque non teñen moito que perder, eles loitan por facer o que lles gusta e por poñer en marcha os seus propios proxectos, sen esperar a que os chamen ou ter que pedirlle permiso a ninguén.

Textos: María Yáñez

Fotos: Tamara de la Fuente

Son a fornada que que fai vello o Novo Cinema Galego e que ten en Óliver Laxe ou Ángel Santos, e nas vangardas internacionais, moitas das súas referencias. O seu acceso á cultura audiovisual global non ten límites, e iso fainos buscar o seu lugar no mundo, que en moitas ocasións xa pasa por crear en galego sen complexos. Aproveitan as ferramentas que atopan en internet para aprender, crear e mostrar o seu talento, mesturando xéneros, influencias, linguaxes e formatos. A duras penas viven do seu traballo pero cren no que fan e, como di o anuncio, son teimudos: queren facelo en Galicia. A maioría deles descarta emigrar, pero saben que teñen moitas compañeiras e compañeiros fóra. De feito, nesta reportaxe falta moita xente. Cadrounos xuntar estes 14 para a foto pero poderían ser 27, 52, quizais centos de novas voces das que aínda non escoitamos falar, que están iniciando as súas creacións nalgunha cidade europea ou nalgunha aldea ourensá. Hai toda unha xeración aí petando nas portas do audiovisual galego. Imos coñecela.

Citámolos na Coruña nunha húmida mañá de decembro para a sesión fotográfica. Veñen de Santiago, Vigo, Lugo, Pontevedra, Ourense, Burela, Sada, Meira.. algúns están vivindo en Madrid e puideron escapar aproveitando a ponte. Outros viven coas súas familias. Os máis, están independizados fisicamente pero precisan “subvención” da casa para poder manterse apostando polos seus proxectos persoais mentres seguen a buscar a vida traballando na industria audiovisual, ou noutras cousas. Hai quen aspira a traballar de docente para poder vivir do que lle gusta ensinándollelo a outros, e tamén hai algún director de cine que polas mañás se dedica a vender electrodomésticos. Neste sentido tampouco se diferencian das xeracións anteriores que loitaban por sacar adiante os seus proxectos mentres gañaban a vida como podían. Ninguén que se dedique a isto aspirou nunca a ter un traballo fixo.

Temos cineastas e realizadoras pero tamén xente que se dedica á produción, o son, a interpretación, a música, a animación, a crítica de cine ou a comunicación en festivais. Iso si, evitan poñer etiquetas, porque cada vez é máis difícil definirse profesionalmente nun mundo que, por un lado, obrígaos a ser versátiles e a asumir distintas tarefas para tentar vivir disto, pero que ao tempo tampouco os limita, porque os traballos no audiovisual xa non son compartimentos estanco, tenden a hibridarse con outras artes como a música, a fotografía ou a escrita poética.  

"Somos os Gutis do audiovisual galego, as eternas promesas."

— Todo o grupo, entre risas.

Faino ti mesmo ou, mellor, con outros tan tolos coma ti.

Cada ano hai máis xente nova facendo creación audiovisual, isto é un feito. Nunca antes estiveron tan accesibles as cámaras e as ferramentas de edición, nin as plataformas de publicación. Nunca antes houbo tanta oferta formativa, entre graos en comunicación audiovisual, ou formación profesional en imaxe e son. Cada ano máis de cen persoas finalizan os seus estudios neste campo. Mais, á hora de profesionalizarse, quizais sexan demasiados para a pouca industria que hai. «A maioría das persoas que estudaron comigo Comunicación Audiovisual non se dedican ao audiovisual en Galicia, e non porque eles non queiran traballar no sector senón porque non hai opcións para nós», explica a realizadora Mar Catarina, «por iso, cústame entender que en Galicia existan tres universidades públicas que ofertan este grao. Penso que non se corresponde coa realidade económica e política. Un exemplo é a TVG, onde todos os anos se ofertan contratos en formación para técnicos superiores en imaxe e son e xornalistas pero nunca para graduados en Comunicación Audiovisual».

Ante este panorama, a maneira de acadar experiencia é botarse directamente a contar as súas historias. Jorge Boquete púxose detrás da cámara cando estaba en 4º de carreira para facer a webserie “Conversas con Cunqueiro” e xa non a soltou. Non foi así co grao, que non chegou a rematar. Desde entón é director de series como “El método sueco” ou Peter Brandon”, produtos do colectivo audiovisual Porco Bravú, que creou co guionista Óscar Cruz e o produtor Javi Lopa, como tamén a Curta “El comediante”.. Anxos Fazáns tamén comezou cunha webserie, “Fame”, como proxecto na facultade de CAV de Pontevedra, e ao rematar, ela si, o grao, puido desprazarse a Barcelona para facer o master en dirección de cine da ESCAC. Agora está a presentar en festivais a longametraxe “A estación violenta”, producida por Matriuska Films. O burelés Adrián Canoura estudou Imaxe e Son na Fundación TIC de Lugo e agora cursa o Master en Creación Audiovisual Contemporánea da escola LAV en Madrid, e o seu nome empeza a percorrer festivais como cineasta experimental. Os dous están tamén moi unidos á música, Anxos co seu grupo punk Contenedor de mierda e Adrián sendo a metade do dúo de música electrónica Nistra.

O director Andrés Goteira tamén ten estudos superiores, pero lonxe do cine: é enxeñeiro de telecomunicacións. O cómo acabou dirixindo “Dhogs”, o filme que se presentou este ano no Bafici e no festival de Sitges, é a historia de catro amigos xogando e facendo curtas desde pequenos polas rúas de Meira (Lugo), a súa vila, onde acabaron creando a produtora Gaita Filmes. Un deles é Suso López Paz, un enxeñeiro industrial que empezou de actor nas curtas e acabou asumindo o rol de produtor. «De produción audiovisual só fixen un curso online, houbo un momento hai un par de anos que me sabía mal non ter algo estudiado sobre o que quería dedicarme», comenta Suso, que traballa nunha empresa de exportación de castañas cando non produce a película máis sorprendente do cinema galego recente. Na que, por certo, tamén sae como actor.

«Admiro moito a Suso» di outra nova produtora, Silvia Fuentes. «Comezou a película sabendo cero sobre a produción de cine e hoxe deume un repaso falándome de distribución que me deixou alucinada. Suso é para min a confirmación de que esta é unha profesión de corazón, cabeza e mans, non de másters». Silvia si se formou en Comunicación Audiovisual en Pontevedra, e empezou producindo os primeros traballos de Anxos Fazáns. Agora vén de ser xefa de produción en “A estación violenta” e tamén en “Matria”, a curtametraxe de Álvaro Gago seleccionada no vindeiro festival de Sundance.

«Non queremos emigrar»

Moi poucos dos nosos entrevistados emigraron ou contemplan a posibilidade de marchar fóra de Galicia. É máis, afirman con rotundidade que queren loitar por traballar aquí. «Alguén ten que levantar o país», di o crítico de cine Brais Romero, que tamén rematou Comunicación Audiovisual en Santiago e tiña un billete de ida para emigrar a Cork (Irlanda), pero cadrou que coñeceu a súa parella un pouco antes da viaxe e decidiu pillar o billete de volta tamén. Agora dirixe a revista online A cuarta parede mentres remata o doutoramento. O músico e sonidista Charles Rapante arranxou unha vivenda da súa avoa para vivir nela e agora está a montar o seu estudio en Teis (Vigo). E ten claro que non pensa marchar: «Estamos mal, si, pero non é culpa nosa, só falta que o paguemos nós marchando. En tal caso que marchen os responsables de que non haxa traballo para nós».

Laura Lamontagne está actualmente na casa de seus pais en Lugo pero ten moitas ganas de percorrer mundo e axiña despregará de novo as ás, tras vivir unha temporada en Granada e participar como actriz e cantante-compositora no filme de Anxos Fazáns. O ourensán Santi Cuquejo, despois de participar en series como “Fontealba” ou “Serramoura”, está a cumprir moitos dos tópicos do actor que busca a vida en Madrid, empezando polo de traballar nun bar de Malasaña, mentres se forma e acode a castings e prepara proxectos creativos con outros amigos e paisanos actores que viven na cidade, como Raquel Espada, David Novas ou Miguel Canalejo.

As distancias, de todos xeitos, cada vez importan menos nun mundo conectado, no que os equipos de traballo xa non comparten espazo e o máis normal é colaborar cadaquén desde a súa casa. Mesmo vivindo no rural: «Escribo na nube, organízome na nube, comparto os proxectos na nube, subo vídeos á nube…» conta o meirego Andrés Goteira. Obviamente internet facilita as cousas. No caso de Antón Varela, que escribe, realiza e edita a webserie “Orfanato Atroz” «en pixama» desde a súa casa, o uso da web é vital: «É o arquivo do que extraio a materia prima coa que fabricar personaxes, espazos, atrezzo ou efectos. Sen internet non hai “Orfanato Atroz”».

Con todo, ademais de poder producir, consumir e relacionarse a golpe de clic é tamén moi importante ver as caras da xente, por iso os festivais son un punto de encontro fundamental para coñecerse e iniciar amizades e colaboracións. Así se acaban creando tamén os vínculos entre eles, que empezan pola admiración mutua. «Se tivese que nomear creadores coetáneos que admiro tería que empezar por todo o que puiden ver este ano na sección PlanetaGZ de Curtocircuíto», di Canoura, que presentou alí “O porco e o seu espíritu”, unha peza sobre a matanza que gravou na casa dos seus avós. Di sentirse moi próximo a autores galegos que tamén protagonizaron esa programación como Jaione Camborda ou Tono Mejuto, e que están a situar Galicia no mapa internacional do cinema experimental, filmando cousas moi pegadas ás tradicións galegas, como por exemplo rapa das bestas, que tamén está presente en Trote, a primeira longametraxe de Xacio Baño, que se estreará neste 2018.

De festivais sabe moito Andrea Villa, que traballa na comunicación do OUFF, do Festival de Cans, do Novos Cinemas e duns cantos eventos máis dentro do sector cultural. O audiovisual é creación e produción pero tamén, case o máis importante, difusión para poder chegar ao público. Os festivais neste sentido teñen unha misión que vai máis alá do “evento”, que é a parte educativa, o que máis motiva a Andrea. «Non falo soamente de que unha parte da programación do evento se dirixa aos máis novos ou de crear novos públicos durante a celebración do festival, senón dunha implicación que tamén existe ao longo do ano: cursos de formación, proxeccións, colaboración con programas pedagóxicos como Cinema en Curso ou CinEd…».  Destas citas coa educación audiovisual sairán, oxalá, as cineastas do futuro. Ou, como mínimo, cada vez máis xente con sensibilidade pola creación audiovisual.

Referentes xeracionais

Os festivais tamén son necesarios para coñecer novos autores e referencias, nun contexto de consumo no que si, Internet facilita o acceso a priori, pero na práctica a cantidade de contidos aos que podemos acceder desborda toda posibilidade de estar ao día. E cadaquén procura o seu camiño na busca de referentes. Cales son os desta xeración?

Cineastas como Gaspar Noé, Xavier Dolan, Carla Simón ou Carlos Vermut están entre o máis mainstream que admiran os nosos novos talentos, canda Stephen Hillenburg, creador de Bob Esponja, ou Louis CK e Lena Dunham no campo da comedia. Pero tamén están clásicos do cinema indie como Andrea Arnold, Jim Jarmusch ou David Lynch a carón de figuras máis underground como Jem Cohen ou Bruce Conner, ou totems como Agnes Vardà e Jean-Luc Godard. E despois, unha grande admiración entre eles. Podemos dicir que “Dhogs” é unha película que marca xeracionalmente a moitos como espectadores, pero tamén dá gusto ver como citan referentes que son compañeiros e coetáneos, como os realizadores Lucía Estévez, Sara Iglesias, Ángel Filgueira ou Hugo Amoedo, a produtora Sara Horta, o guionista Enrique Lojo ou o artista multidisciplinar Edu Fernández Peral, coñecido polo seu video-hit “Chica de la Coru”.

Chama a atención que coñecen pouco do que se fixo en Galicia antes de existise o Novo Cinema Galego: «A min a primeira peli galega que me puxeron na facultade foi “París #3”, de Óliver Laxe», di Silvia Fuentes. Non lles son familiares os nomes de, poñamos, Paco Rañal, Xavier Villaverde ou Juan Pinzás. Si que admiran o traballo de Dani de la Torre, Alfonso Zarauza, Alberto Vázquez, Ángeles Huerta ou Jorge Coira. «“O ano da carracha” é un referente total para min, foi unha mágoa que non se seguise pola liña da comedia xuvenil, despois diso non volveu haber nada», lamenta Jorge Boquete, que bota de menos que no noso audiovisual non se tome en serio a comedia.

