Olloboi. Cita en Boiro co audiovisual escolar galego

Olloboi é un festival atípico, protagonizado por nenas e nenos, organizado desde o mundo escolar pero fóra do corsé das institucións, froito do ímpetu de docentes convencidas de que a cultura audiovisual vai moi por diante do sistema educativo e é o seu deber acompañar o alumnado para que se exprese neste medio. 

 

Este festival audiovisual escolar galego quere facer difusión e canteira do cinema galego e con ese obxectivo naceu en 2010, tal como relata Ana Moreiras, da Asociación Olloboi, que impulsou o festival desde o comezo tendo clara a súa filosofía: “que fose un festival galego, do ámbito da educación e no que primase unha visión persoal da obra dentro dos propios rapaces”, ademais de “outros valores colindantes como a promoción da cultura e da lingua galegas ou o compromiso ambiental e social”. Así, con cada edición foron creando comunidade con equipos docentes de toda Galicia unidos pola vocación e o compromiso, que cada ano envían as pezas feitas na clase para que concorran ao festival e achéganse co alumnado a participar do Encontro Olloboi, que se adoita celebrar no mes de maio en Boiro


Como se ve no vídeo que resume os traballos finalistas deste ano, hai variedade e produtos de moitos tipos. Moreiras recoñece esta diversidde aínda que admite que “ás veces nótase moito a visión do profe, é un dos problemas máis grandes que temos”. Neste sentido, conta que “é moi dificil non interferir, porque por unha parte tes que educar, por tanto interfires. Por outra ti tes máis formación e máis criterio ca eles. E por outro lado porque moitas veces unha simple opinion túa é para eles un xuízo e acaba prevalecendo. Que o obxectivo do festival sexa que se note unha visión persoal dos rapaces non significa que se consiga sempre, consíguese na medida que se pode”. 

Tampouco hai unha metodoloxía común aos participantes, xa que no certame participan todo tipo de grupos, dentro ou fóra do horario escolar. “A cousa está así”, describe Moreiras, “hoxe por hoxe no currículo hai unha materia que é Educación plastica e visual, por tanto en todos os centros de Secundaria os profes deberían estar xa traballando o cine nas aulas. A realidade é que unha porcentaxe moi grande non fan aula de cine, poden dar algo de teoría e de composición, pero non fan cine na práctica realmente. Daquela é difícil consensuar unha metodoloxía, porque como non parte das aulas de plástica cada un faino onde pode e como pode. Hai quen traballa en obradoiros, hai quen o fai a través de plataformas como Cinema en curso, hai quen o fai desde as aulas de lingua ou literatura…  En Primaria a práctica audiovisual depende dos profes totalmente, normalmente os de música son os grandes impulsores, xunto cos de plástica. Logo no Bacharelato artístico, que está en poucos centros, hai a materia de cultura audiovisual e xa dentro do currículo inclúese a produción de pezas”.  

Tamén hai docentes como a propia Moreiras, profesora de tecnoloxía no IES A Cachada de Boiro, que se dedican á formación audiovisual fóra das horas de clase, a través de obradoiros extraescolares: “Implica horas miñas que non me paga ninguén, a miña responsabilidade, tes que facerte cos equipos e é moi dificil metelo nos orzamentos do centro se non tes unha materia que o demande. Isto cada vez é menos problema porque os rapaces xa teñen móbiles, pero se tes na medida do posible unha cámara ou un micro bo, moito mellor”, relata. En calquera caso, formar e incentivar aos rapaces fóra do horario escolar é un esforzo e responsabilidade extra que depende da vontade e da paixón dos docentes. 

Este esforzo e paixón da comunidade educativa reflíctese na implicación doutros sectores na organización do Encontro Olloboi, desde a propia xente do cine que se implica no festival ata a vila que o acolle. “Antes faciamos todo online e en Boiro faciamos apenas a entrega de premios. Hoxe a vila de Boiro ten consciencia do festival, e hai un par de colectivos implicados e con interese, iso retroalimenta o proceso moitísimo”, comenta a docente: “Sempre foi unha prioridade conectar coa sociedade da vila, facer que participe. O festival acaba nunha festa á que todos están convidados. Ademais non a facemos nun auditorio convencional senón nun estaleiro de ribeira. Isto é unha aposta pola nosa xente e da nosa cultura e do noso territorio. É un valor transversal que está presente no festival”.

Ademais da xente da vila está toda a rede de cómplices Olloboi, profesionais do audiovisual galego que colaboran na difusión da cita, como xurado e tamén guiando as prácticas audiovisuais que se levan na mañá do festival coa Muchachada Matiné, un reto no que cada grupo de rapaces chegados de toda Galicia ten que facer unha curta alí en Boiro, coa colaboración da xente da vila. Cineastas como Andrés Goteira, Sandra Sánchez, Sonia Méndez, Alfonso Zarauza, Luis Avilés ou Eloy Dominguez Serén teñen participado neste reto “e case todos queren repetir sempre, gústalles a adrenalina dese día e tamén a frescura dos rapaces”, conta Moreiras: “Tamén para os profesionais é un reto romperlles os esquemas e os estereotipos, convencelos de que hai outro camiño mellor, demostrarlles que hai outros cines e maneiras posibles”. 

A web de todos xeitos é un bo punto de encontro, porque todos os traballos finalistas se poden ver online. As pezas reciben premios a mellor interpretación, fotografía, guión, montaxe, arte, música… E os finalistas acoden á gala final a recoller o seu premio. Hai centros que participan case todos os anos, que veñen de Cacheiras, de Guitiriz, de Padrón, de Vigo… logo algunhas das pezas gañadoras concorren en festivais de cinema escolar, aí xa son os docentes quen se preocupa de que estas curtas poidan ter máis percorrido.

En canto á posible canteira audiovisual, nunha década de festival saíron dos grupos participantes novos talentos que agora están despuntando, como os realizadores Lucía Estévez ou Miguel Grandío. Tamén hai varios alumnos que pasaron por Olloboi que agora estudan Comunicación Audiovisual en Galicia ou mesmo fóra, formándose en centros como a ESCAC de Barcelona.  

O futuro do certame pasa por acadar máis recursos que permitan profesionalizar un pouco a produción do festival, e tratar de que ampliar o Encontro Olloboi a dous días, para aumentar a convivencia e que non sexa tanta paliza facer todo nun día. 

Aínda que o traballo principal da asociación se concentra na convocatoria e organización do festival, tamén levan a cabo outras iniciativas como Aprendo con Olloboi”: unha escolma de entrevistas de xente de todas as profesións do cine, 15 persoas premiadas e recoñecidas, “que altruistamente nos fixeron unha masterclass en vídeo na que explican para os rapaces en que consiste a súa profesión. Cada unha destas charlas acompañámola dunha unididade didáctica con actividades interactivas para que os docentes a usen nas aulas”. Todo este material está na rede de xeito gratuíto e tamén se editaron uns libros co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística