Nacidos despois de Sempre Xonxa: a quinta dos 'millennials' renova o audiovisual galego

No 1989, ano no que se estrearon as 3 películas fundacionais da ficción galega contemporáneo, a maioría dos nosos protagonistas aínda non naceran. Nos 90 case todos merendaban diante da TVG vendo o Xabarín Club. Nos 2000 empezaron a formarse naquilo que máis lles gustaba. A súa é a primeira xeración que puido estudar comunicación audiovisual en Galicia, e moitos deles fixérono. Tamén é a xeración que saltou ao baleiro laboral cando a crise económica e que non coñece outra cousa que a precariedade. A pesar dela ou precisamente por ela, porque non teñen moito que perder, eles loitan por facer o que lles gusta e por poñer en marcha os seus propios proxectos, sen esperar a que os chamen ou ter que pedirlle permiso a ninguén.

Textos: María Yáñez

Fotos: Tamara de la Fuente

Son a fornada que que fai vello o Novo Cinema Galego e que ten en Óliver Laxe ou Ángel Santos, e nas vangardas internacionais, moitas das súas referencias. O seu acceso á cultura audiovisual global non ten límites, e iso fainos buscar o seu lugar no mundo, que en moitas ocasións xa pasa por crear en galego sen complexos. Aproveitan as ferramentas que atopan en internet para aprender, crear e mostrar o seu talento, mesturando xéneros, influencias, linguaxes e formatos. A duras penas viven do seu traballo pero cren no que fan e, como di o anuncio, son teimudos: queren facelo en Galicia. A maioría deles descarta emigrar, pero saben que teñen moitas compañeiras e compañeiros fóra. De feito, nesta reportaxe falta moita xente. Cadrounos xuntar estes 14 para a foto pero poderían ser 27, 52, quizais centos de novas voces das que aínda non escoitamos falar, que están iniciando as súas creacións nalgunha cidade europea ou nalgunha aldea ourensá. Hai toda unha xeración aí petando nas portas do audiovisual galego. Imos coñecela.

Citámolos na Coruña nunha húmida mañá de decembro para a sesión fotográfica. Veñen de Santiago, Vigo, Lugo, Pontevedra, Ourense, Burela, Sada, Meira.. algúns están vivindo en Madrid e puideron escapar aproveitando a ponte. Outros viven coas súas familias. Os máis, están independizados fisicamente pero precisan “subvención” da casa para poder manterse apostando polos seus proxectos persoais mentres seguen a buscar a vida traballando na industria audiovisual, ou noutras cousas. Hai quen aspira a traballar de docente para poder vivir do que lle gusta ensinándollelo a outros, e tamén hai algún director de cine que polas mañás se dedica a vender electrodomésticos. Neste sentido tampouco se diferencian das xeracións anteriores que loitaban por sacar adiante os seus proxectos mentres gañaban a vida como podían. Ninguén que se dedique a isto aspirou nunca a ter un traballo fixo.

Temos cineastas e realizadoras pero tamén xente que se dedica á produción, o son, a interpretación, a música, a animación, a crítica de cine ou a comunicación en festivais. Iso si, evitan poñer etiquetas, porque cada vez é máis difícil definirse profesionalmente nun mundo que, por un lado, obrígaos a ser versátiles e a asumir distintas tarefas para tentar vivir disto, pero que ao tempo tampouco os limita, porque os traballos no audiovisual xa non son compartimentos estanco, tenden a hibridarse con outras artes como a música, a fotografía ou a escrita poética.  

"Somos os Gutis do audiovisual galego, as eternas promesas."

— Todo o grupo, entre risas.

Faino ti mesmo ou, mellor, con outros tan tolos coma ti.

Cada ano hai máis xente nova facendo creación audiovisual, isto é un feito. Nunca antes estiveron tan accesibles as cámaras e as ferramentas de edición, nin as plataformas de publicación. Nunca antes houbo tanta oferta formativa, entre graos en comunicación audiovisual, ou formación profesional en imaxe e son. Cada ano máis de cen persoas finalizan os seus estudios neste campo. Mais, á hora de profesionalizarse, quizais sexan demasiados para a pouca industria que hai. «A maioría das persoas que estudaron comigo Comunicación Audiovisual non se dedican ao audiovisual en Galicia, e non porque eles non queiran traballar no sector senón porque non hai opcións para nós», explica a realizadora Mar Catarina, «por iso, cústame entender que en Galicia existan tres universidades públicas que ofertan este grao. Penso que non se corresponde coa realidade económica e política. Un exemplo é a TVG, onde todos os anos se ofertan contratos en formación para técnicos superiores en imaxe e son e xornalistas pero nunca para graduados en Comunicación Audiovisual».

Ante este panorama, a maneira de acadar experiencia é botarse directamente a contar as súas historias. Jorge Boquete púxose detrás da cámara cando estaba en 4º de carreira para facer a webserie “Conversas con Cunqueiro” e xa non a soltou. Non foi así co grao, que non chegou a rematar. Desde entón é director de series como “El método sueco” ou Peter Brandon”, produtos do colectivo audiovisual Porco Bravú, que creou co guionista Óscar Cruz e o produtor Javi Lopa, como tamén a Curta “El comediante”.. Anxos Fazáns tamén comezou cunha webserie, “Fame”, como proxecto na facultade de CAV de Pontevedra, e ao rematar, ela si, o grao, puido desprazarse a Barcelona para facer o master en dirección de cine da ESCAC. Agora está a presentar en festivais a longametraxe “A estación violenta”, producida por Matriuska Films. O burelés Adrián Canoura estudou Imaxe e Son na Fundación TIC de Lugo e agora cursa o Master en Creación Audiovisual Contemporánea da escola LAV en Madrid, e o seu nome empeza a percorrer festivais como cineasta experimental. Os dous están tamén moi unidos á música, Anxos co seu grupo punk Contenedor de mierda e Adrián sendo a metade do dúo de música electrónica Nistra.

O director Andrés Goteira tamén ten estudos superiores, pero lonxe do cine: é enxeñeiro de telecomunicacións. O cómo acabou dirixindo “Dhogs”, o filme que se presentou este ano no Bafici e no festival de Sitges, é a historia de catro amigos xogando e facendo curtas desde pequenos polas rúas de Meira (Lugo), a súa vila, onde acabaron creando a produtora Gaita Filmes. Un deles é Suso López Paz, un enxeñeiro industrial que empezou de actor nas curtas e acabou asumindo o rol de produtor. «De produción audiovisual só fixen un curso online, houbo un momento hai un par de anos que me sabía mal non ter algo estudiado sobre o que quería dedicarme», comenta Suso, que traballa nunha empresa de exportación de castañas cando non produce a película máis sorprendente do cinema galego recente. Na que, por certo, tamén sae como actor.

«Admiro moito a Suso» di outra nova produtora, Silvia Fuentes. «Comezou a película sabendo cero sobre a produción de cine e hoxe deume un repaso falándome de distribución que me deixou alucinada. Suso é para min a confirmación de que esta é unha profesión de corazón, cabeza e mans, non de másters». Silvia si se formou en Comunicación Audiovisual en Pontevedra, e empezou producindo os primeros traballos de Anxos Fazáns. Agora vén de ser xefa de produción en “A estación violenta” e tamén en “Matria”, a curtametraxe de Álvaro Gago seleccionada no vindeiro festival de Sundance.

«Non queremos emigrar»

Moi poucos dos nosos entrevistados emigraron ou contemplan a posibilidade de marchar fóra de Galicia. É máis, afirman con rotundidade que queren loitar por traballar aquí. «Alguén ten que levantar o país», di o crítico de cine Brais Romero, que tamén rematou Comunicación Audiovisual en Santiago e tiña un billete de ida para emigrar a Cork (Irlanda), pero cadrou que coñeceu a súa parella un pouco antes da viaxe e decidiu pillar o billete de volta tamén. Agora dirixe a revista online A cuarta parede mentres remata o doutoramento. O músico e sonidista Charles Rapante arranxou unha vivenda da súa avoa para vivir nela e agora está a montar o seu estudio en Teis (Vigo). E ten claro que non pensa marchar: «Estamos mal, si, pero non é culpa nosa, só falta que o paguemos nós marchando. En tal caso que marchen os responsables de que non haxa traballo para nós».

Laura Lamontagne está actualmente na casa de seus pais en Lugo pero ten moitas ganas de percorrer mundo e axiña despregará de novo as ás, tras vivir unha temporada en Granada e participar como actriz e cantante-compositora no filme de Anxos Fazáns. O ourensán Santi Cuquejo, despois de participar en series como “Fontealba” ou “Serramoura”, está a cumprir moitos dos tópicos do actor que busca a vida en Madrid, empezando polo de traballar nun bar de Malasaña, mentres se forma e acode a castings e prepara proxectos creativos con outros amigos e paisanos actores que viven na cidade, como Raquel Espada, David Novas ou Miguel Canalejo.

As distancias, de todos xeitos, cada vez importan menos nun mundo conectado, no que os equipos de traballo xa non comparten espazo e o máis normal é colaborar cadaquén desde a súa casa. Mesmo vivindo no rural: «Escribo na nube, organízome na nube, comparto os proxectos na nube, subo vídeos á nube…» conta o meirego Andrés Goteira. Obviamente internet facilita as cousas. No caso de Antón Varela, que escribe, realiza e edita a webserie “Orfanato Atroz” «en pixama» desde a súa casa, o uso da web é vital: «É o arquivo do que extraio a materia prima coa que fabricar personaxes, espazos, atrezzo ou efectos. Sen internet non hai “Orfanato Atroz”».

Con todo, ademais de poder producir, consumir e relacionarse a golpe de clic é tamén moi importante ver as caras da xente, por iso os festivais son un punto de encontro fundamental para coñecerse e iniciar amizades e colaboracións. Así se acaban creando tamén os vínculos entre eles, que empezan pola admiración mutua. «Se tivese que nomear creadores coetáneos que admiro tería que empezar por todo o que puiden ver este ano na sección PlanetaGZ de Curtocircuíto», di Canoura, que presentou alí “O porco e o seu espíritu”, unha peza sobre a matanza que gravou na casa dos seus avós. Di sentirse moi próximo a autores galegos que tamén protagonizaron esa programación como Jaione Camborda ou Tono Mejuto, e que están a situar Galicia no mapa internacional do cinema experimental, filmando cousas moi pegadas ás tradicións galegas, como por exemplo rapa das bestas, que tamén está presente en Trote, a primeira longametraxe de Xacio Baño, que se estreará neste 2018.

De festivais sabe moito Andrea Villa, que traballa na comunicación do OUFF, do Festival de Cans, do Novos Cinemas e duns cantos eventos máis dentro do sector cultural. O audiovisual é creación e produción pero tamén, case o máis importante, difusión para poder chegar ao público. Os festivais neste sentido teñen unha misión que vai máis alá do “evento”, que é a parte educativa, o que máis motiva a Andrea. «Non falo soamente de que unha parte da programación do evento se dirixa aos máis novos ou de crear novos públicos durante a celebración do festival, senón dunha implicación que tamén existe ao longo do ano: cursos de formación, proxeccións, colaboración con programas pedagóxicos como Cinema en Curso ou CinEd…».  Destas citas coa educación audiovisual sairán, oxalá, as cineastas do futuro. Ou, como mínimo, cada vez máis xente con sensibilidade pola creación audiovisual.

Referentes xeracionais

Os festivais tamén son necesarios para coñecer novos autores e referencias, nun contexto de consumo no que si, Internet facilita o acceso a priori, pero na práctica a cantidade de contidos aos que podemos acceder desborda toda posibilidade de estar ao día. E cadaquén procura o seu camiño na busca de referentes. Cales son os desta xeración?

Cineastas como Gaspar Noé, Xavier Dolan, Carla Simón ou Carlos Vermut están entre o máis mainstream que admiran os nosos novos talentos, canda Stephen Hillenburg, creador de Bob Esponja, ou Louis CK e Lena Dunham no campo da comedia. Pero tamén están clásicos do cinema indie como Andrea Arnold, Jim Jarmusch ou David Lynch a carón de figuras máis underground como Jem Cohen ou Bruce Conner, ou totems como Agnes Vardà e Jean-Luc Godard. E despois, unha grande admiración entre eles. Podemos dicir que “Dhogs” é unha película que marca xeracionalmente a moitos como espectadores, pero tamén dá gusto ver como citan referentes que son compañeiros e coetáneos, como os realizadores Lucía Estévez, Sara Iglesias, Ángel Filgueira ou Hugo Amoedo, a produtora Sara Horta, o guionista Enrique Lojo ou o artista multidisciplinar Edu Fernández Peral, coñecido polo seu video-hit “Chica de la Coru”.

Chama a atención que coñecen pouco do que se fixo en Galicia antes de existise o Novo Cinema Galego: «A min a primeira peli galega que me puxeron na facultade foi “París #3”, de Óliver Laxe», di Silvia Fuentes. Non lles son familiares os nomes de, poñamos, Paco Rañal, Xavier Villaverde ou Juan Pinzás. Si que admiran o traballo de Dani de la Torre, Alfonso Zarauza, Alberto Vázquez, Ángeles Huerta ou Jorge Coira. «“O ano da carracha” é un referente total para min, foi unha mágoa que non se seguise pola liña da comedia xuvenil, despois diso non volveu haber nada», lamenta Jorge Boquete, que bota de menos que no noso audiovisual non se tome en serio a comedia.

«Boto de menos máis risa, e sobre todo máis liberdade para rir de nós mesmos. Hai moita autocompracencia na Televisión de Galicia, non lle gusta que se fale dela. E non pasa nada. Se só te ven vellos só te ven vellos, hai que asumilo sen complexos», di Boquete, que é dos poucos que confesa ver normalmente a TVG. Temos a Charles Rapante seguindo “Serramoura” «porque me dixeron que era como un “Twin Peaks” á galega, e cando a vin tiña moi pouco de David Lynch pero era demasiado tarde, xa me enganchara». O resto a penas ve a tele e di non conectar con nada do que emite a Galega máis alá de programas culturais como o “Zigzag”. Case todos lamentan que as canles públicas estean por detrás do que acontece a nivel internacional na televisión, ao tempo que reclaman espazo para os novos creadores e para público da súa idade na segunda canle, ou ben na web, como xa está a facer TVE con PlayZ ou Atresmedia con Flooxer.

Mentres a televisión pública non lles ofrece esa ventá, eles seguen buscando as súas propias a través de Vimeo ou Youtube, e dos festivais de cine. Tamén pensan en espazos híbridos e alternativos como os museos, en expandir a súa obra audiovisual a través doutros formatos como instalacións ou libros, ou inventando eles os seus propios formatos. Ter onde mostrar o que fan non lles preocupa. O problema é o de sempre, poder gañar a vida coa creación, e que se lles tome en serio. «Somos novos, pero non somos monos que aporreemos pantallas táctiles sen cerebro, hai moita xente con moito talento agardando oportunidades», di Anxos Fazáns.

Todos rin cando alguén comenta que “somos os Gutis, as eternas promesas”, (dino por Guti, o futbolista que nunca deu despuntado no Real Madrid), pero non se resignan. Andrea Villa pon tamén o acento na cuestión do xénero, que cando se xunta coa mocidade significa ter que facer «un sobreesforzo para demostrar que sendo muller e sendo nova podes ser igual de válida e responsable no teu traballo que os demais». Anxos Fazáns está farta de que lle pregunten como sendo muller e tan nova puido dirixir unha longa, e agarda o día no que isto non sexa noticia.

A igualdade é aínda un reto, que lles preocupa agora e tamén a uns anos vista, cando queiran ter familia e conciliar, algo que por agora nin contemplan. Porque a fin de contas a mocidade é algo que pasa cos anos. É máis, pasa como unha centella. É hora de admirar o talento desta xeración nova antes de que deixe de selo, e de contar con ela para que o audiovisual galego se renove e siga madurando ao seu carón. Ata que cheguen outros que fagan vella esta xeración de millennials. Ollo que xa se empezan a abrir paso. Sigamos atentos.

Un por un


Entrevista a Miguel Mariño, novo director da Academia

Por primeira vez a Academia integrou este ano na súa estrutura de persoal o posto de dirección, unha figura encargada de liderar o traballo nas distintas liñas que ten abertas a institución e de formular novas estratexias a medio e longo prazo. A persoa designada a finais deste verán para asumir este papel foi Miguel Mariño. 

Nacido na Coruña, Mariño pertence á primeira promoción de produtores que saíron da Escola de Imaxe e Son, compañeiro de clase de Alfonso Zarauza, Paula Fernández ou Alfonso Blanco. Tamén foi alumno do Máster de Produción e Xestión Audiovisual da Voz. Comezou traballando en produción eno departamento de desenvolvemento de diferentes produtoras, tanto en producións modestas como en proxectos internacionais e iso facilitoulle, cos anos, a transición cara a produción e dirección da súas propias obras.  Desenvolveu proxectos artísticos en  Londres, Berlín e México e é o primeiro cineasta que recibiu bolsa nas dúas liñas de axudas do MAC.  En outubro cumpríu corenta anos e entrou a traballar na Academia.

Fotos: Tamara de la Fuente

Acabas de asumir un posto que non existía ata agora. Inicia este nomeamento unha nova etapa na Academia?

As diferentes xuntas directivas que rexeron o rumbo da Academia desde que foi creada hai quince anos sempre traballaron cunha folla de ruta marcada polos seus estatutos. Nesta nova etapa que se abre coa miña incorporación ao equipo, como non podería ser doutra forma, os fins e obxectivos xerais continuarán sendo os mesmos: apoiar e fortalecer o desenvolvemento, o coñecemento e a promoción do noso sector. Parte das miñas responsabilidades pasan por definir estratexias que poidan responder con garantías a esa vocación transformadora a medio e longo prazo que a actual xunta directiva pretende para esta nova etapa. É un verdadeiro privilexio ter a oportunidade de poder poñer os meus case vinte anos de experiencia ao servicio do sector audiovisual galego no seu conxunto. É unha gran responsabilidade que asumo con entusiasmo.

En que obxectivos se pode condensar o proxecto da Academia para os próximos anos? Cales son as liñas de traballo? E as prioridades?

Na miña opinión, calquera deseño de estratexias debe partir dende unha análise que determine e defina as problemáticas e carencias ás que nos enfrontamos. Poñer en marcha este proceso de avaliación e diagnose é todo un reto en si mesmo, pero é un paso necesario para que calquera acción, proxecto ou plan que poñamos en marcha parta cunha base sólida.

A grandes rasgos as liñas de acción nas que estamos a traballar están orientadas a incentivar e promover estudos e informes que nos axuden a reflexionar sobre a nosa situación actual; activar programas formativos a todos os niveis, priorizando a formación cualificada para profesionais; ou articular e impulsar a colaboración con todos os axentes que desempregan un papel relevante no noso ecosistema audiovisual e cultural, prestando especial atención a todos aqueles proxectos que nos permitan participar de redes internacionais. Pero se tivese que resumir e condensar os principios nos que se asentan as diferentes liñas de traballo, entón tería que mencionar a promoción da identidade, o fomento da creatividade e o desenvolvemento do talento como bases prioritarias dende as que estamos a construír.

Existe ademais  un problema que afecta transversalmente ao noso sector, dende o audiovisual máis industrializado ao Novo Cinema Galego. A porcentaxe de mulleres é moi inferior á dos homes. Visibilizar e prestixiar o traballo das nosas creadoras e técnicas é a liña mestra que está presente en todas as políticas de acción da Academia.

«A ACO é un dos novos proxectos da Academia que verá a luz nos primeiros meses do 2018, coa misión de apoiar o talento e tecer redes de colaboración entre profesionais, coas institucións e tamén cara a fóra»

En que consistirá a Oficina de Cooperación Audiovisual?

A ACO é un dos novos proxectos da Academia que verá a luz nos primeiros meses do 2018. O espirito da iniciativa, o motor que a botará a andar e que impulsará o seu desenvolvemento futuro non é outro que o apoio ao talento. Promover a creación de redes profesionais e fortalecer a colaboración entre creadores, produtoras e institucións públicas e privadas é un dos principais obxectivos vertebradores da oficina. Á ACO poderán achegarse proxectos cinematográficos de ficción e non ficción, formatos para televisión, proxectos de narrativas interactivas, transmedia, videoxogos e proxectos de corte máis experimental e artístico. Todos eles atoparán asesoramento profesional especializado nas áreas de desenvolvemento, busca de financiamento, produción, estratexias de difusión e promoción, así como a posibilidade de contar con asesoría fiscal, laboral e xurídica.

Máis a ACO tamén será a ferramenta da Academia para fomentar a cooperación do audiovisual galego co resto dos sectores que forman as industrias culturais: música, artes plásticas, teatro, edición, etc… sempre cunha intención de vincular o local ao global, algo que deixamos claro co propio nome da oficina ao establecer o xogo de palabras entre o acrónimo do inglés Audiovisual Cooperation Office e o adverbio galego que indica un lugar próximo ao que fala.

Cal cres que debe ser o papel dunha Academia coma esta no contexto do noso sector audiovisual?

Penso que as Academias en xeral, se para algo teñen sentido, é para funcionar como puntos de reflexión e análise, lugares que favorezan o encontro entre profesionais e que deberían integrar as vontades e os desexos de todo un colectivo, non só dos que están dentro. Neste sentido, as case catrocentas socias e socios cos que actualmente conta a Academia, fan que case todas as familias profesionais que forman o noso sector estean representadas polos afiliados. Pero, aínda que poidamos dicir con certo orgullo que proporcionalmente somos a Academia máis numerosa das que no Estado español hai dedicadas ao audiovisual, temos que ser conscientes tamén de que hai certos colectivos dentro do noso contexto profesional que non se senten representados pola institución.

Creo que unha das labores máis importantes que debemos afrontar é a de traballar para que o audiovisual galego no seu conxunto, sexan académicos ou non, sintan a Academia como un lugar útil, que expande e actualiza a nosa cultura cara ás futuras xeracións, cara aos segmentos de poboación non afíns e cara ao exterior.

Estamos nunha Academia que xunta profesionais do cine, da TV e doutros formatos audiovisuais marca. Como mínimo é unha peculiaridade no contexto de Academias de outros lugares. Que ten isto de vantaxe e que ten de oportunidade?

Imaxino que a decisión que levou a concretar o radio de acción da Academia como “Audiovisual”, en detrimento doutras fórmulas como por exemplo “Cine e Televisión” respondía a unha serie de características definitorias do noso sector no momento da súa creación. As empresas que daquela formaban o tecido industrial producían unha gran diversidade de formatos que non sempre tiñan como ventá de difusión a sala de cinema ou a televisión. Ante as diferentes posibilidades, optouse pola opción inclusiva. Se hai uns anos podería parecer como unha falla de madurez da propia industria, que non tiña produción dabondo para poder ter unha Academia de Cinema e outra de Televisión, na actualidade e coa profunda reconversión que está a vivir o sector, a definición de “Audiovisual” para unha Academia pode acabar sendo visionaria, vangardista e estratexicamente positiva, baixo o meu punto de vista. A popularización e desenvolvemento de novas tecnoloxías, que tamén propiciaron a aparición de novos formatos (recordemos que cando naceu a Academia aínda non existía Youtube) e a converxencia tecnolóxica fai que actualmente as grandes fronteiras que separaban o cinema da televisión e a televisión da web ou os videoxogos sexan cada vez máis difusas. Os propios espazos de exhibición tamén se están volvendo máis permeables e compartindo contidos. Pensemos, por exemplo, na relación cinema e museo vertebrada a través dos festivais.

Considero que non deberíamos ser conservadores neste sentido e apostar firmemente e con convencemento pola incorporación de todos aqueles formatos e expresións que existen dentro do noso ecosistema audiovisual contemporáneo, polos seus profesionais e polos seus creadores. Recuperemos o espírito fundacional da Academia, aquel que dun xeito natural optou por unir antes que por separar, bautizándose a si mesma como “Audiovisual”.

«Se hai uns anos sermos unha Academia “do audiovisual” podería parecer como unha falla de madurez da propia industria, que non tiña produción dabondo para poder ter unha Academia de Cinema e outra de Televisión, na actualidade esta definición pode acabar sendo visionaria»

Atreveríaste a facer unha análise DAFO moi sintética do sector audiovisual en Galicia?

Aproveito para insistir na idea de que a Fortaleza do noso audiovisual radica no talento dos nosos creadores: Oliver Laxe en cinema, Bambú producciones en TV, Gato Salvaje Studio en videoxogos, Carla Andrade no cinearte, son só catro exemplos, por certo, ningún deles académicos polo momento. Unha das nosas Debilidades é consecuencia directa dos baixos porcentaxes de consumo de cultura da nosa sociedade. Precisamos de políticas eficaces de estímulo da demanda. A gran Ameaza e a gran Oportunidade, xa non só para o noso audiovisual, senón que para o conxunto das industrias culturais, ten que ver para min cun mesmo asunto: a nosa lingua e cultura é o noso principal activo, e nos últimos anos non está sendo todo o atendida e protexida que debera, xa que as porcentaxes de uso, a presenza en medios de comunicación, en redes, etc… non para de descender. Aínda así, hai certas tendencias que debemos celebrar xa que está a medrar o número de longametraxes cunha clara vocación comercial feitas coa versión orixinal en galego.

Que cousas quedan por reivindicar aos poderes públicos?

Moitas son as áreas específicas do noso sector que aínda precisan de propostas concretas para mellorar. Nese sentido a Academia está traballando para ser un vehículo de consenso que poida articular todas esas demandas e proposicións colectivas e facérllelas chegar ás administracións públicas. De entre elas, unha serie de reivindicacións destacan pola súa urxencia, como son: a freada da caída do gasto destinado á cultura, o aumento na transparencia e eficiencia do investimento de cartos públicos, o cumprimento da Lei de igualdade coa garantía de que homes e mulleres accedan en condicións de igualdade aos fondos públicos e, por último, que as políticas destinadas ao audiovisual sexan sustentables a medio e longo prazo.

Como intúes que percibe a sociedade o traballo que facemos? Como se pode traballar mellor neste sentido?

É evidente que entre todas as nosas actividades, a que goza dunha maior popularidade son os Premios Mestre Mateo, pero ao contrario que outras Academias a nosa labor vai máis alá da celebración dos galardóns. Traballar cunha determinación clara de apertura ás diferentes dinámicas sociais e cunha difusión eficaz das nosas actividades é unha das prioridades desta nova etapa. Somos conscientes de que en ocasións podemos dar a sensación de ser un sector endogámico, pero non debemos esquecer que traballamos para que o noso labor chegue á sociedade.

«O panorama con respecto ao papel das mulleres no noso sector é preocupante e fan falla medidas urxentes.»

Nos últimos anos a Academia vénse destacando na reivindicación do papel das mulleres no audiovisual, que queda por facer neste ámbito?

Unha ollada á esclarecedora reportaxe “Audiovisual Galego, lonxe da igualdade de xénero” que Montse Dopico realizaba para os Papeis da Academia 2015 situaranos rapidamente nunha realidade na que, por exemplo, en toda a historia dos premios do audiovisual galego, dende os AGAPI de 1996 ata os Mestre Mateo do 2017, ningunha muller foi galardoada na categoría de son, iluminación e fotografía; dirección, guión e montaxe rondan o 10% respectivamente, pero a cousa cambia cando falamos de maquillaxe e perruquería, onde a pocentaxe de mulleres galardoadas situase arredor do 75%, chegando ao 100% no caso de deseño de vestiario. Os roles de xénero tradicionais non son algo do pasado e precisamos máis que nunca que as boas intencións se traduzan en accións eficaces para tentar lograr acadar unha situación máis equilibrada e paritaria. Máis non só o equilibrio nas porcentaxes é unha necesidade, senón que as prioridades tamén pasan pola reducción da brecha salarial e a mellora nas condicions laboráis. Nese sentido, a Asociación de Actores e Actrices, Escena Galega, a Mostra de Teatro de Cangas e a Academia levan involucradas nos dous últimos anos no impulso dun informe sobre as condicións sociolaborais da muller no sector cultural. Este informe estará elaborado polo Consello da Cultura Galega, financiado pola Xunta, e prestará especial atención ao ámbito das artes escénicas e audiovisuais. Aínda non se coñecen os resultados deste informe, pero creo que lamentablemente todos podemos imaxinar, sen medo a trabucarnos demasiado, por onde irán o sentido dos datos. O panorama é preocupante e fan falla medidas urxentes.

Tamén se ten abordado a cuestión da precariedade laboral. Camiñamos cara a unha mellora das condicións no sector ou hai que ser pesimistas?  Que pode facer ao respecto a Academia, que é ante todo unha asociación de profesionais?

Efectivamente, non somos un sindicato, somos unha asociación de profesionais, e como tal, entre os nosos obxectivos está o de traballar na procura dunhas condicións dignas para todos os traballadores do sector. A redución de orzamentos públicos e investimentos privados que trouxo a crise tivo a súa tradución directa nunha diminución drástica no número de producións e dos tempos empregados para a súa execución. Se a esta escaseza de traballo, que empurrou a moitos profesionais á vía do autoemprego (mal chamados emprendedores), lle sumamos, xa non a conxelación, senón a redución nos salarios, a ecuación dá como resultado inseguridade e inestabilidade. Non semella que esto vaia cambiar substancialmente nun futuro próximo, así que a labor da Academia pasa por estar alerta e denunciar de xeito público malas prácticas. Pero tamén achegar solucións contra a precariedade e propoñer iniciativas encamiñadas a mellorar as condicións laborais das traballadoras e traballadores do audiovisual, os seus réximes fiscais e as súas prestacións. Nesta liña, o pasado catro de outubro o presidente da Academia, Carlos Ares, comparecía no Parlamento do Estado ante a subcomisión encargada da elaboración do futuro estatuto dos traballadores da Cultura.

