O ano no que a ficción galega triunfou nas plataformas globais

A chegada de plataformas como Netflix ou Movistar+ e a súa necesidade de producir contido orixinal achega unha oportunidade de ouro para o sector audiovisual galego: producións de grandes orzamentos e altos estándares calidade, aposta polo talento local e unha difusión global que chega a mercados e públicos de todo o mundo.

 

Se buscamos “Bitter Daisies” en Google o primeiro que nos suxire a predición da busca é “Bitter Daisies review”, crítica en inglés. E aló imos para constatar que hai na rede unha chea de críticas e recomendacións da serie O sabor das margaridas. Moitas das críticas e recomendacións están en inglés. A lingua orixinal da serie é o galego. Estamos ante un fenómeno que se dá por primeira vez na nosa cultura, que é que unha serie en versión orixinal galega, emitida pola TVG, alcance un público global grazas á súa presenza na gran plataforma de contido audiovisual na actualidade: Netflix.

Ao tempo que esta produción de CTV para Televisión de Galicia -gañadora do Mestre Mateo 2019 á mellor serie de televisión- comezaba en marzo a súa emisión en Netflix, viña de rematar a rodaxe de Hierro, primeira serie orixinal de Movistar+ creada e producida en Galicia, aínda que rodada na illa canaria de Hierro. Creada por Pepe Coira, dirixida por Jorge Coira, producida por Portocabo con Alfonso Blanco como showrunner e un amplo equipo técnico galego, Hierro foi o gran éxito de Movistar+ este ano, tanto en audiencia como agora na temporada de premios (Premio Ondas á mellor serie e á mellor actriz, Candela Peña, Iris ao mellor guión, 4 nominacións aos premios MiM en mellor serie, dirección, guión e actriz de drama, e 3 nominacións aos Premios Feroz: mellor serie dramática, actor e actriz protagonistas nunha serie). Tamén se trataba da primeira serie orixinal de Movistar+ que era unha coprodución, neste caso entre España (Movistar+, Portocabo) e Francia (ARTE TV e Atlantique Productions).

Mais non é esta a única aposta de Movistar+ polo talento e a produción galega: este ano rodouse en Melilla, A Coruña, Madrid e Francia La unidad, unha serie de Dani de la Torre (premio Mestre Mateo á mellor dirección por O descoñecido e A sombra da lei) con guión de Alberto Marini e producida por Vaca Films. Trátase dun thriller policial sobre a loita antiterrorista en España e estrearase na plataforma en 2020. Neste caso a propiedade é 100% de Movistar, igual que acontece con El desorden que dejas, a nova serie orixinal de Netflix que a compañía de Emma Lustres e Borja Pena está a producir e que se rodou este outono en Galicia, co guionista ourensán Carlos Montero (Élite) como showrunner, xa que é ademais unha adaptación dunha novela súa. Tamén verá a luz o ano que vén.

Máis talento galego traballando para plataformas: a primeira serie orixinal de Amazon Prime Video en España estreouse este 2019 e foi Pequeñas Coincidencias, creada polo actor do Grove Javier Veiga e producida por Atresmedia Studios, Onza Entertainment (co galego Xosé Zapata entre os produtores asociados) e MedioLimón. A serie estreouse máis tarde, en setembro, en aberto en Antena 3, e anunciou xa a renovación para unha segunda temporada.

No seu reparto contaba con Xosé Antonio Touriñán, quen tamén participou noutra das orixinais de Movistar+, a comedia de romanos Justo antes de Cristo. O cómico galego vai gañando presenza na ficción española para este tipo de plataformas logo da súa aparición en Fariña, o gran éxito da produtora galega Bambú Producciones o pasado ano en Antena 3, e que tamén se pode ver agora en Netflix co título Cocaine Coast.

Bambú, a produtora de Ramón Campos e Teresa Fernández-Valdés, tivo tamén un 2019 moi produtivo traballando en orixinais para as plataformas. Logo do éxito de Las chicas del cable, a primeira orixinal de Netflix estreada en España en 2017, fixeron para o xigante norteamericano outra ambiciosa ficción, Altamar, e mais a serie de true crime El caso Alcásser, mentres que para Movistar+ estrearon o thriller erótico Instinto e mais a miniserie En el corredor de la muerte sobre o caso de Pablo Ibar, a partir do libro do escritor coruñés Nacho Carretero (Fariña).

Non todo son series no mundo da ficción orixinal de Netflix. Bambú tamén estreou na primavera unha das películas orixinais desta plataforma en España, A pesar de todo, que pasou polo festival de Málaga. Pero o filme galego máis agardado en Netflix era Elisa y Marcela, a adaptación de Isabel Coixet da historia real do primeiro matrimonio homosexual que houbo en España moitas décadas antes de que estivese permitido: o das coruñesas Marcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga en 1901. Máis da metade da película rodouse en Galicia en branco e negro, con Greta Fernández e Natalia de Molina interpretando as protagonistas. O filme presentouse na Berlinale deste ano e tivo unha pequena estrea en salas previa ao seu lanzamento en Netflix. Na produción estaba a galega Zenit Televisión, dirixida por Zaza Ceballos, con apoio de Agadic e participación da TVG, que emitirá Elisa en Marcela en 2020 canda outras canles da FORTA.

As outras plataformas: Playz e Flooxer tamén apostan polo produto galego

Ademais das grandes como Netflix, HBO, Amazon ou Movistar+ (e as que están por vir), no panorama español hai outras plataformas más modestas e experimentais, dirixidas a público e creadores novos, que dependen de televisións pero só crean contidos para internet, e que tamén están apostando por talento galego. Referímonos a Playz de Televisión Española, que estreou en marzo Antes de perder, a serie de 7 capítulos dirixida e producida por Sonia Méndez coa súa produtora Cósmica Producións: unha road-movie feminista que se rodou toda en Galicia con equípo totalmente galego agás as actrices protagonistas, Mariam Fernández e Esther Acebo.

Mentres, en Flooxer, a plataforma de contidos dixitais equivalente de Atresmedia, puidemos ver este ano a miniserie documental El Náutico: el refugio de los músicos. Dirixida polo vigués Alberto Baamonde e producida por Esmerarte, a serie achégase aos 25 anos da sala El Náutico de San Vicente, pola que pasaron e pasan algúns dos músicos máis recoñecidos do panorama estatal. Flooxer tamén estreou este ano Vosotros sois mi película, o documental que protagonizou o coruñés Wismichu e que dirixiu Carlo Padial sobre o proceso de creación e difusión de Bocadillo, o pseudofilme co que o youtuber trolleou os medios de comunicación e o festival de Sitges.