Os dez filmes galegos que todo estudante debería ver
O cinema galego está en plena fase de crecemento, expansión, diversidade e consolidación de distintos modelos artísticos e de produción. Co cal é difícil termos aínda un canon de filmes de noso que poder institucionalizar nas escolas. Tampouco se demanda aínda por parte do sistema educativo.
Con todo, xa que estes Papeis da Academia están dedicados ao audiovisual nas aulas, queremos ir por diante e propoñer unha selección de títulos que mostren esta viveza, esta madurez e esta diversidade. E, sobre todo, que lle descubran ao público máis novo que hai un cine noso, diferente, próximo e que pode ser do seu interese.
Para isto fixemos unha enquisa entre as socias e socios da Academia, para que nos dixesen cales serían, na súa opinión, as tres películas (longas e curtas) do audiovisual galego que calquera debería ver antes de rematar o ensino obrigatorio. Cales son eses traballos que consideran imprescindibles ou relevantes polos seus valores educativos, cinematográficos ou estéticos, que inciten á reflexión e ao debate nas aulas ou que sexan importantes para difundir a nosa cultura. Películas de ficción, animación, documentais, experimentais, dramas ou comedias.
Co resultado desta votación fixemos esta lista das dez máis recomendadas. Imos de décima a primeira:
10. Tódalas mulleres que coñezo
Un documental que vai do persoal ao político e no que as vivencias de mulleres diversas evidencian canto de masculinizada e violenta segue a ser a rúa hoxe en día. En tres conversas reveladoras con amigas, colaboradoras e estudantes de secundaria, a directora busca articular un discurso sobre o medo que non fomente o medo, un discurso sobre a violencia que non resulte violento.
9. Dhogs (Andrés Goteira, 2017)
Mentres un estraño personaxe atravesa as rúas da cidade ao volante dun vello taxi, no bar dun luxoso hotel está Álex, unha muller que goza dunha última copa, inconsciente do monte de acontecementos que lle sucederán nas próximas horas. Logo dunha fugaz aventura cun executivo verase inmersa nunha espiral de violencia sen sentido aparente, obrigándoa a percorrer unha senda de sufrimento fóra do seu control. Dhogs sinala os malos, nun mundo perverso de amos e escravos. Onde os crimes se suceden ante unha sociedade pasiva, insensible, que todo o permite. Un reflexo da realidade máis escura.
8. Tralas luces (Sandra Sánchez, 2011)
Tralas luces é a historia dunha viaxe. A viaxe de Lourdes, unha feirante que percorre na súa caravana as estradas do norte de España xunto coa súa familia e coa súa pista de coches de choque ás costas. A través de estradas, pobos e aldeas, descubriremos un mundo en perigo de extinción, unha vida itinerante e, sobre todo, unha gran historia de amor e de perda.
7. Mamasunción (Chano Piñeiro, 1984)
Esta curtametraxe de Chano Piñeiro, obra fundamental do cinema galego dos 80, conta a historia de Mamasunción, unha anciá que vive nunha remota aldea. Cada día, durante corenta anos, acode á oficina de correos en espera dunha carta do seu fillo emigrado. Por fin, un día o carteiro entrégalle a Mamasunción a carta longamente agardada. Primeiro lella unha veciña, e dille que o fillo está ben e que axiña escribirá de novo. Porén, Asunción desconfía e dálla a ler ao borracho da aldea. Este diralle outra cousa ben diferente.
6. 1977 (Peque Varela, 2007)
Unha pequena cidade, un nó que medra e unha nena en busca da sua identidade. Así define a ferrolá Peque Varela a curta coa que se graduou como directora de Animación na National Film and Television School de Londres e que lle valeu máis de 15 premios en festivais internacionais.
5. 18 comidas (Jorge Coira, 2010)
Un músico de rúa reencóntrase co amor da súa vida; dous borrachos almorzan cubatas con marisco; un home cociña, cociña e cociña para a muller que nunca chega; dous homes quérense pero agóchanse; unha cociñeira soña con ser cantante; unha moza quere o que un home non lle dá, mentres un camareiro morre por ela; un macedonio está perdido por desamor en Santiago de Compostela; unha parella de anciáns que xa se dixeron todo almorza, come e cea en silencio. Todas estas historias crúzanse ao longo dun día de ficción en 18 comidas. É un crebacabezas de sentimentos de persoas moi distintas que comparten un mesmo obxectivo: a felicidade.
4. Encallados (Alfonso Zarauza, 2013)
Un director de cine, ao que lle encargan facer un filme con poucos medios sobre o Prestige, contacta con dous amigos guionistas de teleserie para escribir a película e acaban, como o propio petroleiro, encallados ante a imposibilidade de levar a termo a historia. Rodada en 16 mm e protagonizada por Xúlio Abonjo, Ricardo de Barreiro e Federico Pérez (interpretando o director Alfonso Zarauza e os guionistas Andrés Mahía e Xosé Castro ‘Pato’), inclúe a aparición de Luís Tosar e o produtor Farruco Castromán facendo unha versión ficcionada de si mesmos.
3. A esmorga (Ignacio Vilar, 2014)
En 2014 Ignacio Vilar adaptou a novela de Blanco Amor con tres titáns da interpretación nos papeis protagonistas: Miguel de Lira, Antonio Durán ‘Morris’ e Karra Elejalde. A Esmorga é unha crónica tensa e intensa de vinte e catro horas na vida de tres homes, compañeiros de esmorga que, deixando un regueiro de destrución, de sexo equívoco e reprimido, van fechando portas tras si e guindando coas chaves, como para non querer volver, tal coma se adrede camiñasen cara á súa perdición.
2. Sempre Xonxa (Chano Piñeiro, 1989)
Considerada a película fundacional do cinema de ficción comercial galego por ser a primeira na nosa lingua rodada en 35mm e estreada en salas, Sempre Xonxa é un filme sobre as consecuencias emocionais da emigración. Dous nenos, Pancho e Birutas, que viven placidamente na mesma aldea están platonicamente namorados de Xonxa. Pero un dos rapaces, o Birutas, ten que emigrar deixando a Xonxa e a Pancho na aldea. Cando o Birutas regresa da emigración, convertido nun home rico, Xonxa xa está casada con Pancho.
O que arde (Óliver Laxe, 2019)
A primeira da lista, votada por unha ampla maioría de participantes, é o último gran fenómeno do noso cine. Triunfadora no Festival de Cannes e estreada en outubro deste ano, conseguiu ser o filme en galego máis visto de todos os tempos. Conta a historia de Amador, a quen ninguén espera cando sae da cadea tras cumprir condena por ter provocado un incendio. Regresa á súa casa, unha aldea perdida das montañas lucenses, onde volverá convivir coa súa nai Benedicta, a súa cadela Luna e as súas tres vacas. As súas vidas transcorren ao ritmo sosegado da natureza, ata que todo cambia cando un lume violento arrasa a zona.
Tema de portada: audiovisual e educación