Homenaxe a Víctor Ruppen, o mecenas do cinema
Homenaxe a Víctor Ruppen, o mecenas do cinema
Por Sara Donoso
A Academia Galega do Audiovisual, en colaboración co Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI) dedicou o día 14 de maio de 2019 unha homenaxe á figura do produtor coruñés e divulgador do cinema Víctor Ruppen.
O acto, que tivo lugar no CGAI dentro do ciclo A ilusión perfecta, contou coa presenza de Antonio Simón, Carlos L. Piñeiro e Miguel Castelo e con varias persoas do público próximas a Ruppen que lograron compor un ambiente de ilusión e afecto. Ilusión polo recordo duns anos de entusiasmo e crecemento para o audiovisual galego, afecto pola mirada incontida e cómplice daqueles que o coñeceron e que compartiron as súas inquietudes artísticas e persoais. Neste contexto, proxectáronse algúns dos filmes máis icónicos producidos por Ruppen: Fendetestas de Antonio Simón (1975), Illa de Carlos Aurelio López Piñeiro (1975), O Herdeiro de Miguel Gato (1976) e O pai de Migueliño de Miguel Castelo (1977), que deron lugar a un debate posterior onde o intercambio de opinións mesturábase cunha sorte de anecdotario dos tempos vividos, as voces se solapaban e as emocións florecían entre o cinema e a experiencia.
Debemos comprender, antes de nada, o contexto no que aparece a figura de Víctor Ruppen. Tras anos de silenciamento franquista, que impide desenvolver unha liña propia e dirixe calquera actividade creativa cara á tendencia rexionalista, a mediados dos setenta, en plena transición, a cultura comeza a experimentar un proceso de aperturismo que tamén se ve reflectido no cinema galego. Aparecen primeiro colectivos de cinema afeccionado que acabarán impulsando o xurdimento doutros grupos interesados pola profesionalización dos seus traballos fílmicos á marxe do centralismo. O novo cambio de paradigma viría da man de colectivos como Enroba (logo Grea), Lupa e Imaxe, que comprenden unha intención comercial e buscan dedicarse ao cinema de maneira profesional, aínda que rexeitando os patróns da industria en procura de maior experimentación. Con coñecemento do que estaba a suceder no panorama internacional, buscaron explorar o potencial creativo do cinema interesándose pola relación coas artes plásticas, desligándose do modelo clásico de representación e reivindicando o carácter nacionalista. Esta inclinación por crebar as lóxicas cinematográficas convencionais foi sen dúbida renovadora pero a proxección e difusión dos seus filmes reducíase a pequenos círculos culturais debido, entre outras cousas, a que o formato maioritario era o de curtametraxe en súper 8 ou 16mm, aos escasos recursos dispoñibles e ao seu ideario estético e ideolóxico. É neste punto onde debemos resaltar o papel de Víctor Ruppen na consolidación do cinema galego dos setenta.
No relativo á difusión, Víctor Ruppen contribúe á creación da distribuidora Musidora e á posta en funcionamento do cinema Alphaville, ambos en Madrid, ademais da construción de salas de cinema na Coruña e dos cinemas Valle Inclán de Compostela e Golem en San Sebastián. Tamén foi patrocinador da coruñesa libraría Lume e impulsou o “Patronato do Cine Galego” en 1977, que tería a súa sede na devandita libraría. Pero foi o seu labor como produtor a que determinou a deriva do cinema galego do momento, e así o sinalaron os autores que asistiron á proxección dos seus filmes no CGAI.
Neste sentido, o director de Fendetestas, Antonio Simón, lembrou que se atopaba nun momento crítico da rodaxe do filme e pensaba mesmo en suspendelo por falta de financiamento, algo que recolleu publicamente a prensa local. A noticia chega a oídos de Ruppen e decide sufragar os gastos. Aquí comeza unha relación que se move entre o persoal e o profesional e que ten que ver con outra das peculiaridades de Ruppen: o seu propósito de non intervir nas decisións técnicas ou temáticas dos filmes. Aínda que o seu traballo como arquitecto restáballe tempo para encargarse doutras cuestións, sempre tivo clara a necesidade de potenciar o tecido audiovisual galego máis aló de cuestións partidistas.
Se no afecto cara a Víctor Ruppen e no agradecemento polo respecto que este mostraba ante os seus procesos creativos todos os autores coincidiron, creando un clima de emoción que permeaba na sala, tamén houbo momentos de discrepancia que asomaron algúns dos debates presentes no sector audiovisual da época. En 1975 Ruppen compra unha cámara de 16mm (Illa) que permite non só mellorar a calidade da imaxe senón tamén realizar copias para as proxeccións, facilitando a súa difusión. Nesa aposta pola profesionalización do cinema galego decide dar o salto ao 35mm, o formato do cinema industrial co que se realizan Fendetestas, O heredeiro e O pai de Migueliño. Aínda que algúns autores o entenderon como unha vía para chegar ás grandes pantallas e terminar de profesionalizarse, outros consideraban que desta maneira impedíase a súa difusión en escolas ou centros culturais, que non contaban con esa infraestrutura, e onde maioritariamente se proxectaban os seus filmes.
Tamén se comentaron as particularidades dos colectivos Grea e Imaxe, aos que pertenceron Antonio Simón e Carlos A. López Piñeiro respectivamente. Mentres un defendía o selo autoral, o outro apostaba, máis na liña de Víctor Ruppen, por fomentar o traballo colectivo. Coa distancia que permite o paso dos anos, xurdiron preguntas sobre se houbo ou non un espírito de grupo e comezaron a asomar anécdotas sobre como se foron coñecendo. Os autores coincidiron en destacar encontros como as Xornadas de Cinema de Ourense ou as Xornadas de Cinema e Vídeo de Galicia (Xociviga) no Carballiño, espazos de dinamización cultural onde se proxectaron as obras producidas por Ruppen e nos que el mesmo participaba activamente.
Así, ademais de revisar desde unha nova perspectiva Fendetestas, Illa, O herdeiro e O pai de Migueliño, que algún dos seus autores confesou non ter visto desde aquel tempo, o encontro serviu como plataforma de reflexión e intercambio. Dalgunha maneira, o clima xerado durante a sesión ten que ver coa propia personalidade do homenaxeado; alguén de quen destacaron non só o seu interese por un tipo de cinema situado nas marxes do ecosistema fílmico do momento senón tamén a súa personalidade próxima e a confianza que imprimía nos autores.
Benvida da directiva
Queridas compañeiras e compañeiros,
Remata un ano e son momentos de facer balance do que remata e de facer previsións para o que ven. Para isto que mellor que os Papeis da Academia, o noso anuario. No que falamos de todo o que pasou neste 2018 e do que vai vir no 2019.
O 2018 foi un ano que amosou, unha vez máis a todo o mundo, o noso enorme talento no cine, a televisión ou en diferentes formatos. Proba disto é a aceptación que teñen por parte do noso público moitas destas obras, ou a cantidade de premios internacionais nos festivais máis esixentes. E semella que no 2019 vai volver acontecer o mesmo. Podemos estar orgullosos do noso traballo, sabemos facelo e sabemos facelo moi ben. Debemos celebrar que temos un audiovisual vivo e diverso.
Na Academia Galega do Audiovisual organizamos máis de cincuenta actividades ao longo de todo este ano. Actividades moi diferentes, que supuxeron un gran esforzo para as persoas que traballan para a Academia. Quero agradecerlle o seu indispensable traballo a Marisela Lens, Miriam Devesa, Miriam Rodríguez, Sonia Díaz, Andrea Villa e Miguel Mariño. Sen elxs, sería imposible.
No continuo espírito de renovación que debemos ter como Academia e como persoas que vivimos para e coa nosa Cultura presentámosvos un novo número dos Papeis. Un formato que pretendemos que sexa ameno e de utilidade non só para académicas e académicos, tamén para persoas que investiguen o noso audiovisual, para estudantes ou para a cidadanía en xeral, o noso Público. Tentamos que sexa un formato que coide cada vez máis o aspecto visual. A encargada dos contidos nesta edición volve ser María Yáñez e as fotografías de Tamara de la Fuente.
O tema central deste número é a historia do audiovisual galego. E conta cunha reportaxe con seis mulleres pioneiras do noso audiovisual. Seis compañeiras imprescindibles que contribuíron co seu traballo á diversidade do noso audiovisual.
O anuario ten varias seccións máis que reflexionan sobre a nosa historia, dan conta das nosas actividades da Academia e fan un repaso a este ano que remata e fala do que vai vir no 2019. Esperamos que sexa do voso interese.
Convídovos a que leades estes Papeis, a que reflexionemos sobre o que se fala neles, e a que os difundades para que a Cidadanía, o noso Público, poida acceder ao seu contido.
Unha forte aperta, boas festas e un moi feliz 2019.
Vento nas velas!
Carlos Ares
Presidente da Academia Galega do Audiovisual
Tamén sucedeu na Academia
Como se pode ver na actividade que recollen estes Papeis, o 2018 foi un ano moi produtivo na Academia, cheo de novos proxectos e actividades. Aquí repasamos brevemente algunhas delas.
O 14 de novembro renovouse a directiva. Por cuestións de traballo retiráronse Tamara Canosa, María Vázquez, Luisa Romeo e Antonio Durán"Morris", e entraron as actrices Saamira Ganay, Isabel Naveira e Carmén Méndez, xunto ao produtor Álvaro Pérez Becerra. Completan o equipo directivo ensinante e documentalista Manolo González a maquilladora Susana Veira, a directora e docente Olga Osorio, xunto cos dous vicepresidentes: o compositor Nani García e a directora de produción Ana Míguez, e o presidente, o guionista e produtor Carlos Ares.
A Academia segue medrando en socios: houbo 47 novas altas que, facendo o balance co 27 baixas, suman un total 370 membros da asociación a finais de 2018.
Foi un ano de cambio de oficina ao Centro Ágora, de ampliación de persoal dedicado a novos proxectos e da creación da Oficina de Cooperación Audiovisual. O equipo da Academia iniciou esta nova etapa facendo unha serie de visitas a centros de formación para informar das distintas actividades e convocatorias en marcha, como os Premios María Luz Morales ou o asesoramento que se ofrece na ACO. Estas visitas sumáronse aos Encontros Mestre Mateo, que se fan cada ano cos finalistas das categorías profesionais nos premios da Academia.
Os centros de formación visitados foron as facultades de Comunicación Audiovisual da Coruña de Pontevedra, a de Belas Artes de Pontevedra, as Escola de Imaxe e Son Coruña, O Raio Verde de Santiago, a Fundación TIC Lugo, CIFP A Farixa de Ourense e en Vigo a Escola de Imaxe e Son de Bouzas, a escola Marcote e a ESAD.
No que respecta ás actividades formativas que organizaron desde a Academia, co apoio do Concello da Coruña no último trimestre do ano realizouse un obradoiro de Contidos en 360/VR para narrativas de ficción e documental, en colaboración con CREA e AGAG. Tamén se fixeron varios talleres e masterclasses no marco da Semana das Músicas do Audiovisual, xunto coa conferencia de apertura do Gifatón, celebrado no Ágora.
A finais de ano púxose en marcha unha nova colaboración co CGAI: o ciclo de proxeccións A ilusión é perfecta, que ten como obxectivo recuperar, reivindicar e lembrar persoas e obras que, por diversos motivos, xogaron un papel destacado na historia do noso audiovisual. As primeiras destas proxeccións, que se inauguraron durante a SEMUA, foron A aldea maldita (1930) de Florián Rey e Finisterre (1998), de Xavier Villaverde, presentadas polo compositor José Nieto. En decembro proxectouse dentro deste ciclo Miguelín, a primeira e única longametraxe do cineasta galego recentemente falecido Horacio Valcárcel, presentadas polo guionista e produtor Pepe Coira.
Por último queremos lembrar o noso querido amigo e socio Ernesto Chao, que foi o primeiro presidente e cofundador da Academia e que faleceu o pasado mes de agosto, nun ano triste no que tamén nos deixaron outros grandes profesionais do audiovisual como os actores Xan Cejudo, Gustavo Pernas Cora e Xosé Lois González, o realizador Luis Gayol ou o produtor Víctor Ruppén.
Encarna Alonso
Se temos que identificar unha persoa co oficio de script en Galicia esa é, sen dúbida, Encarna Alonso. A primeira longametraxe na que traballou foi Sempre Xonxa e desde aquela participou en máis de vinte longas, moitas curtas e case 500 capítulos de televisión. E aínda tivo tempo para dedicarse á docencia e á divulgación do seu oficio.
Fotos: Tamara de la Fuente. Estilismo: Fany Bello. Texto: María Yáñez
Encarna Alonso leva roupa da deseñadora Melania Freire A sesión de fotos realizouse no Centro Ágora da Coruña.
Naceu nun pobo leonés á beira dos Picos de Europa pero vive desde os anos 70 na Coruña. Sempre tivo vocación de dar clase e por iso estudou Maxisterio. Non aprobou a oposición pero seguiu preocupada pola pedagoxía, combinándoa coa súa dedicación ao audiovisual. Asistiu ao nacemento da Escola de Imaxe e Son, na que foi membro do congreso de pedagoxía da imaxe Pé de imaxe durante sete edicións, xunto con outros proxectos europeos e educación e audiovisual. “Todo alternado coas rodaxes que me ían saíndo”. Durante varios anos deu curso O oficio de script: teoría e práctica na EIS.
O seu contacto coa profesión empezou da man de dúas persoas a quen lles está moi agradecida: Manolo González, “por quen fixen Sempre Xonxa” e o cineasta Carlos Amil, que tamén é a súa parella. Con el fixo a súa primeira serie, Lendas, para unha incipiente Televisión de Galicia. “Despois virían perto de 500 episodios de diferentes series para a televisión”.
Nestas primeiras rodaxes ofrecéronlle o posto de script e “apaixounoume o oficio: desde o primeiro paso de coller un guión limpo e compezar a desglosalo coa miña mesa de estudio chea de papeis, bolígrafos, post-it, rotuladores, arquivadores… (sempre me gustou o mundo da papelería), preparar as miñas plantillas para cada un dos apartados... ata poder ver a película en pantalla grande". No momento en que empeza a rodaxe métese tanto nela que esquece a súa vida normal (“a miña familia, os meus amigos, os meus paseos, a miña rutina”) para meterse na que lle trae “a voráxine da actividade plena, o cerebro acendido e a relación co equipo”. Pero o que máis lle gusta do seu traballo de script é “entrar na posibilidade de crear. Participo da actividade de todos os departamentos, pero é a miña relación co director o máis importante que me sucede”.
O de script é un traballo que adoita recaer en mulleres. Hai algún motivo para isto? Para Encarna Alonso, “dise que as mulleres son máis detallistas e máis apropiadas para o oficio. Eu só podo dicir que é un oficio que require moita dedicación, moita atención, moita resistencia física e mental e moitas horas de traballo ao día. Cando remata a xornada para a maior parte do equipo a script ten que preparar todo o traballo da seguninte xornada. É un oficio duro”. A pesar diso, coa idea de formar a novas xeración escribiu un libro, O oficio de script, porque “parecíame interesante contar como é o proceso da rodaxe dunha película baixo o punto de vista da script. Gustoume a experiencia e xa preparo outro”.
"Cando remata a xornada para a maior parte do equipo a script ten que preparar todo o traballo da seguinte xornada. É un oficio duro".
A filmografía de Encarna Alonso empezou en 1989 con Sempre Xonxa. Como era a súa primeira longametraxe, lembra que na rodaxe “eu era puro nervio e non pensaba máis que en cumprir as expectatvias. Era un equipo totalmente profesional e eu non coñecía a ninguén, pero tratáronme de luxo e estaban atentos ao que eu puidera necesitar. Aprendín a amar o cinema e a ter querencia co equipo”.
Despois seguiu traballando en todo o que se lle puña por diante: nas curtas de Alfonso Zarauza e Jorge Coira, en series como Mareas vivas e Pratos Combinados, en películas como Trece badaladas, Os fenómenos, Invasor… Pero as que viviu de maneira máis intensa foron as de películas do seu compañeiro, Carlos Amil. E en especial A casa da luz, “unha película infantil con nenos debutantes que o fixeron marabillosamente ben, con localizacións espectaculares e con importantes dificultades de arte que tivemos que remontar. Nesta película démolo todo e máis”. E reivindica ao Carlos Amil director “non como un recordo, senón como un presente e espero que un futuro. A súa cabeza está chea de cinema”.
Sobre a evolución da profesión nos anos que leva traballando, Alonso destaca o factor humano (“nos meus inicios nas rodaxes había moita xente que non era de Galicia; agora, grazas ás escolas que se crearon temos o noso propio equipo”) e tamén o factor técnico: “Empecei a traballar con moitas libretas e unha cámara Polaroid que tiña uns carretes moi caros. Logo pasei ao ordenador, á tablet, á cámara dixital e ao móbil. Así puiden gañar tempo e aforrarlle diñeiro á produción”, explica.
No que respecta ao futuro próximo, ten un proxecto de longametraxe en carteira, e apetécelle traballar con algún dos cineastas emerxentes: “estou dispoñible para apoiar e depositar a experiencia que adquirín estes anos”. Asegura que quere “ver seguir medrando máis e máis ao cinema galego”, mentes segue a gozar da súa paixón tamén como espectadora, e xunto ao seu compañeiro Carlos Amil, “practicar o noso ritual caseiro: tódos os días ver unha película, polo menos”.
Cando eramos novos
Queremos iniciar un álbum de momentos históricos do audiovisual galego contemporáneo. Algúns dos socios, empresas e profesionais do sector xa nos fixeron chegar imaxes que gardan nos seus arquivos particulares. Velaquí unha mostra.
O álbum segue a medrar. Se tes fotos de rodaxes, estreas e outros momentos relevantes da historia do noso audiovisual, con máis de 10 anos de antiguidade, enviánolas escaneadas ou en formato dixital a info@academiagalegadoaudiovisual.gal, acompañándoas destes datos:
- Autor/a de foto:
- Data e lugar onde foi tomada a foto:
- Persoas que aparecen nela:
- Descrición do momento que se recolle na foto:
Agardamos o voso material!
A colleita galega
E se en Galicia repartimos unha chea de premios, no resto do mundo tamén lle reparten premios ao audiovisual galego cando sae fóra. Estes son algúns dos recoñecementos acadados polo noso cinema e televisión ao longo do ano.
Texto: Cibrán Tenreiro
Un dos fenómenos máis destacados este ano no circuíto de festivais foi o de Matria. A curtametraxe de Álvaro Gago sobre a rutina dunha traballadora da conserva levou o Premio do Xurado á Mellor Curta no Festival de Sundance, o principal evento do cine indie en Estados Unidos, pero non só iso, senón que levou galardóns e recoñecementos no Indielisboa, no Hollyshorts de Hollywood, no Marametraggio de Trieste e en Ljubljana, Sardinia ou Alcalá de Henares, con numerosos premios tamén á mellor actriz para Francisca Iglesias Bouzón.
Con todo, non hai que deixar que a árbore oculte o bosque. Ademais do de Gago, toda unha serie de filmes con talento galego pasaron con éxito por festivais internacionais centrados en vertentes ben diferentes do cinema. Un exemplo é o do cinema de xénero, onde Desenterrando Sad Hill, a película de Guillermo de Oliveira sobre o cemiterio de El bueno, el feo y el malo, gañou o premio Noves Visions no Festival de Sitges, e tamén un premio á contribución técnica e artística ao Western no Almería Western Film Festival. Nese ámbito tampouco podemos esquecernos de Dhogs. No ano que bateu o record de estatuíñas nos Mestre Mateo, o filme de Andrés Goteira tamén volveu con trofeos do FANT de Bilbao, o BIFFF de Bruxelas, o Algeciras Fantástika ou o FICAL de Almería. Continuando nesa vertente, a curta Amanece despejado, de María Vázquez e Bruno Máez, gañou o premio á Mellor Curta Philip K. Dick no Philip K. Dick Science Fiction Film Festival (celebrado entre as cidades de Lille e Colonia).
E se o cinema de xénero nos deu neste 2018 razóns para celebrar, o mesmo sucede coa colleita máis achegada ao documental e á vangarda. Un exemplo é o de Hamada, de Eloy Domínguez Serén, retrato duns mozos amigos que viven nun campo de refuxiados no Sahara. Logo da súa estrea mundial en Amsterdam, Hamada gañou os premios á Mellor Película e á Mellor Dirección españolas no Festival de Cine de Xixón. Outro cineasta español que volveu dun festival con premios nas dúas mans foi Adrián Canoura, que acabou o Filmadrid co Premio CAMIRA e o Premio á Mellor Película de Vangardas para Caerán lóstregos do ceo. Máis recoñecementos fóra do ámbito da ficción: Tódalas mulleres que coñezo, de Xiana do Teixeiro, gañou en DocumentaMadrid o Premio Screenly e en Alcances (Cádiz) o Premio DOCMA. La estrella errante, de Alberto Gracia, foi premiada no Festival de Sevilla co Premio Deluxe Las Nuevas Olas para filmes de non ficción. O coruñés Nicolás Combarro gañou o premio a Mellor Documental en Cinespaña (Toulouse) por Alberto García Álix. La línea de sombra, e Helena Girón e Samuel M. Delgado levaron o premio Richard Leacock á Mellor Curta no Festival de Las Palmas por Plus Ultra, nun ano no que Esquece Monelos, de Ángeles Huerta, continuou o seu xa dilatado percorrido cunha mención especial no Noida International Film Festival na India.
No ámbito da ficción (ou preto del), outro dos filmes máis destacados polo seu palmarés foi Trinta lumes, de Diana Toucedo. Esta película sobre a relación entre o mundo dos vivos e o dos mortos no Courel gañou o Premio Talents no D’A de Barcelona, o premio Días de Cine á Mellor Longa en Filmadrid ou o de Mellor Fotografía (para Lara Vilanova) en Cinespaña, ademais de pasar con éxito pola Berlinale e ser candidata aos Premios Gaudí. Unha das óperas primas do ano, A estación violenta, tivo tamén un longo percorrido por festivais. A adaptación dirixida por Anxos Fazáns da novela homónima de Manuel Jabois levou unha mención especial do xurado no Festival Internacional de Cine de Cali (Colombia), logo de ter pasado por festivais como Sevilla ou o BAFICI (Bos Aires). Tamén foi recoñecida en América Latina Nove de novembro, de Lázaro Louzao: a primeira película rodada en galego sobre unha relación homosexual, que se viu en Los Angeles, Amsterdam, Lima, Montevideo ou Santo Domingo, levou unha Mención Especial do Xurado no Llámala H Uruguay, o Festival Internacional de Cine, Diversidad Sexual y Género.
Xa para rematar o repaso ao ámbito do cinema, algúns filmes comezaron con moi bo pé un percorrido por festivais con vistas a continuar nun 2019 prometedor. É o caso de La felicidad de los perros, de David Hernández, Premio DCP Deluxe a longametraxe no Festival de Xixón (onde se estreou), e de Arima, a primeira longa de Jaione Camborda, que levou no mesmo festival o premio Push Play Work in Progress. A colleita de premios para filmes de ficción complétase con curtas como El buen hijo, do pontés Pablo de Vila (Premio Coup de coeur no Les Enfants Terribles de Bélxica) ou Después de la bandera, de Carlos Martínez-Peñalver (Mellor Curta de Ficción no Suroscopia de Córdoba), e coa presenza do talento galego nos Oscar: a produtora Fernanda del Nido e o compositor Nani García participaron en Una mujer fantástica, a película de Sebastián Lelio que gañou o Premio á Mellor Película en Fala non Inglesa.
Xa vemos entón que a colleita do cinema galego foi ben notable no 2018, pero o repaso non sería completo sen apuntar á televisión, onde destaca o exitazo de Fariña. A serie de Bambú Producciones foi premiada co Ondas á Mellor Serie Española, e nos Premios Iris gañou Mellor Actor (para Javier Rey), Mellor Guión (para Ramón Campos, Teresa Fernández-Valdés, Gema R. Neira, Cristóbal Garrido, Diego Sotelo e David Moreno), Mellor Dirección de Ficción e o Premio do Xurado para Carlos Sedes e Jorge Torregrossa. Por se fose pouco, neste ano a produtora executiva de Bambú, Teresa Fernández-Valdés, recibiu a Medalla de Honra do MIPTV de Cannes, converténdose na primeira española en recibilo. Cun 2018 como este, vai haber que esforzarse para que o 2019 estea á altura. Comprobámolo de aquí nun ano.
Lugares comúns para a educación e o audiovisual
O 27 de abril a Academia organizou o primeiro Encontro de docentes de audiovisual en Galicia. Unha xuntanza con profesores e profesoras de primaria, secundaria e bacharelato implicados no ensino e promoción da cultura audiovisual en Galicia. Asistiron 39 docentes de 28 centros: 10 de bacharelato de artes, 9 de bacharelato con optativas relacionadas co audiovisual e outros 9 centros con tradición audiovisual.
Entre todas e todos eles decidiron crear varios grupos de traballo que ao longo dos próximos meses explorarán eidos como a formación de docentes, a elaboración de material didáctico para alumnado e a definición de demandas comúns para a Administración. No horizonte, un segundo encontro a finais deste ano, no que poder establecer en común, coa participación de tódolos axentes implicados, unha folla de ruta para a planificación e desenvolvemento de estratexias, metodoloxías e ferramentas que apoien a labor actual dos docentes e potencien a ensinanza da cultura audiovisual na nosa comunidade.
A ausencia dun programa estandarizado de alfabetizacion audiovisual derivou nos últimos anos nunha gran variedade de proxectos e esforzos de todo tipo levados a cabo dende os centros educativos, comunidade de docentes e profesionais do medio audiovisual; inciativas todas elas que abarcan distintos e diversos modelos de actuación e procedementos metodolóxicos. A Academia Galega do Audiovisual impulsou esta primeira xuntanza, coa intención de propiciar un proceso participativo e de diálogo aberto entre os distintos axentes implicados nestes proxectos e esforzos.
Asistiron ao encontro docentes do IES A Xunqueira I, IES Adormideras (A Coruña), IES As Lagoas, IES Carballo Calero, IES Concepción Arenal, IES Monte Castelo, IES Politécnico de Vigo, IES Ramon Maria Aller Ulloa, IES Salvador de Madariaga, IES Sanxillao, IES A Cachada, IES As Barxas, IES de Cacheiras, IES Carlos Casares, IES Chamoso Lamas, IES O Castro, IES Poeta Díaz Castro, IES Porto do Son, IES Salvaterra de Miño, CEIP A Lama, CEIP do Carballal, CEIP Coiron, Colexio Galaxia, Colexio María Assumpta, CPI Plurilingüe dos Dices, CPI Plurilingüe de Navia de Suarna, CEE Vilagarcía de Arousa e CPI Virxe da Cela.
O 19 de outubro a Academia celebrou, no Centro Cívico Cidade Vella da Coruña, a xornada Lugares comúns para a educación e o audiovisual, que abordou a etapa de cambios que vivimos no eido educativo e valorou o papel que xogan os distintos axentes -produtoras, docentes, profesionais do sector audiovisual- co obxectivo de favorecer o diálogo, transmitir coñecementos e experiencias que poidan ser de aplicación e de utilidade á hora de materializar novos proxectos e facilitar, así, a posta en marcha de iniciativas transformadoras.
A xornada comezarou cunha sesión de mañá, organizada en colaboración coa Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) baixo o título Educación 3.0 e audiovisual, que partía do compromiso de posicionar ao sector audiovisual como un aliado á hora de xerar contidos educativos e procesos metodolóxicos anovadores. Os relatorios estiveron dirixidos principalmente a docentes e traballadores do sector audiovisual, pero tamén presentaban interese para estudantes, profesionais e calquera persoa interesada nas posibilidades educativas do medio audiovisual.
Abriron a xornada José Antonio Velo -da produtora Astragalo Studio, cunha ampla traxectoria en publicidade, TV, postproducción, marketing e deseño 2D e 3D - e Mercedes Marcos -de Asubío Media empresa especializada en creación de contidos para canles de YouTube destinados a público infantil e xuvenil - falando sobre a innovación audiovisual como solución docente, ao empregar novos formatos para desenvolver contidos educativos.
De seguido, Luz Castro -fundadora dunha das empresas tecnolóxicas máis veteranas de Galicia, Imaxin Software, e experta en gamificación e desenvolvemento de videoxogos- e Silvia López, doutora en Pedagoxía coa tese Análise descriptiva e interpretativa do deseño e contido dos videoxogos elaborados en Galicia e socia fundadora de DIMElab, spin-off do Grupo de Investigación Stellae da USC- debullaron as posibilidades didácticas dos videoxogos e espuxeron algunhas das experiencias xurdidas a partir da súa incoporación nas aulas.
Finalmente, María José Arrojo presentou as conclusións de Proyecta -unha iniciativa da Fundación Amancio Ortega e da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre para impulsar experiencias educativas que aúnan aprendizaxe, creación e tecnoloxía- e Fernando Moreno -coordinador TIC do centro- espuxo o proxecto Ponte dos Brozos, unha das iniciativas pioneiras de alfabetización TIC levadas a cabo na nosa comunidade, financiada polo Concello de Arteixo. As persoas asistentes coñeceron así, de primeira man, dúas iniciativas galegas que traballan impulsando e visibilizando a integración das TIC no currículum educativo, presentando tendencias e casos de éxito.
Na sesión da tarde desa mesma xornada celebrouse o II encontro de docentes de audiovisual que retomou as conclusións da primeira xuntanza celebrada o 27 de abril, para por en común as conclusións dos grupos de traballo -Repositorio de traballos, Cultura Audiovisual I e II e Audiovisual como Ferramenta Transversal- e abordar a posibilidade de desenvolver estratexias, metodoloxías e ferramentas que apoien o seu labor.
Algúns exemplos do traballo que se desenvolver sobre cultura audiovisual en centros educativos:
- IES A Cachada (Boiro) – Olloboi
- IES Adormideras (Coruña)
- CEIP A Lama
- IES Alexandre Boveda (Vigo)
- IES As Barxas (Moaña)
- CEIP Coiron (Dena)
- IES Concepción Arenal (Ferrol)
- IES Chamoso Lamas (Carballiño)
- IES de Cacheiras (Teo)
- CPI Plurilingüe de Navia de Suarna
- CEIP do Carballal (Marín)
- CPI Plurilingüe dos Dices (Rois)
- Colexio Galaxia (Ribeira)
- Centro Educativo Galén (Lugo)
- CPI Plurilingüe Eusebio Lorenzo Baleirón (Dodro)
- IES Manuel García Barros (Estrada)
- Colexio María Assumpta (Noia)
- IES María Soliño (Cangas)
- IES Martin Sarmiento (Pontevedra)
- IES Monte Castelo (Burela)
- IES O Castro de Vigo
- IES Politécnico de Vigo
- IES Porto do Son
- IES Praia Barraña (Boiro)
- IES Salvador de Madariaga (Coruña)
- IES Salvaterra de Miño
- CEE Vilagarcía de Arousa
- CPI Virxe da Cela (Monfero)
- CEIP Plurilingüe Virxe do Mar (Narón)
O ano de 'Dhogs'
Os XVI Premios Mestre Mateo tiveron un clarísimo protagonista: a película Dhogs, ópera prima de Andrés Goteira, un filme de baixo orzamento producido desde Meira por Gaita Films, arrasou levando 13 galardóns, entre eles o de mellor longametraxe.
Goteira recolleu tres premios: á mellor dirección, mellor guión e mellor montaxe, compartido este último con Juan Galiñanes. O filme ademais fixo pleno nas catro categorías interpretativas: actor e actriz protagonista (Iván Marcos e Melania Cruz) e actor e actriz de reparto (María Costas e Morris), e levou tamén os premios á mellor dirección de produción para Suso López, dirección de fotografía para Lucía Catoira Pan, música orixinal para Germán Díaz, dirección de arte para Noelia Vilaboa e son para David Machado e Javier Pato.
Dhogs facía así historia ao se converter na produción máis premiada da historia dos Mestre Mateo. Outra ópera prima, A batalla descoñecida, de Paula Cons, gañou o premio ao mellor documental. Moi novos tamén son os Porco Bravú, que gañaron o seu terceiro premio á mellor serie web con Peter Brandon. Matria, de Álvaro Gago, conquistou o de mellor curtametraxe e The neverending wall o de mellor curtametraxe de animación. Conserveiras do noso fixo o propio co de mellor anuncio e Troubled times (Green Day), de Manu Viqueira, co premio ao mellor videoclip.
Serramoura acadou por cuarto ano consecutivo o premio á mellor serie de TV, mentres que A Revista Fin de Semanagañou o de mellor programa de TV e Nieves Rodríguez o de mellor comunicadora polo seu traballo no Vaia Troula!Completa os premios televisivos o de Dani Viqueira Carballal e Veru Rodríguez Rodríguez pola realización de Tesouros no faiado.
Finalmente, Arantxa Domínguez gañou o premio ao mellor vestiario polo seu traballo en Juana de Vega, Vizcondesa do Arado e Chicha Blanco e Vicen Betí o de mellor maquillaxe e perruquería en Os fillos do sol.
Ademais de premiar a excelencia nas producións do ano, a Academia aproveita os Mestre Mateo para recoñecer a traxectoria de entidades e profesionais relevantes do audiovisual en Galicia co Premio de Honra “Fernando Rey” e co Premio Especial “José Sellier”. Este ano, as homenaxes foron para os Multicines Norte e para a actriz María Bouzas, que o recolleu na Gala agradecendo o “espazo de liberdade, de creación e de respecto” que é a Academia Galega do Audiovisual e os Premios.
A gala estivo liderada por mulleres en todos os ámbitos. Dirixiuna a directora e dramaturga Marta Pazos e conduciuna a actriz e presentadora Iolanda Muíños, acompañada no escenario polas actrices Paula Pier, Iria Acevedo, Iria Sobrado, Beatriz Serén, Rocío Barrio e Cris Iglesias. Os premios foron entregados por diversas profesionais de diferentes facetas do audiovisual galego: Sonia Méndez (cineasta, actriz e directora do festival Carballo Interplay), Nieves Rodríguez (presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia), Belén Brandido (rexedora de arte e localizadora), Virginia Curiá (directora de cine de animación), Marga Pazos (presentadora do Galicia Noticias da TVG), Giselle Llanio (directora e realizadora), Araceli Gonda (guionista), Alicia Dapena (deseñadora de vestiario), Isabel Rega (foquista), Beli Martínez (produtora e docente), Encarna Alonso (script), Isabel Blanco (delegada da fundación AISGE en Galicia) e Dolores Meijomín (coordinadora de política audiovisual da AGADIC).
Lista de gañadores
Categorías de produción
MELLOR ANUNCIO PUBLICITARIO: Conserveiras do noso (Miss Movies)
MELLOR CURTAMETRAXE DE AMINACIÓN: The neverending wall (Abano Producións)
MELLOR CURTAMETRAXE DE IMAXE REAL: Matria (Sombriza Films - Álvaro Gago, Alberto Gago e José Gago-)
MELLOR DOCUMENTAL: A batalla descoñecida (Agallas Films)
MELLOR LONGAMETRAXE: Dhogs (Gaitafilmes e Pixel Films)
MELLOR PROGRAMA TV: A Revista Fin de Semana (Tempada 2017) (TVG)
MELLOR SERIE DE TELEVISIÓN: Serramoura (Capítulos 62-98) (Voz Audiovisual e CRTVG)
MELLOR SERIE WEB: Peter Brandon. Unha vida pola comedia (Capítulos 1-3) (Porco Bravú coa colaboración de Dinamo)
MELLOR VIDEOCLIP: Troubled times (Green Day) (Warner Bros Music e Manu Viqueira)
Categorías profesionais
MELLOR COMUNICADOR/A DE TELEVISIÓN: Nieves Rodríguez (Vaia troula!, Programas 133-148)
MELLOR DIRECCIÓN: Andrés Goteira (Dhogs)
MELLOR DIRECCIÓN DE ARTE: Noelia Vilaboa (Dhogs)
MELLOR DIRECCIÓN DE FOTOGRAFÍA: Lucía Catoira Pan (Dhogs)
MELLOR DIRECCIÓN DE PRODUCIÓN: Suso López (Dhogs)
MELLOR GUIÓN: Andrés Goteira (Dhogs)
MELLOR INTERPRETACIÓN FEMININA DE REPARTO: María Costas (Dhogs)
MELLOR INTERPRETACIÓN FEMININA PROTAGONISTA: Melania Cruz (Dhogs)
MELLOR INTERPRETACIÓN MASCULINA DE REPARTO: Antonio Durán “Morris” (Dhogs)
MELLOR INTERPRETACIÓN MASCULINA PROTAGONISTA: Iván Marcos (Dhogs)
MELLOR MAQUILLAXE E PERRUQUERÍA: Chicha Blanco, Vicen Betí (Os fillos do sol)
MELLOR MONTAXE: Juan Galiñanes e Andrés Goteira (Dhogs)
MELLOR MÚSICA ORIXINAL: Germán Díaz (Dhogs)
MELLOR REALIZACIÓN: Dani Viqueira Carballal e Veru Rodríguez Rodríguez (Tesouros no faiado, Tempada 1)
MELLOR SON: David Machado e Javier Pato (Dhogs)
MELLOR VESTIARIO: Arantxa Domínguez (Juana de Vega, vizcondesa do arado)
Así se edita o audiovisual galego na Galipedia
A Wikipedia é un dos primeiros referente ao que acode moita xente para buscar información sobre cineastas, actrices, películas e series de televisión. A súa versión en galego, a Galipedia, contén información de interese xeral no noso idioma, moita dela do ámbito internacional, pero loxicamente é a que ten mais datos sobre o cinema e a televisión feitos aquí: aquela que a súa comunidade decide, consulta e pode abordar. Falamos con Adrián Estévez, un dos membros máis activos da Galipedia, sobre o funcionamento e normas que rexen a información que atopamos na wiki sobre o audiovisual galego. E tamén sobre como podemos participar nela.
Como se conxuga a existencia de contido global con contido local? Cal é a prioridade para a comunidade?
As edicións de cada persoa responden aos intereses particulares. A comunidade pode establecer uns criterios ou obxectivos, pero dado que as colaboracións son feitas de forma voluntaria, cada persoa é soberana para decidir sobre que quere editar. Tanto no audiovisual coma noutras artes (literatura, música...) ou campos de coñecemento (xeografía, bioloxía...) búscase que a enciclopedia teña uns contidos universais. Non obstante, somos conscientes de que é consultada para buscar material relacionado con Galicia, polo que se procura facer fincapé nese aspecto. Por exemplo, nun artigo sobre un western estadounidense búscase se foi dobrada ao galego.
Cantos editores ten a Galipedia na actualidade?
Houbo 60 persoas que nos pasados 30 días fixeron polo menos dez edicións. Delas, 28 fixeron máis de 100 edicións, que máis ou menos editan todos os días.
Sábese canta xente hai creando ou editando contidos sobre o audiovisual galego?
O usuario Breogan2008 (cada persoa pode escoller o seu nick ou alcume para editar) é quen achega máis contidos ao respecto, de forma continuada. Despois outras persoas editan de forma máis puntual se ven unha serie, unha curtametraxe. Xente interesada na literatura pode facer o artigo dun filme se está baseado nunha novela, persoas interesadas nas artes escénicas poden facer o artigo dun actor de audiovisuais se é que participa nunha montaxe, por exemplo. Tamén xente interesada no feminismo edita en artigos sobre personalidades ou obras, ou persoas que editan sobre música galega poden facer sobre un director dun videoclip.
Organízase dalgunha maneira este traballo ou faise segundo o que lle apetece a cadaquén?
Polo xeral cada persoa escolle sobre o que edita. Como máis ou menos sabemos cales son os intereses particulares das persoas que editamos habitualmente, moitas veces pedímonos axuda. Por exemplo, a raíz do artigo do grupo musical pontevedrés Cuchillo de Fuego, creouse o artigo sobre Wakaliwood, industria cinematográfica desenvolvida en Uganda.
Tedes acceso ás estatísticas de consumo? Canta xente consulta os artigos do audiovisual na Galipedia? Cales son as voces máis buscadas?
As estatísticas de visitas poden ser consultadas por calquera persoa, accedendo desde o historial de cada artigo. En ocasións vense picos de procuras: por exemplo, o artigo de Serramoura é máis consultado os luns, e o de Xosé Manuel Piñeiro os sábados. Neste caso concreto foi moi curioso ver que, cando anunciou que deixaba a televisión durante un tempo por motivos de saúde, as visitas multiplicáronse de forma exponencial.
O audiovisual é un sector moi dinámico que xera nova información todo o tempo. Como facedes para actualizar as filmografías de actores ou cineastas?
Polo xeral, ao crear un artigo sobre un novo filme actualízanse os artigos das persoas que traballaron nel. En ocasións os artigos quedan desactualizados, pero desde eles pódese acceder a páxinas de control de autoridades (IMDb, por exemplo) que adoitan estar bastante completos.
Para as mortes sempre estades máis espabilados, non si?
Pois si. Ese é outro caso en que hai picos de visita. É importante agardar a que estean confirmadas, claro (houbo falsas alarmas que tiveron moita repercusión).
Hai moita xente (do audiovisual, enténdese) que edita a súa propia entrada na Galipedia? Como controlades iso? Como se actúa nese casos?
Hai persoas que queren inflar o artigo propio como se fose un currículo, obviando que debe ter unha redacción enciclopédica. Pola contra, houbo algún caso curioso, como unha persoa que non quería que na Wikipedia aparecese o seu ano de nacemento ou outra que non quería que o seu pseudónimo se relacionase co seu nome real. Mais a Wikipedia non é fonte primaria, e como esa información está presente noutros lugares que se usan como referencia, debe manterse.
Que lle recomendades a alguén que queira que a súa obra ou o seu perfil estean na Galipedia?
Eu, persoalmente, recomendo modestia. Se a túa obra ou o teu perfil aínda non ten artigo na Wikipedia, pois mira, pode ser que sexa unha carencia importante, non che digo que non, pero igual é que non tes demasiada relevancia enciclopédica e que aínda ninguén se interesou en crear o artigo. Pero en xeral somos bastante inclusivistas. Se unha persoa aparece en IMDb ou AVG, pois avante, mais se ten unha conta en YouTube... pois igual non.
Hai un tempo a Academia fixera unha especie editatón, pero veu pouca xente, non tivemos moito tempo traballar xuntos e, como adoita acontecer, ao chegar á casa ninguén fixo os deberes. De que maneiras se pode involucrar a comunidade ou o sector do audiovisual na produción de contidos para Galipedia?
A miña recomendación é comezar a editar segundo os gustos particulares, pero procurando evitar editar sobre os proxectos nos que a xente estea implicada para evitar dar visións subxectivas ou nesgadas (o cal é imposible facer en calquera artigo, pero é importante evitar o conflito de intereses e o autobombo). Hai moitos filmes, premios e certames, correntes ou personalidades que aínda non teñen artigo, que están desactualizados ou que se poderían mellorar. Tamén se pode colaborar subindo imaxes, pois é moi útil que os artigos estean acompañados de fotografías.
O funcionamento da Galipedia é moi transparente, está aberto a que calquera poida ver as tripas e as conversas da comunidade sobre os procesos de edición. Mais a ferramenta wiki non é de todo manexable, sobre todo nesta época na que somos moi torpes para interfaces que non sexan as das redes sociais… Cres que hai unha barreira de usabilidade que impide que se acheguen máis colaboradoras e colaboradores?
Desde hai uns anos funciona o editor visual, que resulta máis intuitiva, ao parecerse a calquera procesador de texto que manexemos. Xa non é necesario editar en código. Este cambio realizouse precisamente de cara a evitar esa barreira, que quizais podía botar atrás algunhas persoas á hora de editar.
A Academia está a traballar nunha base de datos de obras e creadores do audiovisual galego. Podería ser unha fonte para os editores da Wikipedia? Como habería que xestionar iso?
Sería moi útil. Xa se está a usar a base de datos da AELG, e podería facerse algo similar sen moita dificultade, que podería servir de control de autoridade e como base para ampliar, mellorar e actualizar os artigos.
A entrada da Historia do cine en Galicia remata arredor do 1990, cando curiosamente arranca o cinema en Galicia para moita xente. Como facemos para continuar con esa historia entre os 90 e a actualidade? Algún consello práctico de metodoloxía por se alguén que nos lea se quere poñer co choio?
Quizais o maior problema respecto aos fenómenos emerxentes, en todos os campos, é a falta de bibliografía. Na Wikipedia é moi importante que a información incluída estea referenciada en publicacións existentes (a Wikipedia non é fonte primaria). Non obstante, seguro que hai xente que coñece libros, artigos, reportaxes ou teses que sirvan para actualizar o artigo da historia do cinema galego.