Young Audience Award. Adolescentes da Coruña participaron por primeira vez nos Premios do Cinema Europeo

A Academia Galega do Audiovisual en colaboración co Concello da Coruña organizou por primeira vez en Galicia a elección do Young Audience Award, facendo a cidade partícipe da votación de rapazas e rapaces de toda Europa entre 12 e 14 anos para escoller a mellor película europea do ano segundo o seu criterio.

Fotos: Aigi Boga


O Young Audience Award é a categoría oficial dos Premios Europeos de Cinema dedicada ao público xuvenil. A Academia Europea de Cinema (EFA) impulsa dende 2012 este galardón, que celebra un evento simultáneo entre varias cidades europeas. Na súa edición de 2019, 55 cidades de 34 países reuniron máis de 2.800 rapazas e rapaces, que elixiron Fight Girl, unha coprodución entre Holanda e Bélxica dirixida por Johan Timmers como Mellor Película, impoñéndose ás outras finalistas: Old Boys, de Toby MacDonald (Reino Unido, Suecia), e Los Bando, de Christian Lo (Noruega).

A cerimonia deste ano celebrouse o domingo 5 de maio e por primeira vez A Coruña foi unha destas cidades, convocando alumnado de secundaria de centros da cidade como o IES Urbano Lugrís, CEIP Concepción Arenal, IES Monelos ou IES Adormideras e tamén o CPI da Picota (Mazaricos) e o CEIP de Sigüeiro, xunto con outras rapazas e rapaces que se anotaron pola súa conta. Entre todos A Coruña foi a cidade española que máis participantes xuntou. As outras cidades españolas nas que se celebraba ao mesmo tempo eran Barcelona, Madrid, Valencia e Sevilla.

A dinamizadora desta actividade foi Cristina de la Torre, realizadora cunha ampla experiencia traballando en proxectos educativos e de dinamización social, e que levou a cabo o proxecto desde a fase inicial de captación dos centros ata o día da proxección. Ela encargouse de conducir esa xornada, que se organizou, segundo conta, “coma se fose un evento profesional: as rapazas e rapaces chegaron aos Cantones Cines, recolleron as súas acreditacións e visionaros as tres longametraxes finalistas, facendo despois de cada película un debate. Foron debates moi animados, eles participaron moito, e ao final tiñan clarísmo cal película lles gustou máis”.

Roberto Varela, docente do IES Urbano Lugrís da Coruña, destacou o moito que os seus alumnos gozaron da experiencia e sobre todo dos filmes: “era un pouco pesado ver tres longametraxes seguidas, pero as tres gustáronlles moito”, comenta.

Da película gañadora, Fight Girl, destacaron o ritmo e a identificación coa protagonista, unha rapaza que se traslada a vivir a unha nova cidade e ten problemas no instituto e resólveos converténdose en profesional do kickboxing, utilizando a pelexa como forma de canalizar a ira dun xeito controlado. “Varias das rapazas e rapaces no público interviron contando que se sentían identificadas porque tamén foran vítimas de bullying”, relata a dinamizadora: “por un momento a sesión case se converte nunha terapia colectiva. Recoñecían moito na protagonista esta necesidade de comunicarse co movemento, esa frustración co entorno… foi moi interesante”.

Unha vez vistos os filmes, antes da votación as participantes tiveron a visita de Isabel Naveira, que lles falou da súa experiencia como actriz e como membro da Academia Galega do Audiovisual. En distintos momentos fixéronse conexións con sedes do festival noutros lugares de Europa, e os asistentes tamén viviron en directo a cerimonia final dos premio, cun sistema similar ao de Eurovisión onde un representante de cada país dicía os seus votos.

Neste vídeo da cerimonia puidemos ver o momento da votación desde España:

Cerimonia dos YAA. A partir do 45'20'' podemos ver a participación española.

Unha experiencia compartida

Durante unha xornada que foi longa pero tamén lúdica -os participantes pasaron nos Cantones Cines todo o día vendo os filmes e a cerimonia, cun xantar que ofreceu a Academia coa colaboración de Galipizza-, os docentes que acompañaron os participantes destacaron o valor dunha experiencia coma esta, tanto pola convivencia entre alumnado de varios centros nunha mesma actividade, como pola oportunidade de ver filmes que non adoitan estar dispoñibles.

Para Roberto Varela, que dirixe ademais un clube de cine no IES Urbano Lugrís, onde pon o contacto o alumnado co cinema europeo, “o máis difícil é acceder a estes filmes, nin sequera son posibles de conseguir aquí en DVD, co cal é unha ocasión que non podemos deixar pasar, porque ademais son filmes cos que os estudantes conectan moito”. Na enquisa que fixo entre os rapaces e rapazas de Secundaria que participaron na actividade, a satisfacción era moi alta, “tanto que se correu a voz e este ano temos máis xente no cineclube, están desexando que se poida repetir algo así”.

Ademais moitos destes alumnos son son de barrios humildes e, aínda que consomen moito audiovisual na casa, teñen moi pouco acceso ás salas de cine e a películas que non sexan norteamericanas, engade o profesor. Por iso reclama que haxa máis actividades deste tipo nas que poidan participar máis centros, máis espazo para o cinema nos currículos educativos e sobre todo “que haxa máis cinema europeo dispoñible para proxectar nas aulas, e en especial cinema galego”.

A Academia Galega do Audiovisual puido constatar así a boa resposta e interese desta actividade, que coloca a Coruña no mapa dun evento europeo, e que achega ás salas de cine a un público que entre a idade infantil e a adulta atopa un baleiro, tanto no costume de ir ao cinema como na oferta de filmes interesantes para eles, e menos aínda do ámbito europeo. Cristina de la Torre resalta a importancia de ver como temas importantes para os adolescentes cando están conformando a súa identidade, como o problema do bullying, son compartidos por xente doutros países, son un problema íntimo pero tamén social a nivel internacional: “Suponse que para iso é o cine, para facernos pensar e construir culturalmente”. 

Velaquí un resumo en vídeo de como foi a xornada: