O ano no que a ficción galega triunfou nas plataformas globais

O ano no que a ficción galega triunfou nas plataformas globais

A chegada de plataformas como Netflix ou Movistar+ e a súa necesidade de producir contido orixinal achega unha oportunidade de ouro para o sector audiovisual galego: producións de grandes orzamentos e altos estándares calidade, aposta polo talento local e unha difusión global que chega a mercados e públicos de todo o mundo.

 

Se buscamos “Bitter Daisies” en Google o primeiro que nos suxire a predición da busca é “Bitter Daisies review”, crítica en inglés. E aló imos para constatar que hai na rede unha chea de críticas e recomendacións da serie O sabor das margaridas. Moitas das críticas e recomendacións están en inglés. A lingua orixinal da serie é o galego. Estamos ante un fenómeno que se dá por primeira vez na nosa cultura, que é que unha serie en versión orixinal galega, emitida pola TVG, alcance un público global grazas á súa presenza na gran plataforma de contido audiovisual na actualidade: Netflix.

Ao tempo que esta produción de CTV para Televisión de Galicia -gañadora do Mestre Mateo 2019 á mellor serie de televisión- comezaba en marzo a súa emisión en Netflix, viña de rematar a rodaxe de Hierro, primeira serie orixinal de Movistar+ creada e producida en Galicia, aínda que rodada na illa canaria de Hierro. Creada por Pepe Coira, dirixida por Jorge Coira, producida por Portocabo con Alfonso Blanco como showrunner e un amplo equipo técnico galego, Hierro foi o gran éxito de Movistar+ este ano, tanto en audiencia como agora na temporada de premios (Premio Ondas á mellor serie e á mellor actriz, Candela Peña, Iris ao mellor guión, 4 nominacións aos premios MiM en mellor serie, dirección, guión e actriz de drama, e 3 nominacións aos Premios Feroz: mellor serie dramática, actor e actriz protagonistas nunha serie). Tamén se trataba da primeira serie orixinal de Movistar+ que era unha coprodución, neste caso entre España (Movistar+, Portocabo) e Francia (ARTE TV e Atlantique Productions).

Mais non é esta a única aposta de Movistar+ polo talento e a produción galega: este ano rodouse en Melilla, A Coruña, Madrid e Francia La unidad, unha serie de Dani de la Torre (premio Mestre Mateo á mellor dirección por O descoñecido e A sombra da lei) con guión de Alberto Marini e producida por Vaca Films. Trátase dun thriller policial sobre a loita antiterrorista en España e estrearase na plataforma en 2020. Neste caso a propiedade é 100% de Movistar, igual que acontece con El desorden que dejas, a nova serie orixinal de Netflix que a compañía de Emma Lustres e Borja Pena está a producir e que se rodou este outono en Galicia, co guionista ourensán Carlos Montero (Élite) como showrunner, xa que é ademais unha adaptación dunha novela súa. Tamén verá a luz o ano que vén.

Máis talento galego traballando para plataformas: a primeira serie orixinal de Amazon Prime Video en España estreouse este 2019 e foi Pequeñas Coincidencias, creada polo actor do Grove Javier Veiga e producida por Atresmedia Studios, Onza Entertainment (co galego Xosé Zapata entre os produtores asociados) e MedioLimón. A serie estreouse máis tarde, en setembro, en aberto en Antena 3, e anunciou xa a renovación para unha segunda temporada.

No seu reparto contaba con Xosé Antonio Touriñán, quen tamén participou noutra das orixinais de Movistar+, a comedia de romanos Justo antes de Cristo. O cómico galego vai gañando presenza na ficción española para este tipo de plataformas logo da súa aparición en Fariña, o gran éxito da produtora galega Bambú Producciones o pasado ano en Antena 3, e que tamén se pode ver agora en Netflix co título Cocaine Coast.

Bambú, a produtora de Ramón Campos e Teresa Fernández-Valdés, tivo tamén un 2019 moi produtivo traballando en orixinais para as plataformas. Logo do éxito de Las chicas del cable, a primeira orixinal de Netflix estreada en España en 2017, fixeron para o xigante norteamericano outra ambiciosa ficción, Altamar, e mais a serie de true crime El caso Alcásser, mentres que para Movistar+ estrearon o thriller erótico Instinto e mais a miniserie En el corredor de la muerte sobre o caso de Pablo Ibar, a partir do libro do escritor coruñés Nacho Carretero (Fariña).

Non todo son series no mundo da ficción orixinal de Netflix. Bambú tamén estreou na primavera unha das películas orixinais desta plataforma en España, A pesar de todo, que pasou polo festival de Málaga. Pero o filme galego máis agardado en Netflix era Elisa y Marcela, a adaptación de Isabel Coixet da historia real do primeiro matrimonio homosexual que houbo en España moitas décadas antes de que estivese permitido: o das coruñesas Marcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga en 1901. Máis da metade da película rodouse en Galicia en branco e negro, con Greta Fernández e Natalia de Molina interpretando as protagonistas. O filme presentouse na Berlinale deste ano e tivo unha pequena estrea en salas previa ao seu lanzamento en Netflix. Na produción estaba a galega Zenit Televisión, dirixida por Zaza Ceballos, con apoio de Agadic e participación da TVG, que emitirá Elisa en Marcela en 2020 canda outras canles da FORTA.

As outras plataformas: Playz e Flooxer tamén apostan polo produto galego

Ademais das grandes como Netflix, HBO, Amazon ou Movistar+ (e as que están por vir), no panorama español hai outras plataformas más modestas e experimentais, dirixidas a público e creadores novos, que dependen de televisións pero só crean contidos para internet, e que tamén están apostando por talento galego. Referímonos a Playz de Televisión Española, que estreou en marzo Antes de perder, a serie de 7 capítulos dirixida e producida por Sonia Méndez coa súa produtora Cósmica Producións: unha road-movie feminista que se rodou toda en Galicia con equípo totalmente galego agás as actrices protagonistas, Mariam Fernández e Esther Acebo.

Mentres, en Flooxer, a plataforma de contidos dixitais equivalente de Atresmedia, puidemos ver este ano a miniserie documental El Náutico: el refugio de los músicos. Dirixida polo vigués Alberto Baamonde e producida por Esmerarte, a serie achégase aos 25 anos da sala El Náutico de San Vicente, pola que pasaron e pasan algúns dos músicos máis recoñecidos do panorama estatal. Flooxer tamén estreou este ano Vosotros sois mi película, o documental que protagonizou o coruñés Wismichu e que dirixiu Carlo Padial sobre o proceso de creación e difusión de Bocadillo, o pseudofilme co que o youtuber trolleou os medios de comunicación e o festival de Sitges.


Contidos relacionados



CGAI: unha década educando a ollada dos máis novos

CGAI: unha década educando a ollada dos máis novos

A filmoteca galega leva máis de dez anos participando en varios programas para educar a ollada dos máis pequenos, como espectadores pero tamén usando o cine como vehículo de creación e pedagoxía. Revisamos con Mónica García, a responsable de didáctica no CGAI, algúns dos proxectos que desenvolven, a súa filosofía e funcionamento.

 

 

CGAI Junior: os pequenos coñecen a sala e a cinema como arte

Achegar nenos e nenas a unha sala de proxección, ensinarlles que existe outro cine e a amalo polo seu valor artístico. Con estes obxectivos o Centro Galego das Artes da Imaxe puxo en marcha en 2007 CGAI Junior, unha programación para nenas e nenos de ata 12 anos, cun título ao mes especialmente pensado para ver en familia, e tamén para proxectar en sala para centos de alumnos de distintos centros educativos.

Para este curso xa se apuntaron máis de 3.200 estudantes procedentes de centros de Educación Infantil e Primaria da Coruña e da súa contorna. “Foi un récord absoluto”, sinala Mónica García, a responsable de coordinar todos os proxectos de didáctica que saca adiante o CGAI. O obxectivo é “que os nenos coñezan a sala desde pequenos, para moitos é a primeira vez que entran nunha sala de cine, entón se o fan vendo pelis de Chaplin ou Buster Keaton, ou xoias da animación europea como Ernest e Celestine, xa van asociar do xeito máis natural a sala de cine con ver este tipo de filmes”. E non o fan unha soa vez senón que adoitan repetir: “moitas veces programamos unha película na mesma semana para ver cos colexios e o sábado volvémola programar para que os rapaces, se lles gustou, repitan e veñan coas súas familias. E isto funciona moi ben, son os nenos quen acaban traendo aos pais e nais ao CGAI”.

O catálogo de películas que se programan en CGAI Junior non é sempre doado de conseguir: “traballamos co que está en distribución a nivel nacional, ao principio faciamos nós esforzos para traer películas que non se distribuían aquí, por exemplo a francesa O pequeno fuxitivo trouxémola dunha distribuidora francesa que ten os dereitos internacionais da película e tivemos que subtitulala nós. Pero iso era custosísimo, agora xa non chegamos”. Duns anos para acó a distribución de cinema infantil tamén mellorou moito en España: “non é coma antes, hai distribuidoras especializadas como Pack Màgic ou Rita & Luca que si que teñen títulos máis afíns á programación que queremos facer”, comenta Mónica.

O resultado é unha combinación de películas que están en distribución en España e que non teñen moito percorrido en salas comerciais, xunto con clásicos (Os catrocentos golpes,O ladrón de bicicletas…). Con frecuencia tamén se nutre do catálogo de CinEd, que facilita de xeito gratuíto títulos como El espíritu de la colmena, Aniki Bobó, Rentrée des classes… Trátase dun proxecto europeo que en España coordina a asociación A Bao A Qu, ofrece estes títulos de xeito gratuíto xunto con materiais pedagóxicos de moita calidade.

Ademais de organizar as proxeccións, desde CGAI Junior tamén se traballa cos docentes para que lles saquen o máximo partido nas aulas. “Sempre incidimos moito cos docentes en que a selección das películas non ten que ver con que van ilustrar materias ou valores, a nós o que nos interesa é a película en si, o cine polo cine”, aclara Mónica. Así, os materiais que se lles proporcionan sobre as películas o que fan é poñelas en contexto e relacionalas con outras artes, ou entrar a debullar como está feito cada filme, dun xeito lúdico e práctico: “traballan coa montaxe da película usando fotogramas que deben desordenar e volver a montar, imaxinan outros finais, outras personaxes, etc”.

Cos docentes de Secundaria e de Bacharelato ofrécese unha programación un pouco máis avanzada. “Facemos unha combinación entre o catálogo CinEd e outros títulos que programamos nós, por exemplo puxemos El espíritu de la colmena en diálogo con Estiu 1993, tamén puxemos Os 400 golpes xunto con Il Posto, e El verdugo con En construcción. Ademais de programar estes títulos facemos unha programacion para docentes, que está incluída no plan anual de formación do profesorado e coordinámolo co CFR da Xunta. É un curso de 12 horas no que se traballa unha aproximación creativa na aula a través destas películas, danse pistas de traballo e propostas de creación á partir da película: traballar o luz e o rostro, diarios de luz, facer percorridos ou travellings… vai un pouco na nosa liña de infantil e primaria de coñecer o cine polo cine”, indica a coordinadora de didáctica do CGAI.

 “Sempre incidimos moito cos docentes en que a selección das películas non ten que ver con que van ilustrar materias ou valores, a nós o que nos interesa é a película en si, o cine polo cine”.

Mónica García, responsable de didáctica do CGAI.


Cinema en curso: aprender a ver o mundo a través do cinema

Mais non se trata só de atraer e facilitar que a rapazada acuda a ver cine e se formen como espectadores: tamén se quere traballar con eles nas aulas para achegarlles o proceso creativo e que eles aprendan a mirar o mundo a través da imaxe. Para iso o CGAI colabora con outros dous proxectos impulsados por A Bao A Qu: Fotografía en curso e Cinema en curso. Galicia forma así parte da rede de territorios que paricipan nestes proxectos canda Cataluña, Madrid, Euskadi, Chile, Arxentina e Alemaña. “Ademais tamos a sorte de que estamos incluídos no Plan Proxecta da Xunta de Galicia, que pretende aglutinar e coordinar todos os programas de innovación educativa que se fan nas diferentes consellarías”, explica Monica, e “nese plan ademais dos programas de cine e fotografía nas aulas agora empezamos cun novo curso de Cidadanía Dixital, coordinado por Victor Sampedro“.

Tanto Fotografía en curso como Cinema en curso parten dunha mesma premisa, que é o visionado de grandes referentes nestas artes antes de pasar á práctica. “No caso da fotografía na web do programa hai un catálogo moi potente de obras de autores nacionais coas que se pode traballar na aula: establécense categorías para traballar aspectos concretos como a cor, o retrato, os espazos baleiros, a meteoroloxía e as horas do día… Despois na práctica van facendo exercicios con estes motivos e acaban facendo un proxecto fotográfico, nalgúns centros acompañados por fotógrafos galegos importantes. Teñen estado connosco xente como Luis Díaz, Vari Caramés, Tono Mejuto ou Tamara de la Fuente. O resultado de todo este proceso é unha exposición en cada centro, e nalgúns deles tamén fan unha publicación”.

En Cinema en curso o sistema é semellante só que “co cine é máis complexo, porque se necesitan máis sesións e máis equipo técnico”. Mónica García explícanos o proceso: “Traballamos con 4 ou 5 centros cada ano, e todos teñen un cineasta ao longo de todo o curso co que fan entre 20 e 25 sesións. Falamos de autores destacados do noso cinema como Ángel Santos, Jaione Camborda, Marcos Flórez, Xacio Baño ou Eloy Domínguez, quen se incorpora este ano. Comezamos no mes de outubro cunha formación para docentes durante unha xornada en Santiago porque e moi importante traballar con eles as metodoloxías, e que conecten cos cineastas para poder formar equipo. A cada docente dámoslle unha carpeta con todos os documentos necesarios para seguir todos os procesos. Teñen toda unha listaxe de centros participantes de moitos lugares, e un cronograma que comeza cunha proxección inicial conxunta no CGAI ata a proxección final, que o vindeiro ano será o 7 de xuño. Pero sobre todo o que lles entregamos son fragmentos de moitísimas películas que irán visionando ao longo do curso”.

Estes fragmentos son os que inspiran os primeiros exercicios do alumnado: “Agora mesmo están todos os centros cunha práctica de iniciación, antes de que chegue o cineasta que os acompañará, que é facer ‘planos do mundo’ sobre tres categorías: diarios de espazos, travellings e retratos. Para que sexa unha primeira mirada deles sobre a súa contorna. Traballan con referentes como James Benning ou Óliver Laxe, e a partir de aí eles dialogan con eses traballos facendo os seus propios planos cos móbiles ou con cámaras compactas. O obxectivo é que coñezan e practiquen o plano como unidade de creación. Aí xa teñen que fixarse moito no encadre, aprenden a describir a luz, teñen en conta as meteoroloxías e os distintos momentos do día”.

Esta primeira práctica sérvelles tamén para presentarse ante os demais centros que forman a rede de Cinema en curso, porque todos teñen os mesmos exercicios máis ou menos ao mesmo tempo. O 12 de novembro celebraron o Día dos planos do mundo, no que alumnado de todos os centros tiñan que filmar estes espazos, retratos ou travellings: o seu horizonte, o que ven desde a fiestra, un filmopercorrido desde o colexio ata a casa dos avós… a idea era estar moi sensibles a filmar o que os rodea, moi atentos por exemplo ás horas do día. Viron o travelling de Depardon que era no solpor e inspirounos moito, logo eles erguíanse cedo ou agardaban o solpor para filmar”. Por isto é tan crucial o método de ver fragmentos de cineastas previamente, e así o contan os propios rapaces nos diarios dos seus obradoiros: “cando imos filmar inspirámonos nas luces de Chantal Akerman, as cores do ceo de Jonas Mekas, a correspondencia e os reflexos de Isaki Lacuesta, os horizontes de Benning, as ventás de Perlov…”.

Para Mónica García “é moi importante esta idea de compartir, na web están todos os filmes que se fixeron desde que empezou o proxecto e os alumnos tamén teñen un espazo onde van contando a xeito de diario todos os procesos de creación. Cada un escribe na súa lingua, e así tamén se fan intercambios culturais con outros lugares. Por exemplo entre a escola de Bordills (Girona) e o CEIP A Rúa de Cangas teñen moita relación, o pasado ano tiñan un un proxecto moi bonito que era unha correspondencia filmada entre os alumnos de Cangas e os de Bordills. Cada un fala na sua lingua e intentan aprender das linguas dos outros”. Vemos un exemplo nesta carta filmada polas rapazas e rapaces de Cangas:

Cando entra a figura do cineasta nas aulas empeza a formularse o proxecto final, unha curtametraxe, na maioría dos casos documental aínda que os centros que xa teñen máis experiencia tamén se atreven coa ficción. Empezan primeiro a traballar con guión e en torno a marzo e abril saen rodar. Despois fan a montaxe e en xuño estrean os traballos nunha sesión conxunta no CGAI. Mesmo hai logo a posibilidade de ir estrear a Barcelona na Filmoteca, na Cineteca de Madrid, ou na Tabakalera cos nenos de Euskadi. Isto xa depende das posibilidades de organizar a excusión que teña cada colexio, pero xa se teñen dado varios intercambios deste estilo.

Ademais do valor experiencial, Mónica García destaca o valor pedagóxico de todo este proceso: “Non facemos educación en valores, traballamos co cine e desde o cine, pero o alumnado aprende a través del moitas cousas, por exemplo a valorar a espera ou a traballar por consenso. Porque non hai xerarquías, todos son directores, guionistas, montadores, script, cámaras…  e toda a ideación da peli faise entre toda a clase. Non é sempre doado, temos clases de 12 nenos en coles rurais pero tamén de 27 nalgun outro colexio. Para poder chegar a este consenso son sesións longas de traballo, pero deste xeito o proceso e o resultado é máis satisfactorio: todos teñen que ceder un pouco e a película enriquécese”.

Os centros participantes este ano son o mencionado CEIP A Rúa (Cangas),  CEIP de Tenorio (Cerdedo-Cotobade), CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal) o CEIP de San Cosme (Barreiros), e o IES O Ribeiro (Ribadavia). Estes dous últimos incorporáronse este ano. En cursos anteriores teñen participado centros educativos de Sigüeiro, Fornelos de Montes, Becerreá, Pedrafita do Cebreiro, Fene, Pazos de Borbén, Melide, Poio, O Milladoiro (Ames), A Coruña, O Carballiño, Arteixo, Sada, A Fonsagrada, Narón, Chantada ou Sarria, tal e como podemos ver no Atlas da web de Cinema en Curso.

En ocasións os filmes resultantes teñen un percorrido máis alá do curso e participan en festivais que programan cinema escolar. Recentemente o filme Arredor do día, do alumnado de primaria do CEIP de Tenorio (Cerdedo-Cotobade) proxectouse no Festival Gollut en Cataluña. Entre silencios, do alumnado do CEIP A Rúa de Cangas, programouse no Dubrovnik Film Festival e tamén se emitiu en Betevé. Filmes de anos anteriores puidéronse ver en festivais galegos como Novos Cinemas ou Cineuropa, que proxectan unha seleción de pezas de Cinema en Curso procedentes de distintos territorios.

Mais non fai falta ir a festivais para ver estes filmes que saen de Cinema en Curso. Están todos publicados, tanto na web do proxecto como na súa canle de Vimeo, xunto coas presentacións que fan os alumnos na xornada final do curso. Velaquí as pezas realizadas nos dous últimos anos:




























Tema de portada: audiovisual e educación

Nothing found.



Olloboi. Cita en Boiro co audiovisual escolar galego

Olloboi. Cita en Boiro co audiovisual escolar galego

Olloboi é un festival atípico, protagonizado por nenas e nenos, organizado desde o mundo escolar pero fóra do corsé das institucións, froito do ímpetu de docentes convencidas de que a cultura audiovisual vai moi por diante do sistema educativo e é o seu deber acompañar o alumnado para que se exprese neste medio. 

 

Este festival audiovisual escolar galego quere facer difusión e canteira do cinema galego e con ese obxectivo naceu en 2010, tal como relata Ana Moreiras, da Asociación Olloboi, que impulsou o festival desde o comezo tendo clara a súa filosofía: “que fose un festival galego, do ámbito da educación e no que primase unha visión persoal da obra dentro dos propios rapaces”, ademais de “outros valores colindantes como a promoción da cultura e da lingua galegas ou o compromiso ambiental e social”. Así, con cada edición foron creando comunidade con equipos docentes de toda Galicia unidos pola vocación e o compromiso, que cada ano envían as pezas feitas na clase para que concorran ao festival e achéganse co alumnado a participar do Encontro Olloboi, que se adoita celebrar no mes de maio en Boiro

Como se ve no vídeo que resume os traballos finalistas deste ano, hai variedade e produtos de moitos tipos. Moreiras recoñece esta diversidde aínda que admite que “ás veces nótase moito a visión do profe, é un dos problemas máis grandes que temos”. Neste sentido, conta que “é moi dificil non interferir, porque por unha parte tes que educar, por tanto interfires. Por outra ti tes máis formación e máis criterio ca eles. E por outro lado porque moitas veces unha simple opinion túa é para eles un xuízo e acaba prevalecendo. Que o obxectivo do festival sexa que se note unha visión persoal dos rapaces non significa que se consiga sempre, consíguese na medida que se pode”. 

Tampouco hai unha metodoloxía común aos participantes, xa que no certame participan todo tipo de grupos, dentro ou fóra do horario escolar. “A cousa está así”, describe Moreiras, “hoxe por hoxe no currículo hai unha materia que é Educación plastica e visual, por tanto en todos os centros de Secundaria os profes deberían estar xa traballando o cine nas aulas. A realidade é que unha porcentaxe moi grande non fan aula de cine, poden dar algo de teoría e de composición, pero non fan cine na práctica realmente. Daquela é difícil consensuar unha metodoloxía, porque como non parte das aulas de plástica cada un faino onde pode e como pode. Hai quen traballa en obradoiros, hai quen o fai a través de plataformas como Cinema en curso, hai quen o fai desde as aulas de lingua ou literatura…  En Primaria a práctica audiovisual depende dos profes totalmente, normalmente os de música son os grandes impulsores, xunto cos de plástica. Logo no Bacharelato artístico, que está en poucos centros, hai a materia de cultura audiovisual e xa dentro do currículo inclúese a produción de pezas”.  

Tamén hai docentes como a propia Moreiras, profesora de tecnoloxía no IES A Cachada de Boiro, que se dedican á formación audiovisual fóra das horas de clase, a través de obradoiros extraescolares: “Implica horas miñas que non me paga ninguén, a miña responsabilidade, tes que facerte cos equipos e é moi dificil metelo nos orzamentos do centro se non tes unha materia que o demande. Isto cada vez é menos problema porque os rapaces xa teñen móbiles, pero se tes na medida do posible unha cámara ou un micro bo, moito mellor”, relata. En calquera caso, formar e incentivar aos rapaces fóra do horario escolar é un esforzo e responsabilidade extra que depende da vontade e da paixón dos docentes. 

Este esforzo e paixón da comunidade educativa reflíctese na implicación doutros sectores na organización do Encontro Olloboi, desde a propia xente do cine que se implica no festival ata a vila que o acolle. “Antes faciamos todo online e en Boiro faciamos apenas a entrega de premios. Hoxe a vila de Boiro ten consciencia do festival, e hai un par de colectivos implicados e con interese, iso retroalimenta o proceso moitísimo”, comenta a docente: “Sempre foi unha prioridade conectar coa sociedade da vila, facer que participe. O festival acaba nunha festa á que todos están convidados. Ademais non a facemos nun auditorio convencional senón nun estaleiro de ribeira. Isto é unha aposta pola nosa xente e da nosa cultura e do noso territorio. É un valor transversal que está presente no festival”.

Ademais da xente da vila está toda a rede de cómplices Olloboi, profesionais do audiovisual galego que colaboran na difusión da cita, como xurado e tamén guiando as prácticas audiovisuais que se levan na mañá do festival coa Muchachada Matiné, un reto no que cada grupo de rapaces chegados de toda Galicia ten que facer unha curta alí en Boiro, coa colaboración da xente da vila. Cineastas como Andrés Goteira, Sandra Sánchez, Sonia Méndez, Alfonso Zarauza, Luis Avilés ou Eloy Dominguez Serén teñen participado neste reto “e case todos queren repetir sempre, gústalles a adrenalina dese día e tamén a frescura dos rapaces”, conta Moreiras: “Tamén para os profesionais é un reto romperlles os esquemas e os estereotipos, convencelos de que hai outro camiño mellor, demostrarlles que hai outros cines e maneiras posibles”. 

A web de todos xeitos é un bo punto de encontro, porque todos os traballos finalistas se poden ver online. As pezas reciben premios a mellor interpretación, fotografía, guión, montaxe, arte, música… E os finalistas acoden á gala final a recoller o seu premio. Hai centros que participan case todos os anos, que veñen de Cacheiras, de Guitiriz, de Padrón, de Vigo… logo algunhas das pezas gañadoras concorren en festivais de cinema escolar, aí xa son os docentes quen se preocupa de que estas curtas poidan ter máis percorrido.

En canto á posible canteira audiovisual, nunha década de festival saíron dos grupos participantes novos talentos que agora están despuntando, como os realizadores Lucía Estévez ou Miguel Grandío. Tamén hai varios alumnos que pasaron por Olloboi que agora estudan Comunicación Audiovisual en Galicia ou mesmo fóra, formándose en centros como a ESCAC de Barcelona.  

O futuro do certame pasa por acadar máis recursos que permitan profesionalizar un pouco a produción do festival, e tratar de que ampliar o Encontro Olloboi a dous días, para aumentar a convivencia e que non sexa tanta paliza facer todo nun día. 

Aínda que o traballo principal da asociación se concentra na convocatoria e organización do festival, tamén levan a cabo outras iniciativas como Aprendo con Olloboi”: unha escolma de entrevistas de xente de todas as profesións do cine, 15 persoas premiadas e recoñecidas, "que altruistamente nos fixeron unha masterclass en vídeo na que explican para os rapaces en que consiste a súa profesión. Cada unha destas charlas acompañámola dunha unididade didáctica con actividades interactivas para que os docentes a usen nas aulas". Todo este material está na rede de xeito gratuíto e tamén se editaron uns libros co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística

 

 


Na procura dun pacto de Estado polo cinema na educación

Na procura dun pacto de Estado polo cinema na educación

 

É unha vella demanda do sector educativo, da cultura, do audiovisual. Nunha época na que se producen e consomen máis imaxes en movemento que nunca, hai un burato nas aulas que fai saltar da literatura ás canles de Youtube sen coñecer polo medio a arte na que se basea a cultura audiovisual que coñecemos: o cinema.

 


A formación dos espectadores, da ollada crítica, do coñecer e practicar a linguaxe audiovisual, son necesidades que levan anos enriba da mesa, con diversas iniciativas que tratan de traballar neste sentido, case sempre fóra dos currículos oficiais. Mais parece que hai avances, e no ámbito español é a Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas de España quen se puxo a liderar desde o ano pasado a iniciativa que persegue un Pacto de Estado polo cinema e a educación, poñendo ademais ao servizo dos distintos axentes implicados materiais e ferramantas para traballar o cine español nas aulas.

Con esta iniciativa a Academia española desexa “encauzar un interese social que xa era patente tanto na profesión audiovisual coma no mundo educativo que, en común ou por separado, veñen traballando desde hai tempo para que o cine adquira nas aulas a relevancia que merece como patrimonio cultural indiscutible nunha sociedade inmersa na linguaxe audiovisual”. Porque o certo é que as iniciativas xurdidas neste ámbito son moi numerosas, están impulsadas desde diversas plataformas e organizacións e teñen programas dirixidos a todos os niveis educativos. Pero funcionan por libre e están bastante dispersas, así que unha das primeiras accións da Academia foi crear unha listaxe destas iniciativas, para saber que é o que se está a facer xa en distintos territorios do Estado.

Outro dos proxectos que puxo en marcha a Academia con esta finalidade é o libro Cine y Educación, no que colaboraron numerosas persoas do sector audiovisual e do pedagóxico, e que quere ser un documento marco para impulsar a implantación de plans de alfabetización audiovisual no sistema educativo non universitario.

Nesta publicación a Academia formula tres propostas básicas. Primeiro, que as autoridades educativas determinen unhas “liñas mestras” de actuación que sirvan como “marco xeral” a partir do que cada Comunidade Autónoma e cada centro poidan establecer a súa propia dinámica. En segundo lugar, a elaboración dun “Libro Blanco sobre a Educación Audiovisual en España” (do que o libro como documento marco pode ser o xermolo), que recolla as iniciativas existentes e estableza, no posible, criterios comúns. E, en terceiro lugar, que se poñan en marcha as accións necesarias co fin de chegar a un “Pacto de Estado” cos diversos grupos políticos para a definitiva introdución do ensino audiovisual na regulación educativa.

Para non partir de cero o libro debulla a lexislación española nesta materia a partir da LOMCE pero sobre todo fai unha análise de como se está a aplicar nas distintas comunidades autónomas, que teñen a competencia á hora de deseñar e implantar os currículos educativos. Ademais de avaliar a súa presenza téñense en conta as distintas funcións que pode ter o cine nas aulas, agrupadas en torno a catro eixos: o cine como recurso de soporte educativo, a análise crítica do audiovisual, a produción propia de cine e o estudo do cine como medio ou forma de arte. Propóñense exemplos de como se pode traballar co cine en distintas materias e niveis, e tamén se analizan os recursos de formación do profesorado que pon a disposición cada comunidade autónoma para a alfabetización audiovisual.

Como anexo o libro Cine y educación recolle unha listaxe de películas españolas (longametraxes e curtametraxes) adecuadas aos diversos tramos escolares. Na selección procurouse que os filmes elixidos estean respaldados, en primeiro lugar, por un criterio de calidade cinematográfica e, ao mesmo tempo, que respondan a obxectivos pedagóxicos, adecuándose ás etapas educativas correspondentes coa finalidade de favorecer unha lectura creativa, analítica e crítica. Mais tamén se tiveron en conta outros criterios, como o valor patrimonial e histórico das películas (tentando facer unha pequena historia do cine español cronoloxicamente falando), e tamén que sexan atractivas a ollos do alumnado para xerar motivación e gozo no seu visionado.

Entre os filmes galegos suxeridos nesta listaxe atopamos títulos como O xigante e A tropa de trapo na selva do arco da vella (Educación infantil de 3 a 6 anos),  A flor máis grande do mundo, Peixes e O bosque animado (Educación Primaria de 6 a 8 anos) ou Un conto para Olivia (Educación Primaria de 10 a 12 anos), e para Educación Secundaria A lingua das bolboretas (1º ESO), Un franco, 14 pesetas (2º ESO), Engurras (3º ESO) ou Os luns ao sol (1º Bacharelato).


Europa: a alfabetización mediática como prioridade

Nos últimos anos a política de apoio ao sector audiovisual da Comisión Europea ten dúas liñas estratéxicas: a distribución dixital e a alfabetización mediática, entendendo por esta última “a capacidade de acceso, comprensión, creación e avaliación crítica dos distintos medios de comunicación”.

A necesidade destas políticas chega “ante a rápida implantación das tecnoloxías dixitais e o seu crecente uso no ámbito empresarial, educativo e cultural” polo que “é importante asegurar que todo o mundo comprenda e poida participar nos medios de comunicación dixitais”. Neste sentido, a Comisión Europea entende que “a alfabetización mediática é esencial para o crecemento económico e a creación de emprego” ao tempo que manifesta a necesidade de protexer a propiedade intelectual.

Dentro destas directrices xerais a alfabetización cinematográfica ou film literacy é un foco moi importante, xa que o cine xoga un papel fundamental na construción das identidades europeas. Como dixo no seu día Win Wenders, presidente da Academia do Cinema Europeo,  “unha audiencia que teña aínda que sexa un vago coñecemento da historia e da riqueza do cinema europero será quen de elixir de maneira distinta, de tomar outras decisións sobre o que quere consumir. O gusto ten que ensinarse!”.

Compartindo esta vontade, a Comisión Europea introduciu en 2014 no programa Europa Creativa MEDIA unha liña de apoio para proxectos de Film education:  actividades dirixidas a promover a alfabetización cinematográfica e a aumentar o coñecemento e interese das audiencias nas obras audiovisuais europeas, incluíndo o patrimonio audiovisual e cinematográfico, e en particular entre os públicos novos.

A convocatoria do vindeiro ano está aberta ata marzo de 2020 e diríxese a proxectos que faciliten mecanismos para a mellor cooperación entre iniciativas de educación cinematográfica en Europa de xeito que se mellore a súa eficiencia, a súa dimensión europea e a súa innovación usando ferramentas dixitais. A audiencia á que se dirixan estas iniciativas debe ser menor de 19 anos. Tamén se apoiarán proxectos que melloren a contribución á educación das película europeas e outros traballos audivisuais, incluídos catálogos de filmes.

Ademais disto, a Comisión Europea promoveu varios estudos sobre cine e educación que amosaban unha gran cantidade de actividades independentes en Europa neste sentido, pero tamén que é unha materia que aínda non está recoñecida nin nos currículos educativos nin nas políticas de educación dos distintos países. Estes estudos recomendaban unha cooperación máis estreita entre a industria cinematográfica e as institucións educativas.

Nese marco europeo é onde agrupacións sectoriais como as Academias de cine queren ofrecerse como interlocutor e ferramenta de traballo, tal e como comentaban no encontro organizado pola Academia Galega do Audovisual hai dous anos e que se recolleu nos Papeis da Academia de 2017.

Pola súa banda a EFAD, asociación das axencias de cine europeas (por España participa o ICAA) tamén ten un grupo de traballo en cine e educación para compartir estratexias e boas prácticas en torno a este tema. Na súa web podemos atopar varios recursos sobre distintos informes e directrices europeas que están a marcar o camiño polo que toda Europa, pasiño a paso, parece querer avanzar.


Tema de portada: audiovisual e educación

Nothing found.



Fiestra: unha plataforma para educar en valores con curtametraxes galegas

Fiestra: unha plataforma para educar en valores con curtametraxes galegas

Un dos proxectos máis importantes que a Academia lanzará en 2020 é Fiestra, unha plataforma online para que os docentes usen distintas curtametraxes galegas para a educación en valores. Falamos con Álvaro Dosil, responsable da selección e dos materiais didácticos que o profesorado galego poderá usar a través desta ferramenta.

Será antes de que remate este curso escolar cando se abra a Fiestra, que funcionará con acceso mediante unha suscrición de pago para calquera centro educativo. Con este acceso o profesorado poderá entrar e seleccionar entre os distintos proxectos de intervención pedagóxica a partir de curtametraxes de creadores galegos. A Academia leva meses traballando neste proxecto, para o que lle encargou a selección final dos filmes, así como as súas correspondentes guías para alumnado e docentes a Álvaro Dosil, pedagogo e especialista no cine e nas artes como ámbito de educación.

Como investigador Dosil pertence ao grupo Terceira Xeración, da facultade de Ciencias da Educación da USC, dirixido polo catedrático José Manuel Touriñán, quen desenvolveu unha formulación de como se pode desde unha área cultural (ciencia, lingua, artes) construír unha área de coñecemento no ámbito da educación. Trátase de crear unha especialización da pedagoxía xeral á pedagoxía aplicada a partir de disciplinas como o cine, a música, arquitectura… No caso de Dosil a súa experiencia colaborando co festival Curtocircuíto axudoulle a decantarse polas artes e en concreto polo cine como ferramenta para a a educación en valores.

É a primeira vez que desde o ámbito académico vemos como os estudosos da Pedagoxía participan activamente nun proxecto destas características que usa o cine para educar en valores, levando a práctica o marco teórico sobre o que eles traballan. E que quere dicir exactamente ‘educación en valores’?  “Ás veces é un concepto que xera certa suspicacia ou controversia”, explica Álvaro Dosil: “hai quen de entrada pensa que podemos falar de valores doutrinarios ou relixiosos, mais para nós a educación en valores é todo o que o ser humano valora como positivo para a formación das xeracións presentes e vindeiras”.

“A Academia está facendo un traballo que desde a Pedagoxía non se estaba a facer (…) No mundo da educación vivimos aínda moi instalados na cultura do libro”

A función de Dosil no proxecto Fiestra é a asesoría pedagóxica, que consiste en establecer un marco teórico no que se vai desenvolver a acción educativa, establecer criterios para valorar as obras, analizalas para determinar unhas temáticas sobre as que traballar, e a partir desas temáticas facer unhas guías pedagóxicas para estudantes e tamén para docentes. “Formúlanse temas comúns como liberdade, xustiza, equidade, tolerancia, desenvolvemento sostible… e a partir deses temas preparamos intervencións pedagóxicas adaptadas a distintas idades, que por agora abranguen desde 5º de primaria ata 4º de secundaria”, expón.

Estas guías están organizadas por temas, de xeito que se un docente busca o tema co que quere traballar, por exemplo igualdade, saen unha serie de obras que tocan eses temas. Dentro de cada obra temos o visionado, a ficha técnica, información que permita coñecer mellor as obras e os autores, e despois temos a intervención pedagóxica proposta segundo a idade do alumnado. A intervención comeza cun momento inicial de contextualizacion: “por exemplo, se se trata o tema da igualdade, hai unha hipótese cero na que se trata de que os alumnos falen do tema antes de ver a pellicula. Logo faise o visionado e despois abórdase a temática a partir de diálogos ou escenas concretas das películas, para debater na clase”, explica Dosil, que engade que, máis alá do tema en si, “hai moitas cuestións logo que se poden tratar a nivel cognitivo, a nivel afectivo, a nivel creativo… que están implícitas no noso traballo e que parten de que lles fagamos pensar aos alumnos e facilitemos que teñan debates entre eles”.

Polo de agora non se achegan outras visións sobre a película desde o punto de vista artístico. Dosil explica que “é unha intención que existe pero, sendo un proxecto piloto, priorizouse polo de agora a primeira parte dos valores comúns. Máis adiante a idea é adentrarnos tamén nos valores específicos, os do cine como fenómeno artístico e de creación do ser humano”. O ámbito idóneo para traballar con estas intervencións pedagóxicas sería nas aulas de filosofía e nas titorías, é dicir, por agora non están adscritas a unha materia curricular concreta. O obxectivo con estes materiais de traballo é “poñérllelo moi facil aos docentes para que teñan a motivación de traballar cos filmes na clase, porque se hai unha complexidade de inicio e require moito tempo extra do profesorado é máis difícil que participen”.

 

Unha ferramenta que xorde do diálogo cos docentes

O xermolo da idea de levar acabo o proxecto Fiestra naceu dos encontros de docentes de audiovisual de Galicia que organizou a Academia o pasado ano. Aí moitos deles apuntaban a necesidade de ter este material para traballar con filmes galegos na aulas. Indica Álvaro Dosil que “algunha pequena iniciativa había para levar os nenos aos cines, pero moitas veces pensas que con ver a película está o traballo feito e non é así, os docentes precisan ferramentas para traballar cos filmes a partir do visionado”. Neste sentido, considera que “a Academia está facendo un traballo que desde a Pedagoxía non se estaba a facer, na miña facultade por exemplo sempre os temas relacionados co cine se tratan dentro de innovación pedagóxica, cando o cine de innovador xa ten pouco. Supoño que parte desa concepción do cine como entretemento, como un instrumento lúdico. No mundo da educación vivimos aínda moi instalados na cultura do libro”.

Así como o diálogo cos docentes foi fundamental para poñer en marcha o proxecto, a súa participación será imprescinbile para levalo a cabo e ilo avaliando nesta primeira fase: “para facer esta avaliación o ideal é que os propios profesores, os que máis se impliquen na tarefa, sexan os que compartan a súa experiencia e nos informen de como funcionou o proxecto, as guías e as películas entre o alumnado. É fundamental ter o seu feedback porque moitas veces no ámbito académico si que estamos algo afastados do terreo, do día a día das aulas”, explica o pedagogo, engadindo que “tamén me gustarían convocar un grupo de expertos nas teorías educativas nas que se baseou esta plataforma, para ir contrastando teoría e práctica con uns e con outros. De todos xeitos o importante é integrar os profesores, facelos particicipes, deles vai depender que a plataforma teña éxito ou non”.

 

Un catálogo feito con criterios educativos

A selección de pezas que forman parte desta primeira fase de Fiestra conta de momento con dez pezas, todas galegas, non necesariamente faladas na nosa lingua. O catálogo irá crecendo pouco a pouco e incluíndo máis obras cada ano. Entre as que máis lle sorprenderon a Álvaro Dosil, que fixo a selección e valoración final a partir da criba primeira que fixeran os programadores Jorge Rivero e Marcos Nine, está Cousas do Kuleshov, de Susana Rey: “Mentres a vía non paraba de anotar cuestións das que falar cos rapaces, é máis pertinente que nunca agora con todo o que se fala da manipulación dos medios e da postverdade. Ademais esta curtametraxe, que foi dos filmes galegos máis premiados da pasada década, estaba bastante esquecida, co cal Fiestra tamén é unha oportunidade para rescatar e recoñecer obras fundamentais do noso audiovisual”.

Así pois, tamén son importantes os valores patrimoniais e de proximidade que o noso cinema lle pode achegar ao estudantado: “Posiblemente neste programa para moitos sexa a primeira vez que ven unha curtametraxe galega, próxima a eles. Todo o contido da tele e das plataformas está moi estandarizado, ten pouco que ver coa súa realidade.  Xa só con ensinarlles que hai películas na súa lingua estámoslles dando a oportunidade de entender que é válida nunha arte coma o cine”, remarca Dosil.


Tema de portada: audiovisual e educación

Nothing found.



Cineclube. Aprendendo a programar cinema galego desde a escola

Cineclube. Aprendendo a programar cinema galego desde a escola

Texto: María Yáñez.  Fotos entrevista: Tamara de la Fuente.  Fotos Cineclube: Aigi Boga.

A Academia puxo en marcha este ano ‘Cineclube. Novos Programadores de Cinema Galego’, un obradoiro para descubrir o mellor cinema feito en Galicia, aprendendo a diferenciar os seus aspectos máis destacados.

 

Os rapaces e rapazas asistentes, dos colexios CEIP O Camiño Inglés de Sigüeiro e IES Eusebio da Guarda da Coruña seleccionaron unha serie de curtametraxes para, ao final de curso, programar unha sesión pública de cine. Un achegamento ás películas galegas desde primaria e secundaria que pilotaron Marcos Nine, que foi director e programador do festival Cinema Crianza, e Jorge Rivero, director e programador do festival Pequefilmes. Neste diálogo entre os dous puidemos saber máis sobre esta actividade e tamén sobre a súa experiencia programando cine para os máis pequenos. 

Marcos Nine e Jorge Rivero. Foto: Tamara de la Fuente.

Pregunta.- Como nace esta iniciativa e como a deseñades?

Jorge Rivero.- A iniciativa xorde da Academia para poñer en marcha un programa que busque que os rapaces de institutos e colexios coñezan mellor o mundo da curtametraxe, das curtametraxes galegas en concreto. Tamén é unha maneira de sensibilizalos cara aos festivais de cine e á figura do programador. Ese é o obxectivo principal. Logo trátase de organizar actividades de grupo dentro dos centros relacionadas con este ámbito da curtametraxe galega, e darlle así máis difusión nestes espazos.

Marcos Nine.- Eu o que lle propuxen ao alumnado é entender a programación como unha maneira de ter un discurso propio, de contarlle algo a un espectador. No centro no que eu traballei, con 25 rapaces de 1º de Bacharelato do IES Eusebio da Guarda da Coruña, o que fixemos foi primeiro escoller unha serie de temas dos que cada grupo quixese falar e despois buscar películas que ilustrasen eses temas. No noso caso tivemos sorte porque, sendo público adolescente, había varias curtas galegas que se achegaban bastante aos seus criterios. Pero puxemos a énfase en usar a programación para crear un discurso, e xogar tamén un pouco coa orde e coa disposición dos filmes, coa sensación que queremos deixar no espectador.

J.R.- No meu caso hai algunha diferenza, eu traballei no CEIP de Sigüeiro cun grupo de nenos e nenas de 9 años. E máis que pensar a programación por temas primeiro tiñamos que orientala por idade, decidir a que grupo dentro do cole nos queriamos dirixir e o que implica: se eran máis pequenos ca eles serían contidos máis sinxelos, terían que ser sen subtítulos para os que aínda non soubesen ler… porque si que hai moitas diferencias entre cada segmento de idade, e ao final fixemos dous grupos. Fixemos unha sesión previa de definición de todo os criterios, para saber que é unha curta, a duracións, como as clasificamos por idades, que tipo de curtas queremos, que buscamos nesta programación (valores, calidade técnica, representativo, que fale da historia de Galicia…) distintos criterios que iamos discutindo entre todos. Logo vimos as curtas e tratamos de encaixalas nos criterios que estableceramos. Non podiamos traballar os temas de maneira predeterminada porque sabiamos que despois non teriamos material suficiente.

M.N.- Tal e como eu tiña armado o taller no instituto estaba buscando fomentar a curiosidade, a idea de busca, que remexesen no medio de materiais… iso pódese facer a partir de certa idade. Logo ten un perigo que é que se o rapaz ou rapaza atopa unha curta que fala do tema proposto xa non busca máis, pararece que cubre expediente. Creo que aí está unha das pelexas a partir de determinada idade. Temos que dicirlles que non se conformen co primeiro que atopen e fomentarlles a curiosidade para que sigan buscando ata atoparen aquilo que realmente queren.

Tamén hai unha consideración previa que é moi obvia pero hai que deixala clara: as películas non educan per se, poden ser unha ferramenta fantástica para traballar, pero quen educa son os educadores. Moitas veces dá a sensación, cando se fala de usar o cine na educación, que estás buscando que unha película teña a mensaxe exacta para que cadre cos valores que ti queres inclucar. Pero as películas non son iso, as películas expresan ideas, xeran discursos… e eses discursos non sempre se axustan aos valores que ti queres transmitir exactamente.

J.R.- Non, o que son é unha base para unha discusión. A miña misión non era tanto buscar esa ferramenta educativa como expoñer a realidade do que é un festival de cine, a curtametraxe galega, onde está como buscala… eu mandáballes deberes para que mirasen en internet. Claro, partía dunha base que era un grupo de alumnos de 9 anos, todos moi motivados e respondían moi ben. Con rapaces maiores igual é máis complicado, pero a esta idade teñen moita iniciativa e cando lles dis que vaian a casa e miren cousas no ordenador, eles encantados. Pedinlles que buscasen e fixesen unha lista de festivais galegos e determinasen cales tiñan programacion infantil. Fixeron entre todos unha lista enorme. A idea era que tivesen ese primeiro contacto co cine que se fai aquí e cos festivais, que visen como se fan e fomentar a afección. Logo tamén buscabamos orientar un pouco a mirada. Eu traballaba case todo con animación para esas idades, e falabamos sobre a espectacularidade ou a técnica que se vía nas películas, en contraposición ao que contaban, se dicían algo interesante para eles.

M.N.- No meu caso mandarlles deberes era mais complicado, están máis saturados de actividades. E logo hai unha cuestión moi importante cos adolescentes: se es capaz de conectar con eles responden moi ben, pero ao mesmo tempo é difícil, porque están desaparecidos de moitos ámbitos, non é publico dos festivais de cine habitualmente. Aí hai un burato negro que non sabemos resolver, temos que ver que pasa cos adolescentes para que non participen en eventos culturais ata que non pasan dunha determinada franxa de idade. Se traballas con eles no contexto do instituto van participar, e moitos deles vano facer de maneira moi activa, pero probablemente se os sacas dese contexto da obriga ao mellor xa non participan.

“Hai que ter claro que as películas non educan per se, poden ser unha ferramenta fantástica para traballar, pero quen educa son os educadores”.

Marcos Nine

J.R.- Unha das cousas que veñen pasando ata agora é que, aínda que os leven desde os colexios a festivais de cine ou a proxeccións, seguen a ser un público pasivo, e chega un momento en que teñen outros intereses, non se senten partícipes senón que é algo que lles di a xente maior que fagan, mesmo lles din as pelis que teñen que ver. Penso que tería que ser un labor máis continuado e xa desde primaria, para fomentarlles a afección e tamén deixarlles xogar e darlles un papel máis activo. Actividades coma estas de programación e selección fan que se impliquen no proceso, hai discusións sobre os criterios, que meter ou que non…  Cando debaten sobre que elixir ou programar, cando están metidos nese dinamica xa viven a experiencia doutra maneira.

M.N.- Eu notei que o día da proxección, cando lles puxeron as películas aos seus compañeiros de instituto, había ese gusanillo. Si que se notaba esa parte de querer que á xente lle gustase, e ao final sentir satisfacción e verlle sentido ao traballo feito.

P. De que catálogo partiades? Como foi a selección previa?

J.R.- Como eu non tiña moitas opcións onde escoller intentei que o meu criterio fose só eliminar o que por cuestións de idade non vise adecuado para ese público. Interesábame traballar con eles desde os primeiros criterios e ter curtas que estivesen mal feitas, con moitos erros, para discutir e ver a diferencia con outras mellores.  Usamos sobre todo a base de datos da Academia e algunhas outras pezas que coñecía da miña experiencia en festivais. Formuleino como unha misión que nos encomendaran: o 7 de xuño tiñamos que presentarlles unha hora de programación aos compañeiros de colexio. Tiñamos que decidir todo, para empezar a duración e a cantidade de pezas, para que discutisen as vantaxes e inconvenientes de cada un deses criterios.  E a partir de aí que fosen reflexionando e construíndo o programa que eles querían. En total fixemos sete sesións sesións de xaneiro a xuño. As curtas víanas na clase.

M.N.- Eu non fixen catálogo. Conteilles unha especie de Historia do cine en galicia, desde Miss Ledyia ata o Novo Cinema Galego, e íalles ensinando cousas. A forma de traballar era por grupos, eran grupos de catro e un de cinco e cada un deses grupos escollía un tema do que lle gustaría falar. A idea era que cada un fixese unha programación sobre ese tema, pero non puidemos facelo porque hai moitos temas que lles preocupan que o cinema galego ainda non tratou, nese sentido eles van moi por diante. Enton faciamos sesions conxuntas nas que cada un conseguimos achegar algunha peli a cada sesión. E isto está moi ben porque en xeral cando ves a sesión o que estás vendo unha recompilación das preocupacións de adolescentes de 16 anos. Nese sentido algunha sesión funcionou moi ben. Eu tamén queria que buscasen pola súa conta. Si que había certa tendencia a buscar pelis que tiñan sexo ou violencia e houbo que cortarse un pouco. Desde logo foi un traballo ilustrativo de quen son como xeración.

P.- E que películas acabaron poñendo? Que temas lles interesaban máis?

M.N.- Puxeron unha que fixeron no IES Politécnico de Vigo que se chama Son feminista, e tamén Siglo XXI de David Fidalgo Omil, Ladrones de Tiempo, de Fran X. Rodríguez; EquilibriumCuida el agua, de Virginia Curiá e Tomás Conde, ou C.O.D.A, de Veru Rodríguez.

J.R.- Esas tres últimas tamén as elixiu o meu grupo.

M.N.- O medio ambiente é o gran tema desta xeración. Téñeno incorporado desde moi cedo e programar cousas sobre ese tema funciona e interésalles. Igual que o feminismo, sempre tenden a buscar eses temas. O bullying tamén, e toda a relación coas redes sociais. Pero, como dicía, non atoparon nada que tivese que ver con outros temas que querían contar como o ciberacoso, a relación cos animais…

J.R.- No meu grupo o ecoloxismo tamén lles preocupaba, aínda que eu non notei tanto unha preocupación por temas, senón que buscaban algo que lles estimulase. Con 9 anos se cadra non teñen unha noción tan grande sobre o feminismo por exemplo, pero si que lles interesaban moito as miradas infantís cara á realidade. Había varias curtas sobre o choque entre o mundo dos adultos e o dos nenos, como Curricán, de Álvaro Gago, que lles interesaban moito. E evidentemente tamén buscaban diversión, algo máis lúdico, non só reflexión.

M.N.- Eu notei nos do instituto, e aí penso que algo falla, que ás veces os adolescentes responden demasiado ao que cren que se espera deles. Non expresaban o que pensaban en realidade senón o que quedaba ben, sempre buscando responder á expectativa. A un grupo tireille das orellas un pouco por iso. Para que se liberasen e se permitisen o luxo de poder se eles mesmos nun espazo onde non ían ser avaliados. Iso tamen é importante e debería ser unha das cousas que lles indiquen na escola. Se non parece que os están robotizando.

J.R.- A min tamén me pasaba e xogabamos a iso, tiñamos ese punto de transgresión. Cando empezaron a ver as pelis moitas parecíanlles moi infantís. Por iso ao final decidimos facer dúas sesións, unha para máis pequenos e outra para maiores.

M.N.- Iso está moi ben porque os obrigas a poñerse no lugar do espectador, a programar para outros e non só para ti.

P. Como orientastes a proxección final?

J.R.- Pois despois de facer todo ese traballo de busca, de discusión e de selección das películas, programamos a proxección no cole, presentada por eles: cada participante tiña que presentar unha curta, explicar de que ía, falar algo do director, comentar se tivera algún premio ou se estivera nalgún festival… e expoñer nun minuto por que ese corto estaba seleccionado (polos seus valores, porque era divertido, a razón que fose). Previamente tiñamos planeada unha actividade que era facer unha campaña de difusión ou promoción do evento pero ao final iamos xustos de tempo e, aínda que vimos esa parte a nivel teórico, non nos deu tempo a executala.

M.N.- Connosco foi bastante parecido, a idea era levar esa información que recompilaran a unha folla de sala, que é o formato no que traballamos. Cada unha das pelis tiña unha ficha onde se incluía o título, o ano, historial do director do filme… e logo outra parte de reflexión deles na que dicían por que escolleran a curta.  Eles decidiron que era mellor que cada grupo presentase a sua peli. Tamén quedamos sen tempo de poder facer nada máis.

 

Proxección no IES Eusebio da Guarda

Proxección no CEIP de Sigüeiro


P. Falemos agora da vosa experiencia como programadores de cinema infantil. Cal é a filosofía dos festivais nos que traballastes?

J.R.Pequefilmes parte da filosofía de ampliar a ollada dos máis pequenos e da miña experiencia en festivais de curtametraxes nos que viamos que había moitas pezas que non estaban destinadas especificamente ao público infantil pero eran susceptibles de ser interesantes para as crianzas. Comprobamos como hai filmes abstractos que lles encantan a nenos de 0 a 3 anos, que aínda non teñen noción do narrativo pero que o pasan moi ben se lles pos algo que estea baseado en formas, cores, ritmos, etc. Iso gústalles moito, e sucedía que os pais que viñan con eles non os entendian, pero claro, non eran para eles.

A idea, pois, era coller todo ese contido de material xenial e espectacular que está aí e do que nin sequera se pensou que podería ser interesante para este público infantil.  Os nenos poden disfrutalo perfectamente. Tratábase tamén de achegar un contido que tal vez se non fose polos festivais que organizamos non chegaría nunca. Queriamos ofrecer ese espazo, dirixilo a ese público e tamén aos pais. Porque estes festivais son de cine familiar, teñen a misión de educar a mirada tanto para os nenos como para os pais e nais. Moita xente sae flipando coas pelis e lamenta que non se poidan ver, cando son pelis que están dispoñibles na rede moitas deles. Teñen que ir sabendo que en internet hai moito máis que Disney e Clan TV.  Custa o mesmo esforzo buscar unha curta destas en Youtube que buscar, poñamos, Peppa Pig.

M.N.- Hai unha finalidade básica que é dar a oportunidade de acceder a contidos diferentes aos que habitualmente se consumen. Tamen hai que dicir en favor de moitas canles que a programacion infantil é máis diversa que cando nós eramos críos. Segue habendo todo un universo aí que é descoñecido. Os festivais son para abrir a mente en dous sentidos: na diversidade estética e nos distintos tipos de historia. Cando programas cine decátaste do artificio que é tamén o mundo dos festivais porque a inmensa maioria das pelis que vemos son historias “occidentais”. Nós en Cinema Crianza recibimos 3.000 pelis das que 800 son da India e 500 son de Irán. Máis da metade do festival son filmes deste tipo. Á hora de programar ten sentido que vaian ver historias de realidades que non teñan nada que ver con aquilo que os rodea.

Despois nós sempre pensamos en programar de maneira moi ligada á educación, por iso están presentes certos temas: o medio ambiente, cuestións relacionadas coa creación, a música… neste sentido tamén usamos a programación para que vexan mísicas doutros lugares: jazz, clásica, musica étnica árabe… e que saian da sala con esa confluencia de estilos.

J.R.- O bo dos programas de cine infantil é que che permiten explorar outras cousas mais alá da narrativa: emocións, sentimentos…  aquí temos formatos que buscan outras linguaxes.

M.N.- Nós puxemos unha curta que era un plano dun elefante, un plano dun can, un plano dun gato… 30 planos seguidos de animais. Os nenos de menos de 3 anos gozábano e interactuaban coa pantalla. Un adulto ve iso e non entende nada, pero na clave dos pequenos ten un punto de fascinación poder ver nunha pantalla enorme un becho.

J.R.- Unha cousa que tamén me chamou oito a atención é que ao principio todo o mundo pensa que vas poñer animación e comedia, e logo saen queixándose de que non riron en ningunha curta. Dan por feito que ten que haber comedia, e algunha hai pero non moita. Pasounos que algunha xente saía preocupada poque non sabía se os nenos estaban gozando das proxeccións, e logo resultaba que a curta que levaba o premio do público era a máis dramática, a que aos nenos máis lles gustaba. Por iso non debemos pensar que á rapazada lles gustan só os contidos amables, a comedia. Tamén lles gusta outro tipo de realidade.

M.N.- O ano pasado en Cinema Crianza gañou unha curta sobre bullying, aí ves como votan aquilo co que se senten identificados, temas que para unha persoa adulta poden parecer algo naíf. Onde máis aprendín foi das follas que lles damos para votar e deixar comentarios sobre as pelis. As cousas que escriben son flipantes.

J.R.- E despois tamén pasa o tipico: pais que protestan porque as curtas non lles parecen apropiadas e aos seus fillos encántanlles.

M.N.- Nós fixemos algo interesante. Para temas delicados como o maltrato, por exemplo, que se os pos para público xeralista poden crear suspicacias, levabamos as películas ás escolas acompañados dun educador. Hai peliculas que son máis faciles de ver cunha profesora ou profesor ao lado que se as ves con teu pai ou túa nai.

J.R.- En Curtocircuito viñan colexios a ver películas e non pasaba nada, e despois viñan pais cos fillos a ver as mesmas curtas e queixábanse máis, son moi protectores, por exemplo preocúpalles que haxa unha morte ou sangue… cando os filmes que ven os cativos pola súa conta, Transformers e cousas así, adoitan ser moito máis violentos. Na casa ven contidos moitos menos apropiados que os que lles programamos nós.

M.N.- De todos xeitos creo que sempre hai que tensar a corda para ver ata onde dá. Hai unha película chamada El despertar de las hormigas que fala do orgasmo femenino e do descubrimento da sexualidade na preadolescencia. Puxémola para maiores de 12 anos, nalgún momento pensei “igual me linchan”, pero hai que ir con todo. Hai cousas que se desde un festival de cine non te atreves a facer ninguén as vai facer por ti.

J.R.- Eu non creo que nada do que nós teñamos programado sexa sobre temas cos que os rapaces non teñan contacto. Podes intentar mirar para outro lado pero son preocupacións que eles teñen.

P. Que é o mais gratificante ou o que mais vos sorprendeu da vosa experiencia nestes festivais?

M.N.- Sobre todo ver a reacción das nenas e nenos, que é moi boa, son moi abertos. Mesmo habendo películas na sesión que non lles gusten, como son variadas sempre hai algo que lles acaba gustando. O máis gratificante son os comentarios que fan ao final, é marabilloso traballar con publico infantil.

J.R.- Para min o mellor é cando entras na sala e os ves cos ollos pegados á pantalla, gozando. Estámoslles poñendo contidos dun tipo que non viron nunca, e esa cara de sorpresa e de satisfacción é moi chula. Sempre hai moito balbordo, son nenos, pero hai sesións ou curtas coas que ves que están en silencio, alucinando.

M.N.- E logo está o impredecible do que pasa na sala: silencio, risas, cando falan coa pantalla…

J.R.- No caso de Pequefilmes non temos sala convencional, o espazo dos nenos son pufs no chan, é algo máis comunitario. As nais e pais están máis aparte, e os nenos mestúranse sen estar encaixonados nunha butaca. Ves que é moi espontáneo, falan cos personaxes, aplauden…

“Hai unha parte de educación e espertar curiosidade no público, dicirlle: isto existe, vaiche gustar por estes motivos… facer ese traballo de prescrición. Na rede hai curtas infantís ata aburrir e, igual que a xente á que lle gusta a música xa coñece as canles para acceder a case todos os discos editados online, non é tan dificil facelo co cine”.

Jorge Rivero

P. Como vedes o cine galego infantil neste momento?

J.R.- Hai moi poucos contidos, falta produción. O que deberiamos facer entre todos (festivais, cineastas, institucións) é sentarnos e expoñer unha realidade. Se facemos contidos para este público, nus anos crecerán como público para o cinema galego. Se queremos que haxa espectadores que disfruten do noso cinema teñen que crecer con el e sentilo como algo propio desde o principio. A nosa misión é facer que o público deixe de ser pasivo e que participe, que demande que eses contidos existan. Neste sentido hai moito traballo que se pode facer nas escolas de cine ou de arte, con colexios… tal vez como non se traballou ata hai pouco tempo para este público os cineastas están orientados a outra liña. É importante sensibilizar tamén os cineastas.

M.N.- Eu creo que é inexistente. E o problema é complexo, pero pasa porque os creadores non identifican facer cine infantil como unha forma de gañar a vida. Se non creas unha mínima liña de negocio arredor dunha actividade esta actividade queda subordinada a que alguén o faga de maneira voluntaria. Aquí o cine infantil non move cartos, non move negocio, por outro lado España, e Galicia especialmente, son países moi vellos onde hai poucos nenos e nenas, e temos un problema con iso. Se non existe unha vontade pública de que se produzan contidos infantís en cine, estes de maneira espontánea vai ser difícil que se dean.

J.R.- E non abonda só con pedir axudas, senon tamén crear eses espazos de difusión para que as producións sexan rendibles. Hai moitos ámbitos, centros educativos e culturais onde podería haber máis programación estable deste tipo de contidos.

M.N.- O que está pasando coa musica é un exemplo. Hai circuíto para iso, moitos produtos e actividades musicais para crianzas.

J.R.- Potencial hai para que se cree un circuíto económico en torno ao cinema infantil. Pero teñen que sentarse todos os axentes a deseñar e crear este circuíto para a produción, a difusión, a educación, etc.

M.N.- Despois, pensando nos cineastas e sobre todo nos estudantes de cine ou imaxe, non vexo nas curtas galegas que nos chegan, salvo casos puntuais, que se explore o universo infantil, algo que si que ves en cineastas novos de outros lados. Bótoo en falta sobre todo na xente das escolas, que supón que está máis próxima á adolescencia.

J.R.- Pasa por exemplo cos estudantes de animación. Parece que en España a súa mentalidade é acabar traballando en publicidade, nunha película ou en videoxogos, pero non ven o infantil como un espazo no que traballar. E logo vaste a Francia ou a países do leste e a metade de produción das escolas é contido infantil, porque é o que están a buscar televisións, plataformas web, etc, e ten moita saída. Se se traballase máis o contido infantil desde as escolas de aquí podería ser unha vía para introducirse nunha parte do mercado.

M.N.- Neste sentido as plataformas ou canles especializadas como Clan TV tamén poden axudar a cambiar a mentalidade. De momento Movistar+ ainda non apostou polo publico infantil, pero vai ser unha liña con demanda. E logo falta por desenvolver o potencial das cadeas públicas. Que a Televisión de Galicia non aposte máis polo público infantil é un erro.

J.R.- É un erro descomunal, pero aí hai algo a ter en conta que para min é clave. O modelo de televisión con contido infantil está ben pero moitas veces as familias e os nenos demandan contidos á carta. Non vexo porque un canal como TVG non fai unha plataforma así.  É moito máis barato que ter unha canle infantil. E espazo hai: Youtube e Vimeo estanse nutrindo de xente que busca contidos para nenas e nenos baixo demanda.

 

P. Nese sentido, como se podería potenciar máis o catálogo de cine infantil galego para achegalo aos seus potenciais consumidores?

J.R.- A Academia está nuha situación adecuada para facer isto: recompilou o catálogo, ten a intención de promover o cinema galego e é un bo punto de partida, cunha iniciativa como Fiestra, que podería ter outra rama máis familiar, non só para escolas. Agadic tamén ten a capacidade de desenvolver isto, se tivese interese. Ou que o fagan xuntos. Temos o catálogo de Shorts Form Galicia e por outro lado as curtas galegas están todas catalogadas pola AGA: queda buscar a maneira de darlle un acceso ao público.  É unha cuestión de recursos pero sobre todo de vontade.

M.N.- Nese sentido o importante é que non esteamos empezando sempre de cero, que cando iniciemos un proxecto nos marquemos unhas aspiracións e conservemos no tempo as ferramentas. Un dos problemas que tivo sempre a política audiovisual aquí é o de ter que estar reiniciándose cada certo tempo.

J.R.- E non só é unha cuestión de acceso ou de dispoñibilidade. Hai unha parte de educación e espertar curiosidade no público, dicirlle: isto existe, vaiche gustar por estes motivos… facer ese traballo de prescrición. Na rede hai curtas infantís ata aburrir e, igual que a xente á que lle gusta a música xa coñece as canles para acceder a case todos os discos editados online, non é tan dificil facelo co cine. O primeiro que hai que facer é espertar o interese, e logo se se puidese crear un espazo para facilitar o acceso tamén estaría ben, non é tan complicado.

M.N.- Despois está a parte de selección, clasificación, o traballo de programación en si, establecer un camiño para que sexa máis transitable o acceso ás cousas.

J.R.- E dentro disto o repecto ao autor. Unha das cousas que lle pasa moitas veces á curtametraxe é que os autores xa poñen as películas abertas en Youtube ou Vimeo, porque ao final o que queren é que a xente as vexa. Pero se se fai algo así a nivel institucional ten que haber un compromiso cos cineastas. En canto á prescrición, a cuestión é que cada vez se produce máis: tirando polo baixo este nos dous últimos anos producíronse en España máis de mil curtametraxes. Probablemente as curtas de produción galega anden polas 80 ou 90. Iso sen contar traballos de institutos ou cinema escolar. Por iso é necesaria a figura do programador, precisas uns criterios para decidir, e alguén que clasifique e ordene tantísima abundancia de contido.

M.N.- Estamos no momento en que os espectadores son mais activos que nunca, con Filmaffinity e cousas así. Os espectadores están todo o tempo recomendando cousas e menos mal, non podemos deixar todo ao algoritmo de Netflix. O público ten máis ferramentas das que tivo nunca para expresarse. Isto tampouco significa que o espectador acerte sempre, senón que a opinion maioritariamente verquida, que non ten porque ser a maioritaria, sexa apropiada.

J.E.- Logo tamén debemos considerar que tipo de mirada se fomenta: fai falta unha parte educativa, porque se non sabes que certo contido existe ou non tes certa mirada o criterio dos espectadores acaba sendo como o algoritmo, acábanse repetindo as mesmas constantes. Agora mesmo existen distintas webs que se dedican á orientación e a crítica da curtametraxe, como son Short of the week e Cortosfera, e realmente tampouco conseguen canalizar audiencias suficientes, ten que haber primeiro un labor de educación.

M.N.- Claro, é que ás webs acáballes pasando o mesmo que ás pelis. Tamén están metidas no mogollón e teñen a mesma dificultade, captar a atención da xente.

 

 

 


Tema de portada: audiovisual e educación

Nothing found.



Young Audience Award. Adolescentes da Coruña participaron nos Premios do Cinema Europeo

Young Audience Award. Adolescentes da Coruña participaron por primeira vez nos Premios do Cinema Europeo

A Academia Galega do Audiovisual en colaboración co Concello da Coruña organizou por primeira vez en Galicia a elección do Young Audience Award, facendo a cidade partícipe da votación de rapazas e rapaces de toda Europa entre 12 e 14 anos para escoller a mellor película europea do ano segundo o seu criterio.

Fotos: Aigi Boga


O Young Audience Award é a categoría oficial dos Premios Europeos de Cinema dedicada ao público xuvenil. A Academia Europea de Cinema (EFA) impulsa dende 2012 este galardón, que celebra un evento simultáneo entre varias cidades europeas. Na súa edición de 2019, 55 cidades de 34 países reuniron máis de 2.800 rapazas e rapaces, que elixiron Fight Girl, unha coprodución entre Holanda e Bélxica dirixida por Johan Timmers como Mellor Película, impoñéndose ás outras finalistas: Old Boys, de Toby MacDonald (Reino Unido, Suecia), e Los Bando, de Christian Lo (Noruega).

A cerimonia deste ano celebrouse o domingo 5 de maio e por primeira vez A Coruña foi unha destas cidades, convocando alumnado de secundaria de centros da cidade como o IES Urbano Lugrís, CEIP Concepción Arenal, IES Monelos ou IES Adormideras e tamén o CPI da Picota (Mazaricos) e o CEIP de Sigüeiro, xunto con outras rapazas e rapaces que se anotaron pola súa conta. Entre todos A Coruña foi a cidade española que máis participantes xuntou. As outras cidades españolas nas que se celebraba ao mesmo tempo eran Barcelona, Madrid, Valencia e Sevilla.

A dinamizadora desta actividade foi Cristina de la Torre, realizadora cunha ampla experiencia traballando en proxectos educativos e de dinamización social, e que levou a cabo o proxecto desde a fase inicial de captación dos centros ata o día da proxección. Ela encargouse de conducir esa xornada, que se organizou, segundo conta, “coma se fose un evento profesional: as rapazas e rapaces chegaron aos Cantones Cines, recolleron as súas acreditacións e visionaros as tres longametraxes finalistas, facendo despois de cada película un debate. Foron debates moi animados, eles participaron moito, e ao final tiñan clarísmo cal película lles gustou máis”.

Roberto Varela, docente do IES Urbano Lugrís da Coruña, destacou o moito que os seus alumnos gozaron da experiencia e sobre todo dos filmes: “era un pouco pesado ver tres longametraxes seguidas, pero as tres gustáronlles moito”, comenta.

Da película gañadora, Fight Girl, destacaron o ritmo e a identificación coa protagonista, unha rapaza que se traslada a vivir a unha nova cidade e ten problemas no instituto e resólveos converténdose en profesional do kickboxing, utilizando a pelexa como forma de canalizar a ira dun xeito controlado. “Varias das rapazas e rapaces no público interviron contando que se sentían identificadas porque tamén foran vítimas de bullying”, relata a dinamizadora: “por un momento a sesión case se converte nunha terapia colectiva. Recoñecían moito na protagonista esta necesidade de comunicarse co movemento, esa frustración co entorno… foi moi interesante”.

Unha vez vistos os filmes, antes da votación as participantes tiveron a visita de Isabel Naveira, que lles falou da súa experiencia como actriz e como membro da Academia Galega do Audiovisual. En distintos momentos fixéronse conexións con sedes do festival noutros lugares de Europa, e os asistentes tamén viviron en directo a cerimonia final dos premio, cun sistema similar ao de Eurovisión onde un representante de cada país dicía os seus votos.

Neste vídeo da cerimonia puidemos ver o momento da votación desde España:

Cerimonia dos YAA. A partir do 45'20'' podemos ver a participación española.

Unha experiencia compartida

Durante unha xornada que foi longa pero tamén lúdica -os participantes pasaron nos Cantones Cines todo o día vendo os filmes e a cerimonia, cun xantar que ofreceu a Academia coa colaboración de Galipizza-, os docentes que acompañaron os participantes destacaron o valor dunha experiencia coma esta, tanto pola convivencia entre alumnado de varios centros nunha mesma actividade, como pola oportunidade de ver filmes que non adoitan estar dispoñibles.

Para Roberto Varela, que dirixe ademais un clube de cine no IES Urbano Lugrís, onde pon o contacto o alumnado co cinema europeo, “o máis difícil é acceder a estes filmes, nin sequera son posibles de conseguir aquí en DVD, co cal é unha ocasión que non podemos deixar pasar, porque ademais son filmes cos que os estudantes conectan moito”. Na enquisa que fixo entre os rapaces e rapazas de Secundaria que participaron na actividade, a satisfacción era moi alta, “tanto que se correu a voz e este ano temos máis xente no cineclube, están desexando que se poida repetir algo así”.

Ademais moitos destes alumnos son son de barrios humildes e, aínda que consomen moito audiovisual na casa, teñen moi pouco acceso ás salas de cine e a películas que non sexan norteamericanas, engade o profesor. Por iso reclama que haxa máis actividades deste tipo nas que poidan participar máis centros, máis espazo para o cinema nos currículos educativos e sobre todo “que haxa máis cinema europeo dispoñible para proxectar nas aulas, e en especial cinema galego”.

A Academia Galega do Audiovisual puido constatar así a boa resposta e interese desta actividade, que coloca a Coruña no mapa dun evento europeo, e que achega ás salas de cine a un público que entre a idade infantil e a adulta atopa un baleiro, tanto no costume de ir ao cinema como na oferta de filmes interesantes para eles, e menos aínda do ámbito europeo. Cristina de la Torre resalta a importancia de ver como temas importantes para os adolescentes cando están conformando a súa identidade, como o problema do bullying, son compartidos por xente doutros países, son un problema íntimo pero tamén social a nivel internacional: “Suponse que para iso é o cine, para facernos pensar e construir culturalmente”. 

Velaquí un resumo en vídeo de como foi a xornada:


Tema de portada: audiovisual e educación

Nothing found.



Os dez filmes galegos que todo estudante debería ver

Os dez filmes galegos que todo estudante debería ver

O cinema galego está en plena fase de crecemento, expansión, diversidade e consolidación de distintos modelos artísticos e de produción. Co cal é difícil termos aínda un canon de filmes de noso que poder institucionalizar nas escolas. Tampouco se demanda aínda por parte do sistema educativo.

Con todo, xa que estes Papeis da Academia están dedicados ao audiovisual nas aulas, queremos ir por diante e propoñer unha selección de títulos que mostren esta viveza, esta madurez e esta diversidade. E, sobre todo, que lle descubran ao público máis novo que hai un cine noso, diferente, próximo e que pode ser do seu interese.

Para isto fixemos unha enquisa entre as socias e socios da Academia, para que nos dixesen cales serían, na súa opinión, as tres películas (longas e curtas) do audiovisual galego que calquera debería ver antes de rematar o ensino obrigatorio. Cales son eses traballos que consideran imprescindibles ou relevantes polos seus valores educativos, cinematográficos ou estéticos, que inciten á reflexión e ao debate nas aulas ou que sexan importantes para difundir a nosa cultura. Películas de ficción, animación, documentais, experimentais, dramas ou comedias.


Co resultado desta votación fixemos esta lista das dez máis recomendadas. Imos de décima a primeira:

10. Tódalas mulleres que coñezo

Un documental que vai do persoal ao político e no que as vivencias de mulleres diversas evidencian canto de masculinizada e violenta segue a ser a rúa hoxe en día. En tres conversas reveladoras con amigas, colaboradoras e estudantes de secundaria, a directora busca articular un discurso sobre o medo que non fomente o medo, un discurso sobre a violencia que non resulte violento.



9. Dhogs (Andrés Goteira, 2017)

Mentres un estraño personaxe atravesa as rúas da cidade ao volante dun vello taxi, no bar dun luxoso hotel está Álex, unha muller que goza dunha última copa, inconsciente do monte de acontecementos que lle sucederán nas próximas horas. Logo dunha fugaz aventura cun executivo verase inmersa nunha espiral de violencia sen sentido aparente, obrigándoa a percorrer unha senda de sufrimento fóra do seu control. Dhogs sinala os malos, nun mundo perverso de amos e escravos. Onde os crimes se suceden ante unha sociedade pasiva, insensible, que todo o permite. Un reflexo da realidade máis escura.


8. Tralas luces (Sandra Sánchez, 2011)

Tralas luces é a historia dunha viaxe. A viaxe de Lourdes, unha feirante que percorre na súa caravana as estradas do norte de España xunto coa súa familia e coa súa pista de coches de choque ás costas. A través de estradas, pobos e aldeas, descubriremos un mundo en perigo de extinción, unha vida itinerante e, sobre todo, unha gran historia de amor e de perda.


7. Mamasunción (Chano Piñeiro, 1984)

Esta curtametraxe de Chano Piñeiro, obra fundamental do cinema galego dos 80, conta a historia de Mamasunción, unha anciá que vive nunha remota aldea. Cada día, durante corenta anos, acode á oficina de correos en espera dunha carta do seu fillo emigrado. Por fin, un día o carteiro entrégalle a Mamasunción a carta longamente agardada. Primeiro lella unha veciña, e dille que o fillo está ben e que axiña escribirá de novo. Porén, Asunción desconfía e dálla a ler ao borracho da aldea. Este diralle outra cousa ben diferente.


6. 1977 (Peque Varela, 2007)

Unha pequena cidade, un nó que medra e unha nena en busca da sua identidade. Así define a ferrolá Peque Varela a curta coa que se graduou como directora de Animación na National Film and Television School de Londres e que lle valeu máis de 15 premios en festivais internacionais.


5. 18 comidas (Jorge Coira, 2010)

Un músico de rúa reencóntrase co amor da súa vida; dous borrachos almorzan cubatas con marisco; un home cociña, cociña e cociña para a muller que nunca chega; dous homes quérense pero agóchanse; unha cociñeira soña con ser cantante; unha moza quere o que un home non lle dá, mentres un camareiro morre por ela; un macedonio está perdido por desamor en Santiago de Compostela; unha parella de anciáns que xa se dixeron todo almorza, come e cea en silencio. Todas estas historias crúzanse ao longo dun día de ficción en 18 comidas. É un crebacabezas de sentimentos de persoas moi distintas que comparten un mesmo obxectivo: a felicidade.


4. Encallados (Alfonso Zarauza, 2013)

Un director de cine, ao que lle encargan facer un filme con poucos medios sobre o Prestige, contacta con dous amigos guionistas de teleserie para escribir a película e acaban, como o propio petroleiro, encallados ante a imposibilidade de levar a termo a historia. Rodada en 16 mm e protagonizada por Xúlio Abonjo, Ricardo de Barreiro e Federico Pérez (interpretando o director Alfonso Zarauza e os guionistas Andrés Mahía e Xosé Castro ‘Pato’), inclúe a aparición de Luís Tosar e o produtor Farruco Castromán facendo unha versión ficcionada de si mesmos.


3. A esmorga (Ignacio Vilar, 2014)

En 2014 Ignacio Vilar adaptou a novela de Blanco Amor con tres titáns da interpretación nos papeis protagonistas: Miguel de Lira, Antonio Durán ‘Morris’ e Karra Elejalde. A Esmorga é unha crónica tensa e intensa de vinte e catro horas na vida de tres homes, compañeiros de esmorga que, deixando un regueiro de destrución, de sexo equívoco e reprimido, van fechando portas tras si e guindando coas chaves, como para non querer volver, tal coma se adrede camiñasen cara á súa perdición.


 

2. Sempre Xonxa (Chano Piñeiro, 1989)

Considerada a película fundacional do cinema de ficción comercial galego por ser a primeira na nosa lingua rodada en 35mm e estreada en salas, Sempre Xonxa é un filme sobre as consecuencias emocionais da emigración. Dous nenos, Pancho e Birutas, que viven placidamente na mesma aldea están platonicamente namorados de Xonxa. Pero un dos rapaces, o Birutas, ten que emigrar deixando a Xonxa e a Pancho na aldea. Cando o Birutas regresa da emigración, convertido nun home rico, Xonxa xa está casada con Pancho.


 

O que arde (Óliver Laxe, 2019)

A primeira da lista, votada por unha ampla maioría de participantes, é o último gran fenómeno do noso cine. Triunfadora no Festival de Cannes e estreada en outubro deste ano, conseguiu ser o filme en galego máis visto de todos os tempos. Conta a historia de Amador, a quen ninguén espera cando sae da cadea tras cumprir condena por ter provocado un incendio. Regresa á súa casa, unha aldea perdida das montañas lucenses, onde volverá convivir coa súa nai Benedicta, a súa cadela Luna e as súas tres vacas. As súas vidas transcorren ao ritmo sosegado da natureza, ata que todo cambia cando un lume violento arrasa a zona.


Tema de portada: audiovisual e educación

 

Nothing found.



Arredor do cinema imperfecto (wabisabi), por Manolo González

 

Arredor do cinema imperfecto (wabisabi)

Por Manolo González. Docente no IES Concepción Arenal de Ferrol. 

 

 

1. Breve flashback da pedagoxía da imaxe

Imos comezar dándolle parabéns á Academia por reservar un espazo na súa revista dixital á formación audiovisual. Dende hai moitos anos a dialéctica entre ensino e cinema foi un dos leitmotiv da miña práctica laboral ao longo do tempo. E os que habitualmente reclamamos –sen fortuna ningunha- a introdución do cinema nas aulas non deixamos de constatar o escaso interese, cando non a indiferenza máis completa, que esta teima provoca na cidadanía e na industria audiovisual, e, por qué non dicilo, mesmo na contorna pedagóxica e institucional. Nunca foi un asunto prioritario no discurso reivindicativo do sector, aínda que para os que estamos neste choio resulte transcendental. Mais non é este o lugar para argumentar ou teorizar sobre a necesaria e urxente necesidade de afondar nas relacións entre pensamento crítico e as linguaxes audiovisuais nos colexios e institutos que algúns levamos reivindicando sen éxito durante case corenta anos.

Cando iniciei a miña andaina profesional na Allariz de 1980 calculaba que en moi poucos anos sería un asunto no que todos estariamos de acordo. Soñabamos cun cinema galego, cunha televisión propia e cun audiovisual que formase parte do discurso cultural galego. E nas escolas, por suposto, o cinema sería unha materia curricular no futuro inmediato, non tiñamos dúbida algunha. Isto formaría e construiría ademais o público necesario para normalizar un cinema necesario. Pasaron os anos e un non pode deixar de sentir a morna melancolía despois dun esforzo inútil. Certo que moitas das arelas daqueles mozos convertéronse en realidade, mais non foi o caso da creación de estruturas e dinámicas que fixesen posible a normalización audiovisual da nosa mocidade. Sinceramente, sempre pensei que a estas alturas non habería necesidade nin sequera de reivindicalo, porque sería moi evidente e aceptado como propio polo tecido sociocultural e educativo galego.

Os motivos do noso fracaso –compartido co resto do Estado español- son moi diversos a pesar de voluntariosos intentos ao longo dos anos. Lembramos aos pioneiros de finais dos 70 que facían esforzadas aulas co cinema; Miguel Vázquez Freire e eu mesmo denominámolo daquela como o “Tempo dos idealistas”(1): X. L. Moar, Bernal, Manolo Janeiro, Suárez Canal, X.L. Darriba entre moitos outros. Despois chegou o “Tempo das institucións”, coa primeira experiencia de introdución masiva do cinema na aula: “O vídeo na escola” (84-86) da Dirección Xeral de Cultura que comandaba Luís Álvarez Pousa. Un proxecto cualificado por Carlos Velo ou Xavier Villaverde como “revolucionario e visionario” pero que o Conselleiro de Educación daquela, Vázquez Portomeñe, se encargou de laminar oportunamente.

 


 

Nos anos 90 –tras dun tempo de decaemento-, ao abeiro do colectivo Nova Escola Galega e da Escola de Imaxe e Son agromou o Congreso internacional de pedagoxía de imaxe“Pé de imaxe”. As sete edicións convertéronnos en punta de lanza da reflexión sobre a teoría e a práctica da imaxe na escola a nivel internacional e lugar de encontro xeneroso de todas as experiencias galegas. Mais coa chegada da revolución dixital de comezos do XXI, o proceso tornarase confuso e disperso, abducidos pola moda das aulas de informática e a emerxente formación en “novas tecnoloxías”. En realidade agochaba a cerna do discurso educativo neoliberal, no que a escola debe contribuír á cualificación dixital da forza de traballo, máis que á creatividade audiovisual (que é innecesaria e mesmo perigosa). E así foi devalando o século XXI, a pesar de francotiradores e experiencias varias con escaseza de resultados visíbeis, mais aló das boas intencións. Algunhas foron iniciativas institucionais da Consellaría de Educación seguindo dous modelos preestablecidos:

a) Os que podemos denominar o modelo das “misións pedagóxicas” nas que un grupo grande ou pequeno de misioneiros do cinema, alleos á docencia, achéganse á escola para predicar a boa nova baixo o lema “o cinema vaivos salvar”. Por exemplo, o programa Audiovisual nas aulas (2003-2010), no que un fato de expertos profesionais visitaban algunhas escolas de Galicia predicando as excelencias do cinema (industrial). Outro exemplo podería ser o proxecto catalán Cinema en curs (2013-1019) ou Vidas Mariñeiras (2017-2019), nas que tamén se conta coa presenza de monitores externos; nestes casos, as prédicas de novos autores/directores rematan coa produción dunha curtametraxe en catro centros educativos por ano. Ambos modelos comparten filosofías similares ás que se desenvolveron por Europa a mediados da década de 1970 e que amosaron sobradamente que así non se acadan os obxectivos dunha verdadeira introdución da imaxe nas aulas. A pesar das súas eivas, nun deserto como o que vivimos, calquera acción debe ser benvida, sexa cal sexa. O lamentable é que as institucións con competencias (Agadic, CGAI e a Consellaría de Educación) xustifiquen a súa falla de ideas ou iniciativa algunha sobre formación audiovisual baseándose en tan cativas e ailladas experiencias.

b) O outro grupo de proxectos colocan no centro da acción pedagóxica ao profesorado propio dos centros, considerado como o vehículo imprescindíbel para a introdución do cinema nas aulas, que é como se fai nos países de experimentada traxectoria, como por exemplo Francia. Isto explica en parte por qué a cota de mercado do cinema francés é a mais alta de Europa. O lector interesado pode ampliar información nun luminoso ensaio de Alain Bergala (2). Un proxecto pioneiro e revolucionario no seu tempo (1984-1986) foi o xa citado “Vídeo na escola”, no que se dotaba aos centros educativos de material específico de gravación e se estimulaba nomeadamente a produción masiva de materiais visuais por parte do alumnado. Tamén poderían figurar neste grupo as experiencias voluntaristas de moitos docentes que en Galicia están a pular hoxe polo cinema nas aulas sen outros recursos que a propia imaxinación, xustamente porque non hai ningunha iniciativa institucional que poña o foco na acción do profesorado. E, por suposto, todas as “conquistas” de espazos curriculares: A materia optativa “Audiovisual” na ESO, ou “Imaxe e son”, e nomeadamente o que marca o verdadeiro camiño de futuro: as materias Cultura Audiovisual 1 e Cultura Audiovisual 2 de segundo de Bacharelato de Artes, que por certo son materias de avaliación na ABAU. Sería importante modificar algúns dos seus contidos, mais ese é o único ecosistema que garante un proceso democrático, transversal e masivo que precisa o cinema nas aulas. Como tamén o sería a oportuna e necesaria visibilización das experiencias que se están a realizar ao abeiro destas materias que por vez primeira se imparten en varios centros de ensino galegos(3). Esta proposta curricular é o punto de partida sobre a que podo falar con certo coñecemento de causa.

“Auga”- Ana Martínez. 17 anos. (Exercicio de plano fixo “De Lumiere a Benning”)

2. Existen os nativos dixitais?

Así pois, coa que está a caer nos últimos anos no ensino público, algúns veteranos interesados na formación audiovisual podemos ter a tentación de abandonármonos na nosa zona de confort por mor da política educativa, do desleixo e ignorancia que os “nosos” políticos estatais ou autonómicos, os medios de comunicación, mais tamén moitos docentes amosan día tras día sobre a práctica da imaxe na escola.

Para qué utilizar o cinema nas aulas? Ten sentido o cinema na escola nos tempos das mutiplataformas, Youtube e Instagram? Algunha vez chegará de verdade a creación audiovisual aos centros escolares? Ás veces reconforta lembrar outro pioneiro da imaxe na escola como Agustín Fernández Paz cando rescataba as vellas crenzas: «Co traballo dende as aulas podemos cambiar o mundo». E, se ben segue a ser unha utopía motivadora para os que sentimos o cinema como parte da nosa vida, non debemos esquecer que vivimos tempos de confusión e de profundas mudanzas. Podería ser que algunha pequena parte do profesorado recupere a ilusión perdida desde novas perspectivas? Axudan as denominadas “novas tecnoloxías”? Para moitos apocalípticos, a utilización masiva da rede pola rapazada está a producir efectos negativos e imprevisíbeis nas xeracións futuras. Por outra banda, de cando en vez agroman reflexións e iniciativas dende algunhas institucións como as Academias audiovisuais, festivais e colectivos de profesionais que reclaman a urxente necesidade da introdución da imaxe no ensino: a pedagoxía audiovisual cos estudantes e moi en especial cos adolescentes do ensino medio.

Porque en realidade, aínda que empecei este texto desde un pesimismo case ontolóxico, pretendo agora achegar unha modesta contribución, práctica e optimista, a partir da experiencia persoal enxergada en procesos de creación audiovisual que resultou fecunda no IES Concepción Arenal de Ferrol. Unha experiencia participativa que prioriza a contorna dixital do alumnado como eixo da acción didáctica sobre os clásicos métodos e contidos da formación audiovisual . Non se trata, polo tanto, dunha achega centífica-pedagóxica teórica que achegue solucións máxicas ou permita extrapolar conclusións a outras áreas e materias, senón o resultado da mirada persoal sobre un xeito de traballar cos adolescentes actuais no ensino medio. Tamén é unha reflexión que cuestiona os xeitos e modos tradicionais de impartir formación audiovisual na mocidade.

O punto de partida é a constatación empírica de que vivimos efectivamente baixo dun sistema educativo do século XIX, cun profesorado do XX e un alumnado do século XXI, o que está resultando ser fonte de disfuncións e desencontros de todo tipo e para os que as institucións educativas -independentemente da súa cor política- non identifican polo de agora ningunha solución óptima.

Na miña opinión, aquí está o problema fundamental. Os discursos son ben contrapostos: dende a proclama conservadora que preconiza o retorno á disciplina escolar do franquismo: o profesor como Deus infalible e omnipotente e as tres reválidas para garantir a uniformización do alumnado e mellorar os PISAs; os “apocalípticos ilustrados” que abandeiran o uso da pedagoxía innovadora, mais demonizan os trebellos tecnolóxicos e a rede; e por último os que avogan pola introdución masiva de ordenadores nas aulas, -efecto Abalar- confiando en que a “cacharreira dixital” contribúa á “escola moderna”, onde instalar -como virus troianos- os vellos contidos analóxicos nas sub-mentes dos “bárbaros” adolescentes adictos ao Instagram. Mais poucos poñen o acento no problema fundamental : a emerxencia de novos xeitos de socialización e comprensión da realidade das mozas e mozos que agromaron no tempo de Internet e xa son cidadáns de pleno dereito do século XXI (agora teñen 16 /17 anos); os denominados as veces pexorativamente “nativos dixitais”, dotados ou non de características especiais –asunto que non imos desenvolver aquí- aos que os profesores do século XX ou “inmigrantes dixitais” non ponderamos doadamente. Mesmo malinterpretamos a miúdo o porqué das súas condutas, valores e actitudes.

Novos estudantes que están a demandar prácticas pedagóxico-didácticas ben diferentes, como sinalan moitos expertos -a coasociación de Prensky(4) é un paradigma entre moitos outros posíbeis-. Porque os adolescentes contemporáneos están a cuestionar os procesos de aprendizaxe tradicionais, mentres conviven nun entorno tecnolóxico ben diferente ao universo analóxico do seus profesores. O que aínda definimos algúns como “novas tecnoloxías”, para eles confórmanse como unha prolongación natural do seu entorno social e persoal , adoptando o universo dixital (internet, redes sociais, etc) sen complexo algún; forma xa parte intrínseca da súa vida. Se alguén quere achegarse a algunha destas cuestións de xeito desenfadado , pode ver na rede(5) esta divertida conferencia do doutor Roberto Rosler: “Principios neurocognitivos para la enseñanza de nativos digitales.”

“Inconsciencia” Marcelo Rodríguez. 17 anos. Práctica de plano secuencia "De Welles a Sokurov"

3. A tradición da formación audiovisual

E a mesma confusión podemos apuntar respecto dos sistemas e métodos da pedagoxía da imaxe. A meirande parte das experiencias de formación audiovisual no ensino naceron nos “tempos analóxicos” do século XX e aínda hoxe seguen a estar en mans de profesores amadores e apaixonados do cinema mais… inmigrantes dixitais. A preeminencia do contido e o aspecto lingüístico sobre a forma ou do visionado sobre a creación, evidénciase pola instrumentalización das películas e vídeos para seren explotadas en relación cun tema, (historia, literatura, filosofía, etc); lamentablemente segue a ser na práctica o único uso que lle apoñen moitos docentes ao cinema na aula. Cabería lembrar aquí un magnífico texto crítico do xa citado Alain Bergala, “Eloxio do fragmento” sobre esta perversa utilización do cinema nas aulas.

Outra inxenuidade habitual é pensar que despois dun par de experiencias de análises de filmes ou de traballar coa guía didáctica que acompaña ao vídeo, os nenos desenvolven -case por osmose mística- un sentido crítico polo que ven nas pantallas. Nada máis lonxe da realidade. Na miña opinión as guías didácticas que acompañan aos produtos audiovisuais serven para ben pouco. Aínda estou por coñecer a un docente que as empregue na aula.

Para os mais avanzados no sistema clásico da formación audiovisual, despois das clases maxistrais teóricas e técnicas do profesor, onde se explican os elementos básicos da linguaxe audiovisual e visionan filmes clásicos da historia do cine, os alumnos organízanse en grupos de traballo ou elaboran guións de curtametraxes, replicando os modelos organizativos e a propia linguaxe do cinema mainstream ou industrial; con sorte hai un equipamento por grupo -ou non- e ao fin grávase a práctica, “a peli da clase”, que normalmente fica esquecida nun caixón ao fin do curso despois de enviala aos festivais escolares como Olloboi – o Cannes do vídeo escolar- ou o descafeinado OuFF-escola de Ourense. En numerosas ocasións os propios profesores postproducen o traballo final e articulan o discurso formal e conceptual dos seus alumnos/as para mellorar o empaque formal e narrativo da película da clase coa oportuna presenza do profe nos títulos de crédito. Case sempre adiantan antes de que se lles pregunte: “Fixérono todo os nenos”. Eu mesmo comecei a traballar diste xeito co “cinema nas aulas” no meu primeiro ano de docencia -no paleolítico inferior… aló por 1980(6)-, iluminado polos sabios consellos da grande Monique Martineau(7).

Mais este modelo -repetido unha e outra vez nos obradoiros e cursos de audiovisual-, xira sobre a réplica a pequena escala dun microcosmos do cinema industrial baixo a marca Hollywood, tanto na forma narrativa como no sistema de produción. Algúns consideramos que este modelo obsoleto de formación audiovisual propio do século XX debería ser revisado e reconsiderado cos rapaces e rapazas do século XXI.

Esa afirmación ten como único argumento o relato resumido dunha simple experiencia persoal, aínda imperfecta, moi mellorábel, ao mellor pouco meditada e contrastada, mais en definitiva real e profesional . Argumento compartido con outros docentes espallados polo país que están a construír novos xeitos de interesar a mocidade no cinema. No meu caso, logo da reincorporación ás aulas no 2010, despois de varios anos afastado da docencia, entendín que o “publico obxectivo” -os novos estudantes que tiña diante- eran ben diferentes dos que coñecera, e moi ben, tan só oito anos atrás. Todos dispuñan agora do seu propio teléfono móbil con cámara, correo electrónico, ordenador, “cortaban e pegaban” da Wikipedia, participaban activamente en redes sociais, subían música, fotografías e vídeos á rede… En realidade todos os alumnos xa eran fotógrafos e cineastas! Resultoume evidente que as estratexias de formación que coñecía tiñan que ser repensadas e reconsideradas diante desta nova realidade. E así o levamos intentado durante estes anos, as veces con bos resultados e outras non tanto, como a vida mesma. Estou convencido que hai moitos camiños para interesar aos adolescentes pola creación audiovisual, mais teño claro que as estratexias non deberían centrarse no obxectivo de crear cineastas ou especialistas en análises fílmicos, senón cidadáns que saben ler e escribir con imaxes . «Para amar un cadro hai que ser un pintor en potencia», dicía Jean Renoir e Ortega y Gasset insistía: «Aprendemos o que é o martelo polos golpes de martelo». «Se apreciamos como se fai unha película, saberemos comprendela» afirma o gran crítico e pedagogo audiovisual Alain Bergala. E quizais ser espectador crítico sexa mais doado a partir dunha rapazada que filma e fotografía compulsivamente todos os días. Só temos que poñer un pouco de vento nas velas para acadar a dirección correcta e mellorar os sistemas de navegación. O resultado dese proceso –un dos posíbeis- é o que denominamos cinema imperfecto ou Cinema Wabisabi.

“Silencio ensordecedor”. Rebeca Fernández. (17 anos). Practica sobre o espazo sonoro

4. Breve achegamento ao cinema imperfecto (wabisabi)

Wabi-sabi é un termo da estética tradicional xaponesa que se refire á “beleza da imperfección”. É unha visión do mundo centrada da aceptación da fugacidade, unha estética descrita como a beleza do que é “imperfecto, non permanente e incompleto”. As características da estética Wabi-sabi inclúen a asimetría a rugosidade, a simplicidade, a economía, a austeridade, a modestia, a intimidade e a apreciación da xenuína integridade dos obxectos e dos procesos naturais. Consideramos que esta descrición correspóndese tamén coas características propias do cinema feito polos adolescentes. Un cine imperfecto, unha práctica na que poden agromar as costuras e as deficiencias técnico-formais, mais un cinema fermoso, auténtico e verdadeiro porque sae da súa cabeza e corazón.

Cultura Audiovisual é unha materia obrigatoria no 2º de Bacharelato de artes (17 anos) con catro horas semanais. A programación do centro estrutúrase en función de prácticas dinámicas. Contidos… os xustos, os relevantes, prevalecendo a claridade sobre a profundidade, as metáforas sobre os datos ou a información imprescindible para a acción. Os alumnos idean, constrúen e materializan proxectos unipersoais, de tema libre, (imaxe fixa ou audiovisual), mais relacionados con formatos e técnicas narrativas da historia do cinema clásico e contemporáneo a partires de informacións, clases, análises e visionados de materiais pertinentes. O profesor convértese máis nun orientador ou guía, nunha espoleta, nun fixador de metas, un provedor de contexto e sobre todo, alguén que pregunta e se interroga constantemente sobre o que vemos ou escoitamos. Tampouco utilizamos libros de texto, nin abordamos contidos tecnolóxicos. Cada un dos grandes bloques de contidos ven acompañado dunha presentación informática de libre acceso; os contidos son básicos e inciden só nos aspectos narrativos do cinema, na procura da pegada autoral e na estimulación da mirada propia. Nelas insírense ligazóns a numerosas películas, webs, imaxes e fragmentos de filmes, para que cada alumno indague e visione material cinematográfico seleccionado dende a súa propia casa en función dos seus gustos e intereses; mais sobre todo, son relevantes para a acción creativa que propón cada tema.. Cada bloque xira en torno a una técnica narrativa que o profesor ilustra cunha referencia clásica e outra contemporánea a modo de corsé narrativo. Estes son os títulos dalgúns deles: De Lumiere a James Benning; De Meliés a Tim Burton; De Welles a Sokurov; De Griffith a Spielberg; De Flaherty a Varda; ou De Murnau a MacLaren entre outros máis.

Os filmes realízanse fora de horas de clase, o que posibilita unha achega ao contexto dos estudantes, á familia e amigos, en definitiva, ao seu mundo social e persoal. Cada alumno dispón da súa propia ferramenta (o mobígrafo) para producir textos visuais propios nun contexto democrático e participativo. Así pois, é un cinema que non precisa de orzamentos, nin equipos complexos ou sistemas organizativos segundo as regras clásicas da produción. A organización de grupos complexos con funcións especializadas dificulta, distorsiona e paraliza a acción individual do alumnado. Para facer un filme só se precisa un móbil, unha cabeza e un corazón. A finalidade da materia é a produción individual (10 filmes por curso) de todos e cada un dos estudantes o que compón un catalogo final de preto de 400 filmes imperfectos por curso, mais o obxectivo final non é a produción de materiais “profesionais” senón borradores imperfectos, prácticas primitivas, bocetos e pezas incompletas que desvelen a “mirada propia” de rapaces de 16/17 anos. Os temas son libres, o único corsé é a forma ou o estilo, non importando demasiado a calidade técnica, nin os defectos “formais”, por constituírense en si mesmos como obxectos de aprendizaxe e reflexión ao tempo. Mais nos seus vídeos agroma o universo adolescente: a igualdade de xénero, a liberdade sexual, a contaminación, a adicción ás drogas, a familia e amizade, a soidade, o futuro incerto, o sistema educativo..etc. Vendo eses borradores imperfectos achegámonos ao seu mundo interior, bastante máis rico e complexo do que nos debuxan os tópicos sobre adolescentes que aparecen nos medios de comunicación. O momento “pedagóxico” mais relevante da clase é a análise e o “debate” sobre os seus propios filmes, xa que aprenden mais dos erros que dos acertos. Non perdemos nunca de vista que o obxectivo non é a creación de cineastas, senón cidadáns críticos que utilizan as imaxes como un soporte mais para a expresión libre das súas teimas e ideas persoais.

Por iso tampouco pretendemos facer filmes perfectos para festivais, ou producir a peli da clase para a festa fin de curso, o Día das Letras Galegas ou o Día da muller traballadora . Esa non é a función da escola, senón a creación dun ecosistema que favoreza a a escrita de textos visuais –borradores imperfectos ou cine wabisabi- coa que expresen a súa mirada sobre o mundo a través do cinema.