Por outro lado, isto non deixa de ser unha Academia, e nos últimos tempos tamén se puxo o foco na investigación audiovisual, coa creación dos premios María Luz Morales. Que papel xoga a investigación neste sector? E a educación?  

Promover, apoiar e difundir a investigación científica en materia audiovisual contribúe directamente á produción de coñecemento, que é unha necesidade fundamental para poder en primeiro termo achegarnos a unha radiografía fiel e obxectiva de quen somos e onde estamos. Sermos quen de identificar as nosas eivas e fraquezas, as cuestións a mellorar, e tamén o noso potencial, logros e acertos, ten que contribuír a artellar mellores e máis eficaces estratexias de planificación e desenvolvemento. En definitiva, definir onde queremos ir partindo de medidas coherentes que respondan a un deseño racional e non a ideas improvisadas.

Os premios María Luz Morales participan desta proposta de base que, ademais de premiar ensaios escritos, tamén o fai a videoensaios, promovendo a utilización da imaxe audiovisual non só como medio para recolectar información, senón tamén como parte activa do proceso de investigación. Un formato que non é novo, pero que nos últimos tempos está a cobrar unha relevancia notoria. Ese espírito innovador e de vangarda que recollen os premios serve á súa vez para renderlle homenaxe, potenciar e reivindicar a figura de María Luz Morales, unha muller pioneira en moitas facetas da súa vida, non só no tocante á critica e investigación cinematográfica.

A educación audiovisual fora do ámbito profesional, universitario ou de escolas técnicas é outro dos retos do noso tempo. As experiencias pedagóxicas que se están a poñer en marcha na nosa comunidade duns anos a esta parte son moi variadas e moi necesarias todas elas. As institucións públicas, asociacións e entidades privadas, dende o ámbito local ao internacional, son conscientes de que estamos a vivir unha época nova que presenta novos retos e por iso invisten recursos en potenciar proxectos educativos. Vivimos nunha sociedade composta por individuos que se comunican por medios audiovisuais e que son practicamente autodidactas.

Estamos nun momento no que sabemos as palabras, mais precisamos aprender gramática básica. Nós, como Academia, temos a obriga de traballar para vehicular e posibilitar iniciativas que contribúan a fomentar e mellorar o ensino da cultura audiovisual nas aulas, pero tamén para o resto de colectivos sociais.


María (e os demais) e Dalia a modista triunfaron nos Mestre Mateo

O 4 de marzo de 2017 celebrouse entrega dos XV Premios Mestre Mateo, no Palexco da Coruña, congregando a case mil persoas do sector do audiovisual en Galicia. Foi unha gala moi dinámica dirixida por Manuel Cortés e presentada por Iolanda Muiños, que estivo acompañada da grupo de teatro A Panadaría, e dunha banda en directo con Ramón Orencio á fronte.

A película triunfadora da noite foi “María (y los demás)”, dirixida por Nely Reguera e producida por Frida Films, Avalon, , TVG, Movistar Plus e TVE. Foi a producción que máis galardóns obtivo: cinco, entre eles o premio á mellor longametraxe. Tamén a súa protagonista, Bárbara Lennie, obtivo o premio á mellor interpretación feminina. Acadou ademais os premios ao mellor guión, son e música orixinal.

A segunda no palmarés foi a serie “Dalia, a Modista”, de  TVG e CTV, dirixida por Giselle Llanio, que obtivo catro premios: mellor interpretación feminina de reparto (Covadonga Berdiñas), dirección de arte, vestiario e maquillaxe e perruquería.

Tres premios Mestre Mateo obtivo o documental “Esquece Monelos“, da directora Ángeles Huerta con produción de Danga Danga Audiovisuais: mellor documental, dirección de fotografía e montaxe)

O premio ao mellor programa de televisión foi para “Land Rober Tunai Show”. O seu presentador, Roberto Vilar, levou tamén o Mestre Mateo ao mellor comunicador de TV.

No apartado de traballos actorais, ademais do galardón para Bárbara Lennie, Luis Tosar levou o premio ao mellor actor protagonista por “Cen Anos de Perdón”. O Mestre Mateo para a mellor interpretación masculina de reparto foi para Monti Castiñeiras polo seu traballo en “Serramoura”, ademais do mencnionado premio para Covadonga Berdiñas.

Discurso do presidente: igualdade e oportunidades

Na súa intervención, o presidente da AGA, Carlos Ares, fixo un chamamento de atención respecto á situación pola que están pasando cerca do 60% dos actores e actrices galegas, que non poden vivir da súa profesión. «Cómpre tentar mellorar esta situación, cómpre traballar para evitar a precariedade. E isto non é algo que debamos descargar só nas Administracións. É unha situación que debemos tentar reverter entre todos e todas: Administración, profesionais e empresas. Esta Academia quere ser un interlocutor para ese diálogo˝, sinalou.

Tamén fixo especial mención á situación de discriminación das mulleres no sector audiovisual: «Queremos non ter que celebrar que haxa o mesmo número de mulleres directoras que homes. Queremos que non sexa algo excepcional ter historias con mulleres protagonistas, que non sexa algo que resaltar. Esta Academia ten un firme compromiso coa igualdade, como non pode ser doutro xeito. Porque é de xustiza».

O presidente da AGA tamén reclamou «que se desenvolva o Estatuto do traballador e traballadora da arte e da cultura. Un estatuto que poría a profesionais de todos os eidos da cultura á altura de países da contorna».

«Non pedimos privilexios, nin moito menos» dixo para rematar Carlos Ares. «Só pedimos ter dereito ás mesmas prestacións por baixa laboral, enfermidade, maternidade, paternidade, desemprego ou xubilación que o resto de traballadoras e traballadores do país».

Premio de honra á directora artística Marta Villar

Pola súa parte, tras recoller o Premio de Honra “Fernando Rey”, a directora de arte Marta Villar recoñeceu que na súa vida tivo dúas obsesións, «o meu traballo e a miña familia».

A premiada chamou a atención sobre a desigualdade xeográfica do audiovisual galego. Galicia tradicionalmente foi un gran estudio de cinema, de norte a sur e de leste a oeste, tanto para nós como para as producións de fóra. A crise está a relegar este estudio a escasos quilómetros ao redor dunha cidade, 40 minutos de desprazamento desde a oficina de produción, pois dificilmente pódense asumir outros custos na situación actual».

Marta Villar chamou a atención das Aministracións para que «na medida do posible poñan en valor o seu territorio dando facilidades á producción. E reclamo institucións para esta finalidade».

«A nosa diversidade é tan inmensa como singular e por iso universal. Recuperemos a totalidade do noso territorio como estudio de cinema e así enriqueceremos o noso audiovisual ao mesmo tempo que á sociedade galega», dixo antes de rematar cun «moitas grazas, moito traballo e moita igualdade».


Encontro de Academias: estratexias de futuro

Era a primeira vez que representantes das Academias de Cine da Península Ibérica se xuntaban de xeito específico para compartir inquedanzas, experiencias e liñas de acción. E se algo ficou claro como resultado deste encontro é que non será a última. A iniciativa da Academia Galega do Audiovisual reunindo as institucións homólogas de España e dePortugal sentou as bases para a creación dunha rede ou plataforma de traballo común, para a que xa se empezaron a definir obxectivos. A continuación extractamos algunhas das cuestións que se abordaron nesta primeira xornada de diálogo.

Fotos: Tamara de la Fuente

Os asistentes, con representantes das entidades relacionadas co audiovisual en Galicia

A reunión foi o 18 de decembro no PALEXCO da Coruña. Logo dun almorzo conxunto con representantes das principais entidades do sector audiovisual en Galicia (AGADIC, CGAI, CRTVG, AGAPI, CLAG, CREA, AISGE, CIMA e AGAG) e do Concello da Coruña, comezou o coloquio entre as distintas Academias, moderado pola xornalista, guionista e académica Araceli Gonda. No encontro comparecían, ademais do anfitrión Carlos Ares, presidente da Academia Galega do Audiovisual, Joan Álvarez Valencia, director xeral da Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas de España; Paulo Antonio Rodrigues De Noronha Trancoso, presidente da Academia Portuguesa das Artes e Ciências Cinematográficas; Joan Bas Viñals, vicepresidente da Academia del Cinema Català; Jesús Marco, presidente da Academia del Cine Aragonés, acompañado polo seu vicepresidente, José Ángel Guimerá, e José Javier Paisano Vergara, presidente da Asociación de Escritores Cinematográficos de Andalucía (ASECAN), en representación da futura Academia del Cine y las Artes Audiovisuales de Andalucía.

Foi Carlos Ares quen empezou dándolles a benvida aos asistentes e lamentando a nula presenza de mulleres na mesa, agás a moderadora, malia que as Academias de cine española e catalana teñan presidentas (Yvonne Blake e Isona Pasola, respectivamente), que por motivos de axenda non puideron acudir. Como tampouco puido asistir a vicepresidenta da AGA, Tamara Canosa, que estaba previsto que representase a esta Academia no encontro. Máis alá das ausencias particulares, Ares destacou o problema de desigualdade de xénero que afecta ao audiovisual galego e en xeral á industria cinematográfica no mundo, como un dos focos de traballo que deben estar presentes nos obxectivos das Academias.

Este, canda certa falta de xuventude -«a nosa é unha Academia de corentóns, comentou Ares ao empezar»-, a integración ou a separación entre cine e televisión nestas entidades ou a interconexión entre as Academias da Península Ibérica e doutras partes do mundo, eran os principais asuntos formulados na axenda deste coloquio, que se iniciou cunha descrición por parte de cada Academia da súa situación, funcionamento e liñas de traballo. Comezou Joan Álvarez, director xeral da Academia española desde marzo deste ano.

O presidente da AGA, Carlos Ares, iniciou o encontro dándolles a benvida aos represntantes das Academias

Joan Álvarez (Academia española).- A Academia está nunha boa situación e vai estar nunha situación fantástica dentro de pouco. Son optimista porque estamos mellorando. Pero temos que preguntarnos qué quere dicir isto. A Academia é unha institución que se crea para favorecer a cultura do cinema en España; con esa misión xuntáronse unha serie de profesionais para creala hai máis de 30 anos, tendo como referencia o modelo da Academia de Hollywood. Eles crearon un mecanismo de promoción do cine, que son os Oscar, e nós na Academia española, durante moito tempo tivemos un coidado especial polos Goya como mecanismo para a promoción do cine español, e tamén un coidado pola vida asociativa. Nesta vida asociativa danse unha serie de rasgos que fan que a situación de momento a min me pareza favorable. Isto non quere dicir que teñamos atopado solucións, pero permítenos empezar a ver a botella un pouco máis ‘medio chea’ do que estaba. Temos unha morea de proxectos interesantes que vos contarei máis adiante.

En Cataluña tamén sodes optimistas?

Joan Bas (Academia catalá).- A dous días do 21-D non sei ben como contestar esa pregunta [risas]. De calquera xeito neste momento é moi difícil falarmos da Academia ou do cinema abstraéndoos da situación que vive o país. Estamos nunha Autonomía intervida polo Estado, e esto aféctalle ao sector, e moito, e por extensión tamén á Academia. Este ano tamén tivemos a desgraza de vivir o atentado das Ramblas en Barcelona, e ahí empezou todo un declive xeral na sociedade, resintíronse moitos sectores, e tamén o ánimo nas persoas. Despois veu todo o proceso político que, sen ir a outras valoracións, leva influído moi negativamente na cultura. Hai datos que indican que desde xullo de 2017 perdeuse un 18% do crecemento que se fora logrando na industria cultural, que viña medrando a moi bo ritmo desde a anterior crise de 2004.

A nosa Academia está a vivir un momento de espera a que se solucione o conflito. Veremos que pasa. Televisió de Catalunya é o motor da produción audiovisual en Cataluña, ou tiña que selo, teno sido en moitos momentos, e neste momento poderiamos dicir que está a cero, a situación é grave. Ninguén na CCMA (Corporació Catalana de Mitjans Audiovisuals) está a asinar nada, porque hai unha intervención que decide neste momento se algo é importante facelo ou non. Moitas producións están paralizadas por isto. O ICEC, que depende da Generalitat, tampouco pode facer convocatorias. Se isto segue así, en un, dous o quizais tres anos non vai haber recursos de axudas para as producións. Se ata agora cada ano se facían tres ou catro chamadas para que se presentasen proxectos, neste momento non hai orzamento para nada.

Gustaríame tamén agradecerlle á Academia Galega do Audiovisual a oportunidade de atoparnos hoxe aquí. Moitas veces temos a sensación de que traballamos sós, defendendo os nosos problemas ou pedindo cousas imposibles… e hoxe aquí sentímonos ben, vemos que de algún xeito hai alguén máis con problemas parecidos e de quen podemos aprender moito á hora de pensar solucións. Saber que non estás só axuda a ser un pouco máis optimistas.

Efectivamente, a razón de ser deste encontro é demostrar que non estamos sós, que en cada Academia se está a facer un traballo que está ben compartir e que seguramente favorecerá o traballo das demais. Jesús, como está a situación en Aragón?

Jesús Marco (Academia aragonesa).- En Aragón estamos a pasar un dos momentos máis doces no cine. Quizais sexa grazas a Paula Ortiz e a gran cantidade de candidaturas que obtivo “La novia” nos premios Goya do 2016. Que unha cineasta coma ela teña chegado ata aí coa súa ópera prima despois de varias curtametraxes é froito dun labor de moitos anos. Lembro que hai 15 años Aragón era un deserto cinematograficamente falando. Temos grandísimas figuras do mundo do cinema como Buñuel, pero fixeron o seu traballo fóra e non ten repercutido na nosa terra, na creación dunha pequena industria cinematográfica local. Agora vivimos unha situación doce, por varios motivos. Foi moi importante a creación de escolas que dan estudos relacionados co cinema e o audiovisual, tanto universitarios como de formación profesional, e hai unha canteira de xente nova moi ben preparada, que levan feitas moitas curtametraxes e xa deron o salto á longametraxe: agora xa hai varios realizadores que están a estrear as súas películas a nivel nacional. Tamén influíu o cambio de goberno, que agora es moi favorable a dar apoio á cultura, e multiplicou por cinco as axudas que había para o audiovisual. Estase a notar na produción, hai moitas longametraxes  en marcha, que se empezarán a ver a partir do ano que vén.

En Andalucía todavía estáis en ese proceso de constituir una Academia. ¿De dónde sale esa necesidad o sensación de que necesitáis tener una Academia audiovisual?

Javier Paisano, (ASECAN).- Do noso proxecto de Academia vense falando desde hai anos. En Andalucía existe ASECAN, que é a Asociación de Escritores y Escritoras Cinematográficas de Andalucía e que desde hai 30 años entrega os premios do cinema andaluz, que levan o seu mesmo nome. E, aínda que seguen a ser considerados como uns premios que outorgan críticos, periodistas e escritores cinematográficos, hai sete años ideamos que todos os cineastas que eran premiados entrasen en ASECAN, co cal nestes últimos anos a nosa asociación exerceu un pouco como unha proto-Academia.

Á hora de poñela en marcha, no último Festival de Cine de Huelva xuntamos as asociacións andaluzas do sector, e alí nos puxemos de acordo para crear unha Academia. A partir de aí montouse unha comisión, e traballamos coa previsión de presentarnos formalmente como Academia del Cine y las Artes Audiovisuales de Andalucía no próximo festival de Málaga, que será en abril. A idea é ofrecerlle a esta futura Academia que acolla os premios ASECAN e os organice, dándolles un nome novo. Dese xeito non empezamos uns premios de cero, son premios con 30 anos de historia.

En canto á situación do sector, esta semana empeza a tramitarse no Parlamento de Andalucía a lei do cine. En principio é unha lei consensuada con case todas as asociacións. Hai axudas da Junta de Andalucía e temos Canal Sur, que é un motor importante do cine. Unha produtora en Andalucía ten dúas formas de empezar a sacar adiante unha película, que é coa compra de dereitos de Canal Sur e coas axudas da Junta. Se tes unha destas fontes de financiamento, ou as dúas, é moito máis doado xa conseguir diñeiro a nivel estatal.

A portuguesa é unha academia nova pero que está a traballar moito. Cales son as principais liñas deste traballo?

Paulo Trancoso (Academia Portuguesa de Cinema).- A nosa Academia é moi nova, si, ten seis anos de vida. Naceu nun momento no que facía falta ser moi optimistas en Portugal, estabamos no medio dunha situación económica moi dura, non había cartos, apenas se producía cine. Mais pensamos que era unha boa oportunidade para cambiar todo e facer cousas. Instituímos diferentes áreas. A principal é a área de premios, que ten non só os Sophia (nomeados así en homenaxe á poeta Sophia de Mello Breyner) senón tamén os Sophia Estudante, dirixido a escolas de cine, que remataron hai unha semana con 82 filmes de varias escolas, e un xurado que as premia. Facemos unha xuntanza en Lisboa de todas as escolas e premiamos os traballos de estudantes en catro categorías diferentes. Esta é unha importante aproximación da xente nova á Academia. Tamén acabamos de crear uns premios a novos valores, que son os Premios Nico (en honor ao actor Nicolau Breyner, falecido en 2016), e tamén un premio para unha muller que se teña distinguido durante o año, o premio Bárbara Virgínia (a primeira directora de cine portugués), que se entregará en xaneiro en Lisboa.

Paulo Trancoso, presidente da Academia Portuguesa do Cinema

Para as Academias un poco máis veteranas parece que atraer a xente nova é aínda un reto, como o é a igualdade de xénero. De que maneira os estades afrontando?

Joan Álvarez (Academia española).- Nos últimos meses entraron máis de 300 académicos novos, nun colectivo que tiña 1450 socios e agora está en 1750 aproximadamente. E é xente moi nova tamén de idade. A razón é que baixamos as esixencias para entrar na Academia nas distintas especialidades. Se ti para entrar precisas ter feito dous guións de longametraxe estreada e non tres, como anteriormente, podes entrar antes. Houbo unha apertura nas condicións para que entrase xente moza, e ademais fíxose unha invitación expresa a moitas persoas que xa tiña unha significación no sector.

Joan Bas (Academia catalá).- Nós niso temos aínda un gran reto. As normas que hai para entrar na Academia dificultan a entrada de xente moza. Coidabamos que unha das portas podía ser potenciar moito as curtametraxes, que a través delas tivesen acceso os máis novos á Academia, pero aínda estamos traballando niso.

Paulo Trancoso (Academia portuguesa).- No noso caso si que fomos gañando a valoración da xente nova, a través das distintas actividades que facemos, que están moi orientadas cara a eles. Claro que hai sempre unha desconfianza inicial cara ás Academias ou o “académico”, pero foise disipando. Cando naceu a Academia tiña 30 e pico membros, agora somos máis de 300.

Jesús Marco (Academia aragonesa).- Pois eu teño que dicir que a nosa idade media é de 30-35 anos, eu son dos máis vellos e iso é unha alegría. Hai moita mocidade porque en Aragón faise moita curtametraxe. Na Muestra de cortometrajes aragoneses, que tamén dirixo, este ano houbo unhas 40 ou 50 curtas que merecían ser mostradas. Moita xente empezou así e son xente moi nova, que lamentablemente no poden vivir do audiovisual aquí e, como pasou sempre, se queren traballar teñen que marchar a Madrid ou a Barcelona. Pouco a pouco si que existen produtoras que van facendo cousas, publicidade, etc, pero está difícil vivir do audiovisual soamente. A través das axudas que mencionei antes agardamos un cambio de rumbo neste sentido para os vindeiros anos.

Joan Álvarez (Academia española).- Con respecto á desigualdade de xénero, que é outro dos problemas que a nós tamén nos afecta e nos preocupa: témolo identificado e estamos a facer cousas para que mellore. A nosa xunta directiva, de 31 membros, está practicamente en paridade home-muller. A nosa presidenta é unha muller e a segunda vicepresidenta tamén, Nora Navas. Este ano nos finalistas dos Goya temos dúas directoras, unha consagrada como Isabel Coixet, e a outra novel. Algo se está a mover.

Carlos Ares (Academia galega).- Este ano en Galicia hai bastantes producións dirixidas por mulleres, nunha maior porcentaxe que nunca, mais curiosamente son películas de baixo orzamento. Estas son cousas que debemos analizar. Na nosa Academia somos máis dun 60% de homes, fronte a un 30% de mulleres. Segundo a ONU cando en calquera entidade, asociación ou lugar de traballo a porcentaxe de mulleres non chega ao 37% pódese falar de discriminación. É un problema que debemos ter en conta para buscarmos solucións entre todos.

Javier Paisano (ASECAN).- En Andalucía tamén vemos claro este problema: das candidaturas que se presentaron este ano aos premios, só un 23% son mulleres. En canto se constitúa a Academia teremos que ver cómo afrontar isto.

Joan Álvarez (Academia española).- Para nós é unha liña de traballo prioritaria, promover que haxa máis mulleres e con máis poder no cine. Isto estámolo a facer cun traballo de concienciación, que é por onde pensamos que temos que facelo. Como sabedes, en España hai unha asociación de mulleres cineastas, CIMA, que promove a igualdade, e estamos traballando con elas e con outras asociacións. No último Festival de San Sebastián fixemos un foro sobre este asunto, convidamos a directora do instituto sueco do cinema. Suecia é o modelo, sen ningunha dúbida: en 4 anos conseguiron pasar dun vintetantos por cento de participación da mujer a un 50% cunha serie de medidas que estivemos analizando e que queremos propoñerlles ás autoridades cinematográficas e ás asociacións profesionais para que as traten de implementar. Nós como Academia o único que podemos facer é liderar movementos, non temos capacidade para implementar estas medidas: non somos un sindicato nin somos una administración, pero podemos liderar estos asuntos.

Joan Álvarez, director xeral da Academia de Cine española

Cal credes que é a misión das Academias nos teempos que corren?

Joan Álvarez (Academia española).- A nosa é unha Academia de cine soamente, é unha diferenza moi importante con respecto ás autonómicas. Para nós unha das maiores preocupacións é a debilidade do cine que se fai en España. Cal é esta debilidade? Moitos din que é o financiamento, e pode que teñan razón, mais para nós a maior debilidade está no público, nas audiencias. Temos que intervir para cambiar a lóxica no gusto cinematográfico do país. Niso estamos a traballar de maneira decidida. Estámolo a facer principalmente cun programa de educación, co que estamos tratando de levar o cine ás escolas, para que esa xeración que agora ten entre 12 e 18 años se forme nun gusto que non sexa estritamente o norteamericano. Esa é unha das liñas de traballo que estamos a desenvolver.

Joan Bas (Academia catalá).- O tema da diversidade é moi importante, debemos falar máis disto. Gustaríame citar un anaco de entrevista a Win Wenders, o presidente da Academia do Cinema Europeo, na que di que «sen dúbida, e cada vez de forma máis radical, a medida que a industria americana cae na súa propia trampa cun cinema absolutamente anquilosado e condenado á produción de franquicias e secuelas, faise máis evidente a necesidade de outro capaz de exhibir a riqueza e a complexidade das nosas diferentes culturas. O cinema non pode perder o seu sentido de aventura artística, non podemos ter a tentación de rodar películas que poidan suceder en calquera sitio e en cualquera momento, e que ninguén sabe onde pasan. Ademais nestes tempos o cine ten unha gran responsabilidade, tócalle defender a Europa como fonte inesgotable de diversidade cultural. O discurso economicista e simplificador non pode prevalecer. A definición de Europa ten que ver coa súa contribución aos dereitos humanos, á democracia, á liberdade e á igualdade. A nosa longa historia de guerras aválanos para reivindicar o diálogo como única forma de solucionar os conflitos».  Coido que o entendemento entre as Academias pode fortalecer moito que a idiosincrasia de cada pobo non se vexa aplastada culturalmente por Hollywood.  

Javier Paisano (ASECAN).- Ao fío disto ocórreseme unha pequena maldade: as Academias debemos dedicarnos só ao cinema coñecido como de ‘autor’ ou ao cinema industria tamén? Porque nós xa temos este debate, mesmo antes de empezar.

Joan Álvarez (Academia española).- Eu diría que as Academias teñen que dedicarse, máis que ao cine, aos cineastas. Esta diferenza é importante, porque o cineasta pode facer películas boas ou malas, pero non deixa de ser cineasta. Nós somos un colectivo de cineastas. E o qué cine facer ou apoiar vai por outro lado, aí metémonos ou ben en terreos que son da Administración, que é a que ten que facer políticas do cine, ou ben en defender intereses sectoriais, e a nosa posición é outra. Nós como Academia non nos podemos meter no terreo dos produtores ou dos guionistas, temos que atopar outras causas que sexan de todo o colectivo. Por iso estamos a definir outros campos de traballo a través da Fundación Academia: a formación das novas audiencias, máis mujeres no cine, e promoción exterior (o que eu chamo a diplomacia do cine).

Jesús Marco (Academia aragonesa).- En Aragón sempre tivemos clara a importancia de que existan Academias como as nosas porque é a única maneira de aglutinar a moitas persoas que tratan de vivir do audiovisual, e darlles voz, para poder ser un interlocutor coas institucións. Nós somos unha asociación profesional que beneficia a todo o mundo e que ten sido clave para ir acadando cousas, nunha comunidade autónoma que antes era un ermo no cinematográfico. Nacemos en 1999 a partir da anterior Asamblea de Cineastas Aragoneses, e neste tempo fomos convencendo os gobernantes de que creamos cultura e riqueza para os lugares onde se fan películas. E de que o cine é unha ferramenta tamén para o turismo e para darnos a coñecer como territorio e como pobo. Contamos as nosas historias para dar a coñecer cómo somos e achegar a nosa idiosincrasia á diversidade que precisa o cinema. Para isto, entre outras cousas creamos os premios Simón, en honor á película de Buñuel “Simón del desierto”, que se veñen celebrando desde 2012.

Javier Paisano (Academia andaluza).- A miña impresión é que as Academias territoriais tenden a ser más reivindicativas, porque nós somos quen traballamos con máis proximidade ao sector a pé de rúa. Así como a Academia de Cine Española mantén, digamos, certo caché e o seu papel na promoción do cine español é incuestionable, para os que estamos no terreo e na periferia os problemas se cadra son outros, de xeito que pode soar a que máis que Academia somos asociacións que reivindican cousas e que actúan como lobby sobre os gobiernos. Ademais Andalucía é un territorio moi grande e precisamos unha voz forte e única, máis alá das peticións sectoriais de produtores, etc.

Joan Bas (Academia catalá).- A nosa Academia ten ademais, como outras das que estades aquí, outra misión que é a de defender a nosa lingua. Hai que tratar de mantener, sen pasar por diante de outras consideracións artísticas, o apoio ao cinema en catalán. E lograr que teña un pouco máis de apoio, en igualdade de condicións. É unha parte importante das nosas preocupacións.

Joan Bas Viñals, vicepresidente da Academia del Cinema Català

Gran parte dos recursos, da enerxía e mesmo da razón de ser das Academias adóitase centrar nos premios. En que medida axudan a dinamizar o noso sector?

Joan Bas (Academia catalá).- Desde logo o principal motor da nuestra Academia é organizar cada ano os Premios Gaudí, que fan agora a súa décima edición. Ata agora cada ano fóronse superando en audiencia na súa emisión por TV3, con case un 15% de share e medio millón de persoas vendo os premios. É unha porta aberta a amosar toda a produción que se fai en Cataluña. Supoñen un impacto de visibilidade tremendo para as películas, xa desde o momento en que se anuncian as finalistas.

Joan Álvarez (Academia española).- Nos Goya tamén, obviamente, aínda que depende de en qué momento de explotación colla a cada película. Hai filmes que xa están moi explotados cando se presentan, outras aínda precisan ese apoio ou repercusión para completar o seu percorrido. Esas películas poden subir moito a súa recaudación coa nominación, como lle pode pasar este ano a “Handia” coas súas 13 candidaturas.

Paulo Trancoso (Academia portuguesa).– En Portugal tamén se nota algo. Os filmes que triunfan nos premios Sophia adoitan ser exhibidos de novo na Festa do Cinema, un evento que organizan os exhibidores para dinamizar a asistencia ás salas, similar ao que se fai en España. Así que si, isto supón un impulso maior. Como comentei antes, no noso caso os premios son importantes, porque tratamos de diversificalos e damos moitos a distintos valores, incluíndo os novos, as escolas, as mulleres… e ademais son unha ferramenta de promoción internacional. Nós traballamos desde o principio coas Academias europeas e iberoamericanas, formamos parte da recentemente creada FIACINE (Federación Iberoamericana de Academias de Cine), e participamos nos premios Platino, así como tamén enviamos sempre películas aos premios Goya, aos Oscar e aos Ariel de México.

Joan Bas (Academia catalá).- Adamais da propia gala, en Cataluña temos montado o Ciclo Gaudí, para facer que o cinema vaia á poboación. Un día á semana promovemos que unha película catalá se proxecte nunha localidade distinta, normalmente os xoves. Isto ten unha aceptación moi boa, cunha media duns mil espectadores por semana, que ademas está a dinamizar os cines nestas vilas: mesmo nalgún caso fixo que reabra algún cine que está cerrado, para acoller estas proxeccións que teñen tan boa aceptación. Isto ten pasado en Badalona e noutros sitios, e cremos que é moi bo tamén para o sector da exhibición.

Jesús Marco (Academia aragonesa).- No noso caso a creación dos Premios Simón tamén nos axudou a que entre a empresa privada no seu financiamento, e máis desde que os empezou a retransmitir a televisión aragonesa. Iso si, todo o diñeiro que conseguimos ao longo do ano entre axudas do Goberno autonómico e as cuotas dos socios acábano absorbendo os premios; quédanos pouco para o resto, e gustaríanos que non fose así, por iso seguimos loitando para podermos tener un remanente maior co que facer máis actividades, e sacar adiante novos proxectos.

