‘O que arde’. O triunfo en salas do cinema de autor

‘O que arde’ marcou un fito para o cinema galego e xa non só polo triunfo en festivais de todo o mundo, entre eles o de Cannes, ou as nominacións a mellor película, mellor dirección, mellor fotografía e mellor actriz revelación nos Premios Goya. A terceira longa de Óliver Laxe foi todo un éxito comercial en salas e converteuse no filme en galego que máis entradas vendeu na historia, rebasando a marca que tiña ‘Sempre Xonxa’. Tras máis de dous meses en cartel, supera os 65.000 espectadores, dos que o 60% aproximadamente procede de salas galegas. E as candidaturas aos Goya fan prever que a presenza nos cines continúe.

Mais non podemos falar deste éxito comercial sen ter en conta que foi unha distribuidora galega de recente creación quen se fixo cargo do lanzamento de ‘O que arde’ nos cines. Isto permítenos analizar con certa profundidade e proximidade este pequeno milagre que é que o cinema de autor triunfe nas salas. Falamos con Ramiro Ledo (Lugo, 1981), responsable de NUMAX Distribución.


Como se formulou a estratexia de distribución da película? Foi doado chegar a salas cunha película como O que arde? Aspirar a ese número de salas era arriscado ou conservador?

Había uns puntos de partida claros, cunha idea de que polo menos o 50% da asistencia do filme debera ser público galego. Unha das decisións de inicio máis importantes foi a de non facer circular unha versión dobrada do filme, tentando facer do que a priori constituiría unha limitación á hora da exhibición en salas (poucas máis de 30 salas en toda España proxectan en versión orixinal) un punto forte. Os rexistros dun galego tan vivo que se empregan en O que arde son moi infrecuentes na historia do cinema galego, sobre todo no cinema de ficción, que tende sempre a decantarse por rexistros máis artificiais.

Comezamos a traballar nos argumentos para posicionar o filme antes do anuncio da selección no Festival de Cannes, estudando por exemplo as seleccións previas de cineastas españois no certame francés e a presenza anterior do idioma galego na selección oficial. Os dous premios que acadou o filme a posteriori (premio do xurado e premio á mellor creación sonora) reforzaron moito as súas posibilidades de cara á estrea en España, inclinándonos por aceptar o convite do Festival de San Sebastián (Perlas) e animándonos a fixar a data de estrea nunha das fins de semana con meirande expectativa de recadación do ano se o filme funcionaba ben os primeiros días en salas.

Orientamos a estratexia para destacar a importancia de Óliver como cineasta e inserilo dentro dunha tradición do cinema na que el propio se recoñece, híbrida entre un cinema popular de gran público e unha raigame profundamente cinéfila.

En canto ao número de salas, ningún título en versión orixinal consegue máis de 30 salas porque non as hai en todo o estado, así que de todo menos doado. A aspiración foi sempre poder acadar ese número de pantallas e, a maiores, facer unha estratexia máis ampla en Galiza, onde o investimento promocional e os esforzos de comunicación se reforzaron para estar presentes na práctica totalidade de vilas con salas de proxección comercial. Deste xeito, logradas as 49 copias (30+19) de saída, o filme tiña o camiño aberto para chegar ao máximo de público posíbel se finalmente tiña un bo arranque.

Outra das decisións importantes que ao cabo se demostrou atinada foi, por exemplo, apostar por que o primeiro pase da estrea coa presenza de Óliver, Amador e Benedicta fose en Compostela en lugar de en Madrid, por exemplo.

Óliver Laxe con Benedicta Sánchez e Amador Arias o día da estrea de 'O que arde' en NUMAX.

Agardabades este éxito?

Había unha previsión de saída en canto a alcance de espectadores inferior á que finalmente resultou (tivo unha media de asistencia espectacular, ao redor dos 250 espectadores por copia a primeira fin de semana, unha das máis altas para un título independente de todas as estreas do ano), pero tamén tiñamos claro que o traballo que fixeramos permitía que o filme estivera preparado para aproveitar un bo arranque. Os bos resultados do filme, ademais de validar o traballo de meses realizado, fan que aínda continuemos a traballar no seu mantemento e relanzamento após as 4 nominacións aos Goya obtidas.

Canto ten que investir unha distribuidora coma a vosa en estrear unha película coma esta? Pódese comparar o caso de O que arde con outros filmes semellantes ou é un caso moi particular?

Como distribuidores, cada título é diferente en canto á maneira de financiar a súa saída. Neste caso en concreto O que arde tivo un apoio á produción do ICAA que obriga a que a produtora anticipe unha porcentaxe do orzamento do filme para a promoción e copias de cara á súa estrea en salas comerciais. Digamos que o sistema de axudas en España canaliza a través da produción o apoio á distribución dos filmes estatais, dándolle o diñeiro á produtora para que soporte a posterior distribución en salas. Ainda así, outra parte do investimento (entre un 20 e un 25%) asumímola desde a distribuidora e o traballo propio de deseño da estratexia e preparación até a estrea, do mes de abril a outubro, foi a risco total noso sobre unha previsión de resultados positivos do filme. Nos filmes que ademais nos resultan máis próximos, como é o caso de O que arde ou Longa Noite, por razóns obvias, a involucración persoal sempre vai para alén do calculado inicialmente e a nosa entrega sempre supera calquera previsión.

O habitual en calquera caso é que o investimento sexa a risco noso, con 13 filmes xa ás costas, temos varios casos nos que recuperamos o investido e tamén varios nos que despois de anos seguimos en negativo. Cada día seguimos aprendendo.

No caso galego, como definiriades a espectadora media do que arde? É comparable ao tipo de público que acudiu a ver Sempre Xonxa hai 30 anos ou A Esmorga hai cinco?

Un dos obxectivos de saída no caso galego foi facilitar que O que arde puidera converterse nun filme ao que a cidadanía se abrazase, nunha sorte de icono dunha época e un país. Moita xente, especialmente entre o mundo rural do que o filme procede, non tivera ocasión até este momento de recoñecerse nun filme da maneira en que o posibilitou O que arde. A dificultade de penetración entre o público máis amplo era porén meirande, a priori, ca no caso de A esmorga, pois ao traballar con intérpretes non profesionais, no noso caso non contabamos con rostros máis coñecidos aos que o público local estivese algo habituado. Pero tamén constituía un reto moi fermoso achegar o traballo inmenso de Amador e Benedicta e tentar que acadara o recoñecemento merecido.

En canto ao público do cinema galego ao que te refires, se falamos de público en salas, ben deitamos da pervivencia de Multicines Norte en Vigo e do impulso de NUMAX en Compostela desde 2015, que favoreceu tanto a apertura de Codex en Lugo como a reapertura de DUPLEX en Ferrol, na que eu propio me involucrei os pasados meses de verán para conseguir reabrir precisamente na data de estrea de O que arde.

Por desgraza, nada garante a pervivencia de ningún destes proxectos que son fundamentais para a circulación do cinema independente en Galicia, e por extensión do cinema galego, que agás contadas excepcións nas que se opta por circuítos de difusión máis extensivos (as producións máis ambiciosas de Vaca Films, por exemplo, ultimamente distribuídas por majors), dependen directamente dos resultados que acaden nestas catro salas das principais cidades, ás que por veces se suma Cantones na Coruña ou Compostela en Santiago.

Foto: NUMAX

«Un dos obxectivos foi facilitar que O que arde puidera converterse nun filme ao que a cidadanía se abrazase, nunha sorte de icono dunha época e un país. Moita xente non tivera ocasión até este momento de recoñecerse nun filme desta maneira».

A maioría de distribuidoras no Estado están en Madrid ou en Barcelona, e as películas galegas pequenas teñen difícil acadar acordos con elas, especialmente se están en galego. Seguramente moitas petarán na vosa porta, e tamén máis filmes de fóra de Galicia. Tedes plans de crecemento?

Traballar desde Galicia na estrea de filmes co obxectivo de acadar un impacto no resto do estado, como con outro filme de procedencia calquera que sexa recoñecido pola súa calidade e non unicamente pola súa procedencia, ten varios hándicaps. Todos eles relacionados coa distancia e as comunicacións coas dúas cidades nas que se concentran os medios de meirande relevancia estatal, Madrid e Barcelona: cómpre desprazarse específicamente para realizar os pases de prensa previos á estrea, para as preestreas, para encontros puntuais con medios, para eventos sectoriais, co incremento de gasto e loxística que isto supón. Acontece o mesmo co equipo artístico dos filmes, pois Galicia sempre é un engadido á obrigada presenza nas dúas capitais españolas e se xa é complicado que alguén veña desde Toquio ou Bos Aires a España para acompañar a estrea dos seus filmes, como algúns dos cineastas do noso catálogo, imaxina traelos a calquera cidade galega e cadralo todo nos intensos tres-catro días da estrea.

NUMAX distribución comezou sendo a actividade de distribución cinematográfica da cooperativa NUMAX e desde xaneiro deste ano foi transferida a unha compañía independente, Nocturama SL, que eu propio constituín coa idea de posibilitar unha meirande profesionalización, axilidade burocrática e que a súa estrutura poida adaptarse ás necesidades dos filmes en catálogo. O equipo da cooperativa NUMAX continúa porén a participar no deseño da estratexia de cada título e na concepción e elaboración dos materiais (gráfica, vídeo, web, comunicación) que acompañan cada estrea, coa especial complicidade de Xan Gómez desde a propia oficina de NUMAX e de Diana Santamaría desde Barcelona.

O obxectivo continúa a ser traballar cun número reducido de títulos por ano que permita dedicarlle a cada un o tempo preciso para que poida acadar o seu público, non máis de 3-4 filmes por ano.

Cales son os vosos criterios de selección? Ata que punto é importante nunha distribuidora ter un selo editorial no tipo de filmes que move?

Buscamos filmes que sempre acheguen algo novo, que logo de velos unha parte deles quede remoendo na cabeza, que durante a proxección esperten sentimentos ou ideas que antes do filme nos eran descoñecidos. É por unha parte un privilexio ter e manter a confianza de cineastas que admirabamos antes de dedicarnos profesionalmente á distribución (Pedro Costa, Nobuhiro Suwa, Angela Schanelec, Rita Azevedo Gomes, Jean-Gabriel Périot…) e traballar con novos cineastas para axudarlles a visibilizar no circuíto comercial os seus primeiros traballos (Meritxell Colell, Oliver Laxe, Milagros Mumenthaler, Eloy Enciso…). Case sempre os filmes que distribuímos acaban por pertencer á que sería a listaxe de top 10 persoal de cada ano, co que é moi satisfactorio traballar cos filmes que aprezas e axudarlles a existir nas carteleiras semanais.

Podedes adiantarnos algunha das pelis que tedes previsto distribuír en 2020?

Algúns nos que xa traballamos son Estaba na casa, pero…, que é o último filme dunha das miñas cineastas máis queridas, a alemá Angela Schanelec, último Oso de Prata á mellor dirección na Berlinale e mellor filme do Festival de San Sebastián – Zabaltegi; As nosas derrotas, do francés Jean-Gabriel Périot, ao que sigo como cinéfilo desde as súas primeiras curtametraxes a mediados dos 2000 e que recibiu o premio CICAE dos exhibidores independentes na Berlinale e acaba de ganar tamén o festival l’Alternativa en Barcelona; A familia Samuni, do italiano Stefano Savona, que combina documental e animación cunha fortaleza que nunca viramos para evocar a masacre do barrio de Zeitun en Gaza en 2009 a mans do exército israelí e foi recoñecido co premio ao mellor documental no Festival de Cannes en 2018.