Federico Jusid e Lucio Godoy na Semana das Músicas do Audiovisual

A finais de novembro celebrouse a cuarta edición da Semana das Músicas do Audiovisual (SEMUA), o festival organizado pola Academia Galega do Audiovisual co apoio do Concello da Coruña, a Orquesta Sinfónica de Galicia e a Banda Municipal de Música da Coruña que lles dá protagonismo ás músicas para cine, televisión e outros medios audiovisuais.

Fotos: Aigi Boga


De novo baixo a dirección artística do compositor e socio da Academia Nani García, o programa desta cuarta edición dedicoulle unha especial atención á figura do pianista e compositor arxentino Federico Jusid, quen compuxo a banda sonora para máis de sesenta películas e máis de trinta series de televisión de todo o mundo, entre as que destacan títulos tan célebres como El secreto de sus ojos, Gran Reserva, Loving Pablo, Fariña, Bajo sospecha, La vida inesperada, Misconduct ou a saga Isabel, Carlos Rey Emperador e La corona partida, pola que obtivo tres premios internacionais Film Music Critics. En 2016 foi distinguido como Compositor do Ano pola Asociación de Críticos de Música de España.

Jusid estivo presente na SEMUA para dirixir a Orquesta Sinfónica de Galicia no Teatro Colón, nun programa no que se presentaron algunhas das súas partituras máis coñecidas, xunto con outras de compositores galegos como Manu Riveiro ou Pablo Barreiro, autor da música orixinal de Sempre Xonxa. O mítico filme de Chano Piñeiro cumpriu a finais deste 2019 30 anos da súa estrea, e o propio Pablo Barreiro escribiu este artigo sobre como se puxo en marcha este filme desde a súa experiencia como músico, sendo ademais amigo e veciño do cineasta de Forcarei.

Ademais, na Semana das Músicas do Audiovisual a formación volveu ser protagonista, cun obradoiro impartido polo compositor e produtor musical hispanoarxentino Lucio Godoy, autor das bandas sonoras de máis de 30 longametraxes, varias delas coproducións galegas como Heroína, Os luns ao sol, O lápis do carpinteiro ou Os aires difíciles. Nesta masterclass, titulada ‘O proceso creativo nas bandas sonoras para cine e televisión’, exploráronse as distintas fases que se percorren dende o silencio musical ata a banda sonora definitiva, a través de exemplos prácticos con composicións do propio Godoy.

Tamén se levaron a cabo no marco da SEMUA varios concertos da Banda Municipal de Música da Coruña, dirixida por Pablo Fiuza. O Teatro Colón acolleu estes concertos, dedicados á obra de Carmelo Bernaola, nunha sesión para público familiar e dúas para os centros educativos da cidade.