Jesús Marco, presidente da Academia del Cine Aragonés

Outro tema que está sobre a mesa es de qué forma integrar nas Academias o cine con outras disciplinas audiovisuais, porque si que é certo que os profesionais en moitos casos sono do cine e da televisión. Aquí hai Academias como a nosa que son de audiovisual, e outras que son só de cine. Como vedes esta relación entre cine e televisión?

Paulo Trancoso (Academia portuguesa).– A nosa Academia de momento es só de cine, pero hai una presión grande para que se transforme nunha BAFTA, é a nosa referencia. Gustaríame saber as vosas experiencias neste sentido. Nós fixemos recentemente un inquérito aos nosos socios e hai unha maioría aberta a esta integración de cine e televisión.

Carlos Ares (Academia galega).- En Galicia a Academia é de cine e televisión, de audiovisual en xeral. Tamén o son os premios, pero estamos abertos a revisar isto no futuro e a crear dúas entregas de premios diferentes.

Javier Paisano (Academia andaluza).- A nosa, que está empezando, xa sería unga Academia de cine e das artes audiovisuais. Cine e televisión.

Joan Álvarez (Academia española).- Cando eu entrei na Academia presentei unha estratexia a tres anos, e unha das propostas era imitar o modelo de BAFTA, con cine, televisión e videoxogos. A xunta directiva viu esta idea con simpatía. Mais en España hai que mover montañas moi grandes para transformar isto, porque xa hai unha Academia de Televisión, porque os videoxogos van por outro lado completamente distinto, e porque as televisións son un mundo á parte. Supoño que en Portugal tamén.

Paulo Trancoso (Academia portuguesa).–  Si, pero os profesionales ao final móvense polos dous ámbitos, e por iso nós temos cambiado de idea nestes seis anos. Claro que en Portugal non hai Academia de Televisión, e iso facilita moito as cousas. Polo de agora este ano nos Sophia imos incluír por primera vez un premio para series  e películas para televisión.

Javier Paisano (Academia andaluza).- De todos xeitos eu creo que, aínda que a Academia sexa para cine e televisión, os premios deberían estar separados, coma nos BAFTA. Na nosa futura organización ímolo formular así.

Javier Paisano, presidente de ASECAN

Ademais dos premios, en que outros proxectos estades traballar nas Academias?

Joan Álvarez (Academia española).-  Vimos de crear a Fundación Academia para levar a cabo unha serie de proxectos que vaian máis alá dos premios e se realicen durante todo o ano, de forma que se podan financiar e esponsorizar de maneira independente, potenciando a marca Academia, non só a marca dos Premios Goya. Temos asinado tres proxectos moi importantes que deseñamos e negociamos con distintas institucións para o seu financiamento, cóntovolos brevemente:

Co concello de Madrid estamos a organizar un encontro internacional baixo o título “Todos los cines del mundo”, no que imos convidar a todas as Academias e as asociacións que conceden premios equivalentes aos Goya. Será, por un lado, unha reunión dos seus representantes (como esta pero de todo o mundo) e a nosa proposta é que se estude crear unha asociación ou federación internacional de Academias de cine, que aínda non existe. De feito presentamos o proxecto á UNESCO para que o considere dentro do seu programa para o fomento da diversidade cultural. E, por outro lado, queremos facer unha mostra coas películas que gañan o premio principal en cada unha das Academias. Con isto o que pretendemos é mostrar a enorme diversidade que ten o cinema neste momento. Parece que vivimos co esquema de Hollywood por un lado e o cine do noso país por outro, ou como moito miramos a Europa ou a Latinoamérica, pero o cine que se está a facer en India, Corea, Tailandia ou Nixeria é tamén moi interesante, e esa é a pluralidade que queremos mostrar con este encontro.

Outro proxecto que temos en marcha, cun financiamento importante que pode chegar a ter un millón de euros, é un fondo de apoio á creación nova, que vén de marcas comerciais e que ten unha desgravación fiscal dun 90%. Isto púidose facer grazas a que o Ministerio de Facienda todos os anos cualifica como plan especial de desgravación unha serie de acontecementos, como por exemplo o ano Cervantes. Este ano vaise incluír aí una liña de  apoio especial aos creadores novos e mais á promoción e o estudo do patrimonio cinematográfico español. Así, imos usar esta fórmula para crear un fondo que se destinará ao financiamento dunha ópera prima. Agora estamos constituíndo o xurado e vendo a fórmula administrativa, porque non pode ser diñeiro para un produtor. O proxecto prodúceo a Fundación, por dicilo así, e calquera retorno económico un diñeiro que regresa a nós de xeito que o fondo pódese retroalimentar co que se obteña.

O terceiro proxecto que temos, co Ministerio de Educación, é o deseño e creación dun portal educativo do cine español para nutrir con 100 películas, coas súas fichas didácticas, os 300 centros educativos (escolas e institutos) que dependen do Ministerio que ensinan español en todo o mundo. E queremos que isto se poida ampliar aos colexios e institutos de España. Estamos a negociar con EGEDA para que fixe uns dereitos especiais para o uso legal de películas nas escolas. O seguiente paso é negociar con todas as autoridades educativas, que son as 17 comunidades autónomas, ademais do Ministerio, para tratar de que haxa un programa nos centros educativos con este canon de cen títulos, algo así como unha materia de cine, que non está contemplada dentro do currículo na LOMCE, pero que si que contempla competencias relacionadas co cine que se poden integrar noutras materias: artes plásticas, literatura, etc.

Jesús Marco (Academia aragonesa).- Isto é algo que tamén en Aragón estamos a potenciar moito, que non só a nosa actividade sexa organizar os premios Simón, porque se fose así a Academia non tería razón de ser. E temos conseguido que para este próximo ano o Goberno de Aragón nos dea cartos para outras actividades: talleres, formación e outros proxectos. É unha loita que desde o momento en que fun nomeado presidente quixen conseguir. Agora imos intentar convencer as empresas privadas para que nos apoien economicamente non só para os premios, de forma que poidamos facer máis cousas.

Paulo Trancoso (Academia portuguesa).- Máis alá da área de premios, na nosa Academia temos unha área expositiva, porque nos parece importante facer todos os anos unha grande exposición. Fixemos unha sobre os carteis na cinematografía portuguesa, e en xaneiro inauguramos unha mostra sobre Raúl de Caldevilla, un cineasta visionario portugués de principios do século pasado, que facía tamén os carteis das súas películas. Imos facer a exposición deses carteis integrada cunha retrospectiva dos seus filmes na Cinemateca.

Tamén temos outras iniciativas ligadas á formación, como “A Quatro Mãos” un encontro para a escrita de guión de cine e televisión en portugués, que inclúe masterclasses con figuras de recoñecemento mundial; ou a internacionalización, como “Pasaporte”, onde convidamos a directores de casting de varios países para que coñezan os nosos actores e actrices. Isto funcionou moi ben, ten feito que vaian moitos actores para series e películas internacionais, e tamén serviu para achegar intérpretes novos á Academia.

Carlos Ares (Academia galega).- No noso caso conseguimos que o ano que vén vaia ser o primeiro ano no que os premios Mestre Mateo non leven o 70% do noso orzamento, imos facer máis cousas ao termos ampliado o convenio con Concello da Coruña para montar a Oficina de Cooperación Audiovisual, que será una entidade de apoio e asesoramiento a creadores.

A nosa intención tamén é diversificar a nosa actividade, e temos varios proxectos recentes que van neste sentido, como a SEMUA (Semana das Músicas do Audiovisual), que é unha semana con concertos de compositores galegos e de fóra, con repertorios baseados nas súas músicas para cine e televisión. Ou os Premios María Luz Morales para a investigación en audiovisual, que estreamos en 2017. Tradicionalmente tamén organizamos obradoiros e masterclasses, sobre todo dirixidas a profesionais, pero tamén tratamos de achegar a nosa profesión a colexios e institutos a través dos Encontros Mestre Mateo, nos que levamos os finalistas en distintas categorías a que dean charlas por centros de toda Galicia. Neste sentido, queremos facer aínda máis cousas para a xente nova, relacionadas coa formación audiovisual. Aquí hai unha materia de audiovisual no bacharelato de arte, que se imparte nuns pocos institutos de Galicia, e hai profesores que pola súa conta fan contidos e proxectos moi interesantes. Queremos prestarlles atención, coñecer mellor o seu traballo; a nosa idea é xuntar esta xente e ver qué podemos facer con eles en clave de educación audiovisual.

O encontro celebrouse no Palexco da Coruña

Joan Álvarez (Academia española).-  Pois traballemos xuntos. Eu coido que sería interesante que rematemos este encontro pensando en qué podemos facer en común, estaría moi ben establecer unha plataforma de colaboración.

Jesús Marco (Academia aragonesa).- Eu transmítovos o desexo de que a próxima reunión de Academias a fagamos en Zaragoza, convídovos formalmente a facelo alí e buscar unha data, de hoxe nun ano.

Joan Álvarez (Academia española).-  A idea que vos quería propor é a de crearmos unha rede de Academias, inspirándonos na que xa teñen, por exemplo, as filmotecas do país. Penso que é un modelo a considerar: crearmos unha rede de intercambio de información, colaborarmos en proxectos, mesmo eu diría que considerasemos o proxecto de cinema e educación, que é algo que nos atinxe a todos, e aí podemos atoparnos con moita facilidade.

Joan Bas (Academia catalá).- É una idea estupenda. A decisión terá que pasar polas xuntas directivas de cada Academia, pero desde logo parécenos un camiño necesario.

Carlos Ares (Academia galega).-  A plataforma pode ser moi útil para estarmos tamén pendentes de outros asuntos, como o Estatuto do Traballador/a da Cultura. Nós presentamos hai dous meses una ponencia nunha comision de traballo do Congreso dos Deputados sobre isto. Temos que facer seguimiento porque en marzo está previsto que o resultado desta comisión pase ao pleno do Congreso para ser debatida.

Joan Álvarez (Academia española).- Desde a Academia estamos tratando de propor un gran pacto social polo cine e a cultura, no que nos gustaría convidarvos a colaborar. Trátase de promover a importancia do cine na nosa sociedade, e gañarmos de novo o público, que é o gran reto que temos por diante.

Carlos Ares (Academia galega).- Traballemos, pois, nestas liñas: fomentar a educación no noso cine e na cultura audiovisual, promover a igualdade de xénero na nosa profesión, así como a diversidade cultural que achega o cine nos distintos territorios. E realizarmos accións conxuntas para promocionar de forma interna e externa o noso audiovisual. Formulemos esa plataforma, non só a nivel estatal senón tamén dialogando con Portugal; temos moitos retos que compartir e experiencias das que aprender unhas Academias das outras, como se puido ver hoxe aquí neste primeiro encontro.

Quedamos daquela emprazados a concretar formalmente esta rede ou plataforma de colaboración. Ficou clara a intención de facer que este encontro non sexa puntual, que a colaboración se extenda ao longo de todo o ano e que se manifieste de forma presencial o vindeiro ano en Zaragoza. Moitas grazas a todos por participar.


Fernando Velázquez protagonizou a SEMUA

Entre o 27 de novembro e o 1 de decembro celebrouse na Coruña, Santiago e Narón a 2ª edición da SEMUA, Semana das Músicas do Audiovisual. Un festival singular que, baixo a batuta do compositor Nani García, daba protagonismo ás músicas para cine, televisión e outros medios audiovisuais. O obxectivo, difundir as mellores composicións en cada xénero e ampliar a formación de profesionais e persoas interesadas na composición, produción e interpretación deste tipo de música que todo o mundo escoita, pero que non sempre consegue a atención directa do ouvinte.

Fotos: Óscar Corral

O prato forte desta actividade foi o concerto “Bandas sonoras do cinema español: As nosas músicas”, que ateigou o auditorio do Pazo da Cultura de Narón o venres 1 de decembro. Nel a Orquestra Sinfónica de Galicia interpretou algunha das principais partituras para cine e televisión escritas en Galicia durante os últimos anos de compositores como Xavi Font (“Vidago Palace”), Manuel Riveiro (“O final do camiño”), Arturo Kress (“O bosque animado”) ou o propio Nani García (“Engurras”). Os 4 autores estiveron presentes neste concerto, que estivo precedido dun café-coloquio no que puideron compartir impresións.

O concerto e a semana dedicáronlle este ano una especial atención á figura de Fernando Velázquez, autor referencial no ámbito estatal, que dirixiu este concerto de Narón incluíndo algunhas das súas obras no programa. O compositor participou de forma moi activa durante a semana, levando a cabo a gravación, aberta aos académicos e profesionais, da banda sonora da película “Los futbolísimos” coa Orquestra Sinfónica de Galicia no Pazo da Ópera da Coruña, xunto ao enxeñeiro de son Marc Blanes, e coa presenza do director do filme, Miguel Ángel Lamata. Tamén mantivo un encontro aberto ao público do mundo da música de cine.

Compositor de música de concerto, cinema e televisión,  o primeiro traballo de Fernando Velázquez con gran repercusión foi a banda sonora de “El Orfanato”. Entre as súas partituras para cine podemos destacar “Mamá”, “Crimson Peak”, “Lo Imposible”, “Hércules”, “Ocho apellidos vascos”, así como numerosas películas independentes, como “Babycall”, “El guardián invisible”, “Gernika”, “Zipi y Zape y el club de la canica” ou “Los ojos de Julia”. A súa partitura de “Un monstruo viene a verme” fíxolle recibir os premios Goya, Feroz e a Medalla do Círculo de Escritores Cinematográficos en 2017. Tamén foi nomeado como compositor do ano 2016 pola Asociación de Críticos Internacionais de Música de Cinema.

A outra pata fundamental da Semana das Músicas do Audiovisual foron os obradoiros e masterclasses para profesionais ou especialistas da música, impartidos ao longo de toda a semana na Coruña (Fundación Paideia) e en Santiago (Fundación SGAE).

Luis Ivars impartiu unha masterclass sobre os dereitos de autor nas músicas do audiovisual, de especial interese para produtores e directores, ademais de para músicos. Nela analizouse quen, como e onde se defende o valor intelectual e económico da obra audiovisual, e tamén se botou un ollo aos novos cambios na lei de propiedade intelectual a nivel europeo e as modificacións derivadas dos novos dereitos que emanan do uso da web, entre outras cousas.

Vanessa Garde ofreceu unha clase sobre “Tecnoloxía e creatividade na produción musical”, na que se deu un repaso ao uso da tecnoloxía e da innovación nos sistemas de composición de músicas para o audiovisual, desde os máis simples aos máis complexos, para impulsar a creatividade na produción musical.

A organización desta edición da SEMUA contou co patrocinio da Concellaría de Culturas da Coruña, da Deputación da Coruña, da Fundación Paideia e de Cafés Candelas.


Novos modelos profesionais para o audiovisual

O Paraninfo da Universidade da Coruña acolleu o pasado 9 de novembro o encontro “Novos modelos profesionais para o audiovisual”, no que creativos do sector, xunto con empresas produtoras, axencias de publicidade e marcas, afondaron nas distintas posibilidades de traballo que os novos medios están traendo para a industria audiovisual, máis alá dos soportes tradicionais do cine e a televisión.

O concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, abriu esta xornada que organiza a súa concellaría a través do recén creado Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación (LAIC), dentro do programa Coruña Dixital, en cuxa organización colaborou tamén a Academia Galega do Audiovisual. O obxectivo do Encontro era coñecer de cerca o novo escenario no que moitos profesionais están empezando a traballar, que é a produción audiovisual deseñada para a difusión en internet, con fins promocionais ou comerciais, e moitas veces encargada directamente polas propias marcas.

A sesión matinal dividiuse en dous paneis. O primeiro, co título “A quen lle vendo o meu traballo? Novos formatos, novos clientes, novos mercados”, reuniu a creadoras, realizadores e produtores audiovisuais como Álvaro P. Becerra (Ainé Producións), Isabel Vilacreadora gráfica e animadoraJS Raimundi (Ziwa Estudio Audiovisual) e Adolfo Ponte Velasco (Milana Bonita Producciones), nunha mesa moderada polo presidente da Academia, o guionista Carlos Ares.

Vídeo íntegro do panel:

A continuación, no panel “Máis alá do spot: o vídeo na publicidade dixital. Formatos e soportes” foron as marcas e as axencias de marketing online as que tomaron a palabra para dar a visión desde o outro lado deste ecosistema, o que xera a demanda de creación de vídeo en internet. Falaron Gabriel Barrós, director de comunicación do RC Deportivo da CoruñaDavid Fernández, brand manager de Cabreiroá, e Fátima Carmena, directora de proxectos de Nasas, axencia creativa de marketing online.

Vídeo íntegro do panel:

A xornada continuou pola tarde cunha sesión de speed-dating na que 10 creadores e 10 empresas puideron conversar durante 10 minutos para coñecerse, ofrecer servizos e explicar as súas necesidades. E pechouse cun coloquio sobre as condicións profesionais deste sector emerxente, no que se identificaron e propuxeron boas prácticas a seguir por clientes, axencias, produtoras, e profesionais asalariados e autónomos.


Premios María Luz Morales

A Academia convocou este ano os primeiros premios María Luz Morales de ensaio, co propósito de incentivar a investigación en galego sobre a cultura audiovisual. Coa colaboración das catro deputacións, os premios outorgáronse en dúas categorías, audiovisual galego e audiovisual internacional, e dúas modalidades: o ensaio escrito e o videoensaio. Presentamos aquí os traballos gañadores.

Fotos: Fran Martínez

A Academia Galega do Audiovisual entregou o pasado 7 de xuño na Deputación da Coruña os primeiros premios María Luz Morales, que promoven a investigación científica no ámbito audiovisual, destacando cun galardón e 1.200 euros  dous videoensaios e dous ensaios escritos asinados por cinco novísimos investigadores galegos, nunha iniciativa pioneira que contou coa participación das catro deputacións.

O coruñés Cibrán Tenreiro gañou o Premio ao mellor Ensaio Escrito Galego con “Equilibrios precarios. Unha aproximación aos vídeos dunha escena underground galega”, que foi o mellor valorado, en palabras do xurado, «polo enfoque novidoso dun tema pouco coñecido e polo rigor no tratamento». O xurado considerou merecedor dun accésit o ensaio escrito por Brais Romero O galego no cinema galego”, que remarca a importancia e a responsabilidade institucional a respecto de afondar sobre o uso do galego nas producións cinematográficas.

A lucense Noelia Álvarez e a ourensá Nazaré Estévez recolleron o Premio ao mellor Ensaio Escrito Internacional con “Análise da representación da muller no cinema español da última década”, que ven cubrir a necesidade dun discurso de xénero na análise do tratamento da muller no cinema español.

O ferrolán Brais Romero tamén gañou o Premio ao mellor Vídeo Ensaio Galego con “Films From Galicia?”, que ofrece unha visión crítica e combativa na marxinación do idioma galego na produción audiovisual do noso país e do que o xurado destacou «a calidade na realización do videoensaio, cun tratamento sonoro moi expresivo».

A vilalbesa Denisse Lozano gañou o Premio ao mellor Vídeo Ensaio Internacional con “A cámara perseguidora. Orixe e intención dos planos de seguimento”, que analiza un elemento estilístico e a súa relación co cine de intención social.

O acto de entrega contou coa participación de Margarita Ledo, en representación do xurado, do que tamén forman parte o xornalista Ángel Suanzes e mais o guionista e crítico de cine Daniel Domínguez; Carlos Ares, María Yáñez e Manolo González, en representación da Academia Galega do Audiovisual; Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña; Pilar García Porto, deputada de Cultura da Deputación de Lugo; Manuel Doval, deputado de Cultura da Deputación de Ourense; Xosé Leal, deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra; e José Manuel Sande, concelleiro de Culturas do Concello da Coruña.

Os premios María Luz Morales pretenden avivar o interese polos estudos sobre o audiovisual, ofrecendo ás persoas estudosas e investigadoras a posibilidade de facer os seus traballos tanto en formato audiovisual como escrito. Nesta primeira edición recibíronse 21 propostas coas temáticas e estilos máis diversos. Segundo asegurou Margarita Ledo no acto de entrega, o xurado valorou criterios como a existencia dunha voz propia e a actitude crítica, a independencia profesional, a perspectiva de xénero e a consciencia de pertenza a un determinado país, inspirados pola propia figura de María Luz Morales, unha xornalista galega que foi pioneira no Estado, ao converterse na primeira directora dun xornal diario, e que exerceu como crítica, investigadora e colaboradora de producións audiovisuais. Morales foi tamén un referente na defensa dos dereitos das mulleres e no galeguismo, represaliada e apartada da profesión durante o franquismo.

A segunda edición destes premios xa está en marcha, coa convocatoria aberta e as bases publicadas. Os traballos pódense enviar ata o 7 de maio, seguindo as instrucións na web da Academia.  O acto de entrega farase en xuño de 2018, coa Deputación de Lugo como anfitrioa.

A continuación publicamos os traballos gañadores, xunto co accésit, que non tivo premio pero si proposta de publicación por parte do xurado.


2017 na Academia

Ademáis da celebración dos XV Premios Mestre Mateo, dos I Premios María Luz Morales, da Semana das Músicas do Audiovisual ou o Encontro de Academias da Península, a AGA tivo outras actividades e feitos noticiables durante o 2017, que resumimos a continuación.

Renovación da xunta directiva

Na asamblea ordinaria e electoral celebrada o venres 16 de xuño saíu elixida por aclamación a xunta directiva que rexerá a vida da Academia os vindeiros dous anos. Repite o equipo directivo que está presidido por Carlos Ares, sendo vicepresidentes Tamara Canosa e Nani García, e acompañados por Antonio Durán “Morris”, Manolo González, Luisa Romeo e María Vázquez, coas novas incorporacións de Ana Míguez, Olga Osorio e Susana Veira.

Base de datos do sector

A Academia continúa a traballa na Base de datos do sector audiovisual galego, un ambicioso proxecto destinado á consulta aberta de datos relativos a obras, intérpretes, produtoras, directores, equipas técnicas da historia recente do cine e da televisión en Galicia. Prevese a súa publicación para o primeiro semestre do 2018.

Encontros Mestre Mateo

Nas semanas previas á gala dos Premios Mestre Mateo leváronse a cabo estes encontros, onde os finalistas en distintas categorías de producións e profesionais desta XV edición visitaron as escolas de audiovisual de Galicia para un coloquio cos futuros profesionais do sector. Desde hai sete anos os Encontros veñen sendo das actividades máis exitosas e demandadas polas escolas, ao ofrecer aos estudantes a posibilidade de coñecer de primeira man a realidade da profesión a través da conversa cos candidatos.

Comparecencia no Congreso

O presidente da Academia, Carlos Ares participou o 6 de outubro na rolda de comparecencias de creadores ante Subcomisión da Elaboración do Estatuto do Traballador da Cultura no Congreso dos Deputados. Aquí pódese ver o texto íntegro da súa comparecencia.

Premios Gaudí

O Salón Teatro de Compostela acolleu no mes de outubro as proxeccións das películas gañadoras na pasada edición dos Premios Gaudí, entre as que se atopan “Un monstruo viene a verme”, de J. A. Bayona, que acadou oito galardóns, e “La propera pell” (A próxima pel), que conseguiu o de mellor película, mellor guión e mellor protagonista feminina para Emma Suárez. O ciclo estivo organizado pola Academia Galega do Audiovisual, en colaboración coa Acadèmia del Cinema Català e co Centro Dramático Galego.

Novo acordo de colaboración co Concello da Coruña

O Concello da Coruña destinou unha nova partida 75.000 euros para promocionar o cine na cidade a través da Academia Galega do Audiovisual, coa que asinou un acordo de colaboración para levar a cabo un programa de apoio para cineastas e para a industria audiovisual en xeral. O plan pretende contribuír á difusión de producións locais, ademais de axudar aos organizadores de festivais e ao desenvolvemento de proxectos, co obxectivo de contribuír a dar visibilidade ao audiovisual da Coruña e do resto de Galicia.

Un día de cine

A Deputación da Coruña entregou un recoñecemento ás boas prácticas en educación e cultura inclusiva do proxecto Un día de cine, promovido pola a Asociación Proxecto Máscaras, e esta decidiu compartir o premio coas entidades que axudaron a levalo a cabo. Entre elas, a Academia Galega do Audiovisual, que recolleu o seu anaquiño do galardón xunto coa Fundación e a empresa Emalcsa, o Museo de Ciencia e Tecnoloxía de A Coruña (Muncyt), o Colexio Plurilingüe Calasancias e o Club do Ocio Finisterre.  Este recoñecemento quere salientar o papel das institucións e das persoas que coa súa colaboración fomentan a acción voluntaria e a implicación, prototipando novas realidades baseadas na inclusión e na igualdade para a evolución da sociedade.


Un ano de festivais

Cada ano distintas localidades galegas dan acollida ás mellores producións audiovisuais feitas en Galicia e no mundo, no ámbito da longametraxe, da curta, do documental, da animación, do cinema experimental, das webseries… Repasamos os palmarés dos principais certames do país. 

Festival Internacional de Cine de Ourense

  • MELLOR FILME DA COMPETICIÓN IBEROAMERICANA. “La vendedora de fósforos”, de Alejo Moguillansky.
  • PREMIO “CARLOS VELO” Á MELLOR DIRECCIÓN DA COMPETICIÓN IBEROAMERICANA. Chris Gude, director de “Mariana”. Mención especial a “La noche polar”, de Florencia Romano.
  • MELLOR FILME DA COMPETICIÓN OPERAS PRIMAS.”Baronesa”, de Juliana. Antunes. Mención especial a “69 minutes of 86 days”, de Egil Håskjold Larsen.
  • PREMIO DO XURADO DO CINECLUBE PADRE FEIJOO. “Baronesa”, de Juliana Antunes.
  • PREMIO DO XURADO UNIVERSITARIO. Vermelho Russo”, de Charly Braun.
  • PREMIO DO PÚBLICO.”Las Cinéphilas”, de María Álvarez.

Festival de Cans

  • PREMIO DE HONRA PEDIGREE’17. Miguel de Lira.
  • PREMIO DO XURADO Á MELLOR CURTAMETRAXE DE IMAXE REAL. AAVA, de Andrea Zapata-Girau.
  • PREMIO DO XURADO Á MELLOR CURTAMETRAXE DE ANIMACIÓN. “Decorado”, de Alberto Vázquez. Mención especial do xurado:  “Lago Sabroso”, de Borja Santomé.
  • PREMIO DO PÚBLICO Á MELLOR CURTAMETRAXE. “Einstein-Rosen”, de Olga Osorio.
  • PREMIO ESPECIAL DO XURADO DOS VECIÑOS Á MELLOR CURTAMETRAXE. “Volant”, de Raquel Pérez.
  • PREMIO AISGE DO XURADO Á MELLOR INTERPRETACIÓN FEMININA. Arantxa Aranguren por “La Madrina”.
  • PREMIO AISGE DO XURADO Á MELLOR INTERPRETACIÓN MASCULINA. Ricardo de Barreiro e Xulio Abonjo (ex aequo) por “Einstein-Rosen”.
  • PREMIO CREA DO XURADO Á MELLOR DIRECCIÓN. Andrea Zapata-Girau por “AAVA”.
  • PREMIO AGAG DO XURADO AO MELLOR GUIÓN. “Einstein-Rosen”, de Olga Osorio.
  • PREMIO DO XURADO Á MELLOR BANDA SONORA ORIXINAL. Manuel Riveiro por “The Magic Oven”.
  • PREMIO GIA INMOBILIARIA DO XURADO AO MELLOR VIDEOCLIP. “Mi Re La”, de Oh! Ayatollah, realizado por Xaime e Antón Miranda.
  • PREMIO DO PÚBLICO AO MELLOR VIDEOCLIP. “Restos de un naufragio”, de Igloo, realizado por Fran X. Rodríguez.

Play-Doc (Tui)

  • PREMIO PLAY-DOC 2017. “Ama-San”, de Cláudia Vairejão (Portugal).

Novos Cinemas (Pontevedra)

  • PREMIO NOVOS CINEMAS MARQUÉS DE VIZHOJA Á MELLOR LONGAMETRAXE. “Le Parc”, de Damien Manivel. Mención a “I Tempi Felici Verranno Presto”, de Alessandro Comodin
  • PREMIO XURADO NOVO CAFÉ SABORA. “Occidental”, de Neïl Beloufa
  • PREMIO DO PÚBLICO ‘CINEMAS DE GALICIA’. “Estiu 1993” de Carla Simón

Carballo Interplay

  • MELLOR WEBSERIE DE IMAXE REAL. “A todo riesgo”. Mención especial do xurado para “Te quiero, yo tampoco”.
  • MELLOR WEBSERIE DE ANIMACIÓN. “Pesame Street”.
  • MELLOR WEBSERIE INTERNACIONAL. “You’re next” (Israel). Mención especial do xurado para “Si me volviera a enamorar” (Arxentina).
  • MELLOR WEBSERIE EN VERSIÓN ORIXINAL EN GALEGO. “Teño unha horta en San Sadurniño”.
  • PREMIO ‘CREA’ Á MELLOR DIRECCIÓN. Álex Rodrigo, por “El Partido 2”.
  • PREMIO ‘AGAG’ AO MELLOR GUIÓN. Hilario Abad e José Luis Bustillo, por “Caniville”.
  • PREMIO Á MELLOR ACTRIZ. Teresa Cuesta, por “El show de Teresa Cuesta”.
  • PREMIO AO MELLOR ACTOR. Miguel Lago Casal, por “A todo riesgo”.
  • PREMIO DO PÚBLICO. “Pésame Street”.
  • PREMIO AO MELLOR PROXECTO DE WEBSERIE EN GALEGO. “Hai vida en Bran?”.

Curtocircuito (Santiago de Compostela)

  • PREMIO RADAR. “Find, Fix, Finish” de Mila Zhluktenko e Sylvain Cruiziat (Alemaña). Mención especial: “Les Iles” de Yann Gonzalez (Francia).
  • PREMIO EXPLORA. Y Berá. aguas de luz” de Sarah Jessica Rinland (Arxentina). Dúas mencións especiais: “On generation and corruption” de Takashi Makino (Xapón) e “I don´t think I can see an island” de Christopher Becks e Emmanuel Lefrant (Francia).
  • PREMIO GALIZA. Aysha” de Fon Cortizo.
  • PREMIO PENÍNSULAS RC SERVICE. Contact” de Alessandro Novelli.
  • PREMIO XURADO CREA. La mujer invisible de Noemí Chantada  (Galicia).
  • PREMIO XURADO AGAG. Aysha” de Fon Cortizo (Galicia). Mención especial: “La mujer invisible” de Noemí Chantada (Galicia).
  • PREMIO XURADO CAMIRA. Flores” de Jorge Jácome (Portugal). Mención especial: “Indefinite pitch” de James Kienitz Wilkins (Estados Unidos).
  • XURADO NOVO. Nyo Vweta Nafta” de Ico Costa (Mozambique, Portugal). Mencións especiais: “Rapa das bestas” de Jaione Camborda (Galicia) e “Farpões Baldios” de Marta Mateus (Portugal).
  • PREMIO DO PÚBLICO. La mujer invisible” de Noemí Chantada  (Galicia).
  • PREMIO CRIATURAS. Big Boom” de Marat Narimanov (Rusia).
  • OUTRA COMPOSTELA. “Tapias” de Sergio Rois Roo, Carlos Iglesias Losada, Paula González Álvarez, Javier Blanco Armada e Javier González Sobrado.

Primavera do cine

  • PREMIO DO PÚBLICO Á MELLOR LONGA GALEGA. “O tempo futuro”, de Xoán Escudero
  • PREMIO DO XURADO Á MELLOR LONGA GALEGA. “Os días afogados”, de César Souto e Luis Avilés
  • PREMIO DO XURADO Á MELLOR LONGA LUSÓFONA. “Mataram nossos filhos”, de Susanna Lira
  • PREMIO DO PÚBLICO Á MELLOR LONGA LUSÓFONA: “Viagem a Portugal”, de Sérgio Tréfaut
  • MELLOR CURTA GALEGA. “Einstein-Rosen”, de Olga Osorio
  • MELLOR CURTA DE ANIMACIÓN. “Decorado”, de Alberto Vázquez
  • MELLOR CURTA LUSÓFONA. “A instalação do medo”, de Ricardo Leite
  • MELLOR VIDEOCLIP. “Bang Bang” de Alberto Lora

Semana de Cine de Autor de Lugo

  • PREMIO DO PÚBLICO Á MELLOR PELÍCULA DA SECCIÓN OFICIAL. “Bajo la rosa”, de Josué Ramos
  • PREMIO DO XURADO Á MELLOR PELÍCULA DOCUMENTAL. “Lordemani”, de Pedro Revaldería
  • PREMIO DO XURADO Á MELLOR PELÍCULA GALEGA. “Esquece Monelos”, de Ángeles Huerta
  • PREMIO DO XURADO Á MELLOR CURTAMETRAXE GALEGA. “Einstein-Rosen”, de Olga Osorio
  • PREMIO DO PÚBLICO Á MELLOR CURTAMETRAXE. “Campeón”, de Hugo de la Riva.

MICE – Mostra de Cinema Etnográfico

  • PREMIO DO XURADO. “L’eau sacrée”, de Olivier Jourdain (Bélxica)
  • PREMIO DO PÚBLICO. “L’eau sacrée2, de Olivier Jourdain (Bélxica)
  • MELLOR PELÍCULA GALEGA. “Esquece Monelos”, de Ángeles Huerta

Animacam

  • MELLOR CURTAMETRAXE DE ANIMACIÓN. “Roller Monster”, de Manu Gómez (Bélxica)
  • PREMIO DO PÚBLICO. “The Mechanical Waltz”, de Julien Dykmans (Bélxica)

Mostra de Curtas de Noia

  • PREMIO MELLOR CURTAMETRAXE. Ex aequo para Rodrigo Sorogoyen por “Madre” e Pablo Muñoz Gómez por “Kapitalistis”
  • PREMIO MELLOR CURTAMETRAXE DE ANIMACIÓN. Diego Porral Soldevilla por “Un día en el parque “
  • PREMIO ‘XOSÉ OLVEIRA PICO’ AO MELLOR ACTOR. Alfonso Lara por “Los hombres de verdad no lloran”
  • PREMIO MELLOR ACTRIZ. Nathalie Poza por “Australia”
  • PREMIO MELLOR DIRECCIÓN. Rodrigo Sorogoyen por “Madre”
  • PREMIO MELLOR GUIÓN. Julian Merino por “The App”
  • PREMIO ‘CAFÉ BAR BABILONIA’ Á MELLOR BANDA SONORA. Héctor Pérez por “La Dama de Sal”
  • PREMIO CURTA CORUÑA AMATEUR. Javier Rodríguez e Luis P.Martínez por “Tr3s”
  • PREMIO ESPECIAL DO PÚBLICO. Victor E.D. Somoza por “Ni una sóla línea”
  • PREMIO DE HONRA DA MOSTRA. María Bouzas

FKM: Festival de cine fantástico da Coruña

  • CONCURSO INTERNACIONAL DE LONGAMETRAXES ÓPERA PRIMA FKM 2017. PREMIO DO XURADO: “Sweet Virginia”, de Jamie Dagg. PREMIO DO PÚBLICO: “Ícaros: a Visión”, de Leonor Carballo e Matteo Norzi
  • CONCURSO INTERNACIONAL DE CURTAMETRAXES FKM 2017. PREMIO DO XURADO: “Fucking Bunnies”, de Saatanan Kanit. PREMIO DO PÚBLICO: “Rip”, de Albert Pintó e Cage Casas
  • CONCURSO INTERNACIONAL DE GUIÓNS DE CURTAMETRAXES FKM 2017. Premio compartido: “Amor Infinito”, de Sergio Trillo Rama e “Perdidas”, de Carlota Dans e Nico Frasquet
  • CONCURSO INTERNACIONAL DE CURTAMETRAXES “CINEMA FETUS” DEDICADO A CURTAS EXPERIMENTAIS DE BAIXO ORZAMENTO. Premio: “Radio Deskontrol”, de Diego López Curros
  • MELLOR GUIÓN. “Woman Who Kill”, de Ingrid Jungermann
  • MELLOR BANDA SONORA. “Woman Who Kill”, de Ingrid Jungermann
  • MELLORES EFECTOS ESPECIAIS. “Housewife”, de Can Evrenol
  • MELLOR CARTEL. “Woman Who Kill” de Ingrid Jungermann

FIC BUEU

  • ÁNFORA DE OURO. “Fox”, de Jacqueline Lentzou (Grecia)
  • ÁNFORA DE PRATA. “Ruah”, de Flurin Giger (Suíza)
  • PREMIO DO PÚBLICO: “Timecode”, de Juanjo Giménez (España)
  • MELLOR CURTAMETRAXE GALEGA: “Néboa”, de Claudia Costafreda
  • MELLOR CURTAMETRAXE ESPAÑOLA: “La disco resplandece”, de Chema García Ibarra
  • MELLOR DIRECCIÓN: Luz Olivares por “Wald der echos” (Austria)
  • MELLOR GUIÓN: Alberto Taibo por “Leni K.” (España)
  • MELLOR ACTRIZ: Nina Mazodier por “Un grand silence” (Francia/Bélxica)
  • MENCIÓN MELLOR ACTRIZ: Lila Gueneau por “Cléo” (Francia)
  • MELLOR ACTOR: Amjad Prawej por “Disco Obu” (India/Singapur/USA)
  • MENCIÓN MELLOR ACTOR: Tin Vulovic por “Srečno, Orlo!” (Eslovenia/Austria/Croacia)
  • MELLOR FOTOGRAFÍA: “La plage” (Francia)
  • MELLOR DIRECCIÓN ARTÍSTICA: “Irregulars” (Italia)
  • MELLOR VESTIARIO: “Dadyaa” (Nepal/Francia)
  • MELLOR MAQUILLAXE/PEITEADO: “Ses souffles” (Francia)
  • MELLOR SON: ‘Valparaiso” (Italia)
  • MELLOR MONTAXE: “Samedi” (Francia)
  • MELLOR MÚSICA: “Bier & Calippo” (Austria)

Festival Curtas de Vilagarcía

Curtametraxes:

  • MELLOR CURTA DE ANIMACIÓN. “In A Heartbeat”, de Beth David e Esteban Bravo (USA)
  • MELLOR CURTA GALEGA. “O Rebelde”, de Oscar Doviso
  • MELLOR CURTA INTERNACIONAL. “Le Mécène”, de Lionel Auguste (Francia)
  • MELLOR DIRECTORA GALEGA. Noelia Muíño por “El Visitante”

Longametraxes:

  • MELLOR PELÍCULA. “A Mãe É Que Sabe”, de Nuno Rocha (Portugal)
  • MELLOR DIRECTOR. Nuno Rocha por “A Mãe É Que Sabe” (Portugal)
  • MELLOR GUIÓN. Alberto Utrera, Sergio Granda e Carlos Soria por “Smoking Club” (España)
  • MELLOR INTERPRETACIÓN. Rodrigo Poison por “Smoking Club” (España)
  • PREMIO ESPECIAL DO XURADO. “Marisa En Los Bosques”, de Antonio Morales (España)
  • PREMIO DO PÚBLICO. “Smoking Club”, de Alberto Utrera (España)

FanCine de Lemos

  • PREMIO DO XURADO. “iMedium”, de Alfonso García
  • MENCIÓN ESPECIAL DO XURADO. “El sueño espacial”, de Ignacio Malagón, e “Cavalls Morts”, de Marc Riba e Anna Solanas.
  • PREMIO DO PÚBLICO. “The app”, de Julián Merino
  • PREMIO ALGUEIRA Á MELLOR CURTA GALEGA. “Einstein-Rosen” de Olga Osorio

Redondela en Curto

  • PREMIO DO XURADO. “Baraka”, de Néstor Ruiz Medina.
  • PREMIO DO PÚBLICO. “17 años juntos”, de Javier Fesser.
  • PREMIO DO PÚBLICO SECCIÓN ‘ANDAINA’. “Ni dos ni cuatro”, de Sergi González.
  • PREMIO DEL PÚBLICO SECCIÓN ‘CINE GALEGO’. “Superpunky ”, de Pablo Cacheda de Paz.
  • PREMIO DEL PÚBLICO SECCIÓN ‘CURTÍSIMAS’. ”Estribillo”, de César Tormo.


2018: O que vai vir

Agárdanos un 2018 cargado de estreas e rodaxes potentes no noso cine e na televisión: dende produtos moi ambiciosos como a serie “Fariña”, de Bambú Producciones, ou a nova longa de Dani de la Torre, “A sombra da lei”, ao novo de Lois Patiño, Anxos Fazáns e Xacio Baño. Tamén novas rodaxes de Óliver Laxe, Eloy Enciso, Isabel Auguavives e Alfonso Zarauza, o debut Pedro C. Alonso no cinema con Vaca Films, a esperada rodaxe da serie dos irmáns Coira “Hierro” e, na animación, o regreso do equipo de “Enrugas” para estrear “Memorias dun home en pixama”, no mesmo ano en que poderemos ver “Día de Mortos” e no que nunca un director galego tivemos máis perto de levar un Oscar. Conseguirá “Psiconautas” ser finalista nos premios da Academia de Hollywood?

Fariña: un equipo galego á conquista do prime-time estatal

Unha rodaxe de case seis meses na costa galega, un elenco coral composto por Javier Rey, Tamar Novas, Marta Larralde, Carlos Blanco, Morris, Cristina Iglesias, Celso Bugallo, Xosé Antonio Touriñán, Fran Lareu e ata 120 actores case todos galegos, igual que o director, Carlos Sedes, o equipo técnico, a produtora (Bambú) e o libro do que parte, “Fariña”, o relato xornalístico no que o coruñés Nacho Carretero contou para o gran público a historia do narcotráfico en Galicia, ao mesmo tempo que a serie “Narcos” arrasaba en Netflix.

Confluíron todos estes elementos para que o produtor Ramón Campos, que xa escribira o guión do telefilme “Entre Bateas” (Jorge Coira, 2003) contando a historia de dous rapaces da Arousa que poderían ser Sito Miñanco e Laureano Oubiña, se animase a poñer en marcha esta ambiciosa produción que se esterá nos vindeiros meses en Antena 3. As fotos que trascenderon da rodaxe e da caracterización dos actores (especialmente Morris como Manuel Charlín), a ambientación na Galicia os anos 80, así como a enerxía que transmitía nas redes o seu equipo artístico, dan moitas ganas de que chegue esta estrea.

A sombra da lei: un thriller de gangsters dos anos 20 rodado en varias cidades galegas

Outra das rodaxes importantes do 2017 foi a da nova longametraxe de Dani de la Torre (“El desconocido”), producida de novo por Vaca Films, coa coprodución tamén de Atresmedia. Esta historia ambientada en 1921 foi filmada durante 8 semanas, primeiro en Barcelona e despois en Lugo, Monforte, Pontevedra, A Coruña e Santiago de Compostela, con máis de 80 decorados de época. No reparto, Luis Tosar, Michelle Jenner, Vicente Romero, Ernesto Alterio, Paco Tous e Manolo Solo para dar vida a un guión escrito por Patxi Amezcúa (“Atrapa la bandera”) sobre os convulsos anos 20 do século pasado en España, con violentos enfrontamentos nas rúas entre matóns e anarquistas. Un ‘thriller’ de época para o que Dani de la Torre se mergulla no mundo dos gángsters, aproveitando de novo a súa terra como plató para contar unha historia chea de acción e suspense. A súa estrea está prevista para finais do próximo verán.

Trote, a posta de ‘longa’ de Xacio Baño

Logo de ser recoñecido como un dos nosos cineastas máis estimulantes, só co seu traballo en curtas como “Anacos”, “Ser e voltar” ou “Eco”, Xacio Baño enfrontouse o pasado verán á rodaxe da súa primeira longametraxe, producida por Frida Films (“María y los demás”). “Trote” conta a historia de María, unha muller duns trinta anos que se atopa nun punto vital no que debe decidir se comportarse como se espera que faga ou sacar o seu lado animal e  escapar. Co curro da rapa das bestas de Amil como pano de fondo, esta historia familiar e de poucos personaxes promete ofrecernos grandes interpretacións tanto da súa actriz protagonista, María Vázquez, como de Diego Anido, Celso Bugallo e Tamara Canosa, que completan o reparto. O filme, rodado en galego, estrearase con probabilidade en San Sebastián, xa que foi no marco dese festival onde Xacio Baño puido completar a escrita do guión, dentro do programa de residencias Ikusmira Berriak.

As estreas que veñen

Outra das longametraxes máis agardadas deste 2018 é Tempo vertical, de Lois Patiño, rodada na primavera pasada entre terras de Monforte e Camariñas. Producida por Zeitun Films e Amanita Films, o filme está a medio camiño entre a ficción e o documental e protagonízano tres actrices non profesionais que encarnan a tres mulleres capaces de moverse mentres o tempo semella suspendido. Está por ver se a nova cinta de Patiño logra, quizais, estrearse en Locarno, certame onde a súa anterior longa, Costa da Morte, iniciou un espectacular percorrido por festivais de todo o mundo, que oxalá se poida repetir con “Tempo vertical”.

Pendentes tamén de estrea, aínda que xa en plena fase de festivais, son “A estación violenta” o debut na longametraxe de Anxos Fazáns, producida por Matriuska, que se puido ver no Festival de Sevilla; “Dhogs”, de Andrés Goteira, que foi unha das sorpresas nos últimos festivais de cine de Bos Aires (o prestixioso Bafici) e en Sitges; e “Trinta lumes”, de Diana Toucedo, que abriu este ano o OUFF, rodada nas montañas do Courel. A distribución destas tres fitas en salas comerciais é aínda unha incógnita, pero o seu éxito nestes primeiros festivais augúralles un percorrido interesante.

Polo de agora as tres entrarán na carreira polo premio á mellor longametraxe nos Mestre Mateo 18, xunto coa ópera prima das irmás Sonia e Míriam Albert-Sobrino (Also Sisters) “A historia dun satélite”, e as películas para televisión “Os fillos do sol”, producida por Portocabo coa dirección de Ramón Costafreda e Kike Ruiz Claverol, e mais  “Juana de Vega, vizcondesa do arado, de Zenit Televisión estreada xa pola Televisión de Galicia.

No capítulo de tv-movies pendentes de estrea, temos a mencionada “Fillos do sol” e tamén a miniserie Contou Rosalía”, o último traballo de Zaza Ceballos, especializada nos últimos anos en levar á pequena pantalla as biografías de mulleres destacadas do noso país. “Contou Rosalía” é a primeira ficción que conta a vida de Rosalía de Castro, a quen interpreta Melania Cruz, con Fran Lareu no papel de Manuel Murguía.

Tamén prepara a súa distribución a longametraxe de ficción “Nove de novembro”, o primeiro filme en galego que centra a súa historia na comunidade LGBTI. Esta historia de desamor ambientada en 1989 supón a ópera prima de Lázaro Louzao, rodouse na Coruña e na Mariña lucense e está protagonizada por Brais Yanek, Ademar Silvoso e Sabela Arán. Produciuna Costura Films cun forte empurrón de microfinanciamento en Verkami. 

No terreo da non ficción, presentouse hai unhas semanas no festival de Xixón Nocturno, unha longametraxe dirixida por Álvaro Fernández Pulpeiro (Foz, 1990) que retrata a convivencia deste novo cineasta cos mariñeiros do pesqueiro Ilha Brava, de bandeira portuguesa, con capitán galego e traballadores indonesios e senegaleses. Este filme supón a primeira incursión na produción de longametraxes de A Cuarta Parede Films, unha produtora irmá da publicación de crítica de cine A Cuarta Parede, impulsada por Víctor Paz e o propio Fernández Pulpeiro.

Temos varios documentais moi agardados pendentes de estrearse neste 2018, como son Versogramas, o traballo de Esferobite canda Celia Parra que explora o xénero da vídeopoesía cunha perspectiva galega e internacional; “Nación de Muchachos”, o documental no que Javi Camino reconstrúe a historia do Circo de los Muchachos a partir dunha inxente cantidade de material de arquivo; ou “A batalla descoñecida”, de Paula Cons, que indaga no que se coñece como a ‘batalla do volframio’ durante a Segunda Guerra Mundial, nun traballo que competiu na pasada edición da Seminci e que continúa a pesquisa documental iniciada para a película “Lobos Sucios” de Simón Casal, tamén producida por Agallas Films,

E está a piques de estrearse, en plataformas dixitais, “Santoalla”, o documental norteamericano que narra en clave de thriller as circunstancias da desaparición e morte do holandés Martin Verfondern hai uns anos en Petín de Valdeorras, xusto na aldea onde se rodou “Sempre Xonxa”. Outro documental ao que lle agarda un interesante percorrido internacional é “Post-Truth Times: We the media”, o filme no que Héctor Carré dá un repaso ao que significa o xornalismo en tempos da post-verdade, e que se puido ver xa no OUFF e no Raindance de Londres.

Tamén se puido ver este outono en Valladolid e en Ourense “Entre la ola y la roca”, longametraxe documental, que segue as vidas de varios percebeiros na Costa da Morte, feita por un grupo de estudantes da ESCAC co director Manuel Lógar á fronte. Pola súa parte, Social Docs está coa postprodución de “O desafío do Sil”, un documental sobre os encoros construídos no río Sil a mediados do século pasado, dirixido por Domingo Díaz. Esta produtora prepara tamén un documental sobre a vida de Tomás Fábregas, activista coruñés que loitou contra o SIDA nos Estados Unidos ata a súa morte por esta enfermidade en 1994.  E Frida Films coproduce “Gallo”, a ópera prima de Antonio Díaz Huerta, un documental sobre un surfista cego, Aitor Francesena, que acaba de finalizar parte da súa rodaxe en San Diego (California).

Probablemente o 2018 sexa un ano importante para animación galega, coa posible candidatura de “Psiconautas, os nenos esquecidos”, de Alberto Vázquez, aos Oscar de Hollywood. Polo pronto xa entrou na shortlist das 26 longas de animación que poderán votar os académicos. Outros pesos pesados como son o equipo de “Engurras” volven á carga con “Memorias dun home en pixama”, que adapta o cómic homónimo de Paco Roca, nesta ocasión co vigués Carlos Fernández na dirección, producida entre outros por Manuel Cristóbal e Ángel de la Cruz, tamén coguionista. A película combina un 80% de animación cun 20% de imaxe real, na que Raúl Arévalo e María Castro encarnan os protagonistas desta comedia romántica sobre as relacións de parella, afastadas dos patróns convencionais.

Agardamos tamén a nova longametraxe de animación de Ficción Producciones, “Dia de Mortos” con Carlos Gutiérrez e Mamen Quintas na dirección e na produción executiva, respectivamente. Un filme para toda a familia que conta as aventuras dunha pequena orfa mexicana na tradición do día dos mortos. Ficción continúa así a senda de “Maimiño” e o éxito da súa producion para televisión “Tutu”, que se emite en Clan TV, mentres prepara tamén para TVE unha miniserie de animación en coprodución con Cuba, co título “Una casa en amargura”.  

No mundo da curtametraxe tamén se agarda a presentación de “Mouras”, a última produción de Miss Movies dirixida por Olga Osorio, e dos últimos traballos de novos talentos como Adrián Canoura, Lucía Estévez, Ángel Filgueira ou Xiana Gómez Díaz, mentres se seguen a mover por festivais as pezas de Hugo Amoedo (“Europa”), Claudia Costafreda (“Néboa”), Tono Mejuto (“Quiasma”), Fon Cortizo (“Aysha”), Noemí Chantada (“A muller invisible”), Iván Nespereira (“Nueva Galicia”), ou Jaione Camborda (“Rapa das bestas”), con mención especial a “Matria”, a curta de Álvaro Gago que competirá en xaneiro no festival de Sundance, e a “M.”, de Ángel Santos, que colleu maior relevancia tras o pasamento en decembro do seu protagonista, o escultor pontevedrés Manuel Moldes.

Próximas rodaxes

No 2018 teremos a varios cineastas galegos filmando de novo na súa terra: Óliver Laxe continúa coa produción de “Aquilo que arde”, que se rodará na montaña de Lugo, aínda que parte da metraxe xa se filmou durante os incendios do último ano. O filme adéntrase no tema dos incendios en Galicia, no que será a terceira longametraxe do director, producida nesta ocasión por Miramemira, e a primeira que roda en Galicia.

Outro que regresa é Eloy Enciso, para rodar “Longa noite”, logo dunha estadía na universidade de Harvard, en Boston, cunha bolsa que lle permitiu traballar neste proxecto que busca explorar a escuridade da noite na natureza, e que está producido por Beli Martínez (Filmika Galaika). A produtora, que está detrás tamén de “Arraianos”, anterior filme de Enciso, e doutras moitas películas do Novo Cinema Galego, prepara tamén a rodaxe de “Eles transportan a morte”, longametraxe da compostelá Helena Girón e do canario Samuel Delgado, que se propoñen mezclar narración y experimentación para explorar a fuxida de tres tripulantes dunha expedición capitaneada por Cristobal Colón.

Frida Films tamén prepara a segunda longametraxe da ferrolá Isabel Ayguavives (“El árbol magnético”), que se titula “Semana grande” e contará a historia dos variopintos inquilinos realoxados polos servizos sociais no céntrico e decadente Hotel Dulcinea.

Moi agardada é tamén a rodaxe da primeira longa de Jaione Camborda, “Arima”, unha enigmática e evocadora historia de mulleres con tintes de realismo máxico, que prevé a súa rodaxe en Mondoñedo este ano. Camborda é tamén coguionista da nova longa de Alfonso Zarauza tras “Os fenómenos”. O seu título é “Ons” e prevé completar o seu financiamento para rodarse tamén este ano na illa de Ons. Os dous títulos están producidos polos seus directores, a través de Esnatu Zinema e de Maruxiña Film Company, respectivamente.

Seguindo coa ficción, Ignacio Vilar vén de anunciar a produción da súa nova película, “María Soliña”, que se inspira na personaxe histórica do século XVI condenada pola Inquisición en Cangas do Morrazo por practicar, supostamente, a bruxería. Será, porén, unha revisión actualizada desta figura no século XXI, cunha actriz descoñecida ata agora, Andrea Santos, como protagonista do filme, que se rodará en Cangas a finais deste 2018.

Tamén están en preparación “As dez últimas”, dirixida por Chema Gagino, con guión e produción de Ángel de la Cruz, que conta a historia dunha cuadrilla de xubilados, compañeiros de xogar ao tute. Pola súa parte Paula Cons está a sacar adiante o seu proxecto “O Santa Isabel”, un thriller que conta a fazaña de tres mulleres que se lanzaron ao mar a salvar os supervivintes dun buque naufragado na Illa de Sálvora en 1921, producido por Agallas Films.

Outra longametraxe en produción é “La niebla”, de David Hernández, a partir dun guión de Toño Carballal e o propio director, que está a sacar adiante coa súa produtora Adarme Visual, e con Analía G. Alonso na produción executiva. No reparto poderemos ver actores e actrices como Fran Paredes, Isabel Naveira ou Mariana Carballal.

En clave máis comercial, este ano tamén veremos o debut do coruñés Pedro C. Alonso, veterano realizador de publicidade en Galicia, á fronte do thriller “Feedback”, un proxecto de Vaca Films a partir dun guión de Alberto Marini (“O descoñecido”). Faino en coprodución con Ombra, a produtora de Jaume Collet-Serra, con quen tamén preparan o remake en inglés de “Secuestrados”, unha das primeiras longas que produciu Vaca Films, dirixida en 2012 por Miguel Ángel Vivas. Ademais, a empresa de Emma Lustres e Borja Pena prepara tamén “Quien a hierro mata”, un guión de Juan Galiñanes e Jorge Guerricaechevarría que rodará este ano o director Paco Plaza.

Outra das producións que veremos rodarse en 2018 é “As troitas cantan ao mencer”, opera prima de Alexia Muiños, con Abano Producións, que se rodará en 3D estereoscópico. A produtora de Chelo Loureiro ten ten pendente de estrea “The Neverending Wall”, curtametraxe de Silvia Carpizo. En desenvolvemento, a próxima longametraxe das Also Sisters, e a longa de Isabel HergueraEl sueño de la sultana”, xunto coas próximas curtametraxes de David Fidalgo (Homomaquia), e Maria Manero (Patchwork”).

No terreo do documental, varias longas están en proceso de produción, como “Manoliño Nguema”, de Waka Films e Filmika Galaika, unha historia de migración sobre o ‘pai’ do teatro en Guinea Ecuatorial, ou o filme “A media voz”, das cubanas Patricia Pérez e Heidi Hassan, producido por Matriuska. A realizadora Ruth Chao tamén regresa ao documental científico con “O futuro da mente”, que abordará retos da neurociencia como o mapeo do cerebro, producido por Agallas Films.

En canto á produción de televisión, o proxecto de maior envergadura que veremos rodar en 2018 será a serie “Hierro”, unha produción de Portocabo para Movistar Series, con guión de Pepe Coira, Araceli Gonda, Alberto Marini, e Jorge Coira, que asumirá a dirección. Trátase dun drama policial que se desenvolve no lugar máis afastado do continente europeo, a illa canaria de El Hierro, e que formará parte do paquete de series de produción propia que o canal de pago empezou a producir este ano, no que promete ser unha aporta pola calidade e o risco máis alá das limitacións do prime-time televisión xeralista.

Zenit Televisión prepara “Elisa e Marcela”, unha miniserie sobre a parella coruñesa de inicios do século XX que foi primeiro matrimonio homosexual, e que dirixirá Isabel Coixet, no que é un vello proxecto cinematográfico da directora que parece que por fin pode ver a luz na televisión. Neste eido das miniseries históricas, Vaca Films e Portocabo anunciaron este ano que se unirán para producir a serie “Garbo, el espía que engañó a Hitler”, que contará as peripecias do famoso axente dobre español, que estivo casado coa lucense Araceli Carballo.  

Matriuska Produciones tamén aspira a producir ficción televisiva, e ten en carteira “As crisálidas”, unha miniserie de autor creada por Samuel Lema, e que protagonizarían Fernando Epelde e Nerea Barros.

Para a TVG Zopilote están a preparar unha nova serie cómica, de título provisional “Os mariachi” que se formula como un falso documental ao estilo de “Modern Family”, con episodios breves nun formato similar ao de “Era Visto”.  “Auga Seca” e “Cuñados”, de Portocabo, son outros dos proxectos de serie que están en desenvolvemento para unha futura estrea na nosa televisión.

E no que se refire a webseries, prevese que Porco Bravú rematen de rodar a primeira temporada de Peter Brandon, a serie que saíu do concurso de proxectos do Carballo Interplay en 2016 e que conta a vida do alter ego do cómico Pedro Brandariz. Queda aínda por ver o resultado do proxecto gañador deste ano, titulado “Hai vida en Bran?”, dirixida por Ángela Andrada e con Isabel Blanco formando parte do elenco, que está en plena fase de rodaxe.