«Boto de menos máis risa, e sobre todo máis liberdade para rir de nós mesmos. Hai moita autocompracencia na Televisión de Galicia, non lle gusta que se fale dela. E non pasa nada. Se só te ven vellos só te ven vellos, hai que asumilo sen complexos», di Boquete, que é dos poucos que confesa ver normalmente a TVG. Temos a Charles Rapante seguindo “Serramoura” «porque me dixeron que era como un “Twin Peaks” á galega, e cando a vin tiña moi pouco de David Lynch pero era demasiado tarde, xa me enganchara». O resto a penas ve a tele e di non conectar con nada do que emite a Galega máis alá de programas culturais como o “Zigzag”. Case todos lamentan que as canles públicas estean por detrás do que acontece a nivel internacional na televisión, ao tempo que reclaman espazo para os novos creadores e para público da súa idade na segunda canle, ou ben na web, como xa está a facer TVE con PlayZ ou Atresmedia con Flooxer.

Mentres a televisión pública non lles ofrece esa ventá, eles seguen buscando as súas propias a través de Vimeo ou Youtube, e dos festivais de cine. Tamén pensan en espazos híbridos e alternativos como os museos, en expandir a súa obra audiovisual a través doutros formatos como instalacións ou libros, ou inventando eles os seus propios formatos. Ter onde mostrar o que fan non lles preocupa. O problema é o de sempre, poder gañar a vida coa creación, e que se lles tome en serio. «Somos novos, pero non somos monos que aporreemos pantallas táctiles sen cerebro, hai moita xente con moito talento agardando oportunidades», di Anxos Fazáns.

Todos rin cando alguén comenta que “somos os Gutis, as eternas promesas”, (dino por Guti, o futbolista que nunca deu despuntado no Real Madrid), pero non se resignan. Andrea Villa pon tamén o acento na cuestión do xénero, que cando se xunta coa mocidade significa ter que facer «un sobreesforzo para demostrar que sendo muller e sendo nova podes ser igual de válida e responsable no teu traballo que os demais». Anxos Fazáns está farta de que lle pregunten como sendo muller e tan nova puido dirixir unha longa, e agarda o día no que isto non sexa noticia.

A igualdade é aínda un reto, que lles preocupa agora e tamén a uns anos vista, cando queiran ter familia e conciliar, algo que por agora nin contemplan. Porque a fin de contas a mocidade é algo que pasa cos anos. É máis, pasa como unha centella. É hora de admirar o talento desta xeración nova antes de que deixe de selo, e de contar con ela para que o audiovisual galego se renove e siga madurando ao seu carón. Ata que cheguen outros que fagan vella esta xeración de millennials. Ollo que xa se empezan a abrir paso. Sigamos atentos.

Un por un


Anxos Fazáns

Naceu en Pontevedra en 1992, e criouse entre o Morrazo e Lugo. Estudou Comunicación Audiovisual en Pontevedra e o master en dirección de cine da ESCAC en Barcelona. Agora vive en Teis (Vigo) e segue aberta a seguir movéndose, mais sempre cun pé na casa. Aínda que acaba de presentar a súa primeira longametraxe e iso convértea en directora de cine, prefire non poñerse moitas etiquetas «sobre todo porque unha fai moitas cousas para sobrevivir, dende escribir e dirixir ata editar ou facer axudantías ou auxiliarados de dirección noutros proxectos».

Está un pouco cansa de que sempre se destaque a súa idade e o seu xénero cando se fala de “A estación violenta”, o proxecto que produciu Daniel Froiz (“As altas presións”) a partir da adaptación libre dunha novela de Manuel Jabois, e no que, malia ser unha encarga, deixa unha gran marca autoral. «Ás veces penso que a xente esaxera co tema da miña xuventude e en xeral moita xente infravalora ás creadoras e creadores da miña idade», lamenta, «a miña experiencia dirixindo “A estación violenta” serviume para reafirmarme nesta idea: ser nova non é ningunha tara, teño menos experiencia, por suposto, pero teño outras cousas que achegar ao proxecto.»

Aínda que empezou facendo unha webserie, “Fame”, cando aínda estudaba Comunicación Audiovisual, isto foi circunstancial. «Non son unha persoa que estea ao tanto das últimas tendencias en internet, nin das últimas tecnoloxías, sempre ando un pouco por detrás nese sentido. Pero non descarto nada, pode que volva á ficción para a web, dependerá do proxecto e das portas que se abran a partir de agora». ¿Vese como unha cineasta consolidada no futuro?  «Se te pos a pensar que dentro de dez anos poderías estar dirixindo un proxecto con máis presuposto e vivir diso podes terminar por obcecarte e perder oportunidades polo camiño, se cadra monto unha empresa de produción ecolóxica de mazás e tan feliz. Non sei nin onde vou estar dentro dun ano», explica.

Si que sabe cales serán as súas ocupacións máis inmediatas mentres agarda a que A estación violenta siga o seu percorrido por festivais e atope data de distribución. «Estou rematando unha pequena peza que gravei en setembro durante o Chanfaina Lab de San Sadurniño e traballo xunto a Silvia Fuentes, Iria Silvosa e Lucía Estévez nunha peza documental. Iso é o máis inmediato, aínda que tamén comezan a ferver ideas para poñerme a escribir.» Tamén está metida no mundo da música e ten un grupo de punk: «chamámonos Contenedor de Mierda, pasámolo moi ben tocando e ata o de agora non nos vai mal, facemos temas sen parar e damos bastantes concertos.»

No entanto, formula os seus desexos para o panorama do audiovisual galego: «Gustaríame que non fose tan complexo financiar os proxectos, que non fose tan inaudito que a xente nova acceda ao traballo profesional e que non fose noticiable que unha muller dirixa unha longa. Gustaríame que todo iso se normalizase.»