“Horas, minutos, segundos”. Aldara Vilar. (16 anos). Práctica de stop motion: “De Meliés a Tim Burton”

5. Diferenzas da formación audiovisual en dúas décadas

ANO  2000

ANO 2020

1.-Un equipo de gravación (ou poucos) por clase. 1.-Cada alumno dispón dun equipo de gravación/posprodución completo propio. (mobígrafo e ordenador)
2.-Contidos “necesarios” sobre técnica e tecnoloxía. 3.-Contidos só de narrativa e análise de filmes (e relevantes).
3.-Visionado colectivo limitado dende a aula, condicionado polos 50‘ de clase. 3.-Visionado individual masivo e ilimitado dende casa segundo os propios intereses do alumno. Eloxio do fragmento motivador (clips)
4.-División de traballo “profesionalizada”; equipos con funcións especializadas. Estrutura organizativa vertical, xerarquizada e tradicional segundo regras da produción (modelo Hollywood). 4.-Cada alumno é unha completa unidade de produción, estrutura horizontal, democrática e colaborativa (modelo novo cinema). Os equipos enxérganse naturalmente, en función de necesidades especificas de cada proxecto.
5.-Produción con ambición profesional, suxeita a canons narrativos do grupo de traballo: Obxectivo: “a peli da clase” para mandar a un festival ou proxectar colectivamente nun día sinalado. 5.-Produción imperfecta orientada á libre expresión creativa individualizada: “a miña peli”. Borradores e pequenas prácticas para proxectar en clase. Obxectivo: aprender a expresarse coas imaxes.
6.-Escenario e ámbito de actuación: Centro escolar. 6.-Escenario e ámbito de actuación: entorno persoal, familiar  e social de cada alumno.
7.-Un emisor (autor, guión/dirección). Moitas veces con temas transversais, vencellados aos intereses dos departamentos e profesorado do centro. 7.-Todos son emisores e produtores dos seus  propios contidos.  Os temas xiran sobre a súa mirada propia sobre o universo do seu entorno.
8.-Historia do audiovisual disociada da creación. 8.-A creación está integrada na propia evolución da narrativa audiovisual
9. Tras do visionado, os filmes fican nos armarios do Instituto. Só os bos teñen certa vida exterior 9. Todos os filmes  producidos (bos e malos) teñen vida permanente en Internet
10.- Profesor Vampiro. En moitos casos o profesor “inflúe” e “decide” e as veces “mellora” os filmes dos alumnos nalgunha das fases do proceso. 10.-Profesor Pelicano. O profesor dotado de tolerancia, empatía e paciencia, limítase a facilitar información para que os alumnos elaboren o seu propio discurso visual, sen intervención algunha durante o proceso de produción..

“Belle epoque”. Lara e Noa Castro (17 anos). Practica de vangardas: “De Murnau a McLaren”

Esta non é mais que unha das múltiples posibilidades que ofrecen as estratexias de creación audiovisual ao profesorado. Non deixa de ser un simple work in progress e unha chamada á acción, porque calquera docente podería daríalle o seu punto propio; mesmo o aspecto creativo debería ser aplicado mais aló da propia disciplina: linguas, literaturas, ciencias natureza, historia, etc. Noutra materia que imparto en 2º de Historia de España producimos case 100 pequenas pezas relacionadas coa Historia cada curso. Todos os alumnos saben realizar vídeos e fotografías, aproveitemos esa destreza en todas as materias posíbeis. En calquera caso convido o lector a que mire os filmes ou blogs colgados na rede que figuran neste texto en Cinema wabisabi.


 

Algunhas conclusións

  1. Redución da marxe entre aprendizaxe e acción significativa. Un xeito de aprender, que adquire relevancia significativa porque utiliza as propias ferramentas do alumnado. E o cinema trabállase como creación máis que coma linguaxe. Os novos alumnos demandan que os contidos da escola teñan algún tipo de conexión directa coa súa propia vida e aplicación práctica na relación co seu entorno. O “aprendido” pode ser aplicado inmediatamente no seu entorno persoal e social nos vídeos que grava para a súa vida persoal.
  2. Intensísima motivación emocional, paixón e participación. Os vídeos prodúcense fora das horas lectivas e precisan moito tempo de execución, do mesmo xeito que os contidos esixen procura activa dende o domicilio particular. Traballan coas emocións e os sentimentos. O ritmo de produción intenso -cada 20 días unha peza individual- racha co prexuízo dos adolescentes “pasotas” , así como o tópico da súa incapacidade de concentración. Cando as tarefas “interesan” –como por exemplo un videoxogo- os niveis de concentración son moi elevados. Os que teñen fillos sábeno dabondo.
  3. Paradoxalmente, as prácticas individuais fomentan a solidariedade e a cooperación entre os estudantes. Todos participan nos filmes de todos libremente. Unha das metas da educación en valores -o traballo en equipo- conséguese a través da individualización dos traballos e non de colectivos “forzados” que non responden ao espírito ou necesidades específicas dos traballos grupais. Colaboran uns e outros en tarefas con funcións definidas dende requirimentos concretos, incentivando a verdadeira cultura colaborativa.
  4. Incremento espectacular do sentido crítico e analítico, especialmente evidente nos intensos debates de clase cando xiran sobre os seus propios discursos visuais. Non hai asunto mais apaixonante para un adolescente que as discusións cos seus propios compañeiros/as. Polo demais, permite calibrar as polisemias de emisores e receptores en calquera proceso de comunicación, así como exercicios continuados sobre o punto de vista do outro.
  5. Aumento do interese polo cinema de vangarda e o cinema como xerador de sentido. Abandono paulatino do “cine para adolescentes”. Incremento espectacular da súa madurez como espectadores. Racha co estereotipo de que só os textos, imaxes, filmes ou relatos “fáciles” interesan. As rupturas de códigos dominantes do cinema mainstream son moi suxestivas cando se insiren nun contexto proactivo, colaborativo e democrático. Atreverse a rachar coas normas establecidas é unha tentación intrínseca á etapa adolescente.
  6. Sentimento de integración grupal moi forte. O incremento da autoestima vai vencellado ao orgullo de pertencer a un grupo de creadores de contidos. Os traballos de clase teñen interese e proxección externa, non fican nos armarios do Instituto. Todos –compañeiros, familiares, amigos- poden avaliar empiricamente o traballo colectivo a través da rede: a transparencia pasa a ser un valor positivo a considerar na súa escala de valores.
  7. Aprenden máis dos erros que dos acertos, porque importan máis os procesos que os resultados. O resultado é desigual -e case sempre imperfecto- porque non todos temos a mesma capacidade ou motivación pola creación audiovisual. Non hai premios para os mellores ou peores erradicando a competitividade. A perfección técnica ou formal deixa de se considerar como único envoltorio para avaliar a creación ou expresión. A dinámica lúdica tende a estimular e valorar a creación e a imperfección da mirada propia sobre a corrección da produción codificada ou estereotipada.
  8. Mais a pesar diso, sorprende a altísima calidade narrativa dalgunhas pezas producidas (non buscada), así como a variedade temática sobre o seu propio mundo. En palabras de Iago Martínez(8): «Se retratan fuera del centro, en su casa, en los escenarios de ocio, en su habitación, en el barrio. A veces solos, otras con amigos o con su propia familia. Eligen la música, deciden los encuadres y montan a su gusto con el programa que tengan a mano. Se interpretan a sí mismos, escriben los diálogos y susurran esa voz en off confesional que tanto les gusta. Su sexualidad, sus aspiraciones, esa obsesión. Un día en su vida, un color, los sueños. Su cuerpo y el de los otros. Las piezas, más allá de los rudimentos técnicos, algunos sorprendentes, respiran verdad».
  9. En moitos casos, produciuse un reforzamento de lazos familiares (país, nais, avós, irmáns..) como participantes activos dos seus filmes, fotografías e vídeos. A integración social e persoal resultante aboca á descrición do seu entorno social e persoal. O visionado libre permite o libre acceso ao restrinxido mundo emocional e social dos adolescentes.
  10. Como profesor podo garantir que eu persoalmente poucas veces o pasei mellor despois de tantos anos impartindo aulas; limitándome a ser un profesor pelícano, un pasador, un fixador de metas e un provedor de contexto; non parei de divertirme e aprender dos alumnos na clase e, sobre todo, recuperei o entusiasmo perdido e o orgullo de ser profesor. Definitivamente sentín que o gran Agustín Fernández Paz tiña razón: «Co traballo dende as aulas podemos cambiar o mundo».

Están as espirais en todas partes?. Xoana Abraira 16 anos. Practica animación “De Meliés a Tim Burton”

Notas

  1. Revista de Pedagoxia nº1. (1986) “O ensino da imaxe en Galicia”. Miguel Vazquez Freire/Manolo González
  2. La hipótesis del cine. Alain Bergala. Laertes, 2007
  3. Por certo, a Televisión de Galicia non era un servizo público? Ben podía contribuir á difusión de material producido polas escolas galegas.
  4. Enseñar a nativos digitales. Marc Prensky. Editorial S.M. Madrid,  2011
  5. http://youtu.be/WPRKd0uRsQ4
  6. “Facer un filme na escola”, Revista “O Ensino” nº 2, 1980. Manolo González
  7. “Des jeunes a la camera” (Cinémaction). Manique Martineau
  8. “No me lo cuentes, fílmalo”. Iago Martinez. El País, 5/12/2012


Tema de portada: audiovisual e educación

Nothing found.



Homenaxe a Víctor Ruppen

Homenaxe a Víctor Ruppen, o mecenas do cinema

Homenaxe a Víctor Ruppen, o mecenas do cinema

Por Sara Donoso

 

A Academia Galega do Audiovisual, en colaboración co Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI) dedicou o día 14 de maio de 2019 unha homenaxe á figura do produtor coruñés e divulgador do cinema Víctor Ruppen.

O acto, que tivo lugar no CGAI dentro do ciclo A ilusión perfecta, contou coa presenza de Antonio Simón, Carlos L. Piñeiro e Miguel Castelo e con varias persoas do público próximas a Ruppen que lograron compor un ambiente de ilusión e afecto. Ilusión polo recordo duns anos de entusiasmo e crecemento para o audiovisual galego, afecto pola mirada incontida e cómplice daqueles que o coñeceron e que compartiron as súas inquietudes artísticas e persoais. Neste contexto, proxectáronse algúns dos filmes máis icónicos producidos por Ruppen: Fendetestas de Antonio Simón (1975), Illa de Carlos Aurelio López Piñeiro (1975), O Herdeiro de Miguel Gato (1976) e O pai de Migueliño de Miguel Castelo (1977), que deron lugar a un debate posterior onde o intercambio de opinións mesturábase cunha sorte de anecdotario dos tempos vividos, as voces se solapaban e as emocións florecían entre o cinema e a experiencia.

Debemos comprender, antes de nada, o contexto no que aparece a figura de Víctor Ruppen. Tras anos de silenciamento franquista, que impide desenvolver unha liña propia e dirixe calquera actividade creativa cara á tendencia rexionalista, a mediados dos setenta, en plena transición, a cultura comeza a experimentar un proceso de aperturismo que tamén se ve reflectido no cinema galego. Aparecen primeiro colectivos de cinema afeccionado que acabarán impulsando o xurdimento doutros grupos interesados pola profesionalización dos seus traballos fílmicos á marxe do centralismo. O novo cambio de paradigma viría da man de colectivos como Enroba (logo Grea), Lupa e Imaxe, que comprenden unha intención comercial e buscan dedicarse ao cinema de maneira profesional, aínda que rexeitando os patróns da industria en procura de maior experimentación. Con coñecemento do que estaba a suceder no panorama internacional, buscaron explorar o potencial creativo do cinema interesándose pola relación coas artes plásticas, desligándose do modelo clásico de representación e reivindicando o carácter nacionalista. Esta inclinación por crebar as lóxicas cinematográficas convencionais foi sen dúbida renovadora pero a proxección e difusión dos seus filmes reducíase a pequenos círculos culturais debido, entre outras cousas, a que o formato maioritario era o de curtametraxe en súper 8 ou 16mm, aos escasos recursos dispoñibles e ao seu ideario estético e ideolóxico. É neste punto onde debemos resaltar o papel de Víctor Ruppen na consolidación do cinema galego dos setenta.

No relativo á difusión, Víctor Ruppen contribúe á creación da distribuidora Musidora e á posta en funcionamento do cinema Alphaville, ambos en Madrid, ademais da construción de salas de cinema na Coruña e dos cinemas Valle Inclán de Compostela e Golem en San Sebastián. Tamén foi patrocinador da coruñesa libraría Lume e impulsou o “Patronato do Cine Galego” en 1977, que tería a súa sede na devandita libraría. Pero foi o seu labor como produtor a que determinou a deriva do cinema galego do momento, e así o sinalaron os autores que asistiron á proxección dos seus filmes no CGAI.

Neste sentido, o director de Fendetestas, Antonio Simón, lembrou que se atopaba nun momento crítico da rodaxe do filme e pensaba mesmo en suspendelo por falta de financiamento, algo que recolleu publicamente a prensa local. A noticia chega a oídos de Ruppen e decide sufragar os gastos. Aquí comeza unha relación que se move entre o persoal e o profesional e que ten que ver con outra das peculiaridades de Ruppen: o seu propósito de non intervir nas decisións técnicas ou temáticas dos filmes. Aínda que o seu traballo como arquitecto restáballe tempo para encargarse doutras cuestións, sempre tivo clara a necesidade de potenciar o tecido audiovisual galego máis aló de cuestións partidistas.

Se no afecto cara a Víctor Ruppen e no agradecemento polo respecto que este mostraba ante os seus procesos creativos todos os autores coincidiron, creando un clima de emoción que permeaba na sala, tamén houbo momentos de discrepancia que asomaron algúns dos debates presentes no sector audiovisual da época. En 1975 Ruppen compra unha cámara de 16mm (Illa) que permite non só mellorar a calidade da imaxe senón tamén realizar copias para as proxeccións, facilitando a súa difusión. Nesa aposta pola profesionalización do cinema galego decide dar o salto ao 35mm, o formato do cinema industrial co que se realizan Fendetestas, O heredeiro e O pai de Migueliño. Aínda que algúns autores o entenderon como unha vía para chegar ás grandes pantallas e terminar de profesionalizarse, outros consideraban que desta maneira impedíase a súa difusión en escolas ou centros culturais, que non contaban con esa infraestrutura, e onde maioritariamente se proxectaban os seus filmes.

Tamén se comentaron as particularidades dos colectivos Grea e Imaxe, aos que pertenceron Antonio Simón e Carlos A. López Piñeiro respectivamente. Mentres un defendía o selo autoral, o outro apostaba, máis na liña de Víctor Ruppen, por fomentar o traballo colectivo. Coa distancia que permite o paso dos anos, xurdiron preguntas sobre se houbo ou non un espírito de grupo e comezaron a asomar anécdotas sobre como se foron coñecendo. Os autores coincidiron en destacar encontros como as Xornadas de Cinema de Ourense ou as Xornadas de Cinema e Vídeo de Galicia (Xociviga) no Carballiño, espazos de dinamización cultural onde se proxectaron as obras producidas por Ruppen e nos que el mesmo participaba activamente.

 

Así, ademais de revisar desde unha nova perspectiva Fendetestas, IllaO herdeiro O pai de Migueliño, que algún dos seus autores confesou non ter visto desde aquel tempo, o encontro serviu como plataforma de reflexión e intercambio. Dalgunha maneira, o clima xerado durante a sesión ten que ver coa propia personalidade do homenaxeado; alguén de quen destacaron non só o seu interese por un tipo de cinema situado nas marxes do ecosistema fílmico do momento senón tamén a súa personalidade próxima e a confianza que imprimía nos autores.