Podemos seguila na súa web:  www.anxosf.com


Suso López Paz

Este meirego vive nas Pontes e é enxeñeiro industrial cun máster en materiais. Para quen se pregunte qué fai nesta reportaxe, diremos que Suso é un dos produtores de “Dhogs”, unha das grandes sorpresas deste ano no cine de xénero a nivel estatal, e un filme producido durante catro anos «de empeño absoluto». O seu traballo, no que sexa, é «sacar proxectos adiante, neste momento proxectos audiovisuais».

Se é produtor é por culpa de Andrés Goteira: «comecei facendo curtas con el, de actor, pero para rodalas había que producilas, sen saber absolutamente nada tratábase de conseguir o que facía falta, en cada unha aprendíamos algo novo. Así empecei en 2005, un mes ao ano. Logo en 2013 empezamos “Dhogs”, e todo o que sabía de antes semellaba non ser nada.»

Como produtor de vocación, define este traballo como «acadar os obxectivos plantexados tentado que todo o que ocorre a redor do proxecto funcione ben, e solucionar os problemas cando estes se presentan, pero sempre é mellor evitalos». Elixiu este rol «porque me gusta a parte organizativa, de toma de decisións e modelado dun proxecto. Ás veces tamén creo que ten que ver cunha frustración creativa, que me encantaría que alguén viñera e me dixera, “veña, vouche axudar a facer isto realidade!».

A produtora Gaitafilmes ocupa neste momento o 40% do seu tempo. «Despois son comercial dunha empresa de exportación de castañas e tamén fago substitucións de profe en FP e secundaria. Non vivo en absoluto do meu traballo como produtor, é máis, gasto máis do que gaño como produtor», admite. Con todo «estou convencido de que tarde ou cedo seremos profesionais a tempo completo e sairemos da precariedade laboral.»

E todo isto, sen saír de Meira. Aspira a poder vivir no seu pobo traballando no que lle gusta. O reto agora é profesionalizarse, aproveitando toda a aprendizaxe e recoñecemento que lles está a dar “Dhogs”. Agora mesmo xa están pensando no seguinte filme e teñen tres proxectos diferentes de Andrés para desenvolver.

Máis ala da produción audiovisual, Gaitafilmes implícase na dinamización cultural do seu territorio cun festival de curtas, o “M de Cine”, e un de música e xogos, o “Meirendas”. O 30 de decembro estrean Dhogs na Casa da Cultura de Meira, nunha proxección que promete ser o evento cultural do ano na comarca.

«Que se se pode facer cine desde Meira? Mira, se non fose pola xente de Meira non teriamos sacado adiante Dhogs», exclama, «o rural dache cousas que non che dan outros lugares». Alí nos agardan para cando queiramos pasar: «Podedes seguirnos polas redes de Gaita Filmes e de Dhogs, pero gústannos as visitas e temos unha pequena oficina en Meira, estades invitados a vir polo rural lucense!»


Adrián Canoura

Adrián Canoura (Burela, 1991) defínese como cineasta ou “creador das miñas movidas”, que van desde o videoclip ata o cinema experimental e outros proxectos ligados á música como dúo de electrónica Nistra A súa formación audiovisual comezou na Fundación TIC de Lugo e seguiu cun curso de cámara e realización na Escola de Ficción de Voz Audiovisual. Agora está en Madrid estudando o Máster LAV, Laboratorio de Práctica y Creación Audiovisual Contemporánea, aprendendo de cineastas como Javier Rebollo, Natalia Marín ou Andrés Duque.

As súas creacións destacaron este ano na selección do festival Curtocircuito, que amosou 2 dous seus videoclips, feitos para Nistra e Guerrera, e que estreou na sección Planeta GZ a curtametraxe “O porco e o seu espíritu”, un retrato da matanza do porco feito na casa dos seus avós na que podemos ver o carne, o sangue, as vísceras, a mutilación e o espírito do porco planeando sobre o inverno galego.  «Fago películas punkis e baséome na antropoloxía. As miñas pelis non son moi finas mais, pola actitude, polo proceso e por como me enfronto a elas, penso que o de punki é unha definición que me acae ben», explica Canoura, que agora prepara o seu proxecto de master, unha curta duns 25’ titulada “Caerán lóstregos do ceo” na que quere revisar o mundo dos mitos, dos espíritus e da Santa Compaña. 

Canoura é fillo e neto de mariñeiros. Este ano presentou no Festival de Nouveau Cinema de Montral a peza “Salitre nas veas”, unha curta experimental que fixo cos seus tíos que andan ao mar. No verán traballa co seu pai no barco, e no futuro gustaríalle facer unha longametraxe peli sobre a vida mariñeira a partir dunhas citas de vídeo que atopou hai pouco, gravadas polo seu pai no barco. Atopei hai pouco unhas cintas de meu pai no barco, que me recordaron aquel poema de Manuel Antonio sobre os soños dos mariñeiros que se perderon como as follas do almanaque.

Mais polo de agora o seu presente e futuro inmediato é terra adentro, en Madrid. «Nunca pensara acabar alí, mais agora estou a gusto, temos con Nistra unha bolsa de produción e xuntámonos un grupiño moi interesante de galegos creando alí. Refírese a Anxo Rodríguez, a outra metade de Nistra, que tamén toca en Novedades Carminha, xunto a Carlos Pereiro Carlangas, que impulsou o selo editorial Crispis para impulsar outros músicos galegos Alex Casanova ou Sensenra. Todos eles fan pandilla en Madrid e fan cousas xuntos, con Canoura ao servizo da parte audiovisual.

Gustaríalle vivir disto facendo videoclips, pero veo moi complicado, porque «todo o mundo quere un videoclip pero ninguén o quere pagar». Tamén ten traballado nalgunha produción en Galicia, pero de xeito moi esporádico, e non se ve tentándoo máis por aí:  «Entras en prácticas e segues de prácticas toda a vida. Para iso preiro seguir como creador independente».

Para o 2018 ten varios proxectos, como unha proposta audiovisual para Baiuca, unha banda que mestura a electrónica coa música tradicional galega, e conseguir algunha axuda para distribuír en festivais “Caerán lóstregos do ceo”. Pensa tamén en expandir esta obra a outros formatos, e sacar, canda a película, un libro de fotografías. Interesaríalle neste sentido probar a diversificar o seu traballo en espazos diferentes como os museos, a través da instalación e da videoarte. E está a descubrir autores como Bruce Conner, «amplia o seu traballo de cineasta a varios espectros como os videoclips, pintura, escultura…», ou Jem Cohen, «ligado tamén ao tema punk da música, facía pelis con Fugazi, e interésame a forma na que el traballa». E como referencia próxima, Lois Patiño, tamén pola súa capacidade de expandir o cine por divesos espazos artísticos.

Pero non despreza o espazo dixital, no que atopa inspiración e contido co que traballar: «É o canal no que me nutro case de todo, especialmente para ver artistas fóra do circuíto comercial». Tamén aprecia as posibilidades para a creación: «Gústame facer listas de reprodución en Youtube. Ultimamente chámanme moito a atención as historias de Instagram, ves a todo o mundo facendo a súa película en directo. E Vimeo é unha gran plataforma para publicar. Mola moito que se vexan as pelis no cine, pero na rede están case todos os meus videos, agás os que andan por festivais.»

Podemos velos a partir da súa web: adriancanoura.com


Mar Catarina

Mar Catarina (Vilagarcía, 1988) é artista visual, fotógrafa e realizadora. Tamén é música. E desde o laboratorio PRENOM, que creou en 2011 xunto a Rubén Domínguez, ten feito algúns dos videoclips máis estimulantes da nosa música recente, traballando con grupos como Ataque Escampe ou tamén Chicharrón, banda da que formou parte. Na actualidade segue a fecer música nos grupos jijiji e Esposa. Con estes últimos editou na primavera o LP “Xardín interior”.  

O seu contacto coa arte empezou a través da danza. «Sempre tivo un peso fundamental na miña vida pero tiña claro que nunca me dedicaría profesionalmente a ela. Como sabía que non podía ser bailarina, quería ser fotógrafa ou cineasta.»  Logo de estudar Comunicación Audiovisual na USC fixo un ano na Pompeu Fabra de Barcelona e aí puido afondar no coñecemento do cinema. Despois chegou Lisboa, onde fixo un posgrao en Fotografía, Proxecto e Arte Contemporánea, que a marcou profundamente. En paralelo chegou PRENOM: «concebímolo como un espazo para liberdade creativa e o traballo en común. Era un proxecto modesto pero cuns principios estéticos moi claros. Eu co-dirixía, axudaba na produción e na realización de videoclips e tamén creei os meus cadernos fotográficos “O cuarto de Bernarda” (2010), “Segunda pel” (2011) e “Piña” (2011). Actualmente, PRENOM creceu e somos un estudio audiovisual e unha editora.»

Máis alá do soporte, a Mar gústalle definir o seu traballo como «unha procura íntima e case autobiográfica daquilo que me conmove e provoca beleza. Procuro a simplicidade e o orgánico das cousas e persoas coas que traballo co fin de acadar a pureza ou verdade delas propias. Para iso sírvome de paisaxes, corpos e movementos que transcriben emocións e pensamentos que, para min, son preocupacións recorrentes.»  Esta marcada ollada autoral percíbese nos seus traballos recentes. Cales destacaría? «Estou moi contenta co resultado do último videoclip que realicei (“Na cela”, Chicharrón, 2017) e para min tamén foi moi importante o resultado da exposición fotográfica “A Lagoa” (2012). Tamén estou moi satisfeita cos proxectos gráficos dos álbums “Postal” (Chicharrón, 2016) e “Xardín Interior” (Esposa, 2017).

Na actualidade está a rematar o master en profesorado na especialidade e Artes Plásticas e Visuais e gustaríalle combinar súa paixón polo cine e a fotografía coa docencia  «xa que as comprendo como facetas complementarias». Tamén está a traballar nun proxecto de longametraxe, que prepara pouco a pouco: «Todo chegará no seu momento. Agora mesmo estou centrada noutros proxectos máis inmediatos: estou preparando a edición dun caderno de viaxe, escribindo un guión para unha curtametraxe, desenvolvendo unhas premisas para un proxecto multimedia de enfoque televisivo e compoñendo música».

Este desbordamento artístico pode soar a dispersión, mais asegura o contrario: «teño relativamente claro cara onde vou e que ferramentas empregar». A súa proposta estética vaino demostrando a través de todas estas disciplinas, e con múltiples referencias, dende os cineastas Jonas Mekas, Kore-eda, Agnes Varda, Naomi Kawase ou Kaurismaki ata músicos como Victoria Legrand (Beach House) ou Emilio José e artistas como  Yoko Ono ou Georgia O’Keefe.  

E, aínda que estudou fóra porque quixo e coa crise chegou a contemplar traballar no estranxeiro, neste momento a súa aposta está en Galicia, a pesar da precariedade estrutural que, considera, existe no mundo das artes neste país. «No meu caso entendo a creación dende Galicia como un acto de resistencia», explica. «É moi posible que marchando ao estranxeiro melloraran as miñas posibilidades de atopar un traballo ben remunerado no sector e que me permitise crecer como profesional, como lle aconteceu a moitos compañeiros, pero tamén entendía e entendo que a forma de subvertir o estado das cousas e construir alternativas tiña que ser necesariamente desde aquí».

Podemos seguila no seu canal de Vimeo e no de PRENOM, así como no Instagram

 


Brais Romero

Este ferrolán do 90 é unha das novas voces na crítica de cine en Galicia, e unha das que máis se atreve con novos formatos e linguaxes, como o videoensaio (foi gañador do premio María Luz Morales nesta categoría). Desde hai un ano dirixe A Cuarta Parede, a máis importante revista de cine en Galicia, case podemos dicir veterana, pois 7 anos é case un récord para un medio especializado dixital en galego.

Aínda así, a Brais cústalle definirse como crítico de cine: «Cando unha persoa é un crítico? Crítica facemos todos ao saír do cine». Pero unha cousa é criticar e outra escribir, investigar, facer análise de filmes ou de autores, algo que leva tempo facendo en distintos medios: «Acabo aquí despois de dar moitos tombos en blogs e demais: Cinema Friki en Praza Pública, Disquecool… Coñecín a xente da Cuarta Parede cando asistín ao primeiro seminario de crítica cinematográfica, no Play-Doc, e aí fun metendo o pé.»

Este labor editorial, que fai de xeito voluntario, consómelle bastante tempo, que compaxina coa docencia, a profesores e a rapaces en actividades extraescolares, e a súa tese de doutoramento sobre o galego no cine galego. «A miña vocación é a docencia, dedícolle moito tempo. Tamén me gusta moito o cine e dedícolle o 50%. A miña meta é, adiviña, ser profesor de cine. Non para dar eu a chapa, senó para aprender dos alumnos.»

Vive en Sada, independente de seus pais, pero aínda con “subvención” familiar: «Nestes tempos xa nin o soldo de dúas persoas chega para vivir. Estamos precarizados de moitos xeitos, estou farto de ter broncas laborais porque non quero traballar gratis. Pero tampouco quero renunciar a aquilo ao que me quero dedicar, porque se te afastas logo é moi difícil voltar».

Por exemplo, «ofrecéronme a facer un programa de crítica de cine pagándome un día a semana, o da gravación, coma se non tivese que preparar os temas, buscar imaxes… ese tempo tiña que poñelo eu do meu peto.» E negouse. «Estou en proxectos que non me dan cartos, si, pero porque me implico de forma persoal. Outra cousa é ser empregado dun proxecto e ter que traballar gratis. Téñoo feito pero ten que chegar un punto no que te negues», afirma, pensando de xeito colectivo en todos os compañeiros que reciben a diario este tipo de propostas.

«O panorama laboral véxoo moi ben para a xente que empezou antes do 2000. Hai xente que xa está aí, e moi ben colocada, sen que ninguén os cuestione. Para os que están empezando, a cousa está fodida. Iso que a nivel creativo dámoslles mil voltas. Somos unha xeración moi aberta, que estamos ao tanto de todo. E abrímonos a cousas diferentes, como o videoensaio ou a crítica en internet.»   

Coa rede tomou contacto co mundo dos videoensaios: «a comunidade que hai é brutal, e nace de internet. Aquí aínda non se popularizou, pero hai moitas voces interesantes dando visións diferentes.  No seu canal de Vimeo podemos ver a maioría dos seus traballos. «Do que máis orgulloso estou é do que fixen sobre o director danés Jørgen Leth, e tamén do de “Vikingland”, que aínda non está publicado.»

Podemos seguir os seus traballos no seu canal de Vimeo, e a el en Twitter (@BraisR).


Andrea Villa

Quen frecuente os festivais de cine en Galicia estará afeito a ver a Andrea Villa detrás do pano, levando a comunicación coa prensa ou nas redes sociais no Festival de Cans, no OUFF de Ourense ou no Novos Cinemas de Pontevedra. Esta ourensá de 27 anos é xornalista e produtora de formación, e foi despois de facer as súas prácticas no “ZigZag” da TVG cando decidiu que quería dedicarse á comunicación cultural. «Descubrín que había un xeito de traballar a cultura dende a comunicación, visibilizando proxectos e achegándoos á xente. Ao rematar na facultade, cursei o Ciclo Superior de Produción de Eventos e Espectáculos e, a partir de aí, cada proxecto foime levando ao seguinte», comenta.

Está independizada desde os 24 anos e vive do seu traballo como autónoma, «con todo o que iso conleva» e vese nunha precariedade triple, porque «o sector da comunicación é precario, o cultural é precario e a miña xeración tamén está sometida a unha situación precaria». No seu caso aínda ten que facer un sobreesforzo «para demostrar que sendo muller e sendo nova podes ser igual de válida e responsable no teu traballo que os demais».

Precisamente traballando en festivais «nos últimos anos puiden comprobar que a tendencia é que cada vez máis xente nova, sendo galega, inscriba os seus traballos dende distintos puntos de España ou Europa». Lamenta así a falta de oportunidades para os creadores: «Día a día vemos na prensa casos de directores e directoras do país que son premiados en festivais arredor de todo o mundo. Penso que o audiovisual galego vive un momento estupendo a nivel creativo, pero seguimos sen ser capaces de aproveitar o talento que temos sen que se vexa obrigado a crear dende fóra. »

 

Aínda que recoñece a dificultade de que os medios, especialmente os xeralistas, se fagan eco das novas cousas que paan na cultura, destaca a moitos referentes na profesion, sen ir moi lonxe: «Montse Dopico ten feito moitísimo pola cultura galega, e Xiana Arias, Ángel Suanzes ou Begoña Vázquez, que traballan -o que lles deixan- a cultura dende o público. A nivel profesional tamén destaco a Sonia Méndez -como unha das poucas directoras que de festival que temos  en Galicia-, e Sonia Díaz, por como traballa dende dentro, entende e traballa a comunicación dos proxectos. Tamén á xente da cooperativa NUMAX, por como conciben o cinema e por como nolo transmiten ao resto.»

Non lle queda outra que estar moi ao día do que se produce en Galicia. «Estou desexando ver máis capítulos de Orfanato atroz (Antón Varela). Nos videoclips gústame o traballo de Gero Costas e Xaime Miranda. Das últimas longametraxes que vin as miñas favoritas son Las altas presiones (Ángel Santos) e Trinta lumes (aínda en work in progress, de Diana Toucedo) e por mencionar algunha curtametraxe, Europa, de Hugo Amoedo.

A nivel creativo, o traballo colectivo Visual 404, Isa Calderón, Tina Fey e ilustradoras como Le Petit Patito, Monstruo Espagueti (Anastasia Bengoechea) ou Flavita Banana (Flavia Álvarez) pola súa capacidade crítica e o seu humor dende unha perspectiva feminista.

Porque se algo lle pide esta xornalista ao panorama do audiovisual galego é «IGUALDADE, así en maiúsculas, na práctica, máis alá da teoría que se repite constantemente en congresos, declaracións de intencións e papeis.»

Podemos atopala pola rúa, detrás do ordenador nunha chea de festivais e en @andreavife (TW).


Laura Lamontagne

Laura Iglesias Vázquez (Lugo, 1993)  actriz e cantautora. Podemos descubrir estas dúas facetas na película “A estación violenta” de Anxos Fazáns, na que interpreta a Daniela, unha personaxe que se enfronta á precariedade e a non saber moi ben que quere facer da súa vida. Daniela canta na película a canción Azulejos, composta por Laura LaMontagne, nome artístico en homenaxe ao cantautor norteamericano Ray LaMontagne. «Gustábame tanto que quixen quedar co seu apelido, non só pola súa fonética, por como o pronunciaba o propio Ray LaMontagne, senón pola coincidencia de que naqueles anos o que máis me gustaba era a montaña.»

Aqueles anos eran os anos nos que estudaba en Santiago o grao en Lingua e literatura inglesas. Gústanlle os idiomas e viaxar e vese traballando nalgo relacionado con iso mentres segue a explorar a música, a interpretación e a poesía. «Dentro da poesía entra a interpretación, a improvisación e o teatro. Aprendín a apreciar todo isto e a practicalo nos recitais que se organizan en Caldeireria 26 en Santiago, no que unha podía ser libre para mesturalo todo».

E así acabou traballando no cine, pero por total casualidade, comenta: «A miña irmá, Sara Iglesias, que tamén está metida no audiovisual, levaba a cabo os castings de “A estación violenta” e, coñecendo a historia, díxome que ela tíñame na cabeza para o papel. Eu asusteime e tomeina por tola, porque nunca actuara na miña vida. Probei a facer os castings, cando non estaba ela, e parece que lle gustei ao resto do equipo. Tanto que cando o produtor me chamou dixo que vira a película completa cando viu a última proba que fixen con Alberto Rolán. Quedei moi contenta cando escoitei iso, pero aínda non me acababa de verme como actriz ata que por fin vin a estrea en Sevilla.»

Fala do SEFF, onde se presentou a película de Fazáns hai unhas semanas, na sección Resistencias. E coincidiu que Laura andaba por Andalucía, é unha namorada desa terra e botou un tempo vivindo en Granada para empaparse de flamengo e da poesía de Lorca, buscando influencias para os seus proxectos musicais e audiovisual. Agora, de volta na casa familiar, está a dixerilo todo e a pensar no seu próximo destino: «Sei que non pararei moito en Lugo. O mundo é demasiado grande como para quedarse quieta.»

Por agora xa ten plans para unha nova rodaxe este mes na súa cidade natal, a dunha curta da súa irmá, Sara Iglesias, que é realizadora e tamén apareceu como actriz xunto con Laura no videoclip de Ataque Escampe “Papá borracho”, dirixido por Mar Catarina. «Quero comezar a traballar con ela porque son moi compatibles as visións que temos. E teño tamén unha idea para un poema de Lorca que constaría de música e imaxe, como unha curta pero musical, sen ser un videoclip».  De novo, a música e a imaxe atopándose e hibridándose nos intereses desta xeración de creadoras audiovisuais que lle dan un pouco a todo.

«Píllasme en proceso de crear un espazo en internet, unha web onde poder organizar todas as ideas de música e vídeos que teño, pero por agora está todo no forno», comenta. Di non ser moito de redes, pero podemos localizala por agora no Facebook de Laura LaMontagne.


Santi Cuquejo

A deste ourensán do 92 é unha historia bastante clásica, a dun rapaz que quere ser actor e ten que cursar outra carreira (Publicidade en Pontevedra) para ter contenta a familia mentres fai teatro na universidade e prepara as probas para entrar na ESAD de Vigo. Unha vez que o consegue, fai o grao completo e agora busca a vida formándose e asistindo a castings en Madrid, onde sobrevive traballando nun bar de Malasaña. Máis tópico este relato é difícil, pero é o que lles acontece a moitas mozas e mozos da súa quinta que loitan pola súa vocación. A moitos deles, como a Santi, vémolos en episódicos das nosas series de televisión.

Santi Cuquejo atopou a vocación indo a clases de teatro con Tito Asorey e Melania Cruz no Grupo Tarumba da Universidade Laboral de Ourense, onde xa participaban súa irmá e súa tía. Foi en especial un comentario de Melania nunha clase o que o impulsou a querer ser actor (el ía para Belas Artes). E a día de hoxe aínda é o teatro o que máis lle tira, aínda que tamén se ve cada vez máis solto no audiovisual. O primeiro traballo que fixo para a cámara foi unha frase na película “El club de los incomprendidos”, de Carlos Sedes, para despois aparecer na serie “Luci”, e en “Serramoura”, onde era Bieito, o fillo de Toño (Víctor Duplá): «secuestráronme e foi unha das cousas máis divertidas e máis raras que fixen neste traballo». Logo veu “Fontealba”, e tamén unha obra de teatro que o marcou moito, “Lavar, marcar y enterrar” dirixida por Pedro Sancho.  

«Agora vivo en Madrid. Estiven na escola Centro del Actor, e neste momento ando a facer cursos mentres traballo de cociñeiro nun bar. Isto dáme para vivir e tamén me deixa tempo para ir a castings, teño audicións de publicidade todas as semanas», conta Santi, que ten claro que é o que quere facer nesta vida: «Son actor e vou ser actor creador. Teño un par de ideas que quero levar a cabo e sei que ainda non é o momento.»

Mentres se forma e madura esas ideas, gustaríalle seguir traballando no audiovisual e poder gañar cartos para invertir en facer outro tipo de creacións. De todos xeitos aínda non ten claro cal é o medio que máis lle gusta. Está disposto a aceptar todas a oportunidades que lle veñan, e a volver correndo a Galicia se o volven chamar para algunha serie ou película. «Marchar fóra está ben, ábreche a mente e as oportunidades, pero tamén necesito estar en Galicia, perto dos meus», lamenta.

Os ataques de morriña que lle dan lévaos mellor cando se xunta co grupo de amigos actores da súa xeración que están coma el buscando a vida en Madrid: «Temos un grupo de whatsapp da xente que estudamos xuntos na ESAD, están David Novas, Raquel Espada, Miguel Canalejo, Sila Sicilia… entre nós quedamos, facemos cousiñas, fotos, a veces creamos proxectos, que despois saen ou non, pero hai moitas ganas de emprender cousas xuntos.»

Nos plans de Santi máis próximos están a estrea dunha curta na que colaborou este verán en Madrid, «e hai un ano fixen un casting para unha pelicula, estou esperando a que acaben de conseguir o financiamento». É prudente á hora de falar dos proxectos que non dependen del, por iso fala moito do seus: «Quero escribir, estoulle dando voltas a varias ideas, teño un proxecto sobre a identidade, pero necesito e investigar moito e madurez para facelo. Tamén boto en falta ter máis respaldo para botar a andar un proxecto, en Madrid hai tanta xente facendo cousas que non sabes nin por onde empezar».

Interésalle tamén explorar as novas linguaxes, mesmo experimentar coa tecnoloxía: «Este verán gravei un anuncio en realidade virtual para o Ministerio do Interior, que me suxeriu moito potencial para este medio. Penso que se vai levar o de poder interactuar coa peza audiovisual nun futuro próximo, pero tamén falta que os espectadores se habitúen.»

Podemos seguilo no Instagram e na súa fanpage de Facebook, aínda que é bastante crítico con como están afectando as redes sociais co mundo da interpretación e dos castings entre xente nova: «á hora de conseguir traballo agora mesmo está a ser máis importante a cantidade de followers que teñas, ou o que fagas nas redes sociais, que a túa formación ou o teu talento como actor. Estámolo vivindo en Madrid de maneira dramática».

Onde se ve de aquí a dez anos? «Viaxando a onde sexa para traballar con Xavier Dolan, sería o meu soño». Non lle importaría tampouco estar nalgún filme de Wes Anderson, Gaspar Noé ou Alexandros Avranas, que son os directores que máis lle gustan ultimamente. Admira a carreira de Asier Etxeandía, de Javier Calvo e Javier Ambrossi (“La llamada”, “Paquita Salas”), ou da compañía de teatro A Panadaría, pero a súa maior admiración é para «Tito e Mela, os meus primeiros mentores nisto de actuar».


Óscar Cruz

«Escribo historias que despois convértense en series, curtas e oxalá pronto nunha película.» Así define o seu traballo Óscar Cruz, un pontevedrés de 1991 que estudou Comunicación Audiovisual na Coruña, onde coñeceu a Jorge Boquete, Javi Lopa e Alicia Alonso, cos que montou o colectivo audiovisual Porco Bravú cando aínda estaban a estudar. Na súa primeira webserie, “Conversas con Cunqueiro”, o propio Cruz compartía confidencias diante da cámara coa estatua de Álvaro Cunqueiro na coruñesa Praza do humor.

«Cando naceu Porco Bravú decidimos que isto ía ser a nosa profesión si ou tamén. Aínda lembro o día no que Jorge Boquete chegou a miña casa co folio coa estratexia do éxito. Tiñamos moitas ganas, a facultade non nos motivaba e volcámonos no noso soño», conta Óscar. No Carballo Interplay presentaron por primeira vez o seu traballo e coñeceron outros creadores, galegos e de fóra, cos que empezaron a colaborar expandendo o seu traballo nunha nova webserie, “El método sueco”, coa que gañaron o Mestre Mateo en 2015 e 2016, e tamén nunha curta, “El comediante”. Agora están a estrear na rede o seu novo traballo, “Peter Brandon”, unha serie web de maior envergadura, con episodios de media hora en forma de falso documental protagonizado polo cómico Pedro Brandariz.

«Vivo coa miña familia e non podo vivir do meu traballo como guionista», confesa. «Considérome precario porque as poucas oportunidades de traballo que chegan están moi mal pagadas ou nin sequera hai remuneración. Non sei canto tempo terei que traballar gratis para atopar un traballo. Por non falar do pouco recoñecido que está o curro de guionista, moitos pensan que escribir pode facelo calquera». Ou sexa, hai demanda pero poucas oportunidades serias a nivel laboral. Óscar Cruz apela ao que se supón debería ser o motor da creación, a TVG: « Temos que ser máis esixentes co noso audiovisual e abrir a porta a internet. Hai moitísimo talento esperando unha oportunidade e moita máis xente desexando ver contidos orixinais, diferentes aos que nos teñen acostumados. Comezar a producción para internet e aproveitar a TVG2 parécenme dous pasos naturais.»

Afirma que «internet é a vida para os novos creadores. Aporta liberdade creativa e, o máis importante, unha canle para expoñer o meu traballo. Permite ter unha reacción inmediata e iso fai medrar o proxecto. A maioría do audiovisual que consumo é a través de internet. Grazas a isto tamén descubrín moitas cousas que doutro xeito non sei se nunca teria chegado a elas.» Destaca ademais como a web está a mudar a linguaxe: «na ficción, por exemplo, non depender das pausas publicitarias ou dos anticuadísimos medidores de audiencia está dando resultados abraiantes. A linguaxe é moito máis directa e permite conectar co público de formas máis interesantes. Hai espazo para todo e podes traballar para nichos máis pequenos. »

A maioría das súas influencias teñen que ver coa comedia: «O cine de Woody Allen é o que máis pegada me deixou. Agora Noah Baumbach e Greta Gerwig teñen un estilo semellante pero moi orixinal. As comedias de Louis CK ou Tina Fey. Monty Phyton, dos que me consta que os Zopilote tamén son moi fans e nótase nas súas produccións. Pode parecer unha parvada pero gústame moito a sitcom tradicional e aínda pincho de cando en vez un capítulo de “Pratos Combinados” ou de “Aquí no hay quien viva”. E teño unha paixón polo cómic moi recente, estou a tope con Joann Sfar.

Dentro dos seus coetáneos, admira o tándem de guionistas David Sáinz & Enrique Lojo, que colaboran en distintos proxectos de ficción para plataformas online. E tamén Sonia Méndez, «porque non só é unha creativa, pioneira das webseries en Galicia, capaz de escribir e interpretar como poucas, ademáis é unha maquina de currar, ahí está o CIP para demostralo». Engade outra referencia: «Wyie, un músico de Pontevedra dos que habitan en Bandcamp. Sorpréndeme a capacidade para expresar a nostalxia, os remordementos ou lembranzas de forma moi natural e cun estilo propio. Unha destas xoias aínda descoñecidas».

Dentro do audiovisual galego, «”Psiconautas” e “Decorado” son dúas xoias da animación, faime sentir orgulloso da nosa cultura. Moloume moito “Encallados” de Zarauza, son moi fan de Charlie Kauffman e isto é o noso “Adaptation” particular. “María y los demás” reconcilioume co mundo e a película de este ano que máis ganas teño de ver é “Dhogs”.» Como consumidor de comedia na televisión, bota de menos máis risco neste xénero na TVG: «Na era de “Girls” e de “Veep” poderíamos apostar por propostas diferentes como as que busca o resto do mundo.» E tamén bota en falta máis comedias no cine: «non se aposta nada pola comedia, está relegada a un xénero menor e chámame a atención que en Galicia, a terra da retranca, non traballemos máis este xénero.»

Podemos seguilo na páxina de Facebook de Porco Bravú, na canle de Youtube do e no seu Instagram persoal.